Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 27 de xuño de 2012 Páx. 25553

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

Exposición de motivos

As bibliotecas constitúen servizos culturais e informativos da máxima relevancia para unha sociedade avanzada. A través delas posibilítase o cumprimento de importantes mandatos constitucionais, como son o acceso de todos e todas á cultura, a participación da cidadanía na vida cultural e a conservación e promoción do patrimonio cultural do pobo galego de acordo co artigo 46 da Constitución, do que o patrimonio bibliográfico forma parte.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 32 que lle corresponde á Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, e no 27.18 atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre as bibliotecas de interese da comunidade, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.28 da Constitución.

Para satisfacer estes mandatos constitucionais e estatutarios, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas, que por vez primeira regulou o sistema bibliotecario galego con vontade de coherencia e sistematización das políticas públicas en materia de bibliotecas de Galicia. Con posterioridade, a Comunidade Autónoma asumiu a xestión das bibliotecas de titularidade estatal situadas en Galicia, en virtude dos convenios de transferencia de xestión asinados co Goberno central o 5 de decembro de 1989.

A Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, dedícalle o artigo 75 ao patrimonio bibliográfico de Galicia. O Goberno galego foi desenvolvendo durante os anos noventa unha serie de normas regulamentarias que permitiron despregar o Sistema Galego de Bibliotecas tal e como hoxe se coñece.

Porén, co paso do tempo, tras o Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas, a regulación legal destas foi quedando obsoleta a medida que se produciu unha serie de cambios normativos, como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, así como os aspectos básicos da Lei 10/2007, do 22 de xuño, da lectura, do libro e das bibliotecas, aprobada polas Cortes Xerais, que fai fincapé en determinados mecanismos de cooperación bibliotecaria.

Por outra banda, os cambios e tendencias de evolución das bibliotecas galegas fan necesaria a elaboración dunha lei que os regule e potencie: a propia transferencia da xestión das bibliotecas públicas do Estado; a creación e o desenvolvemento de novas bibliotecas nos concellos; a conveniencia de incorporar o concepto de Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia; a potenciación da Biblioteca de Galicia, co seu papel de institución central do Sistema Galego de Bibliotecas; a necesidade de mellorar os mecanismos de protección e difusión do patrimonio bibliográfico galego, ou a expansión das novas tecnoloxías de acceso á información e á documentación, das que nacen as denominadas bibliotecas dixitais.

Esta lei aborda todos estes aspectos, tratando de dar unha regulación sistemática e xeral que busca responder aos retos de mellora dos servizos bibliotecarios galegos e do patrimonio bibliográfico. A lei estrutúrase en cinco títulos, tres disposicións adicionais, unha derrogatoria e dúas derradeiras.

O título preliminar define o obxecto e o ámbito de aplicación da lei, establece as definicións dos principais conceptos utilizados nela e determina os catro principios transversais de actuación no conxunto da materia de bibliotecas.

O título I define o Sistema Galego de Bibliotecas como o conxunto de órganos, medios, redes e servizos bibliotecarios existentes en Galicia que, mediante relacións de cooperación e coordinación, actúan conxuntamente para fornecer servizos bibliotecarios de calidade en beneficio da sociedade galega.

Especial atención merece neste título o papel outorgado á Biblioteca de Galicia como biblioteca central do sistema bibliotecario de Galicia, centro promotor da cultura galega e coordinador para a recuperación, conservación e difusión do patrimonio bibliográfico de Galicia calquera que sexa a súa situación. No seu labor ten especial relevancia a recuperación e difusión da produción cultural feita en Galicia e da realizada no idioma galego, en razón do papel que o libro galego, xunto cos diferentes soportes culturais, desempeña na recuperación dos elementos máis profundos e enraizados da nosa cultura. Nesta responsabilidade cara á cultura galega é na que a Biblioteca de Galicia debe contar cun papel central e impulsor. Debe ademais ser compartido por todo o sistema bibliotecario, e en especial polas redes ou polos sistemas de bibliotecas públicas e escolares, en canto que, tal como sinala a Resolución do Parlamento Europeo do 23 de outubro de 1998 sobre o papel das bibliotecas públicas na sociedade moderna, estas institucións «revisten unha especial importancia para manter vivas a lingua, a literatura e a cultura propias». Así mesmo, asume o seu papel representativo do Sistema Galego de Bibliotecas no exterior, especialmente nos eidos nacionais e internacionais.

O título II aborda en dous capítulos a definición e estrutura da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como o réxime de prestación dos servizos bibliotecarios. A idea central do primeiro capítulo é a definición de catro tipos de bibliotecas, segundo as súas funcións e o territorio ao que lle prestan servizos: bibliotecas centrais territoriais, bibliotecas centrais municipais, bibliotecas de proximidade e bibliotecas locais. As mallas de territorio que non sexan atendidas por estas bibliotecas deberán ser obxecto de atención por servizos bibliotecarios móbiles. Para facilitar unha mellor determinación e concreción dos criterios de calidade da rede elaborarase o Mapa de bibliotecas públicas de Galicia, instrumento planificador que se regula no artigo 27 da lei.

O segundo capítulo dedícase a establecer, desde un claro enfoque dos servizos bibliotecarios como servizos públicos, os distintos aspectos específicos do seu réxime xurídico: funcións das bibliotecas da rede, obrigas dos seus titulares, deberes e obrigas das persoas usuarias, réxime dos seus fondos e dos bens inmobles que lle dan soporte físico, normalización técnica e habilitación da potestade inspectora. A lei adopta as previsións básicas para adaptar a xestión das bibliotecas públicas galegas ao contexto dixital. A administración electrónica é unha realidade xa ineludible para todas as administracións públicas, desde o momento en que a Lei estatal 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como a Recomendación da Comisión Europea do 24 de agosto de 2006 sobre dixitalización e accesibilidade en liña do material cultural e a conservación dixital (2006/585/CE), establecen prazos e sistemas concretos de incorporación dos sistemas de xestión documental ao ámbito dixital, así como os dereitos da cidadanía a ser usuaria de tales sistemas e a relacionarse electronicamente coas administracións.

O título III dedícase ás especificidades das bibliotecas universitarias, escolares e especializadas.

O título IV ocúpase do réxime sancionador, das infraccións e sancións que se establecerán a través das normas de desenvolvemento desta lei.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de bibliotecas de Galicia.

Título preliminar
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta lei é o establecemento das bases e das estruturas fundamentais para a planificación e o desenvolvemento do Sistema Galego de Bibliotecas, así como a regulación da organización, do funcionamento, da coordinación, da avaliación e da promoción das bibliotecas de Galicia como servizos culturais que garanten o dereito da cidadanía a acceder en condicións de igualdade á cultura, á lectura, á información e ao coñecemento.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Esta lei é de aplicación:

a) Ás bibliotecas e coleccións bibliográficas de titularidade pública que estean situadas en Galicia, sen prexuízo das competencias do Estado sobre as bibliotecas de titularidade estatal.

b) Ás bibliotecas e coleccións bibliográficas de titularidade privada que estean situadas en Galicia e que presten un servizo público cultural ou conteñan un fondo de especial valor cultural para Galicia.

2. O patrimonio bibliográfico de Galicia rexerase polas súas normas específicas.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos desta lei, enténdese por:

1. Biblioteca ou servizos bibliotecarios: calquera organización, individual ou colectiva, resultante da estruturación dunha ou varias unidades que, a través dos procesos, dos medios técnicos e persoais e dos servizos adecuados, ten como misión a reunión, conservación, organización e difusión de documentos publicados ou creados para a súa difusión en calquera soporte e formato, coa finalidade de facilitarlle á cidadanía o acceso á cultura, á información, á investigación, á educación e ao lecer contidos neses documentos.

1.1. En función da súa titularidade, as bibliotecas poderán ser:

a) Bibliotecas de titularidade pública: aquelas das que sexan titulares as administracións públicas de Galicia e demais entidades do sector público autonómico e as entidades locais.

b) Bibliotecas de titularidade privada: aquelas das que sexa titular calquera persoa física ou xurídica de dereito privado.

1.2. En función do seu uso, as bibliotecas poderán ser:

a) Bibliotecas de uso público xeral: son aquelas bibliotecas abertas ao público en xeral que lle prestan a toda a comunidade un servizo de lectura e información sen máis restrición ao uso dos seus fondos e servizos que a que se derive da conservación e preservación dos fondos patrimoniais. As denominadas como «bibliotecas públicas» son sempre de uso público xeral.

b) Bibliotecas de uso restrinxido: son aquelas bibliotecas que están ao servizo dunha institución ou grupo determinado de usuarios e usuarias. Teñen esta consideración as bibliotecas universitarias, as de centros de ensino e as especializadas nunha materia ou área de coñecemento, agás que os seus titulares voluntariamente non limiten o acceso aos seus fondos.

2. Biblioteca dixital: coleccións organizadas de contidos dixitais que se poñen á disposición do público. Poden conter exemplares dixitais de libros, outro material documental procedente de bibliotecas, arquivos ou museos e/ou información producida directamente en formato dixital.

3. Fondo bibliográfico: conxunto de documentos bibliográficos reunido en función de criterios subxectivos de valoración sociocultural ou de conservación.

4. Colección bibliográfica: calquera fondo bibliográfico de interese especial que non ten o tratamento biblioteconómico propio das bibliotecas, tal como se establece nesta lei e na normativa de desenvolvemento.

5. Sistema de bibliotecas: conxunto de órganos, medios e servizos bibliotecarios dun ámbito xeográfico concreto que ten por obxecto a prestación ordenada, eficiente e coordinada dunha oferta bibliotecaria diversificada e de calidade á cidadanía. Un sistema poderá agrupar unha ou varias redes de bibliotecas.

6. Rede de bibliotecas: grupo coordinado de bibliotecas que comparten políticas bibliotecarias comúns, así como recursos e servizos, co fin de lograr a prestación do mellor servizo público dispoñible ás persoas usuarias. Unha biblioteca pode formar parte de distintas redes de bibliotecas.

7. Cooperación bibliotecaria: conxunto de políticas establecidas de común acordo entre distintos sistemas, redes ou bibliotecas dependentes das diferentes administracións públicas ou de entidades privadas para planificar, aproveitar e desenvolver servizos bibliotecarios conxuntos.

8. Préstamo bibliotecario: posta a disposición de orixinais ou copias dunha obra para o seu uso por tempo limitado, sen beneficio económico ou comercial directo nin indirecto, sempre que se realice a través de bibliotecas públicas.

9. Recursos de información: conxunto de medios que se poñen á disposición das persoas usuarias na propia biblioteca nos distintos soportes, ademais daqueles dos que se lles facilita o acceso mediante o préstamo interbibliotecario ou mediante os recursos electrónicos en liña.

10. Fondo documental bibliotecario: conxunto de todos os documentos, calquera que sexa o seu soporte, que a biblioteca pon á disposición das persoas usuarias.

11. Documento bibliográfico: documento publicado ou creado para a súa difusión en calquera soporte e formato, de carácter unitario ou seriado, e independentemente da técnica utilizada para a súa creación ou reprodución.

Artigo 4. Principios e valores das bibliotecas

Son principios e valores de actuación aplicables en materia de bibliotecas:

a) A lealdade institucional. Os poderes públicos titulares de bibliotecas actuarán conforme os principios de lealdade institucional, coordinación e colaboración, nos termos previstos no artigo 4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) A igualdade no acceso e diversidade nos contidos culturais. Os poderes públicos galegos facilitarán e fomentarán o acceso regular, gratuíto e continuado de todas as persoas e grupos, sen discriminación por razón de orixe, etnia, relixión, ideoloxía, xénero ou orientación sexual, idade, discapacidade, recursos económicos ou calquera outra circunstancia persoal ou social, e desenvolverán políticas bibliotecarias específicas cando fose necesario.

c) A adaptación ao ámbito dixital e multimedia. Os servizos bibliotecarios poderán ser prestados de modo presencial ou mediante procedementos telemáticos nos termos previstos nesta lei. Os poderes públicos galegos impulsarán a dixitalización do material cultural e o seu acceso en liña a través das bibliotecas das que sexan titulares.

d) A transversalidade das políticas públicas de depósito cultural. Os poderes públicos galegos titulares de bibliotecas ou coleccións bibliográficas desenvolverán políticas de cooperación e colaboración con arquivos, museos e restantes institucións de depósito cultural de Galicia para un máis eficaz acceso, uso e difusión dos seus respectivos fondos á cidadanía.

e) A liberdade intelectual.

f) A pluralidade dos recursos informativos que reúnen para reflectir a diversidade da sociedade.

g) A gratuidade dos seus servizos, como mínimo os de consulta, préstamo persoal e colectivo, acceso á internet, información bibliográfica que se poida obter cos seus recursos, información á comunidade e formación das persoas usuarias.

h) A cooperación con outros sistemas bibliotecarios, bibliotecas, arquivos e museos, especialmente do ámbito lingüístico galego.

Título I
Do Sistema Galego de Bibliotecas

Artigo 5. Definición do Sistema Galego de Bibliotecas

1. O Sistema Galego de Bibliotecas é o conxunto de órganos, medios, redes e servizos bibliotecarios existentes en Galicia que, mediante relacións de cooperación e coordinación, actúan en común para proporcionaren servizos bibliotecarios de calidade en beneficio da sociedade galega.

2. Integran o Sistema Galego de Bibliotecas:

a) O órgano de dirección e coordinación do sistema.

b) Os órganos de cooperación, asesoramento e participación.

c) A Biblioteca de Galicia.

d) A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

e) As bibliotecas universitarias, as bibliotecas escolares de centros de ensino non universitario e as bibliotecas especializadas.

f) As bibliotecas de titularidade privada que se integren na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia mediante orde da consellaría competente en materia de bibliotecas.

Artigo 6. Obrigas das persoas titulares das bibliotecas integradas no sistema

Son obrigas das persoas físicas ou xurídicas titulares das bibliotecas integradas no Sistema Galego de Bibliotecas:

a) Promover, no ámbito das súas competencias, un desenvolvemento sustentable, coherente, innovador e constante dos seus propios servizos bibliotecarios.

b) Garantir o acceso da cidadanía a un servizo bibliotecario público de calidade nas mellores condicións técnicas posibles.

c) Cumprir, dentro do marco do Mapa de bibliotecas de Galicia e dos acordos de colaboración establecidos polo Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, as normas sobre préstamo interbibliotecario e de integración catalográfica que se aproben regulamentariamente como mecanismos de mellora da oferta bibliotecaria en todo o territorio galego.

d) Facilitarlle á consellaría competente en materia de bibliotecas os datos sobre persoal, fondos, orzamentos, instalacións, equipamentos, servizos, persoas usuarias e aqueloutros que se determinen regulamentariamente, coa finalidade da elaboración de estatísticas e de difusión, e da súa avaliación no caso daquelas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

e) Notificarlle á Biblioteca de Galicia a tenza de obras ou fondos bibliográficos integrantes do patrimonio bibliográfico de Galicia.

f) As bibliotecas garantirán que os recursos técnicos e informativos elaborados por elas a partir da publicación desta lei, e os seus catálogos, estean accesibles nas linguas oficiais da Comunidade.

Artigo 7. Órgano de dirección e coordinación

1. A dirección e a coordinación do Sistema Galego de Bibliotecas serán exercidas pola consellaría competente en materia de bibliotecas a través do centro directivo competente nesta materia.

2. Correspóndelle ao órgano administrativo de dirección e coordinación:

a) Deseñar e planificar a política bibliotecaria da Comunidade Autónoma, así como a definición das súas prioridades, que se reflectirán no Mapa de bibliotecas públicas de Galicia.

b) Coordinar a política bibliotecaria dos servizos bibliotecarios da Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

c) Fixar os criterios para a elaboración, o tratamento, a difusión e o posterior uso das operacións e demais actividades estatísticas das bibliotecas de Galicia, coa participación do órgano estatístico sectorial, no marco da Lei de Estatística de Galicia e do plan e dos programas estatísticos anuais da Xunta de Galicia.

d) Xestionar o Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

e) Apoiar o acceso das bibliotecas do Sistema Galego de Bibliotecas ás redes da información, en particular á internet.

f) Elaborar directrices respecto das condicións técnicas das infraestruturas e dos espazos do servizo de biblioteca pública, os criterios de desenvolvemento dos fondos bibliográficos e as normas de tratamento técnico e difusión da información e dos fondos.

g) Garantir a interconectividade técnica e semántica das bibliotecas que integran o Sistema Galego de Bibliotecas.

h) Tramitar e resolver os procedementos de integración de bibliotecas públicas ou servizos bibliotecarios na rede, segundo o establecido nesta lei e no seu desenvolvemento regulamentario.

i) Organizar cursos de formación permanente de bibliotecarios e bibliotecarias, independentemente ou en colaboración con outras entidades públicas ou privadas.

j) Inspeccionar e tramitar os procedementos sancionadores ao abeiro desta lei.

k) Tramitar os procedementos de recoñecemento da condición de biblioteca privada de especial interese para Galicia.

l) Impulsar, a través do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, a cooperación bibliotecaria entre as bibliotecas públicas do Sistema Galego de Bibliotecas.

m) Aprobar a imaxe corporativa común da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

n) Coordinar o Sistema Galego de Bibliotecas respecto da adaptación aos cambios tecnolóxicos, sociais e profesionais que afecten os servizos bibliotecarios.

ñ) Establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puidesen considerarse necesarios.

Artigo 8. Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia

1. O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, adscrito á consellaría competente en materia de bibliotecas, é o órgano colexiado consultivo da Administración autonómica nas materias relacionadas co Sistema Galego de Bibliotecas e para a articulación da cooperación entre as distintas administracións con competencias nesta materia.

2. A composición e organización do consello serán determinadas regulamentariamente, reunirase como mínimo unha vez ao ano e garantirase en todo caso a participación das administracións competentes e das principais institucións relevantes do Sistema Galego de Bibliotecas. Na súa composición procurarase o respecto á repartición equilibrada dos xéneros.

Artigo 9. Funcións do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia

Son funcións do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia:

a) Actuar como órgano de información, consulta e asesoramento sobre as políticas bibliotecarias de Galicia.

b) Propoñerlle ao órgano de dirección e coordinación do Sistema Galego de Bibliotecas a adopción de medidas para o mellor cumprimento dos seus fins.

c) Informar sobre a integración das redes de bibliotecas no Sistema Galego de Bibliotecas.

d) Potenciar e fomentar a cooperación e a participación no Sistema Galego de Bibliotecas.

e) Emitir informe preceptivo sobre os anteproxectos de lei e de disposicións regulamentarias referidas ás bibliotecas, así como sobre o Mapa de bibliotecas públicas de Galicia.

f) Promover e articular a colaboración e coordinación na política bibliotecaria das diferentes institucións con competencias en materia de bibliotecas.

Artigo 10. A Biblioteca de Galicia

1. A Biblioteca de Galicia é a biblioteca central do Sistema Galego de Bibliotecas, órgano administrativo adscrito á consellaría competente en materia de bibliotecas, a través do centro directivo competente nesta materia, e terá a súa sede en Santiago de Compostela.

2. As súas funcións son:

a) Recuperar, recoller, conservar, enriquecer e difundir o patrimonio bibliográfico de Galicia, a produción bibliográfica galega e a relacionada co ámbito lingüístico e temático galego.

b) Coordinar, recibir e xestionar, como centro depositario, o depósito legal e velar polo cumprimento da normativa de depósito legal.

c) Xestionar unha colección de fondos de soporte ao préstamo interbibliotecario.

d) Favorecer a investigación científica e bibliográfica de carácter universal.

e) Formar e dar a coñecer unha colección de publicacións de interese pola súa relación con Galicia. Con este obxectivo reunirá, conservará e difundirá a produción realizada fóra de Galicia referente a esta ou de especial interese para Galicia.

f) Reunir, conservar e difundir as publicacións oficiais das institucións públicas galegas.

g) Coordinar, alentar e elaborar pautas e directrices para o tratamento, a restauración e a dixitalización do patrimonio bibliográfico galego e para a creación de repositorios de libre acceso á información, buscando unificar ou interrelacionar procedementos de traballo cos arquivos e museos de Galicia.

h) Elaborar, manter e difundir a bibliografía corrente e retrospectiva de Galicia e o Catálogo colectivo do patrimonio bibliográfico galego.

i) Xestionar e facilitar o acceso ás obras duplicadas e procedentes da expurgación das bibliotecas que integran o Sistema Galego de Bibliotecas, segundo os acordos e a normativa establecidos para tal efecto.

j) Constituír a biblioteca dixital galega e actuar como centro de referencia en materia de dixitalización do material cultural. Para tal efecto, creará e xestionará un rexistro de obras dixitalizadas en Galicia e un repositorio de obrigada actualización para todas as entidades e centros que acometan procesos de dixitalización en colaboración coa Xunta de Galicia. Elaborará, así mesmo, as directrices ou normativas apropiadas sobre dixitalización e procedementos técnicos relacionados para a súa utilización nas bibliotecas galegas, e establecerase ademais como centro de agregación e acceso a proxectos nacionais e supranacionais relacionados coa dixitalización e coa creación de repositorios de acceso aos fondos electrónicos resultantes.

k) Constituírse en centro de conexión da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia co ámbito bibliotecario internacional, tanto para a introdución e o desenvolvemento en Galicia de iniciativas e proxectos supranacionais coma para a difusión no exterior do patrimonio bibliográfico e das iniciativas que se xeren no eido bibliotecario galego.

l) Crear e manter un repositorio de patrimonio dixital galego.

m) Adoptar e adaptar para o sistema bibliotecario as normas bibliográficas internacionais e outros estándares de xestión da información, e elaborar, en colaboración con outras bibliotecas do sistema, o catálogo de autoridades.

3. A Biblioteca de Galicia utilizará os medios tecnolóxicos necesarios para facilitar a accesibilidade en liña dos seus recursos, conforme as recomendacións e os criterios normalizados que se establezan a nivel comunitario e estatal.

4. A Biblioteca de Galicia terá preferencia no reasentamento de bibliotecas e no depósito de fondos bibliográficos de interese galego procedentes doutras bibliotecas, públicas ou privadas, ou de persoas físicas ou xurídicas, nos termos que regulamentariamente se determinen.

5. A Biblioteca de Galicia manterá relacións de colaboración e coordinación con outros centros ou organismos que dispoñan de fondos bibliográficos do seu interese ou que teñan obxectivos comúns con ela e con entidades coas que comparte obxectivos de conservación e difusión do patrimonio bibliográfico galego, co fin de colaborar e compartir proxectos e recursos.

6. A Biblioteca de Galicia poderá configurar redes dependentes dela, tanto para a prestación coma para o asentamento de recursos noutros puntos de Galicia.

Título II
Da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

Capítulo I
Definición e estrutura da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

Artigo 11. Definición

1. A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia é o conxunto organizado de bibliotecas e servizos bibliotecarios públicos de Galicia para o desenvolvemento e a planificación da oferta bibliotecaria pública.

2. Forman parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia:

a) As bibliotecas de titularidade pública, estatal ou autonómica, situadas dentro do territorio de Galicia.

b) As bibliotecas de titularidade pública local dependentes de concellos ou entidades públicas locais galegas que soliciten a súa integración e que cumpran os requisitos técnicos necesarios.

c) As bibliotecas de titularidade privada abertas ao público que sexan integradas na rede, logo da solicitude do titular, mediante orde da consellaría competente en materia de bibliotecas que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3. A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia poderá dividirse en subredes, agrupadas polo seu ámbito territorial, funcional ou temático co obxecto de crear sinerxías e canles de coordinación da súa oferta bibliotecaria.

