Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 26 de marzo de 2013 Páx. 8962

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 8 de marzo de 2013 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación R e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación R, tramitado por instancia do seu Padroado, e con base nos seguintes antecedentes:

1. A Fundación R foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 17 de novembro de 1998, ante o notario Miguel Jurjo Otero, co número 2985 do seu protocolo. Foi clasificada de interese cultural por Orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 10 de febreiro de 1999, declarada de interese galego por Orde da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo do 16 de marzo de 1999 e figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1999/1.

Na actualidade está adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. De acordo co artigo 6 dos estatutos, os fins da fundación son:

– Promover o coñecemento e a implantación das telecomunicacións e das novas tecnoloxías na sociedade da información, na economía e sociedade galegas.

– Promover actividades formativas, de divulgación e de investigación aplicada no ámbito das telecomunicacións e das novas tecnoloxías na sociedade da información; facilitar e promover aplicacións industriais para a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico; contribuír á formación e competitividade empresarial, en e a través das disciplinas de telecomunicación e audiovisual.

3. O Padroado da fundación, na súa reunión do 17 de decembro de 2012, adoptou, por unanimidade, o acordo da súa extinción por imposibilidade material de realizar o fin fundacional.

A fundación achegou, o 22 de xaneiro de 2013, ao protectorado, xunto coa solicitude da ratificación do acordo de extinción, a escritura outorgada ante o notario da Coruña José Antonio Cuervo Somoza, o 27 decembro de 2012, co número 1602 do seu protocolo, de elevación a público do acordo de extinción e liquidación da fundación. A dita escritura incorpora a seguinte documentación:

– A certificación do dito acordo adoptado polo Padroado,

– A memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción,

– As contas da fundación na data de adopción do acordo,

– O inventario de bens e dereitos e

– O proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes.

4. O Servizo Técnico-Xurídico da Secretaría Xeral de Cultura instruíu o procedemento de ratificación do acordo de extinción da Fundación R.

Fundamentos xurídicos:

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria exerce o protectorado sobre a dita fundación, ao abeiro do artigo 1 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e 51 do Regulamento de fundacións de interese galego (en diante RFIG), aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro. Así mesmo, é o departamento competente para o coñecemento desta solicitude, de conformidade co artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego (en diante RRFIG), aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro.

2. De acordo cos artigos 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; e 21 e 39 do RRFIG, unha das causas de extinción das fundacións é a imposibilidade da realización do fin fundacional, para o cal se exixe o acordo favorable do Padroado, ratificado polo protectorado. O citado artigo 44 establece ademais que o dito acordo se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

3. Segundo o artigo 33 dos estatutos da fundación, en caso de disolución, o Padroado decidirá o destino do patrimonio de acordo co ordenado na lexislación vixente. En todo caso, o Padroado destinará o patrimonio, na súa totalidade, a algunha das entidades consideradas entidades beneficiarias do mecenado para os efectos previstos nos artigos 16 a 25, ambos os dous inclusive, da Lei 49/2002, do 23 de decembro, ou a entidades públicas de natureza non fundacional que persigan fins de interese xeral.

4. No procedemento tramitado por instancia do Padroado da fundación resulta acreditado o cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa aplicable, en particular, a memoria relativa á concorrencia da causa de extinción invocada xustifica suficientemente a imposibilidade material de cumprir os fins enunciados nos estatutos e o acordo de extinción foi aprobado por unanimidade do Padroado.

Polo exposto e de conformidade co informe-proposta do Servizo Técnico-Xurídico da Secretaría Xeral de Cultura do 7 de marzo de 2013,

RESOLVO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación R, adoptado polo seu Padroado con base na imposibilidade material de realizar o fin fundacional e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo. Publicar esta orde no Diario Oficial de Galicia ao abeiro do artigo 60 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, consonte o previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2013

P.D. (Orde 25.1.2012, DOG número 27, do 8 de febreiro)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria