Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 29 de xuño de 2012 Páx. 25933

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2012, da Secretaría Xeral para o Turismo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a potenciación do turismo mediante a mellora de establecementos restaurantes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, ten entre as súas finalidades potenciar a oferta turística galega, a través de medidas de fomento que permitan modernizar e profesionalizar o sector turístico e as súas infraestruturas, e mellorar a calidade e a competitividade da oferta turística.

O Plan de Acción 2010-2013 é o resultado da iniciativa do Debate do Estado de Turismo que tivo lugar entre xullo e novembro de 2009, contando coa participación dos axentes sociais do sector turístico, desde empresarios ata universidades, pasando por padroados provinciais, asociacións, representantes políticos etc... e que serviu como base para conducir a política de actuación turística da Xunta de Galicia para o presente período lexislativo. O obxecto do presente documento é establecer cales deben ser as liñas básicas de actuación en materia turística do Goberno galego a medio prazo. O plan recolle actuacións para levar a cabo unha xestión integral nos vindeiros anos e converterse así nunha ferramenta de traballo ao servizo do sector. Entre os seus obxectivos prioritarios están: incrementar o peso do turismo no PIB, mellorar o salario medio do sector, aumentar a estancia media e o gasto medio dos turistas que nos visitan.

O Programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2007-2013 é un documento de programación comunitaria aprobado pola Comisión Europea que recolle a articulación da estratexia da Xunta relacionada con distintos eixes prioritarios de intervención. Nestes eixes establécense medidas dirixidas a mellorar os servizos turísticos, e máis concretamente establécense actuacións de apoio á iniciativa privada para o fomento do turismo, tales como a creación de establecementos novos ou reforma e modernización dos existentes, dado o carácter prioritario do sector do turismo na Comunidade Autónoma.

Así mesmo, o Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, dispón que é de aplicación á Secretaría Xeral para o Turismo o establecido na disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG nº 119, do 19 de xuño), modificado polo Decreto 52/2012, do 26 de xaneiro (DOG nº 21, do 31 de xaneiro), que desconcentra na secretaria xeral a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencias.

A oferta turística de Galicia está conformada por unha serie de elementos que a configuran como única e diferente, pero ao carón destes elementos distintivos aparecen outros comúns a todas as ofertas que, pola súa vez, son importantes nela. Estámonos a referir aos establecementos de hostalaría e servizos, en concreto, aos cualificados como restaurantes.

En moitos casos, por mor da súa situación xeográfica ou pola falta de recursos de variada índole, estes establecementos que non se modernizan ou melloran, estando xa en funcionamento, demandan accións de modernización e reforma adecuadas. A mellora dos establecementos existentes axudaría ao impulso global da oferta turística de Galicia e á mellora da súa calidade e, por extensión, do destino.

A gastronomía revélase como a segunda motivación da viaxe, despois da natureza, e como tal, a Administración debe apoiar a mellora en pro da calidade dos establecementos que traballan nesta área, en paralelo a accións de promoción específica de Galicia como destino de turismo gastronómico e enoturístico ou o seu reforzo como oferta complementaria a outras singulares.

É por isto polo que, con cargo aos créditos orzamentarios da Secretaría Xeral para o Turismo asignados para esta finalidade ao abeiro do Regulamento CE 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2007-2013 e establecidos na Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, e conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, convócanse axudas destinadas á potenciación do turismo mediante a mellora de establecementos restaurantes e, por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral para o Turismo, en réxime de concorrencia competitiva, para a potenciación do turismo mediante a mellora de establecementos restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as ditas subvencións para o ano 2012.

Artigo 2. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral para o Turismo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Secretaría Xeral para o Turismo (www.sxturismo.org).

b) Os teléfonos 981 54 63 79 e 981 54 63 78 e o fax 981 54 63 71 da dita secretaría xeral.

c) Enderezo electrónico axudas.turismo@xunta.es

d) Presencialmente.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2012

P.D. (Resolución 19.6.2012)
Andrés González Murga
Subdirector xeral de Xestión, Fomento e Cooperación

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades privadas para a potenciación do turismo mediante a mellora de establecementos restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia (TU983I)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a promoción e comercialización de Galicia como destino turístico de calidade, mediante a subvención a entidades privadas para a potenciación do turismo a través da mellora de establecementos restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As axudas reguladas nesta resolución establécense ao abeiro do Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 210, do 31 de xullo) para o período 2007-2013, de acordo co establecido na Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Feder e Fondo de Cohesión.

Estas axudas axústanse ao obxecto establecido no eixe 5: desenvolvemento sustentable local e urbano. Tema prioritario 57: axudas á mellora dos servizos turísticos. Actuacións de fomento do turismo (5.57.2) do Programa operativo de Galicia Feder 2007-2013.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006, L379).

4. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

En concreto, consideraranse actuacións subvencionables as que se citan a seguir:

– Mellora nas instalacións dos establecementos restaurantes relativas a:

1. Obras necesarias para acadar condicións de accesibilidade no establecemento e supresión de barreiras físicas ou sensoriais: ramplas de acceso, agarradeiros, ...

2. Obras necesarias para a mellora da sustentabilidade nos establecementos (aforro enerxético, redución da contaminación acústica ou lumínica etc...).

3. Obras de renovación e mellora de cociñas e baños e comedores dos restaurantes.

4. Mellora de garaxes ou aparcamentos para uso exclusivo de clientes no mesmo predio onde se sitúen os establecementos.

– Mellora de servizos dos establecementos restaurantes relativas a:

1. Adecuación dos servizos de restauración para accesibilidade das persoas con discapacidade física ou sensorial (renovación ou modificación audioguías, pantallas táctiles ...).

2. Ampliación de tecnoloxías e sistemas de organización relativos á mellora da xestión dos establecementos.

A mellora subvencionable non poderá supor un incremento superior ao 10% das prazas autorizadas pola Administración turística (e no caso de ter gozado dunha subvención semellante nos últimos cinco anos, non poderá incrementar ningunha praza); no caso de que a mellora implique un incremento superior, presentarase a desagregación orzamentaria do proxecto que reflicta o custo correspondente á creación de cada unha das novas prazas que permita a determinación da contía da subvención.

En ningún caso se financiarán as obras de mantemento do establecemento.

5. Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se acometan para a mellora dos establecementos obxecto desta resolución, e igualmente, de ser o caso, a adecuación do contorno, as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura tradicional existentes e os honorarios técnicos.

6. Están comprendidos nos proxectos de obras e son, polo tanto, subvencionables, todos aqueles bens de equipo que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas, instalacións de aire acondicionado etc.). Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra as ditas condicións.

7. Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta resolución o mobiliario, a lenzaría, o enxoval doméstico, a louza e análogos e a adquisición de terreos.

8. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

9. Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 50.000 euros no caso de contratos de obras, ou igual ou superior aos 18.000 euros cando se trate doutros contratos, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

10. Unicamente poderán recibir subvención aqueles proxectos que se inicien e executen a partir do 1 de xaneiro de 2012.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións relativas á mellora dos establecementos obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04.80.761A.770.0 cofinanciada ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, cun crédito de 1.000.000 euros para a anualidade 2012, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9.

Aplicación

Anualidade

Importe

04.80.761A.770.0

2012

1.000.000 €

2. Os proxectos de mellora que se recollen nesta resolución como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 40% sobre o custo elixible Feder, sempre que non se superen os límites máximos de axuda establecidos na normativa aplicable.

Para os efectos de cálculo do investimento subvencionable, os honorarios técnicos de redacción de proxecto e dirección de obra non serán superiores ao 8% do orzamento de execución material subvencionable.

3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006, relativo ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006), deberase garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

4. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo elixible da actividade subvencionada. Estas axudas son incompatibles con outras financiadas con fondos europeos.

5. Os proxectos desenvolveranse no territorio de Galicia e financiaranse con cargo a fondos Feder.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou xurídicas ou comunidades de bens que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares dos establecementos restaurantes nos cales se poidan realizar os investimentos obxecto de subvención, segundo o establecido no artigo 1 destas bases.

Os titulares dos establecementos restaurantes que se subvencionen terán que ser propietarios dos inmobles ou predios obxecto de actuación ou ben ter unha disposición sobre eles, acreditada por calquera título válido en dereito, que permita realizar o investimento proxectado. En calquera caso, o beneficiario da subvención terá o pleno uso e desfrute dos inmobles e/ou dos predios.

Será requisito imprescindible, para a concesión destas axudas, que a empresa solicitante teña inscrita, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT) a actividade turística para a cal solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1 alínea h) do Regulamento (CE) nº 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis.

Considerarase empresa en crise se cumpre as seguintes condicións:

a) Se se trata dunha sociedade de responsabilidade limitada, da que desaparecese máis da metade do seu capital subscrito e perdese máis da cuarta parte nos últimos 12 meses, ou

b) Se se trata dunha sociedade na cal polo menos algún dos seus socios ten unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da empresa, da que desaparecesen máis da metade dos seus fondos propios, tal como se indica nos seus libros, e se perdesen máis da cuarta parte deles nos últimos 12 meses, ou

c) Para todas as formas de empresas, que reúnan as condicións establecidas no dereito nacional para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia.

Unha peme con menos de tres anos de antigüidade non se considerará empresa en crise durante ese período.

Terán a consideración de mediana empresa, aquelas empresas que ocupen a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non exceda 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non exceda 43 millóns de euros.

Terán a consideración de pequena empresa aquelas empresas que ocupen menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

Artigo 4. Solicitudes

As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e no prazo que se indiquen na convocatoria. Xunto coa solicitude deberá achegarse un exemplar orixinal ou copia compulsada da documentación que a seguir se especifica, agás a documentación técnica relativa á alínea e) que deberá achegarse por duplicado exemplar:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Anexo III: anexo técnico.

c) Documento que acredite que o solicitante da subvención é propietario do inmoble obxecto da mellora ou do predio para nova construción. No caso de existir propiedade pro indivisa, deberase achegar poder notarial dos copropietarios, outorgando representación ao solicitante, que deberá ser un deles, para actuar neste procedemento e asumir os compromisos derivados do establecido nesta resolución.

No caso de que o solicitante non sexa o propietario, acreditará a disposición do inmoble ou do predio para a realización do investimento obxecto da subvención e o período mínimo de explotación establecido no artigo 15.b) destas bases, mediante documento que así o acredite.

Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria da propiedade ou disposición dos inmobles e/ou dos predios.

d) Cando se trate de persoas xurídicas, achegarase copia compulsada do NIF, do documento de constitución da sociedade e da documentación acreditativa de representatividade suficiente para actuar en nome da empresa. Se o solicitante é persoa física, observarase o disposto no artigo 5 destas bases.

e) Proxecto básico, elaborado por técnico facultativo competente, que conterá:

e.1. Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

e.2. Orzamento do investimento, en que se especificará o importe da execución material así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto, segundo o anexo técnico da folla resumo xeral do orzamento, que deberá estar na memoria.

Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 50.000 euros no caso de contratos de obras, ou igual ou superior aos 18.000 euros cando se trate doutros contratos, o interesado achegará un mínimo de tres orzamentos de diferentes provedores en que se detallarán o custo de execución material, o beneficio industrial e os gastos xerais, non sendo estes dous últimos conceptos subvencionables, segundo dispón o artigo 1.9 destas bases reguladoras en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.

e.3. Planos de localización do investimento.

e.4. Planos do estado actual, se correspondesen, e do proxecto.

e.5. Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

e.6. Relación detallada dos mobles e equipamentos (débense indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

e.7. Memoria explicativa de adecuación ao contorno das actuacións que, de ser o caso, corresponda, de recuperación de elementos de arquitectura, cultura e sociedade tradicional, así como equipamentos e servizos.

e.8. Memoria explicativa e exhaustiva, tamén asinada polo promotor, do tipo de servizos que se van prestar no establecemento.

Teñen a consideración de edificación e, polo tanto, requiren proxecto básico, os seguintes:

I. Obras de ampliación, modificación, reforma ou rehabilitación que alteren a configuración arquitectónica dos edificios, considerándose tales as que teñan carácter de intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial do sistema estrutural, así como as que teñan por obxecto cambiar os usos turísticos do edificio.

II. Obras que teñan o carácter de intervención total en edificacións catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico-artístico regulada a través de norma legal ou documento urbanístico, así como aquelas que afecten os elementos ou partes obxecto de protección.

III. Considéranse comprendidas na edificación as súas instalacións fixas e o equipamento propio, así como os elementos de urbanización que estean adscritos ao edificio.

O dito proxecto deberá estar avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo, que emitirá o informe correspondente.

No caso de tratarse dunha mellora ou reforma dun establecemento xa existente, e cando sexan actuacións de pouca entidade que non necesiten proxecto de execución, segundo a normativa vixente, deberase presentar memoria explicativa detallada na cal se defina pormenorizadamente o proxecto que se vai executar, orzamento desagregado por conceptos do investimento proxectado e os correspondentes certificados de idoneidade técnica e planos do estado actual, asinada por persoal técnico competente. Así mesmo, achegarase calquera documentación que permita comprobar a normativa de obrigado cumprimento.

f) Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

g) Prazo previsto, expresado en meses, para a execución, indicando data de inicio (cronograma de realización).

h) Licenza urbanística que posibilite a execución do investimento para o cal se solicita a subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, ou cando se trate de obras para as que non sexa preceptiva segundo a normativa correspondente, presentarase certificación de viabilidade urbanística ou permiso emitido polo órgano competente do concello, en que se indique que o proxecto para o cal se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio. Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da dita licenza urbanística.

i) Anexo IV-A: modelo de declaracións:

– Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

– Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Declaración de non ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, alínea h), do Regulamento (CE) nº 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis.

j) Anexo IV-B: declaración de peme.

k) Anexo IV-C: declaración responsable da titularidade dunha conta bancaria en que faga constar: código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente, en relación co previsto no artigo 5 da Orde do 12 de xaneiro de 2012, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico.

l) Se é o caso, documento acreditativo da adhesión do establecemento ao Instituto para a Calidade Turística Española, emitido pola súa delegación territorial en Galicia.

m) No caso de establecementos coa marca Q de calidade turística, documento acreditativo de certificación en vigor, emitido polo Instituto para a Calidade Turística Española.

n) No caso de establecementos distinguidos con compromiso de calidade turística, documento acreditativo do distintivo de Compromiso de calidade turística de boas prácticas en vigor concedido por un destino Sicted (Sistema de calidade turística española en destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia.

ñ) De ser o caso, documentos acreditativos relativos ás certificacións e/ou distintivos de calidade e/ou calidade ambiental do establecemento solicitante.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa os datos de carácter persoal que figuren no NIF do interesado e a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, facéndoo constar no formulario de solicitude; daquela deberá presentar o NIF e as certificacións ás cales fai referencia este punto.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3º da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura en poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada.

En calquera caso, nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirirlle ao solicitante a presentación da documentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto conforme o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. De acordo co previsto nos artigos 6 e 7, número 2, letra d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006, a aceptación das axudas polos beneficiarios implica a aceptación da súa inclusión na lista de beneficiarios.

5. A Secretaría Xeral para o Turismo velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e para estes efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptando tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e do tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. Non obstante, a Secretaría Xeral para o Turismo revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Órganos competentes

O subdirector xeral de Xestión, Fomento e Cooperación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle á titular da Secretaría Xeral para o Turismo ditar a resolución de concesión.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º.b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Secretaría Xeral para o Turismo, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG. Se a instrución do procedemento o aconsellar, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. O Servizo de Turismo da Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza achegará un informe en que deberá indicar se o proxecto é conforme coa normativa de ordenación turística vixente, a localización e o interese turístico do proxecto e, de ser o caso, as datas de autorización e de inscrición no REAT e a clasificación turística que lle correspondería. Así mesmo, achegarase un informe do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística sobre a calidade do inmoble, do seu estado e do proxecto. Estes informes achegaranse cunha antelación mínima de dez días previos ao da realización da Comisión de Valoración.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propor a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) O/a subdirector/a xeral de Xestión, Fomento e Cooperación, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as do Servizo de Turismo de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

c) O/a xefe/a do Servizo de Xestión e Fomento, da Secretaría Xeral para o Turismo, que exercerá as funcións de secretario/a.

d) O/a xefe/a do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

e) Un representante da Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Planificación Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

f) O/a xefe/a da Área de Xestión de Calidade de Turgalicia.

g) O/a xefe/a da Área de Novos Produtos de Turgalicia.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola Secretaría Xeral para o Turismo.

4. A Comisión poderá estar asistida por expertos externos.

5. Así mesmo, a Comisión poderá dispor a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos achegados xunto coa solicitude.

6. Na proposta de concesión que formule a Comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificando a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

7. No caso de existiren solicitudes que non figuran na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a Comisión poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos, ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 9. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán por orde decrecente os seguintes, tendo en conta a valoración específica que se lle atribúe a cada unha delas:

1º A localización do investimento atendendo á súa situación nas provincias interiores de Galicia e en áreas rurais con tendencia á despoboación, polo que debido a unha débil infraestrutura turística destas áreas precisan unha discriminación positiva, así como en municipios turísticos e en espazos cualificados con algunha figura de protección ambiental:

– Localización do proxecto nas provincias de Lugo ou Ourense (5 puntos).

– Áreas rurais con tendencia á despoboación (5 puntos).

– Situación en municipio turístico oficialmente declarado (5 puntos).

– Situación nun espazo cualificado con algunha figura de protección ambiental (5 puntos).

Ata 20 puntos.

2º Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa calidade turística:

– Acreditando certificación da marca Q de calidade turística do ICTE (8 puntos).

– Acreditando a súa adhesión vixente para o ano 2012 ao ICTE, no caso de establecementos aínda non certificados co Q de calidade turística (4 puntos).

– Acreditando o distintivo en boas prácticas de compromiso de calidade turística concedido por un destino Sicted (Sistema de calidade turística española en destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia (3 puntos).

Ata 15 puntos.

3º Que o proxecto pretenda acadar un establecemento respectuoso co ambiente:

– Acreditando una certificación ambiental internacionalmente recoñecida (ISO, EMAS, Etiqueta Ecolóxica ...) (8 puntos).

– A través da implantación de tecnoloxías que permitan aforros e eficiencias das instalacións en campos como: residuos, enerxías, depuración de augas, contaminación acústica etc. (7 puntos).

Ata 15 puntos.

4º Que o proxecto incida especialmente nas condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. 15 puntos.

5º Que o investimento inclúa novas tecnoloxías cara a xestión e comercialización dos servizos turísticos. 10 puntos.

6º Que o proxecto supoña a implantación de novas ofertas combinadas das instalacións e servizos de turismo con outras actividades complementarias que permitan mellorar a oferta e contribuír a dinamizar turisticamente o contorno onde se asenta (turismo mariñeiro/náutico, turismo enolóxico, turismo ornitolóxico, turismo de golf, turismo termal, turismo cultural, turismo de aventura e turismo gastronómico). 10 puntos.

7º Rehabilitación dunha edificación singular ou dun elemento do patrimonio arquitectónico tradicional. 15 puntos.

Con base na puntuación que acaden os proxectos presentados de conformidade cos anteriores criterios, os beneficiarios acadarán unha porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable correspondente, segundo a continuación se detalla:

Puntos

% Axuda

81-100

40

61-80

39,5

41-60

39

21-40

38,5

0-20

38

Artigo 10. Audiencia

Unha vez efectuada a avaliación, a Comisión fará un informe co seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada, que deberá ser notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo dispón o artigo 3.1 do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro (DOUE L379/5, do 28 de decembro), na citada proposta comunicaráselle ao beneficiario o importe da axuda (expresado en equivalente bruto da subvención) e sobre o seu carácter de minimis.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Unha vez examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á secretaria xeral para o Turismo.

2. A secretaria xeral, á vista da proposta de resolución, ditará, no prazo de quince (15) días desde a súa elevación, a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os extremos contidos no artigo 34.4º do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo elixible da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Turismo. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios para que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes rexeitadas notificaranse individualmente, con indicación das causas do rexeitamento. Non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada para a súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a secretaria xeral para o Turismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola secretaria xeral para o Turismo, logo da instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Cando sexa notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, se entenderá tacitamente aceptada.

2. Coa aceptación, o beneficiario consente a publicación da resolución en que se lle concede a axuda na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2º.d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a secretaria xeral ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Iniciar a actividade turística (ou continuala no caso de proxectos de mellora), incluídos todos os servizos que se recolleron no proxecto, logo de declaración responsable de inicio de actividade, nun prazo máximo de seis (6) meses contados a partir da data límite da xustificación final do investimento fixada no artigo 17 destas bases.

b) Manter a entidade beneficiaria da axuda a súa actividade en Galicia, sen posibilidade de subcontratala, durante un período mínimo de cinco (5) anos, contados desde a data da declaración responsable de inicio de actividade ou, no seu defecto, desde que se produza a liquidación definitiva da subvención.

Así mesmo, segundo establece o artigo 57 do Regulamento 1083/2006, o investimento deberá manterse en Galicia polo menos durante os cinco anos seguintes, unha vez completada a totalidade do investimento.

De non cumprir coas citadas obrigas procederase ao reintegro da subvención concedida.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral para o Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Secretaría Xeral para o Turismo a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional. Por estar esta convocatoria suxeita ao réxime de minimis, tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. A Secretaría Xeral para o Turismo comprobará que non se superan as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

e) Acreditar con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, conforme o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

f) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora xerados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto, ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro; o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos; o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas, para a mesma finalidade, percibidas de calquera administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

g) Adscribirse á Central de Reservas de Turismo Rural cando se trate destes establecementos e a aquelas que, se é o caso, cree a Administración turística galega.

h) Executar o proxecto de total conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

i) Facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

j) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así mesmo, deberán cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE 27.12.2006, L371), coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro (DOUE 23.9.2009, L250).

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus proxectos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Turismo, de acordo co disposto na regulamentación comunitaria nesta materia. Para isto empregarán a lenda «Proxecto cofinanciado», acompañada do escudo normalizado da Xunta de Galicia, logotipo que pode descargarse no seguinte enlace: www.xunta.es/descarga-do-manual, e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda «Unión Europea. Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)», precedendo os emblemas empregarase a lenda «Unha maneira de facer Europa». Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web (http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe). Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Cando se materialice nunha aplicación informática, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom), deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

Cando se trate de obras arquitectónicas, os beneficiarios deberán colocar unha placa explicativa permanente, visible e de gran tamaño, nun prazo máximo de seis meses a partir da conclusión da obra. Na placa indicarase o tipo e nome da operación, que ocupará como mínimo o 25% da placa. Durante a execución da operación o beneficiario colocará un cartel no lugar das operacións. Concluída a operación, o cartel substituirase pola placa explicativa permanente.

k) Igualmente o beneficiario deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de www.turgalicia.es/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados, así como as indicacións do uso.

l) O beneficiario queda obrigado a manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a pista de auditoría.

m) O beneficiario deberá conservar a documentación contable e de todo tipo relativa á execución dos gastos do proxecto obxecto da subvención por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de conformidade co artigo 89, punto 3, do Regulamento 1083/2006, do Consello.

n) Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

Artigo 16. Subcontratación

Permítese, para a realización das obras necesarias para executar o proxecto, a subcontratación do 100%, cos límites establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. No prazo dos sesenta (60) días naturais seguintes ao da notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Secretaría Xeral para o Turismo orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

a) Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada, que deberá axustarse á oferta máis vantaxosa das inicialmente presentadas. O dito proxecto de execución incluirá o programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, conforme a resolución de concesión, e deberá ser avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

b) Documento acreditativo ou contrato do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

2. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de decembro de 2012 para presentar, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, mediante a modalidade de conta xustificativa (conforme ao artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), orixinal ou copia compulsada, da documentación que a continuación se indica:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

c.1. Relación clasificada dos gastos e investimento da actividade, con indicación do acredor e do documento, o su importe, data de emisión e data de pagamento. Se é o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento.

c.2. Facturas que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

d) Certificación de obra por conceptos, en modelo normalizado que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada polo arquitecto e arquitecto técnico da obra, relativa á obra executada coa súa valoración.

No caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, asinado por persoal técnico competente, para obras menores con orzamento de execución material superior a 50.000 euros. Para obras menores con orzamento de execución material inferior a 50.000 euros, é suficiente coa presentación da memoria que se indica na alínea b).

e) Licenza urbanística ou, de ser o caso, permiso que posibilite a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo, e non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade mentres non se presente.

f) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social, e de non ter ningunha débeda pendente, por ningún concepto, con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

g) Declaración responsable onde se recollan expresamente os compromisos a que se fai referencia no artigo 15 das bases reguladoras. Pode utilizarse, actualizado, o anexo IV-A: modelo de declaracións.

h) Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. Pode utilizarse, actualizado, o anexo IV: modelo de declaracións.

i) Xustificante orixinal do depósito da garantía presentada no caso de pagamentos de importe superior a 18.000 euros, de acordo co establecido no artigo 62 en relación co 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, a Secretaría Xeral para o Turismo poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20% do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado, que non desvirtúen as características do proxecto e as condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión e que se cumpra coa normativa turística.

Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60% do importe do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é superior ao 60%, pero sen acadar o 100% do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

4. Cando a subvención se conceda para adquisición de maquinaria e equipamento, no momento da xustificación deberase xuntar unha relación dos equipamentos subvencionados en que conste a marca, o modelo e o número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación. Estes mesmos datos deben figurar, ademais, na correspondente factura.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a secretaria xeral ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da secretaría xeral, antes de procederen ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Cando se soliciten pagamentos parciais, ademais da presentación da documentación indicada no artigo 17, tamén deberán concorrer as seguintes circunstancias e condicións a que fai referencia o artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro):

a) Os pagamentos á conta poderán supor a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas e se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada ata a porcentaxe que establezan as bases reguladoras.

b) O importe conxunto dos pagamentos á conta que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

3. Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

4. Os pagamentos parciais superiores a 18.000 euros terán que garantirse conforme o establecido no artigo 67.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca; deberá cubrir o 110% do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación previsto no artigo 17 destas bases reguladoras.

Tal e como establece o artigo 69 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

Unha vez comprobada a adecuada xustificación da realización da actividade ou proxecto para o cal se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

5. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

A comprobación material poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

Excepcionalmente, a comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20. Control

1. A Secretaría Xeral para o Turismo poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, do beneficiario ou programa e crédito orzamentario e da contía e finalidade da subvención.

Igualmente o farán na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Secretaría Xeral para o Turismo.

Artigo 22. Remisión normativa

Son de aplicación directa o Regulamento comunitario 1998/2006 (DOUE 28.12.2006), relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis; o Regulamento comunitario 1080/2006 (DOUE 31.7.2006, L210), do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; o Regulamento comunitario 1083/2006, do Consello (DOUE 27.12.2006, L371), relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE) e ao Fondo de Cohesión; o Regulamento comunitario 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro (DOUE 23.9.2009, L250).

Para todo o non previsto nestas bases reguladoras haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, e o resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file