Artigo 12. Integración na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

As bibliotecas públicas e privadas abertas ao público poden solicitar a súa integración na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia ante a consellaría competente en materia de bibliotecas, que deberá informar ao Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia. A súa integración farase mediante orde da consellaría competente en materia de bibliotecas que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Estrutura

1. A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia terá a seguinte estrutura:

a) Bibliotecas centrais territoriais.

b) Bibliotecas centrais municipais.

c) Bibliotecas de proximidade.

d) Bibliotecas locais.

e) Servizos bibliotecarios móbiles.

2. No Mapa de bibliotecas públicas de Galicia determinaranse, en función de criterios obxectivos, os tipos aos que se adscribe cada biblioteca da rede.

Artigo 14. Bibliotecas centrais territoriais

1. As bibliotecas centrais territoriais préstanlle servizos bibliotecarios integrais ao territorio no que están asentadas e coordinan e préstanlle servizos de asesoramento, préstamo interbibliotecario e soporte técnico á rede de bibliotecas de ámbito inferior.

2. Por razóns de eficacia, as bibliotecas centrais territoriais poderán encargarse, respecto das bibliotecas de ámbito inferior, daqueles aspectos materiais, técnicos ou de servizos propios da xestión bibliotecaria cando estas carezan de medios técnicos idóneos para o seu desempeño e así o soliciten as persoas titulares destas bibliotecas.

3. Cada biblioteca central territorial contará cun consello asesor e de participación que terá como finalidade asesorar o órgano de dirección naqueles aspectos que atinxan ao seu papel coordinador da rede de bibliotecas de ámbito inferior que se integren no seu ámbito de actuación. Regulamentariamente determinaranse a composición e as competencias destes consellos; na súa composición procurarase o respecto á repartición equilibrada dos xéneros.

Artigo 15. Bibliotecas centrais municipais

1. Os municipios de máis de 20.000 habitantes deberán prestar o servizo de biblioteca de xeito descentralizado, a través dunha biblioteca central municipal, dunha biblioteca de proximidade ou dos servizos bibliotecarios móbiles.

2. As bibliotecas centrais municipais coordinan as demais bibliotecas e os servizos bibliotecarios dixitais e móbiles do municipio consonte o que estableza o Mapa de bibliotecas públicas de Galicia, e prestaranlles asesoramento e apoio.

Artigo 16. Bibliotecas de proximidade

1. As bibliotecas de proximidade son aquelas bibliotecas de titularidade municipal ou concertadas que cumpren as condicións necesarias para prestaren o servizo de lectura pública, de actividades de difusión sociocultural e de animación á lectura nunha área determinada, e que coordinan a súa actividade coa biblioteca central territorial ou coa biblioteca central municipal correspondente.

2. Poderanse realizar convenios de colaboración para o establecemento de bibliotecas de proximidade con entidades e asociacións privadas que cumpran os criterios mínimos que se fixen regulamentariamente.

Artigo 17. Bibliotecas locais

1. As bibliotecas locais son aquelas bibliotecas de titularidade municipal que cumpren as condicións necesarias para prestaren o servizo de lectura pública nunha área cunha poboación de entre 2.000 e 20.000 habitantes, e coordinan a súa actividade coa biblioteca central territorial correspondente.

2. Poderanse realizar convenios de colaboración para o establecemento de bibliotecas locais con entidades e asociacións privadas que cumpran os criterios mínimos que se fixen regulamentariamente.

Artigo 18. Servizos bibliotecarios móbiles

Os núcleos de menos de 2.000 habitantes poderán ser atendidos por servizos bibliotecarios móbiles, que dependen da biblioteca central territorial ou da biblioteca central municipal máis próxima, e teñen como finalidade ofrecer o servizo de lectura pública en zonas onde non haxa punto de servizo fixo.

Capítulo II
Réxime de prestación dos servizos bibliotecarios

Artigo 19. Definición de biblioteca pública

A biblioteca pública é un servizo público básico que ten como finalidade ofrecerlle á cidadanía, en condicións de igualdade, gratuidade e continuidade, o acceso a un conxunto organizado de fondos bibliográficos e recursos informativos que posibilitan a información, a educación e a cultura.

Artigo 20. Funcións das bibliotecas públicas

As funcións das bibliotecas públicas son:

a) Poñer á disposición da cidadanía os seus fondos bibliográficos e recursos informativos de maneira libre e gratuíta, mediante a súa consulta en sala, en rede, ou mediante o seu préstamo nas súas diferentes modalidades. Porén, por razóns de seguridade e conservación debidamente motivadas, poderá limitarse o acceso a unha parte deses fondos.

b) Prestar os servizos básicos definidos como tales nos estándares internacionais e estatais en materia de bibliotecas. Non obstante, os servizos bibliotecarios que impliquen un custo singularizado, tales como a reprografía, o préstamo interbibliotecario e o acceso ás bases de datos, poderán ser obxecto de prezo público nos termos previstos regulamentariamente.

c) Atender as específicas necesidades culturais das persoas e dos grupos nos que se integren e promocionar a diversidade cultural e a atención ás variables de idade, sexo e discapacidade.

d) Prestar un apoio activo específico á cultura e á lingua propias de Galicia.

e) Desenvolver actividades de creación ou difusión cultural e de promoción da lectura.

f) Recoller, manter e difundir unha colección de interese local e apoiar a creación cultural no seu territorio.

g) Contribuír á creación dun espazo público de debate e educación social que posibilite a normal expresión das liberdades públicas e dos dereitos fundamentais das persoas.

h) Colaborar na elaboración e actualización permanente do Catálogo colectivo do patrimonio bibliográfico de Galicia, así como doutros posibles instrumentos de acceso común á información bibliográfica ou de acceso ao documento.

Artigo 21. Obrigas das persoas titulares de bibliotecas públicas

1. As persoas titulares ou, se é o caso, xestoras das bibliotecas públicas integradas na rede deberán dotalas das instalacións, do equipamento, do mobiliario, dos fondos, do persoal e dos orzamentos necesarios para o cumprimento eficaz das súas funcións e a satisfacción dos dereitos das persoas usuarias. Para tal efecto, gozarán de autonomía para fixar a estrutura orgánica e funcional máis axeitada co fin de satisfacer as súas necesidades, nos termos previstos neste título.

