Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Xoves, 30 de maio de 2013 Páx. 19156

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 28 de maio de 2013 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. En virtude deste título competencial aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais para Galicia, onde se establece, no seu artigo 31, que o cumprimento dos fins das entidades de iniciativa social se promoverá mediante o outorgamento de subvencións, que se concederán atendendo ao interese social dos distintos servizos e proxectos, á súa complementariedade coa oferta pública de servizos sociais, á calidade e ao carácter innovador das prestacións e servizos ofertados, á eficiencia no emprego dos fondos públicos e á súa adecuación aos obxectivos fixados pola planificación autonómica en materia de servizos sociais.

A Consellería de Traballo e Benestar, segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, é o órgano que ten asumidas as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo servizos comunitarios, as políticas de inclusión social e en favor da poboación inmigrante, que lle corresponden á Xunta de Galicia.

No exercicio destas competencias, considérase adecuado o establecemento de subvencións destinadas a entidades de iniciativa social para a prestación de servizos sociais no ámbito dos servizos sociais comunitarios, inclusión social e en favor da poboación inmigrante, sempre que se axusten á tipoloxía e requisitos legalmente establecidos e se adecuen á planificación da Consellería de Traballo e Benestar.

Así mesmo, e de acordo coas directrices comunitarias definidas nos cumios europeos de Lisboa e Niza en materia de protección social no marco de apoio ás políticas destinadas á mellora do emprego e da promoción da inclusión social, elaborouse o II Plan galego de inclusión social desde unha formulación estratéxica, centrada en dar respostas globais e integradas, que respondan ás necesidades dos grupos e persoas con maiores desvantaxes sociais.

Un dos principios orientadores na execución das medidas do plan é o enfoque integrado e a implicación do tecido social, co que se pretende dar cabida dentro do Plan de inclusión ás entidades de iniciativa social, e ás ONG, aumentando así a súa capacidade de acción para loitar contra a exclusión social, principio orientador que comparte cos programas dirixidos á poboación inmigrante.

Ata esta data, as axudas que esta convocatoria comprende foron obxecto de convocatorias singulares, recollendo, cada unha delas, as especificidades propias de cada subvención. Non obstante o anterior, a diversificación dos expedientes de gasto non facilita de xeito eficaz a coordinación entre todos os dispositivos.

Por todo o anterior, e na procura dunha óptima atención ao beneficiario/a esta orde de convocatoria formúlase cun espírito unificador do cofinanciamento de todas as actividades levadas a cabo por entidades de iniciativa social no ámbito dos servizos comunitarios, da inclusión social e en favor da poboación inmigrante, e pretende converterse, polo tanto, nun instrumento único que dea cabida a todas as iniciativas que, neste ámbito competencial, son desenvolvidas por entidades desta natureza, facilitándose así unha máis efectiva coordinación entre os dispositivos existentes.

Non obstante, esta nova formulación lévanos a unificar programas e actividades que, aínda que son da mesma natureza en canto aos responsables da súa xestión e obxectivo final que perseguen, deben recoller os matices necesarios para que as subvencións obxecto desta orde se axusten á finalidade que perseguen.

Por un lado, esta orde regula aqueles tipos de axudas dirixidas a cobertura das necesidades básicas como o aloxamento e manutención, entre outras, e que constitúen, en moitos casos, o primeiro nivel de atención que brinda ás persoas usuarias beneficiadas o acceso ao resto dos recursos dispoñibles. Neste caso, a axuda que se vaia conceder debe referenciarse a un importe previamente calculado en función das singularidades de cada servizo e que dea carácter de homoxeneidade as prestacións da mesma índole, non tendo cabida a comparación entre solicitudes de idéntica ou similar condición e a súa posterior prelación. Baixo esta consideración o procedemento de concorrencia competitiva non se axusta á finalidade pública pretendida, polo que se deberá invocar o artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e se procederá ao rateo do importe global máximo entre as entidades beneficiarias da subvención.

Pola contra, o procedemento de concorrencia competitiva móstrase como unha ferramenta óptima na selección dos diferentes tipos de programas que se van desenvolver, ofrecendo, deste xeito, ás persoas usuarias beneficiadas mellores oportunidades para minimizar as súas necesidades e carencias e, se é o caso, facilitarlles o seu proceso de inclusión social.

Por todo o anterior, esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo á solicitude, tramitación e concesión das subvencións atendendo, en todo caso, aos principios básicos de publicidade, obxectividade e concorrencia, todo isto sen menoscabo das peculiaridades expresadas nos parágrafos precedentes.

Na súa virtude e, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións laborais, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1.1. Esta orde ten por obxecto o establecemento de subvencións ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, levan a cabo programas e prestan servizos sociais na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, inclusión social e, especificamente, en favor da inclusión social da poboación inmigrante.

Estas actuacións comprenden a atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e o desenvolvemento de programas de servizos sociais comunitarios, de inclusión social e en favor da poboación inmigrante.

1.2. Non obstante, e en relación aos programas de servizos sociais comunitarios, de inclusión social e en favor da poboación inmigrante, non serán considerados como obxecto das axudas reguladas na presente orde as actividades e proxectos que teñan principalmente os seguintes contidos:

a) Promoción da saúde pública, asesoramento sobre enfermidades crónicas, divulgación das características e efectos dunha determinada enfermidade ou outras problemáticas de índole sanitaria, salvo aquelas que consistan na prevención das discapacidades, principalmente as dirixidas ás persoas celíacas e fenilcetonúricas, que deberán, en todo caso, establecer criterios de progresividade social na súa actuación coas persoas e familias beneficiarias.

b) Realización de actividades lúdicas, culturais, de lecer ou recreo.

Ademais, non serán prioritarias, para os efectos previstos nesta orde aquelas actividades ou proxectos susceptibles de acceder a outras liñas de colaboración financeira específicas promovidas por outros centros directivos da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Requisitos das entidades e organizacións solicitantes e incompatibilidade das axudas

2.1. Requisitos xerais para todos os solicitantes. Poderán ser solicitantes das subvencións reguladas na presente orde as entidades de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro.

b) Carecer de ánimo de lucro. Non obstará para a consideración de carencia de ánimo de lucro o feito de que as ditas entidades perciban contraprestación das persoas usuarias, sempre e cando da análise das súas contas anuais se deduza a non obtención de beneficio.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse nalgunha das situacións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) No suposto de entidades que no exercicio anterior recibisen subvención para mantemento de centros ou promoción de actividades ou asinasen convenios de colaboración coa Xunta de Galicia que tivesen un obxecto semellante ao recollido nesta orde, será requisito previo para a concesión da subvención a presentación do balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural, e, no caso das subvencións para promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e de inclusión social, a correspondente memoria.

f) As entidades que accedan á presente convocatoria deberán dedicarse con carácter preferente, en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións recollidas no artigo 1.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse en data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

2.2. Requisitos específicos para solicitantes das axudas para atención de persoas en centros: ademais do anterior, será requisito previo ao outorgamento das subvencións a entidades para o funcionamento dos centros en que se presten servizos sociais comunitarios a obtención da autorización para o inicio de actividades, prevista no Decreto 254/2011, do 23 de decembro (DOG nº 14, do 20 de xaneiro de 2012), polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.

Para solicitar a subvención bastará coa presentación, antes do remate do prazo de presentación das instancias desta orde, da copia da solicitude do permiso de inicio de actividades en que conste o rexistro de entrada e coa que se acredite que se iniciou o procedemento. A solicitude do permiso de inicio de actividades presentarase en modelo normalizado, irá acompañada da documentación prevista no artigo 25 do devandito decreto e irá dirixida á unidade administrativa competente para tramitala.

En todo caso, a comisión de valoración verificará que a entidade solicitante concedeu o mencionado permiso con anterioridade á notificación da resolución da subvención que corresponda.

2.3. Incompatibilidade para solicitantes das axudas para o funcionamento de centros e promoción de actividades: as subvencións para o funcionamento de centros reguladas nesta orde non son compatibles coa reserva de prazas efectuada mediante calquera das modalidades de contratación administrativa entre a entidade solicitante e a Xunta de Galicia nin co mantemento de centros e subvención de actividades a través de convenios de colaboración especificamente asinados para tal efecto.

Artigo 3. Tipos de subvencións

3.1. Os tipos de subvencións que se poderán solicitar son os seguintes:

A. Para funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social.

Inclúense neste tipo o funcionamento daqueles centros que complementen os ámbitos de intervención social do Sistema galego de servizos sociais neste nivel de atención, que se especifican no artigo 3 da Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, e que corresponden ás seguintes tipoloxías:

a) Albergues.

b) Centros de acollida.

c) Comedores sociais.

d) Centros de atención social continuada.

e) Centros de día e inclusión social.

B. De promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter básico, innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios e de inclusión social e en favor da poboación inmigrante.

B.1. De promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter básico, innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios:

Inclúense neste tipo o desenvolvemento de actuacións deseñadas para complementar, ampliar ou innovar proxectos básicos de actuación dos servizos sociais comunitarios referidos no artigo 9 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento (DOG nº 63, do 30 de marzo), como o de axuda no fogar; de inserción social; de fomento da cooperación social; de convivencia alternativa, programas orientados a colectivos con problemáticas identificadas e singulares, na procura da súa normalización e reincorporación social para favorecer o mantemento dos seus vínculos familiares e a súa autonomía e calidade de vida ou calquera outro que dea cumprimento ao obxecto deste nivel de atención, segundo se recolle nos artigos 9 a 13 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e no Decreto 99/2012, do 16 de marzo (DOG nº 63, do 30 de marzo).

Terán a consideración de subvencións de promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter básico, innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios os programas integrais de base comunitaria en zonas rurais que favorezan a inclusión social e laboral de persoas novas, mulleres e colectivos con dificultades de inserción, así como programas integrais de base comunitaria en barrios urbanos que desenvolvan accións preventivas, de intervención, seguimento e titorización para persoas en situación ou risco de exclusión social, sempre que non poidan ser incluídos nalgunha das alíneas establecidas no punto B.2.

Os contidos das actividades elixibles para seren subvencionadas con cargo a esta orde axustaranse ao tipificado nos artigos 9 a 13 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG nº 245, do 18 de decembro), e no Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento (DOG nº 63, do 30 de marzo).

B.2. Promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de inclusión social:

Inclúense neste tipo, actuacións que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social seguintes:

a) Actuacións deseñadas para permitir a adquisición e desenvolvemento das habilidades sociais e hábitos prelaborais para dinamizar as capacidades e recursos persoais e sociais realizadas a través de itinerarios personalizados de inserción sociolaboral. Estes itinerarios incluirán as accións necesarias para o deseño, acompañamento e a mellora de aptitudes básicas, desenvolvemento persoal, técnicas de busca de emprego etc. Así mesmo, consideraranse neste punto aqueles programas que inclúan unicamente como acción formativa a preparación para a adquisición do permiso de condución, o cal non se considerará subvencionable se esa actividade non forma parte dun itinerario de inserción social.

b) Actuacións deseñadas para adquirir formación básica e de tipo laboral específica e adaptada ás necesidades dos colectivos en situación de exclusión social, que permitan mellorar a súa cualificación socioprofesional.

c) Actuacións deseñadas para realizar acompañamento social, que consistirán na posta á disposición dos usuarios, de servizos de apoio persoal e/ou familiar que faciliten o adecuado desenvolvemento de itinerarios de inserción sociolaboral.

Serán persoas beneficiadas dos programas ou actuacións subvencionadas neste punto os perceptores da renda de integración social de Galicia, persoas en situación ou risco de exclusión derivadas da rede de equipos de inclusión sociolaboral, e en xeral persoas afectadas por factores de exclusión identificadas no II Plan galego de inclusión social (pódese consultar na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar). Na memoria do programa ou actuación (anexo V) deberán quedar reflectidos os criterios de selección dos/as destinatarios/as e o seu perfil.

Estas actuacións, de acordo cos obxectivos establecidos pola Consellería de Traballo e Benestar no ámbito da inclusión social, e tendo en conta as directrices marcadas pola Unión Europea no marco de apoio ás políticas destinadas a mellora do emprego e da promoción da inclusión social, estarán subvencionadas no marco do programa operativo FSE Galicia 2007/2013, no eixe 2, tema prioritario 71 e cun cofinanciamento do FSE ao 80  %.

B.3. Promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto en favor da poboación inmigrante.

Inclúense neste punto o desenvolvemento de programas de inclusión social que contribúan de forma maioritaria a incrementar a participación das persoas inmigrantes no mundo laboral.

Os ditos programas promoverán a inclusión social e a integración no mercado de traballo a través do desenvolvemento de algunha ou algunhas das actuacións que se sinalan no punto B.2 anterior, adaptadas ás necesidades das persoas inmigrantes; poderán incluír actuacións de formación lingüística, de introdución ao coñecemento das características, funcionamento, costumes e valores da sociedade de acollida, de asesoramento xurídico en materia de estranxeiría e calquera outra actuación que resulte necesaria para a atención das súas necesidades específicas.

Os participantes nas actuacións están obrigados a acreditar documentalmente a súa condición de inmigrantes e autorizar por escrito á Dirección Xeral de Familia e Inclusión para consultar os seus datos de vida laboral, coa finalidade de comprobar o grao de inserción no mercado laboral acadado polas accións formativas.

No desenvolvemento das actuacións promoverase a igualdade entre homes e mulleres, fomentando a eliminación de calquera forma de discriminación.

Estas accións son elixibles no marco do programa operativo FSE Galicia 2007/2013, no eixe 2, tema prioritario 70 e cun cofinanciamento do FSE ao 80 %.

3.2. O número de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter básico, innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios e de inclusión social e en favor da poboación inmigrante para os cales se poderá solicitar subvención será como máximo de catro, e indicarase a orde de prioridade entre eles. Isto non será aplicable a aqueles que teñan inequivocamente un contido formativo concreto e totalmente diferenciado.

Artigo 4. Financiamento

Na concesión das subvenciones reguladas nesta orde destínase os importes sinalados a continuación que figuran na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2013.

11.05.312A.481.3: 2.000.000 €.

Desta contía destinarase un importe de 1.500.000 € para subvencionar o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social (artigo 3.1.A), para os efectos da súa consideración como importe global máximo sometido a rateo.

Coa finalidade de subvencionar a promoción de actuacións singularizadas establecidas no artigo 3.1.B da presente orde destinaranse as seguintes partidas orzamentarias que veranse incrementadas co crédito restante da operación mencionada no parágrafo anterior.

11.05.313C.481.6: 582.755,77 €, cofinanciada nunha porcentaxe dun 80 % polo FSE.

11.05.312C.481.0: 298.335 €, cofinanciada nunha porcentaxe dun 80 % polo FSE.

A contía citada no presente artigo poderá incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e sempre que o incremento derive dos supostos contidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables en relación co artigo 3 desta orde os que de seguido se relacionan e axustaranse ao establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, de desenvolvemento da anterior, e, se é o caso, o establecido na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, de gastos subvencionables polo FSE e á orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica.

En todo caso, os gastos subvencionables deberán axustarse ao seguinte:

Gastos de mantemento:

a) Gastos do persoal necesarios para a execución das accións.

– Serán subvencionables as retribucións totais correspondentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, segundo a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais nos seus respectivos convenios colectivos.

– As retribucións de persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos, modalidade que terá sempre carácter excepcional, nos casos en que polas especiais características da actividade non resulte posible a realización polo propio persoal da entidade beneficiaria. Estas retribucións quedarán afectadas polas limitacións sinaladas no parágrafo anterior.

– As axudas de custo e gastos de viaxe tamén se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos, sempre que non superen no seu conxunto o 4 % do importe total do programa subvencionado.

b) Gastos correntes consumibles non amortizables necesarios para a realización da actividade.

c) Os gastos xerais serán subvencionados sempre e cando a condición de que correspondan a custos reais de execución da actividade financiada por esta orde e se asignen de forma rateada á operación, de acordo cun método equitativo debidamente xustificado.

d) O alugamento debidamente xustificado. No caso de que este equipamento sexa destinado tamén a outras actividades, procederase como no parágrafo anterior, asignando unha pro rata de acordo cun método equitativo debidamente xustificado.

e) Os gastos dos/as usuarios/as participantes nas accións incluirán: axudas de custo de desprazamento, remuneracións ou asignacións de participantes. Estas axudas de custo de desprazamento ou as remuneracións ou asignacións a participantes non poderán ser percibidas por persoas titulares dunha renda de integración social de Galicia (Risga) que inclúa ese complemento, excluíndose da dita consideración os beneficiarios indirectos da dita prestación. Estas bolsas terán unha contía máxima subvencionable de 7 euros día/lectivo. Así mesmo, consideraranse subvencionables os gastos derivados dos seguros de accidentes dos/as alumnos/as, así como aqueles outros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actividade subvencionada.

f) Renting ou gastos de amortización derivados da adquisición de mobiliario, equipamento, vehículos, infraestruturas, bens inmobles e terreos, asignados exclusivamente durante a execución da operación, e, no caso da amortización, sempre que as axudas públicas non contribuísen á súa adquisición. A amortización calcularase de conformidade coas normas de contabilidade xeralmente aceptadas e o custo referirase exclusivamente ao período subvencionable.

g) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionable e os de administración específicos, só serán subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta. No caso de que estes gastos comprendan tamén custos relacionados con actividades distintas das subvencionadas, deberá reflectirse na xustificación, só a parte que proporcionalmente corresponda.

2. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade das actividades serán resoltas pola Consellería de Traballo e Benestar por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

3. Con respecto ás axudas reguladas nas alíneas A e B do artigo 3.1 da presente orde, está permitida a subcontratación, entendendo por esta a concertación con terceiros da execución parcial da actuación/funcionamento que constitúe o obxecto da subvención. O beneficiario poderá subcontratar ata un límite máximo do 80 % do importe da actuación subvencionada e deberá xustificar adecuadamente a súa necesidade. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actuación subvencionada.

Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia, estando os subcontratistas obrigados a facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás actuacións subcontratadas. En especial, e segundo o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), cando o importe do gasto que se vai subcontratar supere a contía de 18.000 € no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contración do compromiso para prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 6. Solicitudes e documentación requirida

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A solicitude (anexo I) deberá ir acompañada, ademais, pola documentación que de seguido se indica:

3.1. Documentación común a todo tipo de subvencións:

a) Memoria da entidade que se axustará ao modelo do anexo II, contendo os datos básicos de identificación e unha presentación da entidade que recolla, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

b) Acreditación da representación do solicitante para actuar en nome da entidade. En canto á acreditación da personalidade deberá presentarse fotocopia do documento nacional de identidade ou documento equivalente no caso de que o interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Declaración responsable doutros ingresos e das axudas ou subvencións solicitadas, aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou de entes públicos ou privados nacionais ou estranxeiros, de non atoparse incursa nalgunha das situacións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, así como de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como de non ter reserva de prazas contratadas coa Xunta de Galicia nin convenio de colaboración asinado para o mantemento de centros (anexo III).

e) As entidades que solicitasen subvención no exercicio anterior quedarán exentas de presentar a documentación prevista nas alíneas b) e c), sempre que non se producisen modificacións no seu contido, circunstancia que será acreditada mediante certificación simple expedida polo representante da entidade, onde se indicará a referencia administrativa do expediente onde consta a dita documentación.

3.2. Documentación específica para as subvencións de funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social (subvencións do tipo A das relacionadas no artigo 3.1 desta orde).

Unha ficha de identificación do centro (anexo IV) para o que se solicita a subvención, que deberá informar dos seguintes aspectos:

– Identificación do centro e do seu responsable.

– Ficha de financiamento público do centro.

– Capacidade e réxime económico aplicado ás persoas usuarias.

– Cadro de persoal profesional e voluntario.

– Servizos prestados e actividades ofertadas con carácter regular.

– Descrición das características técnicas do centro.

– Relación ou número previsto de persoas usuarias que se pretenden atender.

– Orzamento de funcionamento do servizo, referido ao período que vai do 1 de xaneiro ao 30 de novembro de 2013.

Esta información mínima requirida no anexo IV poderá ser ampliada, a discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria.

3.3. Documentos específicos para as subvencións de promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter básico, innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios e de inclusión social e en favor da poboación inmigrante (subvencións do tipo B1,B2 e B3 das relacionadas no artigo 3.1 desta orde).

Unha ficha (anexo V) de descrición por cada actuación, con custo diferenciado para o que se solicita subvención. Esta ficha, coa información mínima requirida, deberá expresar o seguinte:

– Identificación da entidade.

– Denominación da actuación. No caso de solicitarse varias actuacións, estas deberán poder considerarse de xeito separado, tanto no referente ao contido, como no referente ao orzamento previsto.

– Obxectivos e descrición xeral da actuación.

– Cooperación con outras entidades, se procede.

– Xustificación da necesidade, descrición e resumo do contido da actuación, o cal deberá estar adaptado aos destinatarios do programa. Así mesmo, describiranse tanto as instalacións como o equipamento que se vai utilizar para garantir o axeitado desenvolvemento da actuación. No caso de accións formativas que comporten un compromiso de contratación ou de formación laboral a que se refire o artigo 8.2 da presente orde, achegarase documento acreditativo asinado pola empresa.

– Fases da actuación e período de execución: a descrición conterá a temporalidade na execución e desenvolvemento da actuación, con descrición, se é o caso, das horas de execución efectiva, os días, semanas ou meses de realización. Nas actuacións de tipo formativos, distinguirase o número de horas teóricas e/ou prácticas e as unidades didácticas ou módulos en que se divide a acción formativa, con expresión da súa duración, así como aquelas outras actuacións necesarias para a preparación e avaliación da actuación formativa.

– Perfil e criterios de selección dos/as destinatarios/as e número de usuarios/as previstos da actuación e para cada unha das fases da actuación. Concretarase, de ser o caso, unha relación nominal das problemáticas dos/as usuarios/as que se van atender.

– Metodoloxía e medios que se van utilizar para o desenvolvemento da actuación, incluíndo os recursos humanos que se precisarían.

– Sistemas de avaliación e seguimento da actuación. Será necesario que, como mínimo, a realización dun control de asistencia dos participantes nas actuacións realizadas, asinado polos participantes e persoal técnico, docente/monitor.

– Orzamento desagregado por partidas dos gastos previstos, así como dos posibles recursos con que se conte para o seu financiamento, que deberá comprender todos os gastos necesarios para o desenvolvemento e viabilidade da actuación. No caso de solicitarse varias actuacións, cubrirase un anexo por cada unha delas.

A información mínima requirida no presente anexo poderá ser ampliada, á discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que ten que presentar por parte da persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido na documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. Autorizarase a través do modelo de solicitude a realización das comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos de identidade da persoa solicitante. No caso de que esta non o autorice, estará obrigada a presentar copia do documento nacional de identidade.

6. As solicitudes das persoas interesadas irán acompañadas dos documentos e das informacións determinados no punto 3 deste artigo, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido da letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nas que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de 5 anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

7. De conformidade co artigo 13.4º da Lei de 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e no previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006, e no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar comunicará ao Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia, a relación das entidades beneficiarias, o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. Así mesmo, e en aplicación dos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006, a dita relación será comunicada á autoridade de xestión do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, con expresión da operación financiada e os fondos públicos asignados para os efectos de ser publicada.

Artigo 7. Tramitación dos expedientes

7.1. Emenda da solicitude. A Subdirección de Inclusión, Inmigración e Acción Social comprobará que as solicitudes cumpren co establecido na presente orde e, se é o caso, requirirán os interesados para que no prazo de dez días hábiles emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixesen, se lles terá por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Segundo os artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, a realización dos requirimentos que procedan poderase efectuar por medio de publicación no portal de Benestar da Consellería de Traballo e Benestar no enderezo http://benestar.xunta.es ou no Diario Oficial de Galicia.

O requirimento terá eficacia desde a publicación, e, sen prexuízo do anterior, a Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social poderá comunicar os requirimentos ao enderezo de correo electrónico, sempre que se indique na solicitude, e entenderase cumprido este trámite coa realización da comunicación nun só intento. Así mesmo, débese significar que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Poderáselles requirir ás entidades solicitantes que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a tramitación e resolución do procedemento.

Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

7.2. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de valoración, de acordo co disposto no punto seguinte, que terá a función de propoñer a aprobación ou denegación das subvencións, seguindo os criterios obxectivos recollidos para cada tipo de subvención. A comisión de valoración poderá solicitar informe á unidade administrativa con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais acerca do grao de cumprimento da normativa en materia de inscrición de entidades e autorización dos centros e/ou programas de servizos sociais.

7.3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

– Presidente/a: o/a subdirector/a xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social.

– Vogais: o/a xefe/a de Servizo de Inclusión e Acción Social, o/a xefe/a do Servizo de Prestacións, e un funcionario adscrito á Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social Social. Ademais actuando como secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a por proposta do/a presidente/a. En caso de ausencia dalgún/dalgunha membro da comisión de valoración poderá ser substituído pola persoa designada polo/a presidente/a.

7 4. Para o exercicio das súas funcións, a comisión de valoración poderá solicitar informes dos servizos técnicos pertinentes, tanto a nivel central como territorial, que non terán carácter preceptivo nin vinculante.

Artigo 8. Determinación do importe das axudas

8.1. Subvención para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social.

A determinación do importe das axudas para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social atenderán, en virtude do establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a un sistema de rateo entre as solicitudes.

O crédito destinado a esta tipoloxía de axudas do artigo 3.1.A), 1.500.000 €, distribuirase por rateo entre todas as solicitudes que cumpran os requisitos, tomando como referencia o número de persoas que cada un prevé atender, coa limitación do número de prazas para as que estea autorizado o centro, e cun importe unitario máximo de axuda por persoa atendida en función da tipoloxía de centro, do xeito seguinte:

8.1.1. Centros de acollida e inclusión: módulo de 40 € por cada persoa con atención especializada por día e módulo de 6 € por cada persoa con atención básica por día; establécese un límite máximo de 175.000 euros por centro.

8.1.2. Centros de día de inclusión social: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda por día; establécese un límite máximo de 40.000 euros por centro.

8.1.3. Albergues: módulo de 5 € por por cada persoa que se atenda por día; establécese un límite máximo de 40.000 euros por centro.

8.1.4. Comedores sociais: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda por día; establécese un límite máximo de 100.000 euros por centro.

8.1.5. Centros de atención social continuada: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda por día; establécese un límite máximo de 40.000 euros por centro.

8.2. De promoción de actividades e proxectos básicos, innovadores e/ou complementarios dos servizos sociais comunitarios, de inclusión social e en favor da poboación inmigrante.

Unha vez rateado o crédito destinado ás axudas da tipoloxía A do artigo 3.1, o crédito restante dispoñible distribuirase entre as solicitudes de tipoloxía B1, B2 e B3 do artigo 3.1 de xeito proporcional ao número de solicitudes de cada tipoloxía, onde a concesión das subvencións atenderá a un réxime de concorrencia competitiva, o cal terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) A necesidade social do programa en relación coa inexistencia de recursos suficientes na zona de desenvolvemento da actividade, os obxectivos que se pretenden acadar, en función do contido técnico do programa, así como o seu carácter innovador e especialmente aqueles relativos á inserción laboral prevista cando se trate de proxectos de formación para a inserción laboral. A dita inserción será especialmente valorada se está documentada mediante o compromiso por parte dunha empresa, ou ben de contrato de traballo ou ben de realización de prácticas como parte da formación laboral, o cal deberá estar asinado polas partes implicadas. De non existir o dito documento este aspecto non será apreciado. Producirá os mesmos efectos a acreditación documental de que a entidade solicitante é promotora ou traballa en coordinación cunha empresa de inserción laboral (EIL) debidamente inscrita no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia. Ata un máximo de 30 puntos.

b) Dimensión e eficacia social da entidade: o número e perfil das persoas usuarias previstas deberá coincidir co número de destinatarios previstos segundo o artigo 6, punto 3.3, da presente orde, tanto no que se refire ás súas condicións obxectivas de vulnerabilidade, como especialmente ao feito de seren beneficiarios da renda de integración social de Galicia, seren derivadas dos servizos sociais comunitarios básicos ou dos equipos de inclusión sociolaboral do II Plan galego de inclusión social. Non se computarán aquelas persoas usuarias que participen en xornadas, cursos, seminarios ou outras actividades análogas non periódicas. Ata un máximo de 15 puntos.

c) Experiencia na realización de programas de inserción sociolaboral para persoas en situación ou risco de exclusión social, reflectida na memoria da entidade. Ata un máximo de 10 puntos.

d) Actuacións integrais de carácter transversal en dous ou máis ámbitos da inclusión social (educación e formación, inserción laboral, acción social, vivenda, sanidade) e/ou a complementariedade do programa no territorio. Ata un máximo de 15 puntos.

e) O cofinanciamento por parte da entidade solicitante no orzamento total da actuación ou que reciban financiamento doutras administracións públicas ou privadas. Ata un máximo de 5 puntos.

f) A coordinación e cooperación cos servizos sociais, equipos de inclusión sociolaboral do II Plan galego de inclusión social e outras entidades ou axentes sociais participantes. Esta coordinación será especialmente valorada se se estima que complementa as actuacións desenvolvidas por estes equipos no marco do territorio por eles atendido. Ata un máximo de 20 puntos.

g) Integración operativa na actuación de accións positivas a prol da igualdade de xénero. Ata un máximo de 5 puntos.

A puntuación máxima será de 100 puntos.

Criterios de repartición económica do crédito:

Unha vez valoradas as solicitudes conforme os criterios establecidos neste punto, obterase unha relación ordenada delas, a cal se empregará como listaxe para a asignación do crédito dispoñible na convocatoria, o cal se distribuirá segundo o establecido nos parágrafos seguintes:

a) Módulo de accións formativa laboral teórica: 40 €/hora, agás en accións formativas que precisen para o seu desenvolvemento dun equipamento especial, caso no que acadará un importe de 60 €/hora de formación. Para a apreciación deste dato será competente a comisión de valoración de solicitudes prevista no artigo 7, a cal recoñecerá esta circunstancia unicamente en caso de imprescindible utilización dos ditos equipamentos no desenvolvemento do curso e racionalidade do gasto proposto. Ambos os dous datos deberán constar claramente na solicitude de subvención formulada pola entidade. Incluiranse nas accións formativas laborais as que teñan a finalidade de adquirir as competencias clave.

b) Módulo formación práctica laboral: 1,5 € por hora e participante, tanto se esta se dispensa nunha aula como en dependencias dunha empresa.

c) Módulo de itinerario de inclusión sociolaboral con acompañamento:1.250 €/persoa. Esta contía incrementarase en 20 € ou 46 € por hora de formación, cando o dito itinerario conteña formación dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C, respectivamente Estes itinerarios incluirán as accións para adquisición e desenvolvemento das habilidades sociais e hábitos prelaborais para dinamizar as capacidades e recursos persoais e sociais. Se as persoas son persoas sen fogar e se atopan en situación de exclusión severa, definida conforme o Plan de inclusión e valorada polos servizos sociais, este módulo será de 2.000 €/persoa.

d) Módulo de accións informativas: 5 € por persoa/ano en cada actuación.

e) Módulo de asistencia para cubrir necesidades básicas: 10 € por persoa/ano en cada actuación.

f) Módulo de medidas de acompañamento dirixidas á atención de persoas dependentes da persoa beneficiaria dunha acción de formación ou dun itinerario de inclusión sociolaboral: 15,50 €/hora e persoa usuaria.

O importe final das axudas será o resultado de multiplicar o módulo correspondente segundo o descrito anteriormente polo número de unidades que se prevén realizar deste, establecendo unha contía máxima de axuda por actuación de 30.000,00 €.

Os módulos descritos no presente artigo nas alíneas a) e b) incrementaranse nun importe de 7 € por día lectivo e participante, en concepto de axudas de custo de desprazamento, remuneracións ou asignacións de participantes, sempre e cando o importe máximo da axuda, incluído o dito concepto, non supere os 30.000 €. Este módulo non será de aplicación se os participantes son persoas titulares dunha prestación Risga que inclúa ese complemento, a teor do establecido no artigo 5.1.e) da presente orde.

De non esgotarse todo o crédito destinado a unha tipoloxía de subvención, poderá ser utilizado no resto das tipoloxías de axuda, sempre que se respecten os principios de elixibilidade que establezan os fondos financiadores das ditas axudas.

Artigo 9. Resolución

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola directora xeral de Familia e Inclusión, actuando por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, unha vez que a comisión de valoración emita informe sobre a proposta e que esta sexa fiscalizada pola intervención delegada. Nunha mesma entidade poderá recaer a resolución favorable de máis dunha actuación.

2. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaranse aos interesados no prazo máximo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde. Se vence o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados entenderán desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

3. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse, sé é o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución expresa ou de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que coiden oportuno.

4. En todo caso, unha vez recibida a resolución da concesión da subvención a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a aceptación da subvención, comprometéndose a executar o programa ou actuación subvencionado no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar isto no prazo indicado entenderase tacitamente aceptada.

5. En aplicación do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando a subvención teña por obxecto o financiamento de actividades e o importe da axuda da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar, nun prazo de dez días, a reformulación da solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención concedida e/ou formular as alegacións que se coiden pertinentes. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer o desenvolvemento e viabilidade do programa, polo que se deberán manter aqueles gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

6. Todos estes aspectos serán apreciados pola comisión de valoración, quen dará a súa conformidade e remitirá o actuado á directora xeral de Familia e Inclusión, quen ditará resolución, a cal terá carácter definitivo.

Artigo 10. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. Non obstante o anterior, como regra xeral, permítese a acumulación de axudas, sempre que o importe total destas non supere o custo total do actuación. Este dato farase constar na resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido no artigo anterior e con carácter excepcional poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido, cando non sexa posible efectualas dentro del, por existir fondos procedentes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou doutro tipo de remanentes. Neste caso, salvo que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas ás consideradas para a resolución inicial.

4. Serán de aplicación aos beneficiarios das subvencións recollidas na presente orde, o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Obrigas das entidades subvencionadas

As entidades que sexan subvencionadas deberán:

a) Acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente. Así mesmo, e no caso de que a axuda concedida sexa financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), deberá manter de forma separada na contabilidade os gastos financiados e conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos contados desde o peche do programa operativo FSE Galicia 2007/2013. Esta circunstancia será oportunamente comunicada na resolución de concesión.

b) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións concedidos, a condición de subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar e o Fondo Social Europeo 2007/2013, conforme a normativa comunitaria, se é o caso.

c) Informar, se é o caso, os alumnos que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar) e polo FSE, así como dos obxectivos dos ditos fondos.

d) O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo total da actuación subvencionada. Para estes efectos, comunicará a obtención de axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración pública, de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades tanto públicos como privados, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recolla e proceso de datos de seguimento e acreditación da realización da actividade de persoas beneficiadas ás fórmulas que, se é o caso, propoña a Consellería de Traballo e Benestar e, se así é requirido, incorporaranse como usuarios da aplicación informática deseñada e implantada para o II Plan galego de inclusión social. Para estes efectos, a Consellería de Traballo e Benestar asignaralle á entidade beneficiaria un equipo de inclusión sociolaboral de referencia pertencente ao II Plan galego de inclusión social.

f) Axustarse na execución das accións aos obxectivos que, se é o caso, estableza a Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión. En particular, e coa periodicidade con que sexa requirido, deberá comunicar á Dirección Xeral de Familia e Inclusión o cumprimento polos usuarios beneficiados das accións subvencionadas, comunicación en que se farán constar, como mínimo, os seus datos de identificación e o seu grao de cumprimento.

g) As entidades estarán obrigadas ao cumprimento da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal e, en concreto, á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e ao Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da dita lei. Así mesmo, os datos de carácter persoal das persoas beneficiadas atendidos incorporaranse ao ficheiro de datos de carácter persoal Xestión de Servizos Sociais, creado pola Orde do 15 de decembro de 2011.

h) No caso de realización de actuacións deberá remitir, como mínimo con catro días de antelación, a data de inicio e remate da actuación, así como o horario, a planificación e o enderezo de realización.

i) Solicitar á Dirección Xeral de Familia e Inclusión a autorización das modificacións que afecten as actuacións subvencionadas, cunha antelación de cinco días.

j) Remitir no prazo de dez días os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar.

k) Facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

l) Contratar un seguro de accidentes nas actuacións formativas e para os alumnos ou participantes que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento das actividades, como os do traxecto ao lugar onde se impartan as prácticas, se é o caso.

m) Adecuarase á metodoloxía de recolla e proceso de datos relativos á execución das accións así como os instrumentos xustificativos do gasto ás fórmulas que, se é o caso, propoña a Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

n) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan esixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

o) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 12. Normas de carácter xeral

a) Tanto nas subvencións de funcionamento de centros como nas de promoción de actuacións, a subvención poderá significar o financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade de financiamento.

b) En calquera caso, a suma dos fondos obtidos de calquera Administración pública e das subvencións concedidas por todo tipo de organismos privados, percibidas coa mesma finalidade, non poderá superar o importe total do gasto efectuado.

c) Os servizos da Consellería de Traballo e Benestar poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades de iniciativa social participantes dos requisitos esixidos pola Lei de servizos sociais de Galicia e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e actuacións das entidades solicitantes recollidos nesta orde.

d) As entidades sen ánimo de lucro con personalidade xurídica independente que desenvolvan actuacións nun mesmo ámbito territorial, provincial ou supraprovincial, estarán facultadas para solicitar subvencións dirixidas á realización conxunta de actividades con idéntica finalidade, o que se fará constar na correspondente solicitude. As instancias cursaranse individualmente e cada entidade solicitará unha parte proporcional da axuda, de xeito que a suma resultante das subvencións solicitadas por todas elas non poderá superar o custo total da actuación. En todo caso, a presentación dunha solicitude conxunta impedirá a presentación de solicitudes individuais para outra finalidade.

Artigo 13. Pagamento e forma de xustificación das subvencións

Respecto á forma de pagamento aplicarase o disposto na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na normativa comunitaria de aplicación.

13.1. A xustificación das subvencións realizarase pola modalidade de módulos, conforme o artigo 44.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de la Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo se establece a continuación:

13.1.a) Subvención para funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social.

O pagamento das subvencións da modalidade de tipo de axuda 3.1.A realizarase en función do número de persoas efectivamente atendidas, multiplicándoo polo importe unitario de axuda por persoa de cada módulo. Para os efectos de comprobación, o centro achegará copia compulsada do libro de rexistro de persoas usuarias ou, se é o caso, conservará unha relación das persoas identificadas ou as fichas empregadas en soporte papel, referido en todos os casos á actividade realizada ao longo de todo o ano en curso.

13.1.b) Subvención de promoción de actuacións de proxectos básicos, innovadores e/ou complementarios dos servizos sociais comunitarios, de inclusión social e en favor da poboación inmigrante.

O pagamento deste tipo de subvencións realizarase en función do número de módulos efectivamente desenvolvidos en cada actuación das tipoloxías de axuda, B1,B2 e B3 do artigo 3.1, multiplicándoo polo importe unitario de cada módulo e tendo en conta o importe máximo de axuda concedida.

13.2. A xustificación das axudas conterá:

A. Unha memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades cuantificadas e realizadas e dos resultados obtidos, asinada polo responsable da entidade (anexo VI).

Deberá comunicarse á Dirección Xeral de Familia e Inclusión a identificación dos participantes que teñan deseñado un proxecto de inserción de carácter formativo asociado á renda de integración de Galicia, e o seu grado de cumprimento.

B. Unha relación memoria económica xustificativa que conterá como mínimo:

A contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e o importe dos módulos aplicables (anexo VIII) así como o detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia (segundo o anexo III). Así mesmo, achegarán o balance de ingresos e gastos, referido ao custo total da actividade, segundo o modelo proporcionado no anexo VII, asinado polo presidente ou responsable da entidade en que se reflicta que o gasto realizado foi igual ou superior ao importe total da subvención. De existiren outras fontes de financiamento, o importe destas detraerase do gasto total da actividade subvencionada, e o resultado da dita operación aritmética deberá coincidir ou superar o importe da axuda que se vai subvencionar.

Para os efectos do cumprimento da acreditación de unidades físicas consideradas como módulo deberá xuntarse documentación xustificativa do número de horas de formación/participación realmente impartidas, con partes de asistencia asinados pola persoa participante e responsable/técnico da realización da actuación e identificación veraz dos participantes, no caso de actividades comprendidas nos puntos B.2 e B.3 do artigo 3.1, ou o número e a identificación das persoas usuarias, no caso de accións informativas, de programas de asistencia social para cubrir necesidades básicas e de programas de acompañamento de persoas dependentes a cargo do beneficiario. No caso de subcontratación, os partes de asistencia arriba mencionados deberán conter ademais a sinatura do seu responsable executor. En todo caso, esta acreditación implicará necesariamente a autorización expresa da persoa usuaria para o tratamento e comunicación dos seus datos de carácter persoal, sendo a entidade a responsable de recadar e custodiar a dita documentación.

13.3. O pagamento das subvencións realizarase segundo se establece a continuación:

13.3.1. Poderán realizarse anticipos de pagamento logo da solicitude deste, xunto coa presentación da certificación do director ou representante da entidade do inicio da actividade, aceptación da subvención e xustificante de ter pagado á compañía aseguradora a póliza do seguro de accidentes a que se refire a letra l) do artigo 11. A estes anticipos aplicarase o disposto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao seu regulamento. Estes anticipos acadarán distintas porcentaxes, dependendo da contía de cada subvención individual concedida: para aquelas axudas que non excedan o importe de 18.000,00 €, o anticipo acadará a porcentaxe do 50 % do importe que se vai subvencionar. Se se supera ese importe, a porcentaxe do anticipo será o resultante de aplicar a 18.000,00 € unha porcentaxe dun 50 % e, ao importe que exceda este, un 10 % adicional.

Para facer efectiva a porcentaxe restante, a entidade, amais da documentación establecida no punto anterior, deberá presentar certificación de finalización da actividade subvencionada, nos casos de accións formativas, ou realización individualizada dos resultados obtidos ata a data da persoa beneficiaria dun módulo de itinerario de inclusión sociolaboral con acompañamento.

13.3.2. As actuacións que se subvencionan deberán efectuarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013 e, consecuentemente, os xustificantes que soporten as ditas actuacións poderán referirse a actividades que corresponda ao dito período. En todo caso, e en aplicación do artigo 45.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a resolución de concesión fixará o prazo de xustificación da subvención, o cal determinará finalmente o período máximo fixado de realización da actividade. O disposto neste parágrafo aplicarase sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regula as operacións de peche do exercicio 2013.

13.3.3. Xunto coa documentación xustificativa da aplicación da subvención concedida á entidade deberá achegar unha declaración responsable asinada polo/a representante da entidade en que se indique que se está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 14. Reintegro das subvencións concedidas

Para os efectos de reintegro das subvencións aplicarase o disposto no título 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento de desenvolvemento.

1. Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificar a realización da actuación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento total ou parcial da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das obrigas sinaladas na presente orde.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase de acordo co procedemento establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, ademais do disposto na normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 15. Control

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Traballo e Benestar e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e aquelas outras que determine a súa condición de subvencionada polo FSE 2007/2013.

2. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, e demais órganos implicados no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

3. Autorizar a verificación dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Para verificar o cumprimento do disposto na presente orde, a Consellería de Traballo e Benestar aplicará un sistema de seguimento e control, que poderá incluír a realización de visitas ás entidades subvencionadas para comprobar o grao de cumprimento do destino para o cal foi concedida a subvención, e emitirá o correspondente informe.

Disposición derradeira primeira

Autorízase expresamente a directora xeral de Familia e Inclusión para actuar por delegación da conselleira de Traballo e Benestar para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Autorízase a directora xeral de Familia e Inclusión para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

Todos os actos de trámite ditados nos expedientes de gasto con cargo a esta orde de convocatoria quedan condicionados a que no momento de ditarse a resolución de concesión subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos os ditos actos.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI
Guión para a elaboración da memoria de actuación das actividades
realizadas e resultados obtidos

1. Datos relativos á actuación.

• Denominación da entidade.

• Denominación da actuación con indicación do marco en que se desenvolve a actuación.

2. Xustificación da actuación.

3. Obxectivos.

• Obxectivo xeral.

• Obxectivos específicos.

4. Metodoloxía e recursos empregados.

• Recursos propios, tanto humanos como materiais empregados.

• Recursos cedidos e cooperación con outras entidades.

5. Actuacións desenvolvidas.

• Fases da actuación.

• Datas de inicio e remate.

• Número de horas para cada fase da actuación.

• Relación de participantes con expresión do DNI ou equivalente.

• Lugar onde se realiza.

6. Datos relativos aos usuarios de cada curso ou actividade.

– Perfil das persoas participantes:

• Clasificación segundo o sexo: (número de homes, número de mulleres).

• Clasificación segundo idade (por sexo).

• Clasificación por nivel de estudos etc. (por sexo).

• Clasificación segundo problemáticas dos participantes (inmigrantes, minorías étnicas, sen teito etc.) por sexo.

• Clasificación por situación laboral por sexo.

– Outros datos de interese (asistencia, número de baixas, motivación, dificultades etc.).

– Coordinación e relación con equipos de inclusión (comarcais e municipais). Derivacións de participantes etc.

– Perfil das persoas con inserción laboral:

• Número total de insercións laborais.

• Clasificación segundo o sexo: (número de homes, número de mulleres).

• Clasificación segundo idade (por sexo).

• Clasificación segundo problemáticas dos participantes por sexo (inmigrantes, minorías étnicas, sen teito etc.).

• Clasificación por nivel de estudos por sexo etc.

• Datos relativos ao tipo de contrato, xornada e sector de actividade por sexo.

7. Avaliación e seguimento.

• Obxectivos acadados.

• Protocolo de seguimento de actuacións e participantes.

• Valoración dos alumnos/participantes/usuarios.

• Resultado de indicadores de avaliación.

• Conclusións.

(Este guión é orientativo, as entidades poderán engadir nas súas memorias os aspectos que consideren significativos para a valoración das actuacións desenvolvidas ).

A entidade deberá presentar unha memoria para cada unha das actuacións subvencionadas.

missing image file
missing image file