Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 13 de abril de 2012 Páx. 13370

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa e se aproba o proxecto de execución das instalacións da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Outeiro de Rei, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2010/11-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF n.º A15383284 e enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31, HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 21.9.2010 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Outeiro de Rei (Lugo), acompañada do preceptivo proxecto. As características básicas das instalacións son as seguintes:

A subministración de gas natural realizarase desde unha conexión coa rede proveniente do termo municipal de Lugo, na estrada municipal da urbanización Os Alargos. Desde este punto de conexión, a rede conducirase en tubaxe de 200 mm de diámetro ata a urbanización Residencial Triacqua, pasando polas urbanizacións Salete I, Salete II, Salete III e Os Alargos. Desta condución xeral distribuirase en tubaxe de 90 mm de diámetro a estas urbanizacións, conectando cunha tubaxe de 160 mm de diámetro polo camiño de Lamas e continuando polo camiño de San Xillao.

Esta rede de distribución, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, deseñarase en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, realizarase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6 e terá unha lonxitude de 6.871 m.

O seu orzamento ascende á cantidade de douscentos oitenta mil cento corenta e nove euros con catorce céntimos (280.149,14 euros).

Segundo. O 28.9.2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril. Esta resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 27 de xaneiro de 2011 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia e, en consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 11.7.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu someter a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Outeiro de Rei (Lugo). Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 25 de agosto, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 16 de agosto e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 26 de agosto de 2011, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Outeiro de Rei durante un prazo de vinte días (do 20.7.2011 ao 21.8.2011).

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas trasladou as separatas deste proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada condución de gas, para os efectos de obter o seu informe ao respecto. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo do seu informe:

N.º

Entidade

Resumo do informe

1

Servizo de Vías e Obras

Deputación Provincial de Lugo

Informe do 3.8.2011: establece o condicionado para as afeccións do proxecto de referencia

Cuarto. O 6.2.2012 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en adiante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o devandito proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes ou, de ser o caso, pendentes de emitir.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade cos preceptos legais citados e cos demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa e aprobar o proxecto de execución das instalacións da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Outeiro de Rei (Lugo), de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 5.602,98 euros, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta Comunidade Autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. A autorización administrativa afecta o termo municipal de Outeiro de Rei e as instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado n.º 1.130) e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, na súa delegación de Santiago de Compostela, con n.º de rexistro 580/10 (data 13.9.2010).

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen deberá estendela, logo das comprobacións técnicas que considere oportunas. Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitará á empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e remate de obra, asinado por técnico competente e visado polo colexio oficial correspondente, no que conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo co proxecto correspondente, acreditando así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. Gas Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data na que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, de ser o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas