Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 16 de novembro de 2012 Páx. 43205

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 8 de novembro de 2012 de modificación da do 16 de setembro de 2008 pola que se establece o procedemento para a adaptación de postos e condicións de traballo por razóns de protección da saúde e da maternidade nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

O 30 de setembro de 2008 publicouse no Diario Oficial de Galicia (número 189) a Orde do 16 de setembro de 2008 pola que se establece o procedemento para a adaptación de postos e condicións de traballo por razóns de protección da saúde e da maternidade nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Coa dita norma desenvolveuse o establecido na sección terceira do capítulo IV do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, sobre provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, que habilita este organismo para establecer especificamente os procedementos, criterios e mecanismos de control para a execución da mobilidade por razóns de protección da saúde e da maternidade do seu persoal estatutario.

A finalidade da orde, sen prexuízo doutras medidas que no futuro proceda adoptar sobre esta materia, foi ordenar en primeiro lugar o procedemento que debe seguirse nas institucións sanitarias para a adaptación de postos e condicións do seu desempeño e, subsidiariamente, para o cambio de posto de traballo por razóns de protección da saúde e a maternidade. Así mesmo, o devandito procedemento procura facilitar ás xerencias e ás súas unidades de prevención criterios homoxéneos de actuación, no exercicio das súas funcións e competencias en materia de prevención de riscos laborais.

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na súa Sentenza 1/2011, do 19 de xaneiro (ditada no procedemento ordinario número 97/2009), procedeu a anular o artigo 5 da citada orde, exclusivamente en canto que non recollía un trámite de audiencia á persoa interesada, trámite que o órgano xudicial entende que debe mediar entre o informe da unidade de prevención de riscos laborais e a resolución da xerencia correspondente.

O primeiro parágrafo do artigo 5 establecía que os informes elaborados pola UPRL serían remitidos á Xerencia, para que esta procedese directamente á resolución da solicitude formulada e á súa notificación no prazo de tres meses.

Con base no que antecede, cómpre proceder á modificación da devandita orde en execución da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no que atinxe ao establecemento dun trámite de audiencia á persoa solicitante da adaptación do seu posto ou condicións de traballo por razóns de protección da saúde e a maternidade.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 92.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia e o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación do artigo 5 da Orde do 16 de setembro de 2008:

«Artigo 5. Resolución (suposto xeral)

Os informes elaborados pola UPRL serán remitidos á Xerencia para que proceda á resolución da solicitude. Previamente, a Xerencia daralle traslado do informe á persoa solicitante, no trámite de audiencia, para que formule as alegacións que xulgue procedentes no prazo de dez días.

Logo do trámite anterior, a Xerencia procederá a emitir e notificar a resolución correspondente, no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude.

Para o cómputo dos prazos, e a súa posible suspensión, atenderase á normativa xeral reguladora do procedemento administrativo.

As actuacións de adaptación das condicións de traballo, ou de adscrición temporal a outro posto de traballo, adoptaranse cando e na medida en que sexa preciso para garantir a seguridade e saúde do/a traballador/a, con aplicación pola súa orde dos criterios establecidos nos artigos 33 e 34 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo.

En consecuencia, en atención ao contido dos informes técnicos da UPRL a Xerencia poderá, no ámbito a que se estenda o seu poder de dirección:

a) Resolver non adoptar medidas de adaptación das condicións de traballo ou de adscrición a outro posto, cando os ditos informes cualifiquen o solicitante como apto para o desempeño do posto de traballo nas condicións actuais.

b) Resolver sobre a adaptación do actual posto e/ou das condicións de traballo de forma que sexan compatibles coa preservación da seguridade e saúde do traballador/a ou coa protección da maternidade.

c) Resolver sobre o cambio provisional de posto de traballo, dentro dos da correspondente categoría e preferentemente na mesma localidade, mentres non sexa posible a adaptación das condicións de traballo ou cando as medidas correctoras non garantan a protección. Esta medida irá acompañada das adaptacións do novo posto que resulten precisas.

Como manifestación e dentro do respecto aos principios xerais enunciados no artigo 2, as medidas de protección poderán afectar calquera condición da prestación do servizo suxeita ás facultades de ordenación e programación dos órganos directivos das institucións sanitarias, e estarán unicamente dirixidas a facer compatible a dita prestación coa saúde do/a traballador/da.

Cando se trate de protexer a maternidade, e unha vez esgotadas as anteditas posibilidades de actuación, a traballadora poderá ser adscrita a un posto de distinta categoría, alternativo e compatible coa súa saúde, sempre que para acceder á dita categoría non se requira titulación específica e a traballadora acredite o nivel de titulación preciso para o acceso. Durante esta adscrición a traballadora conservará o dereito ao conxunto das retribucións do seu posto de orixe.

O comité de seguridade e saúde laboral será informado das resolucións que se adopten sobre cambio de posto de traballo.».

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2012

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade