Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 14 de maio de 2012 Páx. 17862

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 3 de maio de 2012 pola se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas a estudantes universitarios para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2012, co obxecto de coñecer a lingua dese país.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. Nesta liña, con esta orde preténdese continuar a política de bolsas e axudas para a realización de cursos de idiomas no estranxeiro destinadas a estudantes universitarios.

Así mesmo, cabe sinalar que a adaptación do alumnado ao Espazo Europeo de Educación Superior exixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e traballo no contexto internacional; razón pola que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria debe apoiar as iniciativas dos estudantes que poidan contribuír a enriquecer a súa formación académica e científica.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto.

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, 113 axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2012, co obxecto de coñecer a lingua dese país, dirixidas ao alumnado universitario matriculado nalgunha das tres universidades do sistema universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED en Galicia, para o curso 2011/2012.

Artigo 2. Orzamento.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria financiará estas bolsas con cargo á aplicación orzamentaria 15.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, cunha contía global de 124.300 euros.

Artigo 3. Período e dotación da axuda.

1. As actividades para as que se solicita a axuda terán que ser realizadas no período comprendido, única e exclusivamente, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2012.

2. A dotación económica asignada a cada beneficiario será de 1.100 euros.

Artigo 4. Requisitos.

1. Poderán solicitar estas axudas os/as alumnos/as universitarios/as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado/a no curso 2011/2012, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia en estudos conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

b) Ter superado no momento de presentación da solicitude 60 créditos en titulacións de 1.º ciclo ou 120 créditos en titulacións de grao e de 1.º e 2.º ciclo.

c) Teren unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 7,00 puntos, para alumnos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 6,00 puntos, para alumnos da rama de Enxeñaría e Arquitectura. Nota media calculada de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011 entre esta consellería e as universidades galegas.

d) O curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, cun mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.

2. Quedan excluídos desta convocatoria:

a) Os/as alumnos/as que xa resultasen beneficiarios desta axuda en anteriores convocatorias.

b) Os/as alumnos/as que durante o curso 2011/2012 sexan adxudicatarios dunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país no que se está a desenvolver o devandito programa.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. Se a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de que proceda á súa certificación postal.

Non se admitirá como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

3. O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED416A que se publica como anexo I a esta orde, e a declaración responsable necesaria que se publica como anexo II, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa.

4. Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario e da declaración responsable admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede da persoa solicitante ou representante legal.

5. Para a tramitación electrónica do presente procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

No caso de dúbida en relación coa presente convocatoria, poderá facer as súas consultas no enderezo electrónico orientación.sug@edu.xunta.es

6. O formulario de solicitude e a declaración responsable deberán ser cubertos en todos os seus campos sen engadir novos datos, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

7. No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude e da declaración responsable en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, que se presentará asinado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, para a presentación de instancias.

Artigo 6. Documentación que hai que presentar.

A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED416A) e a declaración responsable (anexo II, na que apersoa solicitante debe indicar se ten ou non solicitada ou concedida outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade ante as administracións públicas ou outros entes públicos) presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia xunto coa seguinte documentación:

a) Copia dixitalizada da certificación académica completa emitida pola universidade correspondente, na cal se farán constar as materias ou créditos nos que está matriculado no curso académico 2011-2012 así como a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, publicado no DOG o día 30 de setembro de 2011 por Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011.

Os alumnos que estean cursando estudos de 2.º ciclo de ensinanzas LRU, por acceder desde unha titulación de 1.º ciclo, deberán enviar ademais unha copia dixitalizada da certificación académica relativa ao primeiro ciclo realizado. Igualmente, os alumnos que estean cursando estudos oficiais de grao por accederen desde unha titulación de primeiro ou primeiro e segundo ciclo, deberán presentar unha copia dixitalizada da certificación académica completa na que se inclúa o recoñecemento das materias cursadas nestes.

b) Programa do curso de idiomas para o que se solicita a axuda, no que deberán figuraro centro e lugar de destino, o período de duración, as datas de realización do curso e o número de horas lectivas semanais.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, para a presentación dixitalizada da certificación académica e do programa do curso de idiomas, admitirase igualmente, a presentación da certificación académica orixinal ou copia compulsada desta e o programa do curso, en formato papel, presentándoos nos mesmos termos establecidos no punto 7 do artigo anterior.

Artigo 7. Exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e a documentación presentada polos solicitantes exporanse as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/

2. As listaxes provisionais serán expostas o día 3 de xullo. Os interesados disporán dun prazo de reclamación comprendido desde o día 4 ao 14 de xullo de 2012, ambos os dous incluídos, podendo durante ese prazo formular reclamacións ou emendar erros e falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos na Lei 30/1992.

Artigo 8. Comisión avaliadora.

1. A selección das solicitudes será realizada por unha comisión integrada por:

Presidente: o titular da Secretaría Xeral de Universidades, ou, por delegación, o titular da Subdirección Xeral de Universidades.

Vogais:

O titular do órgano competente en materia de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

O titular do órgano competente en materia de estudantes da Universidade da Coruña.

O titular do órgano competente en materia de estudantes da Universidade de Vigo.

O xefe do servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 9. Selección.

1. A selección será realizada pola comisión avaliadora en atención á cualificación obtida polo/a alumno/a en orde directamente proporcional á nota media do expediente académico obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, publicado no DOG o día 30 de setembro de 2011 por Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011.

No caso de posuír a mesma nota media de expediente académico, terán preferencia para a concesión da axuda aqueles/as alumnos/as que teñan superado un maior número de créditos.

2. Así mesmo, a comisión elaborará unha listaxe de suplentes, por orde de puntuación do seu expediente académico, na que figurarán os solicitantes que, cumprindo os requisitos exixidos na convocatoria, non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatarios da axuda.

3. No suposto de producirse algunha renuncia ou baixa, e tendo en conta o remanente de crédito, procederase a adxudicarlle a axuda a aqueles solicitantes que figuren na listaxe de candidatos suplentes elaborada pola comisión e pola orde que nela aparecen, sempre que presenten a documentación xustificativa de ter realizado o curso, sinalada no artigo 11 desta orde.

4. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións deGalicia.

Artigo 10. Resolución.

1. Unha vez efectuada a selección pola comisión avaliadora, esta elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución na que constarán tres relacións: unha, co alumnado que resulte adxudicatario das axudas; outra segunda, co alumnado ao que lle sexa denegada a axuda por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria; e unha terceira, co alumnado que, reunindo os requisitos exixidos, non acadaron un número de orde que lles permita obter a axuda. Os alumnos incluídos nesta última relación quedarán ordenados de acordo coas súas puntuacións e constituirán a lista de suplentes coa que se irán substituíndo, por rigorosa orde, aos alumnos adxudicatarios que por calquera causa non participen no programa.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo doTribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, que comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución, lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

3. Os solicitantes aos que lles sexa denegada a axuda poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Xustificación, prazo de xustificación e pagamento.

1. Os adxudicatarios que figuran na listaxe de concedidos así como os da listaxe de suplentes, se os houber, presentarán na Secretaría Xeral de Universidades os documentos xustificativos seguintes:

a) Orixinal ou copia compulsada do certificado de asistencia ao curso para o que lle foi concedida a axuda traducido, no caso de estar en lingua estranxeira, a algunha das linguas oficiais desta Comunidade Autónoma e no que se especifique lugar, datas de realización, duración do curso (mínimo tres semanas) e o número de horas lectivas semanais (mínimo 15 horas semanais). Así mesmo, deberán conservar os xustificantes referidos aos gastos de viaxe e custo do curso xa que poderán ser requiridos pola Secretaría Xeral de Universidades, para a verificación das datas, horas lectivas, estadías, etc.

b) Nova declaración responsable (anexo II) actualizada, na cal o solicitante debe indicar se lle foi, ou non, concedida outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade ante as administracións públicas ou outros entes públicos.

2. O prazo de xustificación remata o día 10 de outubro de 2012.

3. As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 12. Incompatibilidades, obrigas e cumprimento dos/as bolseiros /as.

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Os solicitantes polo feito de solicitar esta axuda comprométense a aceptar o contido desta convocatoria e o seu resultado, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades, unha vez finalizada a actividade, a documentación que se solicita no antedito artigo 11.

b) Comunicar por escrito a renuncia á bolsa no caso de producirse unhacausa que determine a dita renuncia.

c) Informar o órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.º k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira.

A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a súa publicidade nos rexistros que, en todo caso, terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.º c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional segunda.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira.

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado deSde o día seguinte ao dasúa publicación, ou directamente mediante un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase ao titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file