Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 26 de novembro de 2012 Páx. 44423

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se informa sobre a tramitación telemática de diversos procedementos.

No Diario Oficial de Galicia número 65, do 1 de abril de 2011, publicouse o Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

O devandito decreto desenvolve en diferentes puntos o artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e establece que as declaracións responsables reguladas presentaranse exclusivamente por medios telemáticos ante a consellería competente en materia de industria.

O 1 de xaneiro de 2012 entrou en funcionamento a plataforma tecnolóxica necesaria para a tramitación telemática e no Diario Oficial de Galicia número 245, do 26 de decembro de 2011, publicouse unha resolución para informar sobre as declaracións responsables incluídas na plataforma.

No Diario Oficial de Galicia número 61, do 28 de marzo de 2011, publicouse a Orde do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen os requisitos mínimos exixibles ás entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A devandita orde dispón que as entidades de formación deberán realizar diversas comunicacións de forma telemática ante a consellería competente en materia de industria.

No Diario Oficial de Galicia número 80, do 26 de abril de 2011, publicouse o Decreto 70/2011, do 7 de abril, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes.

O decreto dispón que para a apertura dun taller, a persoa física ou xurídica que desexe exercer a actividade deberá presentar exclusivamente por medios telemáticos unha declaración responsable.

A inclusión na plataforma de tramitación telemática dun novo bloque de declaracións responsables recollidas no Decreto 51/2011, de parte das comunicacións relativas ás entidades de formación reguladas na Orde do 16 de marzo de 2011 e da declaración responsable recollida no Decreto 70/2011, fai preciso informar os axentes económicos implicados sobre a data a partir da cal os ditos procedementos se tramitarán exclusivamente por medios telemáticos.

Tamén se inclúen na plataforma os procedementos relacionados co Rexistro Industrial de Galicia, aínda que neste caso a opción telemática é adicional ás xa existentes.

De acordo coas competencias que veñen atribuídas no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria,

RESOLVO:

1. A tramitación dos procedementos que se indican no anexo I realizarase exclusivamente por medios telemáticos a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. Para os procedementos indicados no anexo II, a tramitación telemática constitúe unha opción adicional ás xa existentes.

3. Poderá accederse á presentación telemática directamente desde o enderezo da internet: oficinavirtualindustria.xunta.es

Tamén se pode acceder, a través da páxina web da Xunta de Galicia: www.xunta.es, desde a epígrafe Guía de procedementos.

Anexo I

IN609U Rexistro de empresas recargadoras de botellas de equipamentos respiratorios autónomos.

IN609V Rexistro de empresas inspectoras de botellas de equipamentos respiratorios autónomos.

IN609W Rexistro de empresas fabricantes dos pés de encravamento ou calquera outro elemento estrutural dun guindastre torre.

IN609X Rexistro de empresas recargadoras de gases.

IN609Y Rexistro de talleres de reparación de vehículos automóbiles.

IN612A Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Anexo II

IN617B Inscrición/Modificación/Baixa na división A do Rexistro Industrial de Galicia.

IN617C Inscrición/Modificación/Baixa na división B do Rexistro Industrial de Galicia.

IN617D Inscrición/Modificación/Baixa na división C do Rexistro Industrial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas