Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 14 de xuño de 2012 Páx. 23278

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 131/2012, do 31 de maio, polo que se modifica o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, foi publicado o 24 de xaneiro de 2012, ben que durante o escaso tempo transcorrido púxose de manifesto a necesidade de introducir algunhas modificacións co obxecto de concretar funcións no ámbito da Secretaría Xeral Técnica, desenvolver as funcións da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, adaptar a denominación dalgúns servizos ás competencias que teñen atribuídas de forma que permitan unha mellor identificación, así como concretar as funcións das xefaturas de coordinación na área do mar dependentes das xefaturas territoriais.

En consecuencia, procede agora aprobar a modificación da estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, tendo en conta o disposto no capítulo II do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, cos informes previos da Consellería de Facenda, da Secretaría Xeral da Igualdade e da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de maio de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1

O artigo 7 queda redactado do seguinte xeito:

«1. A Vicesecretaría Xeral exercerá as competencias e funcións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, todas aquelas que lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e, en particular, as seguintes:

– O apoio técnico e administrativo da Secretaría Xeral Técnica.

– A emisión, baixo a supervisión da Secretaría Xeral Técnica, das directrices, instrucións ou criterios sobre a coordinación do funcionamento do resto dos órganos que integran a Secretaría Xeral Técnica.

– A dirección/coordinación, de conformidade coas instrucións da Secretaría Xeral Técnica, das subdireccións integrantes da Secretaría Xeral Técnica e a coordinación desta última coas secretarías xerais e organismos e entidades dependentes da Consellería.

– A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión.

– O asesoramento e a realización de estudos e informes nas materias de competencia do departamento que lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica.

– A substitución da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante desta.

– A organización da documentación procedente do rexistro.

2. Para o exercicio das súas funcións contará co Servizo de Réxime Patrimonial, ao cal lle corresponde o inventariado, xestión e control dos bens adscritos á Consellería; a xestión e coordinación do parque móbil da Consellería; a xestión e control das comunicacións telefónicas, e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola Secretaría Xeral Técnica».

Artigo 2

O artigo 9 queda redactado do seguinte xeito:

«Á Subdirección Xeral de Coordinación Orzamentaria e Contratación correspóndenlle as funcións de elaboración do anteproxecto de orzamentos da Consellería, a súa execución, o seguimento, a xestión coordinada da contratación administrativa, a xestión económica, a coordinación e o seguimento dos fondos procedentes doutras administracións ou institucións, así como o réxime interior.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades:

1. Servizo de Xestión Orzamentaria, ao que lle corresponde a elaboración, en coordinación cos órganos afectados, do anteproxecto do orzamento da Consellería; a coordinación, supervisión e o seguimento en materia de xestión económica e de execución dos orzamentos, así como a tramitación e o seguimento das modificacións orzamentarias; a habilitación de material e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola Secretaría Xeral Técnica.

2. Servizo de Contratación, ao cal lle corresponde a tramitación, coordinación, supervisión e seguimento da contratación administrativa da Consellería, así como cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola Secretaría Xeral Técnica.

3. Servizo de Planificación, ao que lle corresponde a coordinación, supervisión e seguimento dos fondos da Unión Europea e dos fondos da Administración xeral do Estado, así como cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola Secretaría Xeral Técnica.

Artigo 3

O punto 1 do artigo 13 queda redactado do seguinte xeito:

«1. A Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes exercerá as competencias inherentes á ordenación, fomento e mellora da produción forestal, así como as medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais. Tamén lle corresponden as competencias e funcións atribuídas á Consellería en materia de industrias agrarias e forestais, de promoción e defensa da calidade dos produtos agroalimentarios galegos e o recoñecemento e vixilancia das denominacións de calidade.

Así mesmo, correspóndenlle, no ámbito do sector agrícola, gandeiro, forestal e agroalimentario, as funcións de programación, coordinación e impulso da investigación e a innovación tecnolóxica, en coordinación co departamento desta administración competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, a formación, a transferencia e a adopción dos resultados da investigación; a realización de programas formativos dirixidos ao persoal dependente da Consellería que melloren a súa capacitación e o seu coñecemento técnico no eido agroforestal, sen prexuízo das competencias en materia de formación doutros departamentos desta administración.

Así mesmo, a través dos órganos de dirección que a integran, a que se refiren os artigos 14 e 15, correspóndelle o exercicio das competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, e estruturas rurais.

En relación coas actuacións comprendidas dentro dos ámbitos competenciais de montes e de innovación e industrias agroalimentarias e forestais, e sen prexuízo das funcións que se atribúen á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración».

Artigo 4

O punto 2.1.4 do artigo 13 queda redactado do seguinte xeito:

«2.1.4. Servizo do Medio Forestal, ao cal lle corresponde o seguimento, análise e planificación das accións tendentes á mellora e conservación da saúde e vitalidade das masas forestais, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros departamentos desta administración, realizará a planificación e execución das accións para a mellora e control da calidade do material forestal de reprodución e o control e seguimento da adaptación e resistencia dos bosques fronte ás variacións climáticas».

Artigo 5

O punto 2.5.4 do artigo 13 queda redactado do seguinte xeito:

«2.5.4. Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que exercerá todas as funcións que en materia de experimentación lle sexan encomendadas, especialmente as relativas á ecoloxía de especies autóctonas, á mellora xenética forestal, fitopatoloxía das especies forestais e aos incendios forestais».

Artigo 6

O punto 2.4.1.2. do artigo 17 queda redactado do seguinte xeito:

«2.4.1.2. Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras, ao cal lle corresponde a coordinación, programación e xestión das ensinanzas náutico e marítimo-pesqueiras nos centros dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar; elaboración de estudos sobre funcionamento das ensinanzas e perfeccionamento do profesorado; a elaboración da memoria das actividades dos centros; servir de canle nas relacións entre os centros, a Administración educativa e outras entidades públicas e privadas; programación e execución da formación e a reciclaxe dos/as profesionais do sector; emisión e rexistro das titulacións náuticas de pesca e lecer; e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia pola Dirección Xeral».

Artigo 7

O punto 4 do artigo 18 queda redactado do seguinte xeito:

«4. Na Coruña, Vigo e Celeiro existirá unha xefatura de coordinación da área do mar con nivel orgánico de servizo, á cal, baixo a dependencia das xefaturas territoriais, lle corresponde a coordinación das competencias e do persoal da Consellería na área do mar, así como dos seguintes servizos:

– Servizo de Recursos Mariños, ao cal lle corresponde a tramitación dos títulos habilitantes para o exercicio da pesca, marisqueo e acuicultura, así como a tramitación de solicitudes de apertura, anulacións e peche das zonas de traballo solicitadas polas distintas confrarías de pescadores/as no ámbito dos seus respectivos plans de explotación.

– Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, ao cal lle corresponde tramitar as axudas con cargo a fondos europeos, a tramitación de procedementos de autorización, construción e modernización, os relativos ao Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma e a inscrición, baixas e modificación de datos no Rexistro de Empresas Halioalimentarias».

Disposición transitoria primeira

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a Consellería do Medio Rural e do Mar, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios, ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Consellería e por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto, en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar