Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2012 Páx. 38993

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de almacenaxe en industrias e laboratorios químicos en Galicia.

O Real decreto 1179/2008, do 11 de xullo, estableceu, entre outras, as cualificacións profesionais de nivel 1 de operacións auxiliares e de almacén en industrias e laboratorios químicos, pertencente á familia profesional química, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, recolle na súa disposición adicional terceira que os módulos específicos asociados a unidades de competencia de cualificacións profesionais de nivel 1 incluídos nos programas de cualificación profesional inicial desenvolven a competencia do perfil profesional, e formarán parte da formación profesional do sistema educativo, e determina que a consellería con competencias en materia de educación establecerá o currículo dos módulos específicos dos respectivos perfís profesionais conforme o tecido produtivo de Galicia.

A Orde do 13 de xullo de 2011 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece, no seu artigo 7, que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan se desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de almacenaxe en industrias e laboratorios químicos en Galicia.

Segundo. Identificación

O programa de cualificación profesional inicial de almacenaxe en industrias e laboratorios químicos queda identificado polos seguintes elementos:

– Denominación: almacenaxe en industrias e laboratorios químicos.

– Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

– Duración: 580 horas.

– Familia profesional: química.

Terceiro. Competencia xeral

Realizar operacións auxiliares elementais relacionadas coa recepción externa, o almacenamento e a subministración interna de produtos químicos, así como aquelas concernentes a tarefas sinxelas de laboratorio e operacións rutineiras de proceso químico, seguindo instrucións e, de ser o caso, baixo supervisión, respectando os procedementos establecidos e consonte os requisitos de seguridade persoal e ambiental normalizados pola empresa.

Cuarto. Competencias profesionais, persoais e sociais

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan:

a) Actuar, seguindo normas e procedementos escritos, sobre as fontes de sucidade e as áreas correspondentes, cos sistemas de limpeza e/ou desinfección máis axeitados ás necesidades de uso.

b) Manter os materiais, o instrumental, os equipamentos e as instalacións en adecuado estado de limpeza e desinfección para a súa utilización, seguindo instrucións.

c) Colaborar, seguindo instrucións, na prevención de situacións accidentais por derramamentos que exixan actuacións inmediatas, para evitar riscos.

d) Recibir e, de ser o caso, colaborar na recepción de materiais e produtos químicos subministrados polos provedores internos e externos.

e) Ordenar, clasificar e almacenar produtos químicos e outros materiais.

f) Preparar e entregar os produtos químicos e outros materiais segundo as instrucións recibidas.

g) Manexar, baixo supervisión, utensilios e equipamentos básicos dos procesos na industria química e relacionada.

h) Realizar operacións rutineiras e básicas dos procesos, na industria química e nas afíns.

i) Recibir e clasificar reactivos, materiais de laboratorio e mostras para unha análise posterior.

j) Colaborar na preparación de reactivos seguindo a orde de traballo recibida.

k) Cumprir as normas de seguridade, saúde e protección ambiental, detectando e previndo os riscos asociados ao posto de traballo.

l) Comunicarse eficazmente coas persoas adecuadas en cada momento, respectando as canles establecidas na organización.

m) Manter hábitos de orde, puntualidade, responsabilidade, meticulosidade, limpeza e atención aos detalles ao longo da actividade.

n) Demostrar as actitudes de cortesía, respecto e discreción requiridas na atención á clientela.

ñ) Actuar con confianza na propia capacidade profesional e prestar atención ás innovacións que se produzan dentro do sector e que poidan fomentar o propio desenvolvemento profesional.

Quinto. Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo nacional das cualificacións profesionais incluídas no perfil profesional

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Operacións auxiliares e de almacén en industrias e laboratorios químicos, QUI405_1 (Real decreto 1179/2008, do 11 de xullo), que abrangue as seguintes unidades de competencia:

– UC1310_1: realizar operacións de limpeza e desinfección de materiais, equipamentos e instalacións en que se empreguen produtos químicos.

– UC1311_1: realizar operacións de almacén de produtos químicos e relacionados.

– UC1312_1: realizar operacións auxiliares elementais en laboratorio e nos procesos da industria química e afíns.

Sexto. Ámbito profesional

1. Ámbito profesional: este persoal exerce a súa actividade en empresas químicas, en áreas de laboratorio, plantas de produción, plantas auxiliares e almacéns. Opera seguindo instrucións precisas de persoal técnico superior e segundo procedementos establecidos.

2. Sectores produtivos:

Química básica: refinación de petróleo, petroquímica, gases, química inorgánica, química orgánica, fertilizantes, primeiras materias poliméricas, caucho sintético, pigmentos e fibras sintéticas, pastas celulósicas para a fabricación de papel, téxtiles etc.

Química transformadora: produtos farmacéuticos e afíns, pinturas, vernices, lacas, adhesivos, tintas de imprenta, material fotográfico sensible, aceites esenciais e substancias aromáticas, colas e xelatinas para industria téxtil e de coiro, xabóns, deterxentes, lixivias, explosivos, cera e parafinas, papel, cartón e transformacións destes, e produtos poliméricos e transformados.

Outros sectores: distribución de produtos químicos, farmacéuticos e afíns, ou onde existan laboratorios, centros de investigación, produción e/ou transformación de substancias da industria química.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables.

– Auxiliar de almacén de medicamentos.

– Auxiliar de laboratorio de desenvolvemento.

– Auxiliar de liña de produción.

– Auxiliar en procesos de industria química.

– Auxiliar de almacén de produtos farmacéuticos e afíns.

– Auxiliar de laboratorio de investigación e experimentación.

– Auxiliar de limpeza e desinfección de instalacións, aparellos e material de laboratorio.

– Auxiliares de plantas químicas, de enerxía e de servizos auxiliares.

– Auxiliar de almacén de produtos químicos.

– Axudante de plantas residuais.

– Axudante de planta de tratamento de augas.

Sétimo. Módulos específicos

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan:

– ME0153. Limpeza e desinfección en laboratorios e industrias químicas.

– ME0154. Operacións de almacén de produtos químicos e relacionados.

– ME0155. Operacións auxiliares elementais en laboratorio e en procesos da industria química e afíns.

– ME0156. Formación en centros de traballo.

Oitavo. Espazos e equipamentos

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos identificados se diferencien mediante pechamentos.

Noveno. Profesorado e persoas formadoras

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensinanza públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria establécese no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en contornos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo. Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro. Distribución horaria dos módulos específicos

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en contornos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2012

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

1. Anexo I: módulos específicos.

1.1. Módulo específico: Limpeza e Desinfección en Laboratorios e Industrias Químicas.

• Código: ME0153.

• Duración: 93 horas.

1.1.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Identifica os equipamentos e os produtos de limpeza necesarios para eliminar a sucidade en materiais, instrumentos, equipamentos e áreas de laboratorios e industrias químicas, as súas características, as funcionalidades e as potencialidades no seu uso, en función dos protocolos establecidos e seguindo as instrucións correspondentes de persoal superior inmediato.

– CA1.1. Caracterizáronse as fontes de sucidade existentes nas áreas e nos materiais ou equipamentos de acordo coa súa posible limpeza.

– CA1.2. Seleccionouse o produto de limpeza, en supostos prácticos ante unha fonte de sucidade, segundo a natureza da sucidade e/ou o equipamento que haxa que limpar.

– CA1.3. Comprobouse, en supostos prácticos ante unha fonte de sucidade, que os produtos e/ou equipamentos de limpeza e os contedores necesarios para a eliminación dos residuos se achen no lugar e nas condicións adecuadas.

– CA1.4. Utilizouse, en supostos prácticos ante unha fonte de sucidade, a roupa de traballo e os equipamentos de protección adecuados para o tipo de produtos que se manipulen.

• RA2. Desenvolve actividades de limpeza específicas en función dos tipos de urxencia e o risco para as persoas, os equipamentos e as instalacións, segundo os protocolos establecidos, adoptando as medidas de hixiene e prevención precisas para cada situación de traballo.

– CA2.1. Realizouse a limpeza das áreas de laboratorios e industrias químicas, os equipamentos e os materiais, seguindo a frecuencia definida no regulamentado en cada caso.

– CA2.2. Diferenciouse a actuación urxente, ante unha incidencia imprevista, fronte aos plans de limpeza previamente establecidos.

– CA2.3. Aplicáronse os criterios de organización axeitados para que os equipamentos e os utensilios de limpeza non obstaculicen os lugares de paso de persoas e máquinas.

– CA2.4. Utilizáronse materiais e equipamentos específicos para eliminar verteduras accidentais que poidan ocasionar riscos para as persoas, os equipamentos e as instalacións.

– CA2.5. Formalizáronse os rexistros establecidos respecto ás actividades realizadas e ao inventario de material.

• RA3. Aplica medidas de prevención ambiental utilizando os respectivos recipientes de recollida de residuos en función dos refugos que haxa que eliminar, seguindo a normativa.

– CA3.1. Diferenciouse a natureza dos residuos asociándoos co contedor adecuado e co seu sistema de eliminación.

– CA3.2. Comprobouse o estado e a situación dos contedores para evitar fugas e derramamentos incontrolados.

– CA3.3. Comunicóuselle á persoa responsable da xestión ambiental a necesidade de retirar os residuos que se eliminan a través dun xestor autorizado.

1.1.2. Contidos básicos.

Procedementos e tipos de limpeza:

• Concepto, definición e tipos de sucidade respecto á súa orixe e á súa natureza.

• Limpeza en frío e en quente.

• Procedementos físicos e químicos de limpeza: sistemas de aspiración, adsorción e abrasión.

• Limpeza en medio acuoso e con disolventes.

• Operacións auxiliares de redución ao mínimo da sucidade.

• Clasificación da limpeza.

• Limpezas rutineiras e de mantemento.

• Limpezas de carácter especial: desinfección, esterilización, desinsectación e desratización.

• Equipamentos e produtos de limpeza.

Organización e rexistro das operacións de limpeza:

• Sistemas de rexistro.

• Protocolos establecidos de limpeza.

Seguridade e ambiente na limpeza:

• Incompatibilidades básicas dos produtos de limpeza.

• Equipamentos de traballo e de protección individual.

• Riscos derivados do uso dos equipamentos e produtos de limpeza.

• Materiais específicos para verteduras accidentais.

• Sistemas de recollida de residuos.

• Rexistros e fichas de control derivados das actividades de limpeza.

• Normas e instrucións de referencia.

• Fichas de seguridade relacionadas con limpeza.

1.1.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de realización de operacións de limpeza e desinfección de materiais, equipamentos e instalacións en que se empreguen produtos químicos.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo han versar sobre:

– Actuación sobre as fontes de sucidade e as áreas correspondentes, cos sistemas de limpeza e/ou desinfección máis adecuados ás necesidades de uso.

– Mantemento dos materiais, o instrumental, os equipamentos e as instalacións para a súa utilización.

– Colaboración na prevención de situacións accidentais por derramamentos que exixan actuacións inmediatas para evitar riscos.

– Seguimento das normas establecidas de calidade, seguridade e ambientais.

1.2. Módulo específico: Operacións de Almacén de Produtos Químicos e Relacionados.

• Código: ME0154.

• Duración: 140 horas.

1.2.1 Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Aplica pautas definidas para recibir os materiais subministrados polos provedores (reactivos, produtos químicos, de acondicionamento e xerais), formalizando os rexistros previstos e realizando operacións de identificación e etiquetaxe, coa seguridade requirida.

– CA1.1. Identificáronse os produtos que teña que recibir segundo o seu estado físico, a presentación e os requisitos de almacenamento.

– CA1.2. Comprobouse que as materias recibidas sexan as correspondentes ao pedido realizado con anterioridade, tanto en cantidade como en calidade.

– CA1.3. Informouse das desviacións detectadas no estado dos materiais e dos recipientes recibidos, e das posibilidades de almacenamento existentes.

– CA1.4. Formalizáronse os rexistros logo de comprobar a coincidencia do solicitado coa documentación do transportista.

– CA1.5. Realizáronse as operacións de etiquetaxe dos materiais recibidos seguindo indicacións.

• RA2. Clasifica materiais, produtos químicos e outros, seguindo criterios de organización e de orde, e realiza as comprobacións rutineiras de seguridade do almacén e das mercadorías, seguindo o procedemento establecido.

– CA2.1. Identificouse a colocación correspondente a cada clase de material recibido, seguindo indicacións.

– CA2.2. Comprobouse a rotación prevista, e que a colocación sexa accesible e adecuada á natureza dos produtos.

– CA2.3. Realizouse o almacenamento dos materiais recibidos nos lugares establecidos.

– CA2.4. Realizáronse as comprobacións rutineiras de seguridade do almacén de produtos químicos e outros coa periodicidade establecida, e comunicouse calquera anomalía.

• RA3. Prepara pedidos, logo da súa preparación, segundo as indicacións definidas, utilizando os medios axeitados para evitar riscos para as persoas, as mercadorías, as instalacións e os equipamentos.

– CA3.1. Realizáronse as operacións de preparación de cargas consonte as indicacións do pedido, utilizando os medios adecuados para evitar riscos para as persoas, as mercadorías, as instalacións e os equipamentos.

– CA3.2. Formalizouse o rexistro onde se exprese o material que sae do almacén, e informouse das necesidades de reposición.

– CA3.3. Comprobouse que o pedido solicitado quede, ata a súa entrega, no lugar e nas condicións axeitadas.

– CA3.4. Verificouse que a mercadoría preparada coincida coas referencias do pedido.

1.2.2. Contidos básicos.

Documentación e rexistro no almacén:

• Documentos de traballo nun almacén.

• Documentación de entrada e saída.

• Codificación e etiquetaxe manual e automática de produtos e mercadorías.

• Informática de usuario elemental para a introdución e a obtención de datos, e para a realización de consultas sinxelas.

Procedementos de almacén:

• Operacións de recepción e expedición de mercadorías.

• Condicións xerais de colocación de mercadorías segundo a súa natureza e o nivel de perigo, de acordo co especificado no risco químico.

• Condicións de transporte interno.

Seguridade no almacén:

• Características de seguridade en empillamentos.

• Materiais e equipamentos de seguridade en almacéns.

• Sinalizacións e medidas de seguridade en almacéns.

• Plan de emerxencia.

• Fichas de seguridade relacionadas.

1.2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de realización de operacións de almacén de produtos químicos e relacionados.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo han versar sobre:

– Recepción e, de ser o caso, colaboración na recepción de materiais e produtos químicos subministrados por provedores internos e externos.

– Ordenación, clasificación e almacenaxe de produtos químicos e outros materiais.

– Preparación e entrega dos produtos químicos e outros materiais.

– Seguimento das normas de calidade, de seguridade e ambientais establecidas.

1.3. Módulo específico: Operacións Auxiliares Elementais en Laboratorio e en Procesos da Industria Química e Afíns.

• Código: ME0155.

• Duración: 187 horas.

1.3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Desenvolve operacións rutineiras de medidas de masa e volume, seguindo indicacións.

– CA1.1. Utilizáronse diversas clases de balanzas e diferenciáronse as axeitadas para o peso en cada caso.

– CA1.2. Utilizáronse os equipamentos de medida de volumes e diferenciáronse os axeitados para o volume que haxa que medir.

– CA1.3. Realizouse o transvasamento de líquidos seguindo indicacións.

– CA1.4. Colaborouse na limpeza e no mantemento dos equipamentos e dos utensilios.

– CA1.5. Formalizáronse no soporte establecido as operacións realizadas.

• RA2. Realiza operacións rutineiras de preparación de mesturas e disolucións, seguindo indicacións.

– CA2.1. Realizáronse mesturas rutineiras de baixo risco.

– CA2.2. Colaborouse na preparación de disolucións.

– CA2.3. Utilizáronse equipamentos de preparación rutineira de mesturas e disolucións seguindo indicacións.

– CA2.4. Aplicáronse técnicas sinxelas de mantemento preventivo de mostras, reactivos, equipamentos e utensilios.

• RA3. Desenvolve operacións auxiliares sinxelas dos procesos da industria química manexando equipamentos ou utensilios adecuados a cada situación.

– CA3.1. Realizáronse operacións básicas para o tratamento de materias (moenda, criba, precipitación, filtración, decantación, evaporación e secado).

– CA3.2. Utilizáronse equipamentos de operacións básicas de preparación rutineira de materias seguindo indicacións.

– CA3.3. Tratáronse e elimináronse os residuos xerados seguindo normas de seguridade e ambientais.

– CA3.4. Anotáronse os traballos no soporte correspondente.

1.3.2. Contidos básicos.

Operacións básicas sinxelas:

• Materias e materiais básicos na industria química.

• Medidas de masa e volume.

• Operacións básicas no laboratorio.

Operacións rutineiras de preparación:

• Mesturas e combinacións. Disolucións.

Operacións auxiliares en procesos e seguridade:

• Operacións auxiliares en procesos.

• Operacións básicas para o tratamento de materias (moenda, criba, precipitación, filtración, decantación, evaporación, secado etc.).

• Aspectos básicos de risco químico, normas xerais ambientais, de seguridade e saúde laboral. Fichas de seguridade relacionadas.

1.3.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de realización de operacións auxiliares elementais en laboratorio e nos procesos da industria química e afíns.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo han versar sobre:

– Manexo de utensilios e equipamentos básicos dos procesos na industria química e relacionada.

– Realización de operacións rutineiras e básicas dos procesos na industria química e nas afíns.

– Recepción e clasificación de reactivos, materiais de laboratorio e mostras para unha análise posterior.

– Colaboración na preparación de reactivos seguindo a orde de traballo recibida.

– Seguimento das normas ambientais, de calidade e de seguridade establecidas.

1.4. Módulo específico: Formación en Centros de Traballo.

• Código: ME0156.

• Duración: 160 horas.

1.4.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Recoñece a estrutura xerárquica da empresa e identifica as funcións asignadas a cada nivel, en relación co desenvolvemento da actividade.

– CA1.1. Identificouse a estrutura organizativa da empresa e as funcións de cada área.

– CA1.2. Identificáronse os procedementos de traballo no desenvolvemento do proceso produtivo.

– CA1.3. Relacionáronse as competencias dos recursos humanos co desenvolvemento da actividade produtiva.

– CA1.4. Identificouse a importancia de cada elemento da rede no desenvolvemento da actividade da empresa.

– CA1.5. Relacionáronse as vantaxes e os inconvenientes da estrutura da empresa fronte a outros tipos de organizacións empresariais.

– CA1.6. Analizouse o tecido empresarial do sector en función da prestación que ofrece.

– CA1.7. Recoñecéronse as empresas tipo, e indicouse a súa estrutura organizativa e as funcións de cada departamento.

• RA2. Amosa hábitos éticos e laborais no desenvolvemento da súa actividade profesional, de acordo coas características da tarefa asignada e segundo os procedementos establecidos da empresa.

– CA2.1. Recoñeceuse e xustificouse:

– Disposición persoal e temporal que necesita o posto de traballo.

– Actitudes persoais (puntualidade, empatía etc.) e profesionais (orde, limpeza e seguridade necesarias para o posto de traballo, responsabilidade etc.).

– Requisitos actitudinais ante a prevención de riscos na actividade profesional e as medidas de protección persoal.

– Requisitos actitudinais referidos á calidade na actividade profesional.

– Actitudes relacionadas co propio equipo de traballo e coa estrutura xerárquica establecida na empresa.

– CA2.2. Identificáronse as normas de prevención de riscos laborais que haxa que aplicar na actividade profesional e os aspectos fundamentais da Lei de prevención de riscos laborais.

– CA2.3. Aplicáronse os equipamentos de protección individual segundo os riscos da actividade profesional e as normas da empresa.

– CA2.4. Mantívose unha actitude clara de respecto polo ambiente nas actividades desenvolvidas e aplicáronse as normas internas e externas vinculadas.

– CA2.5. Mantivéronse organizados, limpos e libres de obstáculos o posto de traballo e a área correspondente ao desenvolvemento da actividade.

– CA2.6. Interpretáronse e cumpríronse as instrucións recibidas, e responsabilizouse do traballo asignado.

– CA2.7. Estableceuse unha comunicación e unha relación eficaces coa persoa responsable en cada situación e cos membros do seu equipo, e mantívose un trato fluído e correcto.

– CA2.8. Valorouse a importancia da actividade propia e a adaptación aos cambios de tarefas asignadas no desenvolvemento dos procesos produtivos da empresa, integrándose nas novas funcións.

– CA2.9. Comprometeuse responsablemente na aplicación das normas e dos procedementos no desenvolvemento de calquera actividade ou tarefa.

• RA3. Realiza operacións de limpeza e desinfección de materiais, equipamentos e instalacións en que se empreguen produtos químicos.

– CA3.1. Organizáronse as actividades propias axustando os materiais e os sistemas de limpeza e/ou desinfección á frecuencia de uso dos equipamentos e dos materiais que haxa que aplicar.

– CA3.2. Actuouse seguindo normas e procedementos escritos sobre as fontes de sucidade e as áreas correspondentes, cos sistemas de limpeza e/ou desinfección máis acaídos para as necesidades de uso.

– CA3.3. Mantivéronse e dispuxéronse nos lugares adecuados os materiais, o instrumental, os equipamentos e as instalacións, seguindo instrucións e en adecuado estado de limpeza e desinfección, para a súa utilización.

– CA3.4. Controláronse de acordo con instrucións e protocolos os puntos críticos de manexo de substancias químicas que se puidesen derramar accidentalmente.

– CA3.5. Revisáronse as zonas de paso, saídas e vías de circulación, para asegurar que estean libres de obstáculos e poidan ser utilizadas sen dificultades en calquera momento.

– CA3.6. Utilizouse a roupa de traballo e os equipamentos de protección individual (EPI) segundo corresponda aos produtos químicos e, de ser o caso, biolóxicos, que se manipulen.

– CA3.7. Cubríronse fichas de control de limpeza ou similares e, de ser o caso, advertiuse a persoa responsable das anomalías detectadas.

– CA3.8. Realizáronse as operacións de inventario conforme as instrucións e as normas de seguridade.

– CA3.9. Elimináronse as substancias e os materiais innecesarios nos contedores previstos para o efecto.

• RA4. Realiza operacións de almacén de produtos químicos e relacionados.

– CA4.1. Recibíronse, ordenáronse, clasificáronse e almacenáronse produtos químicos e outros materiais subministrados por provedores internos e externos, e comprobouse que fosen os previstos, seguindo normas ambientais, de calidade e de seguridade establecidas.

– CA4.2. Realizáronse as operacións de descarga, identificación, codificación, clasificación, colocación, estiba e empillamento dos materiais e dos produtos consonte as instrucións e nas condicións de seguridade establecidas.

– CA4.3. Preparáronse as cargas, os pedidos ou as provisións evitando deterioracións da mercadoría, do vehículo e das instalacións, nas condicións de seguridade establecidas en cada caso e cos medios previstos nas instrucións.

– CA4.4. Entregáronse os produtos químicos e outros materiais segundo as instrucións recibidas, seguindo as normas ambientais, de calidade e de seguridade establecidas.

– CA4.5. Inspeccionouse o vehículo que se vaia cargar e comprobouse que cumpra as exixencias propias dos produtos químicos que haxa que cargar, recollidas nas instrucións correspondentes.

– CA4.6. Comprobáronse as autorizacións de transporte de mercadorías perigosas ou de especial regulación, e a existencia das placas de identificación correspondentes.

– CA4.7. Comunicóuselle con puntualidade á persoa responsable da área calquera anomalía ou desviación evidente observada en instalacións, mercadorías, máquinas etc.

• RA5. Realiza operacións auxiliares elementais en laboratorio e nos procesos da industria química e das afíns.

– CA5.1. Manexáronse, baixo supervisión, utensilios e equipamentos básicos dos procesos na industria química e relacionada, seguindo as normas de calidade, de seguridade e ambientais exixidas para un funcionamento correcto no proceso.

– CA5.2. Realizáronse operacións rutineiras e básicas dos procesos na industria química e nas afíns, seguindo as normas ambientais, de calidade e de seguridade exixidas nos protocolos.

– CA5.3. Emitíronse correctamente os rexistros, os boletíns de control e os comunicados, onde se informe de calquera anomalía.

– CA5.4. Realizáronse operacións de mantemento sinxelas e de perfecto estado de limpeza das zonas de operación, seguindo as instrucións recibidas e as normas de seguridade e ambientais.

– CA5.5. Recibíronse e clasificáronse reactivos, materiais de laboratorio e mostras para unha análise posterior, seguindo instrucións concretas do persoal superior inmediato.

– CA5.6. Colaborouse na preparación de reactivos (medida, pesada, mestura, rasamento) seguindo a orde de traballo recibida e aplicando as normas de seguridade, de orde e de limpeza preestablecidas.

– CA5.7. Envasouse e etiquetouse o reactivo preparado para asegurar a súa correcta identificación, de acordo cos criterios establecidos.

– CA5.8. Colaborouse, seguindo os métodos descritos e as indicacións do persoal superior inmediato, na prevención de situacións accidentais por derramamentos que exixan actuacións inmediatas para evitar riscos.

– CA5.9. Anotáronse no soporte correspondente os traballos realizados, segundo as especificacións.

– CA5.10. Tratáronse e elimináronse os residuos xerados seguindo normas de seguridade e ambientais.

2. Anexo II.

A) Espazos mínimos.

Espazo formativo

Superficie m2

(12 alumnos/as)

Aula polivalente.

30

Aula-taller de química.

60

B) Equipamentos mínimos.

Espazo formativo

Equipamento

Aula polivalente

• Computadores instalados en rede, canón de proxección e acceso á internet.

• Medios audiovisuais.

• Software específico de xestión de almacén.

Aula-taller de química.

• Máquinas limpadoras.

– Sistemas de manexo de cargas. Transpaletas, cinta transportadora e distribuidor.

– Aparellos e instrumental de medida de volume: básculas e balanzas.

– Termómetros, manómetros e detector de gases inflamables.

– Aparellos e instrumental para operacións básicas de tratamento e preparación de materiais.

– Etiquetadoras, impresoras de códigos, lectoras de códigos e escáners.

– Mesturadoras, axitadores e recipientes de almacenaxe de produtos químicos.

– Elementos de protección individual e colectiva.

3. Anexo III.

A) Especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos específicos do perfil profesional.

Módulos específicos

Especialidade do profesorado

Corpo

• ME0153. Limpeza e Desinfección en Laboratorios e Industrias Químicas.

Análise e Química Industrial.

Catedráticos/as de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

Operacións de Proceso.

Laboratorio.

Profesorado técnico de formación profesional.

• ME0154. Operacións de Almacén de Produtos Químicos e Relacionados.

Análise e Química Industrial.

Catedráticos/as de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

Operacións de Proceso.

Laboratorio.

Profesorado técnico de formación profesional.

• ME0155. Operacións Auxiliares Elementais en Laboratorio e en Procesos da Industria Química e Afíns.

Análise e Química Industrial.

Catedráticos/as de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

Operacións de Proceso.

Laboratorio.

Profesorado técnico de formación profesional.

B) Titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa.

Módulos específicos

Titulacións

• ME0153. Limpeza e Desinfección en Laboratorios e Industrias Químicas.

• ME0154. Operacións de Almacén de Produtos Químicos e Relacionados.

• ME0155. Operacións Auxiliares Elementais en Laboratorio e en Procesos da Industria Química e Afíns.

• Licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, mestre/a, arquitecto/a técnico/a, enxeñeiro/a técnico/a, diplomado/a, título de grao, técnico/a superior ou outros títulos equivalentes cuxos perfís académicos se correspondan coa formación asociada aos módulos específicos no programa de cualificación profesional inicial.

4. Anexo IV.

Perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos do perfil profesional en contornos produtivos.

Módulo específico

Perfil profesional da persoa formadora

• ME0153. Limpeza e Desinfección en Laboratorios e Industrias Químicas.

• Dominio dos coñecementos e das técnicas que se relacionan coa realización de operacións de limpeza e desinfección de materiais, equipamentos e instalacións en que se empreguen produtos químicos, que se acreditará mediante un dos modos seguintes:

– Formación académica de técnico superior ou outras de superior nivel relacionadas con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este módulo formativo.

• ME0154. Operacións de Almacén de Produtos Químicos e Relacionados.

• Dominio dos coñecementos e das técnicas que se relacionan coa realización de operacións de almacén de produtos químicos e relacionados, que se acreditará mediante un dos modos seguintes:

– Formación académica de técnico superior ou doutras de nivel superior relacionadas con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este módulo formativo.

• ME0155. Operacións Auxiliares Elementais en Laboratorio e en Procesos da Industria Química e Afíns.

• Dominio dos coñecementos e das técnicas que se relacionan coa realización de operacións auxiliares elementais no laboratorio e nos procesos da industria química e afíns, que se acreditará mediante un dos modos seguintes:

– Formación académica de técnico superior ou outras de superior nivel relacionadas con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este módulo formativo.

5. Anexo V.

Relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa.

Módulo específico

Unidades de competencia

• ME0153. Limpeza e Desinfección en Laboratorios e Industrias Químicas.

• UC1310_1: realizar operacións de limpeza e desinfección de materiais, equipamentos e instalacións en que se empreguen produtos químicos.

• ME0154. Operacións de Almacén de Produtos Químicos e Relacionados.

• UC1311_1: realizar operacións de almacén de produtos químicos e relacionados.

• ME0155. Operacións Auxiliares Elementais en Laboratorio e en Procesos da Industria Química e Afíns.

• UC1312_1: realizar operacións auxiliares elementais en laboratorio e nos procesos da industria química e afíns.

6. Anexo VI.

Distribución horaria dos módulos específicos.

Módulo específico

Horas totais

Sesións semanais

(*)

• ME0153. Limpeza e Desinfección en Laboratorios e Industrias Químicas.

93

4

• ME0154. Operacións de Almacén de Produtos Químicos e Relacionados.

140

6

• ME0155. Operacións Auxiliares Elementais en Laboratorio e en Procesos da Industria Química e Afíns.

187

8

• ME0156. Formación en Centros de Traballo.

160

• Distribución semanal para os centros que impartan as ensinanzas do programa de cualificación profesional inicial en sesións de 50 minutos.