Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 1 de agosto de 2012 Páx. 30482

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 160/2012, do 26 de xullo, polo que se modifica o Decreto 162/2011, do 28 de xullo, polo que se regula a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés.

A Lei xeral de sanidade establece que os servizos de saúde adecuarán a súa organización e funcionamento aos principios de eficacia, celeridade, economía e flexibilidade e, así mesmo, que os medios e actuacións do sistema sanitario estarán orientados prioritariamente á promoción da saúde e á prevención das enfermidades.

A Lei de saúde de Galicia, na mesma liña indica que as actuacións da Administración sanitaria deberán estar orientadas a garantir a asistencia sanitaria en todos os casos de perda da saúde e en condicións de igualdade efectiva.

Para acadar este obxectivo foron creadas as estruturas de xestión integrada que teñen como finalidade, entre outras, a de facilitar a accesibilidade, continuidade e seguridade na atención sanitaria mediante a utilización eficiente dos seus recursos.

O Decreto 168/2010, do 7 de outubro, establece o réxime xeral das estruturas organizativas de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde, e configúraas como un novo modelo de xestión para a consecución dos obxectivos de accesibilidade, eficiencia e mellora na calidade das prestacións sanitarias. Este modelo funcional permite dar un paso significativo na coordinación da actividade sanitaria e capacidade de resposta do propio servizo de saúde.

O Decreto 162/2011, do 28 de xullo, regula a estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, e indica no artigo 2 que o ámbito de actuación da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés é o que se establece no seu anexo.

En cumprimento dos principios de eficacia na atención sanitaria, na procura da equidade no acceso dos/das pacientes da área sanitaria de Vigo á atención sanitaria e tendo en conta factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos e de dotacións de vías e comunicación, considérase necesario que se a demanda así o aconsella, e con carácter temporal, se poida facilitar a asistencia necesaria nos hospitais de Pontevedra a pacientes adscritos/as á área sanitaria de Vigo, sempre con carácter voluntario.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 43 da Lei 16/2010, do 27 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de xullo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 162/2011, do 28 de xullo, polo que se regula a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés

Un. Modifícase o artigo 2 do Decreto 162/2011, do 28 de xullo, que queda coa redacción seguinte:

«Artigo 2. Alcance

1. O ámbito de actuación da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés é o que se establece no anexo deste decreto.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, e en atención á demanda asistencial existente en cada momento, a Consellería de Sanidade poderá adoptar medidas temporais que permitan o acceso aos centros hospitalarios da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés a pacientes adscritos/as á área sanitaria de Vigo, sempre que medie consentimento destes».

Dous. Modifícase a disposición derradeira do Decreto 162/2011, do 28 de xullo, coa redacción seguinte:

«Disposición derradeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto, e, en particular, para adoptar as medidas temporais a que fai referencia o artigo 2».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xullo de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade