Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 27 de marzo de 2012 Páx. 10745

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se modifica o sistema de provisión dun posto de traballo reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal na Deputación Provincial de Lugo.

O presidente da Deputación Provincial de Lugo formula proposta, con rexistro de entrada número 193, do 8 de febreiro de 2012, en que solicita a modificación da clasificación do posto de secretario xeral da Deputación Provincial de Lugo e amortización do posto de vicesecretario daquela. Achega xunto co escrito a certificación sobre a motivación da modificación na forma de provisión da praza/posto de secretario xeral da Deputación Provincial de Lugo.

O artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, recolle as normas xerais da clasificación de postos:

«Artigo 10. Normas xerais da clasificación de postos.

1. Os procedementos de creación de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal comportan a súa clasificación conforme o previsto no artigo 3.

2. A clasificación dos ditos postos iniciarase a instancia da entidade local interesada e deberá conter, cando menos:

a) Unha memoria xurídica e económica xustificativa da clasificación.

b) Certificación acreditativa dos recursos de que dispoña a entidade local segundo o último orzamento aprobado.

c) Certificación da última cifra do padrón municipal.

d) Certificacións de secretaría dos acordos adoptados pola corporación relativos á relación de postos de traballo ou cadro de persoal correspondente ou, de ser o caso, modificación deles, e certificación do resultado do sometemento da dita relación a información pública.

3. Nos casos en que proceda a modificación da clasificación dos postos reservados por incrementarse a poboación e/ou o orzamento da entidade local conforme o disposto nesta sección, e non ser iniciada por aquela coa documentación requirida a pesar de manterse esas novas condicións por cinco anos continuados, a consellería competente en materia de réxime local poderá instar a entidade local para tal fin. De non se atender o dito requirimento presentando toda a documentación indicada, poderá levalo a cabo de oficio con audiencia da entidade.

4. A clasificación será resolta pola persoa titular de la consellería competente en materia de réxime local. A dita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, coa excepción do previsto no artigo 8, e remitirase ao BOE para os mesmos efectos.

5. As características esenciais dos postos de traballo que se creen ao abeiro deste decreto quedarán reflectidas nas relacións de postos de traballo das entidades locais de que se trate.

6. A supresión de postos reservados seguirá o procedemento regulado neste artigo.

7. As modificacións na clasificación ou forma de provisión de postos de traballo non afectarán os destinos dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal que os estivesen desempeñando con carácter definitivo, aínda que non pertenzan á subescala e categoría correspondente».

O artigo 36.2 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula un procedemento especial para a modificación da clasificación do posto para esta forma concreta de provisión, que deberá completarse coa publicación do artigo 10.4.

«Artigo 36. Supostos.

1. Excepcionalmente, para os municipios de gran poboación previstos no artigo 121 da Lei 7/1985, de bases do réxime local, e concretamente na Lei 4/2004, do 28 de xuño, para os municipios de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela, así como para as deputacións provinciais, poderán cubrirse polo sistema de libre designación, entre funcionarios/as con habilitación de carácter estatal da subescala e categoría indicada no artigo 3, os postos a eles/elas reservados que se determinen nas súas relacións de postos de traballo, nos termos previstos na lexislación sobre función pública.

2. A opción polo sistema de libre designación require que este sexa o sistema de provisión do dito posto previsto na correspondente relación de postos de traballo, ou a modificación previa de tal relación polo procedemento legalmente establecido, e posterior comunicación ao órgano competente da Comunidade Autónoma para os efectos de clasificación».

Na súa virtude, de acordo co establecido na disposición adicional segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, nos artigos 10 e 36 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, en concordancia coa disposición transitoria sétima da Lei 7/2007, e demais normativa de aplicación, e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.1 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 22 de setembro de 2011, sobre delegación de competencias,

DISPÓN:

Modificar a clasificación do posto de secretario xeral da Deputación Provincial de Lugo na súa forma de provisión, que será libre designación.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderá impugnarse directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 en relación co 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2012.

José Norberto Uzal Tresandí
Director xeral de Administración Local

ANEXO

Entidade local: Deputación Provincial de Lugo.

Posto de traballo: Secretaría.

Clase: primeira.

Subescala: secretaría.

Forma de provisión: libre designación.