Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Luns, 14 de xaneiro de 2013 Páx. 1069

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 28 de decembro de 2012 pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios para o curso escolar 2012-2013 (ED101 C).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en desenvolvemento das previsións dos artigos 3.2 e 148.1.17 da Constitución española e mais do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece a obriga dos poderes públicos de garantiren o uso normal do galego e do castelán (artigo 2), así como que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos (artigo 12).

Así mesmo, no artigo 14 da citada lei establécese expresamente que a lingua galega é materia de estudo obrigado en todos os niveis educativos non universitarios e que se garantirá o uso efectivo deste dereito en todos os centros públicos e privados. No parágrafo 3 do mesmo artigo, encoméndaselles ás autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantir que, ao remate dos ciclos educativos en que o ensino do galego é obrigatorio, o alumnado debe coñecer esta lingua, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Nesta mesma liña tamén se pronuncian a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias de 1992, ratificada polo Goberno español en 2001, o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro de 2004, e a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Deste obxectivo nace a necesidade de adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, sinala a necesidade de afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino. Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, afastado de usos sexistas e respectuoso coa situación sociolingüística na cal se enmarca cada centro. Con este obxectivo, a consellería competente en materia de educación establecerá un programa de actividades de fomento da lingua en cada centro educativo, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade educativa, con especial atención ás liñas de actuación que permitan un incremento do uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias.

O dito decreto regula, no artigo 15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para potenciar o uso da lingua galega nos centros educativos sostidos con fondos públicos, así como a súa coordinación a través das respectivas comisións que se constituirán en cada xefatura territorial de educación. Estes equipos terán un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de promoción da lingua galega nos centros educativos, contarán co apoio técnico necesario e os centros educativos terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e materiais en galego.

Daquela, e co fin de valorar e apoiar o labor dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino, considérase necesario, igual que en exercicios anteriores, convocar axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego. A achega económica que se asigne a cada proxecto determinarase segundo os criterios establecidos na convocatoria.

Neste caso, segundo o establecido no artigo 2.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as achegas económicas que se lles asignen aos proxectos con motivo desta convocatoria non terán carácter de subvención, ao tratarse de achegas monetarias a favor de entidades (os centros de ensino públicos) dependentes da Administración autonómica, destinadas a financiar actividades da súa competencia e impostas por unha norma emanada da propia Administración outorgante.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Anunciar a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos de Galicia para o curso escolar 2012-2013, segundo as seguintes bases:

1. Obxecto

A presentación e a realización de proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos de ensino de Galicia, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega e polo profesorado responsable do proxecto naqueles centros de ensino de menos de seis unidades, durante o curso escolar 2012-2013, e o establecemento de axudas que apoien o seu financiamento.

As axudas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados. En todo caso, a suma das contías recibidas non pode superar o 100 % do custo total das actividades do proxecto.

2. Destinatarios

Os centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensino regrado de nivel non universitario.

3. Requisitos

Os proxectos e as actividades desenvolvidas ao abeiro desta convocatoria deberanse presentar e desenvolver de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo). Así mesmo, coidarán o respecto á toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

4. Dotación orzamentaria

O crédito destinado ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos ascende á cantidade de 300.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias. Este crédito financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.151A.640.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2013. En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 e ao disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

5. Presentación de solicitudes e prazo

5.1. Os centros de ensino público de Galicia que desexen acollerse aos beneficios desta convocatoria deberán formalizar a súa solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde.

5.2. As solicitudes dirixiranse aos gabinetes provinciais de Normalización Lingüística da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude, segundo o modelo ED101C, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, e na páxina web http://www.xunta.es/linguagalega, que permite cubrir e editar a solicitude.

5.3. A presentación de solicitudes farase por calquera das seguintes vías:

a) En soporte papel: as solicitudes poderán presentarse por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

b) Por vía electrónica: a presentación electrónica farase a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de utilizar a vía electrónica, as persoas interesadas deberán posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital admitido pola sede electrónica. Xunto cos formularios de solicitude deberá achegarse a documentación a que se fai referencia na base sexta da convocatoria, que deberá cumprir os requisitos sinalados no artigo 27 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

5.4. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Para os efectos deste cómputo non ten validez a data de saída do rexistro do centro de ensino.

6. Documentación que se xuntará á solicitude

Á solicitude xuntarase a seguinte documentación:

6.1. Copia do proxecto, asinado polo coordinador ou coordinadora do equipo de dinamización, co visto e prace do director ou directora do centro. O proxecto deberá analizar a realidade concreta do centro e, a partir dela, establecer os obxectivos e deseñar as actividades que permitan modificar a situación de partida. Desenvolverá os seguintes puntos:

a) Breve estudo sociolingüístico actualizado consonte:

– O contorno sociolingüístico do centro.

– A situación do profesorado.

– A situación do alumnado.

– A situación lingüística do centro.

b) Descrición de obxectivos adecuados a cada un dos catro puntos anteriores.

c) Descrición detallada das actividades de dinamización lingüística para cada un dos obxectivos propostos.

6.2. Cadro resumo de actividades asinado polo coordinador ou coordinadora, co visto e prace do director ou directora do centro, no cal figure expresamente o compromiso de desenvolvemento das actividades programadas no caso de obter o financiamento. No cadro teñen que constar de forma resumida a temporización, o nome da actividade, responsable/s e departamento/s a que pertence/n, destinatarios/as, así como o orzamento previsto. O modelo deste cadro resumo figura no anexo II desta resolución.

6.3. Anexo III de declaración de axudas solicitadas e concedidas para o mesmo proxecto.

7. Procedemento

Unha vez que remate o prazo de presentación de instancias, os gabinetes provinciais de Normalización Lingüística revisarán as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estaren incompletas as solicitudes, conteren erros ou de que non se achegue toda a documentación acreditativa dos requisitos exixidos por medio desta convocatoria, requiriranse as persoas solicitantes para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desisten da súa petición e se arquivará o seu expediente na forma e nos termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e consonte os artigos 59.6.b), 60 e 61 da Lei 30/1992, os requirimentos faranse mediante publicación na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega.

8. Análise e cualificación dos proxectos

8.1. Comisións de cualificación.

Unha vez completos os expedientes administrativos, procederase á cualificación dos proxectos que resulten admitidos por seren presentados en tempo e forma. Para iso constituirase en cada gabinete provincial unha comisión provincial de cualificación encargada de cualificar os proxectos e, así mesmo, na Secretaría Xeral de Política Lingüística constituirase unha comisión central de cualificación, encargada de homoxeneizar a aplicación dos criterios de valoración, así como de formular a proposta de resolución das axudas. Tanto as comisións provinciais coma a Comisión Central de Cualificación deberán adaptar o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na sección 3ª do capítulo I, título I da Lei 16/2012, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

a) Comisións provinciais de cualificación. Co fin de cualificar os proxectos admitidos, constituirase en cada gabinete provincial unha comisión provincial de cualificación, que estará integrada por:

Presidencia: o xefe ou a xefa do Gabinete Provincial de Normalización Lingüística.

Vogais:

– O coordinador ou coordinadora provincial dos equipos de dinamización da lingua galega.

– Un/unha representante da Inspección Educativa, que será designado/a polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un/unha especialista en planificación lingüística, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cando o número de proxectos o aconselle, poderán designarse ata tres especialistas máis por comisión.

– Un profesor ou profesora con experiencia nos equipos de dinamización da lingua galega, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Secretaría: desenvolverá estas funcións un funcionario ou funcionaria do gabinete ou delegación territorial.

No seo das comisións provinciais poderanse constituír unha ou varias comisións técnicas para facilitar a análise polo miúdo dos proxectos.

b) Comisión Central de Cualificación. Coa finalidade de homoxeneizar a aplicación dos criterios de valoración con anterioridade ao inicio das sesións das comisións provinciais, así como para formular a proposta de resolución das axudas, na Secretaría Xeral de Política Lingüística constituirase unha comisión central de cualificación que estará integrada polos seguintes membros:

– Presidencia: o subdirector xeral de Política Lingüística.

– Vogais: os xefes dos gabinetes provinciais de Normalización Lingüística.

– Secretaría: un funcionario ou funcionaria da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nomeado polo secretario xeral de Política Lingüística.

Á reunión que a Comisión Central realice para homoxeneizar a aplicación dos criterios de valoración asistirán tamén o/a coordinador/a de cada comisión provincial, que se reunirán para a valoración en común de cinco proxectos de cada unha das provincias elixidos ao chou.

9. Criterios para a cualificación dos proxectos

Para a concesión de incentivos de apoio ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións terán en conta fundamentalmente a calidade do proxecto e ponderarase o número de estudantes do centro.

9.1. A calidade do proxecto terá un peso do 80 %. Quedarán desestimadas aquelas solicitudes que non reúnan un mínimo de 6 puntos nesta epígrafe. A porcentaxe do 80 %, correspondente á calidade, será puntuada de 0 a 24 puntos. As variables que se avaliarán coas respectivas puntuacións serán as seguintes:

a) Grao de implicación activa dos membros da comunidade no proxecto (pais/nais, profesorado de distintos departamentos, alumnado de distintos ciclos, etapas e niveis, así como persoal de administración e servizos): de 0 a 3 puntos.

b) Nivel de orixinalidade nas propostas para incidir nos usos reais, orais e escritos, da comunidade educativa: de 0 a 3 puntos.

c) Grao no uso das competencias activas da lingua, con especial atención a aquelas que fomenten a oralidade: de 0 a 3 puntos.

d) Nivel de utilización de novas tecnoloxías: de 0 a 3 puntos.

e) Grao de colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, co obxectivo de potenciar o uso da lingua galega fóra do centro: de 0 a 3 puntos.

f) Grao de colaboración con outros centros educativos no deseño da planificación lingüística e/ou realización de actividades: de 0 a 3 puntos.

g) Realización de actividades plurianuais: de 0 a 3 puntos.

h) Diversificación de actividades ao longo do curso, número e coherencia entre estas e os obxectivos correspondentes: de 0 a 3 puntos.

9.2. O número de estudantes terá un peso do 20 %. A cada centro concederánselle 0,30 puntos por cada 50 estudantes ou fracción, ata un máximo de 6 puntos.

10. Contías máximas por proxecto

a) O financiamento máximo que poderán recibir os centros cunha matrícula superior a 50 alumnos e alumnas é de 800 euros.

b) O financiamento máximo que poderán recibir aqueles centros con matrícula comprendida entre 25 e 50 alumnos e alumnas é de 300 euros.

c) O financiamento máximo que poderán recibir aqueles centros con matrícula inferior a 25 alumnos e alumnas é de 150 euros.

11. Criterios para a repartición das axudas concedidas

Unha vez que as comisións provinciais avalíen e fixen a puntuación que ten cada proxecto, establécense os seguintes criterios para a repartición das axudas:

11.1. Distribuiranse 292.500 euros da seguinte maneira: fixarase un valor económico por punto obtido nos proxectos; a multiplicación dese valor polo total de puntos acadados por cada proxecto dará como resultado a contía económica da axuda que recibirá cada un.

11.2. A maiores, distribuiranse 7.500 euros entre os proxectos dos centros cunha matrícula superior a 50 alumnos/as que acaden 22 ou máis puntos na epígrafe 9.1 (Calidade do proxecto). Ningún centro poderá recibir máis de 300 euros nesta distribución.

En caso de que non se reparta a totalidade desta contía, o remanente sumarase á cantidade prevista no punto anterior.

11.3. En todo caso, ningún proxecto poderá recibir unha axuda que exceda as máximas establecidas na epígrafe 10 nin o custo total do proxecto.

11.4. Tanto o establecemento do valor económico por punto obtido (11.1) como a distribución da cantidade prevista na epígrafe 11.2 serán fixados pola Comisión Central de Cualificación.

12. Proposta de resolución

Rematadas as sesións das comisións de cualificación, a Comisión Central elaborará unha proposta provisional de resolución, na cal se incluirá unha listaxe por provincias que indique a puntuación outorgada a cada proxecto, así como o financiamento asignado a cada centro, de acordo cos criterios sinalados na base anterior.

Esta proposta provisional farase pública na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega. Nela expresarase a contía proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. Os centros interesados disporán de 10 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a xefatura do Gabinete de Normalización Lingüística da provincia que corresponda, nos lugares e forma indicados na base quinta da convocatoria. En todo caso, os centros que presenten alegacións enviarán un correo electrónico ao Gabinete de Normalización Lingüística da súa provincia en que dean conta do día en que presentaron a alegación e do motivo dela.

13. Resolución

Unha vez revisadas as reclamacións, a Comisión Central elevará a súa proposta definitiva ao secretario xeral de Política Lingüística, quen resolverá, segundo o disposto na disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012, de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 27, do 8 de febreiro). A resolución incluirá, por provincias, a relación de centros admitidos, con indicación da puntuación concedida e o financiamento definitivo asignado a cada proxecto, así como a relación de centros excluídos, con indicación das causas que determinaron a súa exclusión.

A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web www.xunta.es/linguagalega, pola cal se entenderán notificados para todos os efectos os centros de ensino interesados, sen prexuízo das notificacións individuais feitas aos centros adxudicatarios.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non se ditar resolución expresa no prazo de catro meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

14. Pagamento

As cantidades asignadas a cada centro mediante esta convocatoria serán transferidas aos centros nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico de 2013, e poderá efectuarse a partir da resolución da convocatoria. Os centros docentes públicos deben incorporar ao seu orzamento as cantidades entregadas e xestionalas de acordo cos criterios previstos no Decreto 201/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a autonomía dos centros docentes públicos non universitarios.

Os centros deben destinar a totalidade do financiamento conseguido nesta convocatoria para a finalidade concreta para a cal foi concedido, de acordo co proxecto achegado coa solicitude, e tomarase como período para efectuar o gasto o das actividades realizadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2013.

15. Xustificación do gasto

15.1. A data límite para a xustificación dos gastos correspondentes aos centros que obtiveron financiamento mediante esta convocatoria para o curso 2012-2013 é o 30 de xuño de 2013. Deberá presentarse ante os gabinetes provinciais de Normalización Lingüística da mesma forma que a sinalada no punto 5, a propósito da presentación das solicitudes.

A xustificación incluirá a seguinte documentación:

a) Certificación xustificativa do gasto, segundo o modelo que figura como anexo IV, asinada polo secretario do centro educativo co visto e prace do director, na cal se certifique que a dotación económica foi utilizada para o destino concreto para o cal foi concedida, de acordo co previsto no artigo 15.4 do Decreto 201/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a autonomía na xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios (DOG núm. 67, do 4 de abril). Os xustificantes orixinais quedarán en poder dos centros á disposición dos órganos de control económico da Administración competente.

b) Unha memoria descritiva e gráfica. Nela aparecerán todas as actividades realizadas, detallaranse aquelas para as que se concedeu a asignación económica e relacionarase cada gasto en que se incorreu coa actividade do proxecto a que vai imputado.

Esta memoria deberá dar conta dos cambios realizados con respecto á programación inicial e nela avaliarase, ademais, a consecución ou non dos obxectivos previstos e proporanse actuacións de mellora para vindeiros proxectos.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, con indicación do importe concedido e da súa procedencia, ou declaración de non ter solicitada ningunha outra axuda para a mesma finalidade.

15.2. A non entrega da memoria e/ou certificación xustificativa do gasto no prazo sinalado poderá ser causa de revogación das cantidades asignadas. O centro deberá reintegrar a cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se lle poidan exixir. Da mesma forma, o incumprimento total ou parcial dos proxectos ou das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión poderá dar lugar á anulación ou modificación da contía do importe concedido.

Así mesmo, no caso de que ao centro se lle conceda outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto, o importe da axuda concedida con cargo á presente convocatoria minorarase cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100 % do custo das actividades do proxecto.

16. Seguimento e avaliación da realización dos proxectos

O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos serán realizados polos coordinadores e coordinadoras territoriais sobre a base das memorias de xustificación.

Disposición adicional primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presentación da solicitude comportará a autorización á Secretaría Xeral de Política Lingüística para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como ás sancións impostas cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicación dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Terceira. Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file