Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 29 de abril de 2013 Páx. 13383

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se autoriza e se publica o acordo adoptado pola Comisión central de seguimento do pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade (Diario Oficial de Galicia número 89, do 9 de maio de 2011) na reunión que tivo lugar o día 5 de febreiro de 2013.

De conformidade coas competencias previstas na norma I.5.1 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal asinado o 26 de abril de 2011, no seo da Comisión central de seguimento do dito pacto, na reunión que tivo lugar o 5 de febreiro de 2013, adoptouse o acordo que se recolle no anexo que se xunta a esta resolución.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2013

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Acordo da Comisión central de seguimento do pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

I. Renuncia sen penalización a vínculos de longa duración nos supostos de cambio de área.

1. As persoas aspirantes que se encontren vinculadas por un nomeamento a xornada completa en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou nunha entidade pública sanitaria adscrita á Consellería de Sanidade consonte as listas convocadas ao abeiro do anterior pacto de selección temporal (Resolución do 24 de maio de 2004), e que coa entrada en vigor de novas listas figuren como aspirantes nunha área distinta, non serán chamadas pola nova lista mentres se manteña tal vinculación, en aplicación do disposto na norma III.2 do pacto de selección temporal vixente.

2. Agora ben, sempre que o/a aspirante o manifeste por escrito ante o órgano responsable da realización dos chamamentos daquela nova área/zona en que figure inscrito, dentro do prazo dun mes desde a entrada en vigor das novas listas, será chamado para calquera vinculación que lle corresponda polo seu número de orde na nova área/zona.

3. A aceptación da oferta de nomeamento na nova área/zona suporá a renuncia á vinculación en que figuraba anteriormente, sen que sexa obxecto de penalización por esta causa.

4. A non aceptación da oferta de nomeamento na nova área/zona comporta a aplicación do réxime penalizador disposto na norma IV.1 do pacto de selección temporal.

5. Para os efectos de aplicación deste criterio, as listas das zonas sanitarias previstas na norma II.6 do pacto vixente terán a natureza de ámbito distinto respecto das listas da área sanitaria en que se integran.

II. Renuncia sen penalización a vínculos a tempo parcial nos supostos de optar só pola realización de nomeamentos a xornada completa.

1. As persoas aspirantes que se encontren vinculadas por un nomeamento a tempo parcial nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou nunha entidade pública sanitaria adscrita á Consellería de Sanidade consonte as listas convocadas ao abeiro do anterior pacto de selección temporal (Resolución do 24 de maio de 2004), e que coa entrada en vigor de novas listas manifestasen na súa solicitude a vontade de non aceptar a realización de nomeamentos a tempo parcial, non poderán renunciar voluntariamente ao referido vínculo, agás que se formalice un chamamento referido a un vínculo a xornada completa en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano.

2. Non obstante, sempre que o/a aspirante o manifeste por escrito ante o órgano responsable da realización dos chamamentos dentro do prazo dun mes desde a entrada en vigor das novas listas (logo de acreditación da existencia de aspirantes dispoñibles para nomeamentos a tempo parcial na lista da mesma categoría e ámbito territorial), será chamado para calquera vinculación a xornada completa que lle corresponda polo seu número de orde na nova lista.

3. A aceptación da oferta de nomeamento a xornada completa na nova lista suporá a renuncia á vinculación en que figuraba anteriormente, sen que sexa obxecto de penalización por esta causa.

4. A non aceptación da oferta de nomeamento a xornada completa na nova lista comporta a aplicación do réxime penalizador disposto na norma IV.1 do pacto de selección temporal.

III. Disposicións comúns.

Respecto daquelas categorías cuxas listas entraron en vigor con anterioridade á efectividade deste acordo, o prazo referido nos parágrafos I.2 e II.2 habilitarase a partir do día seguinte ao da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia.