Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 8 de agosto de 2012 Páx. 31708

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2012

Gonzalo José Ordóñez Puime
Director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 4/2012,
do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia na súa reunión celebrada o día 12 de xullo de 2012 adoptou o seguinte acordo:

1. De conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral Comunidade Autónoma de Galicia-Administración Xeral do Estado, do 27 de xuño de 2012, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas sobre a Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo, ambas as partes considéranas solucionadas de conformidade coas actuacións desenvolvidas e en razón do compromiso seguinte:

En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 33.1.c) da lei, que no seu último inciso establece que «se as achegas económicas (dos municipios integrados) non se efectuasen, a área metropolitana, a través da persoa que ocupe a presidencia, poderá solicitarlle á Comunidade Autónoma que reteña, logo de instrución do correspondente procedemento e con cargo ás transferencias de carácter incondicionado e non finalista que esta poida ter recoñecidas a favor dos concellos debedores, os fondos do municipio debedor ata a contía en que se cifre a débeda en cuestión e que os ingrese na facenda da área metropolitana», ambas as partes coinciden en interpretar tal precepto no sentido de que a posibilidade de descontar dos libramentos que corresponda facer á Comunidade Autónoma a favor dos ditos municipios se fará en calquera caso, con cargo a recursos económicos procedentes de fondos da Comunidade Autónoma, sen que poida afectar a participación nos ingresos do Estado que poida corresponder ao Concello, nin a ningunha outra transferencia con orixe directo en asignacións ao Concello de fondos do Estado.

2. Segundo o acordo acadado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación co artigo 33.1.c) da Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo e concluída a controversia suscitada.

3. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 12 de xullo de 2012. Cristóbal Montoro Romero, ministro de Facenda e Administracións Públicas. Alfonso Rueda Valenzuela, conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.