Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 7 de decembro de 2012 Páx. 46008

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 247/2012, do 22 de novembro, polo que se aproba a delimitación do Camiño de Santiago, Camiño Francés, no concello de Santiago de Compostela.

O Camiño de Santiago Francés, ao seu paso por Galicia, é un dos bens singulares máis sobranceiros, prezados e visitados dentro do conxunto do patrimonio cultural galego protexido. En virtude do Decreto 2224/1962, do 5 de setembro, está declarado ben de interese cultural, coa categoría de conxunto histórico. En 1993 foi incluído na lista dos bens recoñecidos como Patrimonio da Humanidade e no ano 1997 recibe por parte do Consello de Europa o recoñecemento de Primeiro Itinerario Cultural Europeo. O Parlamento de Galicia, ao ano seguinte da promulgación da Lei de patrimonio cultural de Galicia, aproba a Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago, que establece unha regulación específica para este ben e lle outorga a categoría de territorio histórico.

Segundo a devandita Lei 3/1996, do 10 de maio, correspóndelle á Consellería de Cultura a delimitación dos tramos do Camiño de Santiago, de conformidade co procedemento que se regula no artigo 5 desta. Ao abeiro desa disposición, por Resolución do 30 de xullo de 2010 (DOG nº 162, do 24 de agosto), incóase o procedemento para a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, coa excepción do tramo entre o lugar do Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino.

Na mesma Resolución do 30 de xullo disponse a apertura do trámite de información pública por un período de dous meses, o sometemento da nova proposta de delimitación do devandito ben de interese cultural á consideración das comisións territoriais de Patrimonio Histórico das provincias da Coruña e de Lugo (nos tramos correspondentes aos municipios das respectivas provincias) e, polo menos, a dous dos órganos consultivos mencionados no artigo 7 da Lei do patrimonio cultural de Galicia.

Unha vez realizados eses trámites, examinadas todas as alegacións presentadas durante o período de información pública e as recomendacións dos órganos consultivos e asesores, así como os informes dos seus servizos técnicos, a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural redacta un novo documento que recolle, respecto a cada concello, as modificacións introducidas en canto ás características, pertenzas e accesorios do Camiño, e formula unha nova proposta de delimitación, da que se exclúe non só o tramo entre o lugar do Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla no concello do Pino, senón tamén o tramo de Camiño que discorre polo termo municipal de Santiago de Compostela.

As razóns desta exclusión atópanse explicadas no informe técnico do 21 de novembro de 2011, que apuntaba a conveniencia de realizar, con carácter previo á resolución que puxese fin ao expediente, un estudo específico que analizase, desde un punto de vista integral, a incidencia de todas as rutas xacobeas legalmente recoñecidas como Camiño de Santiago e os seus ámbitos de protección sobre o territorio do concello de Santiago, e sobre o seu planeamento urbanístico. Atendendo a esa recomendación, mediante resolución da Dirección Xeral da mesma data, acórdase a suspensión temporal do proceso de delimitación do tramo do Camiño de Santiago Francés no ámbito do concello de Santiago, ata que se conclúa o estudo arriba citado.

Co data do 14 de decembro do 2011 publícase no Diario Oficial de Galicia o Decreto 227/2011, do 2 de decembro, polo que se aproba a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, desde a entrada no municipio de Pedrafita do Cebreiro ata o límite do termo municipal do Pino, coa excepción do tramo entre o lugar do Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino. A delimitación ata o límite do termo municipal do Pino complétase co Decreto 144/2012, do 29 de xuño, publicado no DOG nº 133, do 12 de xullo.

A través desas disposicións queda fixada a ruta principal do Camiño de Santiago, e delimitados o ámbito do Camiño Francés en canto territorio histórico declarado ben de interese cultural, e unha zona de influencia, tamén chamada de amortecemento, merecedora dunha protección adicional de tipo ambiental.

De acordo co establecido na disposición cuarta do Decreto 227/2011 arriba indicado, co fin de garantir unha axeitada protección do Camiño de Santiago e preservar a interrelación global da ruta de peregrinación co territorio de acollida, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural aprobou unhas instrucións que recollen os criterios e determinacións básicas de ordenación e deseño referentes ás intervencións que afecten eses ámbitos delimitados, dispoñibles para todos os interesados no documento identificado como Guía de Protección do Camiño de Santiago.

Por todo o cal, considerando que xa se rematou o estudo que analiza os ámbitos do Camiño no termo municipal de Santiago de Compostela e que o seu contido e conclusións foron expostas aos membros do Comité Asesor do Camiño de Santiago, na súa sesión do 15 de novembro de 2012, obtendo o seu informe favorable, cómpre proceder á resolución definitiva do procedemento incoado pola Resolución do 30 de xullo de 2010, aprobando a delimitación do Camiño ao seu paso polo territorio do concello de Santiago de Compostela.

Vista a necesidade de establecer un réxime provisional que garanta a protección dos terreos vinculados ao Camiño de Santiago obxecto deste decreto, mentres non se aprobe definitivamente o Plan Especial de Protección do Camiño Francés previsto na normativa, inclúese no decreto unha disposición transitoria.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei de protección dos camiños de Santiago e na Lei de patrimonio cultural de Galicia, á vista do que antecede e dos documentos que constan no expediente, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de novembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Primeiro.

1. Aprobar a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, no concello de Santiago de Compostela, segundo os planos do anexo deste decreto, onde se fixan o trazado e os límites do territorio histórico que conforma o ben de interese cultural.

2. Establecer como medida protectora a obriga de someter a informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, con carácter previo á súa aprobación, as seguintes figuras de ordenación:

– O planeamento de desenvolvemento dos ámbitos polos que atravesa o trazado do Camiño Francés (SUNP 32.1 e SUND 33), os que se superpoñen co seu territorio histórico (SUND 26, SUNP 27, SUND 31 e SUND 39), aqueles outros respecto aos cales o propio PXOM de Santiago establece esa indicación pola súa relación directa co Camiño –que son os SUND 25 e 32–, e os ámbitos de planeamento que se relacionan a continuación, debido á súa potencial incidencia pola afección visual desde o Camiño: PE-2R, PERI-3R, SUD-2, SUND-23, SUND-24, SUNP-28 e SUND 32.

– A modificación dos planeamentos xa aprobados así como os proxectos de urbanización, se é o caso, dos seguintes ámbitos: PE-1, PERI-5, PERI-CCSL, PE-ZD2, PP-F, SUNP 5 e SUNP 6, e

– Os proxectos de obras con incidencia territorial relevante nas zonas do Monte do Gozo (PE-PR3) e do aeroporto (PD-AS), pola súa especial significación xacobea, proximidade e afección visual.

Segundo. Ordenar a inscrición da delimitación no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e a notificación ao órgano competente do Ministerio de Cultura, para o seu coñecemento e para os efectos de inscrición no seu rexistro.

Terceiro. Notificar este acordo ao concello afectado, comunicándolle que, ata a aprobación do plan especial de protección do Camiño Francés previsto na Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, calquera intervención legalmente permitida que pretenda realizarse dentro do ámbito do ben de interese cultural territorio histórico, deberá ser autorizada pola Consellería de Cultura con carácter previo á concesión da correspondente licenza municipal.

Disposición transitoria

No ámbito do PE-3 (Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés), delimitado polo vixente Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela, e mentres non se produza a aprobación definitiva do correspondente Plan Especial de Protección, será de aplicación o réxime derivado da ordenanza sinalada nos planos de ordenación do PXOM.

Naqueles ámbitos que non teñen sinalada ordenanza, establécese a aplicación do seguinte réxime: nos terreos clasificados como solo urbano consolidado aplicarase a ordenanza 11 e nos terreos clasificados como solo de núcleo rural aplicarase a ordenanza 13. En ningún destes casos poderán autorizarse modificacións do parcelario, nin cambios de aliñacións e rasantes.

En calquera caso, a concesión de licenzas polo Concello requirirá o previo informe do organismo competente en materia de protección do patrimonio cultural, que poderá establecer medidas máis protectoras en función da proximidade ao Camiño.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de novembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file