Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2012 Páx. 5228

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 60/2012, do 26 xaneiro, polo que se crea a Comisión Galega de Estratexia contra a Dor e se establece a súa composición, organización e funcionamento.

A dor é un problema sanitario e social de primeira magnitude e está presente no transcurso da vida de practicamente todos os individuos. A xestión da dor converteuse nun indicador relevante de boa práctica clínica e de calidade asistencial. Desde 2001 a Joint Commission on Accreditation of Healthcare Organizations (organización internacional de prestixio para a aplicación do modelo de calidade e acreditación de centros sanitarios), inclúeo entre os seus estándares e exixe para a acreditación dos hospitais o recoñecemento do dereito do paciente ao control da dor. A Organización Mundial da Saúde e outros organismos internacionais recomendan unha abordaxe proactiva da dor.

No campo da seguridade clínica, é necesario realizar os esforzos precisos para xestionar e minimizar a variabilidade do manexo da dor na práctica clínica, homoxeneizando as intervencións terapéuticas.

A necesidade de desenvolver e consensuar procedementos de diagnóstico, tratamento e atención á dor como un proceso transversal da asistencia sanitaria, así como analizar e mellorar os recursos adecuados para a atención á dor, fai necesaria a creación dun órgano multidisciplinar para mellorar este aspecto da atención.

O Servizo Galego de Saúde, como complemento á Estratexia de atención integral á dor enmarcada dentro da Estratexia Sergas 2014: a sanidade pública ao servizo do paciente, considera oportuno crear a Comisión Galega de Estratexia contra a Dor.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 43 da Lei 16/2010, do 27 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico en Galicia, e no artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, cos informes previos correspondentes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de xaneiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación e ámbito de actuación.

1. Créase a Comisión Galega de Estratexia contra a Dor como un órgano colexiado de carácter permanente e consultivo, adscrita á Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou, se é o caso, ao centro directivo con competencia en asistencia sanitaria. Esta Comisión rexerase en canto a organización, composición e funcionamento, polo establecido neste decreto.

2. O seu ámbito de actuación será o da comunidade autónoma galega.

Artigo 2. Finalidade.

A Comisión Galega de Estratexia contra a Dor ten como finalidade a mellora da política de atención integral á dor na comunidade autónoma galega.

Artigo 3. Funcións.

1. Son funcións da Comisión Galega de Estratexia contra a Dor as seguintes:

a) Asesorar e orientar a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde en materia de atención á dor.

b) Ser órgano de referencia para os comités de dor dos centros sanitarios.

c) Analizar e propoñer alternativas para a atención aos pacientes con dor.

d) Unificar os criterios de utilización dos recursos necesarios para a atención á dor.

e) Promover a implantación dos procedementos e guías de atención aos pacientes con dor.

f) Avaliar os procedementos de atención á dor nos diferentes centros sanitarios.

g) Propoñer á División de Asistencia Sanitaria o cadro de mando de indicadores de calidade e seguridade para a atención á dor.

h) Propoñer e fomentar a formación dos profesionais do ámbito sanitario en xestión da dor.

i) Propoñer accións formativas para a información de pacientes e cidadáns a través da Escola Galega de Saúde para Cidadáns.

2. A Comisión elaborará e aprobará o seu regulamento de organización e funcionamento interno, sen prexuízo da aplicación supletoria do previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. No desenvolvemento das súas funcións, a Comisión integrará a perspectiva de xénero, para o que terá en conta as diferenzas que na análise, avaliación e intervención en materia da dor, se poidan dar en función do sexo.

Artigo 4. Composición.

1. A Comisión Galega de Estratexia contra a Dor estará composta por un/unha presidente/a, un/unha vicepresidente/a e ata un máximo de 14 vogais. Estará asistida por un/unha secretario/a que actuará con voz e sen voto.

Na designación das persoas membros da Comisión procurarase o respecto ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

2. A súa composición estrutúrase da seguinte maneira:

a) Presidente/a: o/a titular da Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou, se é o caso, do centro directivo con competencia en asistencia sanitaria.

b) Vicepresidente/a: a persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de seguridade asistencial.

c) Vogais:

– Unha persoa adscrita á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

– Unha persoa adscrita á subdirección xeral con competencia en materia de seguridade asistencial.

– Catro persoas licenciadas en Medicina e Cirurxía.

– Unha persoa licenciada en Farmacia.

– Catro persoas diplomadas ou graduadas en Enfermaría.

– Unha persoa especialista en Psicoloxía Clínica.

– Dúas persoas designadas polo Consello Asesor de Pacientes.

3. Actuará como secretario/a da Comisión una persoa adscrita á unidade con competencia en materia de seguridade asistencial.

Artigo 5. Funcións da Presidencia.

Serán funcións da Presidencia:

a) Dirixir, promover e coordinar as actuacións da Comisión.

b) Acordar as convocatorias de sesións tanto ordinarias como extraordinarias, así como a determinación da orde do día.

c) Presidir as sesións e moderar o desenvolvemento dos debates.

d) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.

e) Visar as actas e certificacións dos acordos da Comisión.

f) Solicitar en nome da Comisión a colaboración que considere necesaria ás institucións, autoridades, organismos, entidades asociacións ou particulares, así como invitar a participar na Comisión a expertos de recoñecida competencia nos asuntos que se traten.

