Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Martes, 26 de febreiro de 2013 Páx. 5514

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de febreiro de 2013 pola que se aproban as bases e se convocan axudas complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario de mobilidade Erasmus e Suíza, para estudantes universitarios que participan nesta acción no curso 2012/13.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes, que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade de estudantes, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

En aplicación do anterior e sendo conscientes da importancia da mobilidade estudantil, no senso de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, considera conveniente realizar unha convocatoria de axudas de mobilidade universitaria primando a excelencia no rendemento académico, que complemente o financiamento das axudas achegadas pola Unión Europea no marco do Programa de aprendizaxe permanente.

Cómpre subliñar que estas accións son compatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral e de mobilidade para estudantes universitarios convocadas polo Ministerio de Educación e coas axudas que para este fin destina a Unión Europea no marco do Programa de aprendizaxe permanente. Estas accións complementarias cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter estatal e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do Ministerio de Educación.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, axudas complementarias ao programa comunitario de mobilidade Erasmus e Suíza, destinadas aos estudantes das universidades do Sistema universitario de Galicia e dos centros asociados da UNED en Galicia que participan no citado programa de mobilidade universitaria durante o curso 2012/13.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas bolsas con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, cunha contía global de 1.300.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería.

Artigo 3. Duración da bolsa

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2012/13.

Artigo 4. Requisitos dos/das solicitantes

a) Ser cidadán da Comunidade Europea ou estranxeiro non comunitario con residencia legalizada no Estado español.

b) Estar matriculado no curso 2012/13 en calquera das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED nesta comunidade autónoma para realizar estudos universitarios oficiais conducentes aos títulos universitarios de graduado, licenciado, arquitecto, enxeñeiro, diplomado, mestre, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico.

c) Participar no programa de mobilidade universitaria con autorización da universidade de orixe e ser beneficiario da axuda achegada pola Unión Europea no marco do Programa de aprendizaxe permanente para participar na acción de mobilidade para estudos dentro do programa Erasmus ou do Goberno de Suíza.

d) Que a duración mínima da estadía, para efectos de concesión de bolsa, sexa de tres meses e a máxima de nove meses.

e) Non ter gozado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

Artigo 5. Prazo e forma de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. O formulario de solicitude, correspondente co modelo normalizado ED417A que se publica como anexo I a esta orde, e a declaración responsable necesaria, que se publica como anexo II, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia:
https://sede.xunta.es

3. Para a presentación na sede electrónica dos devanditos formularios admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica da persoa solicitante ou representante legal, aceptado pola sede.

4. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico: 012@xunta.es

En caso de dúbida en relación coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico: orientacion.sug@edu.xunta.es

5. Nestes formularios normalizados cubriranse todos os campos sen emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

6. Unha vez cubertos e confirmados os formularios na forma indicada nos parágrafos anteriores, deberán presentarse en formato electrónico, na sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do solicitante ou do representante legal que solicite a axuda.

7. Non se terán en conta aquelas solicitudes cubertas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido. Será necesario obter o xustificante da solicitude que deberá ser conservado polo solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.

8. Ademais do procedemento previsto anteriormente, admítese igualmente a presentación da solicitude (anexo I) e da declaración de conxunto (anexo II) unha vez cubertos os formularios en formato PDF dispoñibles na sede, que deberán presentar asinados no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixidos á Secretaría Xeral de Universidades (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, BOE do 14 de xaneiro, para a presentación de instancias.

Artigo 6. Documentación que hai que presentar

A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED417A) e a declaración responsable (anexo II, en que a persoa solicitante debe indicar se ten ou non solicitada ou concedida outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade perante as administracións públicas ou outros entes públicos) presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

No suposto de que a persoa non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, para a presentación dos anexos I e II, admitirase igualmente a presentación, en formato papel, presentándoos nos mesmos termos establecidos no punto 8 do artigo anterior.

Artigo 7. Obrigas das universidades

As universidades do Sistema universitario de Galicia e os centros asociados da UNED proporcionarán á Secretaría Xeral de Universidades listaxes completas dos estudantes bolseiros do programa Erasmus ou do Goberno de Suíza, indicando nome e apelidos do estudante, número do DNI, NIE, pasaporte ou tarxeta de estranxeiría, país de destino, duración da estadía (trimestre, semestre ou curso completo) e nota media do seu expediente académico, calculado cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración asinado o 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades do SUG.

Artigo 8. Exposición das listas provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. Unha vez comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria, a Secretaría Xeral de Universidades exporá as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas, sinalando as causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas oficinas de relacións internacionais das respectivas universidades. Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/

2. Unha vez expostas as listas provisionais de admitidos e excluídos por documentación, os interesados disporán, para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación presentada ante a Secretaría Xeral de Universidades, dun prazo de dez días, e poderán presentar a documentación que corresponda ante o Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, BOE do 14 de xaneiro.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente, logo da resolución de arquivamento nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comisión avaliadora

1. A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

– Presidente: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou, por delegación, a persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades.

– O xefe do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios da Secretaría Xeral de Universidades.

– Secretaria: a xefa da Sección de Apoio aos Estudantes Universitarios da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de representantes das universidades galegas en calidade de expertos na materia obxecto da convocatoria.

3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non pode asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 10. Selección

A selección dos bolseiros será realizada pola comisión avaliadora de acordo cos seguintes criterios:

1. Todos os solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado, recibirán unha axuda económica uniforme en función da súa permanencia no programa, que se distribuirá do seguinte modo:

– Un trimestre: 210 euros.

– Un semestre: 420 euros.

– Curso completo: 630 euros.

2. Unha vez distribuída pola comisión avaliadora a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante dispoñible, se o houber, será adxudicado aos solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico, asignándoselles unha contía uniforme de 500 euros, ata esgotar o orzamento.

Artigo 11. Proposta de resolución, resolución e publicación

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través do secretario xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución en que constará unha relación nominal de beneficiarios e outra de solicitudes denegadas, coas causas de denegación, así como os demais aspectos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A resolución de concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, http://www.edu.xunta.es pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para os efectos establecidos no artigo 23, número 4, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de cinco meses. O prazo comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no dito prazo.

Artigo 12. Pagamentos

O aboamento da axuda convocada nesta orde realizarase de acordo co estipulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co previsto no último parágrafo do número 1 do artigo 60 do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Farase un pagamento único da axuda concedida, que se aboará na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 13. Compatibilidades, obrigas e cumprimento dos/das bolseiros/as

1. Estas bolsas son compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17, número 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os/as solicitantes, polo feito de solicitar esta axuda, comprométense a aceptar o contido desta convocatoria e o seu resultado, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Os/as bolseiros/as están obrigados a realizar as actividades previstas nos programas de mobilidade e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento.

b) Comunicar á Secretaría Xeral de Universidades, no caso de existir alteración na declaración responsable presentada coa solicitude, a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedente de calquera organismo público ou privado.

c) Comunicar á Secretaría Xeral de Universidades por escrito a renuncia á bolsa no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

d) Proceder ao reintegro das cantidades xa percibidas, xunto cos xuros de demora que lle correspondan, no caso de renuncia ou incumprimento das súas obrigas, salvo en casos excepcionais xustificados documentalmente previamente autorizados pola Secretaría Xeral de Universidades.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como a calquera outra actuación, de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

3. O incumprimento por parte do/da bolseiro/a de calquera das condicións recollidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora que poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional primeira

A presentación de solicitude de concesión da axuda comportará autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como ás sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional segunda

Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.K da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Consellerio de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file