Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 16 de maio de 2012 Páx. 18511

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de maio de 2012 pola que se amplía o prazo de xustificación previsto na Orde do 6 de xullo de 2011 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C).

O 15 de xullo de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia n.º 136 a Orde do 6 de xullo de 2011 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C), a cal, no seu artigo 8, punto b, establece os prazos para presentar polos beneficiarios a documentación xustificativa exixida para proceder ao libramento da subvención.

Debido ao seu carácter financiable polo Fondo Social Europeo (FSE), as obrigas exixidas que debe cumprir o beneficiario no citado punto son as recollidas no Regulamento n.º 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión así como as da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación de 2007-2013.

Diante da complexidade dos trámites para a obtención, elaboración e presentación da xustificación exixida ás universidades beneficiarias, na Orde do 24 de novembro de 2011 modificouse o artigo 8 de xeito que se amplía o prazo de xustificación, establecendo como data límite para o segundo pagamento semestral (mensualidades de xuño a novembro) o 20 de decembro da anualidade correspondente; pero séguese mantendo a mesma problemática para o primeiro pagamento semestral de cada anualidade, onde a data límite de xustificación do 31 de maio (mensualidades de decembro a maio inclusive) resulta insuficiente.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Ampliar o prazo de xustificación do primeiro pagamento de cada anualidade ata o 30 de xullo.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria