Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 13 de abril de 2012 Páx. 13355

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, pola que se acorda o vencemento anticipado dos contratos que integran a carteira da entidade Mutualidade de Previsión Social a Prima Fixa PCAE-Vigo.

Por acordo da asemblea xeral extraordinaria que tivo lugar o día 30 de marzo de 2012, a entidade Mutualidade de Previsión Social a Prima Fixa PCAE-Vigo, inscrita co número 3 no Rexistro Autonómico de Mutualidades de Previsión Social non integradas na Seguridade Social, adscrito a esta dirección xeral, adoptou, coa maioría legal e estatutariamente exixida o acordo de disolución voluntaria da mutualidade, así como solicitar á Consellería de Facenda a encomenda da liquidación ao Consorcio de Compensación de Seguros, ao considerala como a opción máis vantaxosa para os intereses dos mutualistas.

A competencia na materia ven determinada no Decreto 340/1996, do 13 de setembro, polo que se asumen funcións e servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1642/1996, do 5 de xullo, en materia de mutualidades de previsión social e se lle asignan á Consellería de Economía e Facenda e no Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, modificado polos decretos 199/2010, do 16 de decembro, e 220/2011, do 17 de novembro.

Mediante Orde da conselleira de Facenda do 2 de abril de 2012 encomendouse a liquidación da entidade Mutualidade de Previsión Social a Prima Fixa PCAE-Vigo ao Consorcio de Compensación de Seguros.

Tendo en conta o anterior, e para evitar unha dilatación no tempo do proceso liquidativo e coa finalidade de facilitar a liquidación sen maiores prexuízos aos mutualistas, beneficiarios e terceiros prexudicados, esta dirección xeral, de conformidade co disposto no artigo 28.2.d) do Real decreto lexislativo 6/2004, do 29 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de ordenación e supervisión dos seguros privados e no artigo 84 do Real decreto 2486/1998, do 20 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación e supervisión dos seguros privados, acorda:

Determinar que os contratos de seguro que integran a carteira da entidade Mutualidade de Previsión Social a Prima Fixa PCAE-Vigo venzan anticipadamente, ás cero horas do día 1 de maio de 2012.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, ante a conselleira de Facenda, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2012.

Manuel Galdo Pérez
Director xeral de Política Financeira e Tesouro