Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 18 de abril de 2012 Páx. 14107

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial da Coruña

ANUNCIO polo que se dá publicidade á aprobación das bases singulares para a xestión por delegación da recadación executiva das sancións de tráfico do Concello da Coruña e aceptación da devandita delegación.

O Pleno desta corporación, na sesión ordinaria que tivo lugar o 29 de abril de 2011, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«44. Aprobar as bases singulares para a xestión por delegación da recadación executiva das sancións de tráfico do Concello da Coruña e aceptación da devandita delegación.

1. Aprobar as bases que se xuntan que regulan singularmente a delegación que o Concello da Coruña realiza na Deputación das facultades en materia de recadación executiva en vía de constrinximento das sancións municipais por infraccións da Lei de tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, da ordenanza municipal de tráfico e demais normativa vixente de aplicación, que sexan instruídas polos órganos competentes do Concello da Coruña e que correspondan a infractores que estean domiciliados noutro termo municipal.

Bases para a prestación do servizo de recadación executiva das sancións municipais de tráfico ao Concello da Coruña.

Primeira. Obxecto da delegación.

A Deputación Provincial da Coruña asume, por delegación expresa do Concello da Coruña, as competencias en materia de recadación executiva das sancións municipais por infraccións que se deduzan da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, ordenanzas municipais e demais normativa vixente de aplicación, que sexan instruídas polos órganos competentes do Concello da Coruña, e que correspondan a infractores que estean domiciliados noutro termo municipal.

Segunda. Alcance do exercicio das competencias delegadas.

A delegación de competencias suporá que a Deputación asumirá a totalidade das funcións e atribucións necesarias para levar a cabo o exercicio das competencias da recadación executiva das sancións municipais de tráfico especificadas na base primeira.

A actuación da Deputación comezará coa notificación das providencias de constrinximento ditadas previamente polo tesoureiro do Concello da Coruña e remitidas por este ao Servizo de Recadación da Deputación. Para estes efectos deberá remitirse á Deputación a documentación e o ficheiro informático que acorden as dúas administracións, que conteña a información necesaria para que poida levar a efecto a xestión obxecto de delegación.

A Deputación Provincial da Coruña levará a cabo o desenvolvemento do procedemento de prema en todas as súas fases, de acordo co disposto na Lei xeral tributaria e o Regulamento xeral de recadación, sen prexuízo das especialidades que afecten a normativa específica de tráfico e seguridade viaria.

En particular, será competencia da Deputación:

• A tramitación, concesión e posterior seguimento de aprazamentos e/ou fraccionamentos de pagamento.

• Declaración de insolvencia e créditos incobrables.

• A suspensión, nos supostos establecidos na normativa de aplicación, do procedemento de constrinximento.

• O desenvolvemento e execución do expediente de constrinximento desde o seu inicio á súa terminación por cobramento, insolvencia ou outros motivos establecidos.

• A práctica de embargos.

Corresponderalle á Tesouraría do Concello da Coruña:

• Ditar e emitir a providencia de constrinximento.

• Resolver os recursos que se presenten contra a providencia de constrinximento.

Terceira. Información da xestión da Deputación ao Concello.

O Concello da Coruña terá acceso, en tempo real, a través dos usuarios que determine, tanto ao seguimento e control da xestión global realizada por delegación súa, como aos seus expedientes individuais. Disporá para estes efectos de todas as posibilidades de consulta que permita a aplicación de xestión da Deputación, dentro do marco establecido pola lexislación xeral sobre protección de datos e a normativa específica que para o seu cumprimento teña aprobada a propia Deputación.

Adicionalmente e con carácter anual, dentro do mes natural seguinte á finalización de cada exercicio, a Deputación renderá estado demostrativo da xestión realizada no ano con indicación de: cargos recibidos, pendente de cobramento do ano anterior, rectificacións de cargo, cobramentos e baixas, devolucións de ingreso e pendente de cobramento ao ano seguinte.

Cuarta. Taxa por prestación dos servizos delegados.

A taxa que ha aboar o Concello da Coruña pola xestión realizada obxecto de delegación nestas bases, será o equivalente á totalidade da recarga do período executivo que corresponda relativo ás sancións que sexan efectivamente recadadas.

Quinta. Liquidación ao concello dos ingresos recadados.

A recadación líquida obtida a favor do Concello da Coruña liquidarase por trimestres. A de cada trimestre será entregada dentro do trimestre inmediatamente seguinte. Na devandita liquidación descontarase a taxa pola prestación do servizo que corresponda, de acordo co establecido na base anterior.

Sexta. Vixencia da delegación.

O prazo de vixencia da delegación de competencias regulada nestas bases será de dez anos contados a partir da entrada en vigor desta.

No entanto, a devandita delegación poderá rematar en calquera momento, por mutuo acordo das partes.

Sétima. Acordos de delegación e aceptación.

O procedemento para formalizar a delegación na Deputación, as competencias e funcións que se detallan nas presentes bases será o seguinte:

1) Acordo de delegación de competencias e aprobación destas bases adoptado polo Pleno do Concello.

2) Publicación do acordo anterior no Boletín Oficial da provincia e traslado deste á Deputación, mediante certificación expedida polo secretario xeral do Concello da Coruña.

3) Acordo adoptado polo Pleno da Deputación, polo que se aproban as bases e aceptan a delegación nos termos destas.

4) Publicación do acordo no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Oitava. Entrada en vigor.

A entrada en vigor da delegación producirase con efectos desde o primeiro día do mes seguinte á última publicación das previstas na base anterior. Poderá afectar a xestión executiva daquelas sancións anteriores á data de entrada en vigor que, estando en vía executiva, se entreguen á Deputación nun prazo para a prescrición, inferior a seis meses.

Novena. Normativa de desenvolvemento.

Habilítase a Presidencia da Deputación para ditar as normas necesarias para o adecuado desenvolvemento das presentes bases e para unha mellor execución das competencias obxecto de delegación.

2. Aceptar a delegación acordada polo Concello da Coruña nas condicións establecidas no devandito acordo e nas bases para a delegación que se achegan.

3. Publicar o seguinte acordo no Boletín Oficial da provincia da Coruña e no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento.

4. A aplicación efectiva da base cuarta quedará condicionada á entrada en vigor da modificación da ordenanza fiscal número 5 desta Deputación relativa á taxa pola prestación dos servizos tributarios».

O que se fai público para xeral coñecemento.

A Coruña, 21 de marzo de 2012.

María Padín Fernández José Luis Almau Supervía
O presidente/PDFR 5.8.2011/ Secretario da Diputación
A vicepresidenta 2.ª Provincial da Coruña