Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 11 de abril de 2012 Páx. 12877

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2012 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a habilitación dunha liña de financiamento específica para os produtores galegos de uva, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2012, en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 19 de decembro de 2011, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación dunha liña de financiamento específica para os produtores galegos de uva, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación dunha liña de financiamento específica para os produtores galegos de uva, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas e convocar o dito réxime de axudas en concorrencia non competitiva.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes nas entidades financeiras será de dous meses, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia; no caso de que o día inicial ou final do prazo coincidise en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte; concedéndose as axudas de conformidade co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o esgotamento do crédito orzamentario. O Igape publicará a devandita circunstancia no Diario Oficial de Galicia co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 31.4 da citada lei.

Terceiro. Dotación orzamentaria.

As axudas reguladas nestas bases financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 08.A1.741A.7700, cun crédito de 956.205€ para o exercicio 2012.

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito e modificar a partida orzamentaria, precedendo declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar axudas por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2012.

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación dunha liña de
financiamento específica para os produtores galegos de uva, instrumentadas
mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción
Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

A produción de uva para a elaboración de viño ten un carácter estacional e está suxeita a unha elevada incerteza pola súa dependencia do medio natural. Esta dependencia dá lugar a acusadas oscilacións na produción de uva nas distintas denominacións de orixe. As adegas vense pola súa vez condicionadas polas oscilacións da oferta de materia prima.

Os cambios experimentados tanto na produción de uva como na de viño nas últimas décadas non foron acompañados de cambios da mesma magnitude nos patróns que rexen as transaccións entre viticultores e adegas. Neste marco as transaccións entre viticultores e adegas dan lugar a un mercado caracterizado pola falta de transparencia que o afastan da concorrencia perfecta. As presentes axudas pretenden favorecer a transparencia do mercado, darlle unha maior estabilidade e equilibrar as relacións entre viticultores e adegas e preténdese impulsar o desenvolvemento das relacións contractuais no sector. Por iso, establécese como requisito para ser beneficiario a implantación de contratos homologados polo órgano competente da Consellaría do Medio Rural.

O Igape nas colleitas dos últimos cinco anos habilitou liñas de axuda nos mesmos termos que a que se pretende instrumentar para a presente campaña, facilitando con iso financiamento na distribución da uva cara aos mercados das adegas e demais industrias transformadoras.

A axuda que se habilitará permitirá que os beneficiarios poidan dispoñer sen custo financeiro do importe íntegro das letras de cambio aceptadas, das obrigas de pagamento á orde ou calquera outro documento habitualmente aceptado para o desconto ou anticipo polas entidades financeiras, asinados por razón da venda de uva.

Para iso, con estas axudas preténdese compensar ás entidades financeiras, que terá a consideración de axuda de minimis para o titular. O Regulamento (CE) n.º 1535/2007 da Comisión do 20 de decembro de 2007 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L 337/35 do 21.12.2007) permite a concesión de axudas neste réxime sempre que non exceda a contía de 7.500 € nun período de tres anos.

Neste sentido, proponse a convocatorIa das axudas do Igape para a habilitación dunha liña de financiamento específica para os produtores galegos de uva, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Igape e as entidades financeiras adheridas, que consideran os requisitos dos beneficiarios, o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados. A convocatoria das axudas deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base ao establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito. Xustifícase a excepcionalidade por canto neste casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de apoiar calquera operación financeira que cumpra os requisitos especificados nas presentes bases. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos coa debida dilixencia e en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1. Obxecto.

Estas bases regulan o obxecto, requisitos e procedemento de tramitación para a creación e posta en marcha dun mecanismo que lles facilite ás pemes galegas produtoras de uva, directamente ou a través das súas asociacións, o financiamento da venda da súa produción ás adegas e demais industrias transformadoras, mediante o desconto ou anticipo bancario de letras de cambio aceptadas, obrigas de pagamento á orde, ou calquera outro documento que poida ser anticipado pola entidade financeira, asinados polos seus clientes para o pagamento de facturas emitidas dende o 1 de setembro de 2011 ata un mes despois da data de publicación destas bases reguladoras.

A liña de desconto terá un límite global máximo de 15 millóns de euros e o seu importe distribuirase entre as entidades financeiras participantes. O criterio de repartición será o seguinte: os primeiros 10 millóns de euros repartiranse proporcionalmente ao montante de operacións financeiras de desconto realizadas ao abeiro das bases publicadas mediante Resolución do 5 de xaneiro de 2010, cun mínimo de 200.000 € por entidade financeira adherida. Os restantes 5 millóns de euros serán asignados á solicitude das entidades financeiras adheridas, unha vez esgotado o seu correspondente cupo, por orde de solicitude e en función das solicitudes que certifiquen ter recibidas.

Artigo 2. Beneficiarios do financiamento.

Poderán acceder ao mecanismo de financiamento previsto nestas bases aquelas pequenas ou medianas empresas conforme a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008) polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), produtoras de uva e que teñan un centro de traballo en Galicia, que non tivesen percibido axudas en réxime de minimis nos tres anos anteriores por importe superior a 7.500 € e que cumpran os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Características das operacións e axuda do Igape.

3.1. As liñas de desconto bancario deberán destinarse a adiantar o 100% do importe das letras de cambio aceptadas, das obrigas de pagamento á orde ou calquera outro documento habitualmente aceptado para o desconto ou anticipo polas entidades financeiras, asinados por razón da venda de uva.

3.2. Os documentos de pagamento presentados a desconto bancario deberán ter un vencemento non superior a doce meses dende a data da factura.

3.3. Unha vez aceptada a operación financeira, a entidade adiantará o 100% do importe da factura que conte cun documento de pagamento aprazado aceptado nas condicións establecidas nestas bases, podéndolle repercutir ao beneficiario unha comisión máxima de 2 euros por factura descontada, excluídos timbres, aranceis e impostos vinculados á operación de desconto. No caso de que a entidade lle repercutise un custo superior ao cliente, este deberalle ser reintegrado no momento en que o Igape faga efectiva a compensación á entidade financeira.

3.4. O Igape aboará directamente ás entidades financeiras os custos financeiros e de xestión que se deriven destas operacións, cunha porcentaxe do 0,017 % sobre o importe anticipado por cada día natural do anticipo. O dito importe non poderá superar por empresa beneficiaria a contía de 7.500 € ou a inferior que se tivese declarado no caso de ter percibido axudas en réxime de minimis nos últimos tres anos.

3.5. No caso de que o cliente do beneficiario adiantase o pagamento da venda, a entidade financeira deberá notificar tal circunstancia ao Igape, procedendo ao reintegro da parte proporcional dos custos financeiros non soportados pola entidade colaboradora.

Artigo 4. Tramitación das solicitudes.

4.1. Os produtores de uva interesados, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases, dirixirán a súa solicitude a calquera das entidades financeiras adheridas ao convenio de colaboración subscrito para tal efecto.

4.2. As entidades financeiras analizarán as solicitudes e asumirán o risco das operacións aprobadas. No caso de denegación das solicitudes, notificarán ao Igape os motivos desta segundo o anexo IV a estas bases reguladoras.

4.3. Previamente á disposición dos fondos descontados, a entidade financeira colaboradora deberá requirir do beneficiario a seguinte documentación que acredite a condición de beneficiario, a operación de venda e o instrumento para o seu pagamento aprazado:

– Instancia de solicitude, segundo o anexo I, que conterá a autorización para a tramitación da axuda pola entidade financeira en nome do solicitante ante o Igape; será asinada polo solicitante e custodiada pola entidade financeira, quen a tramitará ante o Igape en nome do solicitante.

– Copia do contrato asinado entre o viticultor e a adega, segundo modelo homologado polo órgano competente da Consellería do Medio Rural. Alternativamente, no caso de operacións entre socios e cooperativas das que son partícipes, nos ámbitos xeográficos nos que existan contratos homologados, certificación da adega cooperativa de compromiso dos termos dese contrato homologado.

– A declaración da condición de peme da solicitante, segundo o anexo II destas bases.

– A declaración de axudas en réxime de minimis e de non estar en situación de crise, segundo o anexo III destas bases.

– Copia do CIF ou NIF do solicitante.

– A factura orixinal e o documento de pagamento aprazado aceptado polo cliente do beneficiario, que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

– No caso de descontos efectuados pola cooperativa de produtores: a relación de primeiros produtores relacionada coas vendas.

– Autorización do tratamento necesario dos seus datos como beneficiario da axuda concedida ao abeiro destas bases e a súa cesión coa finalidade de publicalos nas páxinas webs oficiais do Igape e da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

– En aplicación do artigo 51.Un.m) da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, os solicitantes quedan exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

4.4. A entidade financeira conservará e custodiará á disposición do Igape a documentación relativa aos requisitos dos beneficiarios e ao destino da operación financeira durante un prazo de, polo menos, 4 anos dende a disposición dos fondos, e remitiralle ao Igape as aclaracións que solicite respecto destes.

4.5. As entidades financeiras deberán remitir ao Igape no prazo dun mes desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes nas entidades financeiras a relación das solicitudes presentadas acompañada dunha certificación asinada por apoderado con poder suficiente comprensiva das operacións de desconto acollidas ás presentes bases, dentro dos importes máximos previamente autorizados polo Igape, e que reflectirá polo menos: beneficiario, cliente, importe, data da factura, data de desconto, e data do vencemento do documento de pagamento xirado para o seu aboamento, segundo o anexo V destas bases, e as instancias de solicitude asinadas polos solicitantes.

No caso dos descontos a favor das cooperativas de produtores, xuntarase para cada operación, unha relación dos primeiros produtores implicados nas vendas facturadas, cos importes individualizados por cada produtor.

4.6. As entidades financeiras presentarán a relación das solicitudes presentadas acompañada da certificación das operacións de desconto a través da «Extranet de Entidades Colaboradoras» (http://extranet.igape.es) sendo esta vía telemática obrigatoria. O Igape resérvase a potestade de introducir modificacións no funcionamento e recollida de datos da Extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio elaborado para o efecto.

4.7. As solicitudes presentadas fóra do prazo establecido no artigo 4.5. anterior serán obxecto de resolución de arquivo, asumindo a entidade financeira toda a responsabilidade polos prexuízos que isto poida suporlle ao solicitante, agás que a presentación extemporánea sexa por motivos imputables ao solicitante.

4.8. A autorización de acceso á Extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as entidades financeiras teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a solicitude do anexo VIII.

4.9. Os usuarios da Extranet asinantes da solicitude por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

Será necesario que o usuario da Extranet asinante da solicitude teña a autorización do interesado e da entidade financeira tramitadora. A autorización por parte do interesado acreditarase mediante a solicitude orixinal (copia para a entidade financeira do anexo I); a autorización por parte da entidade financeira virá dada polo anexo VIII entregado ao Igape segundo se indicou anteriormente.

O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG n.º 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes.

4.10. O usuario da entidade financeira deberá asinar electronicamente as solicitudes xeradas pola aplicación e transferilas ao Igape. A continuación procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá un recibo no que quedará constancia do feito da presentación. Así mesmo, as entidades financeiras colaboradoras poderán obter en todo momento un xustificante de recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude.

4.11. Dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro electrónico, a entidade financeira comunicaralles aos solicitantes a data na que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (2 meses desde a data de presentación da relación de solicitudes pola entidade financeira) e os efectos do silencio administrativo (negativo).

4.12. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os datos exixidos nestas bases, requirirase ao solicitante e á entidade financeira para que, no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento, se emende a falta, con indicación de que, en caso contrario, se lle terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

Artigo 5. Resolución e aboamento da subvención.

5.1. Unha vez comprobada a documentación sinalada no punto 4.5, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección. O procedemento e contido da resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

5.2. A resolución será notificada de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5.3. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de dous meses desde a data de presentación da relación de solicitudes pola entidade financeira. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

5.4. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso administrativo diante dos xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición diante do director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.5. O Igape procederá ao pagamento das liquidacións correspondentes no mes seguinte a aquel no que recibise as correspondentes liquidacións.

Artigo 6. Compatibilidade e límite de axuda.

6.1. A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea.

6.2. As subvencións financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (CE) n.º 1535/2007 da Comisión do 20 de decembro de 2007 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector de produción dos produtos agrícolas (DOUE L 337/35, do 21.12.2007), que permite a concesión de axudas neste réxime sempre que non exceda a contía de 7.500 € nun período de tres anos. Neses termos serán compatibles con calquera outras axudas públicas ou privadas, non podendo exceder as intensidades máximas de axuda neles permitidos.

Artigo 7. Publicación.

7.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades financeiras e sociedades de garantía recíprocas para os efectos da formalización da operación, e a referida publicidade.

7.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 8. Modificación da resolución.

A obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nestas bases poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9. Control, reintegros, incumprimentos e sancións.

9.1. Tanto as entidades financeiras como os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases, e facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, e sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño de 2007 (DOG nº 121, do 25 de xuño).

9.2. En caso de comprobación de incumprimento das condicións destas bases respecto das obrigas de depósito e custodia de documentación e comprobación do destino dos fondos, para algunha das operacións financeiras acollidas a elas, procederá o reintegro das cantidades percibidas polas entidades financeiras, xunto cos xuros de mora producidos dende o seu pagamento.

9.3. As cantidades que se reintegrarán terán a consideración de ingresos de dereito público, e resultará de aplicación para o seu recobramento, se é o caso, a vía executiva.

Artigo 10. Adhesión mediante convenio de entidades financeiras colaboradoras.

10.1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración no que se regulen os compromisos das partes, a todas aquelas entidades financeiras que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se prestaron servizos financeiros a agricultores durante os últimos tres anos e se comprometen a desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles, humanos e técnicos, para facilitarlle o acceso a esta liña de financiamento), colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo VII das bases reguladoras.

10.2. Así mesmo, con posterioridade, poderán instar a súa adhesión ao convenio todas aquelas entidades financeiras acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos axeitados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido neste convenio e nas bases reguladoras. As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, asumindo as obrigas do artigo 12 do citado texto legal. As novas adhesións solicitaranse mediante o modelo do anexo VI das bases reguladoras, e formalizarse mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes do correspondente convenio. O Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) n.º 1535/2007 da Comisión do 20 de decembro de 2007 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector de produción dos produtos agrícolas (DOUE L 337/35, do 21.12.2007), na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII
Relación de entidades financeiras colaboradoras

Caixas

Bancos

Caixa Rural Galega

-Banco Gallego, S.A.

-Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.

-NCG Banco, S.A.

missing image file