Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Mércores, 4 de abril de 2012 Páx. 12179

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2012, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se acorda notificar a proposta de delimitación do Camiño de Santiago, Camiño Francés, entre o lugar do Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino, e abrir un período de información pública durante o prazo de dous meses.

A Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, especifica no seu artigo 1.3.º o carácter de ben de interese cultural do Camiño Francés, segundo a delimitación do seu territorio histórico recollido na Resolución do 12 de novembro de 1992, e como tal seralle de aplicación a lexislación autonómica na materia, de conformidade co establecido no artigo 4 da lei.

En virtude do sinalado na disposición transitoria primeira da dita lei, a delimitación establecida pola resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental do 12 de novembro de 1992 (Diario Oficial de Galicia n.º 246, do 18 de decembro) permanece vixente «mentres non se aprobe o expediente de delimitación do Camiño, e sen prexuízo das zonas de protección establecidas por esta lei...».

O procedemento para a aprobación da delimitación establécese no artigo 5 da dita Lei 3/1996, do 10 de maio. Segundo a Lei 6/2001, do 29 xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, anexo I, o prazo de duración do procedemento de delimitación do Camiño de Santiago é de 5 anos.

Por Resolución do 29 de outubro de 2007, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DOG n.º 218, do 12 de novembro), incoouse o expediente de delimitación do tramo da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, entre o lugar do Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino.

Mediante outra Resolución, do 25 de agosto de 2008 (DOG do 8 de setembro), a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acorda notificarlle ao concello do Pino a delimitación segundo a referida incoación no 2007 do trazado do Camiño de Santiago, Camiño Francés, nese tramo do concello do Pino, e abrir un período de información pública durante o prazo de dous meses. Durante ese período a Asociación de Propietarios de Suelo del Sector PP1 del Plan General de Ordenación Municipal de O Pino e o Concello do Pino presentan alegacións.

Rematado o período de información pública aberto pola mencionada Resolución do 25 de agosto de 2008, en relación coa proposta de delimitación do Camiño de Santiago Francés entre o lugar do Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, constan no expediente informes técnicos ao respecto, un dos cales, do 7 de febreiro de 2012, se fai á luz do Decreto 227/2011, do 2 de decembro, de conformidade cos parámetros recollidos nel para toda a ruta.

Mediante o mencionado Decreto 227/2011, do 2 de decembro, a Xunta de Galicia aproba a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, desde a entrada no municipio de Pedrafita do Cebreiro ata o límite do termo municipal do Pino, coa excepción do tramo entre o lugar de Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino. No seu anexo I márcase o trazado do camiño, o trazado con vestixios históricos, de ser o caso, e fíxanse os límites do territorio histórico que conforma o ben de interese cultural. Pola súa parte, no anexo II reflíctese a denominada zona de amortecemento ou de respecto.

Á vista das alegacións presentadas polo Concello do Pino e a Asociación de Propietarios del Suelo del Sector PP1 del Plan General de Ordenación Municipal de O Pino, dos informes técnicos e demais documentación que consta no expediente, e dos criterios adoptados pola Xunta no expediente de delimitación do Camiño Francés, resolto mediante Decreto 227/2011, do 2 de decembro (DOG n.º 237, do 14 de decembro), a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural redacta unha memoria-proposta na cal se fundamentan e fixan os trazados do Camiño Francés e se delimita o ámbito do territorio histórico nese tramo, completando así este expediente de conformidade cos criterios empregados para a delimitación do resto do Camiño Francés, aprobada polo Decreto 227/2011, do 2 de decembro de 2011, anteriormente mencionado.

Por todo o cal, tendo en conta os antecedentes e as circunstancias concorrentes, vistas a Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, a Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, a Lei 6/2001, do 29 xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e de acordo co informe técnico do 7 de febreiro de 2012, e coa memoria-proposta da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural do 22 de marzo de 2012, en exercicio das competencias que teño atribuídas ao abeiro do artigo 10 do Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a apertura dun novo trámite de información pública, durante o período de 2 meses, sobre o trazado do Camiño Francés, o trazado con vestixios históricos e a delimitación do ámbito do ben de interese cultural, entre o lugar do Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino, na categoría de territorio histórico sobre a cartografía a escala 1:10.000; tal como se recolle no anexo gráfico (anexo I).

Durante ese período poderase examinar o expediente na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no servizo de Patrimonio Cultural da Coruña e na oficina municipal do concello do Pino, segundo o que este dispoña para o efecto.

Segundo. Someter a proposta de traza a informe do Comité Asesor do Camiño de Santiago, e a este mesmo órgano, á Comisión Territorial de Patrimonio Histórico da provincia da Coruña e, polo menos, a dous dos órganos consultivos mencionados no artigo 7 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, para os efectos da modificación da delimitación do ben de interese cultural na súa categoría de territorio histórico.

Terceiro. Notificarlle ao concello do Pino esta resolución e trasladarlle copia do expediente.

Cuarto. Realizar a anotación preventiva desta resolución no Rexistro de Bens de Interese Cultural dependente da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

Quinto. Notificar esta resolución ao órgano competente no Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, para o seu coñecemento e efectos oportunos.

Sexto. Anunciar esta resolución mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2012.

José Manuel Rey Pichel
Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO

missing image file