Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Xoves, 7 de marzo de 2013 Páx. 6821

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 27 de febreiro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais do período 2007-2013 e se convocan as cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para o exercicio orzamentario de 2013.

As industrias agrarias e forestais teñen un carácter estratéxico en Galicia por seren elementos fundamentais para o desenvolvemento do sector agrario e, por extensión, para a promoción das zonas rurais de Galicia. As instalacións de transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais son necesarias para dar acceso aos mercados ás producións das explotacións agrarias e forestais, e fomentan, ademais, a creación e o mantemento de postos de traballo, o que beneficia o tecido económico das zonas rurais.

Por todo iso, considérase de grande interese establecer medidas de apoio ao seu desenvolvemento. Nese sentido, a Consellería do Medio Rural e do Mar dispón dun programa de desenvolvemento rural (PDR) para o período 2007-2013, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), regulado polo Regulamento(CE) 1698/2005 e disposicións complementarias. No PDR 2007-2013 figuran, na medida 123, as axudas ao aumento do valor engadido dos produtos agrícolas e forestais e, na medida 312, as axudas aos investimentos de microempresas que contribúan ao desenvolvemento rural, entre as cales figuran as serras de madeira.

A Consellería publicou no ano 2010 a Orde do 24 de marzo en que figuraban as bases reguladoras destas axudas, así como a convocatoria dese ano. Esas bases foron modificadas posteriormente pola Orde do 23 de decembro de 2011. Por outra parte, a experiencia adquirida na xestión destas axudas, así como os cambios normativos producidos, fan conveniente introducir algunhas modificacións adicionais que afectan a tipoloxía e requisitos dos investimentos para seren subvencionables. En particular, o Real decreto 460/2011, do 1 de abril, que establece na súa disposición adicional a obriga das empresas lácteas que adquiran leite a terceiros de disporen de contratos escritos cos seus provedores, foi substituído polo Real decreto 1363/2012, do 28 de setembro, polo que as bases reguladoras destas axudas deben incorporar ese cambio normativo. Así mesmo, o Regulamento 65/2011 da Comisión establece a necesidade de comprobar nos controis administrativos a moderación dos custos propostos, que deben ser avaliados mediante un sistema adecuado, habitualmente consistente na comparación de ofertas diferentes. Este sistema considérase igualmente adecuado para a xestión destas axudas, e débese, en todo caso, aplicar a todo tipo de gastos independentemente da súa contía.

Por todo isto, considérase aconsellable volver a publicar na súa integridade as bases reguladoras das axudas e, adicionalmente, a convocatoria correspondente ao ano 2013, que se limita inicialmente aos proxectos cofinanciables con fondos Feader.

Por outra parte, resulta necesario facer de forma urxente e inaprazable a nova convocatoria do ano 2013 para que os posibles beneficiarios poidan incluír os investimentos que teñan que realizar no inicio deste ano. Debido a iso, esta orde de axudas tramítase con carácter previo á aprobación polo Parlamento de Galicia dos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2013, de acordo co establecido na alínea 2 do artigo 7 do Decreto 263/2012, do 27 de decembro, polo que se regulan as condicións de prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases das axudas da Consellería do Medio Rural e do Mar para os investimentos en mellora das condicións de transformación e comercialización dos produtos agrarios e forestais para o período 2007-2013 e convocar as cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para o exercicio orzamentario de 2013.

A concesión destas axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.

Sección 1ª Bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais para o período 2007-2013

Artigo 2. Beneficiarios.

1. Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas que teñan unha actividade económica, sexan titulares das instalacións obxecto de axuda, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren subvencionables. As corporacións locais non poderán ser beneficiarias destas axudas.

2. Os beneficiarios das axudas clasificaranse segundo as seguintes categorías de empresas:

– Microempresa, pequena empresa ou mediana empresa (pemes), tal como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión (DO L 124 do 20/05/2003).

– Empresas intermedias, sendo estas as empresas non pemes que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

– Grandes empresas, que son as empresas non pemes que superan o número de empregados e o volume de negocios exixido ás empresas intermedias.

3. As empresas beneficiarias deberán estar incluídas nalgún dos grupos sinalados a seguir, establecidos en función da actividade das empresas, da normativa comunitaria aplicable e do financiamento utilizado:

A. Empresas con investimentos en transformación e comercialización de produtos incluídos no anexo I do Tratado:

– A.1) Microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias nas cales o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos estea incluído no anexo I do Tratado. Neste caso as axudas procederán de fondos incluídos no PDR de Galicia 2007-2013, cofinanciados polo Feader, e a normativa comunitaria de aplicación será exclusivamente a que regula o Feader.

– A.2) Microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias nas cales o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado. Neste caso as axudas procederán de fondos incluídos no PDR de Galicia 2007-2013, cofinanciados polo Feader, e a normativa comunitaria de aplicación será a que regula o Feader e a establecida pola Unión Europea para as axudas de Estado.

– A.3) Grandes empresas. Neste caso as axudas procederán de fondos propios da Consellería, e a normativa comunitaria de aplicación será a establecida pola Unión Europea para as axudas de Estado.

B. Empresas con investimentos relativos á serradura de madeira:

– B.1) Microempresas: neste caso as axudas procederán de fondos incluídos no PDR de Galicia 2007-2013, cofinanciados polo Feader, e a normativa comunitaria de aplicación será exclusivamente a que regula o Feader e a establecida pola Unión Europea para as axudas de Estado.

– B.2) Pequenas e medianas empresas: neste caso as axudas procederán de fondos propios da Consellería, e a normativa comunitaria de aplicación será a establecida pola Unión Europea para as axudas de Estado.

A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá facer convocatorias anuais de axudas independentes para cada un dos grupos de beneficiarios indicados neste punto.

Artigo 3. Investimentos subvencionables

1. Considéranse subvencionables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea excepto os produtos da pesca. Os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización poderán ser produtos agrarios (incluídos no anexo I do Tratado) ou non agrarios (non incluídos no anexo I do Tratado), e, conforme o sinalado no artigo 4 desta orde, a porcentaxe máxima de axuda que se poderá conceder variará en función desta característica.

2. Consideraranse tamén subvencionables os investimentos desenvolvidos en Galicia en activos fixos destinados á serradura de madeira.

3. Serán subvencionables os seguintes tipos de gastos:

a) Construción, adquisición e mellora de bens inmobles, excepto a compra de terreos. A adquisición de terreos será tamén subvencionable no caso de pemes e empresas intermedias nas cales a axuda estea cofinanciada polo Feader, e terá o límite do 10 % do total dos gastos subvencionables.

b) Compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.

c) Os gastos vinculados aos puntos anteriores en honorarios de proxecto e dirección de obra, estudos de viabilidade e adquisición de patentes e licenzas relacionadas co proceso produtivo.

4. Non serán, no entanto, obxecto de axuda os investimentos relativos aos conceptos e actividades sinalados no anexo I desta orde.

Artigo 4. Contía das axudas

1. As axudas teñen a natureza de subvencións de capital e poderán acadar as porcentaxes máximas de axuda do investimento subvencionable indicadas no punto seguinte, establecidas segundo a tipoloxía da empresa solicitante e as características dos produtos finais dos procesos de transformación e/ou comercialización derivados dos investimentos (produtos incluídos no anexo I do Tratado ou non incluídos).

2. As porcentaxes máximas de axuda serán as seguintes:

A. Empresas con investimentos en transformación e comercialización de produtos incluídos no anexo I do Tratado:

Tipo de produto final

Tipo de empresa solicitante

Microempresas e pequenas empresas

Empresas medianas

Empresas intermedias

Grandes empresas

Incluído no anexo I

50 %

50 %

25 %

25 %

Non incluído no anexo I

50 %

40 %

25 %

25 %

B. Empresas con investimentos relativos á serradura de madeira.

Tipo de empresa solicitante

Microempresas e pequenas empresas

Empresas medianas

50 %

40 %

Artigo 5. Requisitos adicionais

Para a concesión e/ou pagamento das axudas, os investimentos e solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos adicionais:

1. Os investimentos deben mellorar o rendemento global da empresa solicitante. Para eses efectos, deben ter algún dos obxectivos seguintes:

– Aumentar a competitividade da empresa.

– Reducir os custos.

– Aumentar o valor engadido.

– Reducir o impacto ambiental.

– Mellorar a rastrexabilidade e seguranza das producións.

– Diversificar as producións e/ou os mercados.

– Mellorar a calidade das producións.

– Implantar novos produtos, procesos ou tecnoloxías.

– Mellorar a comercialización das producións.

Para acreditar isto, na memoria que acompañe a solicitude de axuda xustificarase expresamente e de forma razoada en que medida os investimentos contribúen a acadar algún dos obxectivos sinalados.

2. Os investimentos deben cumprir a normativa comunitaria aplicable en materia de ambiente e, de ser o caso, sanidade e benestar animal.

Conforme iso:

– Non se concederán axudas a solicitantes que presenten proxectos relativos a instalacións xa existentes que non acrediten dispoñer de licenza de actividade e rexistro sanitario ou que non cumpran, cando for o caso, a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.

– Non se pagarán axudas a beneficiarios que non acrediten, despois da execución dos investimentos, dispoñer de licenza de actividade e rexistro sanitario actualizados ou vixentes, así como, se for o caso, cumprir a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal. Esta acreditación non será exixida no caso de que os investimentos previstos, dadas as súas características, non supoñan unha alteración das actividades da empresa que afecten a licenza ou rexistro sanitario vixente ou alteren as condicións relativas ao benestar animal ou á elaboración de produtos para alimentación animal.

– A resolución de concesión indicará, se for o caso, expresamente as acreditacións referidas que será necesario presentar para o pagamento da axuda.

Porén, no caso de microempresas, serán subvencionables os investimentos que se realicen para efectos do cumprimento de novas normativas comunitarias.

3. Cando o solicitante estea sometido á normativa de contratación pública conforme o disposto no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, deberá acreditar o seu cumprimento na execución dos investimentos subvencionados con anterioridade ao pagamento da axuda.

4. Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02). Conforme a iso, non se concederán en particular axudas a sociedades anónimas e limitadas que incorran en causa de disolución por teren un patrimonio contable inferior á metade do seu capital social, tal como establece a normativa que regula este tipo de sociedades. Tampouco se concederán axudas ás empresas sometidas a un procedemento de quebra, insolvencia ou concursal.

En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos tres últimos anos.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

5. No caso de proxectos nos que os produtos finais dos procesos de transformación e/ou comercialización non estean incluídos no anexo I do Tratado, e de proxectos de grandes empresas, e de proxectos de serras de madeira, o beneficiario deberá achegar unha contribución financeira exenta de calquera apoio público de, como mínimo, un 25 % dos custos subvencionables, mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Con ese fin, na solicitude de axuda e na de pagamento o beneficiario deberá incluír unha declaración expresa sobre a orixe dos fondos utilizados para financiar os investimentos.

6. Non se concederán axudas a investimentos iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción ou o primeiro compromiso que obriga legalmente á realización dos investimentos.

7. Para a concesión das axudas teranse en conta as restricións de produción e as limitacións de apoio comunitario que existan de acordo coas organizacións comúns de mercado da Unión Europea. Non se concederán axudas que contraveñan prohibicións ou restricións establecidas nelas.

8. Os investimentos obxecto da axuda deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade correspondente á convocatoria á que concorre a solicitude, e será establecida en cada convocatoria anual.

9. No caso de empresas intermedias nas cales o produto final non está incluído no anexo I do Tratado e grandes empresas, a axuda que se concederá deberá ter o efecto incentivador establecido no punto 3 do artigo 8 do Regulamento (CE) 800/2008. Para eses efectos, o solicitante da axuda deberá xustificar especificamente na súa solicitude que o proxecto non se poderá levar a cabo en Galicia sen a axuda pedida, ou ben que a axuda pedida permitirá acadar un o máis dos seguintes logros:

a) Un aumento substancial do tamaño do proxecto ou actividade.

b) Un aumento substancial do ámbito de aplicación do proxecto ou actividade.

c) Un aumento substancial do importe total investido polo beneficiario no proxecto ou actividade.

d) Un aumento substancial do ritmo de execución do proxecto ou actividade.

10. A actividade ou actividades obxecto de axuda, así como os conceptos subvencionados, deberanse manter durante un período non inferior a cinco anos contados a partir do momento en que os investimentos estean finalizados (executados e pagados na súa totalidade).

11. Non se concederán axudas a investimentos en construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, nin aos seus investimentos relacionados, se non se acredita coa solicitude e nos prazos establecidos a dispoñibilidade do terreo e da licenza de obras correspondente que lle permita iniciar as obras.

12. Non se concederán axudas a solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de beneficiario sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e, en particular aos solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obteren subvencións públicas.

13. No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, deberán acreditar que dispoñen dos contratos escritos establecidos nos artigos 10, 11 e 12 do Real decreto 1363/2012, do 28 de setembro, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as súas condiciones de contratación. Esta acreditación deberá facerse cando se tramite o pagamento final da axuda.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo A1, xunto coa documentación adicional que se sinala no número seguinte. O lugar de presentación será prioritariamente nos servizos provinciais de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrias das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Tamén poderán presentarse en sede electrónica conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As solicitudes incluirán a seguinte documentación:

– Solicitude: anexo A1 debidamente cuberto.

– Memoria: anexo A2 debidamente cuberto.

– Estudo técnico: seguindo o modelo do anexo A3.

– Estudo económico: seguindo o modelo do anexo A4.

– Declaración referente ao cumprimento de requisitos, procedencia de materias primas, calendario de execución e axudas solicitadas conforme o modelo do anexo A5.

– Relación de ofertas solicitadas e elixidas: anexo A6 debidamente cuberto.

– Documentación adicional:

a) Copia da escritura de constitución e modificacións posteriores, no caso de ser unha sociedade.

b) Documentos acreditativos da personalidade ou entidade do solicitante (fotocopia do NIF no caso de persoa xurídica e fotocopia do DNI no caso de persoa física) e, se é o caso, da representación con que se actúa. No caso do DNI só será necesario presentalo se o beneficiario non outorga expresamente a autorización á Consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

c) No caso de empresas xa existentes, balance e contas de resultados dos tres últimos ano se son sociedades e, no caso de persoas físicas, declaración da renda dos últimos tres anos. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.

d) No caso de investimentos que inclúan a construción de novas superficies cubertas: xustificación documental da dispoñibilidade do terreo e licenza de obras.

e) No caso de industrias xa existentes, rexistro sanitario e licenza de actividade do concello. No caso de matadoiros, mercados e outras actividades relacionadas co manexo de gando vivo, deberase acreditar que se cumpren as normas mínimas relativas ao benestar animal. No caso de industrias de alimentación animal, deberase acreditar que se cumpre a normativa específica sobre elaboración dese tipo de produtos.

f) No caso doutras subvencións concedidas para o mesmo proxecto, fotocopia da comunicación de concesión coas súas características.

g) No caso de empresas intermedias nas cales o produto final non está incluído no anexo I do Tratado e grandes empresas, xustificación relativa ao efecto incentivador da axuda conforme o indicado no número 9 do artigo 5.

3. Os modelos de anexos indicados no número anterior poden ser solicitados á consellería para o seu envío por correo electrónico á conta axudas.ia@xunta.es. A presentación destes anexos non cubertos na súa totalidade ou de forma incompleta considerarase como non presentación da documentación requirida, e deberá emendarse, conforme o disposto no número 5, coa presentación dun novo anexo cuberto axeitadamente.

4. Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Non se considerarán subvencionables os conceptos incluídos na solicitude de axuda dos cales non se acredite o cumprimento deste requisito.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

5. Se o solicitante non presenta a documentación requirida no prazo máximo establecido ou se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, requirirase o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días. De non facelo así, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Non obstante o disposto nos puntos anteriores deste artigo, dada a natureza deste procedemento como de concorrencia competitiva, non será susceptible de emenda a presentación fóra do prazo indicado na convocatoria da seguinte documentación, considerada, como mínimo, imprescindible para a tramitación da solicitude de axuda:

– Anexo A1, de solicitude da axuda.

– Anexo A2, de memoria, cuberto adecuadamente, e incluíndo, en particular a relación pormenorizada dos investimentos previstos co seu importe sinalados no seu número 12.

Non serán admitidas aquelas solicitudes nas cales se aprecie a ausencia desta información. Nestes casos emitirase resolución de inadmisión. Así mesmo, non se admitirá con posterioridade ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita axuda que supoña o aumento do seu importe ou a inclusión de novos conceptos.

Artigo 7. Criterios de prioridade

Para a selección dos proxectos que se aproben, e para establecer a axuda que se conceda, utilizaranse os seguintes criterios de valoración:

A) Criterios positivos:

– Punto I: asignaranse 20 puntos aos proxectos que sexan dalgún dos seguintes tipos:

– Proxectos de cooperativas agrarias galegas ou de empresas participadas maioritariamente (máis do 50 %) por estas.

– Proxectos desenvolvidos por produtores agrarios galegos ou entidades participadas por estes que, facturando menos de 150.000 €/ano, procesen ou comercialicen materias primas agrarias que procedan maioritariamente (máis do 50 %) das súas explotacións.

– Proxectos de industrias que teñan contratos de compravenda homologados pola consellería con produtores agrarios galegos da maioría (máis do 50 %) das materias primas que procesan.

– Proxectos con investimentos destinados exclusivamente á elaboración de produtos da agricultura ecolóxica ou que, sen ser de uso exclusivo, os realicen industrias nas cales ao menos o 25 % da súa facturación, ou o 10 % no caso de matadoiros, corresponda a produtos da agricultura ecolóxica. En todo caso, as materias primas agrarias procesadas deben proceder maioritariamente (máis do 50 %) de explotacións agrarias galegas.

– Proxectos de investimentos en industrias de elaboración de produtos derivados da pataca situadas en zonas de produción das cales proceda a maioría (máis do 50 %) da materia prima procesada.

– Proxectos de transformación de produtos agrarios situados en concellos de zonas de montaña tal como se definen no Regulamento (CE) 1257/99, e nos cales as materias primas agrarias procesadas procedan maioritariamente (máis do 50 %) de explotacións agrarias galegas.

– Proxectos de serras de madeira que teñan certificación forestal (cadea de custodia).

Ademais, no caso de proxectos de empresas que, independentemente de utilizaren materias primas agrarias propias, adquiran materias primas a terceiros para as cales a consellería homologou contratos-tipo de compravenda, débese cumprir o requisito adicional de que máis do 50 % dos produtos adquiridos deben estar amparados por este tipo de contratos.

– Punto II: asignaranse 14 puntos aos proxectos de procesamento de produtos procedentes maioritariamente (máis do 50 %) de explotacións agrarias e forestais situadas en Galicia que non estean incluídos no punto I e que sexan dalgún dos seguintes tipos:

• Proxectos incluídos nalgún dos tipos sinalados para o punto I, pero que non cumpran o requisito adicional exixido relativo aos contratos-tipo homologados.

• Proxectos situados en concellos de zonas desfavorecidas tal como se definen no Regulamento (CE) 1257/99.

• Proxectos desenvolvidos por produtores agrarios galegos ou entidades participadas por estes, nos cales as materias primas agrarias procesadas ou comercializadas procedan maioritariamente (máis do 50 %) das súas explotacións, e non estean incluídos no punto-I.

• Proxectos de industrias que teñan contratos escritos con produtores agrarios ou forestais galegos da maioría (máis do 50 %) das materias primas que procesan e no estean incluídos no punto I. Os proxectos de industrias que non adquiran materias primas agrarias directamente a produtores serán tamén incluídos neste punto se acreditan expresamente que os seus subministradores teñen contratos escritos con produtores agrarios galegos da maioría (máis do 50 %) das materias primas que procesan.

– Punto III: asignaranse 12 puntos aos proxectos de industrias que procesen produtos procedentes maioritariamente (máis do 50 %) de explotacións agrarias ou forestais galegas non incluídos nos dous puntos anteriores, así como proxectos relativos a industrias de alimentación animal.

– Punto IV: asignaranse 10 puntos ás solicitudes en función do grao de execución financeira dos proxectos subvencionados anteriormente ao abeiro desta orde, ou, no caso de non ter, da execución financeira prevista no proxecto.

– Punto V: asignaranse 1 punto aos proxectos de cooperativas agrarias galegas ou de empresas participadas maioritariamente (máis do 50 %) por estas.

B) Criterios negativos:

– Punto VI: asignaranse 4 puntos negativos aos proxectos que sexan dalgún dos seguintes tipos:

– Proxectos relativos a refrixeración e/ou termización de leite de industrias non transformadoras.

– Proxectos de adegas de viño de mesa en zonas incluídas en denominación de orixe.

– Proxectos de novas adegas en zonas con denominación de orixe, salvo se están incluídas na D.O. Monterrei.

– Proxectos de instalacións dedicadas maioritariamente ao despezamento e/ou comercialización de carne que non estean relacionadas accionarialmente con matadoiros ou outras industrias cárnicas.

Para os efectos de aplicación destes criterios consideraranse como «cooperativas agrarias galegas» as cooperativas agrarias formadas por produtores agrarios galegos, e consideraranse como «produtores agrarios galegos» os produtores con explotacións agrarias situadas en Galicia.

Estes criterios aplicaranse de forma independente para os grupos de beneficiarios indicados a seguir, xa que as partidas orzamentarias que financian as axudas de cada grupo son independentes:

1. Grandes empresas (fondos propios).

2. Pequenas e medianas empresas forestais (fondos propios).

3. Microempresa forestais (cofinanciamento do Feader).

4. Resto de casos (cofinanciamento do Feader).

Artigo 8. Promoción do uso do galego

Para promover a utilización do galego na redacción dos proxecto e/ou estudos de viabilidade, os importes máximos admisibles como subvencionables para estes conceptos (punto C do anexo I) incrementaranse en 1.000 € en total neses casos. Para acollerse a isto, o solicitante deberá indicar expresamente na súa solicitude que o proxecto e/ou estudos de viabilidade estarán redactados en galego.

Artigo 9. Tramitación das solicitudes

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes. A resolución dos expedientes corresponderá ao conselleiro do Medio Rural e do Mar por proposta da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado que estará presidido polo subdirector de Industrias e Calidade Agroalimentaria e integrado por dous funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior á de xefe de sección.

2. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de oito meses contados desde a data de publicación desta orde. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderase desestimada a súa petición por silencio administrativo.

3. A Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

4. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Facenda).

Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

5. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Artigo 10. Resolución de concesión

1. A resolución de concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a axuda concedida.

2. A resolución indicará especificamente a anualización aprobada para a execución dos investimentos. As anualidades establecidas indicarán o investimento que se debe executar e pagar en cada unha delas, así como a data límite establecida para presentar a documentación acreditativa correspondente e cumprir outras condicións establecidas, se for o caso. O número de anualidades, así como o investimento que se execute en cada unha delas, establecerase conforme a previsión de execución presentada coa solicitude de axuda e as limitacións existentes. O número máximo de anualidades nas cales poderá executarse o investimento aprobado será de dúas correlativas, salvo no caso de proxectos cun investimento aprobado superior a douscentos mil euros, nos cales poderá incluírse unha terceira anualidade. En todo caso, ningunha anualidade poderá ser posterior ao ano 2015.

3. A resolución indicará tamén a data máxima para xustificar o investimento correspondente a cada anualidade, incluíndo a súa facturación e pagamento efectivo, así como a presentación da documentación necesaria para tramitar o cobramento da subvención correspondente. Esta data será, cando menos, posterior en dez días á data prevista no calendario presentado, sen que en ningún caso se supere en cada anualidade a data do 10 de outubro.

4. A resolución poderá incluír a obriga de executar investimentos indicados na solicitude presentada que, aínda que non sexan considerados subvencionables, sexan necesarios para o correcto desenvolvemento do proxecto aprobado.

Artigo 11. Pagamento das axudas

1. As solicitudes de pagamento presentaranse prioritariamente nos servizos provinciais de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrias das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, acompañadas da seguinte documentación:

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído como anexo B.1, xunto cos xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais sobre as cales se realizará a toma de razón e das cales se entregará unha fotocopia. As facturas deberán estar acompañadas dos xustificantes do seu pagamento efectivo, que deberá realizarse a través de entidades financeiras. O pagamento efectivo acreditarase presentando a copia do documento de pagamento (cheque, orde de transferencia, letra de cambio etc.) xunto co orixinal do extracto ou de certificado bancario que xustifique inequivocamente o seu cargo na conta bancaria do beneficiario. Non se admitirá como xustificante do pagamento a simple certificación da empresa facturante de ter cobrado o seu importe, salvo de forma excepcional no caso de gastos inferiores a 1.000 euros.

b) Declaración do beneficiario relativa ao financiamento dos gastos efectuados segundo o modelo B2. No caso de financiamento mediante créditos ou préstamos, deberá presentarse, ademais, fotocopia da escritura de formalización.

c) Relación das diferenzas existentes entre os traballos previstos e os realizados, seguindo o modelo do anexo B3. Ademais, no caso de modificacións que afecten os conceptos e elementos subvencionados, deberá presentarse o anexo A6, no cal se indicarán para cada elemento novo as ofertas solicitadas, a oferta elixida, o criterio de elección e a xustificación, se for o caso, da elección da oferta económica distinta da máis vantaxosa. A aceptación destas modificacións estará suxeita ao cumprimento deste requisito, así como ao establecido nos artigos 12 e 13.

d) Análise das diferenzas cuantitativas entre os investimentos previstos e os efectuados, seguindo o modelo incluído como anexo B4.

e) Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas e/ou solicitadas para os mesmos investimentos, achegando, se é o caso, copia da resolución de concesión.

f) Declaración responsable relativa á conta bancaria (nome do banco, sucursal e codificación bancaria) na cal solicita o ingreso da subvención.

g) No caso de adquisición de terreos e edificacións, deberase presentar, ademais, un certificado dun taxador independente debidamente acreditado ou un órgano ou organismo público debidamente autorizado, no cal se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado.

h) Calquera outra que se indique expresamente na resolución de concesión.

2. O beneficiario deberá xustificar o investimento conforme a anualización establecida na resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos da axuda, que poderán ser parciais ou totais.

Os pagamentos anteriores ao pagamento final terán o carácter de pagamentos parciais. Cando se tramite un pagamento parcial, se o importe dos pagamentos tramitados supera os 18.000 €, o beneficiario deberá presentar con anterioridade ao pagamento da axuda unha garantía constituída por un seguro de caución prestado por unha entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá acadar, como mínimo, ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación previsto na resolución de concesión. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe do pagamento fraccionado. As garantías serán liberadas unha vez comprobada a realización da actividade para a cal se concedeu a subvención.

3. As propostas de pagamento das axudas por parte do órgano xestor acomodaranse ás dispoñibilidades económicas existentes en cada momento, derivadas das transferencias de fondos do Feader e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que se reciban.

4. Con carácter excepcional e por resolución motivada da Consellería, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50 % da subvención naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Nese caso será necesario presentar unha garantía constituída mediante un seguro de caución prestado por unha entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades anticipadas, e será liberada unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o cal se concedeu a subvención.

5. A Consellería comprobará que a solicitude de pagamento cumpre os requisitos para aboar a subvención concedida. A comprobación incluirá, como mínimo, unha inspección in situ dos investimentos realizados para cada expediente de axuda.

6. En aplicación do establecido no artigo 30 do Regulamento (UE) 65/2011, do 27 de xaneiro de 2011, a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario será examinada para determinar o importe subvencionable, establecéndose o seguinte:

a) o importe que pode concederse ao beneficiario en función exclusivamente da solicitude de pagamento.

b) o importe que pode concederse ao beneficiario despois do estudo da admisibilidade da solicitude de pagamento.

Se o importe establecido en virtude da letra a) supera o importe establecido en virtude da letra b) en máis dun 3 %, aplicarase unha redución ao importe establecido en virtude da letra b). O importe da redución será igual á diferenza entre os dous importes citados.

Este criterio aplicarase a todas as axudas concedidas independentemente da fonte de financiamento.

7. No suposto de falla de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas nos artigos 13 e 14 desta orde, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

Artigo 12. Modificación de proxectos

1. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de beneficiario, obxectivos, prazos ou variación notoria do orzamento, así como de calquera condición específica indicada na resolución, requirirá a autorización da Consellería logo de presentar a correspondente solicitude, coas condicións e limitacións sinaladas nos puntos seguintes.

2. Non se admitirán gastos nin se aprobarán modificacións que supoñan cambio de localización dos investimentos aprobados.

3. Non se aprobarán ampliacións dos prazos de execución e xustificación establecidos para cada anualidade que superen a data do 10 de outubro dese ano. No entanto, no caso de proxectos que, finalizado o prazo máximo permitido para a súa execución e xustificación, teñan executados e pagados os investimentos pero carezan dalgún documento exixido para acreditar o cumprimento de requisitos adicionais, poderá concedérselle, se así o permiten as dispoñibilidades orzamentarias, unha prórroga adicional para presentar a referida documentación nas condicións establecidas no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

4. Modificacións do importe dos investimentos subvencionables.

4.1. Non se admitirán nin se aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado.

4.2. Non se aprobarán modificacións do importe do investimento subvencionable establecido na resolución de concesión para cada anualidade, salvo se se trata dunha redución do importe do investimento correspondente a anualidades de anos posteriores ao de concesión da axuda, sempre que se solicite antes do 1 de marzo dese ano e non supoña unha execución final do proxecto inferior ao 60 % do inicialmente aprobado.

4.3. Non se admitirán gastos nin se aprobarán modificacións que supoñan incrementos do custo unitario dos conceptos e elementos subvencionados.

4.4. Non se admitirán gastos nin se aprobarán modificacións que supoñan incrementos do importe do investimento subvencionable correspondente aos conceptos de urbanización e obra civil.

5. Modificacións das características dos conceptos subvencionados.

5.1. Non se aprobará para cada expediente máis dunha modificación relativa a substitución dos conceptos ou elementos subvencionados.

5.2. Non se admitirán gastos nin se aprobarán modificacións que impliquen que non se executen, como mínimo, conceptos ou elementos subvencionados que representen, en conxunto, máis do 60 % do investimento total subvencionable.

5.3. Non se admitirán gastos nin se aprobarán modificacións relativas á substitución de conceptos ou elementos subvencionados por outros novos se estes non cumpren os requisitos establecidos nesta orde e, en particular, o establecido no número 4 do artigo 6 referente á solicitude previa de tres ofertas.

6. Modificación de beneficiario.

Non se admitirán nin se aprobarán modificacións que supoñan cambio de beneficiario, salvo que o novo sexa resultante dun proceso de fusión, un cambio de denominación da empresa ou transformación do tipo de sociedade. Tamén poderá admitirse un cambio de beneficiario cando o novo sexa unha entidade na cal participa accionarialmente o beneficiario inicial, sempre que os investimentos sexan executados e pagados pola nova entidade na súa totalidade. Neste caso o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

7. Tramitación das modificacións.

7.1. As solicitudes de modificación de resolución deben incluír unha xustificación razoada das modificacións solicitadas. Ademais, no caso de que a modificación afecte os conceptos e elementos subvencionados, deberá presentarse un cadro pormenorizado comparativo dos conceptos e elementos subvencionados e das modificacións solicitadas, así como o anexo A6, no cal se indicará para cada elemento novo as ofertas solicitadas, a oferta elixida, o criterio de elección e a xustificación, se for o caso, da elección da oferta económica distinta da máis vantaxosa.

7.2. O prazo para solicitar modificacións rematará trinta días naturais antes da data límite de xustificación dos investimentos establecida na resolución de concesión. Non se admitirán nin aprobarán modificacións solicitadas con posterioridade a esa data.

8. Modificacións por causas excepcionais.

Independentemente do citado nos números anteriores deste artigo, a Consellería poderá excepcionalmente aprobar modificacións da resolución de concesión que non se axusten ás condicións indicadas nos números anteriores, no caso de que a execución do proxecto se vexa afectada notoriamente por causas externas á empresa imprevisibles e inevitables de orixe natural, como terremotos, furacáns ou inundacións, así como por incendios. Incluirase dentro desta excepción o suposto de falecemento ou enfermidade grave do empresario cando este sexa o beneficiario a título individual.

Artigo 13. Incumprimentos

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos investimentos aprobados nos prazos establecidos, e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida.

2. Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen máis do 80 % do importe do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible sempre que cumpran o resto das condicións da concesión e se manteñan os obxectivos do proxecto aprobado. Neste caso considerarase incluída no investimento admisible a substitución de conceptos ou elementos subvencionados por outros diferentes (ata o límite do 20 % do investimento subvencionable aprobado) se estes manteñen os obxectivos do proxecto e cumpren os requisitos establecidos nesta orde e, en particular, o establecido no número 4 do artigo 6 referente á solicitude previa de tres ofertas.

3. En calquera outro caso, considerarase que existe un incumprimento, que poderá ser parcial ou total.

4. Incumprimento total.

4.1. Considerarase que existe un incumprimento total nos seguintes casos:

a) Cando o investimento xustificado polo beneficiario e admisible como subvencionable correspondente á primeira anualidade sexa inferior ao mínimo executable exixido para esa anualidade.

b) Cando o investimento total subvencionable xustificado polo beneficiario sexa inferior ao 60 % do investimento subvencionable aprobado.

c) Cando o investimento total xustificado polo beneficiario implique que non se executan como mínimo conceptos e elementos subvencionados que representen en conxunto máis do 60 % do investimento total subvencionable.

d) Cando non se acredite nos prazos establecidos o cumprimento de calquera outra condición indicada na resolución de concesión, salvo nos casos considerados como incumprimentos parciais, nos cales se aplicará o establecido ao respecto.

4.2. No caso de incumprimento total, o beneficiario non percibirá ningunha axuda.

5. Incumprimento parcial.

Existirá incumprimento parcial cando o beneficiario execute e xustifique nos prazos establecidos conceptos e elementos subvencionables aprobados por importe superior ao 60 % e inferior ao 80 % do investimento subvencionable, cumpra o resto das condicións da concesión e se manteñan os obxectivos e condicións do proxecto aprobado. Neste caso, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible.

Artigo 14. Reintegro das axudas, infraccións e sancións

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto, se for o caso, cos xuros de mora calculados conforme o establecido no artigo 5 do Regulamento(UE) 65/2011, modificado polo Regulamento (UE) 937/2012, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de xustificación ou doutras obrigas derivadas da concesión da subvención. Neses caso, se o incumprimento supón a necesidade de deixar sen efecto con carácter definitivo a resolución de concesión de axuda, o órgano xestor iniciará o procedemento correspondente para a súa revogación.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior e na normativa comunitaria aplicable, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Regulamento (UE) 65/2011, do 27 de xaneiro de 2011. En particular, e en aplicación do establecido no artigo 30 do Regulamento (UE) 65/2011, no caso de que se descubra que un beneficiario fixo deliberadamente unha declaración falsa, revogarase a axuda concedida, e non se pagará cantidade ningunha, debendo reintegrar o beneficiario as contías percibidas xunto, se for o caso, cos xuros de demora calculados conforme o establecido no artigo 5 do Regulamento(UE) 65/2011, modificado polo Regulamento (UE) 937/2012. Ademais, ao beneficiario non se lle poderán conceder nin pagar axudas ao abeiro desta orde nas dúas convocatorias seguintes.

Artigo 15. Seguimento e control

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, ao reintegro total ou parcial da subvención concedida.

2. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento poidan exixir os órganos correspondentes da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Consellería do Medio Rural e do Mar, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, Tribunal de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

3. Así mesmo, e co fin de que o órgano xestor das axudas poida cuantificar correctamente os indicadores de resultados establecidos no PDR de Galicia 2007-2013, os beneficiarios deberán achegar, cando llo solicite a Consellería do Medio Rural e do Mar, os datos relativos ás súas contas de perdas e ganancias do exercicio contable en que finalizou os investimentos subvencionados, así como os correspondentes ao segundo exercicio posterior.

4. Conforme ao disposto no artigo 75.1.c) do Regulamento (CE) 1698/2005, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

Artigo 16. Compatibilidade

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo fin sempre que a suma total das axudas concedidas, incluídas as de minimis, non supere, no caso de pemes, a porcentaxe de axuda do investimento subvencionable sinalada no número 2 do artigo 4, e para o resto das empresas o 30 % do investimento subvencionable.

2. As axudas concedidas cofinanciadas polo Feader son, ademais, incompatibles con calquera outra para o mesmo fin se teñen financiamento parcial ou total do Feader ou doutros fondos da Unión Europea, así como con calquera outro instrumento financeiro comunitario.

Artigo 17. Medidas informativas e publicitarias

Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 €, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa, conforme o modelo establecido, na cal figurará unha descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais».

Artigo 18. Réxime de recursos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa, ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Artigo 19. Cumprimento da normativa comunitaria sobre axudas públicas

1. As axudas establecidas nesta orde cofinanciadas polo Feader ampáranse no disposto no Regulamento(CE) 1698/2005, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e disposicións que o desenvolven, así como no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, que establece os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.

2. Así mesmo, as axudas establecidas nesta orde cofinanciadas polo Feader nas cales o produto final non está incluido no anexo I do Tratado, as axudas a pequenas e medianas empresas forestais, e as axudas a grandes empresas están amparadas polo Decreto 432/2009, do 11 de decembro, da Xunta de Galicia, que regula as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia en aplicación do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

Sección 2ª Convocatoria de axudas para 2013

Artigo 20. Convocatoria

Convócanse parcialmente para o exercicio orzamentario 2013 as axudas cofinanciadas polo Feader reguladas por esta orde para os beneficiarios sinalados nos puntos A.1, A.2 e B.1 do artigo 2 da orde indicada que establece as bases reguladoras, e que corresponden a:

A. Empresas con investimentos en transformación e comercialización de produtos incluídos no anexo I do Tratado:

– A.1) Microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias en que o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos estea incluído no anexo I do Tratado.

– A.2) Microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias en que o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado.

B. Empresas con investimentos relativos á serradura de madeira:

– B.1) Microempresas.

Artigo 21. Condicións e finalidade

1. Para poder acceder a estas axudas o solicitante deberá estar incluído nalgún dos grupos sinalados no punto anterior e cumprir os requisitos establecidos nesta orde.

2. Estas axudas teñen por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais. A concesión das axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.

Artigo 22. Solicitudes.

1. Conforme o establecido no artigo 6 desta orde, as solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo A1, xunto coa documentación adicional que se sinala no número seguinte. O lugar de presentación será prioritariamente nos servizos provinciais de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrias das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo da internet: https://sede.xunta.es, conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As solicitudes incluirán a seguinte documentación:

– Solicitude: anexo A1 debidamente cuberto.

– Memoria: anexo A2 debidamente cuberto.

– Estudo técnico: seguindo o modelo do anexo A3.

– Estudo económico: seguindo o modelo do anexo A4.

– Declaración referente ao cumprimento de requisitos, procedencia de materias primas, calendario de execución e axudas solicitadas conforme o modelo do anexo A5.

– Relación de ofertas solicitadas e elixidas: anexo A6 debidamente cuberto.

– Documentación adicional:

a) Copia da escritura de constitución e modificacións posteriores, no caso de ser unha sociedade.

b) Documentos acreditativos da personalidade ou entidade do solicitante (fotocopia do NIF no caso de persoa xurídica e fotocopia do DNI no caso de persoa física) e, se é o caso, da representación con que actúa. No caso do DNI, só será necesario presentalo se o beneficiario non outorga expresamente a autorización á Consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

c) No caso de empresas xa existentes, balance e contas de resultados dos tres últimos ano se son sociedades e, no caso de persoas físicas, declaración da renda dos últimos tres anos. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.

d) No caso de investimentos que inclúan a construción de novas superficies cubertas: xustificación documental da dispoñibilidade do terreo e licenza de obras.

e) No caso de industrias xa existentes, rexistro sanitario e licenza de actividade do concello. No caso de matadoiros, mercados e outras actividades relacionadas co manexo de gando vivo, deberase acreditar que se cumpren as normas mínimas relativas ao benestar animal. No caso de industrias de alimentación animal, deberase acreditar que se cumpre a normativa específica sobre elaboración dese tipo de produtos.

f) No caso doutras subvencións concedidas para o mesmo proxecto, fotocopia da comunicación de concesión coas súas características.

g) No caso de empresas intermedias en que o produto final non está incluído no anexo I do Tratado e grandes empresas, xustificación relativa ao efecto incentivador da axuda conforme o indicado no número 9 do artigo 5 desta orde.

3. A presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes de axuda:

– Anexo A1, de solicitude da axuda.

– Anexo A2, de memoria, cuberto adecuadamente, e que inclúa, en particular, a relación pormenorizada dos investimentos previstos co seu importe sinalados no seu número 12.

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie a ausencia desta información. Nestes casos emitirase resolución de inadmisión. Así mesmo, non se admitirá con posterioridade ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita axuda que supoña o aumento do seu importe ou a inclusión de novos conceptos.

4. O procedemento de xestión e xustificación das axudas será, así mesmo, o establecido con carácter xeral nesta orde.

Artigo 23. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será de un mes contado a partir do dia seguinte ao de publicación desta orde. Non obstante, no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional dun mes para presentar a preceptiva licenza de obras.

Artigo 24. Execución

Os investimentos obxecto da axuda deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade 2013 do 10 % do total subvencionable. Porén, este requisito non será exixible cando a concesión da axuda sexa posterior ao 1 de setembro de 2013.

Artigo 25. Financiamento

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos seguintes conceptos orzamentarios e proxectos:

Concepto orzamentario

Código de proxecto

Anualidade 2013 (€)

Anualidade 2014 (€)

Anualidade 2015 (€)

12.20.741A.770.0

200700448

3.212.096

7.254.987

5.000.000

201100798

227.781

231.300

0

201200732

433.688

596.600

0

201100769

831.726

666.400

400.000

12.20.713D.770.0

201100767

213.683

323.645

300.000

2. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no número 2 do artigo 7 do Decreto 263/2012, do 27 de decembro, polo que se regulan as condicións de prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012. Nese sentido, se a contía do crédito que resulte aprobada na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013 é inferior á prevista neste artigo, terase en conta a disposición adicional 19 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2013, que regula o procedemento para a imputación das operacións de gasto do orzamento prorrogado aos orzamentos para o exercicio 2013.

3. Os importes establecidos nesta orde poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase o secretario xeral do Medio Rural e Montes para ditar as disposicións que considere oportunas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO I
Investimentos non auxiliables

A. Actividades non subvencionables.

Non se considerarán subvencionables os investimentos referentes ás seguintes actividades:

1. Investimentos relativos a actividades de venda polo miúdo. No entanto, serán subvencionables os locais e equipamentos que formen parte das instalacións industriais de elaboración de produtos destinadas á venda dos produtos da empresa, sempre que cumpran o resto das condicións establecidas na orde.

2. Investimentos en instalacións dedicadas á venda por xunto, aínda que inclúan pequenas transformacións de produtos xa elaborados, salvo no caso de instalacións de comercialización en orixe de produtos procedentes como mínimo nun 25 % de explotacións agrarias galegas.

3. Investimentos realizados por un produtor primario relativos á primeira venda de produtos a intermediarios ou transformadores. Tampouco serán subvencionables os investimentos relativos á saca de madeira.

4. No sector do leite de vaca e dos seus produtos derivados, os investimentos en novas instalacións dedicadas á recolla e refrixeración de leite, ou á elaboración e envasamento de leite UHT e esterilizado, salvo que leven ao peche doutras instalacións existentes e con actividade en 1.1.2007 en Galicia dedicadas a esas actividades. Tampouco se concederán axudas para elaboración ou comercialización dos produtos que imiten ou substitúan o leite ou os produtos lácteos, e que son mencionados no artigo 3, número 2, do Regulamento (CEE) 1898/87, do Consello.

5. No sector da alimentación animal, os investimentos en instalacións dedicadas a elaboración de produtos para animais de compañía e cría de peixes, así como en novas fábricas de pensos, salvo que se dediquen a elaboración de produtos ecolóxicos, ou que leven ao peche doutras instalacións existentes e con actividade a 1.1.2007 en Galicia dedicadas a esa actividade.

Independentemente do citado, no caso de fábricas ou liñas de elaboración de mesturas húmidas para alimentación de ruminantes, soamente serán subvencionables os investimentos desenvolvidos por cooperativas de produtores para os seus socios. Neste caso, no entanto, a subvención máxima que se conceda non superará o 40 % do investimento subvencionable no caso de cooperativas que teñan unha sección específica para esta actividade e o 25 % no resto dos casos.

6. No sector cárnico, os investimentos en novos matadoiros de gando porcino, bovino e polos, salvo que deriven do traslado doutro matadoiro existentes a 1.1.2007 en Galicia, que se dediquen á produción ecolóxica, ou que formen parte dun proxecto de elaboración de produtos cárnicos ou que promovan o desenvolvemento gandeiro dunha zona con deficiente servizo de sacrificio.

7. Investimentos de industrias existentes dedicadas á transformación e comercialización de produtos incluidos no anexo I do Tratado que non estean inscritas no Rexistro de Industrias Agrarias, sendo este preceptivo.

8. Investimentos sen viabilidade técnica, económica, financeira ou relativos a produtos para os cales non exista demanda e saídas normais no mercado.

9. Investimentos destinados á transformación de produtos da pesca, ou non incluídos no anexo I do Tratado (salvo a madeira). Porén, serán subvencionables os investimentos que, tendo como obxecto principal a transformación de produtos agrarios, procesen adicionalmente eses produtos formando parte da actividade principal das instalacións. En todo caso, as materias primas procesadas deben ser agrarias en máis do 50 % do total procesado polas instalacións proxectadas.

10. Non se subvencionarán investimentos que incrementen a produción e excedan restricións de produción ou limitacións respecto da axuda comunitaria a instalacións de transformación, impostas por unha organización común de mercado, réximes de axuda directa incluídos, financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).

11. Non se subvencionarán proxectos de organizacións de produtores de froitas e hortalizas (OPFH) cando o investimento subvencionable non acade 50.000 €, xa que, nese caso, o proxecto é subvencionable a través dos programas operativos establecidos especificamente para este tipo de organizacións na OCM de froitas e hortalizas.

B. Conceptos non subvencionables.

Non se considerarán subvencionables :

1. Investimentos de simple reparación do inmobilizado da industria, así como de reposición ou mera substitución de equipamentos e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos aos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ben polo seu rendemento. Non serán subvencionables os investimentos que substitúan outros subvencionados con anterioridade en que aínda non pasasen 5 anos desde a súa adquisición, aínda que estes supoñan unha mellora.

En todo caso, para determinar o importe admitido como subvencionable, restaráselle ao importe de adquisición do novo equipamento o importe de venda do equipamento substituído, de ser o caso.

2. Investimentos en maquinaria e equipamentos de tecnoloxía non contrastada, que non cumpren os requisitos legais, ou non subministrados por fabricantes ou distribuidores autorizados.

3. Investimentos relativos á posta en marcha de proxectos subvencionados anteriormente ao abeiro desta orde de axudas.

4. Investimentos non relacionados directamente coas actividades (subvencionables) desenvolvidas polo solicitante.

5. Investimentos non axustados no seu dimensionamento e capacidade ás actividades que vaia desenvolver a empresa a curto prazo, ou dun importe unitario superior ao básico do mercado para unidades ou elementos de igual capacidade. Nese caso admitirase como subvencionable o custo básico de mercado do investimento coa capacidade ou dimensionamento axustado, cando for o caso.

6. Os investimentos relativos a almacéns frigoríficos para produtos conxelados ou ultraconxelados, excepto se as súas capacidades de almacenamento son proporcionais á capacidade de produción das instalacións de transformación a que estean vinculadas e que se destinen exclusivamente ao almacenamento dos produtos das ditas instalacións.

7. A compra de terreos por un importe superior ao 10 % do total dos gastos subvencionables ou no caso de que a axuda non teña cofinanciamento do Feader.

8. A compra de locais ou edificios que vaian ser derrubados, ou se recibiron nos dez últimos anos algunha subvención nacional ou comunitaria. Tampouco serán subvencionables os investimentos en reforma de locais que fosen subvencionados anteriormente por esta consellería nos cales aínda non pasasen 5 anos desde a súa finalización.

9. Obras de ornamentación e equipamentos de recreo (xardinaría, bar e semellantes).

10. Investimentos relacionados con medidas de seguranza tales como alarmas, sistemas antirroubo, barreiras de seguranza e similares.

11. Investimentos relativos á promoción e publicidade, como elaboración de vídeos, páxinas web, rotulación etc.

12. Mobiliario de oficina. Non teñen esa consideración as instalacións telefónicas fixas, fax e ordenadores incluídos os programas informáticos. Admítese a adquisición de equipamentos de laboratorio se son específicos, pero non o material funxible.

13. Compra de material normalmente amortizable nun ano (botellas, embalaxes, material funxible de laboratorio e semellantes). Considérase que as tarimas, caixóns-tarima e caixas de campo teñen unha duración de vida superior a un ano e, por tanto, son auxiliables, a condición de que se trate dunha primeira adquisición ou dunha adquisición suplementaria, proporcional a unha ampliación prevista, e de que non sexan vendidas coa mercadoría. Tampouco serán auxiliables outros investimentos que figuren na contabilidade como gastos.

14. Compra e instalacións de maquinaria e equipamentos de segunda man. Tampouco serán subvencionables os gastos relativos ao traslado de maquinaria xa existente ata o local ou sitio no que se vai realizar o proxecto.

15. Reparacións e obras de mantemento. Non teñen a consideración de reparacións as operacións feitas sobre maquinaria instalada para ampliar a súa capacidade ou mellorar as prestacións.

16. O imposto do valor engadido (IVE) e calquera outro imposto recuperable polo beneficiario.

17. Os gastos de aluguer de equipamentos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). No entanto, os investimentos en maquinaria e equipamentos financiados mediante leasing poden ser auxiliables se existe un compromiso de adquisición do ben ao termo do contrato de leasing e, en todo caso, dentro do prazo previsto para a execución do proxecto. Outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros non serán subvencionables.

Así mesmo, non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo.

18. A man de obra propia nin os materiais de igual procedencia. No entanto, serán subvencionables os soldos e gastos sociais do persoal, pagados polo beneficiario, sempre e cando se cumpran todas as condicións seguintes:

a) Que o persoal fose contratado especial e exclusivamente para executar o proxecto.

b) Que o persoal sexa despedido ao concluír as obras.

c) Que se respecte a normativa nacional en materia de Seguridade Social.

19. A compra de vehículos de transporte exterior. No entanto, cando o solicitante sexa unha empresa con instalacións de transformación ou manipulación de produtos agrarios, ou unha entidade asociativa de produtores dedicada á comercialización de produtos agrarios, a compra de vehículos de transporte de produtos será subvencionable se a axuda ten cofinanciamento do Feader e se trata de novas adquisicións e non substitución de vehículos utilizados anteriormente.

20. Traballos ou investimentos comezados con anterioridade á presentación dunha petición de axuda ao abeiro desta orde.

21. Investimentos en urbanización exterior aos edificios de fabricación, salvo que formen parte dun proxecto que inclúa aumento da superficie edificada. Nese caso serán subvencionables en función da nova superficie construída e conforme os módulos establecidos. Tampouco serán subvencionables os investimentos realizados fóra do recinto da industria.

22. O importe dos investimentos e conceptos que superen os módulos máximos e limitacións establecidos no punto seguinte.

C) Conceptos con módulos e outras limitacións.

I. Urbanización:

Soamente se admitirán investimentos en peche da parcela, explanacións e pavimentacións, coas seguintes limitacións en todo caso:

– En peches o perímetro máximo subvencionable será o equivalente (igual valor) ao dobre da superficie cuberta nova subvencionable, cun custo máximo admisible de 30 €/m, incluídos os elementos singulares.

– En explanacións e pavimentación a superficie máxima atendible será igual á superficie construída nova subvencionable, cun custo máximo admisible de 25 €/m2, incluídos todos os elementos e conceptos.

II. Edificacións de nova construción e ampliación das existentes.

Aplicaranse módulos máximos de investimento subvencionable (€/m2 construído e atendible) aplicable ao custo total de execución do investimento en obra civil, excluídas instalacións e incluídas as divisións interiores con todos os seus elementos, independentemente do material utilizado. Incluirá tamén os locais climatizados (ata 0º C), pero non as instalacións e equipamentos de frío ou calor.

O importe dos módulos será:

1. Módulo A: 380 euros/m2 construído, aplicable ás novas industrias con altos requirimentos sanitarios e de climatización de locais (industrias cárnicas, lácteas, do pan e derivados e instalacións de subprodutos). Aplicarase tamén as industrias xa existentes que fagan edificacións para ampliación de zonas de fabricación e novas liñas con altos requirimentos sanitarios e de climatización (zonas de envasamento de produtos etc.).

2. Módulo B: 340 euros/m2 construído, aplicable ás novas industrias con requirimentos medio (resto das agroindustrias) así como industrias xa existentes que fagan edificacións de ampliación de actividade con requirimentos sanitarios e de climatización medios.

3. Módulo C: 290 euros/m2 construído, aplicable a industrias xa existentes que fagan edificacións sinxelas destinadas a almacenamento de materias primas, produtos finais, vehículos etc., sen especiais requirimentos sanitarios nin de climatización.

Estes módulos poderán incrementarse ata 60 €/m2 no caso de edificacións que requiran, polos equipamentos utilizados, unha altura de beiril superior a 6 metros ou, no caso de varias plantas, unha altura libre entre plantas superior a 6 metros. Este incremento será tamén aplicable no caso de edificacións situadas en áreas de protección especial, onde sexa exixible o emprego de elementos construtivos que harmonicen e se integren co ambiente.

O importe destes módulos aplicarase tamén como investimento máximo subvencionable para a adquisición de edificacións incluído o seu acondicionamento ou reforma.

III. Acondicionamentos en edificacións existentes.

Aplicarase un módulo máximo de investimento subvencionable de 280 €/m2 útil aplicable ao custo total de execución do investimento en obra civil.

IV. Outras limitacións aplicables a zonas e equipamentos especificos.

1. No caso de oficinas, aseos, vestiarios, comedores e outros locais e equipamentos para o persoal subvencionables, a superficie admisible avaliarase conforme o número de traballadores da empresa que os vaian utilizar.

2. No caso de áreas dedicadas a salas de conferencias, catas e outras relacionadas coa promoción e mellora da produción e comercialización das producións, a superficie máxima subvencionable será de 100 m2, sen que en ningún caso supere o 15 % da superficie restante subvencionable da industria incluída na solicitude de axuda.

3. No caso de superficies dedicadas especificamente dentro dunha industria a exposición e venda polo miúdo dos produtos da empresa, a superficie máxima subvencionable será de 50 m2, sen que en ningún caso supere o 15 % da superficie restante subvencionable da industria incluída na solicitude de axuda.

4. En todo caso, os investimentos en industrias xa existentes relativos a todos estes conceptos admitiranse na medida en que se acredite que contribúen a mellorar o rendemento global da empresa.

V. Outros gastos.

Os gastos en estudos de viabilidade técnica e económica serán admisibles sempre que o estudo se presente coa solicitude e estea asinado por un profesional competente, sendo, en todo caso o importe máximo admisible de 1.700 €. Non serán, no entanto, admisibles se se subvencionan os honorarios de proxecto e dirección de obra nun importe superior a contía sinalada.

Para os honorarios de proxecto e dirección de obra admitiranse como máximo subvencionable a suma de:

– 10 % do orzamento en obra civil.

– 5 % do orzamento en instalacións básicas e especiais.

– 1 % da maquinaria e equipamentos. Non se considerarán incluídos neste punto o carrozamento de vehículos, o material e equipamento de laboratorios, e os equipamentos e material informático, incluído o software.

Previamente ao cálculo, aplicarase a cada grupo de partidas (partidas ao 10 %, 5 % e 1 %), os coeficientes correctores seguintes:

Investimento subvencionable considerado

Coeficiente

Correspondencia

Ata 150.000 euros

1

150.000

Exceso de 150.000-300.000 €

0,8

120.000

Exceso de 300.000-600.000 €

0,4

120.000

Exceso de 600.000-3.000.000 €

0,2

480.000

Exceso de 3.000.000

0,1

Non se terán en conta para efectos do cálculo, os orzamentos en activos considerados non subvencionables. O resultado arredondarase por defecto nas centenas. En todo caso, o proxecto e dirección de obra deben estar realizados por un técnico competente.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

Anexo A3
Estudo técnico

Constará como mínimo de:

1. Proxecto, anteproxecto ou memoria técnica:

Incluirá unha memoria explicativa dos obxectivos do proxecto, cunha xustificación razoada dos investimentos que é necesario emprender para conseguir eses fins.

A iso xuntaráselle unha relación desagregada e cuantificada dos investimentos en:

1.1. Urbanización: indicando dimensións, características, medicións, materiais e custos desagregados por unidades obra.

1.2. Construcións: indicando dimensións e características (distribución e destino de superficies, xustificación do dimensionamento), medicións, materiais e custos desagregados por unidades obra.

1.3. Instalacións: indicando dimensións e características, medicións, materiais e custos desagregados por unidades obra, para cada tipo de instalación (auga, electricidade,vapor, depuración e tratamento de residuos, frío etc).

1.4. Maquinaria e equipamentos: indicando para cada liña de produción as características técnicas de cada elemento, así como o seu custo.

1.5. Estudos, proxecto, dirección de obra e, adquisición de patentes e licenzas: características e custos.

Incluirá, así mesmo, un resumo do orzamento previsto por conceptos.

Nos capítulos de edificios e construcións, instalacións e maquinaria indicarase a súa localización mediante os planos que se consideren necesarios. O dimensionamento e uso dos locais e superficies construídas deben xustificarse.

2. Planos.

Ao menos os seguintes:

–Plano de situación e localización.

– Plano en que se especifiquen, se for o caso, as actuacións previstas en urbanización, delimitando con precisión as superficies de actuación.

– Plano xeral do conxunto de obras e instalacións básicas, antes e despois do investimento.

– Plano de distribución da maquinaria e outras instalacións, antes e despois do investimento.

– Planos cotados de seccións e alzados antes e despois do investimento

3. Xustificación dos investimentos. Para o investimento obxecto da axuda, xustificarase o custo previsto da seguinte forma:

– Urbanización, construcións e instalacións: factura pro forma ou orzamento de empresa construtora ou instaladora e desagregado por unidades de obra.

– Maquinaria, equipamentos e outros conceptos: ofertas ou facturas pro forma dos subministradores.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Non se considerarán subvencionables os conceptos incluídos na solicitude de axuda dos cales non se acredite o cumprimento deste requisito.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

En todo caso, o solicitante presentará unha única factura pro forma ou oferta para cada concepto dos investimentos, xunto cun cadro resumo asinado e que figura como anexo A6, no cal se indicarán para cada elemento as ofertas solicitadas, a oferta elixida, o criterio de elección e a xustificación, se for o caso, da elección da oferta económica distinta da máis vantaxosa.

ANEXO A4
Estudo económico

Constará como mínimo de:

1. Situación actual.

– Descrición resumida de actividades desenvolvidas.

– Indicar o tipo de empresa (micro/pequena/mediana/empresa intermedia/grande empresa) tal como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión (DO L 124 do 20.5.2003) e no artigo 2 desta orde. Conforme iso, para a súa determinación terase en conta a súa facturación, balance (no caso de sociedades) e número de empregados, calculados, sen prexuízo do sinalado na Recomendación 2003/361/CE, da seguinte forma:

• Se a empresa non participa nin está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os da propia empresa.

• Se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os das contas consolidadas do grupo empresarial, ás cales se sumarán, conforme o caso:

– Os datos das empresas en que participa e/ou está participada en máis dun 50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

– A parte proporcional (á participación) dos datos das empresas en que participa e/ou están participadas nun 25-50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

Se a empresa é de nova constitución, os datos que se consideraren serán os previsionais.

En todo caso, se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, deben indicarse expresamente as empresas en que participa e/ou está participada, así como as porcentaxes de participación e os datos de facturación, balance e número de empregados desas empresas.

– Produción: descrición do proceso. Capacidade de produción (referirase á capacidade inscrita no Rexistro de Industrias Agrarias, de ser o caso). Instalacións e tecnoloxía dispoñible. Produtos vendidos: tipos, cantidades e prezos de venda.

– Comercialización: indíquese para cada tipo de produto os seus destinos e os principais canais de comercialización.

– Materias primas utilizadas. Para cada tipo de materia prima utilizada indicarase a súa procedencia (galega, resto da UE, fóra da UE), a relación cos produtores (se son de Galicia) e os prezos medios pagados.

No caso de materia prima propia ou dos socios da empresa ou cooperativa, indicarase cantidades e porcentaxe sobre o total de materias primas utilizadas.

No caso de ter contratos escritos con produtores agrarios, deberase incluír unha relación totalizada deles que conteña o DNI/NIF do produtor e cantidades contratadas ou superficies de produción afectadas, así como unha fotocopia dos contratos. En sectores con contratos-tipo homologados deberá incluírse, así mesmo e, de ser o caso, unha relación independente deles totalizada que conteña o DNI/NIF do produtor e cantidades contratadas ou superficies de produción afectadas, así como unha fotocopia dos contratos.

– No caso de serras de madeira que teñan certificación forestal (cadea de custodia) e compren madeira certificada, deberase incluír a acreditación da certificación forestal (cadea de custodia) e unha relación que conteña o número de certificado dos subministradores de madeira certificada e as cantidades adquiridas.

– Outros consumos do proceso produtivo, indicando os prezos de compra.

– Persoal: relación dos traballadores existentes por categorías laborais e o período de ocupación (días/ano). Custo total.

– Outros gastos de explotación: servizos, gastos financeiros, amortizacións, subministracións...

Xuntar balance e contas de resultados dos tres últimos anos. No caso de persoas físicas declaración da renda dos últimos tres anos. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.

2. Situación após o investimento.

– Indicar en que medida o investimento afectará a capacidade de produción, tecnoloxía utilizada, producións, materias primas utilizadas, relación con produtores, comercialización, persoal contratado. Realizarase unha análise comparativa tendo en conta a situación inicial presentada no punto 1 e a incidencia do investimentos sobre as materias primas utilizadas e os produtos transformados/comercializados.

– No caso de novas industrias débese indicar expresamente as previsións a curto prazo nas relacións cos produtores galegos (materias primas agrarias de procedencia galega, contratos escritos ou homologados previstos).

– No caso de novos produtos débese xustificar ou explicar a súa viabilidade comercial derivada das demandas do mercado.

– Contas de explotación previsionais para os tres exercicios consecutivos desde o comezo dos investimentos. Estimaranse as variacións previsibles como consecuencia dos investimentos e respecto da situación actual nos seguintes aspectos:

– Vendas: volume e estimación xustificada do prezo probable da venda.

– Custos: compras de materias primas.

– Gastos variables: persoal, subministracións e servizos, portes etc.

– Previsión de balances (en sociedades) e contas de resultados para os vindeiros tres anos.

3. Financiamento dos investimentos.

Recursos propios. Subvencións. Créditos e préstamos, indicando a repartición dos distintos préstamos subscritos ou que se pretendan subscribir cos seus respectivos tipos de xuro e prazos en anos. Outras fontes de financiamento.

No caso de novas actividades, capital circulante necesario: existencias de insumos, produtos en curso e produtos finais. Caixa e bancos. Provedores e clientes. Fondo de manobra.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file