Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 30 de abril de 2013 Páx. 13540

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo entre a Xunta de Galicia e as organización sindicais CIG, UGT, CC.OO. e CSIF, relativo ao acceso á xubilación parcial e contrato de remuda do persoal laboral do convenio colectivo único da Xunta de Galicia.

Visto o acordo para o acceso á xubilación parcial e contrato de remuda do persoal laboral do convenio colectivo único da Xunta de Galicia, subscrito na xuntanza celebrada o 27 de marzo de 2013, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

Esta dirección xeral

ACORDA:

Primeiro. Ordenar a inscrición do devandito acordo no Rexistro Xeral de Convenios desta dirección xeral.

Segundo. Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2013

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO
Acordo para o acceso á xubilación parcial e contrato de remuda do persoal
laboral do convenio colectivo único da Xunta de Galicia

De acordo co previsto no artigo 8 e na disposición derradeira quinta do Real decreto lei 5/2013, do 15 de marzo, de medidas para favorecer a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo, a Xunta de Galicia e o Comité Intercentros do persoal laboral do convenio colectivo único da Xunta de Galicia, acordan manter a xubilación parcial e contrato de remuda, de conformidade cos seguintes pactos:

1. Os traballadores e traballadoras do V Convenio colectivo único da Xunta de Galicia poderán acollerse á xubilación parcial, cando cumpran os requisitos correspondentes nos termos da regulación vixente, antes do 1 de xaneiro de 2013, nos supostos recollidos no punto 2.c) da disposición derradeira décimo segunda da Lei 27/2011, do 1 de agosto, na redacción dada polo Real decreto lei 5/2013, do 15 de marzo.

2. O acceso á pensión realizarase de conformidade co seguinte plan de xubilación parcial:

a) Incorpóranse ao presente plan todos os traballadores e traballadoras do V Convenio colectivo único da Xunta de Galicia (relacionados nominalmente no anexo) que ata o 31 de decembro de 2018 cumpran os requisitos exixidos consonte a normativa vixente antes do 1 de xaneiro de 2013.

b) Os traballadores e traballadoras poderán solicitar a redución da súa xornada entre un mínimo do 25 % e un máximo do 75 %.

3. A vixencia do presente acordo estenderase desde a data da súa subscrición ata o día 31 de decembro de 2018, de acordo coa duración máxima establecida no artigo 8 do Real decreto lei 5/2013, do 15 de marzo, para a aplicación de normas transitorias ás pensións de xubilación que se causen antes do 1 de xaneiro de 2019.

4. O plan de xubilación parcial recollido no presente acordo colectivo será comunicado e posto á disposición do Instituto Nacional da Seguridade Social antes do 15 de abril de 2013.