Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 18 de xuño de 2012 Páx. 23836

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2012 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 13 de febreiro de 2012, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores, cofinanciadas no 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 2.09, actuación 4, e convocar para 2012 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes: o prazo de presentación de solicitudes da primeira convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de novembro de 2012 ou no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o cal será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es

Terceiro. Créditos: os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2012

Ano 2013

08.A1.741A.7704

1.200.000 €

800.000 €

Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto

Cuarto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Quinto. Os expedientes derivados de solicitudes formuladas conforme as bases reguladoras do Igape para o programa emprendedores, publicadas mediante Resolución do 30 de marzo de 2010 (DOG núm. 65, do 8 de abril), rexeranse en todo caso polas bases aprobadas pola devandita Resolución do 30 de marzo de 2010.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2012

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) aos proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) Galicia 2007-2013

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a alcanzar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade galega.

A necesidade de que as administracións públicas implanten medidas concretas para fomentar o emprendemento e apoiar o emprendedor como axente dinamizador da economía en Galicia, vén dada polo alto grao de representatividade das pequenas e medianas empresas, determinantes do crecemento económico e soporte para a creación de emprego.

O contexto de incerteza actual require, máis que nunca, unha xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos, creando contornas favorables que aceleren e consoliden a actividade emprendedora. Un dos retos actuais para o Goberno de Galicia nos momentos actuais é o crecemento empresarial, para proporcionar unha contorna laboral máis estable, que permita o desenvolvemento dunha economía máis equilibrada. O apoio aos emprendedores é fundamental para que poidan actuar como catalizadores do repunte da nosa economía.

Co obxectivo de estimular e impulsar a recuperación do tecido empresarial na Comunidade Autónoma, fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e favorecer a creación de emprego a través da creación de empresas por parte de novos emprendedores, o Igape desenvolve un sistema de incentivos de apoio a proxectos de ata 500.000 euros de investimento subvencionable.

O Consello da Xunta de Galicia, nas súas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, aprobou o Programa Impulsa-Lugo e o Programa Impulsa-Ourense, respectivamente, nos que se establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio aos investimentos. Dada a situación económica actual en que as provincias de Lugo e Ourense e os concellos de Ferrolterra e A Costa da Morte se viron afectados con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, así como unha menor implantación de novas iniciativas empresariais, considérase fundamental que o Igape, a través das súas liñas de axuda, conceda un nivel superior de intensidade de axuda ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social.

Considerando o carácter básico do Igape como instrumento de promoción eminentemente horizontal e aberto á colaboración cos distintos departamentos da Xunta de Galicia, ademais do previsto nestas e demais bases, poderá xestionar e canalizar cara ao tecido empresarial outras medidas de acordo cos departamentos competentes por razón de materia.

As convocatorias de axuda serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. Estas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito.

Artigo 1. Proxectos subvencionables

Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores para a ampliación do seu novo establecemento que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, entre eles:

a) Que non teñan comezado antes da presentación da solicitude de axuda.

b) Que presenten un custo subvencionable superior a 35.000 euros e non superior a 500.000 euros, que se realizará no prazo de execución do proxecto que se estableza na resolución de concesión; se o custo subvencionable resultase superior a 500.000 euros, o Igape reduciría a base subvencionada a esta cantidade.

c) Que os gastos e/ou investimentos subvencionables terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.

Considérase novo emprendedor, para os efectos destas bases, aquela persoa física que non estea acometendo outra actividade económica por conta propia na data de presentación da solicitude de axuda. Considerarase que non se cumpre esta condición cando unha persoa no momento da solicitude figure de alta no RETA cunha antigüidade superior a un ano ou detente unha participación igual ou superior ao 25% noutra sociedade mercantil.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (CE) 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), en que non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño) e cumpran as seguintes condicións:

1. Composición do capital, no caso de sociedades mercantís:

a) O seu capital terá que atoparse maioritariamente participado pola suma das participacións de persoas físicas que non estean acometendo outras actividades económicas por conta propia na data de presentación da solicitude e das achegas de entidades de capital risco e investidores privados adscritos a unha rede asimilable ás coñecidas como redes de business-angels. Cando da documentación e datos que consten no expediente se observase que se produce continuidade empresarial, por baixa recente (antigüidade menor a un ano) nunha actividade que é igual ou similar á que se propón como nova, ou por razóns que permiten concluír unha continuidade de empresa preexistente, poderase denegar motivadamente a axuda.

b) A participación no capital da empresa de persoas, físicas ou xurídicas, que si estean desenvolvendo outras actividades económicas na data de solicitude, non poderá exceder conxuntamente o 49%. Polo menos unha das persoas físicas cunha participación superior ao 20% no capital e sen outra actividade económica por conta propia á data de solicitude, deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta allea desde a alta de actividade da nova empresa (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude) e ata a fin do período de execución do proxecto.

2. Antigüidade na actividade empresarial:

i) No caso de autónomos a data de alta censual non poderá ter unha antigüidade superior a un ano no momento da solicitude de axuda e deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non desempeñar outra actividade por conta propia ou allea durante o período de execución do proxecto.

ii) No caso de sociedades, tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non poderán ter unha antigüidade superior a un ano no momento da solicitude de axuda.

3. Contribución financeira exenta de axudas públicas:

Os beneficiarios deberán achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

4. Actividades:

4.1. Están excluídas das axudas as seguintes actividades, segundo o Regulamento (CE) 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto):

a) As actividades de produción primaria dos produtos agrarios, e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura regulamentadas polo Regulamento (CE) 104/2000.

– CNAE 09: divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40).

– CNAE 09: grupo 10.2 (todas as clases) e clase 46.38.

b) O sector da industria siderúrxica conforme a definición que recolle o anexo I das directrices comunitarias sobre as axudas de estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08):

– CNAE 09: grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52.

c) O sector de fibras sintéticas conforme a definición que recolle o anexo II das directrices comunitarias sobre as axudas de estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08).

d) O sector do carbón e do aceiro:

– CNAE 09: división 05 (todos os grupos e clases).

e) O sector da construción naval consonte o disposto na comunicación da Comisión DOC 160, do 28 de outubro de 2006:

– CNAE 09: clase 30.11.

4.2. Nos subsectores de hostalaría, restauración e hospedaxe, unicamente serán subvencionables as actividades de restaurantes e de hoteis de dúas estrelas ou superiores.

Artigo 3. Procedemento e réxime de aplicación

3.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro do expediente completo e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto de creación de empresa que, cumprindo os requisitos especificados nestas bases, poidan levar adiante en Galicia novos emprendedores, máis incluso na actual situación de dificultades na economía; así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

3.2. As axudas aos gastos de investimento previstas no artigo 6.1.a) destas bases incardínanse no artigo 13 do Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008, xeral de exención por categorías (DOUE L 214, do 9 de agosto).

3.3. As axudas aos gastos de aprovisionamento e os gastos de alugamento de bens inmobles previstos no artigo 6.1.b) e c) destas bases incardínanse no artigo 14 do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, xeral de exención por categorías (DOUE L 214, do 9 de agosto). No caso de concesión de axudas sobre estes gastos a beneficiarios que superen os límites de pequena empresa establecidos no dito regulamento incardinaranse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro).

3.4. As axudas aos gastos do informe de auditoría previstos no artigo 6.1.d) destas bases incardínanse no artigo 26 do Regulamento nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, de exención por categorías.

3.5. A resolución de concesión determinará os importes de subvención que correspondan a cada epígrafe.

3.6. A subvención aos proxectos estará cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 2.09, actuación 4, e están sometidos ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo de 2006), o Regulamento (CE) 1080/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e o Regulamento 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os gastos subvencionables cumprirán os requisitos establecidos pola Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE núm. 53, do 1 de marzo de 2008).

Artigo 4. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

4.1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto cofinanciada con fondos ou instrumentos da UE, agás coas axudas ou programas de carácter financeiro, como subsidiación ao tipo de xuro, microcréditos, garantías ou préstamos directos.

4.2. Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvencións, sempre que respecten as intensidades de axuda máxima indicadas nestas bases.

4.3. A obtención doutras axudas ou subvencións ao mesmo proxecto deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.

En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto, así como das axudas recibidas en réxime de minimis. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 5. Intensidade da axuda

5.1. Segundo o tipo de gasto subvencionable, a intensidade da axuda concedida non poderá superar:

5.1.1. Para os gastos de investimento:

a) Como regra xeral:

– Ata o 40% para medianas empresas.

– Ata o 50% para pequenas empresas.

– Ata o 30% para empresas do sector do transporte.

b) Axudas ao investimento no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, ata o 50%.

5.1.2. Para os gastos de alugamento a pequenas empresas de recente creación do artigo 14 do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, xeral de exención por categorías, ata o 35% dos custos subvencionables.

5.1.3. Para os gastos de auditoría do artigo 26 do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, xeral de exención por categorías, ata o 50% dos custos subvencionables.

5.1.4. No caso das axudas outorgadas en réxime de minimis aos gastos de aprovisionamento e os gastos de alugamento de bens inmobles concedidos a beneficiarios que superen os límites de pequena empresa, comprobarase que as axudas totais concedidas en réxime de minimis a estes beneficiarios non superarán os 200.000 euros no exercicio corrente e nos dous exercicios anteriores. O límite máximo de axuda total de minimis redúcese a 100.000 euros para as empresas que operen no sector de transporte por estrada.

5.2. Respectando os límites establecidos para cada tipo de gasto no artigo 5.1 anterior, a intensidade de axuda concedida establécese entre un mínimo dun 15% dos gastos subvencionables e un máximo do 50%. A dita intensidade da axuda resultará da aplicación da seguinte fórmula: 15+35×(puntos obtidos/100) da puntuación obtida coa aplicación dos seguintes criterios:

I) En xeral:

a) A localización do proxecto, segundo o anexo III destas bases (0-20 puntos).

b) Compromiso de creación de emprego indefinido por conta allea. Outorgaranse 3 puntos por cada novo emprego que se comprometan a crear. Asignaránselles 2 puntos adicionais se o compromiso relativo a algún dos empregos que se cree nese período pertence a colectivos con dificultades de acceso ao emprego: persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego, persoas desempregadas de máis de 45 anos, mozas e mozos menores de 30 anos, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social ou mulleres. Para acreditar o cumprimento desta condición achegarase copia dos contratos de traballo formalizados rexistrados no SEPE e certificados de vida laboral da empresa ao día de solicitude de axuda e á data límite de execución do proxecto aprobado (0-20 puntos).

c) O sector de actividade a que se dirixe o proxecto (0-20 puntos). Aos proxectos dos sectores relacionados no anexo IV destas bases asignaránselle 20 puntos.

d) O valor engadido medio xerado pola actividade económica en que se vaia encadrar o proxecto (en función da ratio asignable a cada sector de actividade a 2 díxitos), segundo as táboas indicadas no anexo V destas bases (0-20 puntos).

A puntuación vén dada por aplicación da seguinte fórmula: (valor engadido medio do sector × 20)/92,66; sendo 92,66 o valor máis alto do valor engadido bruto/ingresos dos distintos sectores de actividade.

e) A cualificación do proxecto como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (Iebt) polo órgano competente da Xunta de Galicia (10 puntos).

f) A cualificación do plan de empresa presentado xunto á solicitude como emprendedor polo Igape, a través dos servizos de BIC Galicia ou a través de calquera outro axente colaborador co cal o Igape estableza un convenio de colaboración para tal fin. A dita cualificación deberá ter carácter previo á solicitude de axuda. As alteracións no plan de empresa non aceptadas polo Igape poderán supoñer a revogación da cualificación como emprendedor do proxecto (10 puntos).

Os criterios para cualificar un proxecto como emprendedor serán os seguintes:

i) Viabilidade técnica, económico-financeira e comercial.

ii) Aptitude técnica e xerencia dos promotores do proxecto e o seu grao de involucración nel.

iii) Potencialidade de xeración de novos empregos en relación cos recursos requiridos para a súa implantación.

II) Para os proxectos que se implanten nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, municipios da Costa da Morte, municipios da provincia de Lugo e municipios da provincia de Ourense adoptaranse as seguintes medidas de prioridade específica:

1. Nos criterios de determinación do importe da subvención, o criterio de localización puntuarase co valor máximo.

2. Para os proxectos localizados nos mencionados municipios garántese unha axuda mínima do 25% dos custos subvencionables.

Artigo 6. Gastos subvencionables e non subvencionables

6.1. Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido consideraranse integrados na base subvencionable os conceptos seguintes, que reúnen os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE núm. 53, do 1 de marzo de 2008).

a) Investimentos realizados en:

i. Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, suxeitos aos módulos máximos de custo subvencionable que se achegan como anexo VI.

ii. Bens de equipamento: maquinaria de proceso, utensilios, equipamentos informáticos, mobiliario, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. Nos sectores do transporte e loxístico non serán subvencionables os elementos de transporte exterior.

iii. Outros investimentos en activos fixos mobiliarios.

iv. Investimentos en inmobilizado inmaterial: aplicacións informáticas, gastos de investigación e desenvolvemento; propiedade industrial e intelectual, podendo incluír licenzas de fabricación, patentes e o canon fixo de franquías no seu primeiro ano, que cumpran as condicións do artigo 12.2 do Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008, xeral de exención por categorías (DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008).

b) Gastos de aprovisionamentos de materias primas, produtos terminados ou servizos de profesionais independentes necesarios para vender un produto ou servizo. Poden representar ata o 10% do proxecto subvencionado total.

c) Os gastos de alugamento de bens inmobles, ata un prazo máximo dun ano.

d) Os gastos do informe de auditoría a que fai referencia o artigo 17.6º destas bases.

6.2. Serán subvencionables os custos realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión en atención ás características do proxecto para os efectos de cumprimento de todas as condicións da subvención.

Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

6.3. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

6.4. O investimento en inmobles terá que ser mantido no centro de traballo en Galicia durante polo menos cinco anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto e resto do investimento e o emprego tido en conta na concesión polo menos tres anos desde a finalización do dito prazo. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.

6.5. No caso dos activos intanxibles, para seren considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa; 4) deberán incluírse nos activos da empresa.

6.6. Non se subvencionarán os gastos e/ou investimentos cuxo importe sexa superior ao indicado no anexo VI destas bases reguladoras.

6.7. Os investimentos e gastos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución individual correspondente aos investimentos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.

6.8. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán xuntarse ao cuestionario de solicitude, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

6.9. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.

6.10. Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

6.11. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

7.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

7.3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

7.4. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

7.5. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao sistema de verificación de datos de identidade e residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

7.6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 8. Solicitudes

8.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar unha solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario e, no caso de que se conceda a axuda, serán obxecto de acreditación documental nas fases de tramitación en cada caso oportunas e, en calquera caso, previamente a calquera aboamento da axuda.

8.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o cuestionario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

8.3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8.4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, nas cales será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

8.5. Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación, en orixinal ou copia cotexada:

8.5.1. Para todas as solicitudes:

a) Certificado de vida laboral na data de solicitude de axuda dos promotores (persoas físicas) que cumpran a condición de novo emprendedor segundo o artigo 1 das bases reguladoras.

b) Declaración asinada por todos os promotores que, cumprindo as condicións de novo emprendedor, vaian dedicarse en exclusiva ao proxecto empresarial para o que se solicita axuda.

c) Plan de empresa, o cal se debe xuntar como documento ao cuestionario de solicitude.

8.5.2. Para sociedades xa constituídas:

a) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente.

b) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

8.5.3. Para sociedades en constitución:

a) Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.

b) Proxecto de estatutos da sociedade, o cal se debe xuntar como documento ao cuestionario de solicitude.

Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. Para tal fin, a documentación establecida no artigo 8.5.2 anterior terá que ser presentada no Igape no prazo máximo de tres meses desde a presentación da instancia de solicitude (en caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte) e, en todo caso, antes do 31 de decembro do exercicio da convocatoria das bases. Transcorrido o dito prazo sen presentala ou se a documentación presentada fose incorrecta, e logo de requirimento para a súa emenda no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.

8.6. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE e a documentación anexa no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8.7. Así mesmo, os interesados poderán asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante.

Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

e) A documentación acreditativa das circunstancias da empresa establecida no número 5 deste artigo deberá ter sido presentada con anterioridade para o seu cotexo electrónico, e deberá ser identificada polo solicitante na aplicación de soporte ao cuestionario no momento da presentación. Do contrario, o sistema non permitirá a presentación telemática.

f) Os interesados que cumpran os requisitos da letra b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante indicase no formulario normalizado a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE núm. 150, do 23 de xuño) e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

8.8. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizarán a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para isto a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións. Para os efectos de prioridade na resolución terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 10. Entidades colaboradoras

De conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape poderá designar entidades colaboradoras para a xestión da subvención, cumprindo os requisitos do artigo 10 da mencionada lei. As entidades colaboradoras designaranse con base na súa experiencia na xestión de proxectos no eido do emprendedurismo. Non se prevé a constitución de garantía por parte das entidades colaboradoras salvo que a colaboración inclúa o aboamento directo das subvencións; neste caso prevese que as entidades previstas no artigo 13.4º da Lei de subvencións no procedemento de selección constituirán garantía polo 1% do orzamento previsto.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

11.1. A solicitude de axuda será examinada polos servizos técnicos do Igape ou das súas entidades colaboradoras, en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no cuestionario.

11.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o cuestionario non reúnen algunha das informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 7.4º destas bases resulta que o solicitante non se atopa ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

11.3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

11.4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, en que se indicarán as causas desta.

11.5. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 12. Resolución

12.1. Unha vez examinada a solicitude, a proposta de resolución será elevada ao titular da dirección xeral do Igape. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

12.2. Na resolución de concesión de axuda, farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Consellería de Economía e Industria, así como polo Feder. Así mesmo, os beneficiarios serán informados de que a aceptación da subvención implica a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

12.3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

12.4. Os beneficiarios das axudas terán un prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión para a súa aceptación cubrindo a dilixencia de aceptación segundo o modelo normalizado establecido polo Igape. Unha vez transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

12.5. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación.

12.6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses desde a presentación da solicitude completa no Igape, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Notificacións

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Modificación da resolución

15.1. Poderanse solicitar modificacións da resolución, tramitando o cuestionario sinalado no artigo 8 destas bases e presentando a súa instancia dirixida ao director do Instituto Galego de Promoción Económica. A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima de tres meses ao vencemento do prazo de execución do proxecto. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

15.1.1. En ningún caso a modificación poderá supoñer a elevación da contía da base subvencionable e da axuda inicialmente aprobada, nin se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50% do gasto subvencionable inicialmente aprobado.

15.2. Sen necesidade de instar procedemento de incumprimento ou modificación da subvención, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20% de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e manter os investimentos en inmobles durante polo menos cinco anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto e manter o resto de investimentos e o emprego tido en conta na concesión durante polo menos tres anos desde a finalización do dito prazo. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, o cesamento da actividade ou os postos de traballo. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e será obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. O beneficiario deberá conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do Programa operativo Feder 2007-2013 de Galicia, tal como se define no artigo 89, punto 3, do Regulamento 1083/2006 do Consello.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes establecidas no punto 5.1 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, durante polo menos un período de tres anos a partir do peche do Programa operativo Feder de Galicia 2007-2013, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

g) Darlle publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Consellería de Economía e Industria, e o Feder, así como lendas relativas ao financiamento público nos postos, carteis, placas conmemorativas, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión máis alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas noutros medios de comunicación, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria, se é o caso, que sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro e no Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG núm. 227, do 19 de novembro) así como as instrucións contidas no manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es

h) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 846/2009, da Comisión, do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na «Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013», que pode consultarse na páxina web www.conselleriadefacenda.es

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación da subvención

17.1. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo dun mes desde o remate do prazo de execución establecido na resolución de concesión sen que nunca poida exceder do 30 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión (en caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte), excepto no caso de presentación de recurso administrativo no que a data límite se establecerá na resolución que o resolva.

17.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o cuestionario de liquidación a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL), que identificará univocamente o cuestionario de liquidación. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente. Este cuestionario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

17.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo II, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido, no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, previo requirimento formulado para tal fin.

17.4. O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.7, e que a documentación que se xunte á solicitude de cobramento sexa apta para a súa presentación telemática.

Neste último caso, a aplicación de xeración de cuestionarios de liquidación permitirá xuntar estes documentos e remitilos electronicamente.

17.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2º do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.6. Xunto coa solicitude de cobramento o beneficiario da axuda presentará un informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores sobre a conta xustificativa presentada polo beneficiario, con pronunciamento expreso sobre a existencia e veracidade da documentación xustificativa relacionada a continuación:

A conta xustificativa, segundo o cuestionario de liquidación, contará cos seguintes elementos:

1º. Unha memoria técnica que acredite a realización da actuación.

2º. Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

1) Fichas xustificativas normalizadas dos gastos e pagamentos realizados (os documentos orixinais acreditativos do gasto e do pagamento quedarán en poder dos beneficiarios, á disposición dos órganos de comprobación e control, ata a total prescrición dos dereitos da Administración segundo o establecido no artigo 90 do Regulamento (CE) núm. 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo, debendo indicar o beneficiario o lugar de custodia e depósito da documentación orixinal).

Os beneficiarios deberán xuntar ao cuestionario de liquidación as copias dixitalizadas dos seguintes documentos, nos cales será visible o estampillado e visado por parte do auditor que emite informe sobre a conta xustificativa:

a) Xustificantes do gasto da actividade: as facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente. No caso de construción de inmobles requirirase escritura pública, de acordo co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

b) Xustificantes do pagamento das facturas:

– Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo na conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira.

– Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do período de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Só se admitirán os pagamentos en efectivo para importes inferiores aos 1.000 euros por provedor.

– No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar a relación destas.

– No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento debe realizarse sempre mediante a achega do correspondente extracto bancario que irá acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín do provedor.

– As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dalgún destes xustificantes de tipo de cambio a euros:

• Documentos bancarios de cargo en euros en que conste o tipo de cambio empregado.

• Cotización oficial publicada polo Banco de España ou Banco Central Europeo correspondente á data do pagamento da factura.

• Para outros tipos de cambio atenderase a tipos de cambio do mercado de divisas na data do pagamento das facturas.

2) De ser o caso, a relación detallada doutros ingresos ou subvencións percibidas que financiasen a actividade incentivada, con indicación do seu importe e procedencia.

3º. Un informe realizado por un auditor de contas inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas. Nel efectuarase unha verificación de que os investimentos e os gastos realizados se corresponden cos aprobados na resolución de concesión da axuda. A actuación dos auditores de contas, para a elaboración do citado informe rexerase polo disposto na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio.

4º. Incluirase a acreditación do cumprimento das normas de publicidade exixidas tanto pola normativa galega de subvencións como polos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro. Para este efecto achegarase a copia en formato dixital, que permita a súa lectura, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 16.g) destas bases. Os documentos que sirvan para verificar o cumprimento deste requisito estarán selados polo auditor e anexaranse á lista de comprobación Feder.

5º. O certificado de vida laboral durante o período de execución do proxecto do promotor, expedido pola administración competente, para acreditar a xustificación da dedicación plena á actividade empresarial.

6º. O certificado do secretario do consello de administración ou persoa con poder suficiente, que indique a composición do capital e as súas modificacións durante o período de execución do proxecto, achegando, se é o caso, as escrituras correspondentes, para os efectos de acreditar que a composición accionarial do beneficiario durante o período de execución do proxecto se axustou ao disposto no artigo 2 destas bases.

7º. A alta censual da empresa ou último recibo do IAE pagado na actividade subvencionada.

8º. Se é o caso, contrato de alugamento a nome do titular do expediente, en que se faga constar que o ben se destinará ao fin concreto para o que se concedeu a subvención. No caso de que entre a base subvencionable figuren investimentos que pola súa natureza se incorporen definitivamente ao inmoble arrendado (reformas etc.), o contrato de arrendamento deberá outorgarse por un período mínimo de cinco anos contados desde o remate do prazo de execución do proxecto, adicionais ao período subvencionable.

9º. Licenza de apertura e acreditación polo beneficiario de ter obtido as autorizacións administrativas que, de ser o caso, correspondan ao seu proxecto.

10º. No caso de creación de emprego indefinido por conta allea, copia dos contratos de traballo formalizados rexistrados no SEPE e certificados de vida laboral da empresa no día de solicitude de axuda do ano de convocatoria da axuda e na data límite de execución do proxecto aprobado.

11º. A copia simple dos libros de contabilidade onde se reflictan os custos subvencionados xunto coa declaración responsable do beneficiario de que estes reflicten a realidade contable da operación subvencionada. Aquelas entidades que non teñan obriga de levar libros de contabilidade, debe acreditarse a non obrigatoriedade mediante o pertinente documento expedido pola Axencia Tributaria.

12º. Calquera outra documentación que o Igape considere necesaria para a correcta análise da solicitude de cobramento, sinalada na resolución de concesión.

17.7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

17.8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 18. Aboamento das axudas

18.1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

18.2. Os órganos competentes do Igape ou as súas entidades colaboradoras poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

18.3. Sen necesidade de iniciar procedemento de reintegro, no caso de que o beneficiario xustifique gastos por importe inferior ao establecido na resolución de concesión, e sempre e cando o gasto xustificado iguale ou supere o 50% do gasto subvencionable establecido, non desvirtúe o proxecto aprobado e o beneficiario manifeste a súa conformidade, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

Artigo 19. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

19.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

19.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

19.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se e o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Non será necesario iniciar procedemento de incumprimento cando se xustifiquen gastos por importe inferior ao aprobado na resolución de concesión, sempre que non sexan inferiores ao 50% deste, que a minoración non desvirtúe o proxecto, que se cumpran o resto das condicións da resolución e que o beneficiario manifeste a súa conformidade coa minoración proporcional da subvención en función dos gastos xustificados.

c) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

19.4. Poderase considerar plenamente xustificada a subvención no proceso de comprobación cando o Igape constate que os gastos efectivamente xustificados sexan inferiores á contía do importe subvencionado e esta diferenza dese lugar a unha minoración no importe da subvención ou no importe que se reintegrará inferior a 30 euros ou á contía que para eses efectos fixe a consellería competente.

19.5. En todo caso, cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución, omitíndose o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o Igape poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros e sen que a aceptación das alteracións exima o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Comprobación de subvencións

22.1. O órgano concedente e as súas entidades colaboradoras comprobarán a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de tres anos posteriores ao peche do Programa operativo Feder 2007-2013 de Galicia, tal como se define no artigo 89, número 3, do Regulamento 1083/2006, do Consello.

22.2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

22.3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Publicidade

23.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

23.2. De acordo co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es, e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios.

A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE, no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5 do 28.12.2006), no Regulamento (CE) 1083/2006, Regulamento xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) 846/2009), no Regulamento (CE) 1080/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file