Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 17 de abril de 2012 Páx. 13713

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 11 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o apoio ao crecemento empresarial mediante o fomento da investigación e a innovación empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (códigos de procedemento IN841A, IN841B e IN841C).

A Constitución española, no seu artigo 44.2.º, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19.º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2.º da Constitución.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 23 de decembro de 2010, aprobou o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (en diante Plan I2C).

O Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, determina que estará integrada, entre outros departamentos, pola Consellería de Economía e Industria.

O Decreto 13/2012, do 12 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establece, no seu artigo 4, que a Consellería de Economía e Industria na súa estrutura conta, entre outros órganos de dirección, coa Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i).

O Decreto 89/2011, do 31 de marzo, polo que se modifica o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de I+D+i, entre outras funcións, a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia; a elaboración, xestión, coordinación e control do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, agás as competencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na ordenación, planificación e execución en materia de fomento da investigación no sistema universitario de Galicia; a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da consellería nas materias de innovación tecnolóxica e innovación na xestión dos sectores produtivos, de infraestruturas tecnolóxicas e de propiedade industrial.

O Plan I2C ten un especial empeño en promover o crecemento empresarial, favorecendo o desenvolvemento da chamada «innovación aberta», que se caracteriza por unha contorna de I+D+i dinámica, colaborativa, excelente e integrada, cunha aspiración competitiva de ámbito supranacional, un cadro de mando multiobxectivo e un financiamento multifonte.

En relación cos contidos da presente convocatoria, cabe destacar dentro do Plan I2C, que se estrutura en retos, eixes estratéxicos e liñas de actuación asociadas aos diferentes eixes, o denominado Reto 3, de innovación e valorización, así como o Reto 4, de crecemento empresarial; como eixes estratéxicos cómpre subliñar o Eixe estratéxico 5, que recolle a innovación como motor de crecemento, sendo una das súas liñas de actuación o Programa de acceso á innovación, que inclúe o apoio ao financiamento de proxectos de innovación tecnolóxica.

O 1 de xaneiro de 2007 entrou en vigor o Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación para o período 2007-2013, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea DOUE C 323, do 30 de decembro de 2006 (en diante Marco comunitario), que fai extensivas ás actividades de innovación as posibilidades xa existentes de axuda á I+D.

De acordo co Marco comunitario, nesta convocatoria prevese a concesión de axudas ás empresas galegas para o desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial.

Para as empresas (pequenas, medianas e grandes) está prevista a concesión de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial en materia de proceso ou produto, loxística e xestión.

Para os centros tecnolóxicos e para os clústers empresariais galegos prevese a concesión de subvencións destinadas ao desenvolvemento das plataformas tecnolóxicas existentes en Galicia.

Na presente convocatoria está prevista tamén a concesión de axudas para empresas para a preparación de proxectos que se vaian presentar a convocatorias de axudas estatais e internacionais, que quedarán suxeitas ao réxime de axudas de minimis, polo cal non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (CE) n.º 1998/2006, da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE n.º L379/5, do 28 de decembro).

Consecuentemente con todo o anterior, o conselleiro de Economía e Industria en exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente polas leis 11/1988, do 20 de outubro; 12/1989, do 4 de outubro, e 2/2007, do 28 de maio,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, incluídas nos anexos indicados no presente artigo, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria para as seguintes finalidades, códigos de procedemento e anexos das bases:

– Apoio ao desenvolvemento de plataformas tecnolóxicas. IN841A. Anexo I.

– Apoio á preparación de propostas de proxectos que se vaian presentar a convocatorias estatais e internacionais. IN841B. Anexo II.

– Apoio ao financiamento de proxectos individuais e os colaborativos de innovación tecnolóxica (proxectos CIT). IN841C. Anexo III.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2012.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Marco comunitario (procedementos IN841A e IN841C), e ao réxime de axudas de minimis (procedemento IN841B).

4. O procedemento de concesión das subvencións quedará suxeito á autorización de axuda estatal por parte da Comisión Europea, segundo o establecido nos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (última versión consolidada DOUE C115, do 9 de maio de 2008).

5. As subvencións recollidas nos procedementos IN841A e IN841C concederanse para a realización dos proxectos que se inicien con posterioridade á presentación da solicitude de subvención. As subvencións recollidas no procedemento IN841B concederanse para a realización dos proxectos que se inicien con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2012.

Artigo 2. Solicitudes e comunicacións electrónicas.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que, a título exclusivamente informativo, figuran como anexos (do VII ao IX) desta orde, e que irán acompañados dos documentos que se especifican no artigo correspondente de cada anexo. Tamén se inclúen a título informativo os modelos de aceptación e renuncia da subvención (anexos X e XI respectivamente).

2. De acordo co disposto no artigo 24.2.º do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (en diante decreto de Administración electrónica), os formularios da solicitude de axuda deberaos obter, cubrir, validar e presentar necesariamente o solicitante a través da aplicación informática a que se accede seleccionando o procedemento correspondente, dentro do enlace de «Axudas» da Dirección Xeral de I+D+i, sita no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi. Tamén se pode acceder desde o enderezo https://sede.xunta.es, facendo uso dos enlaces dispoñibles para cada procedemento. Estes modelos validados pola aplicación informática valerán para a presentación electrónica, que se describe no artigo seguinte.

Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día anterior ao da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporán de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Dirección Xeral de I+D+i, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Os anexos VII a IX desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia (DOG) exclusivamente para efectos informativos e será necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

3. Deberá presentarse unha solicitude para cada proxecto.

4. De acordo co disposto no artigo 24.2.º do devandito decreto de Administración electrónica, tamén se utilizarán medios electrónicos para as seguintes comunicacións:

– Emenda de documentación.

– Alegacións ao trámite de audiencia.

– Solicitude de modificación.

– Xustificación da subvención.

O interesado deberá presentar a documentación que corresponda no Rexistro Electrónico da Xunta co emprego do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT. A documentación presentarase a través do Servizo de Achegas de Documentación dispoñible na web da Dirección Xeral de I+D+i (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi), ou accedendo a través da URL que se indique na resolución de concesión de axudas.

5. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como ocultar datos, alteralos ou calquera outra manipulación da información, será causa de rexeitamento da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 ao 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es. Tamén poderán presentarse na Oficina de Rexistro Único e Información no complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante LRXAP-PAC). En todo caso teranse que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen e achegan no anexo IV, de acordo co establecido no artigo 24.2.º do decreto de Administración electrónica.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Dado o carácter de concorrencia competitiva da convocatoria, os requirimentos de emenda e corrección de erros nas solicitudes, así como as notificacións das resolucións correspondentes, realizaranse preferentemente no taboleiro electrónico particular ou mediante publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Información aos interesados.

1. Sobre os procedementos recollidos nesta orde poderase obter información adicional na Dirección Xeral de I+D+i, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi), na súa epígrafe de «Axudas».

b) Nos teléfonos:

a. 981 95 73 87 e 981 95 73 92 (anexo I).

b. 881 99 91 60 e 881 99 91 56 (anexos II e III).

c) No enderezo electrónico cei.infosegapi@xunta.es

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14.ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

4. Unha vez presentadas as solicitudes, a Dirección Xeral de I+D+i habilitará canles personalizadas (ver anexo IV) de información cos interesados, con independencia dos medios preceptivos de notificación recollidos nos artigos 9 e 13 da convocatoria.

Artigo 6. Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo, nas que existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2012, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

2012

2013

2014

Total

08.02.741A.771.0

2.150.000

3.000.000

3.800.000

8.950.000

08.02.741A.781.0

500.000

-

-

500.000

Total

2.650.000

3.000.000

3.800.000

9.450.000

2. No seguinte cadro amósase a distribución de créditos para a presente convocatoria por exercicios e por códigos de procedemento:

2012

2013

2014

Total

IN841A

500.000

-

-

500.000

IN841B

150.000

-

-

150.000

IN841C

2.000.000

3.000.000

3.800.000

8.800.000

Total

2.650.000

3.000.000

3.800.000

9.450.000

Porén, no caso do procedemento IN841B e IN841C, a Dirección Xeral de I+D+i poderá variar a distribución correspondente ao exercicio 2012 en función das solicitudes e do custo dos proxectos presentados.

3. As axudas reguladas nesta orde estarán cofinanciadas para o ano 2012 nun 80% polo Feder Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 03, actuación 2 (anexo I) e nun 20% polo FCI; e nun 70% polo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 09, actuación 1 (anexos II e III) e nun 30% polo FCI.

4. Os créditos das anualidades 2013 e 2014 poderán estar cofinanciados, así mesmo, con fondos Feder e FCI.

5. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das liñas de axudas xestionadas pola Dirección Xeral de I+D+i para o mesmo proxecto. Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra destinada ao mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que a conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo elixible do proxecto. Neste caso, as entidades deberán achegar unha copia simple da resolución de concesión doutras axudas. Terase en conta que o conxunto das axudas acadadas non poderá exceder, en termos de equivalente de subvención bruto (ESB), a porcentaxe fixada en cada procedemento nas súas correspondentes bases reguladoras ou na normativa que lles é de aplicación, cando sexa máis favorable. Por outra banda, os gastos recollidos nesta orde non poderán acollerse a outras axudas procedentes do Feder ou doutros fondos ou instrumentos comunitarios.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.

1. De conformidade co artigo 20.3.º da Lei 9/2007, se o solicitante identifica certa documentación como información accesible (anexo IV), a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación.

2. De conformidade co mesmo artigo 20.3.º da Lei 9/2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, é dicir, os certificados de inexistencia de débedas teñen nun principio a consideración de información accesible, porén, o solicitante poderá denegar expresamente o seu consentimento. No caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización para acceder á dita información, deberá achegar, xunto coa solicitude, os certificados acreditativos, que deberán estar en vigor, de estar ao día nas seguintes obrigas:

– Coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Analogamente, o solicitante poderá declarar na súa solicitude de axudas como información accesible a seguinte:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI da persoa ou persoas que asinan a solicitude.

– Documento acreditativo de que a persoa que asina a solicitude representa a entidade solicitante.

As autorizacións expresas para a verificación dos datos que se identifican como información accesible (ver anexo IV da convocatoria) xeraranse a través da aplicación informática de validación das solicitudes de axudas, sinalada no artigo 2 da convocatoria.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

5. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal, que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; porén, a Consellería de Economía e Industria revelaralles ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.º d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro.

Artigo 8. Órganos competentes.

A Dirección Xeral de I+D+i será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 9. Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da LRXAP-PAC, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou nas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 7.2.º desta convocatoria resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Dirección Xeral de I+D+i ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 11.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta convocatoria, nas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta. No caso de proxectos en colaboración, a non admisión dun dos solicitantes por non reunir algún dos requisitos establecidos na orde de convocatoria suporá a non admisión de todos os participantes no proxecto.

5. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 10. Persoal de apoio á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

1. Para a xestión e instrución do procedemento de concesión das axudas reguladas nesta convocatoria, o órgano instrutor, por medio do seu persoal técnico funcionario, seleccionará e coordinará o seguinte persoal de apoio externo:

• Asesores de área. Desempeñarán as tarefas de asesoramento e validación dos proxectos dos que emiten informe os asesores de proxecto na súa área.

• Asesores de proxectos das solicitudes de subvencións para o apoio ao financiamento de proxectos individuais e os colaborativos de innovación tecnolóxica regulados no anexo III desta orde. Serán seleccionados entre persoal científico-técnico con experiencia demostrada no seu ámbito en función da temática específica dos proxectos que se lles asigne para o seu informe segundo os criterios establecidos no artigo 6.5 do anexo III.

2. De acordo co establecido no parágrafo 4.º do punto 1 do anexo I da Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de xaneiro de 2012 pola que se encarga á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia a xestión de determinadas actuacións relacionadas con tarefas de seguimento, xestión, avaliación, autocontrol e coordinación das liñas de actuación do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (I2C) e labores de apoio para sistemizar iniciativas galegas que incrementen a participación pública e privada nos programas de I+D+i da Comisión Europea e doutros organismos públicos de carácter nacional, esta última entidade realizará actividades e tarefas administrativas e de tramitación necesarias para a xestión dos procedementos administrativos incoados pola Dirección Xeral de I+D+i relacionados coas convocatorias de axudas, incluíndo a xestión administrativa necesaria para dar soporte ao persoal de apoio e á comisión de avaliación.

Artigo 11. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, despois de examinar os informes técnicos do persoal de apoio e de acordo cos criterios obxectivos fixados nas bases reguladoras de cada procedemento, así como de emitir unha acta en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. A súa composición será a seguinte:

a) A subdirectora xeral de Innovación Empresarial, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidenta.

b) O xefe do Servizo Galego de Propiedade Industrial e Innovación Empresarial, ou persoa en quen delegue.

c) O xefe do Servizo de Xestión Técnica, ou persoa en quen delegue.

d) Un funcionario da Dirección Xeral de I+D+i, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

3. Na proposta de concesión que formule o órgano instrutor figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

4. Co obxecto de maximizar a eficiencia dos orzamentos asignados a estas axudas e minorar o risco inherente á propia concesión de anticipos sen garantías, establécese que o número máximo de proxectos que poderán ser subvencionados dentro de cada liña de axuda para un mesmo beneficiario será de tres.

