Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 13 de abril de 2012 Páx. 13194

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Preámbulo

O deporte constitúe unha actividade de máxima importancia e relevancia nas sociedades modernas. Asóciase directamente a un modo de vida saudable co que se contribúe á mellora das propias condicións físicas, así como a valores de superación, loita, respecto aos demais e ás normas, e de crecemento persoal baseado no esforzo e na mellora do propio rendemento. Todos eles son valores sociais especialmente interesantes no proceso de sociabilidade.

A alínea 22 do artigo 27 da Lei orgánica 1/1981, do 6 abril, que aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva na promoción do deporte e da adecuada utilización do lecer. No exercicio da devandita competencia, o Parlamento de Galicia dita a Lei 11/1997, do 22 agosto, xeral do deporte de Galicia, que se converte así na primeira norma con vocación de regulación da actividade física e deportiva no ámbito de Galicia.

A partir desta norma, articulouse un esquema competencial e de ordenación dos poderes públicos que cómpre actualizar e modernizar no momento presente, cando, polo transcurso do tempo e pola propia concepción daquela norma, ambos os dous factores de actualización e modernización se converten en esenciais, e asemade débense asentar as bases do dereito da cidadanía ao coñecemento e á práctica do deporte.

Desde esta perspectiva, a lei ten por obxecto establecer un marco xeral de desenvolvemento e organización da actividade física e deportiva de carácter integral no que se considera o deporte no seu conxunto, sen prexuízo das diferenzas na forma e na responsabilidade do tratamento. Desta forma pódese dicir que o que a norma regula é o conxunto das actividades físicas e deportivas e a forma na que estas se deben realizar, así como a organización administrativa que debe dar o servizo e debe impulsar a competencia autonómica na materia.

Esta concepción integral da actividade física e deportiva obriga a unha reconsideración do modelo deportivo galego e das responsabilidades que, respecto deste, teñen os distintos axentes que interveñen no deporte.

A lei articúlase en nove títulos que tratan de establecer o marco de actuación dos poderes públicos na materia. Así, o título I fixa o obxecto e os principios de ordenación do deporte. Trátase de establecer un marco principal en dous ámbitos: os principios xerais do deporte e os principios reitores da ordenación deportiva. Asegúrase así a aplicación ao ámbito da actividade física e deportiva de principios e valores constitucionais inherentes á propia condición humana xunto con principios de xestión inherentes á actividade pública da Administración deportiva.

O título II delimita as competencias das distintas administracións públicas en materia de actividade física e de deporte, como consecuencia da vocación xeralista da propia norma e da necesidade de conseguir que a actuación do conxunto dos poderes públicos responda a criterios e obxectivos comúns.

O título III conceptúa a actividade deportiva e a actividade física. Así mesmo, e respecto da primeira, procede á súa reordenación, establece as regras e as pautas comúns para a realización de eventos, competicións e, en xeral, das actividades deportivas, determina os responsables destas así como un marco que permita a súa realización en condicións de seguridade suficientes. Para iso realízase unha ordenación e clasificación das características máis relevantes daquelas, xa sexa pola súa afección á práctica deportiva organizada, ou pola idade ou a ocasión en que se realiza a actividade deportiva. As determinacións alcanzan a práctica deportiva no seu conxunto, coa única excepción da que se realiza de forma espontánea e á marxe de ningunha organización.

O título IV refírese aos axentes da actividade deportiva. En concreto, establécense as regras para a consideración xurídica de deportista, árbitro e técnico, e outras categorías ligadas ao ámbito da actividade física e deportiva, e procédese a unha ampla reordenación das entidades deportivas. A regulación no seu conxunto responde á idea da simplificación das actuais estruturas e da facilitación da actividade de fomento.

O título V refírese á investigación e á formación do persoal técnico-deportivo. En esencia, o título é habilitador do establecemento dun marco, necesitado de desenvolvemento regulamentario e de medidas de impulso e de xestión, no que a práctica deportiva nos seus distintos niveis se realice coa presenza e coa dirección de persoal técnico-deportivo que permita a súa realización en condicións de seguridade e nas mellores condicións para evitar unha mala práctica deportiva.

As titulacións deportivas, definidas na lexislación do Estado, atopan neste ámbito unha aplicación que é coherente co marco establecido e que se sitúa nun contexto máis amplo, que se quere impulsar desde Galicia, de aposta pola investigación e pola innovación no deporte como elementos que deben contribuír á actualización permanente das técnicas e das formas de práctica do deporte e que contribúen ao criterio de modernización do marco de realización que preside a lei.

O título VI establece expresamente unha regulación das instalacións deportivas efectuada sobre a base da coordinación interadministrativa cando existan fondos públicos afectados na súa construción, da súa eventual polivalencia e da súa utilización ordenada e conxunta para distintas modalidades deportivas e das formas de práctica destas.

O Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia convértese así nun instrumento esencial para a planificación e ordenación destas conforme os principios de eficacia e eficiencia na utilización dos fondos públicos. Este instrumento de planificación xeral denomínase Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos, que se debe converter no elemento necesario da política común no ámbito do deporte.

O título VII aborda a xurisdición deportiva. Neste punto debe indicarse que a concepción de partida é a que preside a totalidade da lei: simplificación e modernización. Ao ser isto así, optouse por que sexa un único órgano o que coñeza do conxunto dos conflitos que poden xurdir no ámbito. Estes conflitos afectan a potestade disciplinaria común, a potestade sancionadora pública, os aspectos de organización non disciplinarios e o control dos procesos electorais que se poidan realizar nas federacións deportivas galegas.

O fundamento da actuación do Comité Galego de Xustiza Deportiva é diferente en cada un dos supostos indicados e tamén o son a normativa e o propio procedemento que se deben utilizar para a resolución dos conflitos, pero esta dinámica, cuxos límites non sempre son claros, interiorízase ao lle atribuír o conxunto das competencias ao mesmo órgano que, no marco da súa organización específica, lle asegura ao cidadán a resolución do conflito con independencia da natureza deste.

Adicionalmente, establécese unha reordenación do réxime de infraccións e sancións, e establécense as regras para a determinación e concreción regulamentaria dos procedementos sancionadores. Así mesmo, establécese unha reordenación do control dos procesos electorais e do exercicio da potestade sancionadora pública en materia de deporte.

O título VIII refírese especificamente á prevención e loita contra a dopaxe no deporte. Debe indicarse, neste punto, que o proceso internacional e estatal de establecemento dun marco de loita contra a dopaxe obriga o conxunto dos poderes públicos a establecer un marco coordinado e adaptado que impida que a dopaxe se poida producir en calquera dos niveis do deporte. O modelo deseñado axústase á normativa estatal actual e pon énfase na realización dunha política real e axustada de controis xunto coa presenza activa da Xunta de Galicia no proceso de información e transmisión pública do valor do xogo limpo e dos prexuízos da dopaxe.

O título IX refírese á actuación autonómica en materia de prevención e represión da violencia e das condutas contrarias á boa orde deportiva. En esencia, trátase de establecer un marco de prevención e control das actuacións violentas e lesivas doutros valores constitucionais que poden atopar na vistosidade social da práctica deportiva unha forma de publicidade que lles dea unha dimensión e unha relevancia social que, en realidade, constitúe o seu verdadeiro obxectivo.

Configúrase así un marco xurídico moito máis amplo e completo que o precedente, que debe servir para o establecemento das bases dunha política pública máis ordenada e coordinada que lle dea satisfacción ao conxunto dos actores e contribúa a realzar e reformular o modelo deportivo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei do deporte de Galicia.

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

1. É obxecto desta lei promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico lle atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Enténdese por deporte todo tipo de exercicio físico que, mediante unha participación organizada ou doutro tipo, teña como finalidade a expresión ou mellora da condición física e psíquica, o desenvolvemento de relacións sociais e/ou o logro de resultados en competicións de todos os niveis.

Artigo 2. Funcións do deporte.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia recoñece as especiais funcións que o deporte desempeña na sociedade; en especial, nos ámbitos da educación, da formación e da cultura, na mellora da saúde pública, no fomento da cohesión social, no desenvolvemento e no respecto polo medio ambiente.

2. En atención ás funcións mencionadas, o deporte considérase de interese público para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Principios reitores.

Esta lei ten por principios reitores os seguintes:

a) A consideración do deporte como actividade de interese público, co recoñecemento das especiais funcións que, para o individuo e a sociedade, posúe.

b) O dereito de todos os cidadáns a coñecer e a practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática, en termos de igualdade e sen discriminación ningunha.

c) A consecución dunha práctica deportiva adaptada ás condicións de cada individuo.

d) O impulso da participación da muller en todos os ámbitos da actividade deportiva.

e) O recoñecemento do deporte como elemento integrante da cultura galega e a consideración das modalidades deportivas autóctonas como patrimonio cultural da Comunidade Autónoma.

f) A consecución dunha práctica deportiva integrada nos valores de preservación do medio ambiente e da sustentabilidade e respectuosa con eles.

g) A protección do deportista, con especial atención á súa saúde.

h) A garantía da práctica deportiva en condicións de saúde e seguridade, para o que será necesaria a cualificación adecuada dos profesionais que a dirixen.

i) O compromiso da formación e investigación nos ámbitos relacionados co deporte.

j) A optimización e complementariedade dos recursos públicos existentes e a necesaria concorrencia da participación privada.

k) A eficacia, eficiencia, descentralización, desconcentración, coordinación, colaboración e participación das entidades públicas e privadas, e a promoción da colaboración entre o sector público e o privado co fin de garantir a máis ampla e mellor oferta deportiva.

Artigo 4. Principios xerais.

No ámbito das súas respectivas competencias, as administracións públicas galegas fomentarán a práctica do deporte conforme os seguintes principios:

a) O fomento e a protección do dereito ao coñecemento e á práctica do deporte, así como a divulgación dos beneficios inherentes a este para a súa máxima xeneralización.

b) A promoción do deporte en sectores sociais especiais por razón de idade, condición física ou psíquica, ou situación persoal.

c) A adecuada utilización do medio natural para a práctica deportiva, e a súa compatibilización coa protección do medio ambiente.

d) A promoción e difusión do deporte galego nos ámbitos supraautonómicos, así como da participación das seleccións galegas nestes.

e) A promoción e difusión do coñecemento e do ensino do deporte, con atención especialmente á práctica deportiva en idade escolar e universitaria.

f) O fomento do asociacionismo deportivo.

g) A promoción do deporte de competición e de alto nivel en colaboración coas federacións deportivas e demais entidades con competencia en materia de deporte.

h) A incentivación da colaboración e do patrocinio privados no ámbito deportivo.

i) O fomento dunha adecuada protección, asistencia médica e sanitaria dos deportistas, así como o control das medidas de seguridade e salubridade das instalacións deportivas.

j) A planificación e promoción dunha rede de instalacións deportivas que posibilite a xeneralización práctica da actividade deportiva.

k) O impulso e a coordinación da formación, da investigación científica e do desenvolvemento tecnolóxico do deporte.

l) A colaboración na erradicación da violencia no deporte, o fomento do xogo limpo, así como a loita contra o uso e manexo de substancias prohibidas destinadas a alterar artificialmente o rendemento dos deportistas.

m) A promoción da cualificación e regulación profesional no deporte.

Título II
Das competencias das administracións públicas galegas
en materia de deporte

Artigo 5. Competencias da Administración autonómica.

1. Consonte a competencia exclusiva establecida no artigo 27.22 do Estatuto de autonomía de Galicia, correspóndelle á Administración autonómica o exercicio das seguintes competencias:

a) Exercer a máxima representación oficial do deporte da Comunidade Autónoma ante os organismos estatais e, de ser o caso, internacionais, sen prexuízo das competencias da Administración do Estado.

b) Formular a política deportiva autonómica, definir e fixar as directrices e programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego nos seus diferentes niveis, así como planificar e organizar o sistema deportivo de Galicia.

c) Establecer os mecanismos e criterios de coordinación entre as distintas administracións públicas da Comunidade Autónoma.

d) Establecer e regular o uso de emblemas, símbolos e distintivos oficiais da Comunidade Autónoma en actividades e manifestacións deportivas.

e) Realizar as convocatorias de ámbito autonómico para o outorgamento de premios ou distincións, así como para a concesión de subvencións e outras actuacións de fomento do deporte que se terán que producir con base en baremos públicos e obxectivos e, se é o caso, en concorrencia competitiva.

f) Fomentar e regular o asociacionismo deportivo de Galicia.

g) Autorizar ou denegar a constitución das entidades deportivas previstas nesta lei, así como revogar, de ser o caso, a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

h) Aprobar os estatutos das entidades deportivas, así como os regulamentos electorais e os relativos ao funcionamento interno das federacións deportivas.

i) Exercer a potestade sancionadora e a función inspectora en materia de deporte, así como establecer os criterios de control e eficiencia sobre as actividades das federacións deportivas galegas.

j) Coordinar e tutelar as federacións deportivas galegas no exercicio das funcións públicas que teñen delegadas, e iso sen menoscabo da súa actividade privada.

k) Recoñecer e cualificar novas modalidades e especialidades deportivas, así como establecer os criterios e requisitos para o seu recoñecemento.

l) Cualificar e autorizar as competicións oficiais de ámbito autonómico, e autorizar a utilización de denominacións como “campionato galego”, “copa de Galicia”, “campionato autonómico” ou expresións de contido semellante. A autorización entenderase outorgada nas competicións que, organizadas polas federacións deportivas galegas, teñan esas denominacións, agás prohibición expresa que deberá ser motivada.

m) Regular e fomentar o deporte e os deportistas de alto nivel de Galicia e as categorías de deportistas, así como os requisitos para ser incluídos nestas e os seus beneficios.

n) Promover, ordenar e organizar o deporte en idade escolar, e fomentar e coordinar as actividades deportivas entre as universidades galegas, sen detrimento das competencias destas na actividade deportiva.

ñ) Promover e impulsar, en colaboración coas universidades e outras entidades e administracións, a investigación no ámbito das ciencias da actividade física e do deporte.

o) Ordenar e organizar as ensinanzas deportivas, así como a expedición dos correspondentes títulos que as acrediten, sen prexuízo das competencias do Estado e das universidades nestas materias.

p) Promover, en colaboración coas universidades, con outras entidades e administracións e coas propias entidades deportivas, a atención médica e o control sanitario dos deportistas.

q) Establecer e, de ser o caso, recoñecer os centros de alto nivel deportivo da Comunidade Autónoma. Ningunha instalación que non sexa recoñecida pola Administración autonómica poderá utilizar as denominacións establecidas por ela neste ámbito.

r) Aprobar o Plan de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia, así como ordenar e, de ser o caso, xestionar as instalacións e os centros deportivos que teña adscritos.

s) Aproveitar adecuadamente o medio natural e regular nel a práctica deportiva.

t) Establecer unha política activa de protección da saúde do deportista, de loita contra a dopaxe no deporte e de transmisión e represión das condutas violentas ou contrarias á boa orde social.

u) Ditar as disposicións regulamentarias de desenvolvemento desta lei.

v) Calquera outra que legal ou regulamentariamente se lle atribúa.

2. As competencias indicadas na alínea anterior exerceranas, nos termos establecidos nesta lei e, se é o caso, nas súas normas de desenvolvemento, os órganos administrativos que determinen as normas de organización e funcionamento da Xunta de Galicia.

3. No exercicio das competencias atribuídas á Administración autonómica, integrarase a dimensión da igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes e evitarase calquera elemento de discriminación directa ou indirecta.

Artigo 6. Convenios de colaboración.

Para o mellor exercicio das súas competencias, a Administración autonómica poderá subscribir convenios de colaboración coas demais administracións públicas e entidades públicas e privadas vinculadas á actividade deportiva.

Artigo 7. Deputacións provinciais.

As deputacións provinciais, nos termos que dispón esta lei, a lexislación de réxime local e a lexislación sectorial do Estado, exercerán no seu correspondente ámbito territorial as seguintes competencias:

1. Fomentar, promover e difundir o deporte.

2. Colaborar cos municipios para garantir a prestación integral e adecuada de actividades deportivas e impulsar a xestión mancomunada destas.

3. Asistir os municipios e colaborar con eles, sobre todo cos de menor capacidade económica e de xestión, no deseño e na construción de instalacións deportivas e no desenvolvemento da práctica deportiva.

4. Construír, xestionar, ampliar e manter as instalacións deportivas de titularidade provincial e, de ser o caso, a xestión e o mantemento das de titularidade autonómica cuxo uso e cuxa xestión lles sexan cedidos.

5. Velar pola plena utilización das instalacións deportivas existentes no seu termo e procurar a participación das asociacións deportivas do seu ámbito na optimización do seu uso, así como coidar as súas condicións de hixiene e seguridade.

6. Calquera outra actuación que vaia en beneficio do desenvolvemento deportivo local, comarcal ou provincial.

Artigo 8. Os municipios.

Os municipios, nos termos que dispón esta lei, a lexislación de réxime local e a lexislación sectorial do Estado, exercerán no seu correspondente ámbito territorial as seguintes competencias:

1. Fomentar, promover e difundir o deporte, especialmente o deporte en idade escolar.

2. Promover e, de ser o caso, executar, no ámbito da súa competencia, os programas xerais do deporte, mediante a coordinación coa Administración autonómica, así como coa colaboración con outros entes locais, federacións deportivas galegas ou outras asociacións deportivas.

3. Construír, xestionar, ampliar e manter as instalacións deportivas de titularidade municipal e, de ser o caso, a xestión e o mantemento das de titularidade autonómica cuxo uso e cuxa xestión lles sexan cedidos, tendo en conta a cualificación adecuada do persoal responsable para esas finalidades.

4. Velar pola plena utilización das instalacións deportivas da súa titularidade, procurar a participación das asociacións deportivas do seu ámbito municipal na optimización do seu uso e coidar as súas condicións de hixiene e seguridade.

5. Fomentar e apoiar a creación de asociacións deportivas no seu ámbito territorial, especialmente nos centros de ensino, barrios e centros de traballo.

6. Procurar que nos plans de ordenación urbanística se establezan as reservas de espazos e cualificacións de zonas para a práctica do deporte, así como a instalación de equipamentos deportivos e levar un censo actualizado no seu ámbito territorial de instalacións deportivas de uso público, tanto de titularidade pública coma privada.

7 Autorizar, consonte os requisitos xerais, a realización de actividades deportivas fóra das instalacións deportivas e en patrimonio público municipal.

8. Organizar campionatos e eventos deportivos de carácter local.

9. Calquera outra actuación que vaia en beneficio do desenvolvemento deportivo local ou que lles poida ser atribuída legal ou regulamentariamente e que contribúa aos fins ou obxectivos desta lei.

10. Os concellos de máis de 5.000 habitantes contarán cunha área de deportes, que poderá ser mancomunada, para contribuír a achegar a actividade físico-deportiva a toda a cidadanía e garantir o pleno aproveitamento social das instalacións.

Artigo 9. Relacións interadministrativas.

As competencias en materia de deporte das diferentes administracións públicas de Galicia exerceranse baixo os principios de cooperación, colaboración, coordinación e información multilateral.

Así mesmo, as administracións públicas galegas relaciónanse co Estado e co resto de comunidades sobre a base da cooperación e da colaboración recíproca.

Título III
Actividade deportiva e actividade física

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 10. Actividade deportiva e actividade física.

1. Para os efectos desta lei, enténdese por actividade deportiva o exercicio físico regulamentado, cuxo principal obxectivo é a participación e/ou consecución dun resultado deportivo en competicións desenvolvidas no ámbito federativo ou nas competicións recoñecidas pola Administración deportiva autonómica. Distinguirase entre modalidade deportiva e especialidade deportiva en función das características, da organización e da práctica de cada actividade, así como da súa organización federativa.

2. Entenderase por actividade física o exercicio físico desenvolvido co principal obxectivo de mellorar a condición física e/ou a ocupación activa do tempo de lecer, e de favorecer o desenvolvemento integral das persoas.

Artigo 11. Protección e asistencia sanitaria.

A Administración deportiva de Galicia procurará que o deporte se desenvolva coa asistencia sanitaria correspondente.

A asistencia sanitaria será prestada, no marco das competicións deportivas oficiais galegas, mediante contratos con entidades privadas ou con convenios con entidades públicas.

A Administración deportiva autonómica impulsará a actividade dos centros de medicina deportiva coa finalidade de colaborar na preparación dos deportistas e no seu progreso na actividade deportiva.

Artigo 12. Beneficios fiscais.

A Administración autonómica, naqueles impostos sobre os que teña capacidade normativa, poderalles ofrecer beneficios fiscais ás persoas físicas ou xurídicas e ás entidades públicas e privadas polas achegas que destinen a actividades deportivas ou de promoción da actividade física, en concepto de patrocinio, mecenado ou figuras de carácter análogo.

Artigo 13. Deporte entre sectores sociais de especial sensibilidade.

As administracións públicas de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, impulsarán os mecanismos máis apropiados para promover a práctica da actividade física e da actividade deportiva entre os sectores sociais máis vulnerables.

Artigo 14. Actividade deportiva no medio natural.

1. O respecto ao medio, e especificamente ao medio natural, constitúe un dos obxectivos esenciais das políticas deportivas e do conxunto das administracións públicas galegas.

2. Para o cumprimento do anterior obxectivo, a Administración autonómica promoverá a existencia de información actualizada do réxime e dos requisitos necesarios para a práctica deportiva no medio natural, así como as limitacións e restricións para esta, co fin de favorecer a práctica de modalidades deportivas que se desenvolvan nel.

Artigo 15. Deportes autóctonos.

As administracións públicas de Galicia promoverán a recuperación, o mantemento, a práctica e o desenvolvemento dos deportes autóctonos, propios da Comunidade Autónoma, en colaboración coas entidades oficialmente recoñecidas neste ámbito.

Artigo 16. Deporte e discapacidade.

1. As administracións públicas de Galicia promoverán e fomentarán a práctica do deporte das persoas con algunha discapacidade, en condicións que non supoñan unha discriminación nin un impedimento no seu acceso e desenvolvemento.

2. As administracións deportivas de Galicia, no exercicio das súas competencias, impulsarán as medidas adecuadas para favorecer a capacitación específica de técnicos para a preparación deportiva das persoas con discapacidade, participen ou non en actividades deportivas de competición.

3. A práctica deportiva federada rexerase polo previsto especificamente no artigo 51.6.

4. A Administración autonómica velará pola práctica deportiva de toda persoa con algunha discapacidade, así como polo libre acceso ás instalacións deportivas que figuren no Rexistro de Instalacións Deportivas.

Capítulo II
Actividade deportiva

Artigo 17. Recoñecemento de modalidades e especialidades deportivas.

1. Correspóndelle á Administración autonómica recoñecer as modalidades e as especialidades deportivas.

2. Enténdese por modalidade deportiva o conxunto de prácticas e regras que conforman unha forma peculiar de práctica deportiva con carácter autónomo e diferenciado de calquera outra. A determinación dunha modalidade deportiva farase sobre a base das técnicas utilizadas para o exercicio, a destreza necesaria, a diferenciación con outras modalidades, a implantación e o nivel de práctica.

Para o recoñecemento dunha modalidade deportiva terase en conta, entre outros factores, o seu recoñecemento ou a existencia desta no ámbito internacional, estatal e autonómico, a súa relevancia e especificidade, a práctica autóctona, o número de practicantes e a estrutura asociativa que a avale.

3. Enténdese por especialidade deportiva aquela práctica deportiva que, malia non reunir os requisitos para ser considerada modalidade deportiva, ten singularidade na súa práctica, aínda que vinculada ou organizada dentro dunha modalidade deportiva tanto por razóns históricas da súa práctica coma pola existencia dun elemento de práctica común a todas elas.

4. O procedemento e a lexitimación para instar o recoñecemento das modalidades deportivas e especialidades deportivas ante a Administración deportiva determinarase regulamentariamente e de forma autónoma respecto do recoñecemento de federacións deportivas.

Sección 1.ª Competicións e eventos deportivos

Artigo 18. Clasificación.

As competicións deportivas que teñan lugar na Comunidade Autónoma de Galicia clasificaranse:

a) Polo seu carácter, en competicións oficiais e competicións non oficiais.

b) Polo seu ámbito territorial, en competicións locais, provinciais, interprovinciais, autonómicas, estatais e internacionais.

c) Pola súa organización, en competicións federadas e non federadas.

d) Polo colectivo ao que se dirixen, en competicións de deporte escolar e de deporte universitario, ademais doutras que poidan sinalarse de forma regulamentaria.

Artigo 19. Competicións oficiais de ámbito autonómico.

1. Considéranse competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico as cualificadas como tal polas respectivas federacións deportivas de Galicia ou pola Administración deportiva autonómica dentro do seu ámbito competencial.

2. As competicións oficiais federadas de ámbito autonómico serán organizadas pola correspondente federación deportiva galega de forma directa ou mediante a adxudicación a calquera entidade deportiva ou persoa física ou xurídica.

3. Para os efectos previstos na alínea anterior, son competicións oficiais federadas de ámbito autonómico aquelas que, realizándose en Galicia, sexan incluídas polas federacións deportivas galegas no calendario oficial que aproba a asemblea xeral. Este calendario deberá serlle comunicado á Administración deportiva no prazo de sete días desde a devandita aprobación, e entenderanse cualificadas como tales se a Administración deportiva non formula observacións no prazo de dez días.

A referida comunicación deberá efectuarse, en todo caso, con carácter previo ao inicio da tempada, sen prexuízo de futuras comunicacións, no caso de modificacións no calendario oficial inicial que puidesen aprobar as propias asembleas xerais, ou os órganos nos que estas delegasen a realización das modificacións. Estas modificacións tamén as deberá aprobar a Administración deportiva nos termos establecidos no parágrafo anterior.

Artigo 20. Organización de competicións oficiais de ámbito estatal ou internacional na Comunidade Autónoma de Galicia.

As federacións deportivas galegas deberán consultarlle á Administración deportiva autonómica a solicitude, o compromiso, a organización ou a colaboración na organización de actividades ou competicións oficiais deportivas de ámbito estatal ou internacional. Esta consulta deberá reflectir, en todo caso, o interese deportivo da actividade ou competición para a Comunidade Autónoma.

Artigo 21. Requisitos mínimos das competicións oficiais.

1. Os organizadores dunha competición deberán garantir, de forma exclusiva, para cada competición que organicen:

a) As medidas necesarias para a seguridade e a prevención da violencia dos participantes e das persoas espectadoras.

b) O control e a represión de prácticas ilegais que tendan a alterar o rendemento dos deportistas.

c) A asistencia sanitaria correspondente a todos os deportistas a través dos mecanismos que se establezan na legalidade vixente.

d) A responsabilidade civil derivada dos danos causados a participantes ou persoas espectadoras como consecuencia da organización e realización da competición.

Regulamentariamente poderán establecerse, en función da súa entidade e importancia, as condicións e o alcance con que se deben cumprir os requisitos expostos.

2. Sen prexuízo do anterior, cando se trate de competicións federadas, os termos de cumprimento do indicado na alínea anterior enténdense referidos ás condicións e aos requisitos establecidos nos seus estatutos e regulamentos.

Artigo 22. Eventos deportivos.

Son eventos deportivos aquelas actividades deportivas organizadas á marxe das federacións deportivas e do resto de organizadores de competicións oficiais.

As responsabilidades de carácter civil, penal ou administrativo que poidan derivar da realización do evento recaerán sobre os seus respectivos organizadores.

Con carácter xeral, teñen esta consideración os acontecementos circunstanciais e illados que sexan organizados con motivo dalgunha práctica deportiva recoñecida.

O título de inscrición e participación nestes eventos debe indicar o réxime de dereitos e deberes e as condicións que se deben cumprir para a participación.

Cando a súa realización esixa autorizacións de calquera tipo por parte das administracións públicas de ámbito municipal ou autonómico, valorarase na súa concesión o interese deportivo e poderase solicitar o seu correspondente informe ou, se é o caso, o da correspondente federación deportiva galega.

Regulamentariamente estableceranse, con carácter xeral, os requisitos que se deben cumprir, para a organización dos citados eventos deportivos, no ámbito sanitario, da seguridade e da responsabilidade.

Artigo 23. Seguro de responsabilidade civil.

A explotación de centros deportivos, a organización de competicións e eventos deportivos, así como a prestación de servizos deportivos, estarán suxeitas á obrigatoria subscrición polo organizador ou prestador dos servizos dun contrato de seguro de responsabilidade civil polos danos que se lles poidan ocasionar ás persoas usuarias, a participantes e a calquera outra persoa, como consecuencia das condicións das instalacións ou da actividade desenvolvida nelas.

As coberturas mínimas das devanditas pólizas determinaranse regulamentariamente en función das características das instalacións e das actividades.

Sección 2.ª Deporte en idade escolar e deporte universitario

Artigo 24. Deporte en idade escolar.

1. Para os efectos desta lei considérase deporte en idade escolar a práctica deportiva organizada e voluntaria por parte da poboación en idade escolar.

A práctica do deporte en idade escolar debe ser preferentemente polideportiva e garantir que os deportistas coñezan a práctica de diversas modalidades deportivas de acordo coa súa aptitude física e idade.

2. A Administración autonómica fomentará, en colaboración e coordinación coas demais administracións públicas con competencia na materia, coas federacións deportivas galegas, cos clubs, coas agrupacións deportivas escolares e coas demais entidades deportivas, a práctica e o desenvolvemento da actividade deportiva en idade escolar, a través de plans e programas específicos. Para tal efecto poderanse constituír os órganos consultivos ou de asesoramento que se estimen oportunos.

3. Para a participación en competicións organizadas pola Comunidade Autónoma e en competicións oficiais, as entidades deportivas deberanse inscribir no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

4. Correspóndelle á Administración deportiva a organización dos campionatos en idade escolar. As fases previas á fase final poderán ser organizadas, no marco da regulamentación que estableza aquela, por outras administracións públicas de Galicia e por outras entidades inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Artigo 25. Deporte universitario.

1. Para os efectos desta lei, terá a consideración de deporte universitario a actividade deportiva desenvolvida pola poboación universitaria, ou aquela programada e desenvolvida pola propia universidade.

2. No marco da súa autonomía, correspóndelles ás universidades galegas organizar, desenvolver e fomentar a actividade deportiva no ámbito universitario, de acordo cos criterios que xulguen adecuados, sen prexuízo da colaboración que a Administración autonómica poida prestar no fomento e na promoción da práctica deportiva neste ámbito.

3. As entidades deportivas universitarias que desexen participar en competicións organizadas pola Comunidade Autónoma e en competicións oficiais deberán inscribirse no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Artigo 26. Colaboración coas universidades.

A Administración deportiva da Comunidade Autónoma colaborará coas universidades radicadas en Galicia nas actividades de fomento e promoción da actividade física e do deporte, así como na organización e realización de actividades deportivas non encadradas en competicións oficiais.

Sección 3.ª Licenzas deportivas

Artigo 27. Necesidade de licenza.

Para participar nas competicións oficiais federadas, universitarias ou escolares será necesario estar en posesión de, respectivamente, a correspondente licenza federativa, universitaria ou escolar, de acordo coas condicións de expedición que se establezan nas disposicións de desenvolvemento desta lei.

Artigo 28. Expedición e contido das licenzas.

1. A expedición e o contido das licenzas axustarase ao establecido nesta lei e nas súas disposicións de desenvolvemento.

2. A expedición recaerá no organizador da actividade ou competición correspondente, terá carácter regrado e non poderá denegarse a licenza cando o solicitante reúna as condicións necesarias para a súa obtención. Transcorrido o prazo que se determine regulamentariamente desde a solicitude da oportuna licenza, esta entenderase outorgada.

3. No caso das licenzas federativas, e de forma previa á súa expedición, as federacións deportivas poderán establecer, conforme se determine regulamentariamente, a obrigatoriedade dun recoñecemento médico do deportista que determine a inexistencia de contraindicacións para a práctica da súa modalidade deportiva.

4. A expedición de licenzas federativas, escolares e universitarias comporta a obriga de subscribir un seguro que garanta a cobertura dos seguintes riscos:

a) Indemnización para supostos de perdas anatómicas ou funcionais ou de falecemento.

b) A asistencia sanitaria.

5. Xunto co sinalado no punto anterior, e no caso das licenzas federativas, estas outorgaranlle ao seu titular a condición de membro da correspondente federación deportiva galega, que o habilita para participar nas súas actividades deportivas e competicións, e acredita a súa integración na federación deportiva correspondente.

No seu ámbito de actuación, as federacións deportivas galegas poderán establecer licenzas de carácter competitivo e recreativo, así como calquera outro tipo de licenza debidamente aprobada.

No documento da licenza consignaranse claramente, entre outros aspectos, os dereitos federativos e o seguro obrigatorio de asistencia sanitaria cando se trate de persoas físicas.

O importe da licenza por modalidade ou especialidade deportiva, estamento ou categoría deberá ser fixado e aprobado pola asemblea xeral.

6. Os datos de carácter persoal contidos nas licenzas federativas serán comunicados nos termos previstos no artigo 58.5 desta lei e en relación, exclusivamente, coa elaboración do censo dos correspondentes procesos electorais, respectando, en todo caso, o procedemento que, verbo dos referidos procesos, se determine regulamentariamente.

Capítulo III
Fomento e impulso da actividade física en Galicia

Artigo 29. Actividade física.

1. As administracións deportivas de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, e coa colaboración, se é o caso, doutras entidades e organizacións, públicas ou privadas, facilitarán alternativas e medios para a práctica da actividade física que leven a cabo as persoas físicas, individual ou colectivamente, co principal obxectivo de mellorar a condición física e/ou a ocupación activa do tempo de lecer.

2. No ámbito das súas competencias, a Xunta de Galicia promoverá a constitución dunha comisión interdepartamental para o fomento da actividade física no territorio da Comunidade Autónoma.

3. Os departamentos da Administración autonómica con responsabilidades en materia deportiva e medioambiental regularán, definirán e habilitarán de forma conxunta os lugares e os períodos para a práctica deportiva incluso dentro dos espazos protexidos na medida en que isto resulte posible segundo a lexislación vixente.

Artigo 30. Facilitación da actividade física.

Co fin de lle dar cumprimento á previsión do artigo anterior fomentarase a realización da actividade física e, de ser o caso, a habilitación de espazos e lugares públicos para a súa realización en condicións de seguridade e protección.

Así mesmo, procurarase a supervisión das actividades por profesionais cualificados, cando menos ata que as persoas adquiran un grao mínimo de autonomía que garanta a súa saúde e seguridade.

Título IV
Axentes da actividade deportiva

Capítulo I
Deportistas, técnicos, adestradores, árbitros e outros axentes
da actividade deportiva

Sección 1.ª Deportistas

Artigo 31. Concepto de deportista.

1. Son deportistas aquelas persoas que, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, practiquen, individualmente ou en grupo, calquera tipo de actividade deportiva nas condicións establecidas por esta lei, con independencia do carácter e obxecto que persigan.

2. O réxime xurídico e os dereitos e deberes das persoas que practiquen actividade física ou deportiva en calquera das formas previstas nesta lei determínase pola cualificación, pola organización e pola forma de realización delas.

3. Promoverase e facilitarase a integración de todas as persoas que practiquen unha actividade deportiva nas asociacións recollidas nesta lei, para unha maior efectividade dos programas de fomento e desenvolvemento do deporte e para mellor asistencia e protección dos deportistas.

Artigo 32. Clases de deportistas.

1. Os deportistas poderán ser afeccionados ou profesionais. Así mesmo, e atendendo á súa integración ou non nunha federación deportiva, os deportistas clasifícanse en federados e non federados.

2. Atendendo a criterios de rendemento e mérito deportivo, os deportistas poderán ser de alto nivel ou doutras categorías que poidan establecerse regulamentariamente.

Artigo 33. Deportistas profesionais.

1. Para os efectos desta lei, son deportistas profesionais aqueles que, xa sexa en condición de autónomos ou ben a través dunha relación de carácter laboral, teñan vinculación con entidades ou empresas deportivas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia e perciban en ambos os dous casos un salario ou remuneración económica de forma continuada.

2. Non se considerarán deportistas profesionais as persoas que se dediquen á práctica deportiva no ámbito dunha entidade deportiva e que perciban, a cambio, unicamente a compensación dos gastos, ou premios que pola súa contía non teñan o carácter de retribución salarial, así como no de todas as actividades de carácter illado, publicitarias ou de ensino.

3. Os dereitos e as obrigas dos deportistas profesionais serán os derivados da actividade para a que foron contratados e da normativa específica que lles sexa aplicable.

Artigo 34. Deportistas galegos de alto nivel.

1. Terán a consideración de deportistas galegos de alto nivel, ou doutras categorías que se poidan establecer, aqueles deportistas que reúnan os requisitos establecidos regulamentariamente e sexan recoñecidos como tales pola Administración autonómica en función dos seus resultados, proxección, nivel deportivo, expectativas de progreso e interese para o deporte galego.

2. A Administración autonómica establecerá as formas de apoio para estes deportistas galegos, así como a súa inserción social e profesional durante a súa carreira deportiva e ao final desta.

3. O Diario Oficial de Galicia publicará a relación de deportistas que polas súas condicións, polos seus méritos e polos seus resultados deportivos sexan recoñecidos como deportistas de alto nivel.

Artigo 35. Outros colectivos do deporte de alto nivel.

1. En función dos intereses deportivos da Comunidade Autónoma, poderán ser declarados de alto nivel os técnicos, adestradores e árbitros en función dos mesmos criterios de interese deportivo aos que se refire o artigo anterior.

2. Os requisitos para o recoñecemento desta condición aos colectivos indicados e as medidas que fomenten a súa dedicación preferente á actividade deportiva determinaranse regulamentariamente de entre os sinalados no artigo seguinte.

Artigo 36. Beneficios dos deportistas de alto nivel.

1. O recoñecemento da condición de deportista de alto nivel poderá comportar a posibilidade de acceder aos seguintes beneficios e ás seguintes axudas económicas e bolsas académicas:

a) A concesión de axudas económicas.

b) A inclusión nos programas dos centros de perfeccionamento técnico e nos programas deportivos dos centros deportivos de alto nivel.

c) A consideración desa cualificación como mérito avaliable para o acceso a postos de traballo das administracións públicas relacionados coa actividade deportiva ou nos que se valoren méritos de carácter físico.

d) A reserva dunha cota adicional de prazas para o acceso aos estudos universitarios ou non universitarios, sempre que reúnan os requisitos académicos necesarios.

e) O establecemento de sistemas que permitan a compatibilización dos estudos e da actividade deportiva mediante a adopción de medidas académicas especiais.

f) A exención dos requisitos que regulamentariamente se determinen para as probas de acceso a estudos relacionados co ámbito do deporte.

g) Os que, especificamente, poidan derivar de convenios que, de ser o caso, estableza a Administración autonómica con entidades de carácter público ou privado para a súa integración laboral ou profesional.

h) Todos aqueles que se poidan establecer legal ou regulamentariamente.

2. A concreción dos beneficios, a súa extensión e os colectivos aos que se apliquen determinaranse regulamentariamente en atención á relevancia, á repercusión social e á oportunidade da respectiva actividade así como aos obxectivos deportivos da Administración galega.

3. No marco da función honorífica da Xunta de Galicia poderá establecerse regulamentariamente a condición vitalicia de deportista galego de alto nivel para aqueles que se caracterizasen especialmente por elevar o nivel do deporte galego ou a representación deportiva de Galicia.

Artigo 37. Dereitos de formación.

As entidades deportivas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia non poderán esixir ningunha cantidade en concepto de dereitos de formación ou retención nin calquera outra compensación económica polos deportistas menores de 16 anos cando os cambios de equipo se produzan antes da devandita idade.

Sección 2.ª Adestradores-técnicos e xuíces-árbitros

Artigo 38. Adestradores-técnicos e xuíces-árbitros.

1. Enténdese por adestradores-técnicos e xuíces-árbitros as persoas que, cumprindo os requisitos de titulación que se determinen regulamentariamente, obteñen da correspondente federación deportiva unha licenza que os habilita para o desenvolvemento da súa actividade.

2. En canto parte integrante do sistema deportivo, os poderes públicos fomentarán o establecemento das actividades e dos cursos que sexan necesarios para acadar o seu perfeccionamento técnico e o seu desenvolvemento no ámbito do respectivo deporte.

Sección 3.ª Outros profesionais da actividade deportiva

Artigo 39. Outros profesionais da actividade deportiva.

1. Os mestres e o profesorado de educación física contribúen á formación integral do seu alumnado a través das ensinanzas curriculares e, de ser o caso, a través das actividades e competicións realizadas en horario escolar e extraescolar.

O órgano competente en materia de educación establecerá as medidas necesarias para o recoñecemento e a compensación, de ser o caso, do persoal docente vinculado aos programas e ás actividades de fomento da práctica da actividade física e deportiva desenvolvidos en horario extraescolar, e promoverá, ademais, a súa asistencia médica no caso de accidente deportivo e a súa cobertura pola responsabilidade civil nas referidas actividades.

2. Os xestores deportivos responsables de deseñar, planificar, programar, coordinar e supervisar as actividades deportivas que se desenvolvan no seu ámbito de actuación deberán, para o desempeño de calquera posto de responsabilidade na organización e dirección de programas e instalacións deportivas, contar coa adecuada titulación.

Capítulo II
Entidades deportivas

Sección 1.ª Disposicións comúns

Artigo 40. Concepto.

1. Son entidades deportivas as constituídas, consonte as súas disposicións específicas, por persoas físicas ou xurídicas, con personalidade xurídica propia e capacidade de obrar, con domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan por obxecto primordial o fomento e o impulso da práctica continuada dunha ou varias modalidades deportivas, así como a participación en actividades e competicións deportivas calquera que sexa o seu nivel e destinatario.

2. A Administración deportiva procurará especialmente a promoción e o impulso do deporte que se realice no marco das entidades deportivas consideradas nesta lei.

Artigo 41. Tipoloxía das entidades deportivas.

Teñen a consideración de entidades deportivas galegas os clubs deportivos, as agrupacións deportivas escolares, as seccións deportivas e as federacións deportivas.

Artigo 42. Réxime xurídico.

1. As entidades deportivas galegas rexeranse polo disposto nesta lei e nas súas disposicións de desenvolvemento en todo o referido á súa constitución, á súa organización, ao seu funcionamento, á súa modificación, á súa extinción e ao seu rexistro.

2. Sen prexuízo do establecido na alínea anterior, as entidades deportivas rexeranse polos seus propios estatutos e regulamentos validamente aprobados en canto non contradigan as normas desta lei ou das súas disposicións de desenvolvemento.

3. Unha mesma entidade deportiva poderá pertencer con plenitude de dereitos a diversas federacións deportivas cando desenvolva unha actividade en distintas modalidades ou especialidades deportivas.

Artigo 43. Réxime contable.

1. As entidades deportivas constituídas ao abeiro do disposto nesta lei terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola autoridade administrativa en materia deportiva. Así mesmo, deberán levar uns libros de contabilidade, susceptibles de xustificar a exactitude dos resultados das operacións económicas realizadas e que reflictan a imaxe fiel da súa actividade económica.

2. Regulamentariamente establecerase, respecto das federacións deportivas, un procedemento para o depósito anual do orzamento e as contas, ou dun resumo destas, no Rexistro de Entidades Deportivas ou noutros rexistros públicos que puidesen resultar competentes.

3. As obrigas previstas nas alíneas anteriores son independentes e complementarias das que poidan corresponderlles en razón da súa propia natureza e do réxime xurídico aplicable.

Artigo 44. Destino dos recursos económicos e regras económicas esenciais.

1. As entidades deportivas de Galicia teñen como función esencial a práctica deportiva. De acordo co anterior, aplicarán os seus recursos ao cumprimento dos seus fins estatutarios, consonte o establecido nos seus estatutos, e, esencialmente, ao fomento das manifestacións de carácter físico-deportivo e á organización de actividades ou competicións deportivas dirixidas ao público en xeral.

2. Para o desenvolvemento da súa actividade poderán gravar e allear bens, mobles e inmobles, e tomar diñeiro en préstamo, sempre e cando os referidos actos non comprometan gravemente o patrimonio da entidade nin a actividade que constitúe o seu obxecto.

3. Poderán realizar actividades complementarias, non incompatibles co seu obxecto social, de carácter industrial, comercial ou de servizos e destinar os seus bens ou recursos a estes obxectivos. Os ingresos obtidos por estas actividades serán utilizados para o cumprimento do obxecto social e non poderán ser repartidos directa ou indirectamente entre os seus membros.

4. No caso de disolución dalgunha entidade deportiva, o seu patrimonio, se o houbese, destinarase a fins deportivos, de acordo cos seus propios estatutos e coa lexislación vixente.

Sección 2.ª Clubs, agrupacións deportivas escolares e seccións deportivas

Artigo 45. Clubs.

1. Son clubs deportivos, para os efectos desta lei, as asociacións privadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar, sen ánimo de lucro, integradas por persoas físicas ou xurídicas, que teñan como obxecto exclusivo ou principal a práctica dunha ou varias modalidades ou especialidades deportivas polos seus asociados, así como a participación en actividades e competicións oficiais.

2. As entidades asociativas que poidan constituírse para a práctica deportiva non federada poderán ter, para os efectos desta lei, a condición de clubs cando cumpran os requisitos que regulamentariamente se determinen e se inscriban no Rexistro de Entidades Deportivas.

3. No desenvolvemento regulamentario procurarase a flexibilización e a adaptación ás distintas realidades asociativas dos requisitos para o acceso ao Rexistro de Entidades Deportivas, especialmente no que se refire ao deporte en idade escolar e no marco da actividade universitaria.

Artigo 46. Constitución, órganos de goberno e réxime xurídico.

1. A vontade de crear un club deportivo plasmarase na acta fundacional, que será o documento inicial para a súa constitución. Deberá ser outorgada, polo menos, por cinco persoas físicas ou xurídicas con capacidade de obrar e deberá facer constar a vontade destas de constituír un club deportivo cumprindo os trámites administrativos e asociativos necesarios para iso.

Correspóndelles ás persoas fundadoras elaborar os estatutos do club, convocar a asemblea e someter á aprobación desta o proxecto de estatutos.

2. Os estatutos responderán a principios de representatividade e participación, e establecerán unha organización interna de carácter democrático.

3. O órgano supremo de goberno será a asemblea xeral, integrada por todas as persoas asociadas maiores de 18 anos. Todos os demais cargos e órganos deberán ser provistos segundo as disposicións establecidas nos seus estatutos.

Unha mesma persoa non poderá formar parte de máis dunha xunta directiva de clubs distintos que participen ou teñan intereses en idéntica competición oficial.

4. Os clubs deportivos rexeranse, no que se refire á súa constitución, á súa organización e ao seu funcionamento, por esta lei, polas disposicións que a desenvolvan, e polos seus estatutos e regulamentos.

5. Os conflitos internos que poidan xurdir no ámbito dos clubs deportivos e que non estean previstos no ámbito do réxime disciplinario deportivo teñen natureza puramente asociativa e de ámbito civil, sen prexuízo da posibilidade de sometelos á arbitraxe nos termos previstos no título VII desta lei.

Artigo 47. Contido mínimo dos estatutos.

Os estatutos dos clubs deportivos deberán conter como mínimo as seguintes mencións:

a) Denominación, actividade deportiva que constitúe o seu obxecto e domicilio do club, que terá que estar radicado en Galicia.

b) Nomes, DNI e domicilio das persoas fundadoras.

c) Requisitos e procedemento de adquisición e perda da condición de socios e dereitos e deberes destes.

d) Órganos de goberno e representación, e o seu réxime de elección, funcionamento e cesamento, que deberán axustarse a principios democráticos. Os clubs deberán contar necesariamente cos seguintes órganos: presidenta ou presidente e asemblea xeral. Estes, independentemente das funcións estatutarias que se lles asignen, deberán ter as competencias que se establezan nas normas de desenvolvemento desta lei.

e) Réxime de adopción de acordos e medios para a súa impugnación. Necesariamente deberá facerse mención da posibilidade de impugnar os acordos perante os órganos competentes das federacións e perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

f) Réxime de responsabilidade dos directivos e dos socios. En calquera caso, os directivos responderán fronte aos socios, fronte ao club ou fronte a terceiros por culpa ou neglixencia grave.

g) Réxime documental, que deberá conter rexistro de socios, libros de actas e libros contables.

h) Réxime disciplinario.

i) Réxime económico-financeiro e patrimonial.

j) Procedemento de reforma dos estatutos.

k) Procedemento de disolución e destino dos bens, que en todo caso se aplicarán a fins análogos de carácter deportivo.

Artigo 48. Afiliación ás federacións deportivas galegas.

1. Para participar en competicións federadas os clubs deberán inscribirse nas federacións deportivas galegas correspondentes.

2. As federacións deportivas galegas esixiranlles aos clubs que desexen afiliarse a elas a súa inscrición previa no Rexistro de Entidades Deportivas, sen prexuízo dos demais requisitos que federativamente lles correspondan.

Artigo 49. Agrupacións deportivas escolares.

1. Son agrupacións deportivas escolares as asociacións de persoas físicas ou xurídicas públicas ou privadas que, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, se dedican exclusivamente á práctica deportiva en idade escolar.

2. O seu réxime xurídico axustarase, con carácter xeral, ao establecido nesta lei para os clubs deportivos, así como ás súas correspondentes disposicións de desenvolvemento.

Artigo 50. Seccións deportivas.

1. As entidades públicas ou privadas dotadas de personalidade xurídica, con sede ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia e constituídas conforme a súa respectiva normativa, poderán acceder ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia cando desenvolvan actividades deportivas de carácter accesorio en relación co seu obxecto principal mediante a creación dunha sección deportiva.

2. A creación dunha sección deportiva requirirá un acordo expreso do órgano de goberno da entidade pública ou privada correspondente, que manifestará a súa intención de crear esta, a súa forma de organización, o réxime de administración e o resto de requisitos previstos na normativa deportiva.

3. O recoñecemento das seccións deportivas creadas conforme dispoñen as alíneas anteriores prodúcese pola inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas.

4. Para a participación en competicións oficiais, as seccións deportivas deben inscribirse na correspondente federación deportiva ou, en caso de non corresponder ao seu ámbito de actividade, estar autorizadas pola Administración autonómica ou pola entidade organizadora delas. Os representantes das seccións deportivas que designen as entidades que creen as seccións poderán participar nas asembleas xerais das federacións correspondentes cos mesmos dereitos e coas mesmas obrigas que os representantes dos clubs.

5. As seccións deportivas terán, para os efectos deportivos, de organización e administración, os mesmos dereitos e deberes ca os clubs deportivos.

6. Os beneficios das seccións deportivas, se os houbese, deberán ser repercutidos na súa actividade deportiva.

7. Os conflitos internos que poidan xurdir no ámbito das seccións deportivas e que non estean previstos no ámbito do réxime disciplinario deportivo teñen natureza puramente asociativa e de ámbito civil, sen prexuízo da posibilidade de sometelos á arbitraxe nos termos previstos no título VII desta lei.

Sección 3.ª Federacións deportivas galegas

Artigo 51. Concepto.

1. As federacións deportivas galegas son entidades privadas, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, cuxo ámbito de actuación se estende ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nas federacións intégranse os clubs, as seccións deportivas, os deportistas, os técnicos, os xuíces, os árbitros e outros colectivos interesados estatutariamente establecidos, co obxectivo de promover, practicar e, en xeral, contribuír ao desenvolvemento dunha mesma modalidade ou especialidade deportiva.

2. A inscrición nunha federación deportiva galega das persoas pertencentes aos colectivos indicados levarase a cabo mediante a expedición da licenza federativa.

3. Resérvase expresamente a denominación “federación deportiva galega” para as entidades reguladas nesta sección.

4. As federacións deportivas galegas, ademais das funcións propias do seu ámbito de actuación privada, exercen, en virtude desta lei, as funcións delegadas que se recollen no artigo 56.4.

Son funcións delegadas aquelas funcións públicas de carácter administrativo que se exercen por delegación. Neste caso, as federacións actuarán como axentes colaboradores da Administración baixo a súa tutela e coordinación.

5. Só se recoñecerá unha federación deportiva por cada modalidade deportiva. Así mesmo, as especialidades deportivas só poderán estar adscritas a unha federación.

6. A participación no deporte das persoas con algunha discapacidade debe producirse no ámbito da federación na que se integre a modalidade ou especialidade correspondente. Malia o anterior, e mentres non se produce a citada integración, exceptúanse do sinalado aquelas federacións deportivas que desenvolvan a súa actividade principalmente con persoas con algunha discapacidade.

Artigo 52. Relación coas federacións deportivas españolas e actividades de ámbito supraautonómico.

1. As federacións deportivas españolas están representadas polas federacións deportivas galegas da respectiva modalidade deportiva no ámbito territorial de Galicia, co obxecto de obter recoñecemento, apoio e protección das autoridades e organismos públicos en Galicia, nos termos establecidos nesta lei e nos procedementos de integración que se subscriban.

2. As federacións deportivas galegas, para os efectos da participación dos seus membros en actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito estatal e internacional, integraranse nas federacións deportivas españolas correspondentes á súa actividade nos termos e nas condicións que se prevexan para o efecto.

Artigo 53. Réxime xurídico.

1. As federacións deportivas galegas regularán a súa estrutura interna e o seu funcionamento de acordo cos principios de representación e participación democrática, e rexeranse por esta lei, polas súas normas de desenvolvemento, polos seus propios estatutos e regulamentos e polas demais disposicións que resulten aplicables.

2. As federacións deportivas galegas poderán establecer unha estrutura territorial propia e axustaranse á organización territorial da Comunidade Autónoma cando con iso se poida conseguir unha mellor forma de cumprimento dos seus fins.

3. As federacións deportivas galegas terán a consideración de entidades de utilidade pública. Esta declaración comportará os efectos establecidos na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

Artigo 54. Constitución de federacións deportivas.

1. Correspóndelle á Administración deportiva autonómica autorizar e revogar a autorización da constitución das federacións deportivas galegas e a aprobación dos seus estatutos e regulamentos de réxime interno, agás os que se refiren ás normas técnicas da correspondente práctica deportiva.

2. A autorización inicial para constituír unha federación deportiva galega será provisional, por un tempo de dous anos, e deberase ratificar ou revogar logo dese período. A ratificación ou revogación pasado o citado período de tempo ten por obxecto a comprobación do cumprimento dos requisitos que xustificaron a autorización inicial e do seu funcionamento real.

3. A constitución dunha federación deportiva poderá producirse:

a) Pola creación ex novo, consecuencia da tramitación dun procedemento administrativo dirixido á comprobación do cumprimento dos requisitos previstos nesta lei.

b) Por segregación doutra federación deportiva. A segregación esixe a acreditación do cumprimento dos requisitos para a nova constitución e o informe da asemblea xeral da federación deportiva na que se integraba a modalidade segregada, e contar con actividades deportivas que teñan implantación e identidade suficientes para convertérense en modalidade deportiva autónoma.

c) Por fusión de dúas ou máis federacións deportivas preexistentes. Esixe a acreditación de que a nova federación que se vai constituír cumpre os requisitos previstos neste artigo e o acordo favorable das asembleas xerais das federacións que se fusionan.

4. A autorización da constitución dunha federación deportiva esixe, con carácter previo, que a Administración deportiva recoñeza a existencia dunha modalidade deportiva nos termos desta lei.

5. Para a autorización da constitución dunha federación deportiva teranse en conta os seguintes elementos:

a) Existencia dunha modalidade deportiva recoñecida.

b) Interese xeral da actividade deportiva.

c) Suficiente implantación en Galicia.

d) Viabilidade económica da nova federación.

6. O procedemento administrativo para a autorización da constitución dunha federación deportiva galega iníciase mediante solicitude dos interesados, á que se lle deben xuntar os seguintes documentos:

a) Para a constitución dunha nova federación deportiva ex novo, a iniciativa corresponderalles a representantes de, como mínimo, trinta clubs deportivos con domicilio social en Galicia, constituídos en xunta promotora, e xustificaranse os requisitos aos que se refire a alínea anterior. Esta proposta terá o carácter de acta fundacional e deberá outorgarse ante notario.

b) Proxecto de estatutos que van rexer o funcionamento da federación.

Examinados os anteriores documentos e cumpridos os demais requisitos previstos nas normas legais e regulamentarias, a Administración deportiva ditará resolución pola que autoriza a constitución da federación correspondente e aproba provisionalmente os estatutos, que deberán ser ratificados ou emendados, co fin de incorporar as modificacións da Administración deportiva, na primeira asemblea da federación.

Para a validez da súa constitución deberá inscribirse no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia. As federacións deportivas galegas adquirirán personalidade xurídica coa súa inscrición, que será condición previa e necesaria para a integración, se é o caso, na federación española correspondente.

7. Os estatutos das federacións deportivas galegas e as súas modificacións publicaranse no Diario Oficial de Galicia, logo da aprobación destes pola Administración autonómica no prazo máximo de tres meses desde a súa presentación no rexistro.

As demais normas regulamentarias que rexan o funcionamento da federación depositaranse no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e daranse a coñecer por medios electrónicos e informáticos tanto da Administración autonómica coma das propias federacións deportivas.

8. A revogación da autorización das federacións deportivas galegas corresponderalle á Administración autonómica pola desaparición dos motivos que deron lugar á súa autorización e inscrición, así como no caso de incumprimento dous seus obxectivos.

Artigo 55. Contido mínimo dos estatutos.

Os estatutos das federacións deportivas galegas deberán conter e regular, polo menos, os seguintes aspectos:

a) A denominación da federación.

b) O domicilio, que deberá fixarse dentro do territorio de Galicia.

c) A modalidade e as especialidades deportivas cuxo desenvolvemento específico se atenda.

d) Os requisitos de adquisición ou perda da condición de federado e os dereitos, deberes e responsabilidades de todos os seus integrantes.

e) A estrutura territorial.

f) A composición, o funcionamento e a competencia dos órganos de goberno e representación da federación, así como tamén a composición, o funcionamento, a competencia e o sistema de designación dos demais órganos e comités que se poidan crear no seu seo.

g) O procedemento de elección da asemblea xeral e da presidencia, que se desenvolverá nun regulamento electoral.

h) O procedemento de designación da xunta electoral.

i) As causas de cesamento dos órganos de goberno e representación, entre as que se incluirá a moción de censura á presidencia, que será construtiva.

j) O réxime de adopción de acordos dos órganos colexiados, a súa impugnación, así como o sistema propio da súa publicidade entre os membros da federación.

k) O réxime documental da federación, que comprenderá, como mínimo, o libro rexistro de membros, o libro de actas dos órganos de goberno e representación, os libros de contabilidade e o libro inventario de bens mobles e inmobles, todos eles debidamente dilixenciados polo Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

l) O réxime de concesión de licenzas federativas e as condicións destas.

m) O réxime económico-financeiro, que deberá precisar o carácter, a procedencia, a administración e o destino de todos os seus recursos, así como a data de peche do exercicio económico da federación.

n) O réxime disciplinario e os seus órganos de exercicio, así como o réxime de responsabilidade dos órganos de representación.

ñ) O procedemento para a reforma dos seus estatutos, que deberán ser aprobados pola Administración autonómica.

o) As causas de extinción e o procedemento de disolución da federación, así como o sistema de liquidación dos seus bens e dereitos ou débedas e o destino ao que lle haxa que aplicar, de ser o caso, o superávit existente.

Artigo 56. Funcións.

1. As federacións deportivas galegas exercerán as funcións que lles atribúan os seus estatutos, así como aquelas de carácter público que se delegan nesta lei.

2. As federacións deportivas galegas exercerán como funcións propias as seguintes:

a) A convocatoria das seleccións deportivas da súa modalidade deportiva e a designación dos deportistas que as integren.

b) Colaborar coas administracións públicas e coa federación española correspondente, así como coas restantes entidades deportivas, na promoción das súas respectivas modalidades.

c) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na execución dos plans e programas dos deportistas galegos de alto nivel.

d) De ser o caso, e conforme a normativa que sexa aplicable, colaborar e/ou organizar as competicións oficiais e actividades deportivas de carácter estatal ou internacional que se realicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Elaborar os seus propios regulamentos deportivos.

f) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na formación de adestradores, xuíces e árbitros segundo a normativa que sexa aplicable.

3. Os actos adoptados polas federacións deportivas galegas no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso administrativo ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

4. Son funcións públicas delegadas, e exerceranse en réxime de exclusividade polas federacións deportivas galegas, as seguintes:

a) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas da súa modalidade, consonte a normativa que lle sexa aplicable.

b) Organizar as competicións oficiais autonómicas federadas.

c) Expedir licenzas deportivas para a práctica da súa modalidade deportiva nos termos establecidos nesta lei.

d) Asignar as subvencións e as axudas de carácter público concedidas a través da federación e controlar que os seus asociados lles dean unha correcta aplicación.

e) Garantir o cumprimento das normas de réxime electoral nos procesos de elección dos seus órganos representativos e de goberno, así como dos demais dereitos e obrigas derivados do cumprimento dos seus respectivos estatutos.

f) Exercer a potestade disciplinaria nos termos establecidos por esta lei e polas súas disposicións de desenvolvemento, de acordo cos seus respectivos estatutos e regulamentos.

g) Executar, de ser o caso, as resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

h) Colaborar coas administracións públicas competentes na prevención, no control e na represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos, así como na prevención da violencia no deporte. Para estes efectos, e entre outras accións, as federacións deportivas galegas instruirán e resolverán os expedientes sancionadores que no ámbito da dopaxe se substancien, consonte o establecido no título VIII desta lei.

i) Calquera outra que regulamentariamente se determine.

5. As funcións públicas delegadas serán exercidas polas federacións deportivas galegas baixo a tutela da Administración deportiva, que, conforme se determine regulamentariamente, procederá á súa asunción nos casos de extinción da federación ou cando esta se atope en situación concursal.

As federacións deportivas galegas exercerán as funcións públicas delegadas de forma directa, sen que poidan ser obxecto de delegación ou exercicio por ningunha substitución, sen autorización da Administración deportiva.

Artigo 57. Facultades da Administración deportiva autonómica en relación co control das federacións deportivas galegas.

Co fin de garantir o cumprimento efectivo das funcións públicas atribuídas ás federacións deportivas galegas, a Administración autonómica ten as seguintes competencias e atribucións:

1. Realizar ou solicitar auditorías externas, inspeccionar os libros e documentos oficiais que compoñan a contabilidade e organización da federación, para o que poderá solicitar dos órganos federativos toda a información que xulgue conveniente sobre estes e, en xeral, sobre as decisións ou os acordos adoptados pola presidenta ou polo presidente, pola asemblea xeral ou por calquera outro órgano, unipersoal ou colexiado, da estrutura federativa. O seu alcance determinarase regulamentariamente.

2. Instar o Comité Galego de Xustiza Deportiva para a suspensión provisional dos membros dos órganos federativos, para os efectos de garantir a eficacia da resolución final que puidese recaer, cando se incoe contra eles procedemento disciplinario por presuntas infraccións graves ou moi graves como consecuencia do exercicio das súas funcións no ámbito deportivo.

3. Convocar os órganos federativos cando non sexan convocados por quen teña a obriga de facelo nos prazos legalmente establecidos.

4. Convocar eleccións aos órganos de goberno e de representación das federacións cando non o efectúe, como é preceptivo, o órgano que estatutaria ou legalmente teña atribuída esta competencia. A convocatoria poderá ir acompañada do nomeamento dunha comisión xestora específica para tal fin cando non fose posible a constitución da prevista con carácter xeral nas normas reguladoras dos procesos electorais.

5. Nos casos de notoria inactividade ou abandono de funcións ou abuso de poder por parte dunha federación, ou dos seus órganos, que supoña incumprimento grave dos seus deberes legais ou estatutarios, a Administración autonómica poderá asumir en exclusiva as funcións da federación para que se restaure o seu funcionamento legal e regular. Para estes efectos, se fose necesario, nomearase unha comisión xestora e convocaranse eleccións. De non ser posible o seu nomeamento ou de non alcanzar a súa finalidade, disolverase a federación e cancelarase a inscrición rexistral.

A Administración deportiva autonómica poderá, de forma motivada, revogar ou avocar as funcións públicas delegadas por esta lei nas federacións deportivas galegas.

6. A Administración da Comunidade Autónoma estará lexitimada para a impugnación ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, ou ante calquera órgano xurisdicional, das decisións e dos acordos dos órganos federativos que considere contrarios á legalidade vixente e, así mesmo, das omisións e da inactividade sobre as obrigas que lles correspondan de acordo co ordenamento deportivo.

7. As prescricións que se conteñen nas alíneas anteriores son independentes da responsabilidade disciplinaria na que puidesen incorrer polas condutas en cuestión.

Artigo 58. Órganos de goberno, de representación e de disciplina deportiva.

1. Son órganos de goberno e de representación das federacións deportivas galegas a asemblea xeral e a presidenta ou o presidente. Os estatutos poderán establecer outros órganos complementarios de goberno para asistir a presidencia.

2. A asemblea xeral é o máximo órgano de representación e de goberno, e nela estarán representados os diferentes estamentos deportivos e colectivos que compoñen a federación. A determinación dos membros de cada estamento que forman parte da asemblea xeral farase baseándose nunha elección mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto por e entre os integrantes maiores de 18 anos de cada colectivo.

3. A presidenta ou o presidente é o órgano executivo da federación, exerce a representación legal e preside os órganos de representación e de goberno executando os seus acordos. A persoa titular da presidencia será elixida mediante sufraxio libre, igual e secreto polos compoñentes da asemblea xeral, sen que teña que ser membro desta, e non poderá desempeñar ningunha outra actividade directiva ou de representación dentro da propia estrutura federativa.

Non se poderá simultanear a presidencia dun club deportivo coa presidencia da federación deportiva na que se integre o devandito club.

4. A composición e as funcións dos órganos de goberno e de representación das federacións deportivas galegas, así como a súa organización interna, axustaranse aos criterios establecidos nas disposicións de desenvolvemento desta lei.

5. As federacións deportivas galegas desenvolverán os procesos electorais para a elección dos seus órganos de goberno e de representación de acordo cos seus respectivos regulamentos electorais, que deberán axustarse ao disposto na normativa que para tal efecto estableza a Administración autonómica, así como ser aprobados por esta con anterioridade á realización efectiva do proceso electoral.

Co fin de facilitar a participación e a integración na actividade deportiva das federacións deportivas, os candidatos proclamados poderán dispoñer do respectivo censo das persoas que compoñen o seu estamento e, no caso dos candidatos á presidencia, das persoas que conforman a asemblea. O censo só poderá ser utilizado para os efectos do correspondente proceso electoral.

6. O mandato dos membros da asemblea xeral e da presidenta ou do presidente é de catro anos, que se renovará nos anos nos que teñan lugar os Xogos Olímpicos de Inverno. Os estatutos poderán recoller o número máximo de mandatos das presidentas ou dos presidentes.

Os regulamentos electorais publicaranse na páxina web das respectivas federacións e na da Administración deportiva autonómica.

Artigo 59. Da secretaría.

Para o desempeño das funcións administrativas, en cada federación deportiva galega haberá unha secretaria ou un secretario que será designado e separado pola presidenta ou polo presidente. Serán funcións da persoa titular da secretaría a redacción das actas e custodia destas e dos arquivos da federación, o control e a fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria, así como a de contabilidade e tesouraría, no caso de non existir a figura de tesoureiro.

Artigo 60. Servizos mancomunados.

As federacións deportivas galegas poderán asociarse entre si para o mellor cumprimento dos seus fins deportivos ou para o establecemento de estruturas de asistencia técnica ou administrativa comúns.

Artigo 61. Réxime económico.

1. As federacións deportivas galegas teñen orzamento e patrimonio propios e deberán someter a súa contabilidade e o seu estado económico ou financeiro ás prescricións legais.

2. O patrimonio das federacións deportivas galegas estará integrado por:

a) Cotas dos seus afiliados.

b) Dereitos de inscrición e demais recursos que procedan das competicións organizadas pola federación.

c) Rendementos dos bens propios.

d) Subvencións, ou outras achegas, que as entidades públicas poidan concederlles, así como doazóns, herdanzas, legados e premios que lles sexan outorgados por entidades públicas ou privadas.

e) Calquera outro recurso que lles poida ser atribuído.

3. Será necesaria a autorización da Administración autonómica para a venda ou para o gravame dos bens inmobles cuxa titularidade lles corresponda ás federacións deportivas galegas que fosen financiadas, en todo ou en parte, con fondos públicos. Así mesmo, requirirase igual autorización cando as federacións deportivas galegas pretendan comprometer gastos de carácter plurianual ou cando a natureza do gasto, ou a porcentaxe deste en relación co seu orzamento, vulneren os criterios que regulamentariamente se determinen. Esta autorización poderase consignar nos contratos programa que poidan ser asinados entre a Administración deportiva autonómica e a federación para o desenvolvemento das súas actividades e funcións.

4. As federacións deportivas galegas aprobarán en asemblea, e durante o último trimestre do seu exercicio económico, o orzamento correspondente ao seguinte exercicio. Este orzamento debe ser equilibrado e non deficitario e enténdese condicionado, no que ás subvencións públicas se refire, ás condicións de aprobación dos orzamentos de Galicia. O devandito orzamento deberá remitirse á Administración deportiva no prazo dun mes desde a súa aprobación.

5. Nos casos nos que regulamentariamente se determine, e co fin de garantir o equilibrio financeiro e orzamentario referido no artigo 57, as federacións deportivas galegas deberán aprobar plans de saneamento dos seus estados financeiros

6. A Administración autonómica poderá someter a xestión, a contabilidade e o estado económico-financeiro das federacións deportivas galegas a unha auditoría ou verificación contable, previa ou posteriormente á concesión de subvencións e axudas, nos termos que regulamentariamente se determinen.

7. Regulamentariamente establecerase un procedemento para o depósito anual do orzamento e das contas, ou dun resumo destas, no Rexistro de Entidades Deportivas ou noutros rexistros públicos que poidan resultar competentes.

Artigo 62. Réxime de responsabilidade das presidentas ou dos presidentes e dos membros das xuntas directivas das federacións autonómicas.

1. As presidentas ou os presidentes e os membros das xuntas directivas ou dos órganos de dirección que se puidesen establecer estatutariamente serán persoalmente responsables, fronte á propia federación, fronte aos seus membros ou fronte a terceiros:

a) Das obrigas que contraese a federación e que non teñan, ou tivesen, o adecuado apoio contable, non figuren nas contas presentadas e aprobadas, ou sexan obxecto dunha contabilización que non reflicta a natureza e o alcance da obriga en cuestión, e que distorsione a imaxe fiel que debe producir aquela.

b) Das obrigas que contraese contra a prohibición expresa doutros órganos federativos competentes ou da Administración autonómica, así como das obrigas que impliquen un déficit non autorizado ou fóra dos límites da autorización.

c) En xeral, dos actos ou das omisións que supoñan un prexuízo para a federación cando sexan realizados vulnerando normas de obrigado cumprimento.

2. A responsabilidade descrita na alínea anterior poderase esixir no caso de existencia de dolo ou culpa na actuación dos suxeitos responsables. En todo caso, quedarán exentos de responsabilidade aqueles que votasen en contra do acordo ou non interviñesen na súa adopción ou execución, ou aqueles que o descoñecesen ou, coñecéndoo, se opuxesen expresamente a aquel.

3 A responsabilidade regulada neste artigo é independente da responsabilidade disciplinaria na que se puidese incorrer, e que se esixirá consonte as disposicións xerais desta lei.

Artigo 63. Extinción.

1. As federacións deportivas galegas extinguiranse polas seguintes causas:

a) Polas previstas nos seus propios estatutos.

b) Pola revogación do seu recoñecemento.

c) Por resolución xudicial.

d) Por integración ou fusión con outra federación deportiva galega.

e) Polas demais causas previstas no ordenamento xurídico.

2. No caso de disolución dunha federación, o seu patrimonio neto terá o destino que se determine nos seus estatutos, e deberase dirixir, en todo caso, a actividades análogas ás que realizase a federación. No non previsto nestes, a Administración autonómica daralle o destino que lle corresponda.

3. O incumprimento do deber de disolver a federación deportiva cando sexa legalmente procedente dará lugar á esixencia das responsabilidades que correspondan ás persoas titulares dos órganos competentes, sen prexuízo do dereito do correspondente órgano administrativo a instar a súa disolución.

Artigo 64. Revogación do recoñecemento de federacións deportivas.

1. A Administración autonómica poderá revogar o recoñecemento daquelas federacións que non cumpran os requisitos establecidos nesta lei e que xustificaron o seu recoñecemento oficial.

A revogación tramitarase e resolverase pola Administración deportiva de Galicia. O procedemento de revogación iniciarase de oficio ou por instancia de parte interesada, e deberá dárselle audiencia á federación respectiva.

2. A revogación do recoñecemento das federacións deportivas comportará:

a) A cancelación de oficio da súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas.

b) A perda da titularidade de todos os dereitos recoñecidos por esta lei e de todas as funcións encomendadas por ela.

c) A obriga de disolución.

Artigo 65. Seleccións deportivas galegas.

1. Terán a consideración de seleccións galegas dunha modalidade ou especialidade deportiva os grupos de deportistas que participen nunha proba, ou conxunto de probas, ou nunha competición en representación de Galicia.

2. A convocatoria, preparación e dirección das seleccións deportivas galegas serán competencia das federacións deportivas respectivas, que actuarán de acordo cos principios de obxectividade e mérito deportivo.

3. Todos os deportistas que estean en posesión de licenza federativa terán a obriga de asistir ás convocatorias das seleccións galegas nos termos que regulamentariamente se establezan. Así mesmo, os clubs e as asociacións deportivas en que se atopen integrados os deportistas seleccionados estarán obrigados a permitir a súa asistencia ás convocatorias que se realicen.

4. As seleccións galegas deberán empregar o himno e a bandeira oficial de Galicia nos eventos deportivos que disputen.

5. A actividade internacional das seleccións galegas axustarase aos termos da lexislación xeral sobre representación e actividade internacional das entidades deportivas.

Capítulo III
Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia

Artigo 66. Finalidade.

1. O Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia é un órgano administrativo pertencente á Administración autonómica que ten por obxecto a inscrición das entidades deportivas reguladas nesta lei.

As entidades mercantís legalmente constituídas que teñan no seu obxecto social a práctica da actividade deportiva poderán acceder ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia para os efectos da súa participación en competicións oficiais autonómicas, así como ser beneficiarias das actuacións de fomento das administracións públicas galegas. A asimilación a algunha das entidades deportivas ou a inscrición en réxime específico determinarase regulamentariamente.

2. O Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia é público e toda persoa ten dereito a consultalo. A publicidade farase efectiva polos medios que se determinen regulamentariamente.

3. A inscrición afectará os datos e actos que regulamentariamente se determinen e, en todo caso, comprenderá:

a) A acta de constitución así como a de extinción ou a de disolución.

b) Os estatutos e as súas modificacións.

c) Os promotores, órganos estatutarios e representantes legais.

d) Os símbolos e elementos representativos de cada entidade deportiva.

Artigo 67. Efectos da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

O recoñecemento oficial das entidades deportivas galegas prodúcese pola súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

A inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia non validará os actos que sexan nulos nin os datos que sexan incorrectos de acordo coas leis.

Artigo 68. Organización.

A organización e o funcionamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia determinarase por vía regulamentaria, e estruturarase, en todo caso, en diferentes seccións para as distintas clases de entidades deportivas.

As súas relacións cos demais rexistros públicos rexeranse polos principios de cooperación, colaboración e coordinación. Para estes efectos, e entre outras actuacións, os rexistros procederán á información mutua e periódica sobre as súas respectivas inscricións.

Artigo 69. Efectos adicionais da inscrición.

A inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia das asociacións deportivas e entidades reguladas nesta lei é un requisito indispensable para optar ás axudas, a subvencións e a asesoramento ou para a participación en competicións oficiais autonómicas.

Artigo 70. Protección do nome, dos símbolos e dos emblemas.

1. O nome e os símbolos das entidades inscritas gozarán de protección rexistral. O rexistro dará fe dos datos que nel se conteñen. Estas garantías enténdense referidas ao ámbito da práctica deportiva, sen prexuízo dos dereitos establecidos en leis xerais.

2. As denominacións das entidades deportivas galegas non poderán incluír ningún termo relativo a outro tipo de entidade diferente que poida inducir a erro ou confusión, nin utilizar unha denominación igual ou similar á doutra entidade rexistrada, sen prexuízo das determinacións que neste sentido se poidan efectuar nesta lei ou nas súas normas de desenvolvemento. Tampouco poderán usar os símbolos ou emblemas doutras entidades e asociacións.

3. A utilización na denominación, no emblema ou nas actividades de símbolos ou termos oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá a autorización previa da Administración autonómica.

Título V
Investigación e formación do persoal técnico-deportivo

Artigo 71. Investigación.

A Administración deportiva, en colaboración coas universidades galegas, impulsará o desenvolvemento da investigación científica nas distintas áreas relacionadas co deporte para a mellora da súa calidade e promoverá a divulgación e aplicación dos resultados obtidos.

Artigo 72. Esixencia de titulacións.

1. Para a realización de servizos de ensino, dirección, xestión, adestramento, animación e calquera outro relacionado co deporte, os poderes públicos autonómicos esixirán a posesión do correspondente título oficial da familia das actividades físicas e deportivas, ou ben as cualificacións profesionais ou os certificados de profesionalidade expedidos pola propia Administración autonómica.

2. Os poderes públicos da Comunidade Autónoma e, de ser o caso, as federacións deportivas e os colexios profesionais, nos seus respectivos ámbitos competenciais, velarán de forma efectiva polo cumprimento da esixencia establecida na alínea anterior.

3. Os títulos habilitantes para cada prestación de servizos deportivos determinaranse regulamentariamente, respectando en todo caso o marco legal que se determine para o exercicio das profesións do deporte.

Artigo 73. Titulacións requiridas por federacións deportivas.

As federacións deportivas que establezan condicións de titulación para o desenvolvemento de actividades federativas de carácter técnico deberán aceptar os títulos expedidos polos centros recoñecidos oficialmente.

Artigo 74. Formación de persoal técnico-deportivo.

1. A Comunidade Autónoma impulsará, coa participación das federacións deportivas e da Escola Galega do Deporte, a formación de persoal técnico en materia deportiva.

2. A formación do persoal técnico-deportivo deberá levarse a cabo en centros, públicos ou privados, recoñecidos pola Comunidade Autónoma.

3. A Comunidade Autónoma impulsará, coa participación das organizacións colexiais e as asociacións profesionais, a formación permanente dos profesionais do deporte.

4. As facultades galegas de ciencias da actividade física e do deporte serán o ámbito de referencia para a Administración galega para promover a investigación e o desenvolvemento de proxectos de formación e innovación nos ámbitos da actividade física e da actividade deportiva.

Artigo 75. Escola Galega do Deporte.

1. A Escola Galega do Deporte é o órgano académico da Administración deportiva autonómica para impartir a formación deportiva no ámbito da Comunidade Autónoma, así como o centro de documentación, investigación, estudo e documentación deportiva, sen prexuízo das atribucións que lle correspondan á consellaría competente en materia de educación.

2. A Escola Galega do Deporte impulsará a subscrición dos convenios coas universidades galegas e cos demais centros de ensino onde se impartan estudos da rama da actividade física e do deporte, e coas entidades deportivas galegas.

Título VI
Instalacións deportivas

Capítulo I
Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia

Artigo 76. Definición de instalación deportiva.

1. Considérase instalación deportiva convencional calquera espazo aberto ou pechado, infraestrutura ou inmoble proxectado ou adaptado especificamente para a práctica do deporte que estea dotado das condicións aptas para o exercicio de calquera das súas modalidades ou especialidades.

2. Considéranse espazos deportivos non convencionais aqueles nos que se desenvolven actividades deportivas e que se adaptan ás características do medio, natural ou urbano.

3. Para os efectos desta lei, as instalacións deportivas clasifícanse en instalacións de uso público e privado. Teñen a consideración de instalacións de uso público aquelas abertas ao público en xeral, con independencia da súa titularidade ou da esixencia de contraprestación pola súa utilización.

4. Regulamentariamente poderase establecer unha tipoloxía de instalacións, así como un sistema de clasificación destas, atendendo, entre outras circunstancias, ás características da súa oferta deportiva e á calidade dos servizos prestados.

Artigo 77. Rexistro e finalidade.

1. Correspóndelle á Administración autonómica a creación e custodia do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia, no que se inscribirán as instalacións deportivas de uso público da Comunidade Autónoma.

2. A inscrición no rexistro da instalación deportiva correspondente será condición para poder realizar competicións deportivas de carácter oficial de calquera ámbito territorial.

3. A inscrición poderá ser denegada cando a instalación non cumpra as habilitacións técnicas nin os requisitos necesarios para a práctica deportiva segura.

4. Os datos que figuran no rexistro servirán para confeccionar o censo de instalacións deportivas, que se publicará coas agrupacións e clasificacións suficientes para dar a coñecer a situación das infraestruturas na Comunidade Autónoma e contribuír á planificación das novas que se poidan construír.

5. Os datos das infraestruturas que se inclúen no censo reflectirán, polo menos:

a) A situación territorial.

b) A súa titularidade.

c) O estado de conservación e os servizos cos que contan.

d) A capacidade e a accesibilidade para persoas con algunha discapacidade, de acordo coas condicións legais establecidas na normativa sectorial autonómica de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

e) As modalidades deportivas que se poidan desenvolver.

Capítulo II
Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos

Artigo 78. Finalidade e competencia para a súa elaboración.

1. Co obxecto de garantir unha apropiada utilización dos recursos que as administracións públicas destinen á promoción do deporte, elaborarase o Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia, do que deberá informarse oportunamente ao Parlamento de Galicia.

2. Correspóndelle á Administración autonómica a redacción e aprobación deste plan. A aprobación levará implícita a declaración de utilidade pública ou interese social das obras e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos necesarios para levar a cabo a súa execución, para os efectos de expropiación forzosa ou imposición de servidumes.

3. O mencionado plan determinará os criterios xerais de actuación e a situación xeográfica das instalacións e equipamentos deportivos de interese xeral, establecerá as determinacións e a súa tipoloxía técnica e sinalará as etapas necesarias para a súa execución.

4. O Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia deberá ser revisado cada cinco anos co fin de conseguir a súa actualización e adaptación ás necesidades deportivas.

Artigo 79. Deber de colaboración.

1. As entidades locais, os clubs, as federacións galegas e outros organismos públicos e privados, vinculados á actividade deportiva, deberán facilitarlle á Administración autonómica a documentación e información pertinentes para a redacción do Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia.

2. Os clubs, as federacións galegas ou outros organismos públicos e privados, vinculados á actividade deportiva, participarán na súa elaboración e velarán polo seu cumprimento na forma que se determine regulamentariamente.

Artigo 80. Contido.

As determinacións do Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia concretaranse en:

a) Os estudos e plans de información e estimacións dos recursos dispoñibles.

b) A memoria explicativa do plan, coa definición das actuacións prioritarias en relación cos obxectivos perseguidos e coas necesidades territoriais.

c) O estudo económico e financeiro da valoración das actuacións territoriais prioritarias e das de carácter ordinario.

d) Os plans e as normas técnicas que definan e regulen as actuacións.

e) As características técnicas e os requisitos de idoneidade das instalacións.

f) O censo das instalacións e dos equipamentos deportivos.

g) As garantías de protección ambiental e paisaxística da situación e dos terreos elixidos.

h) Os mecanismos de avaliación e da execución anual do plan.

Artigo 81. Prioridade do plan.

O plan deberá establecer como finalidade preferente posibilitar a práctica xeneralizada das actividades deportiva e física, sen distinción de sexo, idade, condición física ou social.

Artigo 82. Intervención das administracións locais.

1. A Administración autonómica redactará o Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia con informe previo das entidades locais cando as súas determinacións as afecten.

2. A execución do Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia deberá ser previamente aprobada polo pleno das corporacións locais na parte que as afecta. Estas facilitarán para tal fin o financiamento e os terreos necesarios que, de acordo co plan, lles correspondan.

Capítulo III
Requisitos e uso das instalacións

Artigo 83. Requisitos das instalacións.

1. As instalacións deportivas deberán cumprir as disposicións reguladoras dos seguintes aspectos:

a) Tipoloxía das instalacións.

b) Características técnicas, condicións e dimensións.

c) Hixiene e seguridade e prevención de accións violentas.

d) Acceso e utilización polas persoas con algunha discapacidade.

e) Presenza, asistencia e intervención nas instalacións de técnicos titulados.

2. Os concellos velarán polo cumprimento da citada normativa en todas as instalacións de uso público que estean no seu termo municipal. O seu cumprimento comprobarase no outorgamento das correspondentes licenzas ou autorizacións.

Unha vez outorgadas estas licenzas, inscribiranse no censo municipal e comunicaránselle ao Rexistro de Instalacións e Equipamentos Deportivos de Galicia para a súa inclusión no censo autonómico.

3. As instalacións dos centros docentes públicos proxectaranse de forma que se favoreza a súa utilización deportiva polivalente e deberán ser postas á disposición dos municipios, das entidades deportivas e dos deportistas, respectando en todo caso o normal desenvolvemento polivalente, especialmente no relativo á actividade deportiva en idade escolar.

4. As instalacións destinadas ao desenvolvemento de actividades deportivas deberán ofrecer información, en lugar visible e accesible ao público e ás persoas usuarias, sobre os datos técnicos da instalación, o equipamento interno, o nome do seu responsable, a capacidade máxima permitida, as actividades deportivas que nela se oferten, as cotas e tarifas, as normas de uso e funcionamento, e o nome e titulación respectiva das persoas que presten servizos profesionais nos niveis de dirección, ensinanza ou animación.

Artigo 84. Instalacións de uso público subvencionadas.

1. As instalacións deportivas de uso público que reciban para a súa construción e mellora subvencións ou axudas da Administración autonómica deberán axustarse ás seguintes condicións:

a) No caso das obras de mellora, estar inscritas no Rexistro de Instalacións e Equipamentos Deportivos de Galicia.

b) A presentación á Administración autonómica dun plan de xestión e utilización que garanta a viabilidade do proxecto, no que figure a titulación dos profesionais responsables e un compromiso explícito dun uso non discriminatorio delas.

c) Que a instalación á que se destina a subvención sexa doadamente accesible e garanta a libre circulación de persoas con algunha discapacidade física.

d) Que se lle ceda o uso da instalación á Xunta de Galicia para a realización de probas, actividades ou competicións deportivas organizadas por ela nas condicións que se establezan regulamentariamente.

2. Compételle á Administración autonómica efectuar o seguimento e o control da execución dos proxectos de instalacións deportivas subvencionadas por ela.

Artigo 85. Uso das instalacións.

1. As instalacións en cuxo financiamento e en cuxa planificación participe a Administración autonómica, incluídas no Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia, deberán utilizarse de forma que se favoreza o seu uso deportivo polivalente en coordinación coas asociacións deportivas que teñan unha actividade relacionada co uso das instalacións.

2. Os titulares das instalacións ás que se refire a alínea anterior deberán permitirlle o seu uso á Administración autonómica para facer posible a práctica xeral da actividade deportiva, na forma que se determine regulamentariamente.

3. A utilización de instalacións e equipamentos deportivos públicos para fins non deportivos requirirá a autorización expresa dos titulares destas instalacións e será responsable das sancións que correspondan a persoa organizadora da mencionada actividade realizada sen a referida autorización.

Título VII
Da xurisdición deportiva

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 86. Ámbito da xurisdición deportiva.

Para os efectos desta lei, a xurisdición deportiva esténdese ao coñecemento e á resolución das cuestións que en materia xurídico-deportiva se susciten nos ámbitos disciplinario, organizativo-competicional, electoral e administrativo-deportivo.

Artigo 87. Ámbito disciplinario.

1. A potestade disciplinaria é a facultade de investigar e, de ser o caso, sancionar os suxeitos que formen parte da organización deportiva con ocasión de infraccións das regras do xogo ou da competición ou das normas xerais de conduta deportiva establecidas nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan.

2. Enténdese por infraccións das regras do xogo ou da competición as accións ou omisións que durante o curso do xogo, da competición ou da proba, vulneren, impidan ou perturben o seu normal desenvolvemento.

3. Son infraccións das normas xerais de conduta deportiva as accións ou omisións que supoñan un quebrantamento de calquera norma de aplicación no deporte non incluída na alínea anterior ou dos principios xerais da conduta deportiva recollidos nesta lei.

4. A potestade disciplinaria esténdese ás entidades deportivas e aos seus deportistas, técnicos e directivos, xuíces e árbitros e, en xeral, a todas aquelas persoas e entidades que, en condición de federados ou inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas, desenvolvan a modalidade deportiva correspondente no ámbito da Comunidade Autónoma.

5. O exercicio da potestade disciplinaria deportiva correspóndelle:

a) Aos xuíces ou árbitros durante o desenvolvemento dos encontros ou das probas.

b) Aos clubs deportivos e ás seccións deportivas sobre os seus socios ou asociados, deportistas ou técnicos e directivos ou administradores.

c) Ás federacións deportivas de Galicia, a través dos seus órganos disciplinarios, sobre todas as persoas que forman parte da súa estrutura orgánica e, en xeral, sobre todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolven a actividade deportiva correspondente ao ámbito autonómico.

d) Ao Comité Galego de Xustiza Deportiva, sobre as mesmas persoas e entidades que as federacións deportivas galegas, sobre estas mesmas e sobre os seus directivos, e sobre todas aquelas persoas e entidades que estean inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ou que desenvolvan ou participen na actividade deportiva nas formas previstas nesta lei.

A competencia do Comité Galego de Xustiza Deportiva articúlase en vía de recurso contra as decisións federativas ou en primeira instancia cando así o determine esta lei.

Artigo 88. Ámbito electoral.

1. No ámbito electoral, a xurisdición deportiva esténdese ao coñecemento e á resolución das reclamacións e dos recursos que nos seus procesos electorais adopten as federacións deportivas, e quedan excluídos os actos de aprobación do regulamento electoral, que ten o seu propio réxime de impugnación ante a Administración autonómica. As decisións da Administración deportiva sobre a aprobación destes regulamentos esgotarán a vía administrativa correspondente.

2. O exercicio da potestade xurisdicional no ámbito electoral correspóndelle:

a) Á xunta electoral das federacións deportivas.

b) Ao Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Os estatutos e regulamentos determinarán o réxime de impugnación dos respectivos actos que compoñen o proceso electoral e poderán determinar a obrigatoriedade da interposición de recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva. En todo caso, a convocatoria do proceso electoral será de impugnación directa e exclusiva ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Artigo 89. Ámbito organizativo-competicional.

A competencia en materia organizativo-competicional esténdese ao coñecemento dos actos ou das omisións que realicen os organizadores das competicións oficiais no desenvolvemento da súa función e que non teñan reflexo no réxime disciplinario deportivo.

Artigo 90. Ámbito administrativo-deportivo.

O exercicio da potestade sancionadora en materia administrativo-deportiva correspóndelle á Administración deportiva autonómica sobre calquera persoa física ou xurídica, pola comisión das infraccións administrativas tipificadas nesta lei.

Capítulo II
O Comité Galego de Xustiza Deportiva

Sección 1.ª Organización e funcionamento

Artigo 91. Finalidade.

1. O Comité Galego de Xustiza Deportiva é o órgano administrativo superior da xurisdición deportiva no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Está adscrito ao órgano da Administración autonómica competente en materia de deporte, e actúa con independencia funcional deste e da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

No ámbito do Comité Galego de Xustiza Deportiva crearase unha sección diferenciada para a solución arbitral das decisións que non deban adoptarse mediante os procedementos disciplinarios previstos nesta lei. O sistema arbitral de solución de conflitos regularase regulamentariamente no marco das normas da arbitraxe privada.

2. A Administración deportiva dotará o Comité Galego de Xustiza Deportiva dos medios persoais e materiais que precise para o exercicio da súa función.

Artigo 92. Designación, constitución e funcionamento.

1. O Comité Galego de Xustiza Deportiva estará integrado por unha presidenta ou por un presidente e catro vogais, todos eles licenciados en dereito. Designaranse, igualmente, dous suplentes para os supostos de vacantes, enfermidade ou ausencia.

A condición de presidenta ou presidente, secretaria ou secretario ou membro do Comité Galego de Xustiza Deportiva é incompatible co traballo ou co asesoramento das federacións deportivas galegas.

2. O nomeamento dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva realizarao o órgano da Administración autonómica competente en materia deportiva. Na sesión constitutiva do órgano elixirase unha presidenta ou un presidente.

3. A duración do mandato dos integrantes do Comité Galego de Xustiza Deportiva será de catro anos e o seu exercicio non será remunerado. Os seus membros, no exercicio do seu cargo, unicamente terán dereito ás axudas de custo e indemnizacións que procedesen, de acordo coa normativa aplicable.

4. Estará asistido por unha secretaria ou un secretario designado pola Administración autonómica, que terá a condición de funcionario, que actuará nas reunións do comité con voz pero sen voto.

5. Aplicaranse as normas de funcionamento establecidas para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

6. Os membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva non poderán ser separados nin o seu nomeamento poderá ser revogado se non é mediante un procedemento contraditorio incoado e resolto pola Administración autonómica, fundado no incumprimento grave das súas obrigas.

7. Os nomeamentos dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva faranse procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

8. Conforme se determine regulamentariamente, para aqueles casos nos que se esixan aspectos profesionais ou técnicos específicos do ámbito do deporte, contarase coas organizacións profesionais para que designen un perito da especialidade que sexa requirida.

Artigo 93. Competencia e procedemento.

1. O Comité Galego de Xustiza Deportiva é competente para coñecer dos actos que se produzan relativos a:

a) Disciplina deportiva, incluídos neste ámbito os relativos á prevención, ao control e ás sancións en materia de dopaxe.

b) Os de carácter organizativo-competicional que poidan xurdir en relación coa organización das competicións.

c) Control das decisións ditadas nos procesos electorais polos órganos competentes das federacións deportivas de Galicia, incluída a súa convocatoria.

d) Control administrativo respecto das funcións públicas encomendadas ás federacións.

e) Incoación, instrución e resolución de expedientes disciplinarios deportivos aos membros das federacións deportivas galegas, sempre que se substancien, por feitos cometidos polos seus presidentes ou directivos, de oficio ou por instancia de parte, pola Administración deportiva autonómica.

f) Tramitación e resolución de procedementos sancionadores deportivos sobre as materias deste tipo que lle son atribuídas por esta lei.

g) Calquera outra competencia que lle sexa atribuída ou delegada consonte o ordenamento xurídico.

2. Os recursos que se presenten ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva tramitaranse polo procedemento que regulamentariamente se determine, que, en todo caso, deberá respectar os principios xerais establecidos nos artigos 110, 112 e 113 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O desenvolvemento regulamentario do citado procedemento conterá, en todo caso, os seguintes aspectos:

a) Notificación da admisión a trámite ás persoas interesadas e petición de remisión do expediente tramitado.

b) Prazo para propoñer e practicar proba.

c) Audiencia ás persoas interesadas ao remate do procedemento, coa posibilidade de alegación por parte destas.

d) Notificación ás persoas interesadas da resolución ditada.

e) Recursos que procedan.

f) Posibilidade de adoptar medidas preventivas para asegurar o exercicio da potestade sancionadora, disciplinaria ou, en xeral, a execución das resolucións do comité.

Artigo 94. Resolucións.

1. As resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva esgotan a vía administrativa. Contra estas poderá interpoñerse recurso ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva executaranse en primeira instancia a través da correspondente federación deportiva, que será responsable do seu efectivo cumprimento.

Sección 2.ª Sección arbitral

Artigo 95. Solución extraxudicial de conflitos non sancionadores nin disciplinarios.

1. Nos termos previstos nas normas reguladoras da arbitraxe privada poderán someterse a arbitraxe as cuestións de índole privada que se susciten en relación coa actividade deportiva e que non estean incluídas no ámbito das potestades delegadas públicas, sen prexuízo de que existan nas federacións deportivas órganos de conciliación, mediación ou arbitrais aos que os suxeitos deportivos federados poidan someter voluntariamente os seus conflitos internos.

2. O órgano arbitral estará composto por unha presidenta ou un presidente e dous membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva, aos que lles corresponde organizar as respectivas formacións arbitrais.

3. A organización do sistema arbitral, o procedemento e a composición das formacións arbitrais determinaranse regulamentariamente.

4. Os ingresos que se obteñan no desenvolvemento da súa función quedarán afectos a sufragar os gastos do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Capítulo III
Infraccións e sancións disciplinarias deportivas

Artigo 96. Disposicións xerais sobre faltas e sancións.

1. Son faltas disciplinarias as infraccións das regras do xogo ou da competición e as infraccións das normas xerais de conduta deportiva tipificadas nesta lei.

En desenvolvemento dos tipos infractores establecidos na lei, correspóndelles aos estatutos das federacións concretar as condutas infractoras adaptándoas á respectiva modalidade deportiva e ás sancións dentro da marxe prevista na lei.

2. En todo caso os estatutos reflectirán:

a) A tipificación das infraccións, consonte as peculiaridades da modalidade deportiva en cuestión, e tamén as sancións correspondentes a cada unha daquelas.

b) O establecemento dun sistema de sancións proporcional ao da infracción tipificada e o réxime da súa aplicación en función das características concorrentes.

c) A prohibición da dobre sanción polos mesmos feitos.

d) A aplicación dos efectos retroactivos favorables.

e) A prohibición de sancionar por infraccións non tipificadas no momento da súa comisión.

f) Os distintos procedementos de tramitación e imposición, se é o caso, de sancións, que en todo caso respectarán os principios do procedemento administrativo sancionador.

g) O sistema de recursos contra as sancións impostas, no que terá que mencionarse expresamente o recurso ao Comité Galego de Xustiza Deportiva, nos termos previstos nesta lei, contra as resolucións dos órganos disciplinarios federativos.

Artigo 97. Natureza e clasificación das infraccións.

1. As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves. As sancións correspondentes aplicaranse en función da clasificación das infraccións.

2. Consideraranse infraccións moi graves as seguintes:

a) As actuacións dirixidas a predeterminar, mediante prezo, intimidación ou simple acordo ou decisión, o resultado dunha proba, encontro ou competición.

b) Os comportamentos e actitudes agresivos e antideportivos ou discriminatorios dos xogadores ou técnicos, cando se dirixan ao árbitro, aos xurados, a outros xogadores, técnicos ou ao público.

c) Os quebrantamentos de sancións impostas.

d) A manipulación ou alteración, xa sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas de cada deporte cando poidan alterar a seguridade da proba, do encontro ou da competición ou poñan en perigo a integridade das persoas.

e) Non executar ou desobedecer as resolucións no ámbito disciplinario do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

f) A inasistencia sen xusta causa dos deportistas ás convocatorias da selección galega ou a negativa da entidade deportiva a facilitar a súa asistencia.

g) A aliñación indebida e non comparecer ou retirarse inxustificadamente das probas, dos encontros ou das competicións.

h) A reincidencia na comisión de faltas graves. Entenderase que hai reincidencia na comisión cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións graves no período dun ano.

Da infracción á que se refire a letra e) poderá ser responsable a presidenta ou o presidente da federación, sen prexuízo das responsabilidades nas que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

3. Consideraranse infraccións graves as seguintes:

a) A falta de remisión en prazo ou de forma manifestamente incompleta, sen xusta causa, dos expedientes ou da información requirida polo Comité Galego de Xustiza Deportiva.

b) O incumprimento de ordes e instrucións emanadas dos órganos deportivos competentes.

c) Actuar de forma pública e notoria contra a dignidade e o decoro propios da actividade deportiva.

d) A reiteración de faltas leves. Entenderase que hai reiteración cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións leves no período dun ano.

Das infraccións ás que se refiren as letras a) e b) poderá ser responsable a presidenta ou o presidente da federación, sen prexuízo das responsabilidades nas que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

4. Consideraranse infraccións leves as seguintes:

a) As condutas contrarias ás normas deportivas que non estean incursas na cualificación de moi graves ou graves.

b) A incorrección co público, cos compañeiros e cos subordinados.

c) A adopción dunha actitude pasiva no cumprimento das ordes e instrucións recibidas de xuíces, árbitros e autoridades deportivas no exercicio das súas funcións.

Artigo 98. Sancións.

1. Pola comisión de faltas moi graves impoñeranse as seguintes sancións:

a) Multa en contía non superior a 1.500 euros.

b) Perda de puntos ou postos de clasificación.

c) Perda de ascenso de categoría ou división.

d) Clausura do recinto deportivo por un período máximo dunha tempada.

e) Suspensión ou privación da licenza federativa ou, de ser o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, ou da habilitación para ocupar cargos nunha federación deportiva por un prazo máximo de cinco anos.

f) Privación da licenza federativa, cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ou privación da habilitación para ocupar cargos na federación deportiva a perpetuidade. Esta sanción só se poderá acordar, de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extrema gravidade.

g) Inhabilitación por un período de dous a catro anos, cando as infraccións sexan cometidas por directivos.

h) Destitución do cargo, cando as infraccións sexan cometidas polos directivos.

2. Pola comisión de faltas graves impoñeranse as seguintes sancións:

a) Amoestación pública.

b) Multa en contía non superior a 1.000 euros.

c) Clausura do recinto deportivo ata un máximo de catro encontros ou tres meses.

d) Suspensión ou privación da licenza federativa e/ou, se é o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e inhabilitación para ocupar cargos dun mes a dous anos.

3. Pola comisión de faltas leves impoñeranse as seguintes sancións:

a) Apercibimento.

b) Inhabilitación para ocupar cargos federativos ou suspensión de ata un mes, ou dun a tres encontros ou probas.

4. As federacións deportivas poderán establecer un sistema de infraccións e sancións que, como mínimo, deberá recoller o disposto nesta lei.

5. As multas só se lles poderán impoñer ás entidades deportivas e aos que, conforme esta lei, sexan considerados deportistas profesionais ou técnicos profesionais.

Artigo 99. Principio de proporcionalidade.

1. No establecemento de sancións pecuniarias deberase prever que a comisión das infraccións tipificadas non resulte máis beneficiosa para a persoa infractora que o cumprimento das normas infrinxidas.

2. Na determinación do réxime sancionador, así como na imposición de sancións polas administracións públicas, deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada.

3. Para graduar as sancións teranse en conta as circunstancias concorrentes, a natureza dos feitos, as consecuencias e os efectos producidos, a existencia de intencionalidade, a reincidencia e a concorrencia de circunstancias agravantes ou atenuantes.

4. En función das circunstancias previstas nas alíneas anteriores, as sancións aplicaranse nos seus graos máximo, mínimo ou medio. De ser o caso, de concorreren circunstancias atenuantes cualificadas, poderase aplicar a sanción inferior nun grao á prevista.

Artigo 100. Circunstancias modificativas da responsabilidade.

1. Serán consideradas como circunstancias atenuantes o arrepentimento espontáneo e a existencia de provocación suficiente inmediatamente anterior á comisión da infracción.

2. Serán consideradas como circunstancias agravantes da responsabilidade a reincidencia, o prezo, o prexuízo económico ocasionado e o número de persoas afectadas pola infracción respectiva.

3. Entenderase producida a reincidencia cando a persoa infractora cometa, polo menos, unha infracción da mesma natureza declarada por resolución firme, no termo dun ano.

4. Os órganos disciplinarios sancionadores poderán, no exercicio da súa función, aplicar a sanción no grao que consideren adecuado, ponderando, en todo caso, a natureza dos feitos, a personalidade do responsable, as consecuencias da infracción e a concorrencia de circunstancias atenuantes ou agravantes.

Artigo 101. Causas de extinción da responsabilidade.

A responsabilidade disciplinaria extínguese:

a) Polo cumprimento da sanción.

b) Polo falecemento da persoa inculpada.

c) Por disolución da entidade ou da federación deportiva sancionadas.

d) Por prescrición das infraccións ou sancións.

Artigo 102. Prescrición de infraccións e sancións.

1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves prescribirán ao ano e, as leves, ao mes.

2. O termo de prescrición comeza a contar o día no que se cometeron os feitos e interrómpese no momento no que se acorda iniciar o procedemento sancionador. O seu cómputo restablecerase se o expediente permanecese paralizado durante un mes por causa non imputable ao presunto responsable.

3. As sancións prescribirán aos tres anos, ao ano ou ao mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves. O prazo de prescrición comezará a contar desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción, ou desde o momento no que se quebrantase o seu cumprimento se este xa comezase.

Capítulo IV
Procedementos disciplinarios deportivos

Artigo 103. Procedemento disciplinario.

A imposición de sancións pola comisión das infraccións previstas no capítulo III do título VII desta lei axustarase aos procedementos que se conteñen neste capítulo.

Artigo 104. Clases de procedementos.

1. Os procedementos para a imposición de sancións serán o abreviado e o ordinario.

2. O procedemento abreviado é aplicable para a imposición das sancións por infracción das regras do xogo ou da competición. A súa concreción deberá realizarse nos estatutos das federacións deportivas atendendo ao previsto no artigo 106, e, na súa regulación, deberá asegurar o normal desenvolvemento da competición. En todo caso, deberá asegurarse o trámite de audiencia ás persoas interesadas e o dereito ao recurso.

3. O procedemento ordinario será aplicable para as sancións correspondentes ás infraccións das normas xerais de conduta deportiva.

Artigo 105. Regras comúns aos procedementos.

1. No non previsto nesta lei, serán de aplicación supletoria as normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Real decreto 1398/1993, do 4 agosto, polo que se aprobou o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Os procedementos sancionadores respectarán a presunción de inexistencia de responsabilidade administrativa mentres non se demostre o contrario.

3. As sancións impostas a través do correspondente procedemento disciplinario serán inmediatamente executivas, agás que o órgano encargado da resolución do recurso acorde a suspensión.

4. As actas subscritas polos xuíces ou árbitros do encontro, da proba ou da competición constituirán medio documental necesario en conxunto da proba das infraccións ás regras e normas deportivas. Igual natureza terán as ampliacións ou aclaracións a aquelas.

As manifestacións do árbitro ou xuíz plasmadas nas citadas actas presúmense certas, agás proba en contrario.

Artigo 106. Procedemento abreviado.

As regras ás que se debe axustar o procedemento abreviado son as seguintes:

1. Iniciación:

a) O procedemento abreviado iníciase coa notificación da acta da proba ou competición, que reflicta os feitos que poden dar lugar a sanción, subscrita polo xuíz ou árbitro e polos competidores ou polos delegados dos clubs.

No suposto de que os feitos susceptibles de ser sancionados non estean reflectidos na acta, senón mediante anexo, o procedemento iníciase no momento no que teña entrada na correspondente federación o anexo da acta do partido ou documento no que queden reflectidos os feitos obxecto de axuizamento. Ademais, designarase unha persoa instrutora que exercerá as funcións de impulso na ordenación do expediente e de secretaria ou secretario, e serán aplicables as causas de abstención e recusación reguladas na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

b) Tamén se pode iniciar por instancia da parte interesada, sempre que a denuncia se presente nas dependencias da federación correspondente dentro do segundo día hábil seguinte ao día no que se realizase a proba ou competición.

2. Tramitación e resolución:

a) No prazo de dous días, que se contarán desde a notificación prevista na alínea anterior, as persoas interesadas poderán formular alegacións en relación cos feitos consignados na acta, no anexo ou na denuncia. Poderán propoñer ou achegar tamén, se é o caso, as probas pertinentes.

A proba deberá practicarse no prazo máximo dos dous días hábiles seguintes ao da súa admisión.

b) O órgano instrutor trasladaralle, no prazo máximo de dous días que se contarán a partir da presentación de alegacións ou da práctica da proba ou da súa denegación, ao órgano competente para resolver a proposta de resolución, para que, dentro do día seguinte, se dite resolución na cal se deben expresar os feitos imputados, os preceptos infrinxidos e os que habilitan a sanción que se impoña. Así mesmo, deben expresarse na mesma resolución os motivos de denegación das probas non admitidas se non se realizase con anterioridade.

A resolución deberáselles notificar ás persoas interesadas, con expresión dos recursos que se poidan formular contra ela e do prazo para a súa interposición.

3. En función das propias características de cada federación deportiva, os seus estatutos poderán reducir os prazos previstos nas alíneas anteriores e a simplificación dos trámites previstos nelas.

Artigo 107. Procedemento ordinario.

As regras ás que se debe someter o procedemento ordinario son as seguintes:

1. Iniciación:

a) O procedemento iníciase por acordo do órgano competente, de oficio ou por instancia de persoa interesada.

b) O acordo que inicie o procedemento conterá a identidade do instrutor, se é o caso do secretario, da autoridade competente para impoñer a sanción e a norma que lle atribúa tal competencia, o prego de cargos que conterá a determinación dos feitos imputados, a identificación da persoa ou das persoas presuntamente responsables, así como as posibles sancións aplicables. Este acordo deberáselle notificar á persoa interesada.

Serán aplicables ao instrutor e ao secretario as causas de abstención e recusación e procedemento establecidas no capítulo III do título II, artigos 28 e 29, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Tramitación:

a) Durante a tramitación do procedemento, o órgano competente para incoalo, de oficio ou por instancia do instrutor, poderá acordar en resolución motivada as medidas que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer.

b) O acordo de iniciación notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para contestar os feitos e propoñer a práctica das probas que conveña á defensa dos seus dereitos e intereses.

c) Practicaranse de oficio ou admitiranse por proposta da persoa interesada cantas probas sexan adecuadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades. Só se poderán declarar improcedentes aquelas probas que pola súa relación cos feitos non poidan alterar a resolución final a favor do presunto responsable.

d) Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo para facelo, ou concluída a fase probatoria, o instrutor redactará a proposta de resolución ben apreciando a existencia dalgunha infracción imputable –e neste caso conterá necesariamente os feitos declarados probados, as infraccións que constitúan e as disposicións que as tipifiquen, as persoas que resulten presuntamente responsables e as sancións que procede impoñer– ou ben propoñendo a declaración de inexistencia de infracción ou responsabilidade e o sobresemento con arquivo das actuacións.

A proposta de resolución notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para formular alegacións e presentar os documentos que consideren pertinentes.

3. Resolución:

a) Recibidas polo instrutor as alegacións ou transcorrido o prazo de audiencia, remitiralle o expediente ao órgano competente para resolver.

b) A resolución do órgano competente pon fin ao procedemento común e ditarase no prazo máximo de dez días hábiles.

4. En función das propias características de cada federación deportiva, os seus estatutos poderán reducir os prazos previstos nas alíneas anteriores e a simplificación dos trámites previstos nelas.

Artigo 108. Lexitimación para recorrer contra as sancións.

Están lexitimadas para interpoñer recurso en materia disciplinaria as persoas directamente afectadas pola sanción. Enténdese, en todo caso, por tales os deportistas, as súas entidades deportivas e as entidades deportivas participantes na competición.

Artigo 109. Órganos disciplinarios.

Os estatutos das federacións deportivas determinarán a denominación, a composición e o réxime de funcionamento dos seus órganos disciplinarios. Poderán ser unipersoais ou colexiados.

A elección dos membros dos órganos disciplinarios efectuarase consonte o establecido nos estatutos da federación deportiva correspondente.

Capítulo V
Sistema de garantías electorais

Artigo 110. Xuntas electorais federativas.

1. En cada federación constituirase unha xunta electoral, que será o órgano de ordenación e de control das eleccións que se desenvolvan nas federacións deportivas, que deberá resolver en primeira instancia as reclamacións que se presenten contra toda decisión adoptada no proceso electoral, agás a convocatoria das eleccións e o regulamento electoral aprobado pola asemblea xeral, que poderá ser obxecto de recurso directamente ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

2. Os membros da xunta electoral serán designados pola asemblea xeral na forma prevista nos seus estatutos. Non poderán formar parte dela as persoas integrantes dos órganos colexiados ou postos directivos da federación, as candidatas e os candidatos á asemblea xeral ou ao cargo de presidenta ou presidente.

3. As federacións deportivas deberán facer pública e notificarlle á Administración deportiva as persoas que formen parte de cada xunta electoral unha vez que se proceda á súa constitución.

4. A ordenación dos procesos electorais realizarase consonte o regulamento electoral, que deberá ser aprobado pola Administración deportiva. A resolución aprobatoria do regulamento esgotará a vía administrativa e unicamente poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo.

Artigo 111. Recursos contra as resolucións adoptadas polas xuntas electorais federativas.

1. As resolucións adoptadas pola xunta electoral poderán ser impugnadas polas persoas interesadas, ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, no prazo de tres días hábiles a partir do momento no que sexan notificadas ou, de ser o caso, desde o momento no que se produza a desestimación tácita das reclamacións electorais presentadas por aquelas.

2. O Comité Galego de Xustiza Deportiva deberá resolver os recursos formulados conforme o procedemento que se determine regulamentariamente. En defecto deste, aplicaranse as normas do procedemento abreviado regulado nesta lei.

Capítulo VI
Potestade sancionadora en materia administrativo-deportiva

Artigo 112. Órganos competentes e normativa aplicable.

1. O exercicio da potestade sancionadora en materia administrativo-deportiva correspóndelle á Administración deportiva autonómica, a través do Comité Galego de Xustiza Deportiva, sobre calquera persoa física ou xurídica pola comisión das infraccións administrativas tipificadas nesta lei.

2. No exercicio desta potestade son aplicables os principios xerais da potestade sancionadora establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 113. Función inspectora.

A función inspectora en materia de deportes exerceraa o persoal funcionario adscrito ao órgano administrativo que teña atribuída a competencia en materia de deportes. A Administración da Comunidade Autónoma, no ámbito das súas competencias, habilitará o seu persoal funcionario para exercer esta función inspectora.

Artigo 114. Facultades.

1. No exercicio das súas funcións, os inspectores, debidamente acreditados, terán carácter de axentes da autoridade e gozarán como tales da protección e das facultades que a estes dispensa a normativa vixente.

2. Cando o consideren preciso para o mellor cumprimento das súas funcións, os inspectores poderán solicitar a intervención de persoas e de servizos dependentes doutras institucións públicas ou privadas.

3. As actas subscritas polos inspectores gozarán da presunción de certeza que se lles atribúe no marco do procedemento administrativo común ás expedidas polos funcionarios públicos no exercicio do seu cargo.

Artigo 115. Cualificación das infraccións. Procedemento aplicable.

As infraccións administrativas en materia deportiva poden ser moi graves, graves ou leves. En canto réxime sancionador público, será aplicable o procedemento sancionador da Xunta de Galicia e, en defecto deste, o Real decreto 1398/1993, do 4 agosto, que aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 116. Infraccións moi graves.

Son infraccións moi graves:

a) A realización de actividades e a prestación de servizos relacionados co deporte en condicións que poidan afectar gravemente a saúde e seguridade das persoas.

b) A introdución nas instalacións nas que se realicen competicións ou actividades deportivas de toda clase de substancias estupefacientes ou psicotrópicas, ou de bebidas alcohólicas, así como de calquera outra substancia prohibida por lei.

c) A intrusión e a intromisión na expedición de titulacións, así como a realización de actividades de ensinanza, xestión, adestramento e calquera das actividades relacionadas coa actividade física e coa actividade deportiva sen a titulación establecida en cada caso pola normativa vixente.

d) O quebrantamento de sancións impostas por infraccións graves ou moi graves.

e) A venda de alcohol e tabaco nas instalacións deportivas.

f) O incumprimento da propia normativa en relación coa admisión e coa práctica de actividade deportiva cando o devandito incumprimento responda a criterios discriminatorios por razón de sexo, relixión, raza ou calquera outro que afecten o réxime de acceso igual á actividade deportiva.

g) Non subscribir o seguro de responsabilidade civil nos supostos previstos nesta lei.

h) A incorrecta utilización dos fondos privados ou das subvencións, dos créditos, dos avais e das demais axudas de carácter público.

i) A utilización de instalacións e equipamentos deportivos públicos para fins non deportivos sen a autorización expresa dos titulares das mencionadas instalacións.

j) Non convocar os órganos de goberno das federacións deportivas galegas nos prazos e nas condicións legais.

k) O incumprimento de acordos da asemblea xeral e dos regulamentos e estatutos federativos.

l) A denegación inxustificada da licenza.

m) O incumprimento dos convenios subscritos coa Administración autonómica.

n) A obstrución ou resistencia reiterada ao exercicio da función inspectora.

ñ) O abuso de autoridade ou o aproveitamento particular e ilexítimo do cargo que se ocupe da entidade deportiva.

Das infraccións ás que se refiren as letras h), j), k), l) e ñ) poderá ser responsable a presidenta ou o presidente da federación, sen prexuízo das responsabilidades nas que puidesen incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

Artigo 117. Infraccións graves.

Son infraccións graves:

a) As condutas descritas nas letras a) e b) do artigo anterior cando non concorran as circunstancias de grave risco ou danos, importante prexuízo ou especial transcendencia no grao establecido.

b) A actitude pasiva no cumprimento das obrigas de impedir a violencia nos espectáculos deportivos, así como na investigación e no descubrimento da identidade das persoas responsables de actos violentos, daqueles que teñan a obriga de actuar.

c) O incumprimento de medidas preventivas establecidas nos procedementos sancionadores incoados.

d) O encubrimento do ánimo lucrativo mediante entidades deportivas sen ánimo de lucro.

e) A comisión dolosa de danos ás instalacións deportivas e ao mobiliario ou aos equipamentos deportivos.

f) O incumprimento dalgunha das obrigas ou condicións establecidas nesta lei en materia de autorizacións, instalacións deportivas, titulación dos técnicos e control médico e sanitario.

g) A utilización indebida de denominacións ou a realización de actividades propias ou exclusivas da Administración deportiva ou das federacións deportivas de forma que se poida producir unha situación de confusión sobre a verdadeira natureza da actividade dos seus organizadores ou do réxime de responsabilidade.

h) A organización de actividades deportivas en idade escolar non autorizadas polo órgano competente cando tal autorización veña establecida por esta lei ou polas disposicións que a desenvolvan.

i) O quebrantamento de sancións impostas por infraccións leves.

j) A desobediencia das ordes ou disposicións das autoridades gobernativas relativas ás condicións dos espectáculos deportivos sobre cuestións que afecten o seu normal e adecuado desenvolvemento.

k) O incumprimento nos recintos deportivos das medidas de control sobre o acceso e a permanencia ou o desaloxo, as substancias prohibidas, así como a introdución, a intervención e a retirada de obxectos prohibidos, incluídos bengalas ou fogos artificiais ou outros artificios pirotécnicos nos recintos deportivos.

l) O incumprimento do deber de exhibir o documento público de autorización da respectiva instalación e as infraccións que se poidan dar no réxime de acceso e utilización desta.

m) O incumprimento das regras de administración e xestión do orzamento e patrimonio nas que incorran as federacións deportivas. Desta infracción poderá ser responsable a presidenta ou o presidente da federación, sen prexuízo das responsabilidades nas que puidesen incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

Artigo 118. Infraccións leves.

Son infraccións leves:

a) O desleixo e abandono na conservación e no coidado dos locais sociais e das instalacións deportivas.

b) O incumprimento das obrigas informativas e de atención ás persoas usuarias cando non sexa constitutivo de infraccións moi graves ou graves.

Artigo 119. Efectos das infraccións.

1. As infraccións administrativas en materia deportiva poden dar lugar:

a) Á imposición dalgunha das sancións establecidas neste capítulo.

b) Á obriga de indemnizar polos danos e perdas causados.

c) Á adopción de todas as medidas que sexan necesarias para restablecer a orde xurídica infrinxida e anular os efectos producidos pola infracción.

d) Á reposición da situación alterada por parte da persoa infractora ao seu estado orixinal.

2. Poden adoptarse, como medidas preventivas, a expulsión ou a prohibición de acceso aos recintos deportivos.

Artigo 120. Clases de sancións.

Por razón das infraccións tipificadas neste capítulo, poden impoñerse as seguintes sancións:

a) Multa.

b) Suspensión da actividade.

c) Suspensión da autorización.

d) Revogación definitiva da autorización.

e) Clausura temporal ou definitiva de instalacións deportivas.

f) Prohibición de acceso a instalacións deportivas.

g) Inhabilitación para organizar actividades deportivas.

h) Suspensión ou privación da licenza federativa.

i) Suspensión ou cancelación da inscrición ou anotación no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

j) Inhabilitación, ou destitución do cargo, cando as infraccións fosen cometidas por directivos.

Artigo 121. Sancións por infraccións moi graves.

Corresponden ás infraccións moi graves:

a) Multa de ata 60.000 euros.

b) Suspensión da actividade por un período de un a cinco anos.

c) Suspensión da autorización administrativa por un período de un a cinco anos.

d) Revogación definitiva da autorización.

e) Clausura da instalación deportiva por un período de un a cinco anos.

f) Clausura definitiva da instalación deportiva.

g) Prohibición de acceso a calquera instalación deportiva por un período de un a cinco anos.

h) Inhabilitación para organizar actividades deportivas por un período de un a cinco anos.

i) Suspensión ou privación da licenza federativa por un prazo máximo de cinco anos, que poderá ser a perpetuidade, de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extrema gravidade.

j) Suspensión da inscrición ou anotación no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia por un prazo máximo de cinco anos. Poderá acordarse a cancelación rexistral a perpetuidade, de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extrema gravidade.

k) Inhabilitación por un prazo máximo de cinco anos para ocupar cargos nunha federación deportiva ou, en supostos excepcionais, inhabilitación a perpetuidade e/ou destitución no cargo pola reincidencia en infraccións de extrema gravidade.

Artigo 122. Sancións por infraccións graves.

Corresponden ás infraccións graves:

a) Multa de ata 30.000 euros.

b) Suspensión da actividade ata un máximo de dous anos.

c) Suspensión da autorización administrativa ata un máximo de dous anos.

d) Clausura da instalación deportiva ata un máximo de dous anos.

e) Prohibición de acceso a calquera instalación deportiva ata un máximo de dous anos.

f) Inhabilitación para organizar actividades deportivas ata un máximo de dous anos.

g) Suspensión da inscrición ou anotación no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ata un máximo de dous anos.

h) Suspensión ou privación da licenza federativa ata un máximo de dous anos.

i) Inhabilitación ata un máximo de dous anos para ocupar cargos nunha federación deportiva.

Artigo 123. Sancións por infraccións leves.

Correspóndelles ás infraccións leves unha multa de ata 1.000 euros.

Artigo 124. Gradación das sancións.

Na determinación da sanción que se vaia impoñer, o órgano competente debe procurar a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, para cuxa gradación deben terse en conta os seguintes criterios:

a) A existencia de intencionalidade.

b) A reincidencia pola comisión no prazo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza, e que así fose declarada por resolución firme.

c) A natureza dos prexuízos causados e, de ser o caso, dos riscos soportados polos particulares.

d) O prezo e os danos morais.

e) Que houbese advertencias previas da Administración.

f) O beneficio ilícito obtido.

g) A emenda, durante a tramitación do expediente, das anomalías que orixinaron a incoación do procedemento.

En todo caso, o órgano sancionador, nos casos nos que aprecie circunstancias relativas á escasa importancia do dano ou prexuízo causado, falta de intencionalidade ou de antecedentes negativos de condutas sancionadoras, poderá rebaixar a sanción mínima prevista ata a contía do grao medio da sanción inferior; e no caso das leves, formular apercibimento.

Artigo 125. Réxime de recursos.

As decisións que adopte o Comité Galego de Xustiza Deportiva en aplicación da potestade sancionadora prevista neste título esgotan a vía administrativa e contra estas só se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo.

Artigo 126. Prescrición das infraccións e sancións.

1. As infraccións e sancións tipificadas e establecidas nesta lei prescriben nos seguintes prazos:

a) As moi graves, aos dous anos.

b) As graves, ao ano.

c) As leves, aos seis meses.

2. O prazo de prescrición das infraccións empeza a contar desde o mesmo día no que se cometesen; e o das sancións, o día seguinte a aquel no que a resolución mediante a que se impón a sanción adquirise firmeza.

3. A prescrición interrómpese polo inicio, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento sancionador, no caso das infraccións, e do procedemento de execución, no caso das sancións. O prazo de prescrición que quede por vencer restablécese se os devanditos procedementos permanecen paralizados durante máis de dous meses por causa non imputable á persoa infractora ou presuntamente infractora.

4. Nas infraccións derivadas dunha actividade continua, a data inicial do cómputo é a de finalización da actividade ou a do último acto mediante o que a infracción se consumase.

5. Non prescriben as infraccións nas que a conduta tipificada supoña unha obriga de carácter permanente para o titular.

Artigo 127. Medidas preventivas.

1. En calquera momento do procedemento, o órgano competente para iniciar o expediente pode decidir, mediante un acto motivado, as medidas preventivas de carácter provisional que aseguren a eficacia da resolución final que poida recaer nese procedemento, que lle deben ser notificadas á persoa interesada.

2. As medidas ás que se fai referencia na alínea anterior, que non teñen carácter de sanción, poden consistir en:

a) Prestación de fianzas.

b) Suspensión temporal de servizos, actividades ou autorizacións.

c) Peche de instalacións deportivas.

Artigo 128. Vinculación dos ingresos derivados de sancións.

Os ingresos derivados da imposición das sancións establecidas neste título deben ser destinados ao cumprimento dos obxectivos básicos determinados nesta lei e, especialmente, á aplicación nas materias de formación, de investigación, de medicina deportiva e de loita contra a dopaxe e a violencia no deporte, e xerarán crédito nos respectivos créditos da Administración deportiva.

Título VIII
A actuación autonómica en materia de prevención e de loita
contra a dopaxe no deporte

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 129. Política de loita contra a dopaxe e de prevención das condutas que a compoñen.

Correspóndelle á Administración autonómica o establecemento, o seguimento e o control da política de loita contra a dopaxe e de prevención desta no ámbito da Comunidade Autónoma.

A loita contra a dopaxe adaptarase aos principios de colaboración recíproca con outras administracións e de supervisión e control da actuación das federacións deportivas.

Artigo 130. Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

1. A Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe é un órgano administrativo, adscrito ao órgano autonómico competente na materia deportiva, ao que se lle atribúen as competencias en materia de defensa da saúde do deportista e de prevención e control da dopaxe no ámbito da Comunidade Autónoma.

2. Son funcións da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe as seguintes:

a) Asesorar a Administración autonómica no eido da medicina deportiva.

b) Propoñer programas e actuacións co obxecto de promover e procurar que a actividade deportiva se realice en condicións adecuadas de salubridade e seguridade.

c) Promover accións formativas e informativas respecto dos valores da práctica deportiva sobre a saúde.

d) Promover e fomentar a investigación e formación no eido da medicina deportiva e, en concreto, no relativo á protección da saúde dos deportistas.

e) Propoñer criterios e regras técnicas para que as competicións e probas de modalidades deportivas se configuren de modo inocuo para a saúde e integridade física dos deportistas, e sobre os dispositivos mínimos de asistencia sanitaria que deben existir nas competicións.

f) Planificar e programar a distribución dos controis de dopaxe que corresponda realizar no ámbito autonómico.

g) Determinar as competicións deportivas oficiais, de ámbito autonómico, nas que será obrigatoria a realización de controis de dopaxe, o número de controis que se deberán realizar durante as competicións e fóra delas en cada modalidade e especialidade deportiva, e o tipo e a natureza ou o alcance destes.

h) Efectuar o seguimento da actuación das federacións deportivas en materia de control e represión da dopaxe.

i) Determinar as condicións de realización dos controis cando, consonte esta lei, non lle corresponda á respectiva federación deportiva.

j) Sen prexuízo das funcións das federacións deportivas galegas, instruír e resolver os expedientes sancionadores aos deportistas e demais titulares de licenzas deportivas cando proceda.

k) Interpoñer solicitude de revisión ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva cando considere que as decisións adoptadas en materia de dopaxe polos órganos disciplinarios das federacións deportivas non se axustan a dereito.

l) Instruír e resolver os expedientes de autorizacións de uso terapéutico.

m) Propoñer as accións preventivas de educación e información sobre a dopaxe e o seu control.

3. A composición e o réxime de funcionamento da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe determinaranse regulamentariamente.

Artigo 131. Da obriga de someterse aos controis de dopaxe.

1. Todos os deportistas con licenza autonómica para participar en competicións oficiais terán obriga de someterse, en competición e fóra de competición, aos controis que determine a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

2. Os controis fóra de competición pódense realizar por sorpresa ou logo dunha citación. No primeiro suposto, a obriga á que se refire este artigo alcanza o sometemento a estes e, no segundo, a obriga de comparecer e o sometemento a estes.

Os termos de ambas as dúas modalidades determinaranse regulamentariamente e procurarase unha adecuada ponderación dos dereitos dos deportistas e das necesidades materiais para unha efectiva realización de controis fóra de competición.

3. Para a realización e a maior eficacia posible dos controis aos que se refire a alínea anterior, os deportistas, equipos, adestradores e directivos deberán facilitar, nos termos que regulamentariamente se estableza, os datos que permitan a localización habitual dos deportistas, de forma que se poidan realizar materialmente os controis de dopaxe.

4. Os deportistas, os seus adestradores, médicos e demais persoal sanitario, así como os directivos de clubs e organizacións deportivas e demais persoas do ámbito do deportista indicarán, no momento de pasar os controis de dopaxe, os tratamentos médicos aos que estean sometidos, os responsables destes e o alcance dos tratamentos, agás que os deportistas negasen expresamente a autorización para tal indicación.

Artigo 132. Das garantías nos controis e dos seus efectos legais.

1. Os controis aos que se refire o artigo anterior realizaranse sempre baixo a responsabilidade dun médico, auxiliado por persoal sanitario, habilitados polos respectivos colexios profesionais, polo Consello Superior de Deportes ou pola Axencia Mundial Antidopaxe (AMA).

2. A Comunidade Autónoma poderá subscribir un convenio específico co Estado ou con outras comunidades autónomas no que se recolla un sistema de recoñecemento mutuo de habilitacións.

3. Os deportistas serán informados no momento de recibir a notificación do control, e, de ser o caso, ao iniciarse a recollida da mostra, dos dereitos e das obrigas que os asisten en relación co citado control, dos trámites esenciais do procedemento e das súas principais consecuencias, do tratamento e cesión dos datos previstos nesta lei, así como da posibilidade de exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición establecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Entre estes incluirase o dereito a non se someter á proba, sen prexuízo dos efectos disciplinarios que procedan consonte esta lei.

4. Para os efectos dos procedementos disciplinarios en materia de dopaxe, a negativa sen xusta causa a someterse aos controis, unha vez documentada, constituirá proba suficiente para os efectos de reprimir a conduta do deportista. Enténdese por xusta causa a imposibilidade de acudir como consecuencia acreditada de lesión ou cando a suxeición ao control, debidamente acreditada, poña en grave risco a saúde do deportista.

5. O documento que acredite a negativa á que se refire a alínea anterior, realizada polo médico ou polo persoal sanitario habilitado, gozará da presunción de veracidade do artigo 137.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 133. Da competencia para a realización dos controis.

1. Con carácter xeral correspóndelles ás federacións deportivas a realización das actuacións necesarias para levar a cabo os controis que determine a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

2. Nos controis de dopaxe, realizados en competición ou fóra de competición aos deportistas con licenza federativa para participar en competicións oficiais de ámbito autonómico, as análises destinadas á detección de substancias e métodos prohibidos no deporte deberán realizarse en laboratorios con acreditación internacional da Axencia Mundial Antidopaxe, aprobados ou homologados polo Estado ou pola Comunidade Autónoma.

3. Así mesmo, producirán efecto nos procedementos administrativos que se tramiten na Comunidade Autónoma as análises realizadas polos laboratorios acreditados pola Axencia Mundial Antidopaxe.

Capítulo II
Réxime sancionador

Artigo 134. Responsabilidade do deportista e do seu ámbito.

1. É responsabilidade dos deportistas evitar que se introduza no seu organismo calquera substancia prohibida ou que se utilicen medios antirregulamentarios previstos na lista de substancias e métodos prohibidos no deporte.

O alcance da responsabilidade será o determinado no réxime disciplinario que se establece no artigo seguinte.

2. Os deportistas, os seus adestradores, médicos ou persoal sanitario, directivos, dirixentes, así como os clubs e equipos deportivos, e restantes persoas do ámbito do deportista, responderán polo incumprimento das disposicións que regulan a obriga de facilitarlles aos órganos competentes información sobre as enfermidades do deportista, sobre os tratamentos médicos aos que estea sometido, e o alcance e o responsable do tratamento, cando aquel autorizase a utilización de tales datos.

De igual forma, responderán polo incumprimento ou pola infracción dos requisitos establecidos para a obtención das autorizacións de uso terapéutico.

Artigo 135. Tipificación de infraccións.

1. Para os efectos desta lei, considéranse como infraccións moi graves:

a) O incumprimento das obrigas previstas neste título que dea lugar á detección da presenza dunha substancia prohibida, ou dos seus metabolitos ou marcadores, nas mostras físicas dun deportista.

b) A utilización, o uso ou o consumo de substancias ou métodos prohibidos ou non autorizados no deporte.

c) A resistencia ou negativa, sen xusta causa, a someterse aos controis de dopaxe, dentro e fóra da competición, cando sexan esixidos ou requiridos polos órganos ou polas persoas competentes; así como a obstrución, desatención, dilación indebida, ocultación e demais condutas que, por acción ou omisión, impidan, perturben ou non permitan atender os requirimentos formulados por órganos ou persoas competentes para a recollida de mostras ou para a realización de actuacións nos procedementos de control e represión da dopaxe.

d) O incumprimento reiterado dos requisitos relativos á localización e dispoñibilidade dos deportistas para a realización de controis fóra de competición.

e) O incumprimento das obrigas relativas á información sobre tratamentos médicos e obtención de autorizacións para o uso terapéutico.

f) A alteración, falsificación ou manipulación de calquera elemento dos procedementos de control e de represión da dopaxe.

g) A posesión de substancias ou a utilización de métodos prohibidos ou non autorizados no deporte, cando se careza dunha autorización de uso terapéutico ou médico para a súa administración ou dispensación, ou cando o volume ou cantidade das substancias, útiles ou métodos sexa inxustificadamente elevado ou desproporcionado para a súa administración ou aplicación con fins médicos ou terapéuticos.

h) A administración, a dispensación, o ofrecemento, a facilitación ou a subministración aos deportistas de substancias ou a utilización de métodos non regulamentarios ou prohibidos na práctica deportiva.

i) A promoción, incitación, contribución, instigación ou facilitación das condicións para a utilización de substancias ou métodos prohibidos ou non regulamentarios, ou calquera outra actividade que alente os deportistas a que utilicen produtos ou realicen condutas non permitidas polas normas de control da dopaxe ou que teña por obxecto poñer á disposición dos deportistas substancias ou métodos prohibidos ou non autorizados no deporte.

j) A colaboración ou participación, por acción ou omisión, na posta en práctica dos métodos non regulamentarios ou en calquera outra conduta que vulnere a normativa contra a dopaxe.

2. Considéranse infraccións graves:

a) O incumprimento das obrigas que non constitúen infracción moi grave e a vulneración dos requisitos relativos á localización e dispoñibilidade dos deportistas para a realización de controis fóra de competición, agás que se cometan de forma reiterada, caso no que se considerarán infraccións moi graves.

b) As condutas descritas nas letras a), b), e) e g) da alínea anterior, cando afecten a substancias ou métodos identificados no correspondente instrumento xurídico como de menor gravidade, agás que se cometan de forma reiterada, caso no que se considerarán infraccións moi graves.

c) A contratación, adxudicación, asignación ou encomenda da realización material de actividades sanitarias a persoas ou a entidades que carezan ou teñan suspendida a licenza federativa ou a habilitación equivalente, cando este requisito resulte esixible para a realización de tales actividades, así como a realización material das referidas actividades sen dispoñer de licenza federativa ou habilitación equivalente ou se está suspendida a que se obtivese.

Artigo 136. Sancións aos deportistas.

1. Pola comisión das infraccións moi graves previstas nas letras a), b), c), d), e), f), g) e j) do artigo 135.1 impoñeranse as sancións de suspensión ou privación de licenza federativa por un período de dous a catro anos e, de ser o caso, multa de 3.001 a 12.000 euros. Cando se cometan por segunda vez as referidas condutas, a sanción consistirá na privación de licenza federativa a perpetuidade e, de ser o caso, na correspondente sanción pecuniaria, de acordo co disposto nesta lei.

2. Pola comisión das infraccións moi graves previstas nas letras h) e i) do artigo 135.1 impoñeranse as sancións de suspensión ou privación de licenza federativa por un período de catro a seis anos e, de ser o caso, multa de 3.001 a 12.000 euros. Cando se cometa unha segunda infracción, a sanción consistirá na privación de licenza federativa a perpetuidade e, de ser o caso, na correspondente sanción pecuniaria, de acordo co disposto nesta lei.

3. Pola comisión das infraccións graves previstas na alínea 2 do artigo 135 desta lei impoñerase a sanción de suspensión ou privación de licenza federativa por un período de tres meses a dous anos e, de ser o caso, multa de 1.500 a 3.000 euros. Cando se incorra por segunda vez nalgún dos ilícitos antes referidos, a conduta será cualificada como infracción moi grave e dará lugar á aplicación das sancións de suspensión ou privación de licenza federativa por un período de dous a catro anos e, de ser o caso, multa de 3.001 a 12.000 euros. Se se cometese unha terceira infracción, a sanción consistirá na privación de licenza federativa a perpetuidade e, de ser o caso, na correspondente sanción pecuniaria, de acordo co disposto nesta lei.

Artigo 137. Sancións aos clubs e aos equipos deportivos.

1. Pola comisión das infraccións moi graves previstas no artigo 135.1 desta lei impoñeranse as sancións de multa de 6.001 a 24.000 euros e, de ser o caso, perda de puntos ou postos na clasificación ou descenso de categoría ou división. Cando nas referidas condutas estea involucrado un menor de idade, ou no caso de reincidencia, a sanción pecuniaria unicamente poderá ter carácter accesorio e sancionarase con multa de 24.001 a 50.000 euros.

2. Pola comisión das infraccións graves recollidas nas letras a), b) e c) da alínea 2 do artigo 135 desta lei impoñerase a sanción de multa de 1.500 a 6.000 euros. Cando se incorra por segunda vez nalgún dos ilícitos antes referidos, a conduta será cualificada como infracción moi grave e dará lugar á aplicación das sancións de multa de 6.001 a 24.000 euros e, de ser o caso, á perda de puntos ou postos na clasificación ou descenso de categoría ou división. Se se cometese unha terceira infracción, a sanción pecuniaria unicamente poderá ter carácter accesorio e sancionarase con multa de 24.001 a 50.000 euros.

Artigo 138. Sancións a técnicos, xuíces, árbitros, demais persoas con licenza deportiva, directivos, dirixentes ou persoal de federacións deportivas galegas, de entidades organizadoras de competicións deportivas de carácter oficial, clubs ou equipos deportivos.

1. Pola comisión das infraccións moi graves previstas nas letras b), c), d), e), f), g) e j) da alínea 1 do artigo 135 desta lei impoñeranse as sancións de inhabilitación temporal para o desempeño de cargos deportivos ou privación ou suspensión de licenza deportiva ou habilitación equivalente durante un período de dous a catro anos e, de ser o caso, multa de 3.001 a 12.000 euros. Cando nas referidas condutas estea involucrado un menor de idade, ou cando se cometan por segunda vez, a sanción consistirá na inhabilitación para o desempeño de cargos deportivos ou privación ou suspensión de licenza deportiva ou habilitación equivalente a perpetuidade e, de ser o caso, na correspondente sanción pecuniaria, de acordo co disposto nesta lei.

2. Pola comisión das infraccións moi graves previstas nas letras h) e i) da alínea 1 do artigo 135 desta lei impoñeranse as sancións de inhabilitación para o desempeño de cargos deportivos ou privación ou suspensión de licenza deportiva ou habilitación equivalente durante un período de catro a seis anos e, de ser o caso, multa de 3.001 a 12.000 euros. Cando nas referidas condutas estea involucrado un menor de idade, ou cando se cometan por segunda vez, a sanción consistirá na inhabilitación para o desempeño de cargos deportivos ou privación ou suspensión de licenza deportiva ou habilitación equivalente a perpetuidade e, de ser o caso, na correspondente sanción pecuniaria, de acordo co disposto nesta lei.

3. Pola comisión das infraccións graves previstas nas letras a), b) e c) da alínea 2 do artigo 135 impoñerase a sanción de suspensión ou privación de licenza federativa por un período de tres meses a dous anos e, de ser o caso, multa de 1.500 a 3.000 euros. Cando se incorra por segunda vez nalgún dos ilícitos antes referidos, a conduta será cualificada como infracción moi grave e dará lugar á aplicación das sancións de inhabilitación para o desempeño de cargos deportivos ou privación ou suspensión de licenza deportiva ou habilitación equivalente por un período de dous a catro anos e, de ser o caso, multa de 3.001 a 12.000 euros. Se se cometese unha terceira infracción, a sanción consistirá na inhabilitación para o desempeño de cargos deportivos ou privación ou suspensión de licenza deportiva ou habilitación equivalente a perpetuidade e, de ser o caso, na correspondente sanción pecuniaria, de acordo co disposto nesta lei.

4. As persoas físicas ou xurídicas que realicen as condutas tipificadas como infraccións nesta sección, sen dispoñer de licenza federativa ou de habilitación equivalente pero prestando servizos ou actuando por conta de federacións deportivas, de entidades organizadoras de competicións deportivas de carácter oficial, ou as persoas ou entidades integradas dentro das anteditas organizacións, non poderán obter licenza deportiva ou habilitación equivalente nin exercer os dereitos derivados da licenza deportiva por un período equivalente á duración das sancións de inhabilitación para o desempeño de cargos deportivos, privación ou suspensión de licenza deportiva ou de habilitación equivalente.

As federacións deportivas e entidades organizadoras de competicións deportivas de carácter oficial adaptarán a súa normativa para incluír estas previsións, que serán compatibles coa responsabilidade civil que en cada caso proceda e coa depuración das responsabilidades que resulten esixibles consonte este título.

Artigo 139. Sancións ao persoal médico e demais persoal sanitario das entidades deportivas.

1. Os médicos de equipo e demais persoal que realicen funcións sanitarias baixo licenza deportiva ou habilitación equivalente e que incorran nalgunha das condutas previstas nas letras c), e), f), g) e j) da alínea 1 do artigo 135 desta lei serán sancionados con privación ou suspensión de licenza federativa durante un período de dous a catro anos e multa económica de 6.001 a 24.000 euros. Cando nas referidas condutas estea involucrado un menor de idade, ou cando se cometan por segunda vez, a sanción consistirá na privación de licenza federativa a perpetuidade e, de ser o caso, na correspondente sanción pecuniaria, de acordo cos criterios xerais de imposición destas, que se conteñen nesta lei no artigo 98 e concordantes.

2. Os médicos de equipo e demais persoal que realicen funcións sanitarias baixo licenza deportiva ou habilitación equivalente e que incorran nalgunha das condutas previstas nas letras h) e i) da alínea 1 do artigo 135 desta lei serán sancionados con privación ou suspensión de licenza federativa durante un período de catro a seis anos e multa económica de 3.001 a 12.000 euros. Cando nas referidas condutas estea involucrado un menor de idade, ou cando se cometan por segunda vez, a sanción consistirá na privación de licenza federativa a perpetuidade e, de ser o caso, na correspondente sanción pecuniaria, de acordo cos criterios xerais de imposición destas, que se conteñen nesta lei no artigo 98 e concordantes.

3. Os médicos de equipo e demais persoal que realicen funcións sanitarias baixo licenza deportiva ou habilitación equivalente e que incorran nas condutas tipificadas como infraccións graves pola alínea 2 do artigo 135 serán sancionados con privación ou suspensión de licenza federativa por un período de tres meses a dous anos e, de ser o caso, multa de 1.500 a 3.000 euros. Cando se incorra por segunda vez nalgún dos ilícitos antes referidos, a conduta será cualificada como infracción moi grave e dará lugar á aplicación das sancións de suspensión ou privación de licenza federativa por un período de dous a catro anos e, de ser o caso, multa de 3.001 a 12.000 euros. Se se cometese unha terceira infracción, a sanción consistirá na privación de licenza federativa a perpetuidade e, de ser o caso, na correspondente sanción pecuniaria, de acordo cos criterios xerais de imposición destas, que se conteñen nesta lei no artigo 98 e concordantes.

4. Cando incorra en condutas tipificadas como infraccións nesta sección o persoal que realice funcións sanitarias sen dispoñer de licenza federativa ou de habilitación equivalente pero prestando servizos ou actuando por conta de federacións deportivas, de entidades organizadoras de competicións deportivas de carácter oficial, ou as persoas ou entidades integradas dentro das devanditas organizacións, non poderán obter licenza deportiva ou habilitación que faculte para realizar funcións sanitarias nin exercer os dereitos derivados da licenza deportiva por un período equivalente á duración das sancións de privación ou suspensión de licenza deportiva ou de habilitación equivalente.

Estas condutas serán consideradas como infracción da boa fe contractual para os efectos do artigo 54.2.d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores.

As federacións deportivas e entidades organizadoras de competicións deportivas de carácter oficial adaptarán a súa normativa para incluír estas previsións, que serán compatibles coa responsabilidade civil que en cada caso proceda e coa depuración das responsabilidades que resulten esixibles en virtude do disposto nesta sección.

5. Sen prexuízo do disposto na alínea anterior e das responsabilidades que proceda esixir polas condutas tipificadas nesta sección, os órganos disciplinarios comunicaranlles aos correspondentes colexios profesionais os actos realizados polo persoal que realice funcións sanitarias.

Artigo 140. Imposición de sancións pecuniarias.

1. As sancións persoais de multa, no caso de deportistas, só se poderán impoñer cando estes obteñan ingresos que estean asociados á actividade deportiva desenvolvida.

2. As multas impostas polas federacións deportivas, a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe e, se é o caso, polo Comité Galego de Xustiza Deportiva, serán executadas, no caso de falta de pagamento, polo procedemento de execución forzosa dos actos administrativos.

Artigo 141. Consecuencias accesorias da infracción e alteración de resultados.

1. Nos deportes individuais, a comisión de infraccións previstas nesta sección implicará a retirada de premios ou medallas, a anulación dos resultados individuais e a descualificación absoluta do deportista na proba ou competición en cuestión, e nos campionatos dos que forme parte ou aos que estea vinculada a proba ou competición.

Os órganos disciplinarios poderán estender estas medidas ás probas, ás competicións ou aos campionatos que se realizasen con posterioridade, en datas adxacentes ou coincidindo coa toma de mostras ao deportista ou coa comisión da infracción.

2. Nos deportes de equipos, os órganos disciplinarios deberán pronunciarse sobre a procedencia de alterar, de ser o caso, o resultado dos encontros, das probas, das competicións ou dos campionatos. Para iso ponderarán as circunstancias concorrentes e, en todo caso, a participación decisiva no resultado do encontro, da proba ou da competición dos que cometesen infraccións en materia de dopaxe tipificadas nesta sección e a implicación de menores de idade nas referidas condutas.

3. Cando pola natureza da infracción sexa posible, toda sanción que se impoña comportará o comiso das substancias e útiles que producisen ou sexan susceptibles de producir dopaxe no deporte. As substancias e útiles que fosen definitivamente comisados por resolución sancionadora seranlle adxudicados á Axencia Estatal Antidopaxe, ata que, regulamentariamente, se determine o seu destino final, todo iso sen prexuízo da posibilidade de comiso como medida preventiva.

Artigo 142. Eficacia das sancións e perda da capacidade para obter licenza deportiva.

A imposición de sancións relacionadas coa dopaxe no deporte constitúe un suposto de imposibilidade para obter ou exercer os dereitos derivados da licenza deportiva no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

Artigo 143. Prohibición non bis in idem.

Non se poderán sancionar os feitos que fosen sancionados penalmente, nos casos nos que se aprecie identidade de suxeito, feito e fundamento.

O órgano disciplinario suspenderá a tramitación do procedemento sancionador cando se advirtan indicios de delito. En tal caso, deberá darlle coñecemento dos feitos ao Ministerio Fiscal.

Así mesmo, o órgano disciplinario suspenderá a tramitación do procedemento sancionador cando, ao concorrer a tripla identidade antes referida, teña noticia de que os mesmos feitos están sendo perseguidos en vía penal, sen prexuízo de proseguilo posteriormente se procedese.

Artigo 144. Causas de extinción da responsabilidade.

As causas de extinción total ou parcial, segundo proceda, da responsabilidade disciplinaria son as seguintes:

a) Cumprimento da sanción.

As normas de desenvolvemento desta lei e as que poidan ditar as federacións e entidades deportivas non poderán prever efecto adicional de ningún tipo para os deportistas que cumprisen a súa sanción.

b) Prescrición da infracción.

Os termos da prescrición da infracción son os previstos no artigo seguinte.

c) Colaboración na detección, localización e posta á disposición dos organismos competentes das persoas ou dos grupos organizados que subministren, faciliten ou proporcionen o uso de substancias ou a utilización de métodos prohibidos no deporte por seren causantes de dopaxe. Neste caso a extinción será parcial.

Os termos da extinción serán os previstos con carácter xeral no artigo 101 e concordantes para as infraccións disciplinarias.

Artigo 145. Prescrición das infraccións e das sancións.

1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos e as graves aos dous anos. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos e as impostas por faltas graves aos dous anos.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día no que a infracción se cometese.

3. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

Artigo 146. Colaboración na detección.

1. O deportista poderá quedar exonerado parcialmente de responsabilidade administrativa e, de ser o caso, non será sometido a procedemento sancionador se denuncia ante as autoridades competentes os autores ou cooperadores, persoas físicas ou xurídicas, ou se coopera e colabora coa Administración competente proporcionando datos esenciais ou testificando, se é o caso, no procedemento ou proceso correspondente contra aqueles. Para a aplicación desta previsión, a denuncia e, se é o caso, as probas que se presenten deberán ter entidade suficiente para permitir a incoación de procedemento sancionador ou, de ser o caso, a iniciación do correspondente proceso xudicial.

2. A exoneración prevista na alínea anterior e a extinción total ou parcial da responsabilidade serán proporcionais aos termos da denuncia e á colaboración, á súa eficacia e á solvencia xurídica para a loita contra a dopaxe. A competencia para apreciar a exoneración e a extinción total ou parcial das sancións impostas corresponderalle, respectivamente, ao órgano disciplinario ou ao que adoptou a sanción en orixe. Non se poderá conceder antes da incoación do procedemento sancionador ou, se é o caso, da iniciación do correspondente proceso xudicial que deriven da súa denuncia, e, en todo caso, requirirá informe da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, agás que este sexa o órgano competente.

3. Atendidas as circunstancias concorrentes no caso, especialmente a ausencia de antecedentes do deportista, o órgano disciplinario poderá, nos supostos de exoneración e extinción parcial, suspender a execución da sanción sempre que esta constitúa a primeira sanción en materia de dopaxe. Na adopción desta medida serán aplicables os criterios previstos na alínea anterior. A suspensión acordada quedará automaticamente revogada se o deportista fose sometido a un procedemento disciplinario posterior por infracción desta lei.

Título IX
Actuación pública na prevención e represión da violencia e das condutas contrarias á boa orde deportiva

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 147. Obxectivos esenciais.

Son obxectivos esenciais na definición dunha política pública de prevención e represión da violencia e das condutas contrarias á boa orde deportiva os seguintes:

a) Fomentar o xogo limpo, a convivencia e a integración na sociedade así como os valores humanos que se identifican co deporte.

b) Manter a seguridade cidadá e a orde pública nos espectáculos deportivos con ocasión da realización de competicións e espectáculos deportivos que sexan competencia da Administración autonómica.

c) Determinar o réxime administrativo sancionador contra os actos de violencia, racismo, xenofobia ou intolerancia, en todas as súas formas, vinculados á realización de competicións e espectáculos deportivos.

d) Promover e divulgar accións de formación e concienciación da sociedade, en xeral, e dos membros das entidades deportivas, en particular, sobre a violencia e as condutas contrarias á ética deportiva.

2. O ámbito obxectivo de aplicación deste título está determinado polas competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico que se organicen consonte esta lei.

Artigo 148. Comisión Galega de Control da Violencia.

1. A Comisión Galega de Control da Violencia é un órgano colexiado de participación dos distintos sectores con intereses no ámbito da prevención e represión da violencia, de análise das súas causas e de exercicio da potestade sancionadora na materia. Está adscrita ao organismo autonómico competente en materia deportiva.

2. Formarán parte da Comisión Galega de Control da Violencia a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos órganos que teñen competencias na materia, as federacións deportivas, as organizacións colexiais e persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito das súas competencias.

3. A composición desta Comisión Galega de Control da Violencia determinarase regulamentariamente.

Artigo 149. Medidas para evitar actos violentos, racistas, xenófobos ou intolerantes no ámbito de aplicación desta lei.

1. Con carácter xeral, as persoas organizadoras de competicións e espectáculos deportivos deberán adoptar medidas adecuadas para evitar a realización destas condutas, así como para garantir o cumprimento por parte dos espectadores das condicións de acceso e permanencia no recinto que se establecen nesta lei.

2. Correspóndelles, en particular, ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos deportivos:

a) Adoptar as medidas de seguridade establecidas neste título e nas súas disposicións de desenvolvemento.

b) Velar polo respecto por parte dos espectadores das obrigas no acceso e na permanencia no recinto mediante os oportunos instrumentos de control.

c) Adoptar as medidas necesarias para o cesamento inmediato das actuacións prohibidas, cando as medidas de seguridade e control non logren evitar ou impedir a realización de tales condutas.

d) Prestarlles a máxima colaboración ás autoridades gobernativas para a prevención da violencia, do racismo, da xenofobia e da intolerancia no deporte, e colaborar na identificación dos autores das condutas incluídas nesta lei.

e) Dotar as instalacións deportivas onde se realicen espectáculos dun sistema eficaz de comunicación co público, e usalo eficientemente.

f) Calquera outra obriga que se determine regulamentariamente cos mesmos obxectivos anteriores e, en particular, garantir que os espectáculos que organicen non sexan utilizados para difundir ou transmitir mensaxes ou simboloxía que, malia seren alleas ao deporte, poidan incidir negativamente no desenvolvemento das competicións.

3. As causas de prohibición de acceso nos recintos deportivos incorporaranse ás disposicións regulamentarias das entidades deportivas e constarán tamén, de forma visible, nos puntos de venda das localidades e nos lugares de acceso ao recinto.

Así mesmo, as citadas disposicións establecerán expresamente a posibilidade de privar dos abonos vixentes e da inhabilitación para obtelos durante o tempo que se determine regulamentariamente as persoas que sexan sancionadas con carácter firme por condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes.

Artigo 150. Consumo e venda de bebidas alcohólicas e doutro tipo de produtos.

1. Quedan prohibidos nas instalacións nas que se realicen competicións deportivas a introdución, a venda e o consumo de toda clase de bebidas alcohólicas e de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

2. Nas instalacións nas se realicen competicións deportivas queda prohibida a venda de produtos que, no caso de que sexan lanzados, lles poidan producir danos aos participantes na competición ou aos espectadores polo seu peso, tamaño, envase ou demais características. Regulamentariamente determinaranse os grupos de produtos que son incluídos nesta prohibición.

Artigo 151. Responsabilidade das persoas organizadoras de probas ou espectáculos deportivos.

1. As persoas físicas ou xurídicas que organicen calquera proba, competición ou espectáculo deportivo ou os acontecementos que constitúan ou formen parte das devanditas competicións serán, patrimonial e administrativamente, responsables dos danos e das desordes que se poidan producir pola súa falta de dilixencia ou prevención ou cando non adoptasen as medidas de prevención establecidas neste título.

Cando varias persoas ou entidades sexan consideradas organizadoras, todas elas responderán de forma solidaria do cumprimento das obrigas previstas nesta lei.

2. Esta responsabilidade é independente daquela na que poidan incorrer no ámbito penal ou no disciplinario deportivo como consecuencia do seu comportamento na propia competición.

Capítulo II
Obrigas das persoas espectadoras e asistentes ás competicións e aos espectáculos deportivos

Artigo 152. Condicións de acceso ao recinto.

1. Queda prohibido:

a) Introducir, portar ou utilizar calquera clase de armas ou de obxectos que poidan producir os mesmos efectos, así como bengalas, petardos, explosivos ou, en xeral, produtos inflamables, fumíferos ou corrosivos.

b) Introducir, exhibir ou elaborar pancartas, bandeiras, símbolos ou outros sinais con mensaxes que inciten á violencia ou en virtude das cales unha persoa ou grupo delas sexa ameazada, insultada ou vexada por razón da súa orixe racial ou étnica, da súa relixión ou das súas conviccións, da súa discapacidade, idade, sexo ou da orientación sexual, calquera que sexa o soporte no que se realicen estas condutas.

c) Incorrer nas condutas descritas como violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes.

d) Acceder ao recinto deportivo baixo os efectos de bebidas alcohólicas, drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

e) Acceder ao recinto sen título válido de ingreso neste.

f) Calquera outra conduta que regulamentariamente se determine, sempre que poida contribuír a fomentar condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes.

2. As persoas espectadoras e asistentes ás competicións e aos espectáculos deportivos quedan obrigadas a someterse aos controis pertinentes para a verificación das condicións referidas na alínea anterior e, en particular, a:

a) Ser gravados mediante circuítos pechados de televisión nas inmediacións do recinto deportivo, nos seus accesos e no seu interior.

b) Someterse a rexistros persoais dirixidos a verificar as obrigas contidas nas letras a) e b) da alínea anterior.

3. Seralle impedida a entrada a toda persoa que incorra en calquera das condutas sinaladas na alínea 1, mentres non depoña a súa actitude, ou estea incursa nalgún dos motivos de exclusión.

Artigo 153. Condicións de permanencia no recinto.

1. É condición de permanencia dos espectadores no recinto deportivo, nos acontecementos deportivos, non practicar actos violentos, racistas, xenófobos ou intolerantes, ou que inciten a eles. En particular:

a) Non agredir nin alterar a orde pública.

b) Non entoar cánticos, sons ou consignas racistas ou xenófobos, de carácter intolerante, ou que inciten á violencia ou ao terrorismo ou supoñan calquera outra violación constitucional.

c) Non exhibir pancartas, bandeiras, símbolos ou outros sinais que inciten á violencia ou ao terrorismo ou que inclúan mensaxes de carácter racista, xenófobo ou intolerante.

d) Non lanzar ningunha clase de obxectos.

e) Non irromper sen autorización nos terreos de xogo ou nas zonas e recintos onde se desenvolva a competición deportiva.

f) Non ter, activar ou lanzar, nas instalacións ou recintos nos que se realicen ou desenvolvan espectáculos deportivos, calquera clase de armas ou de obxectos que poidan producir os mesmos efectos, así como bengalas, petardos, explosivos ou, en xeral, produtos inflamables, fumíferos ou corrosivos.

g) Observar as condicións de seguridade oportunamente previstas e as que regulamentariamente se determinen.

2. Así mesmo, son condicións de permanencia das persoas espectadoras:

a) Non consumir bebidas alcohólicas, nin drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

b) Ocupar as localidades da clase e do lugar que lle correspondan ao título de acceso ao recinto do que dispoñan, así como mostrar o mencionado título por requirimento dos corpos e das forzas de seguridade e de calquera empregado ou colaborador do organizador.

c) Cumprir os regulamentos internos do recinto deportivo.

3. O incumprimento das obrigas descritas nos puntos anteriores implicará a expulsión inmediata do recinto deportivo por parte das forzas de seguridade, sen prexuízo da posterior imposición das sancións eventualmente aplicables.

4. As persoas espectadoras e asistentes ás competicións e aos espectáculos deportivos estarán obrigadas a desaloxar pacificamente o recinto deportivo e a abandonar as súas inmediacións cando sexan requiridas para iso por razóns de seguridade ou por incumprimento das condicións de permanencia referidas na alínea 1.

Artigo 154. Declaracións de alto risco dos acontecementos deportivos.

1. As federacións deportivas deberanlle comunicar á autoridade gobernativa competente por razón da materia á que se refire este título, con antelación suficiente, a proposta dos encontros que poidan ser considerados de alto risco, de acordo cos criterios que estableza o Ministerio do Interior ou, de ser o caso, as autoridades autonómicas correspondentes.

2. A declaración dun encontro como de alto risco corresponderalle á Comisión Galega de Control da Violencia e implicará a obriga das entidades deportivas de reforzar as medidas de seguridade nestes casos, que comprenderán algún dos seguintes instrumentos:

a) Sistema de venda de entradas.

b) Separación das afeccións rivais en zonas distintas do recinto.

c) Control de acceso para o estrito cumprimento das prohibicións existentes.

Artigo 155. Control e xestión de accesos e de venda de entradas.

1. Os billetes de entrada, cuxas características materiais e condicións de expedición se establecerán regulamentariamente, deberán informar das causas polas cales se lles poida impedir a entrada ao recinto deportivo aos espectadores, e establecerán como tales, polo menos, a introdución de bebidas alcohólicas, armas, obxectos susceptibles de ser utilizados como tales, bengalas ou similares, e que as persoas que pretendan entrar estean baixo os efectos de bebidas alcohólicas, de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

2. Regulamentariamente estableceranse os prazos de aplicación da medida recollida neste artigo e as competicións deportivas nas que se debe aplicar.

Artigo 156. Medidas especiais en competicións ou encontros específicos.

1. En atención ao risco inherente ao acontecemento deportivo en cuestión, habilítase a autoridade gobernativa para lles impoñer ás persoas organizadoras as seguintes medidas:

a) Dispoñer dun número mínimo de efectivos de seguridade.

b) Instalar cámaras nas inmediacións, nos tornos e nas portas de acceso e en todo o recinto co fin de gravar o comportamento dos espectadores.

c) Realizar rexistros persoais, aleatorios ou sistemáticos, en todos os accesos ao recinto ou naqueles que franqueen a entrada ás bancadas ou zonas do recinto nas que sexa previsible a comisión das condutas definidas neste título, con pleno respecto da súa dignidade e dos seus dereitos fundamentais e do previsto na Lei orgánica 1/1992, do 21 de febreiro, de protección da seguridade cidadá, e na normativa de forzas e corpos de seguridade.

d) Instalar circuítos pechados de televisión para gravar a totalidade do recinto durante o espectáculo desde o comezo deste ata o abandono do público.

2. Cando se decida adoptar estas medidas, a organización do espectáculo ou competición advertirállelo aos espectadores no reverso das entradas así como en carteis fixados no acceso e no interior das instalacións.

Capítulo III
Réxime de infraccións e sancións

Artigo 157. Infraccións das persoas organizadoras de competicións e espectáculos deportivos.

1. Son infraccións moi graves:

a) O incumprimento das normas ou instrucións que regulan a realización das competicións, das probas ou dos espectáculos deportivos que impida o seu normal desenvolvemento e produza importantes prexuízos para os que participen neles ou para o público asistente.

b) O incumprimento das medidas de seguridade aplicables consonte esta lei e as disposicións que a desenvolvan, e que supoñan un grave risco para os asistentes aos recintos deportivos.

c) A desobediencia reiterada das ordes ou disposicións das autoridades gobernativas verbo das condicións da realización de tales espectáculos sobre cuestións que afecten o seu normal e adecuado desenvolvemento.

d) A alteración, sen cumprir os trámites pertinentes, da capacidade do recinto deportivo.

e) A falta de previsión ou neglixencia na corrección dos defectos ou das anomalías detectados que supoñan un grave perigo para a seguridade dos recintos deportivos, e, especificamente, nos circuítos pechados de televisión.

f) O incumprimento das normas que regulan a realización dos espectáculos deportivos que permita que se produzan comportamentos violentos, racistas, xenófobos e intolerantes definidos neste título ben por parte do público ou entre o público e os participantes no acontecemento deportivo, cando concorra algunha das circunstancias de prexuízo, risco ou perigo previstas nas letras a), b) e e) ou cando tales comportamentos revistan a transcendencia ou os efectos recollidos nas letras c) e g) desta alínea.

g) A organización, participación activa ou a incentivación e promoción da realización de actos violentos, racistas, xenófobos ou intolerantes de especial transcendencia polos seus efectos para a actividade deportiva, para a competición ou para as persoas que asisten ou participan nesta.

h) O quebrantamento das sancións impostas en materia de violencia, racismo, xenofobia e intolerancia no deporte.

i) A realización de calquera conduta definida neste título, cando concorra algunha das circunstancias de prexuízo, risco ou perigo previstas nas letras a), b) e e) ou cando revista a transcendencia ou os efectos recollidos nas letras c) e g) desta alínea.

j) O incumprimento das obrigas previstas no capítulo II deste título.

2. Son infraccións graves:

a) Toda acción ou omisión que supoña o incumprimento das medidas de seguridade e das normas que disciplinan a realización dos espectáculos deportivos e non constitúa infracción moi grave conforme as letras a), b), e), f) e g) da alínea anterior.

b) A realización das condutas definidas neste título que non sexan consideradas infraccións moi graves de acordo co disposto na alínea anterior.

c) A desobediencia das ordes ou disposicións das autoridades gobernativas respecto das condicións da realización de tales espectáculos sobre cuestións que afecten o seu normal e adecuado desenvolvemento.

d) O apoio ás actividades das agrupacións de seareiros, asociacións, ou grupos de afeccionadas e afeccionados que incumpran o estipulado nesta lei.

3. É infracción leve das persoas organizadoras de competicións e espectáculos deportivos toda acción ou omisión que supoña o incumprimento das previsións impostas nesta lei que non mereza cualificarse como grave ou moi grave conforme os puntos anteriores, así como as condutas que infrinxan outras obrigas legalmente establecidas en materia de seguridade dos espectáculos deportivos.

Artigo 158. Infraccións dos espectadores.

1. Son infraccións moi graves das persoas que asisten a competicións e espectáculos deportivos:

a) A realización de calquera acto ou conduta definido neste título cando lles ocasione danos ou graves riscos ás persoas ou aos bens, ou cando concorran circunstancias de especial risco, perigo ou participación nel.

b) O incumprimento da orde de desaloxamento establecida que poidan decretar os responsables de seguridade.

c) O quebrantamento das sancións impostas en materia de violencia, racismo, xenofobia e intolerancia no deporte.

2. É infracción grave dos asistentes a competicións e espectáculos deportivos a realización das condutas definidas nos artigos 152, 153, 154 e concordantes desta lei que non fosen cualificadas como moi graves na alínea anterior.

3. É infracción leve dos asistentes a competicións e espectáculos deportivos toda acción ou omisión que supoña o incumprimento das obrigas impostas nesta lei que non mereza cualificarse como grave ou moi grave conforme as alíneas anteriores, así como a infracción doutras obrigas legalmente establecidas en materia de seguridade dos espectáculos deportivos.

Artigo 159. Infraccións doutros suxeitos.

1. Son infraccións moi graves de calquera suxeito que as cometa:

a) A realización das condutas definidas nos artigos 152, 153, 154 e concordantes nas inmediacións dos lugares nos que se realicen competicións deportivas e nos transportes públicos e transportes organizados que se dirixan a eles, cando se lles ocasionen danos ou graves riscos ás persoas ou aos bens ou cando concorran circunstancias de especial risco, perigo ou participación nelas.

b) A realización de declaracións en medios de comunicación de carácter impreso, audiovisual ou pola internet en virtude das que se ameace ou se incite á violencia ou á agresión aos participantes en encontros ou competicións deportivas ou aos asistentes a estes, así como a contribución significativa mediante tales declaracións á creación dun clima hostil ou que promova o enfrontamento físico entre os que participan en encontros ou competicións deportivas ou entre as persoas que asisten a estes.

c) A difusión por medios técnicos, materiais, informáticos ou tecnolóxicos vinculados á información ou ás actividades deportivas de contidos que promovan ou lle dean soporte á violencia, ou que inciten, fomenten ou axuden aos comportamentos violentos ou terroristas, racistas, xenófobos ou intolerantes por razóns de relixión, ideoloxía, orientación sexual ou calquera outra circunstancia persoal ou social, ou que supoñan un acto de manifesto desprezo aos participantes na competición ou no espectáculo deportivo ou ás vítimas do terrorismo e aos seus familiares.

d) O incumprimento das sancións impostas en materia de violencia, racismo, xenofobia e intolerancia no deporte.

2. Son infraccións graves de calquera suxeito que as cometa:

a) A realización das condutas definidas nos artigos 152, 153 e 154 desta lei nas inmediacións dos lugares nos que se realicen competicións deportivas e nos transportes organizados que se dirixan a eles, cando non sexan cualificadas como moi graves conforme a alínea anterior.

b) A realización de declaracións públicas en medios non incluídos na letra b) da alínea anterior en virtude das que se ameace ou se incite á violencia ou á agresión aos participantes en encontros ou competicións deportivas ou aos asistentes a estes, así como a contribución significativa mediante tales declaracións á creación dun clima hostil ou que promova o enfrontamento físico entre os participantes en encontros ou competicións deportivas ou entre os asistentes a estes.

c) A venda no interior das instalacións deportivas dos produtos prohibidos no artigo 150.1 ou daqueles cuxos envases incumpran o disposto na alínea 2 do mesmo artigo.

3. Son infraccións leves de calquera suxeito que as cometa a realización das condutas definidas neste título que non sexan cualificadas como graves ou moi graves na alíneas anteriores.

Artigo 160. Sancións.

1. Como consecuencia da comisión das infraccións tipificadas neste título poderán impoñerse as sancións económicas seguintes:

a) De 150 a 3.000 euros no caso de infraccións leves.

b) De 3.000,01 a 60.000 euros no caso de infraccións graves.

c) De 60.000,01 a 650.000 euros no caso de infraccións moi graves.

2. Ademais das sancións económicas antes mencionadas, ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos deportivos poderánselles impoñer as seguintes:

a) A inhabilitación para organizar espectáculos deportivos ata un máximo de dous anos por infraccións moi graves e ata dous meses por infraccións graves.

b) A clausura temporal do recinto deportivo ata un máximo de dous anos por infraccións moi graves e ata dous meses por infraccións graves.

3. Ademais das sancións económicas, ás persoas físicas que cometan as infraccións tipificadas neste título poderánselles impoñer, atendendo ás circunstancias que concorran nos feitos e, moi especialmente, á súa gravidade ou repercusión social, a sanción de desenvolver traballos sociais no ámbito deportivo e a sanción de prohibición de acceso a calquera recinto deportivo de acordo coa seguinte escala:

a) Prohibición de acceso a calquera recinto deportivo por un período abranguido entre un mes e seis meses, no caso de infraccións leves.

b) Prohibición de acceso a calquera recinto deportivo por un período abranguido entre seis meses e dous anos, no caso de infraccións graves.

c) Prohibición de acceso a calquera recinto deportivo por un período abranguido entre dous anos e cinco anos, no caso de infraccións moi graves.

4. Ademais das sancións económicas ou en lugar destas, aos que realicen as declaracións que perturben a boa orde deportiva definida neste título poderáselles impoñer a obriga de publicar pola súa conta nos mesmos medios que recolleron as súas declaracións, e con polo menos a mesma amplitude, rectificacións públicas ou, substitutivamente, ao criterio do órgano resolutorio, anuncios que fagan promoción da deportividade e do xogo limpo no deporte.

5. Ademais das sancións económicas, aos que realicen as condutas infractoras definidas no artigo 159.1.c) poderáselles impoñer a obriga de crear, publicar e manter pola súa conta, ata un máximo de cinco anos, un medio técnico, material, informático ou tecnolóxico equivalente ao utilizado para cometer a infracción, con contidos que fomenten a convivencia, a tolerancia, o xogo limpo e a integración intercultural no deporte. O deficiente cumprimento desta obriga será entendido como quebrantamento da sanción imposta e poderáselles ofrecer ás persoas sancionadas un patrón ou modelo de contraste para acomodar a extensión e os contidos do medio.

Artigo 161. Sanción de prohibición de acceso.

1. Os clubs e as persoas responsables da organización de espectáculos deportivos deberán privar da condición de socias, asociadas ou abonadas as persoas que sexan sancionadas coa prohibición de acceso a recintos deportivos, e para este efecto a autoridade competente comunicaralles a resolución sancionadora e manterase a exclusión do abono ou da condición de socias ou asociadas durante todo o período de cumprimento da sanción.

2. Para os efectos do cumprimento da sanción, poderán arbitrarse procedementos de verificación da identidade, que serán efectuados por membros das forzas e corpos de seguridade.

Artigo 162. Suxeitos responsables.

1. Das infraccións ás que se refire este título serán administrativamente responsables as persoas físicas e xurídicas que actúen como autoras e os seus colaboradores.

2. Xogadores, persoal técnico e directivo, así como as demais persoas sometidas á disciplina deportiva, responderán dos actos contrarios ás normas ou ás actuacións preventivas da violencia deportiva consonte o disposto neste título e nas disposicións regulamentarias e estatutarias das entidades deportivas cando tales condutas se produzan con ocasión do exercicio da súa función deportiva específica.

Estes mesmos suxeitos atópanse plenamente sometidos ás disposicións deste título cando asistan a competicións ou espectáculos deportivos en condición de espectadores.

Artigo 163. Criterios modificativos da responsabilidade.

1. Para a determinación da concreta sanción aplicable en relación coas infraccións relativas a condutas definidas nesta lei tomaranse en consideración os seguintes criterios:

a) O arrepentimento espontáneo, a manifestación pública de desculpas e a realización de xestos de carácter deportivo que expresen intención de corrixir ou emendar o dano físico ou moral inflixido.

b) A colaboración na localización e na minoración das condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes por parte dos clubs e demais persoas responsables.

c) A adopción espontánea e inmediata á infracción de medidas dirixidas a reducir ou mitigar os danos derivados desta.

d) A existencia de intencionalidade ou reiteración.

e) A natureza dos prexuízos causados.

f) A reincidencia, entendéndose por tal a comisión no prazo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza declarada por resolución firme.

2. Para a determinación da concreta sanción aplicable en relación coas infraccións relativas a obrigas de seguridade das persoas organizadoras de competicións e espectáculos deportivos tomaranse en consideración os seguintes criterios:

a) A existencia de intencionalidade ou reiteración.

b) A natureza dos prexuízos causados.

c) A reincidencia, entendéndose por tal a comisión no prazo dun ano de máis dunha infracción declarada por resolución firme.

Artigo 164. Competencia para a imposición de sancións.

A competencia para a instrución e resolución dos expedientes na materia correspóndelle á Comisión Galega de Control da Violencia.

Regulamentariamente establecerase o procedemento para o cumprimento dos oportunos trámites, que debe incluír necesariamente a separación das fases de instrución e de resolución.

Disposición adicional primeira. Voluntariado.

As persoas que colaboren materialmente no desenvolvemento da práctica deportiva mediante a realización de actividades de apoio, transporte e cooperación para a realización e para o cumprimento de compromisos daquela e que realicen gastos menores no desenvolvemento do seu labor poderán xustificalos, para todos os efectos, coa achega do documento xustificativo do citado gasto.

Disposición adicional segunda. Creación dos órganos novos e adaptación dos existentes.

Os órganos administrativos de nova creación que se prevén nesta lei e a adaptación a esta dos existentes producirase no prazo dun ano contado desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición adicional terceira. Aplicación do establecido no título IX.

O establecido no título IX desta lei será aplicable de acordo coas competencias da Comunidade Autónoma e co correspondente desenvolvemento normativo ditado para o efecto.

Disposición transitoria única. Adaptación dos estatutos e dos regulamentos das entidades deportivas.

As entidades deportivas adaptarán os seus estatutos e regulamentos ao disposto nesta lei, en canto fose necesario, no prazo dun ano a partir da súa entrada en vigor.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei e, especialmente, a Lei 11/1997, do 22 agosto, xeral do deporte de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de abril de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente