Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 7 de novembro de 2012 Páx. 41720

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

ACORDO do 24 de setembro de 2012 polo que se aproban as bases reguladoras da xestión do espazo Emprende Cultura Gaiás para a selección e seguimento das prazas de participantes no proxecto de emprendemento cultural da Cidade da Cultura de Galicia.

En execución do convenio de colaboración asinado entre a Fundación Cidade da Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais, en que ambas as entidades acordan poñer en marcha un proxecto de emprendemento cultural denominado Emprende Cultura Gaiás na Cidade da Cultura, a Agadic fai públicas as bases polas que se rexerá a participación de emprendedores e profesionais independentes do sector cultural.

En virtude do citado convenio, a Axencia Galega das Industrias Culturais será a entidade que xestione a incorporación de solicitantes aos espazos ofertados.

Tal incorporación rexerase polas presentes bases e polas convocatorias de prazas que se vaian ofertando, que serán publicadas periodicamente na páxina web da Agadic e da Fundación Cidade da Cultura.

1. Ámbito.

Os solicitantes deberán pertencer a algún dos seguintes ámbitos dentro das industrias culturais: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, escritores-guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programación de aplicacións informáticas e proxectos culturais na internet, e aqueloutros con vinculación no emprendemento cultural, e estarán suxeitos á decisión motivada da comisión avaliadora prevista na cláusula sexta das presentes bases.

Poderán admitirse profesionais independentes, ou emprendedores que se atopen en proceso de constitución de autónomos.

2. Obxecto.

Os solicitantes seleccionados poderán instalar o seu posto de traballo no espazo ofertado, dentro do Centro de Emprendemento Creativo de Galicia da Cidade da Cultura, coas seguintes prestacións incluídas na contraprestación:

– Unha mesa de traballo, con conexión telefónica e da internet.

– Un andel.

Servizos comúns:

– Sala de reunións, con internet wifi, proxector, ... (10-15 persoas).

– Despacho para reunións.

– Caixas de correo.

– Almacén-armario.

– Servizos de seguridade, videovixilancia e control de accesos.

– Subministración eléctrica, auga, calefacción e servizo de limpeza.

A Agadic proporcionará inicialmente apoio e asesoramento na creación da empresa, e organizará periodicamente exposicións de ideas e proxectos, encontros empresariais e actividades de formación que apoien o desenvolvemento dos proxectos de emprendemento asentados no espazo Emprende Cultura Gaiás.

3. Contraprestación.

Como contraprestación, os seleccionados aboarán a cota correspondente á Fundación Cidade da Cultura, nos termos establecidos na convocatoria de prazas e no contrato asinado polas partes. A contraprestación será aboada con carácter mensual, nos cinco primeiros días de cada mes, no número de conta que a Fundación Cidade da Cultura estableza no contrato.

No momento da formalización do contrato, os adxudicatarios depositarán en metálico, no mesmo número de conta da Fundación Cidade da Cultura, dúas mensualidades da cota establecida, en concepto de garantía do cumprimento do contrato.

Os adxudicatarios faranse cargo dos gastos individuais por prestacións non incluídas na base segunda.

A Fundación Cidade da Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais non se fan responsables do material de traballo que os adxudicatarios poidan manter nas instalacións. Os adxudicatarios comprométense a respectar as normas establecidas pola Fundación Cidade da Cultura en materia de estética do edificio, identidade corporativa, horarios e outra normativa de uso que se poida exixir.

4. Oferta de prazas.

O número de prazas determinarase mediante convocatorias periódicas, que serán publicadas na páxina web da Agadic (www.agadic.info), e da Fundación Cidade da Cultura www.cidadedacultura.org e que fixarán o prazo de recepción de solicitudes e de resolución.

5. Solicitudes.

Os interesados deberán presentar unha solicitude dirixida á Axencia Galega das Industrias Culturais, de conformidade co modelo que se publicará na convocatoria na páxina web da Agadic (www.agadic.info) e da Fundación Cidade da Cultura, www.cidadedacultura.org, no seu enderezo de Centro de Emprendemento Creativo de Galicia, Cidade da Cultura, Gaiás, Santiago de Compostela. Á solicitude xuntarase unha memoria do proxecto que se pretende levar a cabo, con especial incidencia nos aspectos innovadores que tal proxecto presenta no eido cultural.

6. Procedemento.

Unha comisión de avaliación, composta por persoal da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Fundación Cidade da Cultura, nomeada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, avaliará as solicitudes presentadas e a súa relación cos sectores culturais definidos. Formará parte da comisión un/unha representante das universidades galegas, relacionado con áreas de coñecemento empresarial, nomeado, así mesmo, pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Poderá participar na citada comisión, con carácter asesor, un/unha representante da Consellería de Traballo e Benestar, con experiencia en emprendemento, e un/unha representante da Consellería de Industria.

A comisión poderá requirir aos solicitantes información complementaria durante o proceso de avaliación.

No suposto de que o número de solicitudes exceda o de prazas ofertadas, terán preferencia na súa adxudicación os novos proxectos de autoemprego. A comisión non poderá adxudicar máis do 50 % das prazas ao mesmo sector dos establecidos na cláusula primeira. Así mesmo, poderá ampliarse a oferta, nun número non superior ao 50 % das inicialmente convocadas, coa finalidade de atender a demanda de solicitudes. En tal caso, a ampliación publicarase na páxina web da Agadic e non suporá a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

7. Adxudicación, prazo e rescisión.

A comisión proporá motivadamente á Dirección da Agadic, para a súa resolución, os adxudicatarios seleccionados, que se comprometen a asinar un contrato coa Fundación Cidade da Cultura, suxeito á normativa de arrendamentos establecida no Código civil. O resultado da adxudicación será comunicado pola Dirección da Agadic a todos os solicitantes. Contra a resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

A adxudicación ten carácter persoal e non poderá ser transmitida.

A adxudicación farase por un período inicial de seis meses, prorrogables por períodos similares, ata un máximo de tres anos.

As partes poderán rescindir o compromiso asinado, mediante comunicación fidedigna, dirixida á outra parte, con dous meses de antelación á data dos seus efectos.

A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá, así mesmo, propoñer á Fundación Cidade da Cultura a rescisión do compromiso a aqueles solicitantes que incumpran o establecido nas presentes bases.

A Agadic convocará a comisión de avaliación un mes antes da finalización do período inicial de seis meses, co obxecto de facer un seguimento do avance dos proxectos culturais. Os adxudicatarios presentarán, con esta finalidade, información á comisión da evolución do proxecto inicialmente presentado. En virtude do resultado da avaliación, as partes acordarán ou non a prórroga da adxudicación.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais