Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 28 de setembro de 2012 Páx. 37572

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de setembro de 2012 pola que se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de estudos universitarios durante o curso 2012/13 nas universidades do Sistema universitario de Galicia, e se establecen as bases reguladoras.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das facultades que corresponden ao Estado.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade, así como a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

O Real decreto 1000/2012, do 29 de xuño, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2012/13, e se modifica parcialmente o Real decreto 1721/2007, do 21 de decembro (BOE nº 160, do 5 de xullo), cambiou os requisitos académicos xerais para poder acceder ás bolsas de carácter xeral para ensinanzas universitarias convocadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (en diante, MECD).

Así, o alumnado de bacharelato que se matricule, por primeira vez, no primeiro curso dos estudos de grao deberá acreditar unha cualificación mínima de 5,5 puntos nas probas de acceso, con exclusión, se é o caso, da fase específica. Os alumnos que acceden a través dun título de técnico superior de FP, ou títulos equivalentes, deberán ter esta mesma nota na proba ou nas ensinanzas que lles permita o acceso á universidade. Do mesmo xeito, perfílanse as condicións de acceso ao sistema de bolsas e axudas do MECD para os alumnos de segundo e posteriores cursos, que deberán acreditar ter superado porcentaxes superiores de créditos ECTS ás exixidas ata o momento, en función da rama de coñecemento a que se adscribe o título. Deste maneira, na rama de Enxeñaría e Arquitectura deberán ter superado nos últimos estudos cursados o 65 % dos créditos matriculados e nas ramas de Arte e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, o 90 % dos créditos matriculados.

Tendo en conta o anterior, co fin de minimizar no posible os efectos da entrada en vigor da nova normativa estatal e posibilitar o acceso aos estudos universitarios nuns casos, así como evitar o seu abandono noutros, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coas medidas previstas nesta orde pretende ampliar o alcance das bolsas e axudas, para que cheguen a unha maioría de estudantes universitarios da nosa comunidade autónoma. Para a súa concesión terase en conta a capacidade económica e o aproveitamento académico, sen prexuízo da coordinación co sistema xeral de bolsas e axudas ao estudo.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas, e por proposta da Secretaría Xeral de Universidades,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión de bolsas ou axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, aos alumnos que cursen ensinanzas universitarias adaptadas ao EEES, conducentes aos títulos oficiais de grao ou ensinanzas universitarias conducentes aos títulos oficiais de licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, e procédese á súa convocatoria.

Artigo 2. Natureza e contía da axuda

1. A axuda consistirá no pagamento do importe das taxas e dos prezos públicos oficiais por servizos académicos, para o curso 2012/13, que fose efectivamente aboado polo beneficiario.

2. Tanto a exención das taxas como as axudas para o pagamento dos gastos de matrícula alcanzarán unicamente as materias ou créditos de que se teña matriculado o solicitante, no curso 2012/13, nunha única titulación e especialidade.

Artigo 3. Solicitantes

1. Poderán solicitar esta axuda os alumnos matriculados nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, no curso 2012/13, nas seguintes ensinanzas:

a) Ensinanzas universitarias adaptadas ao EEES, conducentes aos títulos oficiais de grao.

b) Ensinanzas universitarias conducentes aos títulos oficiais de licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

Artigo 4. Requisitos académicos

1. Para o alumnado de primeiro curso que inicia estudos universitarios conducentes á titulación universitaria de grao nunha universidade pertencente ao Sistema universitario de Galicia:

– Acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (PAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da fase específica, superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos.

– Estar matriculado nunha universidade do SUG, no curso académico 2012/13, dun mínimo de 60 créditos.

– Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os cales solicita axuda.

2. Para o alumno de segundo e posteriores cursos matriculado en estudos universitarios conducentes á titulación universitaria de grao ou equivalente nunha universidade pertencente ao Sistema universitario de Galicia:

– Ter sido bolseiro do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no curso anterior 2011/12.

– Estar matriculado, no curso académico 2012/13, dun mínimo de 60 créditos.

– Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os que solicita axuda.

– Ter superado o 60 % dos créditos matriculados no curso anterior se se trata de estudos pertencentes á rama de coñecemento de Ensinanzas Técnicas (enxeñaría ou arquitectura) ou o 80 % se se trata de ensinanzas das ramas de Artes e Humanidades ou de Ciencias Sociais e Xurídicas.

– Non ter superado no curso anterior a seguinte porcentaxe de créditos: 65 % na rama de coñecemento de Ensinanzas Técnicas (enxeñaría ou arquitectura) ou o 90 % nas ramas de coñecemento de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas.

Artigo 5. Requisitos de carácter económico

Para ter dereito a bolsa, os limiares de renda familiar máximos serán os seguintes:

Familias de 1 membro: 11.937,00 euros.

Familias de 2 membros: 19.444,00 euros.

Familias de 3 membros: 25.534,00 euros.

Familias de 4 membros: 30.287,00 euros.

Familias de 5 membros: 34.370,00 euros.

Familias de 6 membros: 38.313,00 euros.

Familias de 7 membros: 42.041,00 euros.

Familias de 8 membros: 45.744,00 euros.

A partir do oitavo membro engadiranse 3.672,00 euros por cada novo membro computable da familia.

Artigo 6. Orzamento e importe das axudas

1. Para a concesión destas axudas destinaranse un total de 583.200 euros con cargo á partida orzamentaria 15.40.422C.480.0, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 .

2. A axuda terá unha dotación económica que comprenderá o prezo público oficial dos servizos académicos universitarios correspondente aos créditos en que estea matriculado o estudante por primeira vez no curso 2012/13, para o alumnado de primeiro curso. Para o alumnado de segundo ou posteriores cursos a dotación económica comprenderá o prezo público oficial dos servizos académicos universitarios correspondente aos créditos matriculados.

3. O outorgamento destas axudas queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da convocatoria no exercicio correspondente.

Artigo 7. Formalización e presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. Os formularios estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.es, Así mesmo, o acceso á sede electrónica tamén estará dispoñible por medio dunha ligazón no portal web institucional da Xunta de Galicia www.xunta.es

O formulario de solicitude que se publica como anexo I a esta orde correspóndese co modelo ED441C e poderá ser cuberto e confirmado acudindo á aplicación informática dispoñible no devandito enderezo da sede electrónica. Para a presentación na sede electrónica admitirase o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede.

3. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

4. Nestes formularios normalizados cubriranse todos os campos sen emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

5. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía electrónica que non completen o proceso de presentación establecido, obtendo o xustificante da solicitude que deberá ser conservado polo solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.

6. A presentación das solicitudes comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa comunidade autónoma, a través de certificados electrónicos, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación.

7. Ademais do procedemento previsto anteriormente, admítese igualmente a presentación da solicitude e da documentación en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, que se presentará asinado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias.

Artigo 8. Documentación que hai que presentar

A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED441C) presentarase acompañada da seguinte documentación:

1. Para alumnos que inicien estudos:

a) Certificación dos estudos que permitan o acceso á universidade ou tarxeta das PAU, que inclúa a nota media.

b) Documento acreditativo de matrícula na universidade en que deberá figurar o importe da matrícula e o número de materias e créditos nos cales está matriculado no curso 2012/13.

c) Certificado municipal de residencia de todos os membros que compoñan a unidade familiar, no caso de non autorizar a súa verificación.

d) Documentación acreditativa da independencia familiar e económica, se procede.

e) Declaración responsable (anexo II).

f) Autorización de solicitude de información de datos de natureza tributaria (anexo III).

2. Para continuación de estudos:

a) Extracto do expediente académico actualizado en que figuren as materias e créditos nos cales está matriculado no curso 2012/13.

b) Documento acreditativo de matrícula na universidade en que deberá figurar o importe da matrícula e o número de materias e créditos nos cales está matriculado no curso 2012/13.

c) Certificado municipal de residencia de todos os membros que compoñan a unidade familiar, no caso de non autorizar a súa verificación.

d) Documentación acreditativa da independencia familiar e económica, se procede.

e) Declaración responsable (anexo II).

f) Autorización de solicitude de información de datos de natureza tributaria (anexo III).

g) Credencial de bolseiro do MECD no curso 2011/12.

Artigo 9. Requirimento de documentación ou emenda

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.

Unha vez comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais, e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas, con indicación das causas de exclusión. Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería: www.edu.xunta.es/

As listas provisionais de admitidos e excluídos por documentación serán expostas o día 20 de decembro de 2012. Os interesados disporán, para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación presentada ante a Secretaría Xeral de Universidades, dun prazo comprendido entre o día 21 de decembro de 2012 e o 3 de xaneiro de 2013, ambos os dous incluídos.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, arquivarase o expediente.

Artigo 10. Comisión avaliadora

1. A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades.

Vogais:

O membro do equipo de goberno da Universidade de Santiago de Compostela responsable en materia de estudantes.

O membro do equipo de goberno da Universidade da Coruña responsable en materia de estudantes.

O membro do equipo de goberno da Universidade da Vigo responsable en materia de estudantes.

A persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades.

A persoa titular do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario/a: unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 11. Selección

1. As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva.

2. A selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos en función da renda familiar. A ordenación das solicitudes e a proposta de concesión realizarase priorizando as solicitudes en atención á menor renda familiar per cápita.

3. No suposto de que o importe das axudas propostas para a concesión superase o importe global máximo a que se fai referencia no artigo 6 desta orde, estas axudas adxudicaranse ata onde o permitan as dispoñibilidades orzamentarias, en orde ascendente, empezando polas rendas máis baixas, de acordo coa renda individual familiar resultante de dividir a renda familiar entre o número de membros. En caso de empate entre dous ou máis solicitantes, procederase ao desempate con base no expediente académico dos solicitantes afectados.

4. A renda familiar obterase pola agregación das rendas do exercicio 2011 de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculadas segundo se indica nos parágrafos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

5. Para a determinación da renda dos membros computables que presenten declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas procederase do seguinte xeito:

Primeiro. Sumarase a base impoñible xeral coa base impoñible do aforro.

Segundo. Deste resultado restarase a cota resultante da autoliquidación.

6. Para a determinación da renda dos membros computables que obteñan ingresos propios e non presentasen a declaración do IRPF seguirase o procedemento descrito no punto primeiro do número anterior e do resultado obtido restaranse os pagamentos á conta efectuados.

7. A presentación da solicitude de axuda implicará a autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para obter os datos necesarios para determinar a renda para os efectos da axuda a través das correspondentes administracións tributarias.

8. Para o cálculo da renda familiar para efectos de bolsa, son membros computables da familia o pai e a nai, o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor, se é o caso, o solicitante, os irmáns solteiros menores de vinte e cinco anos e que convivan no domicilio familiar en 31 de decembro de 2011 ou os maiores de idade, cando se trate de persoas con discapacidade, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que os anteriores co certificado municipal correspondente. No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se considerarán membros computables o cónxuxe ou, se é o caso, a persoa á cal se atope unido por análoga relación, así como os fillos, se os houber.

9. No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co solicitante da bolsa. Terá, non obstante, a consideración de membro computable, se é o caso, o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación cuxas rendas se incluirán dentro do cómputo da renda familiares.

10. Nos casos en que o solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar que conta cos medios económicos propios suficientes que permitan a devandita independencia, así como a titularidade ou alugamento do seu domicilio que, para todos os efectos, será o que o alumno habite durante o curso escolar. No caso contrario entenderase non probada a independencia polo que, para o cálculo da renda para efectos de bolsa, computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refiren os números anteriores.

11. A comisión levantará acta das súas deliberacións e elaborará unha listaxe de axudas concedidas cos solicitantes que obtiveron bolsa de acordo cos criterios fixados. Así mesmo, elaborará outra listaxe de solicitudes denegadas coas causas de exclusión.

12. A proposta de concesión formulada pola Comisión, así como a listaxe de solicitudes denegadas, publicarase en internet, na epígrafe de Ensinanza/Universidade do enderezo www.edu.xunta.es. A dita publicación terá só efectos informativos.

Artigo 12. Resolución e publicación

1. A competencia para resolver estas axudas corresponde ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. Efectuada a selección pola Comisión, esta elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta de resolución que incluirá unha relación de solicitantes seleccionados e outra de solicitudes denegadas coas causas de denegación ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia, coa que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente, un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes.

O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

Artigo 13. Aboamento e xustificación das bolsas

1. Segundo o disposto no artigo 28.9º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contía da axuda concedida aboaráselles aos beneficiarios nun pagamento único polo importe que lles corresponda, unha vez notificada a resolución de concesión mediante a correspondente orde de resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia. A tramitación do pagamento axustarase ao establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fixesen constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos en canto non se teña constancia da finalización do expediente, non facéndose responsable a Administración da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables aos solicitantes.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

O alumnado que resulte beneficiario destas axudas comprométese ao cumprimento do establecido nesta convocatoria e na súa resolución, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que se atope matriculado e non anular a matrícula.

b) Concorrer a exame de, polo menos, un terzo dos créditos matriculados, en convocatoria ordinaria e extraordinaria.

c) Cumprir os requisitos e condicións establecidos para a concesión e desfrute da bolsa.

d) Cooperar coa Administración nas actuacións de comprobación en que sexa necesario verificar, se procede, o cumprimento e a efectividade das condicións determinantes da concesión da bolsa.

e) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude e someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral de Universidades.

f) Comunicar por escrito a renuncia á axuda no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

g) Informar o órgano concedinte da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

h) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1º k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Compatibilidade, alteración, modificación e reintegro

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Non obstante, o alumno beneficiario poderá recibir bolsas que se convoquen para cubrir algunha das accións formativas que vaia realizar como complemento dos estudos (Erasmus, asistencia a reunións, congresos, seminarios, cursos de idiomas...).

Non se poderán outorgar estas bolsas a aqueles solicitantes que, polo seu nivel de renda familiar ou expediente académico, teñan dereito a percibir axuda ou bolsa da convocatoria xeral do MECD, inda que non a solicitasen.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión desta axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, se é o caso, á súa revogación con reintegro das cantidades que corresponda.

3. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co procedemento establecido nos artigos 77 a 83, inclusive, do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obtivese a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseasen ou ocultasen feitos ou datos que motivasen a súa concesión.

Disposición adicional primeira

A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade de convivencia.

b) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a súa publicidade nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro das cantidades percibidas.

c) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2º c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

d) Porén, non será necesaria a publicación cando o órgano concedente considere que se dan as previsións do artigo 15.2º d) da citada Lei 9/2007.

Disposición adicional segunda

A concesión das bolsas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Disposición adicional terceira

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file