Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 30 de abril de 2012 Páx. 15693

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 27 de abril de 2012 pola que se aproba a convocatoria aberta de propostas de solucións innovadoras para os proxectos de innovación sanitaria Innova Saúde e Hospital 2050 cofinanciados con fondos Feder (Fondo Tecnolóxico).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.19, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia no fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución española.

O Servizo Galego de Saúde mantén un compromiso de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración, ao tempo que mantén os obxectivos de proporcionar a máxima eficacia no ámbito da protección e coidado da saúde de toda a poboación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, tanto a Consellería de Sanidade coma o seu organismo autónomo, identifican a innovación como o eixo sobre o que se articulan as medidas de mellora da calidade asistencial e da eficiencia na organización sanitaria, e así se recoñece na estrutura organizativa coa creación na Consellería de Sanidade, mediante o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

Por outra banda, o Programa Operativo I+D+i por e para o beneficio das Empresas-Fondo Tecnolóxico ten como obxectivo xestionar a asignación adicional do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para actividades de I+D+i, que se aprobou para España nas perspectivas financeiras da Unión Europea para o período 2007-2013. Este programa asigna os seus recursos de acordo con porcentaxes indicativas aprobadas previamente polo Consello Europeo, que van desde o 5% para as denominadas rexións phasing-out ao 80% para as rexións do obxectivo de converxencia.

Dentro das prioridades do dito programa operativo, cabe destacar as actuacións dirixidas á vertebración do sistema que fomenten a cooperación entre universidades, organismos públicos de investigación, centros tecnolóxicos e empresas, e que favorezan a incorporación das pequenas e medianas empresas á actividade innovadora.

O Programa Operativo de Fondo Tecnolóxico creouse coa intención de ser un revulsivo para o comportamento empresarial nas actividades de I+D+i. Para iso, pretende xerar, en primeiro lugar, comportamentos innovadores nas políticas públicas de apoio á investigación e á innovación, e ademais pretende ser un instrumento flexible, capaz de adaptarse aos novos requisitos que neste campo xere a evolución da economía global. De aí a importancia de dotarse dun instrumento que, por una banda, permita estimular eses comportamentos públicos innovadores e, pola outra, permita financiar no seu momento medidas non previstas pero que pola evolución do contorno poidan resultar aconsellables.

Así mesmo, a concentración de fondos nas rexións do obxectivo converxencia, obriga a deseñar actuacións específicas para estas con obxecto de cumprir os obxectivos establecidos no Programa Operativo, sen prexuízo de que tamén se fomenten actuacións noutras rexións ou actuacións de carácter interterritorial.

Dentro destas actuacións específicas enmarcáronse os convenios de colaboración que o Servizo Galego de Saúde asinou co entón Ministerio de Ciencia e Innovación para o desenvolvemento dos proxectos de innovación sanitaria denominados Innova Saúde e Hospital 2050, cofinanciados a través de fondos Feder (Fondo Tecnolóxico).

Na execución destes convenios, a Xunta de Galicia comprometeuse a realizar actuacións administrativas de fomento da innovación, potenciando novos mercados innovadores desde o lado da demanda, a través do emprego da compra pública innovadora, como instrumento de política de innovación cuxo obxectivo final é dinamizar a innovación e a internacionalización mediante a articulación e fortalecemento da demanda tecnolóxica a través da combinación de actuacións de fomento á I+D con actuacións de contratación pública de bens e/ou servizos.

Os proxectos Innova Saúde e Hospital 2050 abranguen 23 subproxectos, que constitúen liñas de traballo en que o Servizo Galego de Saúde identificou necesidades clave, en liña co plan estratéxico 2014 e nas cales financiará actividades de desenvolvemento de novos modelos e produtos para a mellora da calidade e sustentabilidade do sistema sanitario, e para o desenvolvemento de novos produtos e servizos que poden dinamizar a actividade empresarial encol destes proxectos, dentro de modelos de compra pública innovadora.

Como paso previo á definición dos modelos de compra pública innovadora que poida aplicar o Servizo Galego de Saúde, considérase de interese promover unha convocatoria aberta de propostas de solucións innovadoras, como medio para identificar tecnoloxías e solucións de interese para os retos tecnolóxicos que se propoñen nos proxectos Innova Saúde e Hospital 2050.

Neste sentido, o considerando 8 da Directiva 2004/18/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 31 de marzo de 2004, sobre coordinación dos procedementos de adxudicación dos contratos públicos de obras, de subministración e de servizos, recoñece a posibilidade de que antes do lanzamento dun procedemento de adxudicación dun contrato, os poderes adxudicadores poidan mediante un «diálogo técnico» solicitar ou aceptar o asesoramento que poderá empregarse para determinar o prego de condicións, sempre que o dito asesoramento non teña como efecto impedir a competencia.

A presente convocatoria encádrase nas recomendacións da Guía sobre compra pública innovadora, publicada o 8 de xullo de 2011 polo entón Ministerio de Ciencia e Innovación por proposta do Acordo do Consello de Ministros sobre compra pública innovadora, en que se fixa o obxectivo de que esta acade o 3% do investimento da Administración xeral do Estado.

Tendo en conta o anterior, en virtude das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta convocatoria é promover a participación das persoas, físicas ou xurídicas, para a identificación de propostas innovadoras que contribuirán ao proceso de desenvolvemento e execución dos subproxectos incluídos dentro dos proxectos Innova Saúde e Hospital 2050, que se relacionan no anexo á presente orde.

Artigo 2. Participantes.

A convocatoria é aberta e diríxese a persoas físicas ou xurídicas que teñan vontade de participación e de colaboración co Servizo Galego de Saúde para o desenvolvemento destes proxectos, tanto na súa definición e alcance coma no desenvolvemento e innovación tecnolóxica no ámbito sanitario.

A participación na convocatoria non comporta por parte da Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas.

A Administración dará aos participantes un tratamento igualitario e non discriminatorio, e axustará a súa participación ao principio de transparencia.

Artigo 3. Aplicación dos principios da lexislación contractual.

Así mesmo, a participación ou non participación na convocatoria, o diálogo ou contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de non discriminación e transparencia nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia, nin outorgar vantaxes desleais ou dereitos exclusivos non eventuais nos procedementos de contratación que se poidan ulteriormente convocar.

Para estes efectos, o Servizo Galego de Saúde tomará as medidas adecuadas para garantir o mantemento dos indicados principios tanto no desenvolvemento desta convocatoria como en calquera procedemento ulterior de contratación.

En particular, en aplicación dos principios de igualdade de trato e transparencia, comunicarase aos demais participantes, candidatos ou licitadores calquera información pertinente intercambiada no marco desta convocatoria ou como resultado dela, coidarase que as especificacións técnicas se definan respectando o disposto na lexislación de contratos do sector público e procederase ao establecemento de prazos adecuados para a recepción das ofertas e solicitudes de participación tendo en conta o tempo que razoablemente poida ser necesario para preparar aquelas, atendida á complexidade do contrato.

Artigo 4. Presentación das propostas.

A presentación das propostas suxeitarase ás seguintes regras básicas:

1. O Servizo Galego de Saúde establecerá os requisitos e especificacións técnicas relativas aos proxectos Innova Saúde e Hospital 2050, a través das fichas de subproxectos que estarán dispoñibles e serán accesibles a través da páxina web www.sergas.es/H2050-innovasaude

2. As persoas, físicas ou xurídicas, interesadas en participar deberán enviar as súas propostas en lingua galega ou en castelán segundo as fichas que se atopan dispoñibles na páxina web www.sergas.es/H2050-innovasaude. Opcionalmente, poderase acompañar ás fichas a documentación complementaria que xulguen pertinente onde se desenvolva a proposta con maior detalle.

No caso de que unha proposta se presente de forma conxunta por un grupo de persoas ou entidades, deberá identificarse aquela que as represente, para os efectos de interlocución coa Administración.

En todo caso, cada un dos interesados deberá asumir os eventuais custos derivados da súa participación.

3. As propostas remitidas seguirán un modelo que estará dispoñible en formato electrónico no enderezo web www.sergas.es/H2050-innovasaude. Habilitarase unha ficha modelo para cada un dos proxectos, que se enviará por correo electrónico aos seguintes enderezos: h2050@sergas.es para as propostas relacionadas co proxecto Hospital 2050, e innovasaude@sergas.es para as propostas relacionadas co proxecto Innova Saúde. As propostas poderanse presentar en calquera momento durante o período 2012-2015.

4. O Servizo Galego de Saúde estudará as propostas que se presenten e poderá utilizalas no proceso de desenvolvemento e execución dos subproxectos incluídos dentro dos proxectos Innova Saúde e Hospital 2050, tanto na súa definición como alcance. Se se considera de interese, poderanse convocar individualmente participantes concretos para realizar unha presentación máis detallada ou ampliar a información sobre a súa proposta, produto ou servizo. No caso de que a presentación for pública, serán informados disto os demais participantes a través da páxina web habilitada para o efecto.

O intercambio de información derivado da presentación das propostas poderase utilizar, se é o caso, para definir, de acordo co expresado no artigo 117 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, as especificacións funcionais detalladas que se poidan empregar nos procedementos de contratación de bens ou servizos que con posterioridade se poidan convocar.

Para concentrar a actividade administrativa de estudo e selección das propostas que se vaian presentando ao longo do período indicado no punto terceiro, establécense catro momentos que coincidirán co remate dos meses de marzo, xuño, setembro e decembro de cada ano, agás que unha disposición posterior deixe sen efecto ou poña fin a convocatoria a que se refire esta orde.

O Servizo Galego de Saúde reserva para si a facultade de facer públicos os datos anuais das propostas presentadas, tendo en conta o previsto no artigo seguinte, así como aqueloutras que se teñan en conta no proceso de desenvolvemento e execución dos subproxectos.

O Servizo Galego de Saúde, co fin de garantir a transparencia e igualdade de oportunidades entre os participantes dos eventuais procedementos de contratación que se poidan convocar, publicitará a información relativa aos avances na definición de cada subproxecto.

5. O Servizo Galego de Saúde, tendo en conta as propostas e con suxeición ás normas contractuais aplicables, poderá tramitar os procedementos de contratación oportunos para a execución dos proxectos Innova Saúde e Hospital 2050, fundamentalmente a través do uso da compra pública innovadora.

Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde reserva para si a facultade de realizar unha presentación pública das propostas que se teñan en conta no proceso de desenvolvemento e execución dos subproxectos e das achegas realizadas a estes polos distintos participantes, e a darlle a necesaria difusión para o seu público recoñecemento.

Artigo 5. Confidencialidade.

O Servizo Galego de Saúde almacenará os datos de contacto dos participantes no procedemento. Estes datos incluiranse necesariamente nas fichas de proposta, en que se fará constar ademais o seu consentimento expreso e a aceptación das bases da convocatoria, incluída a posibilidade da Administración de difundir a súa participación no procedemento no caso de ser relevante.

Por outra banda, para asegurar a transparencia do proceso, a dispoñibilidade da maior información posible e o intercambio eficaz de experiencias e opinións, os participantes farán constar expresamente a súa vontade conforme para que o Servizo Galego de Saúde manteña accesible e actualizada a información necesaria, total ou parcial, sobre as propostas presentadas.

Sen prexuízo da posibilidade de divulgación das solucións e da definición das especificacións dos subproxectos, a Administración non poderá divulgar a información técnica ou comercial que, se é o caso, fose facilitada polos participantes e estes designasen como confidencial.

Artigo 6. Patentes.

As solucións e especificacións técnicas que se presenten para os subproxectos non poderán mencionar unha fabricación ou unha procedencia determinada ou un procedemento concreto, nin facer referencia a unha marca, a unha patente ou a un tipo, a unha orixe ou a unha produción determinados.

Así mesmo, a participación na convocatoria comporta a cesión ao Servizo Galego de Saúde de calquera dereito de explotación da propiedade intelectual sobre as propostas e solucións presentadas, para os efectos de posibilitar a definición das especificacións técnicas, de acordo co disposto na lexislación de contratos do sector público, a súa difusión, publicación e o seu libre uso por parte do Servizo Galego de Saúde ou de empresas colaboradoras no desenvolvemento de futuros proxectos, todo iso por todo o tempo de duración destes dereitos e sen ningunha limitación territorial.

Disposición adicional primeira. Contratación de proxectos.

Unha vez realizada a definición das especificacións técnicas dos subproxectos co grao de concreción necesario, o Servizo Galego de Saúde poderá iniciar os correspondentes procedementos de contratación segundo o establecido no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, que establece o texto refundido da Lei de contratos do sector público, tendo en conta sempre neles a valoración da innovación e a incorporación de alta tecnoloxía como aspectos positivos.

Nos pregos de cláusulas administrativas e nos contratos adxudicados, nos aspectos relativos á propiedade industrial e intelectual das solucións técnicas da oferta seleccionada, deberán terse en conta os seguintes aspectos:

a) Nos contratos que teñan por obxecto o desenvolvemento e posta á disposición de produtos protexidos por un dereito de propiedade intelectual ou industrial e coa finalidade de manter as expectativas de mercados das empresas innovadoras, poderá establecerse que o adxudicatario reteña a indicada propiedade, pero comportarán como mínimo a cesión de uso á Administración contratante e a posibilidade de modificación das tecnoloxías achegadas para as súas necesidades, garantindo o acceso da Administración ao código de fonte do software, así como a posibilidade para esta de autorizar o uso do correspondente produto aos entes, organismos e entidades pertencentes ao sector público a que se refire o artigo 3.1. Poderá preverse, así mesmo, a revisión das condicións de uso e modificación se no futuro outros clientes conseguen mellores condicións ata a igualación destas.

b) Coa finalidade de facilitar o desenvolvemento rendible das solucións innovadoras para os servizos públicos, nos contratos de investigación e desenvolvemento estableceranse mecanismos acordes a condicións de mercado que permitan compartir coas empresas adxudicatarias os riscos e os beneficios da investigación científica e técnica en proporción á achega realizada pola Administración.

Disposición adicional segunda. Avaliación das propostas e, se é o caso, dos contratos.

Antes da definición das especificacións técnicas pola Administración, solicitase a participación do persoal sanitario susceptible de ser usuario da prestación que se trate para a súa avaliación, sen prexuízo de que tamén poidan participar na avaliación cantos axentes e medios xulgue adecuado o Servizo Galego de Saúde. Así mesmo, nos procedementos de contratación, as solución técnicas e os desenvolvementos tecnolóxicos ofertados polos licitadores serán avaliados desde a perspectiva do indicado persoal a través da solicitude dos informes oportunos.

Disposición derradeira.

O prazo de presentación das propostas comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O peche da convocatoria para os correspondentes subproxectos producirase, unha vez que se acade o grao de definición necesario, por orde da persoa titular da Consellería de Sanidade, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2012.

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO

Subproxectos incluídos nos proxectos de innovación sanitaria Innova Saúde e Hospital 2050:

A) Subproxectos Innova Saúde:

1. Punto de Atención Diagnóstico Terapéutico Móbil.

2. Central de Imaxe Médica.

3. Hospital na Casa.

4. Teleasistencia Multiespecialidade.

5. Fogar Dixital.

6. Paciente experto 2.0.

7. Sistema Intelixente de Alertas Multinivel.

8. Central de Simulación Médica Avanzada.

9. Sistema de Diagnóstico Asistido por Ordenador.

10. Profesional 3.0.

11. Espazo de Innovación en Servizos Asistenciais.

12. Sistema integrado de información e xestión de datos clínicos e epidemiolóxicos.

13. Transferencia e difusión de resultados.

14. Sistema integrado de dixitalización, indexación, custodia e xestión da información clínica.

B) Subproxectos hospital 2050:

1. Urxencias-Sistemas de xestión intelixente.

2. Rastrexabilidade Integral de Pacientes e Recursos.

3. Robotización Hospitalaria.

4. Hospital Autosustentable.

5. Novo HIS 2050-Sistema Integral de Xestión de Pacientes.

6. Cuarto Intelixente.

7. Hospitalización Innovadora.

8. Hospital Dixital Seguro.

9. Preservación da información clínica.

A información relativa aos subproxectos que se relacionan estará ao dispor dos interesados na páxina web www.sergas.es