Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 28 de marzo de 2012 Páx. 10923

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 8 de marzo de 2012 pola que se modifica a Orde do 8 de xuño de 1998 pola que se establece o procedemento para a obtención das tarxetas de identidade profesional náutico-pesqueira e os seus modelos.

O Real decreto 1519/2007, do 16 de novembro, polo que se establecen os coñecementos e requisitos mínimos para exercer a actividade profesional de mariñeiro nos buques de pesca, crea a tarxeta profesional de mariñeiro pescador e os contidos mínimos e formato que debe ter, e, ademais, extingue o certificado de competencia de mariñeiro.

O Real decreto 2008/2009, do 23 de decembro, polo que se modifica o Real decreto 930/1998, do 14 de maio, sobre condicións xerais de idoneidade e titulación de determinadas profesións da mariña mercante e do sector pesqueiro, publica un novo modelo de tarxeta profesional para as titulacións náutico pesqueiras, definidas polo devandito real decreto que modifica. Este real decreto ten por obxecto establecer criterios de homoxeneidade no texto e o formato das tarxetas profesionais de buques pesqueiros, expedidas en todo o Estado español, ampliando o contido mínimo do Real decreto 930/1998 e adaptándoo ao regulado polo Convenio internacional sobre normas de formación, titulación e garda para o persoal de buques pesqueiros (STCW-F 95) da Organización Marítima Internacional.

En febreiro de 2009 depositouse o instrumento de adhesión do Estado español ao Convenio (STCW-F 95) perante a Dirección Xeral da Organización Marítima Internacional, e o pasado 29 de setembro de 2011 tíñano asinado quince estados sen reservas, requisito necesario para que se produza a súa entrada en vigor aos doce meses a partir desta data, é dicir, o próximo 29 de setembro de 2012, polo que se considera conveniente implantar o formato das titulacións expedidas en virtude da citada norma internacional antes da súa entrada en vigor.

Procede, por tanto, adaptar a normativa vixente para a expedición das tarxetas profesionais naqueles aspectos modificados pola normativa estatal.

A Consellería do Medio Rural e do Mar ten asumidas todas as competencias en materia de ensinanzas e titulacións náutico e marítimo-pesqueiras e náuticas de lecer a través dos decretos 287/1997, do 9 de outubro, e 324/1999, do 16 de decembro.

Por todo o exposto, conforme as atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 8 de xuño de 1998 pola que se establece o procedemento para a obtención das tarxetas de identidade profesional náutico-pesqueira e os seus modelos.

A Orde do 8 de xuño de 1998, pola que se establece o procedemento para a obtención das tarxetas de identidade profesional náutico-pesqueira e os seus modelos, queda modificada do seguinte modo:

Un. O artigo 1 queda redactado como segue:

«As tarxetas de identidade profesional náutico-pesqueira acreditativas das titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca, patrón costeiro polivalente, patrón de pesca local, patrón de segunda clase de pesca litoral, mecánico de litoral, patrón de altura, mecánico maior naval, patrón de litoral, mecánico naval, capitán de pesca, patrón de pesca de altura, patrón de 1.ª clase de pesca litoral, mecánico naval maior, mecánico naval de 1.ª clase e mecánico naval de 2.ª clase serán emitidas, logo da solicitude do interesado, de acordo co establecido nesta orde e no Real decreto 930/1998, do 14 de maio, no Real decreto 662/1997, do 12 de maio, e no Real decreto 1519/2007, do 16 de novembro».

Dous. O artigo 2 queda redactado como segue:

«As tarxetas de identidade profesional náutico-pesqueira correspondentes serán emitidas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a través da súa Sección de Rexistro de Titulacións Náutico Pesqueiras».

Tres. O artigo 4 queda redactado como segue:

«As tarxetas son válidas en todo o territorio español segundo o establecido no Real decreto 662/1997, do 12 de maio, polo que se establecen os requisitos mínimos para exercer a actividade profesional de patrón local de pesca e de patrón costeiro polivalente, no Real decreto 930/1998, do 14 de maio, sobre condicións xerais de idoneidade e titulación de determinadas profesións da mariña mercante e do sector pesqueiro, no Real decreto 1519/2007, do 16 de novembro, polo que se establecen os coñecementos e requisitos mínimos para exercer a actividade profesional de mariñeiro nos buques de pesca, e no Real decreto 1378/1997, do 29 de agosto, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ensinanzas náutico-pesqueiras».

Catro. O artigo 5 queda redactado como segue:

«As tarxetas emitidas pola Comunidade Autónoma de Galicia corresponderanse segundo as titulacións cos modelos e características que se establecen nos anexos I, III e IV, da seguinte forma:

Anexo I: patrón local de pesca, patrón costeiro polivalente, patrón de pesca local, patrón de 2.ª clase de pesca litoral, mecánico de litoral, mecánico naval de 2.ª clase, electricista naval maior, electricista naval de 1.ª clase e electricista naval de 2.ª clase.

Anexo III: capitán de pesca, patrón de altura, patrón de pesca de altura, patrón de litoral, patrón de 1.ª clase de pesca litoral, mecánico maior naval, mecánico naval maior, mecánico naval e mecánico naval de 1.ª clase.

Anexo IV: mariñeiro pescador».

Cinco. O artigo 9, no seu número 7, queda redactado como segue:

«Certificado expedido polo ISM de non ser pensionista nin por xubilación nin por invalidez, ou pola Tesouraría da Seguridade Social, na súa falta».

Seis. O artigo 13 queda redactado como segue:

«Créase o Rexistro de Titulacións Náutico Pesqueiras coas funcións de anotación, seguimento e control das tarxetas emitidas, e a súa custodia corresponderá á Sección de Rexistro de Titulacións Náutico Pesqueiras da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

No caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Sección de Rexistro de Titulacións Náutico Pesqueiras, as súas funcións relativas ao Rexistro de Titulacións Náutico Pesqueiras que figuran no parágrafo anterior e a emisión das tarxetas, serán asumidas, en canto dure a situación, pola persoa titular do Negociado de Titulacións Náutico Pesqueiras».

Sete. A disposición derradeira segunda queda redactada como segue:

«Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar os actos de execución necesarios para o desenvolvemento e aplicación da presente orde».

Oito. Substitúese o anexo II da Orde do 8 de xuño de 1998 polo anexo II que acompaña esta orde.

Nove. Engádense á Orde do 8 de xuño de 1998 os anexos III e IV que acompañan esta orde.

Disposición transitoria.

Os duplicados das tarxetas de identidade profesional náutico-pesqueira que, de acordo co artigo 5, deben ser emitidas no formato que regula o anexo III, seguirán expedíndose no formato previsto no anexo I, ata a data de entrada en vigor do convenio STCW-F 95.

Poderán expedirse duplicados das tarxetas de identidade profesional náutico-pesqueira co formato previsto no anexo III a aquelas persoas interesadas que acrediten a necesidade da nova tarxeta para poderen traballar en augas de terceiros países, mediante un certificado da empresa armadora onde preste os seus servizos profesionais, xunto coa demais documentación requirida.

Disposición derradeira. Entrada en vigor.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2012.

P.A. (Decreto 83/2012, do 29 de febreiro; DOG núm. 44, do 2 de marzo)
Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file

ANEXO III
Deseño do formato das titulacións profesionais de acordo co Real decreto 930/1998,
do 14 de maio, sobre condicións xerais de idoneidade e titulación de determinadas
profesións da mariña mercante e do sector pesqueiro

1. Formato de seguridade do soporte e impresión da tarxeta profesional.

As dimensións que deben ter as tarxetas profesionais son as correspondentes ao tamaño DINA4.

A gramaxe será de 100 gr/m2.

A composición deberá garantir a resistencia e durabilidade do documento.

Marca de auga: co escudo constitucional e fibras luminescentes.

Fondos de seguridade: incluirán tinta invisible, microtextos e impresión codificada, formando ondas de fondo.

En tinta invisible, visible á luz ultravioleta, figurará a inscrición «tarjeta profesional náutico-pesquera» e «professional card marine-fishery».

A cor dos fondos: será Pantone 542 (azul).

No anverso, na esquina superior dereita figurará a bandeira de España e o escudo constitucional e no reverso na esquina superior esquerda a bandeira de Galicia.

Na esquina superior esquerda do anverso sitúase o espazo para a fotografía, cuxo tamaño será de 21×29 mm.

Todos os documentos emitidos deberán estar numerados, co fin evitar usos fraudulentos. A numeración arábiga secuencial figurará na esquina inferior dereita.

2. Personalización: datos impresos.

Os datos da base conterán a información indicada no anexo I do Real decreto 2008/2009, do 23 de decembro, para o anverso e o reverso da tarxeta profesional.

Na parte superior levan impreso «ESPAÑA» «TARJETA PROFESIONAL NÁUTICO-PESQUERA», en Arial 18 e Arial 14 grosa, respectivamente, baixo esta inscrición imprimirase «MARINE-FISHERY PROFESSIONAL CARD» e baixo desta «TARXETA PROFESIONAL NÁUTICO-PESQUEIRA», separando ambas mediante unha liña, en Arial 10. Centradas con respecto á anterior.

O texto restante imprimirase en castelán, inglés e galego.

Modelo da tarxeta profesional náutico pesqueira (Real decreto 930/1998, do 14 de maio).

missing image file
missing image file

ANEXO IV
Modelo da tarxeta profesional de mariñeiro pescador de acordo co Real decreto 1519/2007, do 16 de novembro, polo que se establecen os coñecementos e requisitos mínimos
para exercer a actividade profesional de mariñeiro nos buques de pesca

missing image file