Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 1 de xuño de 2012 Páx. 21248

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 23 de maio de 2012 pola que se acorda a cesión en propiedade dun portabarcos automotor de 100 toneladas para varada de embarcacións á Confraría de Pescadores de Muros (A Coruña).

A Confraría de Pescadores de Muros, con data do 26 de abril de 2012, solicitou a cesión en propiedade dun (1) portabarcos automotor de 100 toneladas para varada de embarcacións, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e adscrito á Consellería do Medio Rural e do Mar, dispoñible no porto pesqueiro de Muros.

A Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que actúan como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, e o Decreto 50/1989, polo que se aproba o Regulamento da Lei 3/1985, aínda en vigor, exixe que a orde de cesión exprese a finalidade concreta á cal a entidade beneficiaria debe destinar o ben, así como as súas condicións.

Tal é o caso dun (1) portabarcos automotor de 100 toneladas para a varada de embarcacións existente no porto pesqueiro de Muros. A Consellería do Medio Rural e do Mar non vai empregar o dito ben e concorren circunstancias que aconsellan acceder á mencionada solicitude.

Para tal fin, a Consellería do Medio Rural e do Mar tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto na sección 5.ª do capítulo V do título III da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo, en vigor.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Acórdase a cesión en propiedade a favor da Confraría de Pescadores de Muros do seguinte ben moble: un (1) portabarcos automotor de 100 toneladas para varada de embarcacións, situado no porto pesqueiro de Muros.

Identificación do ben cedido:

Fabricante/marca: Marine Travelift.

Modelo: 100 BFM II.

N.º de serie: 3340-1107.

Ano de adquisición: xullo de 2007.

N.º de expediente: 2007-14-157.

Valor total: 407.915 €.

Artigo 2.

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido tal como establecen os artigos 82.1 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, destinarase a fins de utilidade pública ou de interese social da Confraría de Pescadores de Muros, concretamente, á realización de actividades de varada de embarcacións pesqueiras no porto pesqueiro de Muros.

b) Coa cesión outorgaráselle á confraría citada a propiedade do ben moble cedido.

c) Se o ben cedido non se aplicase ao fin sinalado, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

d) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido, así como obter todas as autorizacións precisas para o seu funcionamento de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 3.

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario/a en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira.

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2012.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar