Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 20 de decembro de 2012 Páx. 47342

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 7 de decembro de 2012 pola que se regula a tarxeta de acreditación especial de empregados públicos do sector público autonómico.

O artigo 35.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece que os cidadáns, nas súas relacións coas administracións públicas, teñen dereito a identificaren as autoridades e o persoal ao servizo das administracións públicas baixo cuxa responsabilidade se tramiten os procedementos.

De acordo coa previsión legal, a Orde do 25 de maio de 2011 regulou a tarxeta do persoal ao servizo do sector público autonómico, que abrangue o sector regulado na Lei 16/2010, do 17 de decembro, establecendo unha tarxeta que serve tanto para a identificación presencial do/a empregado/a ante os cidadáns como para permitir ao persoal e á Administración acceder ás prestacións e servizos derivados do avance das novas tecnoloxías e a implantación da Administración electrónica.

A dita regulación coexistía coa normativa emanada das distintas consellerías que regulaban as tarxetas de acreditación especial para determinados colectivos de empregados públicos, cuxa finalidade, como o seu propio nome indica, era acreditar a condición de representante ou autoridade pública do empregado público que exerza funcións de representación, inspección ou control.

Co obxecto de unificar a normativa vixente, elabórase a presente orde, que regula a tarxeta de acreditación especial para os referidos colectivos, garantindo unha homoxeneidade en canto a contido e deseño corporativo.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular a tarxeta de acreditación especial dos empregados públicos do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito subxectivo

A tarxeta de acreditación especial será de utilización obrigatoria, no exercicio das súas funcións, para os seguintes empregados públicos:

– Empregados públicos que teñan atribuídas, na súa normativa específica ou regulamentariamente, funcións de representación e defensa xurídica da Xunta de Galicia.

– Empregados públicos que teñan atribuídas, na súa normativa específica ou regulamentariamente, funcións de inspección e control.

Artigo 3. Finalidades da tarxeta

A tarxeta especial é persoal e intransferible, ten a consideración de documento público e, polo tanto, a confección ou uso dela por persoa non autorizada dará lugar á exixencia de responsabilidade de conformidade coa normativa vixente.

A súa finalidade é acreditar a condición de representante ou autoridade pública dos empregados públicos que realicen funcións de representación, inspección ou control.

A tarxeta deberá ser amosada, nos actos de servizo, por iniciativa propia ou cando sexa requirido polos interesados.

Artigo 4. Contido

Establécense dous modelos de tarxeta de acreditación especiais, en función da necesidade ou non de identificación nominativa segundo a normativa vixente:

a) Tarxeta de acreditación especial nominativa (no suposto de empregados públicos que exerzan funcións de representación da Xunta de Galicia):

• Anverso:

– Logo xenérico da Xunta de Galicia.

– Denominación do cargo.

– Foto: fotografía tipo carné.

– Nome e apelidos.

– DNI.

• Reverso:

– Logo xenérico da Xunta de Galicia.

– Denominación do corpo/escala.

– Texto específico segundo as funcións desenvolvidas.

b) Tarxeta de acreditación especial non nominativa, no suposto de empregados públicos que exerzan funcións de inspección e control.

• Anverso:

– Logo xenérico da Xunta de Galicia.

– Denominación do posto (inspector de turismo, inspector sanitario etc).

– Fotografía tipo carné.

– Número de identificación persoal (NIP), que é o código asignado a cada empregado público facilitado pola consellería.

• Reverso:

– Logo xenérico da Xunta de Galicia.

– Denominación do corpo/escala.

– Texto específico segundo as funcións desenvolvidas.

As tarxetas elaboraranse co formato que se recolle no anexo da presente orde.

Artigo 5. Solicitude e tramitación

As unidades de Persoal no caso da Presidencia e das consellerías, ou unidade competente, no caso dos entes instrumentais do sector público autonómico, remitiran á unidade competente en materia de xestión de infraestruturas administrativas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou centro directivo competente, se é o caso, unha solicitude de emisión de tarxeta de acreditación especial, no modelo e coa documentación que para o efecto se determine, que deberá estar dispoñible na intranet da Xunta de Galicia.

No suposto de que exista dúbida respecto á procedencia da emisión da tarxeta, a dita unidade poderá pedir informe á unidade con competencias en materia de avaliación e reforma administrativa.

Unha vez elaboradas as tarxetas, serán remitidas á unidade de persoal correspondente para a súa entrega ao interesado.

Artigo 6. Utilización

As tarxetas serán propiedade da Xunta de Galicia ou ente correspondente, que as expedirá e entregará aos seus titulares, os cales deberán garantir a súa custodia, utilizalas de xeito persoal e intransferible e, conforme as instrucións e medios facilitados, comunicar de inmediato os supostos de deterioración, perda ou mal funcionamento, e devolvelas cando cesen na prestación dos seus servizos ou sexan requiridos para o efecto para a súa substitución ou renovación.

Disposición adicional

Facúltanse os titulares dos centros directivos competentes en materias de modernización e innovación tecnolóxica e avaliación e reforma administrativa para ditaren, no ámbito das súas respectivas competencias, cantas disposicións e instrucións sexan precisas para o desenvolvemento da presente norma.

Disposición transitoria

No prazo de seis meses contados desde a entrada en vigor desta norma, deberá procederse á substitución das tarxetas de acreditación especial existentes na data de entrada en vigor desta orde pola nova tarxeta regulada nela.

O persoal inspector regulado na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, regularase pola súa orde específica, sen prexuízo da súa adaptación ao disposto nesta orde no prazo de seis meses.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o disposto na presente orde, especialmente as disposicións relacionadas a seguir:

– Orde do 5 de maio de 1999 pola que se aproba a tarxeta de identificación do persoal da Inspección Turística.

– Artigo 7 da Orde do 20 de marzo de 2007 pola que se establecen os distintivos de identificación e uniformidade dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia.

– Orde do 20 de maio de 2003 de creación da tarxeta de acreditación do persoal que realiza inspeccións no ámbito da saúde pública.

– Parágrafos 1 (no que atinxe á tarxeta) e 2 do artigo 2 e artigo 6 da Orde do 16 de novembro de 2004 pola que se regula a identificación dos axentes forestais de Galicia.

– Orde do 16 de decembro de 2004 pola que se aproba a tarxeta de identificación de inspectores de Educación.

– Orde do 4 de decembro de 1995 pola que se regula a tarxeta acreditativa do persoal da Inspección de Servizos Sociais.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file