Artigo 6. Funcións da Vicepresidencia.

A persoa titular da Vicepresidencia da Comisión Galega de Estratexia contra a Dor substituirá o titular da Presidencia nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, e colaborará en todos os asuntos en que sexa requirida a súa participación.

Artigo 7. Os/as vogais.

Os/as vogais da Comisión Galega de Estratexia contra a Dor serán nomeados/as e cesados/as pola Xerencia do Servizo Galego de Saúde por proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

Serán nomeados por un período de tres anos, renovables por un período igual, sen prexuízo das causas de cesamento ou substitución establecidas no artigo seguinte.

Artigo 8. Causas de cesamento e substitución dos/das vogais.

1. Serán causas de cesamento dos/das vogais da Comisión Galega de Estratexia contra a Dor as seguintes:

a) Transcurso de tempo para o cal foron nomeados/as.

b) Renuncia expresa presentada por escrito ante a Presidencia da Comisión.

c) Acordo expreso da autoridade competente para a súa separación.

d) Calquera outra causa prevista na lexislación vixente.

2. Cando un membro da Comisión cese por algunha das causas indicadas anteriormente, procederase á cobertura da vacante da forma establecida no artigo anterior.

Artigo 9. A Secretaría.

1. A Secretaría da Comisión estará a cargo dunha persoa pertencente á subdirección xeral con competencia en materia de seguridade asistencial proposta pola persoa titular do órgano competente en materia de asistencia sanitaria e nomeada ou separada pola Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade as súas funcións serán exercidas por outra persoa designada pola Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

2. Á Secretaría correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asistir ás sesións con voz e sen voto.

b) Encargarse da Secretaría da Comisión.

c) Efectuar a convocatoria das sesións seguindo as instrucións da Presidencia, realizar as notificacións aos membros da Comisión Galega de Estratexia contra a Dor e preparar o despacho dos asuntos.

d) Redactar as actas das sesións da Comisión e autorizalas co visto e prace do/da presidente/a.

e) Expedir as certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados pola Comisión.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

Artigo 10. Dereitos e obrigas dos membros.

1. Os membros da Comisión Galega de Estratexia contra a Dor terán os seguintes dereitos:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria que conteña a orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa antelación referida.

b) Participar con voz e voto nos debates das sesións e emitir o seu voto.

c) Propoñer liñas de traballo.

d) Formular rogos e preguntas.

e) Obter información precisa para o cumprimento das súas funcións.

f) Outras funcións inherentes á súa condición.

2. Son obrigas dos membros da Comisión Galega de Estratexia contra a Dor:

a) Asistir ás sesións para as cales sexan convocados e participar nos seus traballos.

b) Gardar a debida reserva en relación coa información que se manexe e as actuacións que se acorden na Comisión.

Artigo 11. Funcionamento.

1. A Comisión Galega de Estratexia contra a Dor funcionará en pleno, sen prexuízo de que se poida acordar a creación de subcomisións ou grupos de traballo para o estudo de temas concretos. No acordo da constitución do grupo ou da subcomisión faranse constar a composición, funcións e finalidades.

2. A Presidencia da Comisión poderá convocar ás reunións expertos de recoñecida competencia nos asuntos que se traten, que dispoñerán de voz pero non de voto.

3. O Pleno da Comisión Galega de Estratexia contra a Dor reunirase polo menos unha vez cada seis meses e en todas aquelas ocasións en que sexa convocada polo presidente, por propia iniciativa ou por proposta da maioría simple dos membros.

4. O Pleno quedará constituído en primeira convocatoria coa presenza da maioría absoluta dos seus membros; de non alcanzarse quórum, o Pleno poderá constituírse en segunda convocatoria, media hora máis tarde da primeira, coa asistencia de dúas quintas partes dos seus membros, sempre que estean presentes a persoa titular da Presidencia e a persoa titular da Secretaría ou, de ser o caso, daqueles que os substitúan.

5. Non poderán ser obxecto de deliberación nin acordo os asuntos que non figuren incluídos na orde do día correspondente á sesión, agás que estean presentes todos os membros da Comisión e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

6. Os acordos adoptaranse polo voto favorable da maioría das persoas asistentes. En caso de empate o/a presidente/a decidirá co seu voto de calidade.

7. De cada sesión elaborarase a correspondente acta, que será asinada pola persoa titular da secretaría e contará co visto e prace do/da titular da Presidencia. Na acta farase constar, como mínimo, a relación de asistentes; o lugar, a data e a hora da sesión; os asuntos da orde do día; as principais intervencións; os resultados das votacións e os acordos alcanzados. A acta remitirase aos membros da Comisión xunto coa convocatoria e a orde do día da seguinte sesión.

Artigo 12. Réxime supletorio.

En todo o non previsto neste decreto, aplicarase o disposto nos artigos 14 ao 21 da Lei 16/2010, do 27 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional primeira. Crédito orzamentario.

A constitución e posta en funcionamento da Comisión Galega de Estratexia contra a Dor non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Sanidade ou ao Servizo Galego de Saúde.

Disposición adicional segunda. Modificación da estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde.

Modifícase o artigo 9.4 do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, para engadir a Comisión Galega de Estratexia contra a Dor como órgano adscrito á Dirección de Asistencia Sanitaria.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a/o titular da Consellería de Sanidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xaneiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade