Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 23 de xaneiro de 2012 Páx. 3458

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 31 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e das súas estruturas de integración económica e representativa, e dispón que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

A mesma lei prevé, así mesmo, a participación doutros ámbitos da Administración pública, e establece que a Administración local procurará considerar dentro dos seus plans ou programas de actuación a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas.

Segundo o disposto polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das anteditas competencias e funcións.

O Programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013 recolle no seu eixe número 4 as estratexias dirixidas á promoción da cooperación transnacional e interrexional. Neste marco e, concretamente, desenvolvendo o seu tema prioritario número 80, imputaranse distintas accións elixibles como as redes de intercooperación no ámbito da economía social, a promoción do emprendemento cooperativo e os servizos de información, orientación e asesoramento.

A Consellería de Traballo e Benestar impulsa a Rede Eusumo, como instrumento de acción descentralizada constituída por entidades sociais, administracións e outros organismos que comparten os obxectivos de traballar a favor do desenvolvemento cooperativo e da economía social.

Con esta rede esténdese o labor de promoción con dous obxectivos fundamentais, por unha parte a posta en marcha de novos proxectos cooperativos como motores de creación de emprego e pola outra a consolidación das cooperativas existentes mediante a mellora da súa competitividade. Incídese no impulso do desenvolvemento local de base cooperativa e achégase información e asesoramento a desempregados, cooperativistas, emprendedores e cidadanía en xeral, prestando especial atención aos procesos de acompañamento de proxectos.

Esta consellería, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social, a necesidade de que o labor de divulgación e fomento se realice tamén desde os ámbitos máis próximos aos cidadáns, así como as sinerxías derivadas da cooperación entre as distintas administracións, considera preciso estimular a realización de actividades de promoción do cooperativismo por parte das entidades locais, mediante oficinas de fomento cooperativo integradas na Rede Eusumo.

A través desta orde regúlase o proceso da concesión de subvencións para o financiamento dos custos derivados da creación ou posta en marcha de oficinas de fomento cooperativo por parte de entidades locais ou agrupacións de concellos.

A regulación axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Cooperativas, o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias e, de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Sección 1.ª Bases das axudas de promoción e fomento do cooperativismo

Artigo 1. Finalidade e réxime das subvencións.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e facer a convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a sufragar a realización de actividades de promoción do cooperativismo por parte dos concellos e doutras entidades locais de Galicia.

2. Co obxecto de facilitar a programación e correcta execución das accións subvencionadas, así como para propiciar unha mellor xestión orzamentaria, incentivaranse programas de actividades con carácter plurianual, de acordo co artigo 26 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Estas bases teñen vixencia ata o ano 2013 inclusive.

Artigo 2. Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios os concellos de Galicia a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios ou dun consorcio local que, logo da solicitude, resulten seleccionados segundo o establecido na presente orde e realicen as devanditas actividades no período comprendido entre o 1 de xaneiro do mesmo ano para o que se efectúe a convocatoria das axudas e o 15 de maio do ano seguinte.

2. Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, que agrupen un mínimo de catro concellos, poderán solicitar as subvencións que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedan obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e deberán designar de entre eles o que teña a representación conxunta e a consideración de beneficiario para efectos da tramitación da subvención.

3. Ningún concello poderá figurar en máis dunha solicitude. O incumprimento desta norma dará lugar a que unicamente se dea validez á solicitude rexistrada en primeiro lugar no Rexistro Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, e que se proceda á inadmisión das restantes solicitudes onde figuren o concello ou concellos incumpridores.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarios das subvencións previstas nesta orde as entidades que incorran nalgunha das prohibicións recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Obxecto e contía das subvencións.

1. As actividades obxecto de subvención poderán consistir na creación e mantemento de oficinas de fomento cooperativo que realicen actividades de promoción e fomento do cooperativismo dirixidas ao ámbito territorial dos concellos solicitantes e a súa área de influencia, en particular mediante o estímulo do autoemprego e o emprendemento cooperativo e o apoio á xeración de novos proxectos cooperativos.

2. As oficinas de fomento cooperativo deberán integrarse na Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e desenvolver as súas actividades en colaboración coas entidades que forman parte dela.

3. Subvencionarase o aluguer de locais e os custos salariais do persoal asesor en materia de fomento cooperativo que sexa contratado polo concello e sempre que dedique un mínimo de 10 horas semanais para tal fin.

Unicamente será subvencionable unha oficina de fomento cooperativo por cada solicitude presentada, así como un único local e un único técnico, independentemente do número de concellos que agrupe.

Os labores que asumirá o técnico asesor da oficina de fomento cooperativo serán:

– Asesoría e acompañamento de proxectos.

– Accións formativas e informativas de promotores.

– Elaboración de plans empresariais.

– Seguimento e titorización dos proxectos cooperativos en xestación.

– Formación e divulgación de fórmulas cooperativas así como coordinación das actividades de fomento e promoción.

– Os técnicos asesores adscritos a este programa deberán comprometerse a realizar un curso de formación en materia de cooperativismo que sexa organizado e/ou impartido pola Consellería de Traballo e Benestar, cunha duración mínima de 60 horas.

– Deberán posuír titulación académica universitaria.

– Acreditar a súa dedicación ao programa cos seguintes documentos:

● Partes horarios e plan de traballo.

● Actas de reunións para xestión de proxectos cooperativos.

● Informe de actividades.

● Relación asinada polos distintos destinatarios dos servizos.

● Certificación da entidade local ou persoa a quen legalmente lle corresponda.

– Deberase habilitar unha oficina, que estará debidamente sinalizada, e publicitar o servizo por distintos medios, tendo en conta o previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 10.b) desta orde.

– As oficinas de fomento cooperativo serán avaliadas no seu rendemento pola Dirección Xeral de Relacións Laborais e terase en conta o número de proxectos empresariais cooperativos consolidados e outros indicadores para a concesión das axudas en anos sucesivos.

4. Igualmente resultarán subvencionables as actividades realizadas polos beneficiarios a través das oficinas de fomento cooperativo, que consistan en accións de promoción e fomento do cooperativismo e que estean dirixidas ao ámbito territorial dos concellos solicitantes e a súa área de influencia. A título de exemplo, poderán consistir na elaboración e publicación de estudos, informes, traballos de investigación, manuais e folletos divulgativos; realización de feiras, mostras, congresos; organización de cursos, xornadas, conferencias, seminarios e simposios; así como actividades de fomento de viveiros cooperativos.

Estas actividades deberán coidar especialmente o enfoque de carácter práctico e eficaz das actividades, así como a súa imbricación coa realidade do ámbito socioeconómico local onde se desenvolven. Na medida en que resulte posible, procurarase a participación das asociacións de cooperativas representadas no Consello Galego de Cooperativas como xeito de contribuír á difusión dos valores e potencialidades do cooperativismo.

5. Para a creación e mantemento das oficinas de fomento cooperativo, a contía das subvencións poderá ascender ata o 100% dos custos necesarios para un ano de funcionamento. Sinálanse a continuación os límites para o cálculo do investimento máximo auxiliable:

● Aluguer de locais ata un máximo de 250 € mensuais.

● Custos de contratación dun técnico ata as seguintes contías máximas:

– Dedicación a tempo parcial durante un mínimo de 10 horas semanais ata 500 € mensuais.

– Dedicación exclusiva e a tempo completo ata 2.000 € mensuais.

6. Para as accións de promoción e fomento do cooperativismo referidas no punto catro, a contía das subvencións poderá ascender ata o 80% dos gastos necesarios para a súa realización. Para as ditas accións establécense os seguintes límites de investimento:

● Actividades divulgativas e formativas de duración igual ou inferior a 10 horas: ata un máximo de 2.500 €.

● Actividades divulgativas e formativas de duración superior a 10 horas: o límite será a contía resultante de multiplicar o número de horas de duración efectiva por 250 €, ata un máximo de 5.000 €.

● No caso da actividade de fomento de viveiros cooperativos será subvencionable parte do importe do aluguer do local do viveiro durante un ano, cun límite de investimento máximo de 250 € mensuais.

7. A contía máxima do investimento total auxiliable non poderá exceder os 30.000 € por solicitude, este importe incrementarase en 5.000 € máis por cada concello adicional a partir de catro, ata un límite máximo total de 45.000 €.

8. A partir do terceiro ano de actividades da oficina de fomento cooperativo, a axuda polo seu mantemento anual, incluídos os puntos do técnico, oficina e outras accións de promoción e fomento, será dun máximo do 50% do seu custo. Para este efecto, tamén se respectarán os límites de investimento recollidos nos distintos números do presente artigo.

9. As actividades subvencionadas poderán contar con outros financiamentos, sen que en ningún caso excedan a contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.

Artigo 4. Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvencións deberán dirixirse á Dirección Xeral de Relacións Laborais e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes e os anexos están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballoebenestar.xunta.es

1.1. Segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, ás solicitudes dos interesados xuntaranse os documentos e as informacións determinados na convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, sempre que se faga constar a data e órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos e, cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

1.2. As solicitudes presentaranse en formato papel, debidamente asinadas e seladas. Non obstante, os formularios de solicitude poderán ser obtidos, cubertos e validados pola entidade solicitante a través da aplicación informática a que se accederá a través da citada páxina web da Consellería de Traballo e Benestar. Para os efectos de facilitar que estes formularios se cubran correctamente, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda, que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. Así mesmo, a propia aplicación informática disporá tamén de instrucións de axuda, de xeito que poidan ir visualizándose a medida que se vaian cubrindo os formularios. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidades de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, os solicitantes poderán dirixirse á Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Así mesmo, tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

2. As solicitudes presentaranse no modelo que figura como anexo I desta orde e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

2.1. Memoria que conteña:

– Identificación do solicitante e do seu ámbito de influencia.

– Indicación das actividades de fomento do cooperativismo que realizou no ano 2010 a través da oficina de fomento cooperativo, de ser o caso, indicando o número de accións de formación, información e asesoramento, así como o número de proxectos empresariais cooperativos consolidados.

– Director ou coordinador do proxecto.

– Descrición das actividades que se pretenden realizar, especificando a súa finalidade e as persoas destinatarias.

– Cronograma ou planificación das actividades detallando a preferencia de axuste temporal ás dúas anualidades posibles.

– Medios previstos para a súa realización, con indicación expresa das características do local onde se sitúa a oficina de fomento.

– Informe relativo á capacidade profesional do técnico da oficina de fomento para o cal se solicita a subvención.

– Orzamento detallado, cuantificado en todos os seus puntos, indicando a procedencia dos recursos non achegados pola consellería. Especificarase a previsión da dedicación dos fondos á execución por anualidades.

2.2. Certificación expedida polo/a secretario/a da entidade local, ou persoa a que legalmente lle corresponda, do acordo polo que se solicita a subvención e se aceptan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, así como de non estar incursos os concellos solicitantes ou mancomunidade de municipios nas prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2.3. Os concellos que se asocien para os efectos desta orde, deberán achegar documento en que se acorde a colaboración dos concellos e a designación do concello que os representa, así como certificación dos/as secretarios/as, ou persoa a que legalmente lle corresponda, dos acordos do órgano competente conforme se delega a petición de subvención no concello que actúe como representante de todos eles.

2.4. Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas e subvencións efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade ou proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo do anexo II).

Artigo 5. Instrución.

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, por ser o órgano instrutor, para que o servizo competente comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos na presente orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, requirirá o interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de 10 días e, se non o fixer, terase por desistido da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Avaliación das solicitudes.

1. A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que unha vez instruídos os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación que realizará a selección e informará o órgano instrutor. Este órgano elevaralle proposta á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, quen resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, poñendo fin á vía administrativa.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, que a presidirá, o/a xefe/a do Servizo de Cooperativas e Economía Social, dous/dúas funcionarios/as designados/as pola persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais e o/a xefe/a da Sección de Fomento da Economía Social, que actuará como secretario/a.

Os resultados poranse en coñecemento da Federación Galega de Municipios e Provincias e das asociacións de cooperativas con representación no Consello Galego de Cooperativas.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela o/a presidente/a, ou persoa en que delegue, o/a secretario/a e polo menos a metade dos seus membros. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos/as funcionarios/as que a compoñen non pode asistir, será substituído polo/a funcionario/a que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

3. A comisión de avaliación rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigo 22 e seguintes da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo aos órganos colexiados.

4. A comisión de avaliación, motivadamente, poderá requirir dos/as solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 7. Criterios de avaliación.

1. A comisión realizará a estimación do número de beneficiarios e da contía da subvención, sempre tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias previstas para este fin e os límites fixados nesta orde; a comisión non terá en conta as solicitudes que non se adapten a estas bases.

2. Como criterios de avaliación teranse en conta os seguintes, ordenados como se indica a seguir:

2.1. Polo menor número de cooperativas activas con domicilio no ámbito dos concellos solicitantes en relación coa súa poboación, ata 50 puntos.

2.2. Polo maior número de concellos que se agrupen na mesma solicitude, ata 40 puntos.

2.3. Polas actividades de promoción e fomento previstas pola oficina de fomento cooperativo, tendo en conta o número de actuacións previstas, a súa calidade técnica, e o seu previsible impacto ata 30 puntos.

2.4. Pola titulación que debe posuír o técnico asesor, 20 puntos aos que exixan calquera das seguintes:

– Licenciatura ou grao en Economía, Administración e Dirección de Empresas, Dereito ou titulacións ou graos mixtos que as inclúan.

– Diplomatura en Ciencias Empresariais ou Relacións Laborais.

– Másters en Xestión e Dirección Empresarial Cooperativa.

2.5. Polo número de accións de formación, información e asesoramento realizadas por oficinas de fomento cooperativo no ano anterior, ata 20 puntos.

2.6. Polo número de proxectos empresariais cooperativos consolidados a través de oficinas de fomento cooperativo no ano anterior, ata 20 puntos.

2.7. Polo emprego da lingua galega na realización das actividades da oficina de fomento: 20 puntos.

2.8. Pola tramitación telemática da solicitude de axudas, de acordo co número 1.2. do artigo 4: 10 puntos.

3. A concesión destas subvencións realízase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, establecéndose unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración fixados no parágrafo anterior e adxudicarase a aquelas propostas que obteñan maior puntuación.

En caso de empate de puntos de baremación asignarase a subvención por orde de rexistro de entrada das solicitudes no Rexistro Xeral da Consellería de Traballo e Benestar.

4. En relación co obxecto e contía das subvencións previstas no artigo 3 desta orde a comisión de avaliación poderá aplicar módulos máximos de investimentos nas distintas accións de promoción e fomento. Estes módulos serán contrastados, fundamentados e serán obxecto de exposición pública na páxina web da consellería.

Artigo 8. Resolución e recursos.

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes previstas nesta orde corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución que se notificará aos interesados. A realización das actividades será responsabilidade exclusiva dos solicitantes, aínda que a consellería debe estar informada puntualmente e con suficiente antelación das circunstancias concretas da execución e reserva para si o dereito de solicitar a información complementaria que considere oportuna, así como a comprobación de calquera aspecto relacionado con elas. En todos os soportes, materiais ou publicacións e calquera medio de divulgación das actividades deberá constar de xeito destacado a colaboración da Consellería de Traballo e Benestar. De todo este material e documentación obxecto do financiamento da consellería, esta poderá facer uso coa finalidade de multiplicar o efecto promotor en toda a comunidade autónoma.

3. As resolucións de concesión da subvención plurianual sinalará a distribución das contías por anualidades atendendo ao ritmo de execución da acción subvencionada e aos condicionantes orzamentarios. Esta distribución non terá que coincidir coas distintas previsións de execución bianualizadas propostas por todos os solicitantes que resulten beneficiarios das axudas.

4. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. En todo caso, o antedito prazo non comezará a computarse ata que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. De acordo co establecido nos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial as subvencións concedidas ao abeiro deste orde, con expresión do beneficiario, a contía e a súa finalidade.

7. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Traballo e Benestar incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás subvencións recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas (os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC, como órgano responsable dos ficheiros, rúa Domingo Fontán 9, 15702 Santiago de Compostela).

8. Dado que a axuda está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informarase o beneficiario/a de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos/as beneficiarios/as, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignados a cada operación, que se publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro.

9. A presentación da solicitude polas entidades interesadas autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, se é o caso, nos rexistros regulados no referido Decreto 132/2006.

Segundo o disposto no artigo 15.3. da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade de carácter público do financiamento das actividades obxecto de subvención.

Artigo 9. Xustificación e forma de pagamento.

1. Na xustificación e forma de pagamento aplicarase o disposto no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non sendo necesario a aplicación do réxime de garantías por tratarse de entidades locais.

2. Unha vez notificada a resolución definitiva, os interesados dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5. da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Ao remate da actividade deberase presentar un informe exhaustivo da súa realización, xunto con copia de todos os materiais e documentos xerados, así como constancia da súa repercusión pública. Igualmente deberá achegarse contrato de traballo, nóminas, TC1 e TC2 do/a técnico/a e a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos do programa recollidos nos apartados 2 e 3 do artigo 3, e contrato de aluguer do local, de ser o caso.

4. O beneficiario deberá xustificar o investimento conforme a anualización establecida na resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos da axuda, que poderán ser parciais ou totais. Os pagamentos anteriores ao pagamento final terán o carácter de pagamento á conta.

5. En concepto de anticipo poderase facer efectivo ata o 25% do total da contía da subvención, unha vez acreditada a súa aceptación e logo de solicitude do dito anticipo, segundo o previsto nos artigos 63.3 e 65.4.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, do regulamento da Lei de subvencións de Galicia, en referencia cos pagamentos anticipados e a exoneración da constitución de garantía por tratarse de entidades non lucrativas.

6. En todo caso a forma de xustificación deberá aterse ao previsto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta orde. En todo caso respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

7. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da solicitude de pagamento conforme o modelo do anexo III xunto con toda a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, no prazo, termos e na forma que estableza a resolución da concesión e que constará dos seguintes documentos:

– Orixinal ou copia compulsada das facturas.

– Xustificantes bancarios de pagamento.

– Informe exhaustivo da realización das actividades.

– Copia de todos os materiais e documentos xerados, así como constancia da súa repercusión pública.

– Para as oficinas de fomento cooperativo: contrato de traballo, nóminas, TC1 e TC2 do/a técnico/a e documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos do programa recollidos no artigo 3 da orde de convocatoria.

– Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas e subvencións efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade ou proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo do anexo II).

8. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Malia o disposto no punto anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiro.

9. No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

10. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

11. A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das subvencións as citadas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

a) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público estatal ou internacional.

b) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar. As medidas de difusión deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e poderán consistir na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente e do Fondo Social Europeo, así como en lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación.

Todas as medidas de publicidade e información que se deban executar serán coherentes co establecido na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, publicada pola Dirección Xeral de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda e dispoñible na súa páxina web:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/area-de-planificacion-e-fondos

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. En particular deberán conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do Programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89, número 3, do Regulamento 1083/2006, do Consello. Deberá, así mesmo, manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a pista de auditoría.

d) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

e) Subscribir o convenio de colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar para a realización de servizos de asesoramento, información e formación e a utilización da oficina de fomento cooperativo como punto da: Rede Eusumo cooperativismo e a economía social.

Artigo 11. Subcontratación.

Poderán ser obxecto de subcontratación, total ou parcial, as actividades subvencionadas a través desta convocatoria, coas condicións e requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. En todo caso quedan fóra da subcontratación aqueles gastos nos cales teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Artigo 12. Modificación da resolución, revogación e reintegro.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, eventualmente, á súa revogación.

2. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 13. Seguimento e control.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Sección 2.ª Convocatoria de axudas para o ano 2012

Artigo 14. Convocatoria.

Convócase para o ano 2012, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo reguladas polas bases da sección primeira desta orde.

Artigo 15. Presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 16. Período de execución das accións.

O período de execución das accións elixibles para ser subvencionadas será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 15 de maio de 2013.

Artigo 17. Xustificación das accións subvencionadas.

Os beneficiarios das axudas deberán xustificar o investimento conforme a anualización establecida na resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos que poderán ser parciais ou totais, mediante solicitude conforme o modelo do anexo II.

A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 31 de outubro de 2012 para a primeira anualidade e o 31 de maio de 2013 para a segunda.

Artigo 18. Financiamento.

A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo á aplicación 12.03.324A 460.0 (proxecto 2012 00585), da Dirección Xeral de Relacións Laborais por un crédito por importe de trescentos oito mil catrocentos vinte euros (308.420 €) para a primeira anualidade e cen mil euros (100.000 €) para a segunda, correspondentes a fondos cofinanciados polo Fondo Social Europeo (ao 80%) e fondos propios que cofinancian (ao 20%), por tratarse de accións elixibles no eixe 4 tema prioritario 80 de acordo co Programa operativo FSE de Galicia 2007-2013.

Estes importes poderán verse incrementados con fondos comunitarios, da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Tramitación anticipada.

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2012.

Disposición adicional única.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file