2. As persoas titulares ou xestoras de bibliotecas integradas na rede terán o dereito e a obriga de instalar nun lugar visible da súa entrada o distintivo «Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia».

Artigo 22. Réxime dos fondos bibliográficos

1. Constitúen os fondos bibliográficos das bibliotecas o patrimonio bibliográfico e os demais materiais culturais adscritos ao servizo público bibliotecario.

2. A adquisición de obras e demais material cultural para a consulta e o préstamo obedecerá a criterios profesionais, de fomento da diversidade cultural e de satisfacción das demandas das persoas usuarias.

3. Os fondos bibliográficos adquiridos pola Comunidade Autónoma con destino ás bibliotecas da súa titularidade ou xestionadas por ela terán a condición legal de bens mobles de dominio público. Os citados fondos adquiriranse mediante procedementos que aseguren transparencia e obxectividade, con base en criterios técnicos e profesionais que garantan a maior rapidez e eficacia na satisfacción das demandas dos usuarios e das usuarias.

Artigo 23. Dereitos e obrigas das persoas usuarias das bibliotecas públicas

1. As persoas usuarias terán os seguintes dereitos:

a) Usaren de maneira gratuíta os servizos básicos da biblioteca, sen prexuízo do establecido na lexislación vixente sobre propiedade intelectual.

b) Dispoñeren de materiais e servizos adaptados a colectivos con discapacidades ou necesidades especiais.

c) Á privacidade e á confidencialidade da información que buscan ou reciben, así como dos recursos que consultan, toman en préstamo, adquiren ou transmiten, protexendo os seus datos persoais nos termos establecidos no ordenamento xurídico.

d) Teren un horario mínimo de prestación do servizo, que se determinará a través do Mapa de bibliotecas públicas de Galicia para cada tipo de bibliotecas.

e) Gozaren de actividades de animación á lectura nas instalacións dispostas para o efecto.

f) Suxeriren a adquisición de material cultural e recursos de información que satisfagan as súas necesidades culturais.

2. As persoas usuarias terán as seguintes obrigas:

a) Observaren o comportamento axeitado para o bo funcionamento da biblioteca.

b) Respectaren os dereitos das demais persoas usuarias da biblioteca, gardando a debida orde e compostura.

c) Non faceren uso dos servizos bibliotecarios para unha finalidade distinta da que lle compete ao tipo de biblioteca.

d) Dárenlles uso adecuado ao mobiliario, ao equipamento, aos materiais e aos recursos da biblioteca e devolveren os préstamos de acordo coas normas de funcionamento desta.

3. As bibliotecas públicas establecerán e difundirán en cartas de servizos os servizos que se ofrecen, os dereitos e as obrigas concretas das persoas usuarias, así como os mecanismos de avaliación dos resultados do servizo público bibliotecario.

Artigo 24. Normalización técnica

As bibliotecas públicas aplicarán os procedementos e programas normalizados de xestión bibliotecaria que determine o órgano de dirección e coordinación do Sistema Galego de Bibliotecas para garantir a máxima interoperabilidade e normalización técnica.

Artigo 25. Rexistro de bibliotecas e obriga estatística

1. A consellaría competente en materia de bibliotecas levará un rexistro permanentemente actualizado das bibliotecas integradas na rede e elaborará, coa participación do seu órgano estatístico sectorial, e fará públicas as estatísticas de bibliotecas en Galicia.

2. As persoas titulares das bibliotecas da rede terán a obriga de proporcionaren información relevante sobre persoal, fondos, orzamentos, instalacións, servizos, número e tipo de usuarios e usuarias e, en xeral, toda aquela sobre operacións e demais actividades contidas nos programas estatísticos anuais da Xunta de Galicia.

Artigo 26. Inspección da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

As persoas titulares ou xestoras dos centros integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia deberán permitir o acceso e a inspección da consellaría competente en materia de bibliotecas, a través do órgano de dirección e coordinación do sistema, e facilitar a información que se lles solicite para comprobar o cumprimento da normativa vixente.

Artigo 27. Mapa de bibliotecas públicas de Galicia

1. O Mapa de bibliotecas públicas de Galicia é o documento que serve como base para a concreción do diagnóstico, dos valores, dos obxectivos, das actuacións e das prioridades da acción pública en materia de servizos públicos bibliotecarios de Galicia.

2. O órgano de dirección e coordinación do sistema será o responsable de elaborar o Mapa de bibliotecas públicas de Galicia, no que se identificarán os servizos bibliotecarios dispoñibles e as necesidades de lectura pública e se planificará o tipo de servizos que lle corresponderá a cada poboación conforme os estándares internacionais e comunitarios.

3. O Mapa de bibliotecas públicas de Galicia será informado preceptivamente polo Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia. A súa aprobación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de bibliotecas, e deberá ser actualizado e publicado polo menos cada catro anos.

4. O Mapa de bibliotecas públicas de Galicia e as súas sucesivas actualizacións deberanse remitir ao Parlamento de Galicia para o seu exame e valoración.

5. A través do Mapa de bibliotecas públicas de Galicia identificaranse e propoñeranse criterios, obxectivos e prioridades que serán considerados e que lle poderán servir de base á consellaría competente en materia de bibliotecas para realizar investimentos e outorgar axudas e subvencións, de maneira directa ou en réxime de concorrencia competitiva, en materia de bibliotecas.

Artigo 28. Declaración de utilidade pública dos bens inmobles destinados a biblioteca pública

1. Decláranse de utilidade pública, para os efectos da expropiación forzosa, os edificios e os terreos onde se vaian instalar dependencias de bibliotecas de titularidade pública. O recoñecemento en cada caso concreto dos bens e dereitos individualizados que se expropien será realizado por decreto da Xunta de Galicia. O citado recoñecemento poderase estender aos edificios e terreos contiguos, cando así o requiran razóns de seguridade ou funcionamento, ou para facilitar a axeitada conservación dos inmobles ou dos bens que conteñan, ou de interese paisaxístico.

2. Os proxectos de obra nova para bibliotecas da rede deberán ser informados con carácter preceptivo polo servizo de supervisión de proxectos da consellaría competente en materia de cultura, velándose polo cumprimento das condicións legal ou regulamentariamente establecidas. Así mesmo, con carácter previo á elaboración do proxecto de obra, deberase contar cun plan director que concrete os usos previstos e as necesidades a curto, medio e longo prazo.

Artigo 29. Dotación e selección de persoal ao servizo das bibliotecas da rede

1. As bibliotecas integradas na rede deberán contar co persoal suficiente e coa cualificación, nivel técnico e capacidades adecuadas que esixen as funcións que teñan asignadas e os regulamentos correspondentes. Os estándares de persoal serán fixados polo Mapa de bibliotecas públicas de Galicia.

2. Logo da solicitude dos seus titulares, as bases das convocatorias de acceso ás categorías de persoal técnico cualificado das bibliotecas da rede poderán ser informadas polo órgano de dirección e coordinación do sistema e incluír unha persoa designada polo antedito órgano nos tribunais de selección nomeados para o efecto.

Título III
Das bibliotecas universitarias, escolares e especializadas

Artigo 30. Bibliotecas universitarias

1. As bibliotecas universitarias son centros de recursos para a aprendizaxe, a docencia, a investigación e as actividades relacionadas co funcionamento e coa xestión do ensino superior que teñen como funcións facilitar o acceso e a difusión dos recursos de información e colaborar nos procesos de creación do coñecemento, co fin de contribuír á consecución dos obxectivos da universidade.

2. As bibliotecas universitarias recollen fondos bibliográficos especializados, préstanlles servizos aos membros da comunidade universitaria e, coa autorización previa do centro correspondente, aos particulares que o soliciten.

3. As bibliotecas universitarias coordinaranse co resto do sistema a través da Biblioteca de Galicia no ámbito dos procesos técnicos, da dixitalización e da protección dos fondos de especial valor cultural para Galicia, sen prexuízo doutras formas de cooperación que se poidan establecer mediante convenio con outras bibliotecas para servizos comúns.

Artigo 31. Bibliotecas escolares

1. As bibliotecas escolares son recursos do centro educativo ao servizo dos procesos de ensino e aprendizaxe e do fomento da lectura.

2. As bibliotecas escolares organizan e poñen ao servizo de toda a comunidade escolar os fondos documentais existentes no centro, en soporte impreso, audiovisual, multimedia ou en calquera outro soporte ou medio de transmisión de contidos culturais ou informativos.

3. As súas funcións son:

a) Realizar a xestión técnica dos fondos documentais, segundo criterios estandarizados e adaptados ás características dos centros educativos.

b) Facilitar a formación das persoas usuarias na utilización da biblioteca e en educación documental, e favorecer o acceso aos bens culturais e o fomento da lectura.

4. Todos os centros de ensino non universitario organizarán a súa biblioteca escolar segundo as pautas que, sobre xestión técnica, programación de actividades, persoal, horarios, organización e financiamento, se establezan mediante a normativa específica.

5. As bibliotecas escolares cooperarán coa Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, especialmente coa biblioteca ou bibliotecas da súa área de referencia, na creación e consolidación dos hábitos de lectura e na formación para o acceso á información, no marco do Mapa de bibliotecas públicas de Galicia.

Artigo 32. Bibliotecas especializadas

1. Son bibliotecas especializadas as bibliotecas, de titularidade pública ou privada, que conteñan un fondo referido principalmente a un campo específico do coñecemento.

2. As bibliotecas especializadas prestan un servizo público coas restricións que lles son propias, e coordínanse co resto do Sistema Galego de Bibliotecas no ámbito dos procesos técnicos, da dixitalización e da protección dos fondos de especial valor cultural para Galicia, sen prexuízo doutras formas de cooperación que se poidan establecer mediante convenio con outras bibliotecas para servizos comúns.

3. As bibliotecas especializadas dependentes da consellaría competente en materia de bibliotecas recibirán da Biblioteca de Galicia especial atención no ámbito da normalización e dos procesos técnicos, da dixitalización e da protección dos seus fondos. Estes centros terán a mesma consideración que os integrantes da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia no referente á formación do seu persoal, dixitalización e informatización.

Título IV
Réxime sancionador

Artigo 33. Infraccións

1. Constitúen infraccións administrativas en materia de bibliotecas as accións e omisións que se tipifican neste título.

2. Cando a acción ou omisión vulnere o réxime específico de protección outorgado aos bens culturais pola lexislación reguladora do patrimonio cultural de Galicia, aplicarase o réxime de infraccións e sancións previsto nela.

Artigo 34. Infraccións leves

Constitúen infraccións leves as seguintes accións ou omisións:

a) A deterioración culposa do mobiliario da biblioteca, dos seus materiais e recursos de información, así como do inmoble no que se sitúe a biblioteca.

b) O incumprimento inxustificado do deber de permitir o acceso das persoas usuarias para a consulta e o estudo dos fondos das bibliotecas.

c) Non devolver os fondos e os materiais e recursos da biblioteca emprestados.

d) O incumprimento de calquera outra obriga establecida nesta lei que non deba ser cualificada de infracción grave ou moi grave.

Artigo 35. Infraccións graves

Terán a consideración de infraccións graves:

a) A negativa ou a obstrución á actividade inspectora da consellaría competente en materia de bibliotecas.

b) A deterioración dolosa do mobiliario da biblioteca, dos seus materiais e recursos de información, así como do inmoble no que se sitúe a biblioteca.

c) O incumprimento das ordes de depósito forzoso.

d) A realización de reproducións de fondos bibliográficos de titularidade autonómica sen autorización ou con incumprimento das condicións establecidas pola consellaría competente en materia de bibliotecas.

e) A comisión de dúas ou máis infraccións leves no período de dous anos.

Artigo 36. Infraccións moi graves

Terán a consideración de infraccións moi graves:

a) As accións ou omisións que supoñan a perda, a destrución ou en xeral a inutilización definitiva de fondos documentais bibliotecarios ou de recursos de información das bibliotecas.

b) A comisión de dúas ou máis infraccións graves no período de dous anos.

Artigo 37. Suxeitos responsables

1. Son responsables das infraccións, aínda a título de simple inobservancia, as persoas físicas ou xurídicas ás que lles sexan imputables as accións ou omisións tipificadas nesta lei.

2. As persoas titulares das bibliotecas serán responsables solidarios das infraccións cometidas polo seu persoal ou por outras persoas vinculadas á biblioteca por calquera outro título.

Artigo 38. Sancións

1. No caso de que o dano causado poida ser valorado economicamente, a infracción será sancionada con multa do tanto ao cuádruplo do valor do dano causado.

2. Nos demais casos, as infraccións previstas nesta lei darán lugar á imposición das seguintes multas:

a) Infraccións leves: sanción de ata 6.000 €.

b) Infraccións graves: sanción desde 6.001 € ata 60.000 €.

c) Infraccións moi graves: sanción de 60.001 € ata 150.000 €.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, a contía da sanción non poderá ser en ningún caso inferior ao beneficio obtido como resultado da actuación infractora.

4. A gradación das multas deberá considerar as circunstancias agravantes ou atenuantes que concorran, así como a existencia de intencionalidade e a natureza ou importancia do dano ou prexuízo causado.

5. A resolución sancionadora, ademais de impoñer as multas que procedan, dispoñerá todo o necesario para a restauración da legalidade vulnerada pola conduta obxecto do procedemento sancionador.

Artigo 39. Órganos competentes

A competencia para a imposición das sancións previstas no artigo anterior correspóndelle:

a) Á persoa titular do centro directivo competente en materia de bibliotecas: sancións de ata 6.000 €.

b) Á persoa titular da consellaría competente en materia de bibliotecas: sancións comprendidas entre 6.001 € e 60.000 €.

c) Ao Consello da Xunta de Galicia: sancións superiores a 60.001 €.

Artigo 40. Procedemento

1. A iniciación do procedemento sancionador, sen prexuízo da superior autoridade do conselleiro, realizarase de oficio por resolución do centro directivo competente en materia de bibliotecas.

2. En todo o que non estea previsto nesta lei e nas súas disposicións de desenvolvemento, a tramitación do procedemento sancionador axustarase aos principios e ao procedemento establecidos con carácter xeral na normativa autonómica galega sobre o exercicio da potestade sancionadora, e, en defecto desta, na normativa estatal sobre a materia.

Artigo 41. Prescricións de infraccións e sancións

1. As infraccións administrativas prescribirán aos dez anos de se cometeren ou descubriren no caso das moi graves, e aos cinco anos nos demais supostos.

2. As sancións prescribirán aos cinco anos no caso das moi graves e aos dous anos nos demais supostos.

3. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día no que a infracción se cometese ou descubrise. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, e retomarase o prazo de prescrición se o procedemento sancionador estivese paralizado máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.

4. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Artigo 42. Concorrencia de sancións e vinculacións coa orde xurisdicional penal

1. Non se poderán sancionar os feitos que fosen sancionados penal ou administrativamente nos casos nos que se aprecie identidade de suxeito, feito e fundamento.

2. Se da investigación dos feitos constitutivos das infraccións tipificadas nesta lei se obtivesen indicios de que estes puidesen constituír delito ou falta, suspenderase o procedemento e daráselle conta ao Ministerio Fiscal, sen prexuízo da adopción das medidas provisionais oportunas.

Disposición adicional primeira. Dereitos derivados da propiedade intelectual

1. As persoas titulares dos dereitos de autor non se poderán opoñer ás reproducións das súas obras cando se realicen sen finalidade lucrativa por bibliotecas de titularidade pública ou integradas en institucións de carácter cultural ou científico e a reprodución sexa exclusivamente para fins de investigación ou conservación.

2. As bibliotecas de titularidade pública ou que pertenzan a entidades de interese xeral de carácter cultural, científico ou educativo sen ánimo de lucro, ou a institucións docentes integradas no sistema educativo galego, non precisarán autorización das persoas titulares de dereitos polos préstamos que realicen.

3. As persoas titulares destes establecementos remunerarán as autoras e os autores, polos préstamos que realicen das súas obras, nos termos previstos na normativa estatal básica.

4. Estarase ao disposto na citada normativa en canto aos mecanismos de colaboración necesarios entre a Administración xeral do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia e as corporacións locais para o cumprimento das obrigas de remuneración que afecten as bibliotecas de titularidade pública.

5. Non necesitará autorización do autor ou da autora a comunicación de obras ou a súa posta á disposición de persoas concretas do público para os efectos de investigación cando se realice mediante rede cerrada e interna a través de terminais especializados instalados para tal efecto nas bibliotecas, e sempre que tales obras figuren nos seus fondos e non sexan obxecto de condicións de adquisición ou licenza. Todo isto, sen prexuízo do dereito do autor ou da autora a percibir a remuneración equitativa.

Disposición adicional segunda. Aprobación do Mapa de bibliotecas públicas de Galicia

O Mapa de bibliotecas públicas de Galicia aprobarase no prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición adicional terceira. Actualización da contía das sancións

As contías das sancións de multa poderán ser actualizadas periodicamente polo Consello da Xunta, pero en ningún caso a elevación porcentual que se fixe na antedita actualización poderá superar a experimentada polo índice xeral de prezos ao consumo na Comunidade Autónoma de Galicia desde a entrada en vigor desta lei ou desde a anterior revisión das contías.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan total ou parcialmente ao establecido nesta lei, e, en particular, a Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas. Non obstante, mentres non se desenvolva regulamentariamente esta lei, permanecerán en vigor as disposicións regulamentarias ditadas ao abeiro da Lei 14/1989 en todo o que non sexa contrario a esta lei.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de bibliotecas, para ditar as normas regulamentarias expresamente previstas nesta lei e cantas outras sexan necesarias para o seu cumprimento.

Disposición derradeira segunda

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xuño de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente