Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2012 Páx. 2225

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 9 de xaneiro de 2012 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda.

O artigo 4 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, dispón que á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio lle corresponden, entre outras, as competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como aquelas que lle sexan encomendadas por delegación do titular da consellería.

A actividade administrativa da Consellería de Facenda leva consigo unha concentración de funcións no seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3.º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Deléganse na Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio as seguintes competencias:

a) O despacho e a resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos ao titular da consellería.

b) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servizos da consellería, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, e o recoñecemento das obrigas relativas a eles, solicitando do órgano competente a ordenación dos pagamentos.

c) As funcións que, como órgano de contratación, están atribuídas ao titular da consellería pola lexislación vixente.

d) As facultades que lle corresponden á conselleira en materia de persoal da súa consellería, nos termos establecidos no artigo 17 do texto refundido da Lei de función pública de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e demais disposicións en vigor nesa materia.

e) A designación das comisións de servizos, con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente organicamente da Consellería de Facenda.

f) As funcións que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas a esta consellería.

Enténdese comprendido na delegación na Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde.

Artigo 2.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 3.

En calquera momento, a conselleira poderá avocar o exercicio das competencias delegadas por esta orde, das cales quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 13.2.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no artigo 6.4.º da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 44.2.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogada a Orde do 27 de abril de 2009 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Facenda e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2012.

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda