Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 12 de abril de 2012 Páx. 13037

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de marzo de 2012 de delegación de competencias no secretario xeral técnico, secretarios xerais e xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

O Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, supuxeron a creación da Consellería do Medio Rural e do Mar, cuxa estrutura se concretou no Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar.

A actividade administrativa da Consellería do Medio Rural e do Mar leva consigo unha concentración de funcións no seu titular, cuxo volume aconsella naqueles asuntos que non exixan unha atención directa e persoal da conselleira, recorrer á delegación de competencias, co debido respecto aos principios informadores da actividade administrativa, que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1, en prol dunha maior axilidade da actuación que beneficie tanto a Administración como os administrados.

A Orde do 20 de xaneiro de 2012, de delegación de competencias no secretario xeral técnico, secretarios xerais, directores xerais e xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, veu recoller o conxunto de delegacións de competencias por parte da persoa titular da consellería nos distintos órganos desta, pero o tempo transcorrido puxo de manifesto a necesidade introducir modificacións na delegación vixente co obxecto de mellorar a eficiencia e eficacia administrativas.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, do disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Delegacións no secretario xeral técnico.

Primeiro. Administración de persoal.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a o exercicio das facultades que corresponden ao/á conselleiro/a en materia de persoal segundo o establecido no artigo 17 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Segundo. Contratación.

1. Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos nesta materia:

a) O inicio e aprobación dos expedientes de contratación e a aprobación e disposición do gasto.

b) O recoñecemento de obrigas e proposta de ordenación dos pagamentos correspondentes, salvo nos contratos de obras correspondentes aos créditos das secretarías xerais.

c) As competencias que corresponden á persoa titular da consellería en materia de contratos menores correspondentes á secretaría xeral técnica.

d) Dispoñer a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 113 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

e) A aprobación dos pregos de prescricións técnicas, de cláusulas administrativas particulares e dos modelos tipo destes.

f) A adxudicación e formalización dos contratos; as prerrogativas da súa interpretación, resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta, así como as restantes prerrogativas que, de acordo coa lexislación, corresponden ao órgano de contratación.

g) A aprobación dos proxectos e das súas modificacións.

h) As competencias que en materia de encomendas de xestión corresponden á persoa titular da consellería.

Terceiro. Xestión financeira e orzamentaria.

a) Autorizar e dispoñer os gastos xerais dos servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á autorización do Consello da Xunta de Galicia, así como a facultade de solicitar da Consellería de Facenda a adecuación dos pagamentos correspondentes.

b) As facultades que corresponden á persoa titular da consellería en materia de validación do gasto prevista no artigo 102 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Cuarto. Xestión patrimonial.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio atribúe ao titular da consellería.

Quinto. Subvencións e sancións.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a da consellería a competencia para iniciar e resolver os procedementos de reintegro e perda do dereito ao cobramento de axudas e subvencións e a incoación de procedementos sancionadores e imposición de sancións tipificadas como leves e graves nos artigos 54 e 55 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, delégase no/a secretario/a xeral técnico/a a competencia para a imposición das sancións que correspondan ao titular da consellería en virtude da cualificación da infracción cometida ou da contía da sanción proposta, e a adopción de medidas ao longo do proceso sancionador que correspondan ao titular da consellería.

Sexto. Recursos e reclamacións.

1. Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada e extraordinario de revisión cando a facultade de resolución corresponda ao titular da consellería, e mesmo suspender a execución dos actos impugnados. Igualmente, corresponderalle a resolución do recurso especial en materia de contratación.

b) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades delegadas, así como os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas polos secretarios xerais e outros órganos en exercicio das facultades delegadas.

c) Iniciar e resolver os procedementos de revisión de oficio, declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, así como a rectificación de erros cando ditase o acto rectificado por delegación, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

d) Resolver as reclamacións previas á vía civil e aos procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, incluíndo, se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería.

e) Resolver os procedementos de suspensión condicional de sancións, a súa remisión e revogación previstos no artigo 151 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

f) Presentar e dar resposta aos requirimentos que, con carácter previo á vía contencioso-administrativa, se susciten entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e outras administracións públicas, así como a tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polo Valedor do Pobo e outras institucións.

Sétimo. Comisións de servizo con dereito a indemnización.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente dos servizos centrais da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Oitavo. Réxime interno.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a a disposición de todo o relativo ao réxime interno da consellería cando non sexa competencia do/a conselleiro/a ou doutra secretaría xeral.

Noveno. Fundacións.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a o exercicio das facultades que a normativa en materia de fundacións atribúe ao protectorado destas.

Décimo. Montes veciñais en man común.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a a emisión dos informes que o artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, atribúe ao conselleiro.

Décimo primeiro. Criterios complementarios.

1. Na aplicación das delegacións contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) Atribúese ao/á secretario/a xeral técnico/a o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, non están expresamente delegadas noutros órganos.

b) Atribúese ao/á secretario/a xeral técnico/a o despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos á titular da consellería.

Artigo 2. Delegacións nos/as secretarios/as xerais.

1. Deléganse nos/as secretarios/as xerais as seguintes competencias:

Primeiro. Contratación.

a) O exercicio das facultades que o ordenamento xurídico atribúe á persoa titular da consellería en relación cos contratos que teñan a consideración de menores na súa secretaría xeral, sen prexuízo das competencias que correspondan aos xefes territoriais respecto dos créditos que para tal fin sexan desconcentrados.

b) O recoñecemento de obrigas e proposta de ordenación dos pagamentos correspondentes aos contratos de obras da súa secretaría xeral.

Segundo. Xestión financeira e orzamentaria.

a) Autorizar e dispoñer os gastos con cargo ás aplicacións orzamentarias do estado de gastos dos orzamentos xerais asignadas a súa secretaría que non se atopen reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

b) Recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagos correspondentes aos créditos sinalados no punto anterior, cos límites igualmente indicados.

Terceiro. Subvencións.

a) Delégase nos/as secretarios/as xerais a competencia para resolver os procedementos de axudas e subvencións que se tramiten no ámbito das súas competencias.

Cuarto. Convenios.

A sinatura de convenios ata o límite de 150.000 euros no ámbito da súa secretaría xeral.

2. Deléganse no/a secretario/a xeral do Mar as seguintes competencias en materia de acuicultura:

2.1. De acordo co disposto no título V da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia:

a) Outorgamento dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade da acuicultura nas zonas marítima, marítimo-terrestre e terrestre.

b) Autorización para o cambio de cultivo de especies autorizadas ou a realización de cultivos poliespecíficos en establecementos na zona marítimo-terrestre e zona terrestre.

c) Outorgamento das concesións experimentais na zona marítima e marítimo-terrestre.

d) Autorización para a comercialización dos produtos obtidos no desenvolvemento dos proxectos de concesións experimentais outorgadas na zona marítima e marítimo-terrestre.

e) Revogación das concesións experimentais na zona marítimo-terrestre.

2.2. De acordo co disposto no Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia:

a) Autorización para a constitución de hipotecas e outros dereitos de garantía sobre as concesións.

b) Autorización para o cambio de cultivo de especies autorizadas ou a realización de cultivos poliespecíficos, de acordo co establecido na Orde do 18 de abril de 2001, que regula o procedemento que rexerá a permuta de puntos de fondeadura e os cambios de sistema, localización e cultivo nos viveiros de cultivos mariños.

c) Revogación das concesións experimentais.

d) Acordo de retirada, á custa do titular, do viveiro que, logo da comunicación ao seu titular de que este non reúne as condicións mínimas de seguranza exixibles e da perigosidade que representa, así como da necesidade de reparación inmediata, non se levase a efecto no prazo establecido.

e) Autorización para traslado de semente, desdobramento de adultos, entre distintas rías comprendidas en ámbitos territoriais correspondentes a máis dunha xefatura territorial, de acordo co establecido na Orde do 14 de marzo de 1997, que establece as condicións para o traslado de moluscos bivalvos entre viveiros situados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Autorización para a actividade de reparqueamento de moluscos na zona marítima de conformidade co artigo 65 bis da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, así como a resolución dos expedientes para outorgar o permiso de traslado de moluscos ás zonas marítimas autorizadas durante o tempo necesario para a eliminación de toxinas.

2.3. De acordo co disposto no artigo 17 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia:

a) O outorgamento dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade da acuicultura.

Artigo 3. Delegacións nos xefes territoriais.

1. Deléganse nos/as xefes/as territoriais as seguintes competencias:

a) Autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos con cargo ás aplicacións orzamentarias do capítulo II do estado de gastos dos orzamentos xerais, ata o límite dos créditos que para tal fin sexan desconcentrados e distribuídos polo/a titular da consellería, que non se atopen reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

b) O exercicio das competencias que en materia de contratos menores corresponden á persoa titular da consellería ata o límite dos créditos que para tal fin sexan desconcentrados.

c) Respecto dos referidos créditos, as funcións que como órgano de contratación lles son atribuídas ao/á titular da consellería pola lexislación vixente, así como a sinatura e formalización de convenios.

d) Delégase nos/as xefes/as territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar o exercicio da competencia para efectuar as contratacións de persoal temporal a que lle sexa de aplicación o acordo sobre as condicións especiais de traballo do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galicia incluído no V convenio colectivo único da Xunta de Galicia ou normativa que o substitúa ou sexa de aplicación.

Artigo 4. Delegacións no/a presidente/a do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

Deléganse no/a presidente/a do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia:

a) O exercicio da facultade de aprobar os plans de utilización dos espazos portuarios dos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A competencia atribuída á conselleira para a imposición das sancións en materia de portos nos casos de infraccións graves previstas no artigo 39.1.º c) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia, ditado en aplicación e desenvolvemento da Lei 5/1994, do 29 de novembro.

c) A competencia para resolver recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades delegadas.

d) Outorgar as concesións e autorizacións por ocupación de dominio público adscrito á Comunidade Autónoma dentro do recinto portuario e aplicar os correspondentes cánons, sen prexuízo do disposto no artigo 3.3 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

Artigo 5. Réxime xurídico das delegacións.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

2. En calquera momento o/a conselleiro/a poderá reclamar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das cales quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no artigo 13.2.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 42.2.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

3. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade do/a secretario/a xeral técnico/a, as súas competencias serán asumidas polo/a vicesecretario/a xeral, durante o tempo que persistan as devanditas causas, con excepción da asistencia ás reunións da comisión de secretarios xerais técnicos e as competencias delegadas en materia de contratación, que serán asumidas, neste último caso, polos secretarios xerais competentes por razón da materia.

4. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade dos/as secretarios/as xerais, as súas atribucións serán asumidas, durante o tempo que persistan as devanditas causas, polo secretario/a xeral técnico/a.

5. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade dos/as directores xerais, as súas atribucións serán asumidas, durante o tempo que persistan as devanditas causas, polo/a secretario/a xeral de que dependan.

6. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos/as xefes/as territoriais, as súas funcións serán asumidas pola persoa que designe a conselleira.

7. As do/a presidente/a do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia rexeranse polo disposto na normativa do citado ente público.

Disposición adicional.

A delegación de competencias nos secretarios xerais para resolver procedementos de concesión de axudas e subvencións e no secretario xeral técnico para resolver os procedementos de reintegro prevalecerá sobre as normas específicas de igual ou inferior rango que regulen esta materia.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogada a Orde do 20 de xaneiro de 2012, de delegación de competencias no secretario xeral técnico, secretarios xerais, directores xerais e xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia e cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2012.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar