Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 12 de abril de 2013 Páx. 11044

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 25 de marzo de 2013 pola que se regula o procedemento para a acreditación das entidades formativas para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, como marco xeral, persegue, ante todo a prevención e inclúe o propósito de fomentar unha auténtica cultura preventiva, mediante a promoción da mellora da formación na devandita materia.

O Estatuto de autonomía de Galicia define as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de execución de relacións laborais en canto á súa capacidade de autoorganización para a consecución dos seus fins.

O Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, que establece disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, introduce e regula no seu capítulo II a figura do coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante as fases de proxecto e execución de obras e establece no seu artigo 3.1º que, cando na elaboración do proxecto de obra interveñan varios/as proxectistas, o promotor/a nomeará un coordinador/a en materia de seguridade e de saúde durante a elaboración do proxecto de obra, e no ordinal 2º do mesmo artigo prescribe que cando na execución da obra interveñan máis dunha empresa, ou unha empresa e traballadores/as autónomos/as ou diversos traballadores/as autónomos/as, o/a promotor/a, antes do inicio dos traballos ou cando se constate esta circunstancia, designará un coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante a execución da obra.

O Real decreto 171/2004, do 30 de xaneiro, polo que se desenvolve o artigo 24 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, en materia de coordinación de actividades empresariais, establece na súa disposición adicional primeira que as instrucións a que está obrigado o/a empresario/a titular do centro, en virtude do artigo 8 deste real decreto, entenderanse cumpridas polo/a promotor/a mediante as impartidas polo/a coordinador/a de seguridade e saúde durante a execución da obra, cando tal figura exista.

O/a coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante a elaboración do proxecto de obra é a persoa técnica competente designada polo/a promotor/a para coordinar, durante a fase do proxecto de obra, a aplicación dos principios xerais da prevención.

O/a coordinador/a, en materia de seguridade e de saúde durante a execución da obra é a persoa técnica competente integrada na dirección facultativa, designada polo/a promotor/a para levar a cabo as tarefas definidas na citada normativa.

A Orde do 27 de xuño de 1997 pola que se desenvolve o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención, en relación coas condicións de acreditación das entidades especializadas como servizos de prevención alleos ás empresas, de autorización ás persoas ou entidades especializadas que pretendan desenvolver a actividade de auditoría do sistema de prevención das empresas e de autorización das entidades públicas ou privadas para desenvolver e certificar actividades formativas en materia de prevención de riscos laborais establece, no seu capítulo III, os requisitos mínimos que deben reunir as entidades formativas para seren autorizadas.

Así mesmo, o Decreto 153/2008, do 24 de abril, polo que se crea o Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, recolle a necesidade de acreditación da formación e a validación e os contidos formativos mínimos para coordinadores/as en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.

O obxecto deste regulamento é o establecemento dos requisitos mínimos que deben cumprir as entidades públicas e privadas interesadas en colaborador coa Consellería de Traballo e Benestar para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, coa finalidade de garantir a calidade dos medios materiais e docentes que se destinen á cualificación dos/as profesionais que actúen como coordinadores/as de seguridade e saúde nas obras de construción, así como para promocionar a súa formación na materia.

Dentro dos acordos do diálogo social en Galicia, asinados o 30 de xullo de 2010, está o Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014, que no seu obxectivo 4 «Potenciar a formación en materia de prevención de riscos laborais» liña 2: «Capacitación das persoas traballadoras e do empresariado» recolle a capacitación acerca dos riscos e medidas preventivas para colectivos específicos, incluíndo entre estes os/as coordinadores/as de seguridade e as persoas traballadoras da construción. Este acordo continúa a liña establecida cos acordos do 5 de febreiro de 2007, entre os cales se encontraba o Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2006-2010.

A experiencia acadada coa posta en funcionamento do Rexistro de coordinadores e coordinadoras de seguridade e saúde en obras de construción de Galicia, así como o desenvolvemento do proceso de acreditación de entidades formativas, desde a súa entrada en vigor ata a actualidade, fan necesaria unha revisión do procedemento e requisitos para a acreditación das entidades.

Por outra banda, o artigo 5.3 do Decreto 153/2008 establece que a indicación descritiva da experiencia profesional específica dos coordinadores e coordinadoras ten carácter público, polo que cómpre establecer as condicións en que se mostra a información correspondente a proxectos de promoción privada.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento que se deberá seguir para obter a acreditación como entidade formativa para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, que poida ser impartida en centros acreditados pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 2. Requisitos

1. Poderán solicitar a acreditación como entidade formativa para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, de acordo co procedemento establecido nesta orde, as persoas físicas, as entidades xurídicas e as institucións que desexen colaborar na impartición deste curso, sempre que cumpran os requisitos establecidos nos parágrafos seguintes.

2. Os requisitos que deben reunir os centros para obter esta acreditación por parte da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar son de dous tipos: de carácter xeral e específicos. Estes requisitos serán os seguintes:

2.1. De carácter xeral.

a) Condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade, de seguridade e de prevención de riscos laborais exixidas pola lexislación vixente, acreditadas mediante a documentación prevista no artigo 4.1.f).

b) Medios tendentes a facilitar a accesibilidade universal, de maneira que non supoña discriminación das persoas con discapacidades e se dea efectivamente a igualdade de oportunidades, de acordo coas exixencias recollidas na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, así como as súas normas de desenvolvemento.

c) Aseos e servizos hixiénico-sanitarios para homes e mulleres en número adecuado á capacidade do centro.

d) Instalacións de dirección e coordinación: un espazo axeitado para despachos de dirección, sala de profesorado e actividades de coordinación, e secretaría. No caso das entidades de formación, cando así se determine por razóns xustificadas, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderá autorizar que as instalacións de dirección e coordinación estean en locais distintos a onde están as aulas.

e) Dispoñer dun equipamento informático que permita a transmisión de datos en liña á Consellería de Traballo e Benestar.

2.2. Específicos.

a) Aulas de clases teórico-prácticas:

– Deberán contar en calquera caso cun espazo mínimo de 2 metros cadrados por alumno/a. Un centro non se poderá acreditar para unha capacidade inferior a 15 alumnos/as. O número máximo de alumnos/as admitidos por aula será de 25.

A parte práctica poderá desenvolverse no propio centro ou en empresas que se comprometan ou asinen un convenio coa entidade formativa acreditada correspondente.

b) Equipamento e material:

As entidades formativas acreditadas deberán destinar á impartición deste curso os equipamentos e materiais mínimos que se relacionan a continuación:

b.1. Equipamento:

– Mesas e cadeiras en número suficiente para a totalidade de alumnos e alumnas.

– Mesas auxiliares para a realización de prácticas: curas, análise de planos e esbozos... etc.

– Encerados.

– Equipamentos informáticos multimedia.

– Equipamentos de imaxe e son.

b.2. Material didáctico:

Proporcionaránselle ao alumnado os medios didácticos e o material imprescindible para o desenvolvemento do curso, así como exemplares de documentos coa normativa aplicable ao obxecto do curso e exemplos de plans de seguridade e saúde no traballo.

b.3. Elementos de protección:

No desenvolvemento das prácticas utilizaranse os medios necesarios de seguridade e hixiene no traballo, e observaranse as normas legais ao respecto. En todos os casos deberá acreditarse a entrega aos alumnos/as da documentación relativa á utilización de elementos de protección individuais e colectivos.

2.3. O profesorado.

Deberá ser experto neste ámbito formativo e terá que acreditar documentalmente a súa formación. Especialmente deberá contar con:

– Titulación académica de arquitecto/a, arquitecto/a técnico/a, enxeñeiro/a ou enxeñeiro/a técnico/a.

– Certificado de aptitude pedagóxica ou formación metodolóxica como formador/a, ou formación en prevención de riscos laborais de nivel intermedio ou superior ou experiencia docente mínima de 60 horas.

– Experiencia acreditada como técnico/a de seguridade e saúde laboral de, como mínimo, 12 meses. Para estes efectos considerarase experiencia acreditada a seguinte:

• Coordinación de seguridade e saúde en obra ou proxecto.

• Redacción de estudos de seguridade e saúde e estudos básicos.

• Dirección facultativa de obra nos casos establecidos no artigo 7.2 no Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e de saúde nas obras de construción.

• Inspección e control das condicións de seguridade e saúde en obras como membro dun órgano técnico dunha autoridade laboral ou membro da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

• Persoal técnico de mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

• Persoal técnico de servizos de prevención de empresas do sector da construción.

O conxunto do profesorado debe garantir, en canto á súa especialización, a totalidade das materias que se vaian impartir.

Sen prexuízo do anterior, poderán participar, como relatores invitados ao curso, outros profesores ou profesoras de recoñecido prestixio ou experiencia en materias específicas do programa, cunha participación máxima do 10 % do tempo de duración do curso.

Estes/as profesionais intervirán baixo a responsabilidade do/a director/a do curso e a súa participación virá indicada especificamente no cronograma referido no artigo 7.1 desta orde.

Artigo 3. Solicitudes

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obter a acreditación como entidade formativa para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo, subscrita polo/a titular ou representante legal da entidade, debidamente acreditado.

2. De acordo ao establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes, e unha vez aprobada por Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lle poida requirir a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Así mesmo, os interesados poderán tamén presentar as solicitudes de forma presencial por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes de acreditación quedará aberto permanentemente desde a entrada en vigor desta orde.

4. O cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 acreditarase mediante a presentación da seguinte documentación (orixinal, copia compulsada ou cotexada):

4.1. De carácter xeral:

a) Memoria descritiva da actividade da entidade.

b) Número de identificación fiscal (NIF).

c) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para a sinatura da solicitude, de ser o caso.

d) Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexe a entidade.

e) Planos oficiais dos inmobles e instalacións, visados polo colexio oficial correspondente.

f) Memoria de inmobles e instalacións, identificando no plano cada espazo físico e a súa superficie.

g) Xustificante da propiedade, arrendamento ou título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes, equipamento didáctico, talleres ou campos de práctica. No caso de que a parte práctica do curso se vaia desenvolver en empresas, achegarase compromiso da empresa coa entidade formativa acreditada para que se realicen naquela as prácticas.

h) Licenza municipal de apertura como centro de formación ou a correspondente á súa actividade principal no caso doutras entidades.

i) Descrición do equipamento informático de que dispón para a transmisión de datos en liña á Consellería de Traballo e Benestar.

4.2. Específica para o curso:

a) Programa do curso detallado e coñecementos profesionais estruturados por módulos, xunto coa a descrición da metodoloxía docente e a tipoloxía das probas de avaliación que se vaian efectuar.

O programa deberá axustarse ao que establece o anexo I do Decreto 153/2008, do 24 de abril, polo que se crea o Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, no que se establece o contido mínimo do programa formativo de carácter presencial autorizado pola Consellería de Traballo e Benestar para coordinadores/as en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.

b) Relación de maquinaria, utensilios, material de consumo, textos e material didáctico que se utilizará en cada curso, que deberá ser suficiente e adecuado para que o alumnado poida realizar as prácticas simultaneamente, salvo que se desenvolvan en empresas.

c) Profesorado:

A xustificación do cumprimento dos requisitos establecidas para o profesorado realizarase da forma seguinte:

• Coordinación de seguridade en obra ou proxecto: documento de designación de acordo co establecido no artigo 3.1 do Real decreto 1627/1997, ou certificación emitida polo/a promotor/a, en que se relacionen as obras en que foi designado o coordinador/a. O/a solicitante deberá xuntar unha declaración responsable da duración do seu nomeamento de coordinador/a en cada unha das obras.

• Redacción de estudos de seguridade e saúde, estudos básicos e plans de seguridade e saúde: certificación do seu visado polo colexio profesional correspondente.

• Dirección facultativa (artigo 7.2 do Real decreto 1627/1997): documento de designación e certificación de aprobación do plan de seguridade e saúde da obra.

• Órganos técnicos, Inspección de Traballo e Seguridade Social: certificación do/a responsable da unidade administrativa ou acreditación oficial.

• Mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais: certificación do/a responsable da entidade.

• Persoal técnico de servizos de prevención de empresas do sector construción: contrato de traballo xunto cun informe de auditoría do sistema de prevención de riscos laborais ou documentación do sistema de xestión (OSHAS ou semellante), na parte que se refira ás tarefas desenvolvidas e participación do persoal técnico, ou certificación dos/as responsables da entidade auditora ou certificadora. O/a solicitante deberá xuntar unha declaración responsable da duración dos traballos.

• Experiencia docente mínima: certificación emitida polo/a responsable da entidade que imparte a formación.

Artigo 4. Tramitación

1. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar examinará as solicitudes e comprobará que a documentación achegada é correcta e suficiente.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados no artigo 3 ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase do/a solicitante que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fai, se considerará desistido/a da súa solicitude, logo de resolución que así o declare, que deberá ser ditada pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social solicitará do órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais un informe que tratará sobre a adecuación do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 2.1 e 2.2 do artigo 2 da presente orde.

Artigo 5. Resolución

1. A terminación do expediente de acreditación corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, mediante resolución motivada que deberá serlles notificada ás persoas interesadas.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da recepción da solicitude nos servizos centrais da Consellería de Traballo e Benestar. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase que esta é favorable á acreditación por silencio administrativo. O transcurso do prazo máximo legal para resolver o procedemento e notificar a resolución poderá suspenderse, de acordo co establecido no artigo 42.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo coa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Contra as resolucións do/a director/a xeral de Traballo e Economía Social que poñan fin ao procedemento de acreditación poderá interpoñerse recurso de alzada ante o/a conselleiro/a de Traballo e Benestar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución que se pretenda impugnar.

Artigo 6. Censo de entidades formativas acreditadas

1. A acreditación para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción implicará a inclusión da entidade no censo de entidades formativas acreditadas pola Consellería de Traballo e Benestar para a impartición deste curso, constituído para o efecto na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

2. A cada entidade asignaráselle un número de censo e ás que dispoñan de máis dun centro nesta ou distinta localidade, asignaráselles un número distinto para cada un deles.

3. A Consellería de Traballo e Benestar publicará e manterá actualizada na súa páxina web unha relación das entidades formativas acreditadas para realizar os cursos.

Artigo 7. Procedemento administrativo para a impartición dos cursos

As entidades formativas acreditadas para impartir o curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, deberán seguir o procedemento administrativo descrito a continuación para os efectos de control, por parte da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, da permanencia das condicións de acreditación e do cumprimento dos requisitos preestablecidos:

1. Comunicación do inicio do curso.

A data prevista de inicio de cada curso deberá comunicarse por escrito cun prazo mínimo de 15 días previos ao seu inicio. Esta deberá ir acompañada da designación dun/dunha director/a do curso realizada polo/a representante da entidade formativa, dunha programación e un cronograma do curso e de todos os datos necesarios para o efectivo seguimento da actividade formativa por parte do persoal técnico da Consellería de Traballo e Benestar, como mínimo: lugar de realización, o horario, o lugar das titorías e o cadro de profesores/as que impartirán o curso. Incluirase un certificado asinado polo/a director/a de que o profesorado ten capacidade suficiente para dar conta do programa.

Non poderá figurar no programa ningún profesor/a que non fose previamente comunicado e expresamente aceptado unha vez comprobados os requisitos establecidos nesta orde.

Deberán detallarse os/as relatores/as invitados/as definidos no artigo 3, punto 2.3 indicando o tema da súa intervención e a súa duración.

O/a director/a do curso será o/a responsable ante a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social do cumprimento do programa e o mantemento das condicións da acreditación durante o desenvolvemento do curso.

Se o/a director/a do curso ten responsabilidades docentes nel, deberá cumprir os requisitos establecidos no artigo 2 desta orde.

Deberase comunicar calquera cambio que se produza no programa presentado. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social asignará un número ao curso que se vai iniciar e notificarallo á entidade formativa acreditada, co fin de que apareza en todas as comunicacións posteriores para a súa mellor identificación.

2. Inicio do curso.

O mesmo día de inicio do curso deberá ser remitido polos medios que determine a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social (fax, correo electrónico ou outros) a relación do alumnado que inicia a formación con indicación do seu DNI. A partir desa data quedará pechada a listaxe de alumnos/as e non se poderán producir novas altas.

Por outra banda, deberá comunicarse calquera baixa de alumnos/as que se produza durante o transcurso do curso ou calquera outra incidencia que afecte o seu desenvolvemento.

3. Documentación do alumnado.

É necesario que o alumnado que acceda a esta formación posúa titulación universitaria de arquitectura, arquitectura técnica, enxeñaría ou enxeñaría técnica, a cal deberá quedar acreditada no expediente administrativo. Con tal motivo, a entidade deberá remitir a documentación acreditativa –orixinais ou copias cotexadas dos títulos universitarios e do DNI– no prazo de cinco días posteriores á comunicación da listaxe de alumnado.

4. Fin do curso.

Unha vez finalizado o curso, presentarase ante a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a seguinte documentación:

– Memoria descritiva do curso.

– Certificado do director/a do curso co visto e prace do/a representante legal da entidade relativo ao cumprimento dos requisitos preestablecidos na normativa e no proxecto aprobado que motivou a resolución de autorización da entidade, incluíndo as avaliacións.

– Acta final do curso, en que se recolla a identidade do alumnado, os seus DNI e a cualificación obtida, asinada en todas as súas páxinas.

Artigo 8. Obrigas das entidades formativas acreditadas

As entidades que obteñan a condición de entidade formativa acreditada pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar para a impartición do curso coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, terán as seguintes obrigas:

1. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan realizar os/as técnicos/as da Consellería de Traballo e Benestar quedando obrigados a facilitar canta información se lles solicite.

2. Manter as instalacións e estrutura de medios con base nas que se produciu a inscrición como entidade formativa acreditada, e adaptalas aos requisitos mínimos que, en cada momento, se exixan para este curso formativo.

3. Facer constar na súa publicidade a condición de entidade formativa acreditada pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar nas accións para o desenvolvemento do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción e non usar tal condición cando se trata de cursos doutra natureza impartidos pola entidade formativa.

4. Solicitar autorización expresa para continuar como entidade formativa acreditada cando se produza un cambio na titularidade do/a propietario/a ou responsable xurídico/a.

Artigo 9. Revogación da condición de entidade formativa acreditada

1. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, mediante resolución motivada e logo do trámite de audiencia ao/á titular do centro, poderalles revogar a autorización como entidade formativa acreditada cando:

a) Incumpran calquera dos preceptos contidos nesta orde.

b) Subcontraten cun terceiro a execución dos cursos dos que teñan concedida a súa realización.

2. Contra as resolucións de revogación previstas neste artigo poderase interpor recurso de alzada ante a Consellería de Traballo e Benestar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución que se pretenda impugnar.

Artigo 10. Recoñecemento da formación preventiva especializada

1. Para os efectos do sinalado no artigo 12.1 do Decreto 153/2008, as entidades que desexen validar as accións formativas impartidas con anterioridade á publicación do citado decreto, deberán presentar ante a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a solicitude correspondente na que xuntarán a seguinte documentación:

a) NIF da entidade.

b) Memoria do curso impartido, en que deberá constar, como mínimo, a seguinte información: datas e lugar de impartición, programa do curso, modalidade formativa e relación do alumnado coa súa cualificación final.

c) Relación do profesorado e o seu currículo.

2. Unha vez recibida a citada documentación, e logo de solicitude dos informes que considere oportunos, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a resolución da dita solicitude conforme o especificado no artigo 5.

Artigo 11. Organización dos datos de experiencia profesional no Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde en obras de construción da Comunidade Autónoma de Galicia

A indicación descritiva dos datos correspondentes á experiencia profesional específica establecida na alínea h) do artigo 5.1 do Decreto 153/2008, que figurará publicamente no rexistro, constará de:

a) Obra pública: os datos que figuran no anexo do Decreto 153/2008, isto é: tipo de obra, promotor, orzamento e data.

b) Obra de promoción privada: número de obras agrupadas de acordo coa clasificación establecida polo artigo 2.1 da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.

Disposición transitoria

As entidades acreditadas á entrada en vigor desta orde deberán ter adaptados os seus programas, instalacións e profesorado ao disposto nesta orde e comunicado á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a dita adaptación, achegando a documentación que sexa necesaria, de acordo co artigo 3 punto 4 da presente orde, nun prazo de tres meses contados desde a entrada en vigor desta orde. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social revogará de oficio a acreditación daquelas entidades que non teñan realizada a dita adaptación na data establecida.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 12 de marzo de 2009 pola que se regula o procedemento para a acreditación das entidades formativas para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan á presente orde.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file