Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 22 de xuño de 2012 Páx. 24949

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2012 pola que se convoca o Curso superior de técnico de urbanismo 2012.

Conforme os fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca o Curso superior de técnico de urbanismo 2012.

1. Obxectivos.

O curso pretende que os alumnos adquiran os coñecementos teórico-prácticos e as habilidades que os capaciten para actuar no mundo da ordenación do territorio e do urbanismo e para responsabilizarse dos procesos de xestión do solo. Para tal efecto, partirase da análise e do estudo pormenorizado da normativa de ordenación do territorio e urbanística, con especial atención á autonómica galega, combinando o estudo dos fundamentos teóricos cunha completa formación práctica que se fai imprescindible no ámbito da ordenación do territorio e do urbanismo.

2. Contido.

O curso estrutúrase nos seguintes módulos:

Módulo I. A escala territorial (44 horas teóricas e 44 horas prácticas).

Módulo II. O planeamento urbanístico (44 horas teóricas e 44 horas prácticas).

Módulo III. Xestión e disciplina urbanística (60 horas teóricas e 28 horas prácticas).

Módulo IV. A ordenación do territorio e o urbanismo no dereito comparado (16 horas teóricas e 8 horas prácticas).

3. Prazas: 40.

4. Destinatarios.

4.1. A metade das prazas (20) ten como destinatarios os empregados/as públicos/as das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, e das universidades do sistema universitario de Galicia que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico que se encadre nalgunha das seguintes categorías:

4.1.1. Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

4.1.2. Pertencer aos grupos I e II do persoal laboral.

4.1.3. Persoal eventual que acredite a súa condición co correspondente nomeamento específico.

Este curso valoraráselles con 1,5 puntos a aqueles/as alumnos/as que fosen considerados aptos á súa finalización e, polo tanto, teñan dereito ao certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento de Administración local, en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994, e conforme co establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52, do 16 de marzo).

4.2. Poderán optar á outra metade das prazas (20) o persoal contratado polas administracións públicas cun contrato de servizos ou equivalente, así como os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

As prazas de calquera dos grupos que non se cubran na súa totalidade acumularanse ás do outro.

5. Pagamento da matrícula.

5.1. O importe da matrícula é de mil novecentos oitenta euros (1.980 €), para todos aqueles solicitantes que cumpran as condicións prescritas no punto 4.1 e que no desenvolvemento do seu traballo habitual realicen tarefas que estean vinculadas directamente co urbanismo.

O importe anterior poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 60% do total (1.188 €) pagarase ao matricularse e o 40% restante (792 €) farase efectivo entre o 1 e o 15 de febreiro de 2013.

5.2. O importe da matrícula é de tres mil novecentos sesenta euros (3.960 €) para os demais solicitantes.

Igual que no número anterior, este importe poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 60% do total (2.376 €) pagarase ao matricularse e o 40% restante (1.584 €) farase efectivo entre o 1 e o 15 de febreiro de 2013.

O pagamento da matrícula deberá efectuarse dentro dos 5 días seguintes ao da comunicación por parte da EGAP da aceptación do alumno no curso.

6. Forma de pagamento.

A EGAP comunicaralle ao alumnado admitido no curso o prazo así como o modo para a formalización da matrícula.

A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

7. Incumprimento dos prazos de pagamento.

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición, dentro dos prazos marcados para cada caso, perderán a súa condición de alumnos deste curso e non terán dereito á devolución das contías ingresadas con anterioridade.

8. Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo para a inscrición será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Para se inscribiren, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que para ese efecto figurará na páxina web da EGAP, no seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/cursoUrbanismo

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

8.1. Se os peticionarios son os referidos no número 4.1:

8.1.1. Certificación pública descritiva das funcións que desenvolve no posto de traballo, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da administración en que presta os seus servizos.

8.1.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

8.2. Se os peticionarios son os referidos no número 4.2:

8.2.1. Orixinal ou copia debidamente cotexada da titulación de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

8.2.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa orixinal terá que estar debidamente compulsada.

Todos os méritos alegados deberán acreditarse seguindo a orde establecida nesta convocatoria, presentando a documentación exixida numerada nos termos desta. Non cumprir nos referidos termos suporá a non valoración destes.

Poderase pedir a aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente acreditados. A non presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do solicitante previamente seleccionado.

9. Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente designada para este efecto, cuxa composición será publicada no portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con discrecionalidade técnica e independencia con respecto aos órganos directivos da EGAP.

Os criterios selectivos para a admisión neste curso serán os seguintes:

9.1. Para os solicitantes incluídos no número 4.1 valoraranse:

9.1.1. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.1.

9.1.2. Formación:

9.1.2.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

9.1.2.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.1.3. Outros méritos:

9.1.3.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionadas coa materia do curso.

9.1.3.2. Premios e bolsas relacionados coa materia do curso.

Todos os méritos alegados deberán acreditarse nos termos consignados e serán achegados seguindo a orde establecida nesta convocatoria, presentando a documentación exixida numerada nos termos da mesma. Non cumprir nos referidos termos suporá a non valoración destes.

En todo caso, esta convocatoria rexerase subsidiariamente polos criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro de 2008).

9.2. Para os solicitantes incluídos no número 4.2 valoraranse:

9.2.1. Experiencia profesional. Terán prioridade aqueles solicitantes que acrediten mediante certificación emitida polo organismo ou entidade contratante e/ou, de ser o caso, mediante copia do contrato, que a súa actividade profesional actual ten relación directa coa materia do curso. Para estes efectos, consideraranse como méritos sobranceiros os seguintes:

9.2.1.1. Figurar como redactor de planeamentos xerais ou de desenvolvemento ou de instrumentos de ordenación do territorio.

9.2.1.2. Ser redactores individuais ou pertencer a equipos de redacción de plans sectoriais (ambiente, culturais etc.)

9.2.1.3. Contratos con institucións ou entidades públicas ou privadas que acrediten actividade relacionada co obxecto do curso. Neste caso deberá acreditarse a data de inicio e finalización do contrato.

9.2.1.4. Ditames ou informes que teñan como obxecto principal cuestións relacionadas coa ordenación do territorio ou urbanismo.

9.2.2. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.1.

9.2.3. Formación:

9.2.3.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos entre 40 e 200 horas e relacionados coa materia do curso.

9.2.3.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.2.4. Outros méritos.

9.2.4.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionados coa materia do curso.

9.2.4.2. Premios e bolsas relacionados coa materia do curso.

A comisión poderá establecer cotas para garantir o carácter interdisciplinario e interadministrativo nos grupos de traballo que se establezan, de acordo coas solicitudes recibidas. Así mesmo, resolverá as alegacións e reclamacións que se puidesen suscitar.

10. Publicación da lista de seleccionados e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es/). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6 b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Lista de espera.

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia no proceso selectivo para cubrir as posibles vacantes daquelas persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das súas primeiras vinte e catro horas lectivas. As persoas que non figuren na dita lista de espera, ou ben se encontran nun posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das causas establecidas nas bases da convocatoria.

12. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, os alumnos deberán presentar dous traballos e superar catro exames tipo test. Un dos traballos farase en grupo e elaborarase baixo a dirección dos monitores dos obradoiros durante o período docente; o traballo individual tratará sobre unha materia relacionada coa actividade obxecto do curso. A proposta de titor e de título do traballo individual deberá ser aprobada previamente polos directores do curso. Ambos os traballos serán obxecto de exposición pública e o traballo individual será avaliado por un tribunal designado para o efecto.

O prazo de entrega dos traballos fixarase durante a realización do curso e será comunicado aos alumnos coa suficiente antelación. Se tras a exposición pública do traballo individual o tribunal considera que non ten unha calidade mínima, o alumno poderá presentar de novo o traballo unha única vez na data en que a dirección do curso lle indique.

Ao remate de cada módulo os alumnos deberán superar un test de 25 preguntas con 4 posibles respostas, das que deberán escoller unha, valoraranse negativamente as erróneas e exixirase un mínimo do 60% do total de preguntas acertadas para a superación do test. Os alumnos deberán aprobar a totalidade dos exames para obter o certificado de aproveitamento. Os que non superen algún dos exames poderán presentarse unha segunda vez antes da lectura do traballo individual. Os que non superen a totalidade dos exames poderán presentarse de novo na seguinte convocatoria do curso.

Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, pero baixo ningún concepto poderá superar o 15% das horas lectivas. Toda ausencia deberá ser sempre motivada e xustificada ante a EGAP.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

13. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid 2-4, Polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, entre o 27 de setembro de 2012 e o 13 de xuño de 2013.

Terá unha duración de 288 horas, que se distribuirán a razón de oito horas por semana, ordinariamente os xoves de 10.00 a 14.30 h e de 16.00 a 20.00 h. A duración do traballo individual cífrase en 62 horas, polo que no certificado final consignaranse 350 horas.

Durante a realización deste curso levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para o efecto. Os alumnos terán que acreditar mediante a súa sinatura a asistencia a cada unha das sesións académicas e ao obradoiro.

14. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa e de resolver as cuestións que puidesen xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo (se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización).

Correspóndelle á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que se poidan producir durante o desenvolvemento do curso.

A realización deste curso queda condicionada á formalización de matrículas, así como ao pagamento de cando menos o seu primeiro prazo, por un importe que a dirección da EGAP considere suficiente para o financiamento do curso. No caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, a EGAP procederá á devolución das cantidades aboadas.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2012

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública