Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Mércores, 4 de abril de 2012 Páx. 11987

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2012, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do expediente de delimitación do solo do núcleo rural da Cervela, na parroquia da Cervela, concello de Antas de Ulla (Lugo).

I. Antecedentes.

O Concello de Antas de Ulla remite o referido proxecto de delimitación, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional 2.ª.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Antas de Ulla carece de instrumentos de planeamento xeral e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

Cumpriuse co trámite de información pública, coa publicación no DOG do 18.2.2011; nos xornais El Correo Gallego (13.7.2011) e La Voz de Galicia (19.2.2011). Non se presentaron alegacións.

Consta informe da técnica municipal do 23 de xuño de 2011.

Consta acordo de aprobación provisional da dita delimitación adoptado polo Pleno na súa sesión do 19 de decembro de 2011.

O Concello enviou tres exemplares do proxecto técnico da delimitación, coa dilixencia de seren os aprobados provisoriamente na data correspondente.

Consta o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 6.5.2011, condicionado ao establecemento de medidas protectoras correctoras, á delimitación dos bens de valor patrimonial e do seu contorno de protección, así como á incorporación dun catálogo e á conservación dos muros tradicionais, prevalecendo sobre as aliñacións establecidas.

Xúntase o informe favorable de Augas de Galicia, do 1 de marzo de 2011.

Segundo o indicado, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, constátase que o expediente cumpre, respecto da documentación e tramitación administrativa, as determinacións contidas no número 2 da disposición adicional segunda da LOUG.

II. Informe.

O asentamento delimitado conta con topónimo recoñecido no Nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto 6/2000), así como no Censo de Poboación e Vivendas do Instituto Nacional de Estatística.

Trátase dun proxecto de iniciativa pública, promovido polo Concello Antas de Ulla, o cal propón a delimitación como núcleo rural histórico-tradicional dun asentamento, cunha superficie delimitada de 14.805 m2 e 10 edificacións residenciais, das que 9 son de tipoloxía tradicional.

Atopámonos cun núcleo de alto valor etnográfico que merece a súa conservación e posta en valor atendendo ademais á existencia da igrexa parroquial de San Miguel da Cervela e de cinco hórreos con diverso grao de conservación.

O proxecto inclúe ordenanza coas condicións de uso e edificación aplicables nos terreos edificables do núcleo, consonte establece o artigo 29.1.d) da LOUG.

Segundo a metodoloxía de calculo do grao de consolidación edificatoria polo procedemento gráfico establecido pola Instrución 4/2011, do 12 de abril, na memoria do proxecto acredítanse 11 como número de parcelas edificadas e 18 como número de parcelas edificables, o que dá un grao de consolidación do 61,10%.

Visto que o proxecto dá cumprimento ás condicións establecidas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 6 de maio de 2011, no sentido de que:

– Grafa a delimitación dos bens con valor patrimonial, como é o caso da igrexa parroquial de San Miguel da Cervela.

– Incorpora o catálogo de identificación, protexendo os bens de valor patrimonial.

– Determina nas ordenanzas a prevalencia na conservación dos muros tradicionais existentes neste núcleo.

Considerando que no proxecto se deu cumprimento ao informe preliminar do Servizo de Urbanismo do 18 de agosto de 2011, introducindo ordenanzas reguladoras e acreditando adecuadamente a consolidación mínima do 50% exixida polo artigo 13 da LOUG.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o proxecto de delimitación do solo do núcleo rural tradicional da Cervela, no concello de Antas de Ulla.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro).

No suposto de que a persoa interesada sexa unha Administración pública, non caberá interpor recurso en vía administrativa, podendo interpor recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíqueselle ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2012.

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file