Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 2012 Páx. 5706

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

ACORDO do 8 de febreiro de 2012 de delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais.

A Lei 4/2008, do 23 de maio, crea e regula a Axencia Galega das Industrias Culturais, como axencia pública autonómica, con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, e facultada para exercer potestades administrativas no ámbito das súas funcións, e adscrita á consellería con competencias en materia de cultura da Xunta de Galicia.

O artigo 8 da citada lei establece as funcións do presidente do Consello de Dirección da Agadic. Tendo en conta a complexidade e variedade de funcións propias é conveniente acudir á delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Agadic, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

En consecuencia, de acordo co disposto na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

ACÓRDASE:

Primeiro.

Delegar na persoa titular da Dirección da Agadic as seguintes atribucións:

a) Asinar os convenios con outras entidades públicas ou privadas que sexan necesarios para o cumprimento dos obxectivos da Agadic, ata o límite dos convenios que deben ser autorizados polo Consello da Xunta de Galicia.

b) As funcións que como órgano de contratación lle corresponden ao presidente do Consello de Dirección, ata o límite dos contratos que deban ser autorizados polo Consello da Xunta de Galicia.

Segundo.

Na aplicación das delegacións de competencias contidas neste acordo teranse en conta os seguintes criterios:

1. O exercicio das competencias que se delegan neste acordo axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. En calquera momento o órgano delegante poderá revogar o exercicio das competencias que se delegan ou avocar as competencias para o coñecemento dun asunto concreto.

3. Enténdese comprendida na delegación o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que se diten en virtude das competencias que se lle delegan neste acordo e para, se é o caso, suspender o executividade dos actos impugnados.

Terceiro.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas neste acordo farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición adicional.

O réxime de delegacións en materia de axudas e subvencións públicas será o que se estableza, se é o caso, nas correspondentes resolucións de convocatoria.

Disposición derradeira.

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Presidente do Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais