Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Mércores, 4 de abril de 2012 Páx. 11993

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de marzo de 2012 pola que se regulan, dentro das feiras culturais, as seccións de feiras do libro en Galicia que se realizarán no ano 2012.

As feiras culturais en Galicia, reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, establecen un concepto xenérico que define un novo tipo de acontecementos culturais, e que recolle, xunto con experiencias xa establecidas, como as feiras do libro, a posibilidade de novas actividades feirais. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende con iso crear novas vías de achegamento cultural aos galegos, coa creación de amplos escaparates, nos cales se expoñan e dean a coñecer as novidades editoriais sexa cal sexa o soporte e a tecnoloxía das propostas.

Estas feiras culturais, abertas a diferentes posibilidades, precisan dunha normativa concreta que defina esencialmente as condicións de acceso a elas, o número de feiras que se poden realizar cada ano por localidade e as vías para o acceso á organización ou participación nelas, tal como determinan os artigos 3 e 4 do citado decreto.

Dentro do amplo abano de alternativas abertas polas feiras culturais, as feiras dedicadas ao libro representan a actividade de maior tradición e asentamento e, así mesmo, as que pola súa amplitude demanda a sociedade, mais precisan dunha ordenación que permita unha constante mellora e unha coordinación maior entre as institucións ou organismos participantes nelas. A experiencia destes últimos anos e a vontade de incrementar a calidade nestes eventos de tanta importancia para a promoción do libro e da lectura aconsellan a introdución de novos elementos na organización das feiras.

Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1. Concepto das feiras do libro.

As feiras do libro supoñen unha actividade de promoción da lectura, mediante o achegamento do libro ao seu potencial lector, espazo en que se desenvolve tamén unha actividade comercial, froito da venda dos libros. Esta venda, efectuada por persoas físicas ou xurídicas legalmente autorizadas, poderá realizarse cos descontos máximos permitidos na lei do libro vixente.

Artigo 2. Feiras do libro novo, antigo e de ocasión.

1. As seccións das feiras do libro poderán ser feiras do libro novo, feiras do libro antigo ou de ocasión.

2. Feiras de libro novo son aquelas en que se exhiben e comercializan libros incluídos nos catálogos editoriais. Entenderase por catálogo a relación entregada polo editor ao distribuidor ou libreiro, na cal figuren os títulos, autores e prezo de venda dos libros que compoñen o seu fondo editorial, coa mención expresa da data de vixencia da información que se facilita. As feiras de libro novo poderán tamén ser feiras de carácter monográfico, dedicadas a un tipo específico de libros ou de materiais bibliográficos.

3. Feiras do libro antigo ou de ocasión son aquelas en que se exhiben ou comercializan libros antigos ou libros descatalogados polo editor, e que, daquela, non figuren no seu último catálogo.

Artigo 3. Obxectivos das feiras do libro novo.

As feiras do libro en catálogo que se realicen en Galicia terán como un dos seus obxectivos primordiais a exhibición, difusión e comercialización do libro galego, fundamentalmente do publicado nos últimos anos, así como a promoción da lectura entre a sociedade galega.

Artigo 4. Organización das feiras do libro.

Poderán organizar feiras do libro en Galicia todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan autorizadas para este fin pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de acordo co establecido nesta orde, e sen mingua das competencias que en materia de licenza municipal lles corresponden aos concellos. Terán prioridade para a autorización de feiras do libro as solicitudes presentadas pola Federación de Libreiros de Galicia e, para feiras monográficas do libro galego, as presentadas pola Asociación Galega de Editores.

Artigo 5. Solicitudes de autorización. Documentación.

1. As solicitudes de autorización para as feiras que se realicen no ano 2012 presentaranse no prazo dun mes, a partir do seguinte ao da publicación desta orde no DOG, preferentemente, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/a representante legal da entidade solicitante, tendo que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es

Os requisitos para a presentación electrónica son os seguintes:

– Será necesario que o/a presentador/a da solicitude sexa a persoa física que posúa a representación legal da entidade solicitante e como tal figure identificado/a nos formularios normalizados de solicitude.

– O/a presentador/a deberá posuír algúns dos seguintes certificados:

a) DNI electrónico, conforme o disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

b) Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme o disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

c) Calquera outro certificado electrónico ou método de identificación admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).

Os certificados deben ter exclusivamente atributos de persoa física pola que se acredita a vontade da dita persoa física e non serán válidos aqueles certificados electrónicos que ademais están vinculados a persoas xurídicas, xa que a vontade da persoa xurídica está limitada nestes certificados a un determinado alcance, por exemplo, para fins tributarios.

Así mesmo, tamén se poden presentar en soporte papel segundo o modelo normalizado que figura como anexo I desta orde e será aplicable o previsto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representatividade da persoa que asina a solicitude.

b) Estatutos ou regulamentos polos que se rexe a feira, que en ningún caso serán contrarios ao disposto nesta orde, e nos cales deben constar as condicións para a inscrición dos participantes.

c) Carácter da feira, lugar e datas de realización e horario de funcionamento.

d) Características da situación da feira, accesos e servizos (luz, auga, comunicacións, teléfono, limpeza e outros).

e) Características das casetas expositoras e o seu número.

f) Actividades culturais previstas durante a feira.

g) Compromiso dos organizadores de lles dar a coñecer por escrito a todos os libreiros da localidade a realización da feira, e de lles dar a posibilidade a todos eles de se inscribiren.

h) Seguros de persoas e bens (responsabilidade civil).

i) Declaración de que, polo menos, a metade dos participantes son libreiros ou editores radicados en Galicia, no caso de feiras do libro en catálogo, ou de que a metade dos postos de venda se lles ofertaron a libreiros galegos no caso de feiras de libro antigo e de ocasión.

j) Memoria económica do custo desagregado en gastos materiais e actividades culturais. Faranse constar na memoria as subvencións recibidas ou solicitadas de calquera entidade pública ou privada para a realización da feira.

Artigo 6. Resolución.

Unha vez recibida a solicitude e a documentación sinalada no artigo 5, será estudada por parte dos servizos competentes da Secretaría Xeral de Cultura. O secretario xeral de Cultura elevará a proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá.

Artigo 7. Feiras e datas de realización.

En virtude do disposto nos artigos 3 e 4.1.º do Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, as feiras do libro que realizará a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia para o ano 2012 relaciónanse a seguir:

Ferrol: do 19 ao 24 de abril.

Santiago: do 28 de abril ao 6 de maio.

Lugo: do 15 ao 20 de maio.

Ourense: do 1 ao 6 de xuño.

Vigo: do 29 de xuño ao 8 de xullo.

A Coruña: do 1 ao 10 de agosto.

Viveiro: do 13 ao 16 de agosto.

Artigo 8. Comisión técnica.

As feiras do libro contarán cunha comisión técnica para o conxunto das feiras.

1. A comisión técnica estará presidida polo secretario xeral de Cultura, ou persoa en quen delegue, e estará constituída polos seguintes membros:

Dous representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Dous representantes da Federación de Libreiros de Galicia.

2. A función desta comisión técnica consistirá en velar pola correcta aplicación desta orde.

Artigo 9. Presidencia da feira.

A dirección técnica de cada feira estará ao cargo do presidente da Federación de Libreiros de Galicia, ou da persoa en que este delegue.

Terá a máxima responsabilidade na selección de participantes e o sorteo de casetas, así mesmo dirixirá o funcionamento da feira, cunha atención especial a que se cumpra o regulamento e as disposicións previstas nesta orde.

Artigo 10. Número de feiras do libro en cada localidade.

Poderá realizarse en cada localidade de Galicia unha feira do libro novo non monográfica e unha feira do libro antigo ou de ocasión. Nas localidades onde a Federación de Libreiros de Galicia, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realice unha feira do libro novo, esa será a única no seu tipo autorizada.

Artigo 11. Requisitos dos participantes.

Os participantes deberán reunir os requisitos legais necesarios para o exercicio de actividades mercantís. No caso dos editores que soliciten caseta individual, deberán ter no seu catálogo un mínimo de 50 títulos en galego, se o fan pola cota reservada para editores galegos, e 50 títulos en xeral, se o fan pola cota doutros libreiros e editores, agás no caso de empresas editoriais dedicadas en exclusiva á produción de obras destinadas á venda a crédito.

Artigo 12. Tipo de casetas. Porcentaxes que rexerán na admisión de participantes.

As feiras do libro organizadas pola Federación de Libreiros de Galicia coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderán contar con dous tipos de casetas diferentes, unhas unicamente para exposición e outras para venda.

A admisión para as casetas nas feiras do libro rexerase polas seguintes cotas:

– 45% para libreiros da localidade, e membros da Federación de Libreiros de Galicia.

– 15% editores radicados en Galicia durante un período maior de dous anos, que cumpran os requisitos estipulados no regulamento. As editoriais que se dediquen á produción do libro galego, cun mínimo de 50 títulos en catálogo nesta lingua, poderán participar con ou sen venda.

– 20% libreiros de fóra da localidade, e membros da Federación de Libreiros de Galicia.

– 10% outros libreiros e editores non incluídos en ningún dos puntos anteriores.

– 10% para as invitacións que determina a dirección técnica de cada feira para aqueles libreiros, editores ou distribuidores que teñan especial interese para a feira do libro e que cumpran os requisitos regulamentarios para a súa participación.

No caso de non se cubriren as cotas reservadas para os diferentes grupos, a dirección técnica decidirá sobre as prazas que queden vacantes.

Artigo 13. Solicitudes para participar nas feiras do libro.

O prazo de solicitudes para participar en calquera das feiras que se anuncien cerrarase aos 30 días naturais antes do día de apertura da feira correspondente. Os editores galegos que cumpran as condicións estipuladas poderán presentar a solicitude nunha soa das modalidades, exposición ou venda, ofertadas. Os que soliciten a participación na cota destinada a outros libreiros e editores deben acreditar documentalmente a súa condición de editor ou libreiro e o tempo que leven radicados en Galicia.

Na solicitude debe constar claramente o nome da empresa, nome e apelidos do representante legal, co CIF da empresa e o DNI ou equivalente do representante na feira, e enderezo.

Con todas as solicitudes debe achegarse unha fotocopia do documento que acredite a alta no IAE e, de ser o caso, do pagamento da taxa correspondente. No caso dos editores, deberán achegar á solicitude de inscrición o catálogo dos seus fondos.

As dilixencias de inscrición para as casetas con venda faranse na Federación de Libreiros de Galicia. No caso dos editores, deberán achegar á solicitude de inscrición o catálogo dos seus fondos. A Federación de Libreiros de Galicia debe comunicarlle a lista de solicitantes á comisión técnica nun prazo non superior a cinco días tras o remate do prazo de inscrición de cada feira.

Os criterios de colocación dos posibles tipos ou seccións de casetas estarán determinados, en función do interese de cada feira, pola dirección técnica. Dentro destes criterios, a orde de colocación farase sempre por sorteo público, realizado polo menos con quince días de antelación respecto do comezo da feira, coas casetas numeradas correlativamente desde o 1 en diante.

Cando un solicitante presente para a mesma feira solicitudes para varias librarías, coa mesma titularidade para todas elas, pode participar con todas no sorteo, dentro do grupo que lle corresponda, pero soamente se lle adxudicará unha caseta, agás no caso de que non se complete a cota de casetas destinada ás librarías. Neste caso, adxudicaranse as casetas dispoñibles seguindo a orde de preferencia das solicitudes presentadas. No caso de haber máis dun solicitante nesta circunstancia, procederase a sortear as casetas sobrantes entre as solicitudes presentadas que quedasen sen adxudicar. O solicitante debe especificar a orde de preferencia.

Pechado o prazo de admisión de solicitudes, e pasados cinco días, se non existisen suficientes solicitudes para realizar a feira cubrindo as casetas programadas, procederase á proposta de suspensión da feira. Se for o caso, a suspensión notificaráselles por escrito ao director da feira correspondente e aos solicitantes.

Artigo 14. Normas internas de cumprimento dos participantes nas feiras do libro.

As casetas participantes na feira do libro deberán cumprir a seguinte normativa:

1. Cada caseta quedará claramente identificada por un cartel, que corresponderá ao nome da sinatura solicitante, sen que poida cederse ou arrendarse a outra persoa ou entidade, e debe contar obrigatoriamente con varios fondos diferenciados, sen que ningún deles supere o 50% do espazo dedicado á exposición. No caso das editoriais, deben levar fondos propios ou fondos galegos que leven en distribución, sen que poidan estes últimos exceder en ningún caso o 50% do espazo dedicado á exposición.

2. Todas as casetas de libraría con venda, agás as de carácter monográfico, deben contar cun mínimo dun 25% de libros en galego; o total de libros galegos da feira debe acadar un mínimo do 50%. O incumprimento desta norma pode motivar a exclusión de participar nas feiras do libro durante dous anos, contados a partir da data da aprobación na comisión técnica deste expediente.

3. Cada expositor ocupará a caseta correspondente, manténdoa aberta e debidamente instalada durante as horas programadas para cada feira. Todo expositor que teña a caseta pechada durante as devanditas horas será advertido pola dirección técnica da correspondente feira, ou pola persoa autorizada para iso, para que proceda á súa inmediata apertura. No caso de que se desatenda a advertencia ou reincida, entenderase que renuncia ao seu dereito a participar na feira e procederase á clausura definitiva da súa caseta, coa perda de todos os dereitos adquiridos pola súa participación e sen dereitos a compensacións. No caso de que un expositor, sen causa considerada xustificada pola dirección técnica das feiras do libro, non ocupe a caseta que tivese asignada, quedará automaticamente excluído desta, así como das feiras do libro que se organicen nun prazo de dous anos, contados a partir da data de finalización da feira en que cometese a infracción.

4. Queda prohibida a realización por parte dos feirantes de actividades paralelas no recinto da feira ou nas súas proximidades, non aprobadas pola comisión técnica, especialmente aquelas que poidan supoñer detrimento para esta. Queda, así mesmo, prohibido todo comportamento que supoña menosprezo, competencia desleal, ou falta de respecto grave cara aos outros feirantes. A comisión técnica, logo da presentación dunha acta de infracción elaborada pola dirección técnica da feira, poderá proceder á clausura definitiva da caseta do infractor, que perderá todos os dereitos adquiridos sen dereito a compensación.

5. Queda prohibida a colocación de carteis que modifiquen a denominación da sinatura participante, e tamén queda prohibida a exhibición de materiais promocionais alleos ao libro e ao seu contido.

6. Queda prohibida a práctica de técnicas de venda que coaccionen o público, e tamén que os participantes atendan o público desde o exterior das casetas. Trátase, con isto, de acadar a necesaria uniformidade nas condicións de venda e na creación dun recinto feiral que en ningún momento poida supor un compromiso para os visitantes.

7. Cada expositor deberá responder do perfecto estado da súa caseta ao remate da feira, e reporá pola súa conta o material que sufrise deterioración, imputable a unha mala utilización.

8. En cada caso, será a comisión técnica quen estudará todos os incidentes que se susciten, así como a súa gravidade, e determinará as medidas que se adoptarán, dun xeito inmediato, en cada un deles.

Disposicion derradeira primeira.

Facúltase a Secretaría Xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file