Para o caso de que se subvencione un segundo proxecto a un mesmo solicitante, a intensidade bruta de subvención neste caso será dun 80% da porcentaxe concedida para o primeiro.

Para o caso de que se subvencione un terceiro proxecto a un mesmo solicitante, a intensidade bruta de subvención neste caso será dun 60% da porcentaxe concedida para o primeiro.

Dentro de cada procedemento de axudas, os proxectos financiables acadarán a porcentaxe de axuda indicada nos parágrafos anteriores deste artigo, por orde decrecente da puntuación acadada por estes, ata o esgotamento do crédito.

5. Para os efectos do establecido no artigo 6.5.º da convocatoria establécense como límite máximo para o conxunto das axudas acadadas as porcentaxes fixadas no artigo 3 dos anexos I e II e no artigo 4 do anexo III, para cada tipo de solicitante, medidas en termos de equivalente de subvención bruto (ESB).

6. Os proxectos financiables serán subvencionados coa porcentaxe indicada no parágrafo anterior por orde decrecente da puntuación acadada por estes, ata o esgotamento do crédito.

Artigo 12. Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13. Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. O órgano instrutor elevará o citado informe, xunto coa proposta de resolución que formule para cada procedemento, ao conselleiro.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4.º da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o conselleiro de Economía e Industria ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos:

a) As entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes, indicando a causa da súa non admisión.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe do investimento subvencionable establecido nestas bases.

O pagamento da subvención estará en todo caso condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea adopten unha decisión de non formular obxeccións a esta ou declaren a subvención compatible co mercado común e nos termos en que a dita declaración se realice, extremo este que constará no acto administrativo de concesión.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Con carácter xeral non se enviarán notificacións postais e de conformidade co establecido no artigo 59.6.º b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi). Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderán remitirse os beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

Porén, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

Artigo 14. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poranlle fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Que non sexan tidos en conta requisitos ou circustancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tivesen lugar con posterioridade a esta.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 16. Anticipos.

1. Para facilitar a xestión das axudas poderanse realizar pagamentos anticipados das subvencións recollidas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 31.6.º da Lei 9/2007 e no artigo 63 do Decreto 11/2009. En todo caso, os importes anticipados non poderán superar o 25% da subvención concedida.

2. A concesión dos anticipos quedará condicionada ao cumprimento, por parte do beneficiario, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e realizarase mediante resolución motivada logo da publicación da adxudicación das axudas.

3. Non se precisará a presentación de garantías por parte dos centros tecnolóxicos, de conformidade co establecido no artigo 51.Dous da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, así como no artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No resto das actuacións subvencionadas exímese, de forma excepcional, da presentación de garantías, logo da autorización ao respecto polo Consello da Xunta.

Artigo 17. Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, a entidade beneficiaria da subvención deberá aceptala expresamente, cubrindo e asinando o modelo que se publicará na web da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da LRXAP-PAC. Transcorridos 10 días sen ter recibido este documento no órgano xestor, entenderase que a entidade acepta a subvención.

2. Non obstante, no caso de que a entidade beneficiaria fixese constar na solicitude de subvención que solicita a modalidade de pagamento anticipado, no prazo máximo de dez días desde a publicación da resolución na páxina web da Consellería de Economía e Industria, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Aceptación da subvención utilizando o modelo publicado na páxina web da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi) e que tamén se inclúe como anexo X a título exclusivamente informativo.Noutro caso enténdese que renuncia ao anticipo.

b) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, utilizando o modelo publicado na páxina web da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi).

c) No caso do procedemento IN841B, declaración de axudas amparadas pola cláusula de minimis, obtidas ou solicitadas durante os últimos tres anos en calquera outra administración, organismos ou entes públicos ou privados, utilizando o modelo publicado na páxina web da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi).

3. A renuncia á subvención ou a súa aceptación poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi) e que se inclúe como anexo XI a título exclusivamente informativo, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da LRXAP-PAC.

4. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1.º da mesma lei.

Artigo 18. Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indiquen nos anexos desta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera axuda obtida baixo o réxime de minimis no caso do procedemento IN841B suxeito a este réxime. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de cinco anos desde a súa concesión. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro dese prazo de cinco anos, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre e cando a actividade económica se manteña en Galicia durante este período mínimo.

e) As entidades beneficiarias deben ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio destas convocatorias.

f) As axudas recollidas nesta orde só serán definitivas se a situación inicial non sofre, antes de transcorridos cinco anos do seu termo, unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, o cesamento da actividade ou os postos de traballo. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro do prazo indicado, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre que a actividade económica se manteña en Galicia durante ese período.

g) Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.

h) Solicitarlle á Dirección Xeral de I+D+i, previamente á súa realización, e, en todo caso, antes de que remate o prazo de xustificación da subvención, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento dos proxectos aprobados. Terase en conta que a realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

i) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) n.º 1828/2006, da Comisión, de 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) n.º 1083/2006, do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) n.º 846/2009, da Comisión, do 1 de setembro. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe

k) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta orde, e conservar a documentación xustificativa dos ditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do Programa operativo, o 2013, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) n.º 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo.

Artigo 19. Subcontratación.

1. Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007 (en diante Decreto 11/2009).

2. Enténdese por subcontratación cando o beneficiario concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención.

3. Os beneficiarios das axudas reguladas nesta orde de convocatoria poderán subcontratar, como máximo, ata o 50% do importe da actividade subvencionada.

4. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición sexa autorizada previamente pola Dirección Xeral de I+D+i, logo de solicitude por parte do beneficiario da subvención.

Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.

5. Na solicitude da subvención deberá achegarse o contrato asinado ou ben unha carta de intencións.

6. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas (anexo IV) co beneficiario, agás no caso de que a entidade subcontratada sexa a única con capacidade para desenvolver as actuacións subcontratadas e ademais concorran concorran as seguintes circunstancias:

– Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

– Que se obteña a autorización previa da Dirección Xeral de I+D+i, logo de solicitude por parte do beneficiario da subvención.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

Artigo 20. Xustificación da subvención.

1. Se transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, o beneficiario non presenta a documentación pertinente, segundo o indicado nos correspondentes anexos, a Dirección Xeral de I+D+i requirirá o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención ou á exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme á lei, correspondan.

2 Malia o disposto no punto anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiro. As condicións e o procedemento para a concesión da ampliación son os establecidos no artigo 49 da LRXAP-PAC.

3. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitirlle ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

4. Cando se aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porase no seu coñecemento e concederáselle un prazo de dez días para a súa corrección.

5. Se o importe da xustificación presentada for inferior ao do anticipo recibido, ou se a entidade presenta a súa renuncia á subvención concedida, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos non utilizados. A falta de devolución destes nos prazos establecidos dará lugar á incoación de expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

6. Co fin de facilitar a presentación e revisión da documentación, os modelos para a xustificación da subvención atoparanse no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi (ver en: De Interese/Informes e xustificacion do gasto). Así mesmo, é aconsellable presentar a documentación de xeito ordenado sen usar grampas, nin espirais, carpetas clasificadoras, peches térmicos, canudos ou arames, asinada polo representante legal da empresa.

Artigo 21. Pagamento.

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 31.6.º da Lei 9/2007, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria, que serán concedidos mediante resolución motivada.

2. Pagamentos anticipados. A entidade solicitante debe facer constar que opta por esta modalidade de pagamento na solicitude da subvención, e condicionaranse ao cumprimento dos requisitos recollidos para tal fin para os beneficiarios na Lei 9/2007. En todo caso, a suma dos importes anticipados non poderá superar no seu conxunto o importe do 25% da subvención concedida.

a) Proxectos dunha única anualidade: poderá anticiparse ata o 25% do importe da subvención concedida no momento da resolución de concesión. O importe restante aboarase unha vez xustificados os gastos realmente efectuados, de acordo co establecido nesta orde de convocatoria.

No caso de que a xustificación da anualidade for insuficiente e houber que facer unha minoración da subvención, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos non utilizados. A falta de devolución destes fondos nos prazos establecidos dará lugar á incoación dun expediente de reintegro, nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009. De ser o caso, procederá o reintegro das cantidades percibidas indebidamente.

b) Proxectos plurianuais.

– Primeira anualidade: poderá anticiparse ata o 25% do importe da subvención concedida para esa anualidade no momento da resolución de concesión, unha vez presentada a súa aceptación.

– Anualidades seguintes: poderá anticiparse ata o 25% do importe da subvención concedida para a anualidade correspondente unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto correspondente á anualidade do ano anterior. No caso de que a xustificación da anualidade anterior for insuficiente e der lugar a unha minoración da subvención, o importe minorado detraerase do importe desta anualidade.

No caso de que o importe aprobado para esta anualidade resultar insuficiente para cubrir esta diferenza, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos non utilizados. A falta de devolución destes nos prazos establecidos dará lugar á incoación dun expediente de reintegro, nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009. De ser o caso, procederá o reintegro das cantidades recibidas indebidamente.

– Derradeira anualidade: non se realizarán anticipos e aboarase unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto. No caso de que a xustificación da anualidade anterior for insuficiente e der lugar a unha minoración da subvención, o importe minorado detraerase do importe desta anualidade.

No caso de que o importe aprobado para a última anualidade resultar insuficiente para cubrir esta diferenza, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos non utilizados. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar a incoación de expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

A contía total dos anticipos non poderá superar o 25% da subvención concedida para o global do proxecto.

3. Pagamentos non anticipados. Faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto. En ningún caso a suma dos pagamentos anticipados e á conta poderá ser superior ao 80% do importe da subvención.

4. No caso de anticipos e pagamentos á conta, non se precisará a presentación de garantías para aqueles proxectos e accións subvencionados en que os solicitantes sexan centros tecnolóxicos, conforme o previsto no artigo 51.Dous da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012. No resto das actuacións subvencionadas exímese, de forma excepcional, da presentación de garantías, logo de autorización ao respecto polo Consello da Xunta.

5. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao pagamento final da subvención, comprobarán a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007.

Artigo 22. Graduación dos incumprimentos, reintegros e sancións.

1. A entidade beneficiaria da subvención deberá cumprir cos obxectivos, proxectos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da subvención, así como os compromisos asumidos nela. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento, e/ou, de ser o caso, procederá o reintegro da subvención.

No caso particular dos proxectos concedidos dentro do procedemento IN841C, a Dirección Xeral de I+D+i comprobará tras a recepción da documentación xustificativa correspondente á ultima anualidade dos mesmos que o importe total xustificado para o proxecto ao longo da duración do mesmo sexa como mínimo de 75.000 euros. Se non se acadara esa cantidade mínima, procedería o reintegro da subvención correspondente ás anualidades anteriores.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e aos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da citada lei e no título V do Decreto 11/2009.

2. O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación será causa de perda do dereito ao cobramento ou ao reintegro total da subvención.

3. O incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a subvención, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a perda do dereito ao cobramento ou á devolución das cantidades desviadas.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 23. Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá realizar as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Dirección Xeral de I+D+i, polos medios que considere, poderá realizar nas entidades perceptoras de subvencións, en calquera momento, as comprobacións e aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento do proxecto; se se constatase unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, poderá propor a suspensión da subvención concedida.

3. Así mesmo, a Dirección Xeral de I+D+i poderá convocar os responsables da entidade beneficiaria, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

4. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (en diante D.L. 1/1999), e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, da autoridade de xestión, e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 24. Publicidade.

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 25. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na normativa básica da Lei estatal 38/2003, de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve, así como na Lei 9/2007 e o Decreto 11/2009, e na Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban os gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión.

É de aplicación a este réxime de axudas o Regulamento (CE) n.º 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Feder, e o Regulamento (CE) n.º 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. Así mesmo, é aplicable o Regulamento (CE) n.º 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, modificado polo Regulamento (CE) n.º 846/2009, da Comisión, do 1 de setembro, así como o previsto no Regulamento (CE) n.º 1998/2006, da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis.

Disposición adicional única. Tramitación.

A revisión dos expedientes desta orde de convocatoria poderá ser realizada pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de acordo co establecido na encomenda de xestión para o ano 2012 realizada pola Consellería de Economía e Industria á dita entidade, por Resolución do 19 de xaneiro de 2012, que quedará sometida a todos os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007 para obter a condición de entidade colaboradora, asumindo as obrigas previstas no artigo 12 do mesmo texto legal.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2012.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións para ao apoio ao desenvolvemento de plataformas tecnolóxicas (código de procedemento: IN841A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas nestas bases teñen por obxecto financiar o desenvolvemento das plataformas tecnolóxicas galegas dentro da liña de actuación 3.7 do Plan I2C, como axentes do Sistema Integral de Apoio á Investigación a que está destinado o eixe 3.

As plataformas tecnolóxicas galegas teñen como obxectivo fundamental a presentación de proxectos nas convocatorias estatais e internacionais que xeren un retorno para Galicia. Estes instrumentos específicos pretenden acadar saltos significativos nas áreas científico-tecnolóxicas de importancia estratéxica para Galicia mediante o planeamento da estratexia referente á investigación, desenvolvemento e innovación a través das actuacións científico-tecnolóxicas relacionadas cun sector empresarial determinado.

O obxectivo final desta subvención é promover a realización de actuacións encamiñadas á procura do desenvolvemento de proxectos de cooperación, no marco da axenda estratéxica de investigación definida pola plataforma, que supoñan a participación en programas estatais e internacionais de I+D+i das empresas e entidades adheridas a ela.

Despois dunha fase de lanzamento e arranque das plataformas tecnolóxicas galegas, é o momento de primar o desenvolvemento de proxectos colaborativos que involucren aos membros destas. Por iso, con esta liña de actuación preténdese apoiar o desenvolvemento das plataformas tecnolóxicas en base a un conxunto de indicadores que redunden en proxectos colaborativos e retorno económico xerado nas diferentes convocatorias ás que se presenten.

2. Para a determinación do custo subvencionable admitirase a imputación dos seguintes gastos:

– Persoal da entidade solicitante destinado ás actividades da plataforma tecnolóxica, coa capacidade de xestionar grupos de traballo, realizar propostas de novos proxectos e dinamizar a xeración de proxectos colaborativos, sempre que se xustifique adecuadamente a súa necesidade e a súa vinculación con ela. Non se considerarán subvencionables os gastos relacionados co persoal que non teña relación contractual co centro tecnolóxico ou co clúster empresarial beneficiario da subvención ou que non se corresponda co labor indicado na solicitude. Poderase imputar por este concepto un máximo do 50% do custo solicitado.

– Servizos Tecnolóxicos e outros servizos externos, necesarios para a plataforma tecnolóxica cando a entidade solicitante careza de medios propios. Poderase imputar por este concepto un máximo do 50% do custe solicitado.

– Material funxible: adquisición de materiais funxibles precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.

– Gastos derivados das seguintes actividades:

• Gastos de formación especializada para a mellora das capacidades do persoal non directivo da entidade solicitante e a súa profesionalización (non se inclúen gastos de viaxes nin manutención).

• Organización de programas de formación e foros para fomentar o intercambio de coñecemento dentro do sector.

• Actividades para o establecemento de contactos e intercambio de coñecemento con outras plataformas tecnolóxicas.

• Realización de talleres de traballo e accións co obxectivo de promover a colaboración entre membros da plataforma de cara a xeración de proxectos colaborativos.

• Difusión das actividades (xornadas, reunións de traballo, etc.) dentro do sector.

Como máximo poderase solicitar, de forma conxunta, 9.000 euros para material funxible e gastos derivados.

Estas subvencións terán unha única anualidade; polo tanto, só se admitirán aqueles gastos, dos relacionados no punto anterior, que fosen realizados dentro do período indicado no artigo 6 deste anexo.

Artigo 2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, aqueles clústers e centros tecnolóxicos recoñecidos pola Xunta de Galicia.

As entidades beneficiarias deben ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio desta convocatoria.

Non poderán ter a consideración de beneficiarios aqueles solicitantes que estean suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Contía das subvencións.

1. De acordo co establecido no artigo 5.8.º do Marco comunitario, poderán concederse en favor da entidade xurídica que xestione a plataforma axudas de funcionamento á animación de agrupacións. Estas axudas deberán ser temporais e, en xeral, suprimiranse co tempo, co obxecto de que haxa un incentivo para que os precios reflictan os custes con razoable rapidez.

En consecuencia, a intensidade destas subvencións será do 100% para as entidades que concorran por primeira vez a estas axudas, e para as entidades que xa recibiron axudas en convocatorias anteriores para plataformas tecnolóxicas, a intensidade da subvención se reducirá un 10% respecto da subvención concedida na última convocatoria de axudas na que recibiu subvención, co obxecto de reducir progresivamente estas subvencións ata chegar a cero de acordo co artigo 5.8.º do Marco comunitario.

2. O importe máximo de axuda que se poderá obter será de 90.000 euros.

Artigo 4. Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse no lugar e prazo que se indican no artigo 3 da orde de convocatoria.

2. As solicitudes estarán compostas polos formularios normalizados e o resto da documentación definida neste artigo. Nalgúns casos a documentación poderá identificarse polo solicitante como información accesible (ver artigo 7 da convocatoria) de xeito que o órgano xestor das axudas poderá acceder á dita documentación, sen que sexa presentada polo solicitante. É altamente recomendable identificar como accesible toda a documentación posible, polos erros que se evitan ao solicitante, así como pola eficacia e eficiencia que pode acadarse na xestión administrativa. Considerando o anterior, as solicitudes deberán estar compostas pola seguinte documentación:

2.1. Formulario normalizado de solicitude obtido a través da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo/s representante/s legal/is da entidade correspondente.

Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono e fax) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións. Serán responsabilidade exclusiva da entidade solicitante tanto os erros na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de I+D+i de calquera cambio que se producise neles.

2.2. Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión doutras axudas.

2.3. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007).

2.4. Toda a documentación xustificativa relativa aos criterios de valoración. Non se terán en conta para a valoración aqueles resultados que non estean correctamente xustificados.

2.5. Declaración responsable de estar ao corrente de pagamentos de obrigas por reintegros de subvencións.

2.6. Informe sobre o efecto incentivador e a necesidade da axuda.

2.7. Informe complementario ao expediente (Documento no que se realice unha análise de especialización tecnolóxica da agrupación innovadora, o potencial rexional e capacidade de investigación existentes, a presenza na comunidade de agrupación con obxectivos similares e volumes de mercado potenciais das actividades realizadas pola agrupación).

2.8. Documentación xurídico-administrativa da entidade solicitante. Identificarase como información accesible (ver artigo 7 da convocatoria) ou, en caso contrario, presentarase a seguinte documentación:

2.8.a) NIF da entidade solicitante en vigor.

2.8.b) Documento acreditativo de que a persoa que asina a solicitude representa a entidade solicitante. Poderá xustificarse achegando un certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos necesario para ter personalidade xurídica no que se identifique aos representantes ou apoderados da entidade solicitante, así como o alcance de dita representación e vixencia. De non achegarse o dito certificado deberá entregarse a escritura de constitución da entidade e modificacións, de ser o caso, e a escritura pública de outorgamento do poder ou a do nomeamento do representante. Deben estar en vigor na data de presentación da solicitude e presentarse integramente, ademais deben figurar expresamente a súa inscrición no rexistro que legalmente lle puidera corresponder.

2.8.c) DNI da persoa ou persoas que asinan a solicitude, sen prexuízo do dereito a non presentar este documento segundo o Decreto 255/2008 (DOG n.º 221, do 13 de novembro) no caso de que o interesado o identifique como información accesible (ver artigo 7 da convocatoria). Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.

2.9. Os Certificados acreditativos de estar ao día das obrigas coas Administracións Públicas (Axencia Estatal, Tesourería Xeral da Seguridade Social e Administración da Comunidade Autónoma de Galicia) identificaranse como caso xeral como información accesible (ver anexo IV) e non terán que ser aportados aínda que, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización para acceder a dita información, deberá presentar xunto coa solicitude a seguinte documentación que deberá estar en vigor:

2.9.a) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2.9.b) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2.9.c) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.10. Declaración responsable acerca da veracidade da titularidade da conta bancaria consignando o código do banco, código da sucursal, díxito de control e código da conta corrente no formulario normalizado de solicitude.

Artigo 5. Criterios de valoración.

As propostas valoraranse conforme o baremo e indicadores que se recollen no anexo V, no cal se recollen as diferentes perspectivas da actuación das plataformas. Os datos para o cálculo destes indicadores deberán estar referidos ao ano 2011.

Realizada a valoración dos resultados de investigación, a comisión, de conformidade co establecido no artigo 20.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, outorgará 1 punto a aqueles solicitantes que se comprometan a utilizar a lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita a axuda.

O importe da axuda determinarase en función da puntuación final obtida por cada entidade tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias.

Aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total inferior a 50 puntos non poderán ser subvencionables.

Artigo 6. Xustificación da subvención.

1. Prazos de xustificación:

Prazo de presentación da documentación xustificativa

31 de outubro de 2012

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados

Desde a data de presentación da solicitude ata o 31 de outubro de 2012

2. Documentación:

a) Un resumo da execución do investimento en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados, agrupados por conceptos de gastos.

b) A documentación xustificativa do investimento será orixinal ou copia compulsada das facturas en relación cos gastos subvencionados.

c) Documentación xustificativa do pagamento: orixinal ou fotocopia compulsada de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, a satisfacción do importe total da factura, así como o concepto a que se refiren.

d) Cando o importe do gasto subvencionable no caso de contratación de servizos ou subministracións iguale ou supere os 18.000 euros, deberán achegarse un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren. Estas excepcións deberán xustificarse. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, achegando unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

e) Custos de persoal:

– Entenderase por persoal propio da entidade o que está vinculado con ela mediante relación laboral, e que, por tanto, figura no réxime xeral da Seguridade Social

– A retribución mensual é o total percibido polo traballador. Non se terán en conta conceptos como gratificacións voluntarias.

– Establécense os custos máximos por categoría profesional para todo tipo de persoal recollidos no anexo VI.

Para a xustificación do persoal destinado ao proxecto deberá achegarse:

– Certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace do xerente ou director da entidade, que consistirá nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamentos das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total do imputado ao proxecto (retribucións + S.S.) segundo a dedicación de cada traballador a este.

– Un parte de traballo en que figure a dedicación de cada persoa ao proxecto, que deberá recoller a dedicación mensual e as sinaturas dos traballadores co visto e prace do investigador principal do proxecto e do responsable de persoal da entidade

– Copia das nóminas do persoal dedicado ao proxecto e orixinal ou copia compulsada dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles.

– Orixinal ou copia compulsada dos boletíns de cotización á Seguridade Social e dos seus xustificantes de pagamento.

f) Informe en que se detalle o desenvolvemento da plataforma e os resultados obtidos, no formato que se incluirá na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i.

g) A documentación acreditativa de estar exento de IVE, de ser o caso. Para efectos do cálculo do custo subvencionable, considerarase como tal o IVE real e definitivamente soportado polo solicitante cando lle supoña un custo real. No caso de aplicación da regra de pro rata, o dito custo calcularase con base na pro rata definitiva do último exercicio finalizado antes da concesión da axuda, sendo responsabilidade da beneficiaria incluír o resultado final nas súas obrigas fiscais.

h) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión desas outras axudas.

2.1. Sen prexuízo da documentación indicada no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2.2. Co fin de facilitar a presentación e revisión da documentación, os modelos para a xustificación da subvención atoparanse no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi (ver en: De Interese/Informes e xustificacion do gasto). Así mesmo, é aconsellable presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a redacción deste artigo sen usar grampas, nin espirais, carpetas clasificadoras, peches térmicos, canudos ou arames, asinada polo representante legal da empresa.

ANEXO II
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións para o apoio á preparación de propostas de proxectos
que se vaian presentar a convocatorias estatais e internacionais
(código de procedemento: IN841B)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas nestas bases teñen por obxecto a preparación de proxectos que se presenten a convocatorias de axuda de programas estatais ou internacionais.

O actual Plan I2C recolle diversas liñas dentro do seu eixe estratéxico 5: Innovación como motor e crecemento, nas cales se recoñece tanto desde a perspectiva do programa 5.2 de impulso a modelos colaborativos desde unha concepción de innovación aberta, como desde a de crecemento do programa 5.3, a importancia da participación de entidades galegas en proxectos colaborativos de ámbito estatal e internacional como motor de cambio do Sistema Galego de Innovación. Con estas subvencións preténdese incrementar a participación das empresas galegas en proxectos estatais e internacionais promovendo accións que faciliten a súa presenza en actividades financiadas por outros organismos, para conseguir aumentar os retornos científicos, tecnolóxicos e industriais e apostar polo crecemento.

Entre as fontes de financiamento externas, o Plan I2C nas súas liñas 5.3.1 e 5.3.2 do programa 5.3 (Crecemento) antes citado, destaca como prioritarias o Fondo Tecnolóxico, o VII Programa Cadro e Programa Europeo de Competitividade e Innovación (CIP), polo que se primará a presentación de propostas a estas convocatorias.

As actuacións subvencionables deben estar comprendidas nunhas das seguintes categorías:

a) Presentación de propostas de proxectos de I+D a programas do Plan Nacional, tanto individuais como en cooperación.

b) Presentación de propostas de proxectos de I+D a programas internacionais en cooperación, en particular VII Programa Cadro, Programa CIP e proxectos bilaterais e multilaterais de CDTI, que serán, en todos os casos, desenvolvidos principalmente no ámbito territorial de Galicia.

A proposta para ser subvencionable debe adecuarse aos criterios exixidos na convocatoria a que se vai presentar, condicionándose o pagamento da subvención á presentación oficial en tempo e forma do proxecto ante a Administración correspondente.

2. Para a determinación do custo subvencionable consideraranse como gastos os seguintes:

a) Gastos de persoal da entidade solicitante destinado á preparación do proxecto, sempre que se xustifique adecuadamente a súa necesidade e a súa vinculación coa execución deste proxecto (ex. preparación da proposta ou formación do consorcio). Non se considerarán subvencionables os gastos relacionados co persoal que non teña relación contractual coa empresa beneficiaria da subvención.

b) Gastos de consultoría para a preparación e presentación da proposta (desde a concepción do proxecto ata a súa presentación a un programa de financiamento concreto: identificación de ideas, busca de socios, redacción da proposta,…).

c) Material funxible: adquisición de materiais funxibles precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.

d) Gastos de viaxes e aloxamento realizados por persoal da entidade solicitante para a preparación da proposta (desprazamento para reunión con posibles socios do consorcio, asistencia a InfoDays, etc).

e) Establécense os seguintes límites de custo subvencionable:

Convocatorias estatais

Convocatorias internacionais

Proxectos individuais

3.000 €

-

Proxectos en cooperación

Socio: 3.500 €

Socio: 6.000 €

Líder: 6.000 €

Líder 18.000 €

Nota 1. No caso de procedementos con dúas fases, as cantidades da táboa corresponderían a propostas para a última fase. O límite de custo subvencionable aplicable para a primeira das fases sería o 25% da cantidade correspondente.

Nota 2. No caso de proxectos en cooperación en que varios dos socios presenten solicitudes de axuda, a subvención total para un mesmo proxecto non poderá superar os 30.000 euros.

3. Estas subvencións terán unha única anualidade, por tanto, só se admitirán aqueles gastos, dos relacionados no punto 2 que fosen realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2012 e a data límite de xustificación establecida no artigo 6 deste anexo.

Artigo 2. Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes e que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, onde desenvolverán os proxectos para os cales se solicita a axuda.

2. Este réxime de axudas non poderá aplicarse a empresas activas nos sectores da pesca e da agricultura; a axudas á exportación nin a axudas que favorezan os produtos nacionais fronte aos produtos importados; a empresas activas na produción agrícola primaria; a empresas especializadas na transformación e comercialización de produtos agrícolas se o importe da axuda se establece en función do prezo ou da cantidade de produtos dese tipo comprados polos produtores primarios ou comercializados polas empresas afectadas, ou se a concesión da axuda se supedita á obriga de cedela total ou parcialmente a produtores primarios.

3. A axuda só poderá outorgarse a entidades que non estivesen en crise o 1 de xullo de 2008, segundo o disposto no punto 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas publicadas no Diario Oficial de la Unión Europea C 244/2, do 1 de outubro de 2004, ou segundo o disposto no número 7 do artigo 1 do Regulamento (CE) n.º 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto (Regulamento xeral de exención por categorías).

4. Non poderán ter a consideración de beneficiarios aqueles solicitantes que estean suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Contía das subvencións e concorrencia.

1. Para as pemes estas subvencións serán do 70% do custo subvencionable e para as grandes empresas serán do 60% do custo subvencionable.

2. Estas axudas terán que reunir os seguintes requisitos:

a) As axudas recibidas quedan suxeitas á limitación seguinte, de acordo co establecido no artigo 2.2.º do Regulamento (CE) n.º 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis:

O importe da subvención non poderá exceder, xunto coas demais axudas amparadas pola cláusula de minimis percibidas polo beneficiario no último período de tres anos fiscais, o límite de 200.000 euros, agás para as empresas que operen no sector do transporte por estrada que será de 100.000 euros. Estes límites aplicaranse independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido e indistintamente de se a axuda concedida está financiada total ou parcialmente mediante recursos de orixe comunitaria. O período determinarase tomando como referencia os exercicios fiscais utilizados pola empresa no Estado membro correspondente.

b) As axudas que se concedan poden acumularse con outras axudas compatibles ou con outras formas de financiamento comunitario, sempre que se respecten as intensidades de axuda máxima indicadas nas directrices ou nos regulamentos de exención por categorías aplicables. Non poderán acumularse con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión.

Artigo 4. Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse no lugar e prazo que se indican no artigo 3 da orde de convocatoria.

2. As solicitudes estarán compostas polos formularios normalizados e o resto da documentación definida neste artigo. Nalgúns casos a documentación poderá identificarse polo solicitante como información accesible (ver o artigo 7 da convocatoria) de xeito que o órgano xestor das axudas poderá acceder á dita documentación, sen que sexa presentada polo solicitante. É altamente recomendable identificar como accesible toda a documentación posible, polos erros que se evitan ao solicitante, así como pola eficacia e eficiencia que pode acadarse na xestión administrativa. Considerando o anterior, as solicitudes deberán estar compostas pola seguinte documentación:

2.1. Formulario normalizado de solicitude obtido a través da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo/s representante/s legal/is da entidade correspondente.

Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono e fax) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións. Serán responsabilidade exclusiva da entidade solicitante tanto os erros na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de I+D+i de calquera cambio que se producise neles.

2.2. Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión de esas outras axudas.

2.3. Declaración de axudas, amparadas pola cláusula de minimis, obtidas ou solicitadas durante os últimos tres anos, en calquera outra administración, organismos ou entes públicos ou privados. Se for o caso, para as axudas concedidas deberá presentarse copia da resolución de concesión.

2.4. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

2.5. Toda a documentación xustificativa relativa aos criterios de valoración. Non se terán en conta para a valoración aqueles resultados que non estean correctamente xustificados.

2.6. Declaración responsable de estar ao día de pagamentos de obrigas por reintegros de subvencións.

2.7. Documentación xurídico-administrativa da entidade solicitante. Identificarase como información accesible (ver o artigo 7 da convocatoria) ou, en caso contrario, presentarase a seguinte documentación:

2.7.a) NIF da entidade solicitante en vigor.

2.7.b) Documento acreditativo de que a persoa que asina a solicitude representa a entidade solicitante. Poderá xustificarse achegando un certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos necesario para ter personalidade xurídica no cal se identifiquen os representantes ou apoderados da entidade solicitante, así como o alcance da dita representación e vixencia. De non achegarse o dito certificado, deberá entregarse a escritura de constitución da entidade e modificacións, de ser o caso, e a escritura pública de outorgamento do poder ou a do nomeamento do representante. Deben estar en vigor na data de presentación da solicitude e presentarse integramente; ademais, debe figurar expresamente a súa inscrición no rexistro que legalmente lle puider corresponder.

2.7 c) DNI da persoa ou persoas que asinan a solicitude, sen prexuízo do dereito a non presentar este documento segundo o Decreto 255/2008 (DOG n.º 221, do 13 de novembro) no caso de que o interesado o identifique como información accesible (ver o artigo 7 da convocatoria). Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.

2.8. Os certificados acreditativos de estar ao día das obrigas coas administracións públicas (Axencia Estatal, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Administración da Comunidade Autónoma de Galicia) identificaranse como caso xeral como información accesible (ver anexo IV) e non terán que ser presentados aínda que, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización para acceder á dita información, deberá presentar xunto coa solicitude a seguinte documentación, que deberá estar en vigor:

2.8.a) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2.8.b) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2.8.c) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.9. Declaración responsable acerca da veracidade da titularidade da conta bancaria consignando o código do banco, código da sucursal, díxito de control e código da conta corrente no formulario normalizado de solicitude.

Artigo 5. Criterios de valoración.

Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 100 puntos):

a) Carácter da convocatoria a que se concorre. Máximo 28 puntos.

a.1. Ámbito. Máx. 14 puntos.

– Convocatoria estatal: 9 puntos.

– Convocatoria internacional: 14 puntos.

a.2. Modalidade de participación. Máx. 14 puntos.

– Individual: 4 puntos.

– En cooperación: 9 puntos (como socio) e 14 puntos como líder.

b) Características do proxecto: 32 puntos.

b.1. Consorcio. Máx. 18 puntos.

– Tamaño: 5 puntos.

– Participación como socios ou subcontratados de organismos públicos de investigación e centros tecnolóxicos: 9 puntos.

– Participación de pemes: 4 puntos.

b.2. Orzamento. Máx.14 puntos.

– No caso de proxecto en cooperación valorarase, ademais do orzamento total do proxecto, a relación existente entre o orzamento da proposta da entidade e o total do proxecto.

c) Grao de adecuación da proposta ao programa de financiamento a que se vai presentar. Máx. 9 puntos.

d) Resultados previos en termos de retorno acadados con anterioridade. Máx. 5 puntos.

e) Coherencia dos obxectivos coas políticas de innovación para o crecemento empresarial da Xunta en sectores considerados estratéxicos. Máx. 14 puntos.

Neste punto valoraranse especialmente os proxectos presentados ao VII Programa Cadro, Programa CIP ou o Fondo Tecnolóxico xestionado por CDTI.

f) Implicacións ambientais (redución significativa da contaminación ou do consumo enerxético). Máx. 3 puntos.

h) Pola utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita a subvención, de conformidade co establecido no artigo 20.2.º da Lei 9/2007. Máx. 1 punto.

i) Localización do proxecto nas provincias de Lugo ou Ourense (8 puntos).

Artigo 6. Xustificación da subvención.

1. Prazos de xustificación:

Prazo de presentación da documentación xustificativa

31 de outubro de 2012

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados

Desde o 1 de xaneiro de 2012

Ata o 31 de outubro de 2012

2. Documentación:

a) Un resumo da execución do investimento en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados, agrupados por conceptos de gastos.

b) A documentación xustificativa do investimento será orixinal ou copia compulsada das facturas en relación cos gastos subvencionados.

c) Documentación xustificativa do pagamento: orixinal ou fotocopia compulsada de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, agás os gastos realizados en medios de transporte público, aloxamento ou manutención, ao seren gastos de pequena contía pagados xeralmente en efectivo, sempre que o seu importe non supere os 950 €.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, a satisfacción do importe total da factura, así como o concepto a que se refiren.

d) Cando o importe do gasto subvencionable no caso de contratación de servizos ou subministracións iguale ou supere os 18.000 euros, deberán achegarse un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren. Estas excepcións deberán xustificarse. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, achegando unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

e) Custos de persoal:

– Entenderase por persoal propio da empresa o que está vinculado con ela mediante relación laboral, e que, por tanto, figura no réxime xeral da Seguridade Social. Tamén se entenderá por persoal propio aqueles traballadores autónomos que figuran nese réxime especial da Seguridade Social, debido á normativa aplicable aos representantes legais das empresas e os socios traballadores.

– A retribución mensual é o total percibido polo traballador. Non se terán en conta conceptos como gratificacións voluntarias.

– Establécense os custos máximos por categoría profesional para todo tipo de persoal recollidos no anexo VI.

Para a xustificación do persoal destinado ao proxecto, deberá achegarse:

– Certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace do xerente ou director da empresa, que consistirá nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamentos das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total do imputado ao proxecto (retribucións + S.S.) segundo a dedicación de cada traballador a este.

– Un parte de traballo en que figure a dedicación de cada persoa ao proxecto, que deberá recoller a dedicación mensual e as sinaturas dos traballadores co visto e prace do investigador principal do proxecto e do responsable de persoal da empresa ou agrupación de empresas.

– Copia das nóminas do persoal dedicado ao proxecto e orixinal ou copia compulsada dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles.

– Orixinal ou copia compulsada dos boletíns de cotización á Seguridade Social e dos seus xustificantes de pagamento. No caso de traballadores autónomos, deberanse achegar nóminas e xustificantes bancarios do seu pagamento, así como xustificantes de pagamento das cotas á Seguridade Social destes traballadores.

f) Gastos de viaxes:

Unicamente serán financiables os gastos das viaxes relacionadas coa execución do proxecto que fosen realizadas polo persoal incluído no proxecto, que poidan xustificarse mediante a presentación de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Estes gastos deberán xustificarse con:

– Certificación emitida polo responsable do proxecto, co visto e prace do xerente ou do director da empresa, que incluirá unha relación das viaxes realizadas polo persoal asignado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: nome e apelidos; número do seu DNI; posto na empresa das persoas desprazadas; xustificación da necesidade da viaxe; lugar de destino; datas de ida e volta, e conceptos e custos imputados.

– Xustificantes da realización e xustificantes bancarios de pagamento dos gastos imputados para cada unha das viaxes relacionadas na certificación.

– Os gastos de manutención non poderán superar a contía de 55 euros por persoa e día, e os gastos de quilometraxe 0,19 €/km. Será preciso xustificar a necesidade da viaxe para a correcta execución do proxecto.

g) Acreditación da presentación da proposta estatal ou internacional. No suposto de que a data límite para a presentación dos proxectos se situase no primeiro trimestre de 2013, a devandita acreditación poderá ser substituída por unha declaración responsable do representante legal da entidade solicitante acreditativa de tal circunstancia, o que sería suficiente para acadar a fase de recoñecemento de obriga, cumpridos o resto dos requisitos exixidos no artigo 73.a.3) do D.L. 1/1999. A proposta de pagamento poderase tramitar unha vez que se acredite que a solicitude foi admitida a trámite na Administración correspondente.

h) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión desas outras axudas.

k) Declaración de axudas, amparadas pola cláusula de minimis, obtidas ou solicitadas durante os últimos tres anos, en calquera outra Administración, organismos ou entes públicos ou privados. Se for o caso, para as axudas concedidas deberá presentarse copia da resolución de concesión.

2.1. Sen prexuízo da documentación indicada no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2.2. Co fin de facilitar a presentación e revisión da documentación, os modelos para a xustificación da subvención atoparanse no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi (ver en: De interese/Informes e xustificacion do gasto). Así mesmo, é aconsellable presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a redacción deste artigo sen usar grampas, nin espirais, carpetas clasificadoras, peches térmicos, canudos ou arames, asinada polo representante legal da empresa.

Artigo 7. Seguimento.

A entidade beneficiaria da subvención deberá remitir á Dirección Xeral de I+D+i, no mesmo momento en que se produza, unha copia da resolución da solicitude presentada no outro organismo, sexa esta positiva ou negativa.

ANEXO III
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o apoio ao financiamento de proxectos individuais
e os colaborativos de innovación tecnolóxica (proxectos CIT)
(código de procedemento: IN841C)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións.

1. Unha das vías para fomentar o acceso á innovación nas diferentes organizacións destinatarias é a do desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica. Con esta liña de actuación preténdese promover a realización, por parte das empresas, de proxectos de innovación e transferencia de tecnoloxía, que implican a incorporación e adaptación activa de tecnoloxías emerxentes na empresa, así como os procesos de adaptación e mellora de tecnoloxías a novos mercados, incluíndo a aplicación do deseño industrial e enxeñerías de produto e de proceso para a súa mellora tecnolóxica.

O obxecto das subvencións reguladas nestas bases é fomentar a innovación empresarial para aumentar a competitividade das empresas galegas industriais e de servizos. Trátase de impulsar non só as innovacións tecnolóxicas de proceso ou produto senón tamén a implantación de técnicas de xestión da produción, técnicas de márketing ou técnicas loxísticas desde unha perspectiva de innovación aberta onde combinar o coñecemento interno co externo (liña 5.2.1 do Plan I2C). Procurarase a estimulación da innovación aberta dentro do tecido empresarial galego mediante as dinámicas de colaboración nas empresas, co obxectivo de aumentar a súa competitividade activando a valorización do coñecemento e optimizando os investimentos.

Estas subvencións destinaranse á realización dos proxectos de innovación empresarial dentro das seguintes modalidades:

– Innovacións para a xestión:

a) Innovación de organización da produción. Implantación de técnicas de xestión da produción relacionadas co deseño, industrialización e fabricación de produtos.

A innovación en materia de organización debe sempre gardar relación co uso e explotación de tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) co fin de introducir cambios na organización.

b) Innovación de márketing. Implantación de técnicas de márketing destinadas a mellorar a capacidade da empresa nos eidos da distribución, adaptación ao cliente e servizo posvenda.

– Innovación de loxística.

Implantación de técnicas de xestión loxística orientadas a:

– Elaboración de plans loxísticos en que se faga unha análise integral dos procesos.

– A mellora da organización e utilización dos sistemas de información e das tecnoloxías de comunicación en toda a cadea.

– A xestión do fluxo dos bens e produtos rexeitados polo mercado destinados ao procesamento, reciclaxe, reutilización ou destrución.

– Xestión da rastrexabilidade do produto ata a entrega ao cliente final.

– Innovacións tecnolóxicas de proceso ou produto.

a) Innovación de proceso. Implantación de sistemas ou métodos de produción que sexan novos ou significativamente mellorados respecto dos existentes, ou que estean vinculados coa obtención directa ou lanzamento e posta no mercado de produtos ou servizos novos ou moi mellorados.

b) Innovación de produto. Introdución dun ben ou dun servizo novo, ou significativamente mellorado, en canto as súas características ou en canto ao uso ao que se destina.

2. Co desenvolvemento destes proxectos de innovación, as empresas solicitantes deben superar a práctica de simple compra ou adquisición de tecnoloxía (maquinaria, patentes, etc.) e realizar o esforzo por vincular a incorporación e adopción de tecnoloxías adquiridas no mercado con esforzos innovadores propios que favorezan o aproveitamento óptimo delas dentro de cada organización e a mellora da competitividade da nosa comunidade autónoma. En consecuencia, os citados proxectos de innovación, para poderen acollerse a esta convocatoria de subvencións, deberán ter as seguintes características:

a) Non se considerarán innovacións os cambios ou melloras de importancia menor, o aumento das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, os cambios nas prácticas comerciais, ou as relacións exteriores baseadas en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións ou adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a personalización (customisation), os cambios periódicos de carácter estacional ou outros e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

b) A innovación debe representar unha novidade ou mellora substancial con respecto ao estado actual deste campo na industria de Galicia e, así mesmo, comportar un grao evidente de risco.

c) Un proxecto de innovación non debe limitarse á mera adquisición de material inventariable.

3. Establécense dúas modalidades de axuda, en función de que o proxecto o presente unha soa empresa ou varias empresas asociadas, pero en ambas potenciarase o seu desenvolvemento desde unha perspectiva de innovación aberta, aproveitando non só o coñecemento interno senón tamén o externo para a definición e desenvolvemento de proxectos:

a) Proxectos individuais:

Proxectos de innovación tecnolóxica en materia de proceso, produto, loxística e xestión levados a cabo por pemes (pequenas ou medianas empresas), co obxectivo de aumentar a competitividade das empresas galegas e estimular o seu crecemento.

Para este tipo de proxectos só poderán presentar solicitude de subvención as pemes.

O custo subvencionable mínimo do proxecto será de 75.000 euros, por debaixo do cal non será atendida a solicitude de subvención

b) Proxectos en colaboración:

Proxectos de colaboración para a xeración de produtos, procesos ou servizos innovadores entre empresas (pemes e grandes empresas).

Estes proxectos deberán mellorar a posición competitiva das empresas co obxectivo de xuntar os seus potenciais para acceder a novos mercados, especialmente internacionais. O obxectivo desta modalidade é promover a innovación colectiva no tecido empresarial, impulsando a utilización de estratexias de innovación aberta a través da cooperación para acadar a masa crítica suficiente para acometer proxectos de envergadura e reducir custos.

As relacións entre os participantes nun proxecto colaborativo deberán formalizarse documentalmente mediante un contrato, convenio ou acordo en que se establezan os dereitos e obrigas que asume cada parte (distribución de actividades e orzamento, relacións de confidencialidade, propiedade dos resultados, protección legal destes e dereitos económicos, así como explotación comercial dos resultados).

Para este tipo de proxectos poderán presentar solicitude de subvención as pemes e as grandes empresas. Non obstante, no caso de grandes empresas, exíxese que no proxecto en colaboración participe unha ou máis pemes e que a contribución conxunta destas pemes no custo subvencionable do proxecto sexa polo menos dun 30%.

Para que poida considerase que existe colaboración efectiva, as dúas empresas deben ser independentes entre si.

O custo subvencionable mínimo do proxecto no seu conxunto será de 150.000 euros, por debaixo do cal non será atendida a solicitude de subvención.

Durante a realización destes proxectos, as empresas poderán establecer dinámicas de colaboración cos centros tecnolóxicos, as universidades e os centros públicos de investigación e innovación.

Artigo 2. Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases:

– As empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes e que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia onde realicen as actividades susceptibles de obteren axuda.

– As agrupacións de empresas privadas que individualmente reúnan os mesmos requisitos anteriores.

2. As agrupacións de empresas que carezan de personalidade xurídica deberán presentar un proxecto en colaboración entre as empresas pertencentes á agrupación de empresas. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e faranse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención aplicable por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

3. Non poderán ter a consideración de beneficiarios aqueles solicitantes que estean suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Conceptos subvencionables.

1. Para a determinación do custo subvencionable consideraranse como conceptos subvencionables os seguintes:

a) Persoal técnico propio da empresa, sempre que o tempo imputado estea exclusivamente dedicado ao proxecto. Non se considerarán subvencionables os gastos relacionados co persoal que non teña relación contractual laboral coa empresa beneficiaria da subvención.

b) Persoal técnico adicional que contrate a empresa para a realización do proxecto con carácter exclusivo para él (non admitíndose contratacións a tempo parcial) e que no momento da contratación non teña vinculación laboral coa empresa nin a tivese nos dous últimos anos. Na solicitude deberá figurar o perfil requirido para a persoa que se vaia contratar.

No anexo VI establécense os custos máximos por categoría profesional para todo tipo de persoal.

c) Material inventariable: adquisición de equipamentos e instrumental precisos para a realización do proxecto, na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto, e que estean debidamente xustificados. Non se admitirán custos de utilización nin amortizacións. Admitiranse gastos de leasing, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

• Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do activo ao remate do contrato de leasing.

• As cotas de arrendamento deberán comezar posteriormente á data da presentación da solicitude da subvención, e finalizar antes ou ao mesmo tempo que o proxecto obxecto da subvención.

• Nesta modalidade soamente serán subvencionables os custos na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto.

Admitirase a adquisición de bens de equipamento de segunda man sempre que cumpran as seguintes condicións:

– Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que para os mesmos bens non se recibiu ningunha subvención nacional ou comunitaria.

– O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes extremos mediante certificación de taxador independente.

d) Material funxible: adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.

e) Servizos tecnolóxicos externos necesarios para a realización do proxecto debidamente xustificados. Entenderase por servizos tecnolóxicos aquelas actividades que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como:

– Análises e ensaios de laboratorio.

– Enxeñaría para a montaxe e operación.

– Estudos e actividades complementarias.

– Consultorías externas.

Non pode imputarse neste concepto un custo superior ao 20% do total do proxecto.

Se a actividade que se vai realizar forma parte do propio proxecto, deberá ser considerada como subcontratación e non como servizo tecnolóxico externo.

f) Subcontratación. Cando as actuacións contratadas a terceiros supoñan a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto do proxecto, considerarase subcontratación e estará sometida ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 19 da orde de convocatoria.

g) Viaxes realizadas polo persoal asignado ao proxecto.

h) Formación específica impartida por axentes externos. Non se poderá imputar por este concepto máis dun 12% do importe total do proxecto.

2. Non serán considerados como subvencionables os investimentos e gastos seguintes:

a) Adquisición de terreo.

b) Urbanización e obra civil.

c) Adquisición e aluguer de edificios, naves ou locais.

d) Gastos financeiros, salvo o establecido na letra c) do punto anterior para o caso de leasing.

e) Transporte exterior e interior.

f) Mobiliario en xeral.

g) Gastos de auga, luz e teléfono.

h) Redacción do proxecto de obra civil e dirección facultativa.

i) Gastos destinados á implantación e certificación de sistemas de xestión da calidade.

j) Páxinas web e licenzas de software de uso xeral.

k) Custos de persoal directivo, xerencial ou administrativo, así como os do persoal que non estea vinculado coa empresa mediante relación laboral, ou aquel en que a categoría laboral ou posto de traballo que desempeñe na empresa non se corresponda co labor técnico indicado na solicitude.

l) Servizos de mantemento ou garantía adicional sobre os equipamentos adquiridos.

m) Investimentos en activos procedentes de sociedades do mesmo grupo e os custos derivados do uso de consumibles producidos pola propia empresa ou empresas do mesmo grupo empresarial.

n) En caso de innovación en materia de organización, os custos relativos a instrumental e material serán unicamente os do instrumental e material de TIC.

3. Estas subvencións terán, como máximo, tres anualidades contadas desde a anualidade de 2012. Para a anualidade de 2012, só se admitirán aqueles gastos, dos relacionados no punto 1, que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e a data límite de xustificación establecida no artigo 7 deste anexo. Para o resto das anualidades, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de xustificación da anualidade anterior e a data límite de xustificación da anualidade corrente.

Artigo 4. Contía das subvencións e concorrencia.

1. Nos proxectos presentados por pemes estas subvencións serán do 35% do custo subvencionable para pequenas empresas e do 25% para empresas medianas. Nos presentados por grandes empresas as subvencións serán do 15% do custo subvencionable.

2. Para os efectos do establecido no artigo 6.5.º da convocatoria, establécese como límite máximo para o conxunto das axudas acadadas as porcentaxes fixadas no punto anterior, para cada tipo de empresa, medidas en termos de equivalente de subvención bruto (ESB).

Artigo 5. Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse no lugar e prazo que se indican no artigo 3 da orde de convocatoria.

2. As solicitudes estarán compostas polos formularios normalizados e o resto da documentación definida neste artigo. Nalgúns casos a documentación poderá identificarse polo solicitante como información accesible (ver o artigo 7 da convocatoria) de xeito que o órgano xestor das axudas poderá acceder á dita documentación, sen que sexa presentada polo solicitante. É altamente recomendable identificar como accesible toda a documentación posible, polos erros que se evitan ao solicitante, así como pola eficacia e eficiencia que pode acadarse na xestión administrativa. Considerando o anterior, as solicitudes deberán estar compostas pola seguinte documentación:

2.1. Formulario normalizado de solicitude obtido a través da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo/s representante/s legal/is da entidade correspondente.

Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono e fax) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións. Serán responsabilidade exclusiva da entidade solicitante tanto os erros na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de I+D+i de calquera cambio que se producise neles.

2.2. Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión desas outras axudas.

2.3. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007).

2.4. Currículos en formato libre de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto. Estes documentos deberanse engadir obrigatoriamente na aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria.

2.5. Declaración responsable de estar ao día de pagamentos de obrigas por reintegros de subvencións.

2.6. No caso de proxectos con subcontratación, achegarase unha copia do contrato de colaboración, asinado polos representantes legais das partes contratantes ou, na súa falta, unha carta de intencións asinada polos representantes legais e polos investigadores principais, no caso de colaboración con organismos públicos de investigación.

2.7. No caso de proxectos en colaboración, achegarase unha copia do convenio ou acordo en que se establezan os dereitos e obrigas que asume cada parte (distribución de actividades e orzamento, relacións de confidencialidade, propiedade dos resultados, protección legal destes, e dereitos económicos, así como explotación comercial dos resultados).

2.8. Declaración de cumprir os requisitos de pequena, mediana ou grande empresa.

2.9. Declaración responsable acerca da veracidade da titularidade da conta bancaria consignando o código do banco, código da sucursal, díxito de control e código da conta corrente no formulario normalizado de solicitude.

2.10. Informe sobre o efecto incentivador e a necesidade da axuda (só para grandes empresas).

2.11. Documentación xurídico-administrativa da entidade solicitante. Identificarase como información accesible (ver o artigo 7 da convocatoria) ou, en caso contrario, presentarase a seguinte documentación:

2.11.a) NIF da entidade solicitante en vigor.

2.11.b) Documento acreditativo de que a persoa que asina a solicitude representa a entidade solicitante. Poderá xustificarse achegando un certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos necesario para ter personalidade xurídica no cal se identifiquen os representantes ou apoderados da entidade solicitante, así como o alcance da dita representación e vixencia. De non achegarse o dito certificado deberá entregarse a escritura de constitución da entidade e modificacións, de ser o caso, e a escritura pública de outorgamento do poder ou a do nomeamento do representante. Deben estar en vigor na data de presentación da solicitude e presentarse integramente; ademais, debe figurar expresamente a súa inscrición no rexistro que legalmente lle puider corresponder.

2.11.c) DNI da persoa ou persoas que asinan a solicitude, sen prexuízo do dereito a non presentar este documento segundo o Decreto 255/2008 (DOG n.º 221, do 13 de novembro) no caso de que o interesado o identifique como información accesible (ver o artigo 7 da convocatoria). Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.

2.12. Os certificados acreditativos de estar ao día das obrigas coas administracións públicas (Axencia Estatal, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Administración da Comunidade Autónoma de Galicia) identificaranse como caso xeral como información accesible (ver o anexo IV) e non terán que ser presentados, aínda que, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización para acceder á dita información, deberá presentar xunto coa solicitude a seguinte documentación que deberá estar en vigor:

2.12.a) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2.12.b) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2.12.c) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de proxectos en colaboración, a empresa que exerza o papel de líder do proxecto deberá cubrir o formulario completo da solicitude, no cal constarán as empresas participantes nel, responsabilizándose da memoria técnica xeral do proxecto, que unicamente figurará nesta solicitude e que incluirá tamén as actividades que vai desenvolver a empresa líder. Na memoria económica do proxecto, ademais do seu orzamento global, deberá especificar a parte correspondente á súa participación. Igualmente, na citada solicitude deben incorporarse unicamente os currículos dos membros do equipo liderado por ela.

Pola súa parte, o resto das empresas participantes no proxecto só deberán cubrir o formulario de solicitude correspondente, no cal figurará a porcentaxe de participación de cada unha delas e a porcentaxe de subvención será proporcional á de participación.

Artigo 6. Criterios de valoración.

1. A comisión de valoración, nunha primeira fase de avaliación, analizará os proxectos presentados á convocatoria co obxecto de comprobar que reúnen os requisitos técnicos exixidos no artigo 1 deste anexo. Aqueles que non reúnan eses requisitos serán propostos para a súa non admisión e, consecuentemente, non pasarán á fase de valoración posterior.

2. A valoración de cada proxecto, tanto individual como en colaboración, realizarase sobre un total de 100 puntos que se outorgarán atendendo ás seguintes valoracións:

• Unha valoración científico-técnica (48 puntos). A obtención dunha valoración neste punto inferior a 12 puntos será causa de exclusión.

• Unha valoración socioeconómica (44 puntos).

• Aqueles proxectos que estean localizados nas provincias de Lugo ou Ourense acadarán 8 puntos adicionais.

3. De acordo co indicado no punto anterior, cada proxecto en colaboración será tratado como un único proxecto para efectos da súa valoración, polo que se fará unha avaliación conxunta da que, consecuentemente, resultará unha soa valoración.

4. De cada proxecto, tanto individual como en colaboración, o asesor de proxecto fará un informe que conterá una proposta de puntuación científico-técnica e será revisada polo asesor de área. Este fará outro informe con unha proposta de valoración que, se é distinta, a comisión de valoración pode pedir un terceiro informe para tomar a decisión que corresponda para a elaboración da sua proposta.

5. Na valoración científico-técnica teranse en conta os seguintes criterios (máximo 48 puntos):

a) Contido do proxecto (máximo 24 puntos): teranse en conta o grao de coñecemento dos antecedentes en relación coa innovación proposta, o obxecto e obxectivos do proxecto (grao de detalle, claridade, precisión e factores críticos) e o seu interese innovador (interese e beneficios para as empresas, novidades ou melloras substanciais con respecto ao estado actual deste campo na industria galega e mundial, así como a aplicabilidade e posibilidade de transferencia destas novidades ou melloras).

b) Viabilidade tecnolóxica do proxecto (máximo 11 puntos): teranse en conta o plan de traballo (compatibilidade e coherencia cos obxectivos, factores de risco e adecuación dos recursos humanos e materiais).

c) Capacidade da empresa e do equipo humano asignado ao desenvolvemento do proxecto (máximo 9 puntos): teranse en conta a capacidade técnica para o desenvolvemento do proxecto e a experiencia na dirección de proxectos de innovación e na transferencia de resultados de innovación. No caso de contar con subcontratación para o desenvolvemento do proxecto, por non dispor desta capacidade, substituirase esta valoración pola da entidade que prestará estes servizos.

d) Adecuación do orzamento do proxecto (máximo 4 puntos): terase en conta o grao de xustificación do orzamento para cada unha das tipoloxías de gasto ou investimento asociadas ao proxecto.

6. Na valoración socioeconómica teranse en conta os seguintes criterios (máximo 44 puntos).

a) Interese socioeconómico do proxecto, cun máximo de 20 puntos, que se distribuirán do seguinte xeito:

– Coherencia dos obxectivos coas políticas de innovación para o crecemento empresarial da Xunta en sectores considerados estratéxicos (máximo 16 puntos)

– Implicacións ambientais: redución significativa da contaminación ou do consumo enerxético (máximo 2 puntos).

– Incremento de capital humano (máximo 2 puntos).

b) Desenvolvemento dos proxectos desde unha perspectiva de innovación aberta (máximo 5 puntos):

– Participación de OPI e centros tecnolóxicos e outros axentes do Sistema Galego de Innovación potenciando a cooperación entre todos eles (máximo 2 puntos).

– Difusión, na medida do posible, dos resultados acadados no proxecto para potenciar accións futuras que levarán a cabo outras entidades e, así, optimizar o máximo a súa posta en valor (máximo 1 punto).

– Proxectos desenvolvidos en colaboración cun axeitado grao de colaboración e implicación entre as empresas participantes (equilibrio do consorcio) (máximo 2 puntos).

c) Proxectos orientados a mercado, cunha estratexia de comercialización axeitada e ben definida que permita garantir a valorización do investimento: dimensionamento do mercado potencial, identificación das canles de distribución, das normativas legais necesarias para a comercialización (homologacións, etc.) (máximo 5 puntos).

d) Aplicabilidade dos resultados do proxecto: patentabilidade e industrialización dos resultados e impacto sobre a internacionalización da empresa (máximo 4 puntos).

e) Resultados obtidos en proxectos financiados anteriormente pola Dirección Xeral de I+D+i (máximo 3 puntos).

f) Factores que se van potenciar (máximo 6 puntos):

– Participación equilibrada de mulleres no equipamento humano asignado ao desenvolvemento do proxecto (máximo 2 puntos).

– Empresa cualificada como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT) pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar (máximo 1 puntos).

– Número de patentes e modelos de utilidade realizadas pola propia empresa e explotación deles nos últimos cinco anos (máximo 3 puntos).

g) Pola utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita a subvención, de conformidade co establecido no artigo 20.2.º da Lei 9/2007 (máximo 1 punto).

7. Consideraranse subvencionables as solicitudes que acaden unha puntuación total igual ou superior á puntuación media de todas as admitidas a trámite, calculada esta sen ter en conta aquelas que foron excluídas por non acadaren, na valoración científico-técnica, a puntuación mínima establecida no artigo 6.2 deste anexo.

Artigo 7. Xustificación da subvención.

1. Prazos de xustificación:

Prazos de presentación da documentación:

Expedientes plurianuais (1.ª anualidade) ou expedientes dunha única anualidade

31 de outubro de 2012

Expedientes plurianuais (resto de anualidades)

31 de outubro da anualidade de que se trate

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Expedientes plurianuais (1.ª anualidade) ou expedientes dunha única anualidade

Desde a data de presentación da solicitude ata o 31 de outubro

Restantes anualidades (incluída a derradeira)

Desde a data límite de xustificación da anterior anualidade

Ata o 31 de outubro do ano correspondente

2. Documentación:

a) Un resumo da execución do investimento en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados, agrupados por conceptos de gastos.

b) A documentación xustificativa do investimento será orixinal ou copia compulsada das facturas en relación cos gastos subvencionados.

c) Documentación xustificativa do pagamento: orixinal ou fotocopia compulsada de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, agás os gastos realizados en medios de transporte público, aloxamento ou manutención ao seren gastos de pequena contía pagados xeralmente en efectivo, sempre que o seu importe non supere os 950 €.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, a satisfacción do importe total da factura, así como o concepto a que se refiren.

d) Subcontratacións con universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos ou outras empresas, precisas para o proxecto e específicas para o seu desenvolvemento, debidamente pormenorizadas e xustificadas. O custo da subcontratación poderá incluír os conceptos que a seguir se indican:

– Persoal propio. O seu custo non poderá superar o 25% do custo total da subcontratación.

– Persoal adicional técnico-científico que contrate a entidade para a realización do proxecto. A contratación deberá realizarse durante o período de vixencia do proxecto e polo importe concedido para este concepto. O incumprimento das condicións indicadas suporá a minoración da subvención concedida.

– Material inventariable: adquisición de equipamentos e instrumental precisos para a realización do proxecto, na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto.

– Material funxible: adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.

– Servizos tecnolóxicos externos.

– Viaxes relacionadas coa coordinación do proxecto.

Cada un destes conceptos deberá respetar os mesmos requisitos que se lle exixen ao solicitante para cada tipo de gasto.

Deberá achegarse en todos os casos a seguinte documentación:

– Copia compulsada do contrato en que se estableza a citada colaboración, asinado polos representantes legais das partes contratantes, se non o presentou xunto coa solicitude.

– Copia compulsada do contrato de traballo, no caso de persoal adicional contratado, con destino específico ao proxecto.

– Copia compulsada das facturas emitidas pola entidade colaboradora en que figure o título do proxecto financiado e a desagregación por conceptos, acompañadas dos seus correspondentes xustificantes de pagamento.

e) Cando o importe do gasto subvencionable no caso de contratación de servizos ou subministracións iguale ou supere os 18.000 euros, deberán achegarse un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren. Estas excepcións deberán xustificarse. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, achegando unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Nas facturas da maquinaria adquirida deberá figurar, sempre que sexa posible, o correspondente número de licenza.

f) Custos de persoal:

– Entenderase por persoal propio da empresa o que está vinculado con ela mediante relación laboral, e que, por tanto, figura no réxime xeral da Seguridade Social. Tamén se entenderá por persoal propio aqueles traballadores autónomos que figuran nese réxime especial da Seguridade Social debido á normativa aplicable aos representantes legais das empresas e os socios traballadores.

– A retribución mensual é o total percibido polo traballador. Non se terán en conta conceptos como gratificacións voluntarias.

– Establécense os custos máximos por categoría profesional para todo tipo de persoal recollidos no anexo VI.

Para a xustificación do persoal técnico, tanto propio como adicional contratado, destinado ao proxecto, deberá achegarse:

– Certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace do xerente ou director da empresa, que consistirá nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamentos das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total do imputado ao proxecto (retribucións + S.S.) segundo a dedicación de cada traballador a este.

– Un parte de traballo en que figure a dedicación de cada persoa o proxecto, que deberá recoller a dedicación mensual e as sinaturas dos traballadores co visto e prace do seu investigador principal e do responsable de persoal da empresa ou agrupación de empresas.

– Copia das nóminas do persoal dedicado ao proxecto e orixinal ou copia compulsada dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles.

– Orixinal ou copia compulsada dos boletíns de cotización á Seguridade Social e dos seus xustificantes de pagamento. No caso de traballadores autónomos, deberanse achegar nóminas e xustificantes bancarios do seu pagamento, así como xustificantes de pagamento das cotas á Seguridade Social destes traballadores.

– Orixinal ou copia compulsada do contrato de traballo no caso de persoal técnico adicional contratado pola empresa de forma exclusiva para a realización do proxecto. Non serán admitidas contratacións en categorías laborais inferiores ás titulacións indicadas na solicitude, nin contratacións a tempo parcial.

g) Gastos de viaxes:

Unicamente serán financiables os gastos das viaxes relacionadas coa execución do proxecto que fosen realizadas polo persoal incluído no proxecto que poidan xustificarse mediante a presentación de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Estes gastos deberán xustificarse con:

– Certificación emitida polo responsable do proxecto, co visto e prace do xerente ou do director da empresa, que incluirá unha relación das viaxes realizadas polo persoal asignado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: nome e apelidos; número do seu DNI; posto na empresa das persoas desprazadas; xustificación da necesidade da viaxe; lugar de destino; datas de ida e volta e conceptos e custos imputados.

– Xustificantes da realización e xustificantes bancarios de pagamento dos gastos imputados para cada unha das viaxes relacionadas na certificación.

– Os gastos de manutención non poderán superar a contía de 55 euros por persoa e día e os gastos de quilometraxe 0,19 €/km. Será preciso xustificar a necesidade da viaxe para a correcta execución do proxecto.

h) Informe parcial da evolución do proxecto e informe final dos resultados do proxecto, no caso da última anualidade, axustados aos formularios que se publican na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i. Estes informes deberanse presentar acompañados dunha copia en formato word ou pdf e en soporte CD.

i) As empresas deberán presentar na última anualidade unha memoria libre en que se detalle o desenvolvemento do proxecto e os resultados obtidos. Esta memoria deberase presentar acompañada dunha copia en formato word ou pdf e en soporte CD.

j) No caso de proxectos en colaboración, os indicados informes e memorias serán presentados polo líder do proxecto.

k) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión destas outras axudas.

2.1. Sen prexuízo da documentación indicada no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2.2. No caso de proxectos en colaboración, se se produce o incumprimento dun dos socios, a Dirección Xeral de I+D+i estudará a posibilidade de que os restantes proxectos que o integran continúen desenvolvéndose.

2.3. Co fin de facilitar a presentación e revisión da documentación, os modelos para a xustificación da subvención atoparanse no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi (ver en: De interese/Informes e xustificacion do gasto). Así mesmo, é aconsellable presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a redacción deste artigo sen usar grampas, nin espirais, carpetas clasificadoras, peches térmicos, canudos ou arames, asinada polo representante legal da empresa.

ANEXO IV

Definicións e descricións aplicables nesta convocatoria:

1. Canles personalizadas.

2. Equivalente de subvención bruta (ESB).

3. Clasificación dos tipos de empresa (calculo efectivos para a definición de peme).

4. Información accesible.

5.-Presentación electrónica.

6. Diferenza entre subcontratación e servizo tecnolóxico.

7. Proveedores vinculados.

1. Canles personalizadas.

Adicionalmente aos medios de información xeral para todos os interesados, e con independencia dos medios preceptivos de notificación administrativa, a Dirección Xeral de I+D+i poderá pór á disposición dos solicitantes, a partir de que xa teñan presentada a súa solicitude, as seguintes canles personalizadas de actualización da información:

– Envío de correos electrónicos informativos ao enderezo electrónico que para tal fin, e de forma voluntaria, identifique a empresa na súa solicitude.

– Envío de mensaxes curtas de texto (SMS) informativas ao teléfono móbil que para tal fin, e de xeito voluntario, identifique a empresa na súa solicitude.

– O taboleiro electrónico da convocatoria. Este taboleiro electrónico é a canle que permite o acceso restrinxido a través da internet á documentación individual xerada para cada solicitude. Para acceder ao contido do taboleiro electrónico, cada empresa deberá empregar un contrasinal que se xera automaticamente con cada solicitude ao cubrir os formularios, e que vén identificada nos formularios de solicitude coa inscrición: «Código electrónico». O taboleiro electrónico estará dispoñible na mesma páxina da internet na cal se accede aos formularios normalizados da solicitude, agás que por publicación no DOG se remita a outro acceso a través da internet.

– Calquera outra canle que cos medios técnicos dispoñibles durante a vixencia da convocatoria poida implantar a Dirección Xeral de I+D+i en beneficio dos interesados.

2 .Equivalente de subvención bruto (ESB).

Valor actualizado da axuda expresado en porcentaxe do valor actualizado dos custos subvencionables.

3. Definición de peme.

3.1. Condicións para ser peme:

Para a clasificación das empresas segundo o seu tamaño, actuarase de acordo co anexo I do Regulamento (CE) n.º 800/2008 (DOUE do 9 de agosto) sobre definición de microempresas, pequenas e medianas empresas, de acordo cos seguintes criterios:

– Microempresas. As que ocupan a menos de 10 persoas e teñen un volume de negocios anual ou un balance xeral anual que non supera os 2 millóns de euros.

– Pequenas empresas. As que teñen entre 10 e 49 traballadores e posúen un volume de negocios anual ou un balance xeral anual que non supera os 10 millóns de euros.

– Medianas empresas. As que teñen entre 50 e 249 traballadores e posúen un volume de negocios anual que non supera os 50 millóns de euros ou un balance xeral anual que non excede os 43 millóns de euros.

O cómputo dos efectivos de persoal e os límites en caso de empresas asociadas ou vinculadas accionarialmente con terceiras deberá efectuarse como dispón o artigo 6, números 2 e 3, do anexo do citado regulamento da comisión.

3.2. Tipos de empresa considerados para o cálculo dos efectivos e dos importes financeiros:

Existen tres tipos de empresa en función do tipo de relación que manteñen con outras empresas respecto a participación no capital, dereitos de voto ou dereito a exercer unha influencia dominante: empresas autónomas, vinculadas e asociadas.

Tipo 1: Empresa autónoma.

Unha empresa é autónoma se:

– É totalmente independente, é dicir, non ten participación noutras empresas e ningunha empresa ten participación nela.

– Se a empresa ten unha participación inferior ao 25% do capital ou dos dereitos de voto (dos dous, o maior) nunha ou máis empresas e non hai terceiros que teñan intereses do 25% ou máis do capital ou dos dereitos de voto (dos dous, o maior).

Se unha empresa é autónoma, significa que non é nin empresa asociada nin vinculada a outra empresa.

Nota 1: unha empresa pode, porén, recibir a cualificación de autónoma, sen empresas asociadas, aínda que se alcance ou se supere o límite máximo do 25%, cando estean presentes as categorías de investidores seguintes, e a condición de que entre estes, individual ou conxuntamente, e a empresa en cuestión non existan os vínculos descritos no punto seguinte para definir as empresas vinculadas:

a) Sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco, persoas físicas ou grupos de persoas físicas que realicen unha actividade regular de investimento en capital risco (investidores providenciais ou business angels) e invistan fondos propios en empresas sen cotización bolsista, sempre e cando o investimento dos ditos business angels na mesma empresa non supere os 1.250.000 euros.

b) Universidades ou centros de investigación sen fins lucrativos.

c) Investidores institucionais, incluídos os fondos de desenvolvemento rexional.

d) Autoridades locais autónomas cun orzamento anual de menos de 10 millóns de euros e unha poboación inferior a 5.000 habitantes.

Tipo 2: Empresa vinculada.

Considérase que dúas ou máis empresas están vinculadas se teñen algunha das relacións seguintes:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios doutra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control doutra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Hai presunción de que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados na nota 1 anterior non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen perxuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións previstas no parágrafo anterior a través doutra ou doutras empresas, ou cos investidores enumerados na nota 1 anterior, consideraranse tamén vinculadas.

Consideraranse tamén empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou dun grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose «mercado contiguo» o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

Tipo 3: Empresa asociada.

Son empresas asociadas todas as empresas que non se poden cualificar como empresas vinculadas e entre as cales existe a relación seguinte: unha empresa (empresa participante) posúe, por sí soa ou conxuntamente cunha ou máis empresas vinculadas, o 25% ou máis do capital ou dos dereitos de voto doutra empresa (empresa participada). Deben terse en conta as exclusións contidas na nota 1 anterior.

3.3. Determinación dos efectivos, importes financeiros e período de referencia:

3.3.1. Condicións xerais:

– Os datos seleccionados para o cálculo do persoal e os importes financeiros son os correspondentes ao último exercicio contable pechado e calcúlanse sobre unha base anual. Téñense en conta a partir da data en que se pechan as contas. O total de volume de negocios calcularase sen o imposto sobre o valor engadido (IVE) nin tributos indirectos.

– Cando unha empresa, na data de peche das contas, constate que se superaron nun sentido ou noutro, e sobre unha base anual, os límites de efectivos ou financeiros enunciados no número 3.1, esta circunstancia só lle fará adquirir ou perder a calidade de mediana ou pequena empresa, ou de microempresa, se este exceso se produce en dous exercicios consecutivos.

– En empresas de nova creación que non pechasen aínda as súas contas, utilizaranse os datos baseados en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

Efectivos: os efectivos corresponden ao número de unidades de traballo anual (UTA), é dicir, ao número de persoas que traballan na empresa en cuestión ou por conta da dita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, cóntanse como fraccións de UTA. Nos efectivos contabilízanse as categorías seguintes:

a) Asalariados.

b) Persoas que traballan para a empresa, que teñan con ela un vínculo de subordinación e estean asimiladas a asalariados segundo o dereito nacional.

c) Propietarios que dirixen a súa empresa.

d) socios que exerzan unha actividade regular na empresa e desfruten de vantaxes financeiras por parte da empresa.

Os aprendices ou alumnos de formación profesional con contrato de aprendizaxe ou formación profesional non se contabilizarán dentro dos efectivos. Non se contabiliza a duración dos permisos de maternidade ou dos permisos parentais.

3.3.2. Segundo o tipo de empresa:

1. No caso de empresas autónomas, os datos, incluídos os efectivos, determinaranse unicamente sobre a base das contas da dita empresa.

2. Os datos, incluídos os efectivos, dunha empresa con empresas asociadas ou vinculadas, determinaranse sobre a base das contas e demais datos da empresa, ou ben, se existen, sobre a base das contas consolidadas da empresa, ou das contas consolidadas nas cales a empresa estea incluída por consolidación.

Aos datos recollidos no punto primeiro deben agregarse os datos das posibles empresas asociadas coa empresa en cuestión, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a esta. A agregación será proporcional á porcentaxe de participación no capital ou nos dereitos de voto (á máis elevada destas dúas porcentaxes). En caso de participacións cruzadas, aplicarase a porcentaxe máis elevada.

Aos datos recollidos nos puntos primeiro e segundo engadirase o 100% dos datos das empresas que poidan estar directa ou indirectamente vinculadas á empresa en cuestión e que non fosen incluídas nas contas por consolidación.

3. Para os efectos da aplicación do punto 2, os datos das empresas asociadas coa empresa en cuestión deben proceder das contas consolidadas se existen e dos demais datos, aos cales se deberá engadir o 100% dos datos das empresas vinculadas a estas empresas asociadas, salvo se os seus datos xa se incluísen por consolidación.

Para os efectos da aplicación do punto 2, os datos das empresas vinculadas á empresa en cuestión deben proceder das súas contas e dos demais datos consolidados, se existen. A estes deberá agregarse proporcionalmente os datos das empresas que poidan estar asociadas a estas empresas vinculadas, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a estas, salvo se se incluísen xa nas contas consolidadas nunha proporción polo menos equivalente á porcentaxe definida no punto 2, parágrafo segundo.

4. Cando nas contas consolidadas non consten os efectivos dunha empresa dada, calcularanse incorporando de maneira proporcional os datos relativos ás empresas coas cales a empresa estea asociada e engadindo os relativos ás empresas coas que estea vinculada.

Nota 2: organismos públicos.

Con excepción dos casos citados na nota 1 anterior, unha empresa non pode ser considerada como peme se o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto están controlados, directa ou indirectamente, por un ou máis organismos públicos ou colectividades públicas, conxunta ou individualmente.

Para efectos informativos inclúese o enlace á guía elaborada pola Comisión Europea: http://ec.europa.eu/enterprise/policies/sme/files/sme_definition/sme_user_guide_es.pdf

4. Información accesible.

O órgano xestor deste procedemento administrativo facilítalles aos cidadáns o exercicio dos seus dereitos de non presentar documentación que conste na Dirección Xeral de I+D+i ou poida ser obtida polo órgano xestor mediante consulta con outras administracións públicas, coas particularidades que se identifican a continuación.

Para exercer o dereito a non presentar algúns destes documentos debe ser declarada polo solicitante como información accesible, identificando nos formularios normalizados este feito e achegando neles os datos correctos que lle permitan ao órgano xestor acceder á dita información. Os documentos que se poden identificar como accesibles son os seguintes:

– NIF, DNI ou NIE.

– Documento acreditativo do poder de representación.

– Certificados de inexistencia de débedas coa AEAT, a TXSS e a Facenda da comunidade autónoma.

a) Caso xeral, para todos os documentos:

Poderá considerarse información accesible cando o solicitante declare que a dita documentación está en poder da Dirección Xeral de I+D+i, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios normalizados de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o cal foi presentada, e non pasasen máis de cinco anos desde a dita presentación. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992 e no artigo 20.3 da Lei 9/2007.

Tamén poderá facerse uso da información dispoñible no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia, dependente da Consellería de Facenda, no caso das empresas inscritas no dito rexistro.

b) Casos particulares co NIF, DNI e NIE:

Poderá considerarse información accesible cando o solicitante autorice nos formularios normalizados de solicitude que o órgano xestor poida obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (identificador do NIF-NIE-DNI, apelidos e nome ou razón social, e domicilio fiscal), en lugar de presentar estes documentos, comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6.2.b) e no artigo 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

No caso específico do DNI e o NIE, o solicitante tamén poderá prestar o consentimento para que o órgano xestor acceda ao sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) do Ministerio de Administracións Públicas, de conformidade co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos (DOG n.º 221, do 13 de novembro) e coa Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia (DOG núm. 10, do 16 de xaneiro).

c) Caso particular de poder de representación inscritos nun rexistro mercantil:

Poderá considerarse información accesible cando o solicitante identifique nos formularios normalizados que o documento xa está inscrito nun rexistro mercantil, en lugar de presentar o dito documento, accedendo o órgano instrutor á citada información mercantil, sen ningún custo para o solicitante, e comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos e que están en vigor. Será condición necesaria neste caso que os representantes teñan plenos poderes de administración da entidade mercantil tales como a administración única, administración solidaria ou mancomunada, ou mesmo o cargo de conselleiro delegado. Nos formularios de solicitude deberá escollerse entre os indicados o tipo de apoderamento, rexistro mercantil provincial da inscrición e o número da inscrición (1.ª no caso da escritura de constitución, 2.ª, 3.ª, etc.).

Para outros apoderados de entidades mercantís distintos dos anteriores, aínda que dispoñan de poderes xerais ou especiais inscritos nun rexistro mercantil, non poderá acreditarse a súa representación por esta vía dadas as características técnicas da consulta ao rexistro mercantil, tendo que achegar a documentación segundo o indicado no artigo correspondente de cada anexo.

Advírtese que con este procedemento as empresas non teñen que presentar á Xunta de Galicia múltiples escrituras que recollen distintos feitos rexistrais ao longo da vida da sociedade, tales como constitución, modificación de obxecto social, cambio de nome ou denominación social, renovación de cargos, etc., xa que a información facilitada polo Rexistro Mercantil está actualizada incluíndo todos os datos vixentes.

Advírtese que o acceso público á información do rexistro mercantil non está suxeita a autorización polo interesado, mais a Dirección Xeral de I+D+i só accederá á dita información cando o interesado expresamente identifique que non presenta determinada documentación por xa estar inscrita nun rexistro mercantil, sen menoscabo da posibilidade que ten o órgano xestor para comprobar outras circunstancias que poidan concorrer no expediente, como a existencia de declaración concursal, ou outras circunstancias inscritibles que imposibiliten a concesión dunha axuda pública.

Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6.2.b) e no artigo 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

d) Caso particular de certificados de inexistencia de débedas:

Esta documentación ten nun principio a consideración de información accesible, xa que a presentación da solicitude da axuda supón a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda.

Non obstante, o solicitante pode denegar expresamente esta autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os ditos certificados, facéndoo constar nos formularios normalizados de solicitude, tendo entón o solicitante a obriga de obter e presentar a documentación correspondente.

Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007.

Para todos os casos en que se identifique información accesible, no suposto de erros nos datos achegados polo propio solicitante, imposibilidade material de obter a documentación, ou se a información non fose válida, ou con erros ou inexistente, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. Presentación electrónica.

Para a presentación electrónica de solicitudes e demais documentación considerarase o seguinte:

1. Será necesario que o presentador da solicitude sexa a persoa física solicitante ou que teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante, e como tal figure identificado nos formularios normalizados de solicitude.

2. O presentador deberá posuír algún dos seguintes certificados:

– DNI electrónico, conforme co disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

– Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda,

– Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Advírtese que os certificados deben ter exclusivamente atributos de persoa física, polo que se acredita a vontade da dita persoa física, non sendo válidos aqueles certificados electrónicos que ademais están vinculados a persoas xurídicas.

3. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar ao expediente copias dixitalizadas dos documentos que se lles requiren, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. A Administración pública poderá solicitar do correspondente arquivo ou rexistro o cotexo do contido das copias dixitalizadas presentadas. Ante a imposibilidade deste cotexo e con carácter excepcional, poderá requirir ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Tal e como xa se comentou, o solicitante tamén pode identificar determinada documentación como información accesible polo órgano xestor, co que non tería a obriga de presentala.

Para achegar xunto cos formularios normalizados os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF.

A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Unha vez asinados co certificado electrónico do presentador os formularios normalizados e todos os documentos que acompañen a solicitude, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada e, nese momento, empregando as características da aplicación telemática, expedirase un recibo en que quedará constancia do feito da presentación e que poderá ser impreso e gardado polo interesado. A obtención do dito recibo (no que entre outros datos aparecerán a data, a hora e os minutos da presentación e o número de entrada no Rexistro Electrónico) é o que lle garante ao solicitante que a presentación tivo lugar sen erros, e serve para acreditar ante terceiros o dito feito.

4. A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da documentación por parte dunha soa persoa física. No caso de documentación que debe ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a dita documentación ante a Xunta de Galicia. Recoméndase que se xere este documento en formato electrónico coas sinaturas de todos (por exemplo, asinando un PDF coas utilidades de sinatura electrónica Valide ou ecoFirma), ou no seu defecto realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Para efectos meramente informativos inclúense os seguintes enlaces:

https://valide.redsara.es/valide060

https://sede.mityc.gob.es/es-ES/firmaelectronica/Paginas/eCoFirma.aspx

6. Diferenza entre subcontratación e servizo tecnolóxico.

Subcontratación. Actuacións contratadas a terceiros que supoñan a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto do proxecto. Estarán sometidas ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 19 da orde de convocatoria.

Servizos tecnolóxicos. Actividades que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como:

– Análises e ensaios de laboratorio.

– Enxeñaría para a montaxe e operación.

– Estudos e actividades complementarias.

– Consultorías externas.

7. Provedores vinculados.

Para os efectos do disposto no artigo 27.7.d) da Lei de subvencións de Galicia, considerarase que existe vinculación con aquelas persoas físicas ou xurídicas ou agrupacións sen personalidade en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Persoas físicas unidas por relación conxugal ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade, parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou de afinidade ata o segundo.

b) As persoas físicas e xurídicas que teñan unha relación laboral retribuída mediante pagamentos periódicos.

c) Ser membros asociados do beneficiario a que se refire o punto 2 e membros ou partícipes das entidades sen personalidade xurídica a que se refire o punto 3 do artigo 8 da Lei de subvencións de Galicia.

d) Unha sociedade e os seus socios maioritarios ou os seus conselleiros ou administradores, así como os cónxuxes ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade e familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou de afinidade ata o segundo.

e) As sociedades que, de acordo co artigo 4 da Lei 24/1988, do 28 de xullo, reguladora do mercado de valores, reúnan as circunstancias requiridas para formar parte do mesmo grupo.

f) As persoas xurídicas ou agrupacións sen personalidade e os seus representantes legais, patróns ou quen exerza a súa administración, así como os cónxuxes ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade e familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou de afinidade ata o segundo.

g) As persoas xurídicas ou agrupacións sen personalidade e as persoas físicas, xurídicas ou agrupacións sen personalidade que conforme as normas legais, estatutarias ou os acordos contractuais teñan dereito a participar en máis dun cincuenta por cento no beneficio das primeiras.

– No caso de sociedades, o citado artigo 4 da Lei 24/1988, do 28 de xullo, reguladora do mercado de valores, dispón: para os efectos desta lei, aplicarase á definición de grupo de sociedades establecida no artigo 42 do Código de comercio, e a redacción deste citado artigo 42 reflicte o seguinte:

«Existe un grupo cando unha sociedade posúa ou poida posuír, directa ou indirectamente, o control doutra ou doutras. En particular, presumirase que existe control cando unha sociedade, que se cualificará como dominante, se encontre en relación con outra sociedade, que se cualificará como dependente, nalgunha das seguintes situacións:

– Posúa a maioría dos dereitos de voto.

– Teña a facultade de nomear ou destituír a maioría dos membros do órgano de administración.

– Poida dispor, en virtude de acordos celebrados con terceiros, da maioría dos dereitos de voto.

– Teña designado cos seus votos a maioría dos membros do órgano de administración».

ANEXO V

N.º

Denominación

Perspectiva

Fórmula

Puntuación máx.

1

Redes

Desenvolvemento da innovación aberta

Número de redes/plataformas a que se pertence (pertenza a plataformas estatais e europeas)

9

2

Empresas de base tecnolóxica

Desenvolvemento da Innovación aberta

Número de empresas de base tecnolóxica xeradas a raíz das relacións establecidas na plataforma

3

Total perspectiva desenvolvemento da innovación aberta

12

3

Proxectos colaborativos presentados a convocatorias estatais

Proxectos1

Número total proxectos colaborativos estatais presentados Número total de proxectos presentados

7

4

Proxectos colaborativos presentados a convocatorias internacionais

Proxectos

Número total proxectos colaborativos internacionais presentados/número total de proxectos presentados2

7

5

Retorno: orzamento medio dos proxectos colaborativos aprobados

Proxectos

Orzamento total proxectos colaborativos estatais e internacionais aprobados/Núm. total proxectos colaborativos2

15

6

Taxa de éxito de proxectos

Proxectos

Núm. total proxectos colaborativos aprobados/N.º total proxectos colaborativos solicitados

15

7

Transferencia

Proxectos

Importe total contratos de colaboración asinados por empresas da plataforma con universidades, OPI e centros tecnolóxicos no marco dos proxectos colaborativos xerados/Número total de contratos de colaboración asinados

8

8

Internacionalización

Proxectos

Número contratos/Acordos asinados con entidades internacionais para transferir tecnoloxía desenvolvida no marco de proxectos colaborativos da plataforma

7

Total perspectiva proxectos

59

9

Grao de representatividade

Mobilización do sector

Número de empresas «activas»3 adheridas á plataforma/Número de empresas no sector en Galicia

15

10

Participación equilibrada de mulleres

Desenvolvemento da Innovación aberta

Número de mulleres no comité e nos grupos de traballo/Número total de membros

5

Total perspectiva mobilización do sector

20

11

Localización do proxecto nas provincias de Lugo ou Ourense

8

1 «Proxectos»: deben entenderse sempre, en toda a táboa, como proxectos colaborativos en que participen máis de dúas empresas da Plataforma e que se presenten a convocatorias estatais e internacionais (segundo se especifique na epígrafe concreta).

2 Estatais e internacionais.

3 «Activa»: que participe nun grupo de traballo e poida presentarse documentación xustificativa desa participación (ex. asistencia a reunións).

ANEXO VI
Custos máximos por categoría profesional para todo tipo de persoal que se inclúa nas axudas dos diferentes anexos

Titulación

Total anual (soldo bruto + Seguridade Social empresa)

Doutor

35.000,00 €

Máster universitario ou licenciado homologado máster

32.000,00 €

Licenciado, grao ou diplomado

29.000,00 €

FP superior

24.000,00 €

Auxiliar

18.000,00 €

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file