Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 8 de maio de 2013 Páx. 15176

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades privadas para incentivar o turismo mediante a mellora das infraestruturas de establecementos hoteleiros do grupo I, albergues turísticos, empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, ten entre as súas finalidades potenciar a oferta turística galega a través de medidas de fomento que permitan modernizar e profesionalizar o sector turístico e as súas infraestruturas, e mellorar a calidade e a competitividade da oferta turística.

O Plan de acción do turismo de Galicia 2010-2013 ten entre os seus obxectivos prioritarios incrementar o peso do turismo no PIB, mellorar o salario medio do sector, aumentar a estadía media e o gasto medio dos turistas que nos visitan.

Preténdese, ademais, o estímulo á mellora de infraestruturas para promover o desenvolvemento empresarial e o apoio á mellora na calidade dos seus establecementos turísticos.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da Comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na Comunidade Autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a través da mellora da competitividade das empresas turísticas e a valorización dos recursos turísticos; o fomento do turismo como un instrumento de requilibrio territorial; a mellora do posicionamento do turismo no panorama nacional e internacional e a diversificación da oferta turística de Galicia coa consolidación dos produtos turísticos clave para competir no ámbito turístico nacional e internacional e a creación de novos produtos que posibiliten unha vantaxe competitiva e permitan desestacionalizar a demanda turística.

Dentro deste marco de implementación de novas accións no sector turístico, procede continuar arbitrando liñas de axuda para incentivar as actuacións dos axentes que actúan neste sector en Galicia, co fin de consolidar unha oferta turística de calidade diferenciada cunha ampla diversidade que procure, no respecto ao ambiente, unha opción estable para o desenvolvemento económico galego.

Conforme establece o artigo 19.4 do Decreto 196/2012 correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia o establecemento de liñas de axuda e subvencións a entidades públicas ou privadas para a mellora das infraestruturas turísticas, así como a súa convocatoria e resolución.

Con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei, dispoño a convocatoria de axudas destinadas a incentivar o turismo mediante a mellora das infraestruturas de establecementos hoteleiros do grupo I, albergues turísticos, empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes regulados na antedita Lei 7/2011:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases específicas, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Turismo de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para incentivar o turismo mediante a mellora das infraestruturas de establecementos hoteleiros do grupo I, albergues turísticos, empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L379, do 28 de decembro).

3. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas subvencións para o ano 2013.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo da internet https//sede.xunta.es, conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia (http://turismo.xunta.es/).

b) Os teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64 e o fax 981 54 63 71 da devandita axencia.

c) Enderezo electrónico axudas.turismo@xunta.es

d) Presencialmente.

Artigo 6. Réxime de recursos

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2013

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades privadas para incentivar o turismo mediante a mellora das infraestruturas de establecementos hoteleiros do grupo I, albergues turísticos, empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (TU983M)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación a entidades privadas para a mellora das infraestruturas de hoteis grupo I, albergues turísticos, empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes.

2. Consideraranse proxectos subvencionables todos aqueles que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2013.

3. En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:

• Actuacións relativas á modernización das instalacións.

• Actuacións destinadas ao aumento da categoría do establecemento.

• Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

• Actuacións destinadas á renovación, tecnificación e innovación que conduzan á implantación de sistemas de protección e mellora ambiental.

• Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter a certificación de calidade.

As accións de mellora abranguen actuacións de modernización e remodelación de todas as instalacións. A mellora subvencionable non poderá supor un incremento superior ao 10 % das prazas autorizadas pola Administración turística. As actuacións previstas que excedan o dito 10 % non serán subvencionables. En todo caso, presentará a desagregación orzamentaria do proxecto que reflicta o custo correspondente á creación de cada unha das novas prazas que permita a determinación da contía da subvención. No caso de ter desfrutado dunha subvención semellante nos últimos 5 anos, non poderá incrementarse ningunha praza.

En ningún caso se financiarán as obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canlóns, pintura, arranxos de carpintaría ...).

4. Considérase investimento subvencionable a execución material das obras que se acometan para a mellora dos establecementos obxecto desta resolución. Igualmente, de ser o caso, a adecuación do contorno, as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura tradicional existentes e os honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra.

Para os efectos do cálculo do investimento subvencionable, os honorarios técnicos non serán superiores ao 8 % do orzamento de execución material subvencionable.

5. Están comprendidos nos proxectos de obras e son, polo tanto, subvencionables todos aqueles bens de equipamento que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas, instalacións de aire acondicionado etc. ...). Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra as ditas condicións.

6. Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta resolución a adquisición de terreos.

7. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

8. Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 50.000 euros no caso de contratos de obras, ou igual ou superior aos 18.000 euros cando se trate doutros contratos, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións relativas á creación e mellora dos establecementos obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04 A2 761A 770.0, cun crédito de 850.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006), deberase garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia aos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

3. Estas axudas son compatibles con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente o en concorrencia con outras subvenciones, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas, as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantíl ou civil e as comunidades de bens que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizada ou clasificada, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante REAT) a actividade turística para a cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Os anteditos beneficiarios deben estar comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

Os datos que figuran no REAT, relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

2. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice o beneficiario para a realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 15 destas bases.

3. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

5. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa titular do establecemento subvencionado terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos do disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e subrogarase o novo titular na posición xurídica de beneficiario da subvención.

As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, letra h) do Regulamento (CE) número 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Considerarase empresa en crise se cumpre as seguintes condicións:

a) Se se trata dunha sociedade de responsabilidade limitada, en que teña desaparecido máis da metade do seu capital subscrito e perdese máis da cuarta parte nos últimos 12 meses, ou

b) Se se trata dunha sociedade na cal polo menos algún dos seus socios ten unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da empresa, que teña desaparecido máis da metade dos seus fondos propios, tal como se indica nos seus libros, e se perdese máis da cuarta parte deles nos últimos 12 meses, ou

c) Para todas as formas de empresas, que reúnan as condicións establecidas no dereito nacional para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia.

Unha peme con menos de tres anos de antigüidade non se considerará empresa en crise durante ese período.

Artigo 4. Solicitudes

1. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes, e unha vez aprobada pola Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante.

A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

Así mesmo, os interesados poderán tamén presentar as solicitudes de forma presencial por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os interesados achegarán a seguinte documentación:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro dereito que autorice a realización do investimento solicitado.

c) Documentación acreditativa de representatividade suficiente para actuar en nome da empresa, no caso de que este non coincida co que figura no REAT.

d) Memoria explicativa, na cal se defina o investimento, que deberá adecuarse á complexidade da actuación que se pretende realizar.

e) Orzamento do investimento desagregado por partidas.

f) Cando se trate de obras para as cales sexa preceptiva, deberá presentarse a solicitude de licenza urbanística que posibilite a execución do investimento. Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da antedita licenza urbanística.

g) Anexo III: modelo de declaracións.

h) De ser o caso:

– Documento acreditativo da adhesión do establecemento ao Instituto para a Calidade Turística Española, emitido pola súa Delegación Territorial en Galicia ou, no caso de establecementos coa marca Q de calidade turística, documento acreditativo de certificación, emitido polo Instituto para a Calidade Turística Española.

No caso de establecementos distinguidos con compromiso de calidade turística, documento acreditativo do distintivo de compromiso de calidade turística de boas prácticas concedido por un destino Sicted (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Documentos acreditativos relativos ás certificacións e/ou distintivos de calidade ambiental do establecemento solicitante.

i) Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar as citadas certificacións.

Así mesmo, e conforme o artigo 4 da Orde, do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, o solicitante deberá indicar na epígrafe correspondente do formulario de solicitude a súa autorización para a verificación dos datos de identidade do solicitante.

Igualmente, de conformidade cos mesmos artigos 20.3º da Lei 9/2007 e 4º da Orde do 12 de xaneiro de 2012, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, deberá indicar na epígrafe correspondente do formulario da solicitude a autorización ao órgano concedente para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponden.

Non obstante, se o solicitante non dá o seu consentimento facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, deberá presentar a documentación a que fai referencia este punto.

En calquera caso, nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirirlle ao solicitante a presentación da documentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta axencia galega de turismo publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Axencia Turismo de Galicia velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. Non obstante, a Axencia Turismo de Galicia revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Órganos competentes

A Dirección de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondéndolle á directora da Axencia Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne ningún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Axencia Turismo de Galicia á cal se remitirá desde o texto publicado no DOG. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. A Área de Obras e Mantemento da Axencia achegará un informe de avaliación sobre a actuación solicitada que deberá indicar que actuacións das solicitadas son; subvencionables e as que non o son, así mesmo deberá desagregar o investimento subvencionable, os honorarios técnicos, gastos xerais e beneficio industrial.

Así mesmo, a Área provincial correspondente da Axencia emitirá un informe que deberá indicar se a solicitude e a actuación proposta é conforme coa normativa de ordenación turística vixente, a localización e interese turístico da actuación, a data de autorización ou clasificación en REAT e existencia ou non dalgún expediente sancionador.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración estará formada polos seguintes órganos da Axencia:

a) O/a director/a de Competitividade, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as das áreas provinciais.

c) O/a xefe/a da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que actuará como secretario/a.

d) Un representante da Xerencia.

f) Un representante da Dirección de Promoción.

3. Os/as suplentes, de ser o caso, serán designados/as pola Axencia Turismo de Galicia.

4. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

5. No caso de existiren solicitudes que non figuran na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 9. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán por orde decrecente os seguintes, tendo en conta a valoración específica que se lle atribúe a cada un deles.

1. A localización do investimento atendendo a súa situación nas provincias interiores de Galicia e en áreas rurais con tendencia a despoboamento, polo que debido a unha débil infraestrutura turística destas áreas precisan unha discriminación positiva, así como en municipios turísticos e en espazos cualificados con algunha figura de protección ambiental:

– Que a actuación se leve a cabo nas provincias de Lugo ou Ourense (10 puntos).

– Situación en municipio turístico oficialmente declarado ou ben que desfruta ou desfrutou dun plan de dinamización, excelencia ou de competitividade turística. (10 puntos).

– Situación nun espazo cualificado con algunha figura de protección ambiental (10 puntos).

Ata 30 puntos.

2. Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa calidade turística:L

– Acreditando certificación da marca Q de Calidade Turística do ICTE (10 puntos).

– Acreditando a súa adhesión vixente para o ano 2012 ao ICTE, no caso de establecementos aínda non certificados co Q de calidade turística (5 puntos).

– Acreditando o distintivo en boas prácticas de compromiso de calidade turística concedido por un destino Sicted (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia (5 puntos).

Ata 15 puntos.

3. Que o proxecto pretenda acadar un establecemento respectuoso co ambiente:

– Acreditando unha certificación ambiental internacionalmente recoñecida (ISO, EMAS, etiqueta ecolóxica ...) (10 puntos).

– A través da implantación de tecnoloxías que permitan aforros e eficiencias das instalacións en campos como: residuos, enerxías, depuración de augas, contaminación acústica etc. ... (10 puntos).

Ata 20 puntos.

4. Que o proxecto incida especialmente nas condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

15 puntos.

5. Rehabilitación dunha edificación singular ou dun elemento do patrimonio arquitectónico tradicional.

20 puntos.

2. Os proxectos que se recollen no parágrafo anterior como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 40 % sobre o investimento subvencionable. A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que alcancen os proxectos presentados, segundo se detalla a continuación:

Puntos

% axuda

61-100

40

41-60

35

21-40

30

0-20

25

Artigo 10. Audiencia

Efectuada a avaliación, a comisión fará un informe co seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá ser notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo dispón o artigo 3.1 do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DOUE L379/5, do 28 de decembro), na citada proposta comunicarase ao beneficiario o importe da axuda (expresado en equivalente bruto da subvención) e sobre o seu carácter de minimis.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á directora da Axencia Turismo de Galicia.

2. A directora da Axencia, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34.4º do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a directora da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

c) O beneficiario da subvención deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante un período de cinco anos no caso de bens inscritibles nun rexistro público ou de dous para o resto dos bens.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á Axencia de Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Por estar esta convocatoria suxeita ao réxime de minimis tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas, salvo que autorizase expresamente no formulario de solicitude da subvención o órgano concedente para a obtención das mesmas mediante procedementos telemáticos. No caso que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

g) O beneficiario deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos na lexislación mercantíl e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control; así mesmo deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

h) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.

i) Igualmente o beneficiario deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de www.turgalicia.es/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados, así como as indicacións de uso.

j) Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

k) A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

l) Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de mora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. No prazo de sesenta (60) días naturais seguintes á notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Axencia Turismo de Galicia orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

a) Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada, que deberá axustarse á oferta máis vantaxosa das inicialmente presentadas. O dito proxecto de execución incluirá o programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, conforme a resolución de concesión, e deberá ser avaliado pola Área de Obras e Mantemento da Axencia Turismo de Galicia. No caso de que se trate de obras menores, presentarase memoria valorada.

b) Documento acreditativo ou contrato do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

2. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de novembro de 2013, para presentar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, mediante a modalidade de conta xustificativa (conforme o artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), orixinal ou copia compulsada, da documentación que a continuación se indica:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas, que conterá:

c.1) Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. De ser o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento.

c.2) Facturas que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, copias das ordes de transferencia que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

d) Certificación de obra por conceptos, en modelo normalizado que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada por técnico competente, relativa á obra executada coa súa valoración.

No caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, asinado por persoal técnico competente, para obras con orzamento de execución material superior a 50.000,00 euros. Para obras con orzamento de execución material inferior a 50.000 euros, é suficiente coa presentación da memoria que se indica na letra b).

e) Licenza de obra, o dito documento é preceptivo; non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade mentres non se presente.

f) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública, a non ser que o solicitante autorizase expresamente no formulario de solicitude da subvención ao órgano instrutor para realizar a súa comprobación.

g) Anexo III: modelo de declaración actualizado.

3. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, a Axencia Turismo de Galicia poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado, que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión e que se cumpra coa normativa turística.

Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a esixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a directora da Axencia Turismo de Galicia ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Excepcionalmente, a comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Artigo 21. Remisión normativa

Son de aplicación directa o Regulamento comunitario 1998/2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, o Regulamento comunitario 1083/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE) e ao do Fondo de Cohesión, o Regulamento comunitario 1828/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o resto de normativa que resulte de aplicación.

Supletoriamente, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file