Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 12 de abril de 2013 Páx. 11070

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 4 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

A Constitución española no seu artigo 129.2º encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7º do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, creando o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma, coa encarga de velar polo cumprimento dos principios cooperativos, pola axeitada aplicación da lei e polo respecto das regras dunha xestión correcta e democrática das cooperativas de Galicia.

O Consello Galego de Cooperativas é un órgano de carácter colexiado, integrado polas entidades representativas das cooperativas, por representantes da Xunta de Galicia, dos concellos e das universidades da Comunidade Autónoma, e correspóndelle a súa presidencia á conselleira de Traballo e Benestar.

A Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo na Comunidade Autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido, considerou axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación, e acordou establecer as súas bases reguladoras.

As bases reguladoras dos premios á cooperación, así como a aprobación da súa convocatoria para o ano 2013, foron aprobadas polo Pleno do Consello Galego de Cooperativas, na súa sesión do 4 de decembro de 2012.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Sección 1ª Bases reguladoras dos premios á cooperación

Artigo 1. Finalidade

Estes premios teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que os cooperativistas, cooperativas e outras persoas e institucións veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2. Destinatarios

1. Poderán optar a estes premios as cooperativas e as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo na Comunidade Autónoma galega.

2. Non poderán resultar premiadas as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Modalidades

Os premios á cooperación convócanse baixo as seguintes modalidades:

– Premio aos Valores Cooperativos.

– Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo.

– Premio á Promoción do Cooperativismo.

Artigo 4. Premio aos Valores Cooperativos

1. Outorgarase á cooperativa, entidade ou persoa que máis teña destacado no impulso dos valores cooperativos na Comunidade Autónoma galega.

2. O tribunal valorará a traxectoria dos candidatos e das candidatas, especialmente as actuacións dirixidas á aplicación práctica dos principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional e a súa adecuación ao marco socioeconómico galego.

Artigo 5. Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo

1. Outorgarase ao proxecto empresarial cooperativo de especial relevancia, tanto de cooperativas de nova creación como das previamente existentes.

2. O tribunal terá en conta a especial relevancia do proxecto, que pode vir determinada tanto polo seu carácter innovador ou de intercooperación, como por outras características singulares e pola súa repercusión no contorno, especialmente nos eidos económico, social e laboral.

Artigo 6. Premio á Promoción do Cooperativismo

1. Outorgarase á persoa ou entidade que teña destacado especialmente no fomento do cooperativismo, tanto pola súa traxectoria como por actuacións de carácter puntual que resulten particularmente significativas.

2. O tribunal terá en conta a actividade ou actividades realizadas polos candidatos e polas candidatas e a súa repercusión na implantación e desenvolvemento do cooperativismo en Galicia, tanto nos seus aspectos cualitativos como cuantitativos, e valorará especialmente os persoeiros do cooperativismo como xeito de recoñecer as súas traxectorias neste eido.

Artigo 7. Órgano instrutor

O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requiriralle ao interesado que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez días e, se non o fixer, terase por desistido da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Tribunal

1. Para a concesión dos premios á cooperación actuará como tribunal a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas.

2. Todos os premios serán propostos polo tribunal. O tribunal poderá propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

3. A entrega dos premios terá lugar no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do Día do Cooperativismo Galego.

Artigo 9. Resolución e recursos

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O tribunal fará pública a relación provisional dos premiados propostos na web
www.cooperativasdegalicia.coop

4. Contra ela poderase presentar reclamación mediante instancia dirixida á Presidencia do tribunal, presentándoa na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo San Lázaro, Santiago de Compostela), no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación.

5. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios.

6. A persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social resolverá a concesión dos premios que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

7. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Traballo e Benestar incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas (os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o Cixtec como órgano responsable dos ficheiros, rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela).

Artigo 10. Candidaturas e documentación

1. Unha vez publicada a convocatoria, os interesados deberán presentar a solicitude de participación acompañada dunha memoria explicativa e a documentación xustificativa dos valores e méritos alegados.

2. As candidaturas poderán presentarse, asinadas polo candidato ou candidata ou persoa que o propoña, na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo San Lázaro, Santiago de Compostela), no prazo indicado na convocatoria.

3. Poderase requirir dos interesados aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados, particularmente en relación coa aplicación práctica dos principios e valores cooperativos.

Artigo 11. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ás presentes bases e ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 12. Condicións xerais de participación

A participación nos premios supón a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo, e os seus efectos rexeranse polo establecido no seu articulado e, no seu defecto, pola normativa xeral que lles sexa de aplicación.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios, compatibilidade e reintegro

1. Os beneficiarios e beneficiarias quedan obrigados a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.

2. Os premios serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Sección 2ª Convocatoria dos premios á cooperación para o ano 2013

Artigo 14. Convocatoria

Convócanse os premios á cooperación para o ano 2013.

Artigo 15. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos remata o 15 de maio de 2013. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes e traballos poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes tamén poderán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo: https://sede.xunta.es

Artigo 16. Contía dos premios

Outórganse os seguintes premios:

– Premio aos Valores Cooperativos, cunha dotación económica de 5.000 euros.

– Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo, cunha dotación económica de 5.000 euros.

– Premio á Promoción do Cooperativismo, cunha dotación económica de 5.000 euros.

Artigo 17. Pagamento

1. Unha vez publicada a resolución definitiva, as persoas interesadas propostas como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento realizarase logo da entrega da declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións e de non estar incursos nas circunstancias recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Financiamento

A concesión das axudas económicas e premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social nas aplicacións 11.02.324A.471.0 (15.000,00 €) e 11.02.324A.480.1 (0,00 €), proxectos 2013 00604 e 2013 00608 respectivamente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2013.

A utilización de dúas aplicacións faise de acordo co establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29.1.2009).

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file