Coa finalidade de adxudicar destino provisional para o curso académico 2013/14 ao persoal do corpo de mestres sen destino definitivo, ao persoal do corpo de mestres desprazado por falta de horario e ao que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleiro ou concelleira, por motivos de saúde e por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal opositor do ano 2013 e ao persoal interino ou substituto do corpo de mestres e ao que solicite o reingreso no servizo activo, convócase o presente concurso coas seguintes bases:
Primeira. Obxecto
Convócase concurso, de acordo coas especificacións que se citan na presente orde, para a provisión de necesidades de profesorado para o curso académico 2013/14 nos centros que se relacionan no anexo desta orde, entre o persoal do corpo de mestres que está obrigado a participar, conforme o previsto na base segunda desta orde.
Segunda. Obrigatoriedade de participación
Está obrigado a participar neste concurso:
a) O profesorado desprazado por falta de horario e o profesorado suprimido. Considérase que un profesor ou profesora non ten horario no seu centro cando non dispón de ningunha hora da súa especialidade ou dispón de menos de cinco horas e estas poden ser asumidas por outro profesor do centro.
b) O profesorado que teña concedida unha comisión de servizos por razóns de saúde, pola situación persoal do propio docente.
c) O profesorado que teña concedida unha comisión de servizos por razóns da saúde, pola situación persoal dun familiar.
d) O profesorado que teña que reincorporarse á Comunidade Autónoma procedente do estranxeiro.
e) O profesorado que teña dereito a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleiro ou concelleira.
f) O profesorado que teña concedida unha comisión de servizos por razón de conciliación da vida familiar e laboral.
g) O persoal do corpo de mestres en situación de expectativa de destino que non obtivo o primeiro destino definitivo, que se ordenará por anos de realización do concurso-oposición, e dentro de cada concurso-oposición polo número de orde obtido nel.
h) O profesorado que solicite o reingreso ao servizo activo con efectividade do inicio do curso académico 2013/14.
i) As opositoras e opositores que superen o procedemento selectivo para ingreso no corpo de mestres, convocado pola Orde do 23 de marzo de 2013, pola orde obtida no procedemento selectivo, en virtude das relacións publicadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
j) O profesorado interino e substituto, pola mesma orde en que participou ou pola que tiña dereito a participar na elección de destino no último curso, sempre e cando non renunciasen a unha interinidade ou substitución que lles fose ofertada ou que, aínda tendo renunciado, se acollesen ao previsto no punto décimo cuarto da Resolución do 10 de maio de 2010, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade do texto refundido do vinte de xuño de mil novecentos noventa e cinco polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O persoal docente que solicitara unha comisión de servizos por razón de conciliación familiar e laboral non poderá efectuar unha nova petición de prazas, e utilizarase a súa instancia de comisión de servizos para a adxudicación de praza. O persoal docente que solicitara unha comisión de servizos por razón de saúde e sexa profesor ou profesora en expectativa de destino, interino ou substituto poderá efectuar unha nova solicitude por esa condición. No suposto de non obter destino pola solicitude presentada para a comisión de servizos por razón de saúde será obxecto de tratamento informático nesta resolución a nova instancia, se é o caso, presentada.
Terceira. Desprazados por falta de horario
Estará obrigado a participar neste concurso, nas especialidades para as cales estea habilitado, e as prazas da súa localidade ou zona educativa:
1. O persoal funcionario de carreira do corpo de mestres que, tendo destino definitivo, deba ser desprazado por falta de horario no seu centro de destino, no curso académico 2013/14.
2. Quedará exento de participar obrigatoriamente polo punto 1 desta base o persoal do corpo de mestres que participe polo punto cuarto.
3. Ao persoal funcionario de carreira do corpo de mestres desprazado por falta de horario que non participe neste concurso a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos adxudicaralle de oficio destino provisional para o curso académico 2013/14 nun centro da localidade ou zona educativa en que está destinado definitivamente, preferentemente nas especialidades de que é titular.
4. Poderá participar voluntariamente neste concurso, a prazas da especialidades para a que estea habilitado, e da localidade ou localidades que elixa, o persoal funcionario de carreira do corpo de mestres que, tendo destino definitivo, poida ser desprazado por falta de horario no seu centro de destino, no curso académico 2013/14.
5. A inspección educativa comunicaralles aos centros educativos e ao persoal interesado, incluído o dos centros públicos integrados e institutos de educación secundaria, con anterioridade ao 20 de xuño de 2013, o número de mestras e mestres e de que especialidade non van ter horario no próximo curso académico. Ademais, a Inspección educativa remitirá copia desta información á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
6. Na adxudicación do persoal desprazado por falta de horario terá dereito preferente o persoal desprazado da localidade, desempatando a maior antigüidade no corpo, a maior antigüidade no centro e a maior puntuación no proceso selectivo polo cal acceden ao corpo, sucesivamente. Estes criterios aplicaranse tamén entre estes participantes que non exerzan o dereito preferente. O persoal do corpo de mestres desprazado por falta de horario participará obrigatoriamente no próximo concurso de traslados que se convoque cos dereitos outorgados ao profesorado suprimido, sen prexuízo das prioridades establecidas nos artigos 16 e 17 do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, polo que se regula o concurso de traslados de ámbito estatal entre persoal funcionario dos corpos docentes establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e outros procedementos de provisión de prazas para cubrir por eles.
Cuarta. Prazas que se poden solicitar
O persoal do corpo de mestres poderá solicitar as seguintes prazas, de acordo coas especificacións que se conteñen nesta base:
a) As correspondentes ás especialidades para as que estea habilitado, para os centros e localidades que figuran no anexo desta orde. Os códigos das especialidades son os seguintes:
Código |
Especialidade |
31 |
Educación infantil |
32 |
Filoloxía e lingua estranxeira: inglés |
33 |
Filoloxía e lingua estranxeira: francés |
34 |
Educación física |
35 |
Educación musical |
36 |
Pedagoxía terapéutica |
37 |
Audición e linguaxe |
38 |
Educación primaria |
60 |
Pedagoxía terapéutica, ESO |
61 |
Audición e linguaxe, ESO |
63 |
Prazas de PT e lecer nas escolas fogar ou CEE |
64 |
Prazas de EP e lecer nas escolas fogar ou CEE |
b) Ademais, poderá solicitar as vacantes dos departamentos de orientación (código 39) o persoal do corpo de mestres que estea en posesión da titulación de Psicopedagoxía, ou Pedagoxía, ou en Psicoloxía, ou en Filosofía e Ciencias da Educación (especialidades de Psicoloxía ou Ciencias da Educación) ou en Filosofía e Letras (especialidades de Pedagoxía ou Psicoloxía), conforme prescribe o artigo 4.a) do Decreto 120/1998, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) De acordo co preceptuado na disposición transitoria primeira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o persoal do corpo de mestres que en 24 de maio de 2006 tivese destino definitivo nunha praza do primeiro e segundo cursos da educación secundaria obrigatoria poderá solicitar, ademais, as prazas correspondentes ás especialidades para as cales estea habilitado, para os centros públicos integrados e institutos de educación secundaria que figuran no anexo desta resolución e para as especialidades:
Código |
Especialidade |
21 |
Ciencias sociais-Xeografía e historia |
22 |
Ciencias da natureza |
23 |
Matemáticas |
24 |
Lingua castelá |
25 |
Filoloxía e lingua estranxeira: inglés |
26 |
Filoloxía e lingua estranxeira: francés |
27 |
Educación física |
28 |
Educación musical |
67 |
Lingua galega |
Ademais, o profesorado das especialidades de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe poderán solicitar, en calquera caso, as especialidades 60 ou 61, respectivamente. As especialidades 60 e 61 non se considera que impartan o primeiro e segundo curso da educación secundaria obrigatoria para os efectos correspondentes.
d) As opositoras e opositores que superen o procedemento selectivo convocado pola Orde do 23 de marzo de 2013 unicamente poderán solicitar prazas da especialidade pola cal acceden e dos departamentos de orientación.
e) O persoal do corpo de mestres interino e substituto unicamente poderá solicitar prazas da especialidade correspondente á lista en que figura e de primaria, sempre que accedese á primeira interinidade ou substitución con anterioridade ao 31 de agosto de 2008.
f) O persoal do corpo de mestres interino e substituto que accedese á primeira interinidade ou substitución con posterioridade ao 31 de agosto de 2008 unicamente poderá solicitar prazas da especialidade ou especialidades correspondentes á lista ou listas en que figura, en aplicación do previsto no punto cuarto da Addenda ao acordo do vinte de xuño de mil novecentos noventa e cinco, asinada o vinte e sete de abril de dous mil dez. Efectuarán unha solicitude por cada especialidade, sen prexuízo de que poidan renunciar á solicitude dalgunha especialidade durante o prazo de reclamacións á resolución provisional establecido na base vixésimo segunda da presente orde.
A adxudicación de destino provisional realizarase por orde de código das especialidades. No caso de adxudicarlle praza nunha especialidade retiraráselle a solicitude da outra ou das outras especialidades.
g) Para pedir praza bilingüe exíxese que na base de datos persoais estea acreditado que o profesorado dispón do nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) na lingua correspondente, conforme o establecido no anexo da Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencias en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Quinta. Solicitude de centros e/ou localidades e procedemento de adxudicación
O persoal do corpo de mestres poderá solicitar centros e/ou localidades de calquera provincia, indicando se desexan impartir áreas afíns e/ou itinerancia. Tamén poderán solicitar prazas bilingües para impartir as áreas nunha lingua estranxeira nos centros plurilingües ou nas sección bilingües repetindo o código do centro ou localidade e especificando o idioma en que efectúan a solicitude.
No caso de solicitar centros, e de existir neles máis dunha vacante da mesma especialidade, unha delas cun horario completo e outra para completar con áreas afíns, adxudicarase en primeiro lugar a praza ou prazas que teñan horario completo da especialidade pola cal se participa.
Se se solicitase en primeiro lugar o centro para prazas bilingües adxudicaranse con prioridade estas.
No caso de solicitar localidade entenderase que solicitan todos os centros da localidade incluídos no anexo desta orde, pola orde en que aparecen no referido anexo. No caso de que soliciten localidade con itinerancia e/ou afíns, entenderase que solicitan con prioridade todos os centros desta sen itinerancia, sen afíns e posteriormente con itinerancia e/ou afíns, polo que a orde de adxudicación sería a seguinte:
1. Vacantes de todos os centros desa localidade, coa ordenación do anexo da convocatoria, e dentro de cada un deles, de todas as especialidades posibles, sen afíns e sen itinerancia.
2. Vacantes coas mesmas condicións, con afíns e que non sexan itinerantes.
3. Vacantes coas mesmas condicións sen afíns e que sexan itinerantes.
4. Vacantes coas mesmas condicións con afíns e que sexan itinerantes.
No caso de non consignar coa petición o código da especialidade, a adxudicación farase pola orde que o/a participante manifestou na súa solicitude de participación.
Se se desexa solicitar a localidade con prazas bilingües deberá repetirse o código da localidade especificando o idioma correspondente.
No caso de solicitar provincia enténdese que piden tamén as prazas con itinerancia e afíns nas especialidades en que estean habilitados, agás que expresamente se sinale o contrario na instancia.
Sexta. Orde de adxudicación
1. A orde de adxudicación dos destinos provisionais será por colectivos preferentes, conforme o previsto na base segunda, sen prexuízo dos dereitos preferentes a centro, localidade e zona educativa, regulados na presente orde.
2. Na orde de adxudicación de prazas ao persoal suprimido ou desprazado por falta de horario terá prioridade o persoal que pola súa vez teña concedida unha comisión de servizos por razóns de saúde ou unha comisión de servizos por razón de conciliación da vida familiar e laboral. Ademais, dentro de cada grupo aplicaranse os criterios dos puntos 3 e 4 seguintes.
3. Na adxudicación de prazas ao persoal do corpo de mestres en comisión de servizos por razóns de saúde, os criterios de prioridade veñen determinados pola maior antigüidade no corpo, a maior antigüidade no centro e a maior puntuación no proceso selectivo, sucesivamente.
4. Na adxudicación de prazas ao persoal do corpo de mestres en comisión de servizos por razón de conciliación da vida familiar e laboral a prioridade virá determinada polo número de fillas e fillos menores de 12 anos e, no caso do mesmo número, pola antigüidade como funcionaria ou funcionario de carreira no corpo, e antigüidade no centro e puntuación na oposición, sucesivamente.
Cando ao persoal do corpo de mestres a quen se lle concedeu unha comisión de servizos por razóns de saúde non lle corresponda ningunha das prazas solicitadas participará na adxudicación de destinos pola orde que lle corresponda dentro do seu colectivo.
5. Ao profesorado en expectativa de destino adxudicaráselle destino en calquera das especialidades de que sexa titulares pola orde que se establece na base segunda, letra g) da presente orde.
6. Enténdese que o persoal docente interino ten dereito á adxudicación de praza por concesión de comisión de servizos por razóns de saúde ou concelleiro cando lle corresponda traballar en función do seu número de orde de lista na especialidade correspondente.
Sétima. Dereito preferente a centro
Terán dereito preferente a centro:
a) As mestras e mestres suprimidos e desprazados ás prazas do centro en que tiñan ou teñen destino definitivo.
b) As concelleiras e concelleiros, ao centro en que prestaban servizos no momento en que resultaron elixidas ou elixidos.
Oitava. Dereito preferente a localidade
Terán dereito preferente a localidade:
a) As mestras e mestres desprazadas ou desprazados por falta de horario.
b) O profesorado suprimido, á localidade en que prestaba servizo no momento da supresión.
c) O profesorado procedente do estranxeiro, ás prazas da localidade en que estaba destinado no momento de obter praza no estranxeiro.
d) As concelleiras e concelleiros, á localidade en que prestaban servizos no momento en que resultaron elixidas ou elixidos, sempre que non poidan facer efectivo o dereito preferente a centro.
Novena. Dereito preferente a zona educativa
a) As mestras e mestres desprazadas ou desprazados por falta de horario.
b) O profesorado suprimido, á zona educativa en que prestaba servizos no momento da supresión.
c) O profesorado procedente do estranxeiro, ás prazas da zona educativa en que estaba destinado no momento de obter praza no estranxeiro.
Décima. Adxudicación de vacantes itinerantes
As vacantes itinerantes só se adxudicarán ao persoal elector que solicite explicitamente vacantes deste tipo.
O persoal docente interino que solicita provincia ou provincias enténdese que pide estas vacantes itinerantes, agás que expresamente sinale o contrario na instancia.
Décimo primeira. Adxudicación de vacantes con afíns
As vacantes con afíns adxudicaránselle só ao persoal elector que solicite explicitamente vacantes deste tipo, agás nas quendas de oficio en que poden ser adxudicadas a calquera elector aínda sen colocar.
Décimo segunda. Adxudicación de destino de oficio
Adxudicarase destino de oficio a todo o persoal participante que non acade destino de entre os solicitados, agás ós solicitantes que deixen resulta, e a todos aqueles que tendo a obriga de participar neste concurso non o fixesen. Non se adxudicará destino de oficio ao persoal do corpo de mestres interino ou substituto.
No caso do persoal do corpo de mestres suprimido e desprazado por falta de horario que exerza o dereito preferente e non obteña destino, por non existir vacante, adxudicaráselle un posto como substituto de zona, co fin de que non sexa desprazado da zona educativa en que se encontra o centro do seu destino definitivo de referencia, de acordo co establecido no Decreto 140/2006, do 31 de agosto.
Ao profesorado en expectativa de destino adxudicaráselle destino de oficio en calquera das especialidades de que sexa titular. Ao persoal opositor de 2013 adxudicaráselle destino de oficio na súa especialidade, pola orde en que figura o profesorado dentro do seu colectivo. A adxudicación realizarase á primeira vacante libre, pola orde en que os centros figuran no anexo desta orde, tendo en conta a priorización, se é o caso, de provincias feita polo participante.
Cando non exista vacante da súa especialidade, ao profesorado en expectativa de destino e ao persoal opositor do 2013 adxudicaráselle destino de oficio noutra especialidade de que non é titular, agás en idioma estranxeiro inglés, a non ser que o solicite o participante, e orientación. A adxudicación realizarase unha vez adxudicado o profesorado en expectativa e opositores de 2013 das especialidades correspondentes, pola orde da lista única e dando prioridade ás peticións de centros, feitas polo participante, sobre a de especialidade.
Así mesmo, as vacantes itinerantes e de ocio non se lles adxudicarán de oficio a ningún participante.
Décimo terceira. Forma de efectuar a solicitude e presentación desta
1. A solicitude de destinos farase a través da internet, empregando o portal educativo no enderezo: www.edu.xunta.es/cadp. Lémbrase que para acceder a este servizo web é preciso ter conta de correo electrónico no dominio edu.xunta.es, polo que se lle urxe a quen non a teña que proceda a solicitala polos medios actuais (solicitude a través do secretario do centro actual á UAC no 902 90 54 45). Deberá terse en conta que unha solicitude anula ou modifica a anterior na aplicación informática, polo que sempre será obxecto de tratamento informático a última solicitude realizada na web dentro de prazo.
2. O profesorado que solicite prazas do departamento de orientación e posúa algunha das titulacións sinaladas na base cuarta desta convocatoria deberá remitir unha fotocopia compulsada da referida titulación, sempre que non a presentase o curso pasado ou no procedemento selectivo do ano 2013.
3. A solicitude servirá para vindeiras convocatorias conservando as peticións sen que teña que facer nova solicitude, no caso de que lle interese.
4. O persoal do corpo de mestres interino e substituto que supere os procedementos selectivos convocados noutra comunidade autónoma comunicará a dita circunstancia á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para os efectos da súa exclusión na adxudicación de destinos provisionais con anterioridade ao 26 de xullo de 2013.
Décimo cuarta. Solicitudes en que se exerce o dereito preferente a centro
O persoal afectado que desexe exercer o dereito preferente a centro está obrigado a facer constar nas peticións, en primeiro lugar, o centro de dereito preferente.
Na adxudicación de destino ao persoal que exerce o dereito preferente a centro darase prioridade ao centro sobre a especialidade. Iso implica que se adxudicará con preferencia o centro ao que se exerce o dereito preferente en praza de especialidade da cal non é titular fronte a outra praza da cal si é titular doutro centro da mesma ou distinta localidade, agás a lingua estranxeira inglés.
Décimo quinta. Solicitudes en que se exerce o dereito preferente a localidade e zona
O persoal afectado que desexe exercer este dereito preferente está obrigado a facer constar nas peticións, inmediatamente despois do centro de dereito preferente, no caso de que se exercese este dereito, a localidade e a zona do seu ámbito de dereito preferente, colocando tamén en primeiro lugar as peticións para as cales está habilitado, e por último as restantes, tendo en conta que se poderán adxudicar de oficio prazas de todas as especialidades, agás lingua estranxeira inglés. Despois de solicitar as prazas de dereito preferente poderán pedirse outras prazas de localidades ou zona distintas.
Décimo sexta. Prazo de formalización da instancia na web
1. Para o profesorado suprimido, desprazado por falta de horario, concelleiros, procedentes do estranxeiro, peticionarios de reingreso e en expectativa de destino, interinos e substitutos, o prazo será de vinte días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.
2. Para o persoal opositor que supere o procedemento selectivo convocado pola Orde do 23 de marzo de 2013, o prazo será de tres días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da lista de aprobados polos tribunais.
Décimo sétima. Profesorado que non ten que formalizar nova instancia na web
1. Non terán que cubrir solicitude, agás que queiran efectuar unha nova solicitude ou modificar a realizada para a convocatoria do curso académico anterior:
a) O profesorado que estaba desprazado por falta de horario no curso 2012/13 e continúe como desprazado no curso académico 2013/14.
b) O profesorado que estaba suprimido.
c) O profesorado en expectativa de destino.
d) O profesorado interino e substituto que participou no proceso de adxudicación de destinos do curso 2012/13, na especialidade ou especialidades polas cales xa participou.
2. Non poderá participar neste concurso o profesorado que teña concedida unha comisión de servizos, agás nos supostos recollidos na base segunda da presente convocatoria.
Décimo oitava. Petición de prestar servizos nunha ou varias provincias
O profesorado interino e substituto que non obteña praza nesta adxudicación poderá acollerse a prestar servizos como interino ou substituto nunha ou varias provincias, sen perda da orde da lista, a través da aplicación informática que xestiona a cobertura das substitucións, durante todo o mes de setembro. A solicitude terá efectos durante todo o curso académico. O que non efectúe opción enténdese que desexa prestar servizos en todas as provincias da Comunidade Autónoma.
Décimo novena. Obtención de destino nunha especialidade para a cal non está habilitado
Con posterioridade á resolución definitiva dos destinos provisionais, ao profesorado interino que, tras solicitar todas as prazas da súa especialidade, non lle corresponda praza, adxudicaráselle voluntariamente praza noutra especialidade, se existise vacante, unha vez colocados todos os colectivos sinalados na base segunda desta orde, agás nas especialidades de filoloxía e lingua estranxeira: inglés, filoloxía e lingua estranxeira: francés, pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe. Ao profesorado substituto unicamente se lle poderá adxudicar praza da súa especialidade.
Vixésima. Publicación das listas de participantes e das vacantes
1. Coa entrada en vigor desta orde, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá a publicar as relacións de persoal agrupados por colectivos coas especialidades que teñen recoñecidas na páxina web da consellería. O persoal interesado terá un prazo de dez días naturais para formular as reclamacións que entendan oportunas.
2. Antes do 14 de xullo de 2013, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá a publicar as vacantes provisionais que se ofertan neste concurso, reflectindo o seu perfil, na páxina web da consellería. O persoal interesado terá un prazo de cinco días naturais para formular as reclamacións que entenda oportunas.
3. Ademais das vacantes publicadas, adxudicaranse as resultas, se é o caso, que se produzan como consecuencia da adxudicación de destinos polas comisións de servizos por motivos de saúde, conciliación familiar e concelleiros. Consecuentemente, os centros e as xefaturas territoriais non solicitarán as prazas destas comisións de servizos. Si deben solicitarse as prazas do persoal que estea en servizos especiais, permiso sindical a tempo total e en comisión de servizos distintas das anteriormente citadas, como poden ser por exercer a dirección dun centro educativo, asesor nos centros de formación ou na consellería, en centros do estranxeiro, en centro de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, en prazas de convenio e outras.
Vixésimo primeira. Resolución provisional
1. Unha vez rematado o prazo de solicitudes do persoal opositor, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá á adxudicación de destinos e fará pública a resolución provisoria do concurso na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A dita resolución farase pública o día 26 de xullo de 2013.
2. As/os concursantes poderán presentar reclamacións á resolución provisoria, no prazo de tres días naturais desde a súa publicación, perante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. Ademais de pola vía ordinaria, a reclamación deberá remitirse por fax ao número 881 99 92 41 ou por correo electrónico ao enderezo www.persoal.primaria@edu.xunta.es
Vixésimo segunda. Renuncias á resolución provisional
O persoal interino e substituto do corpo de mestres que estea nunha situación das cales se relacionan a continuación poderá renunciar á resolución provisional, sen que se admitan renuncias parciais.
– Atender o coidado dunha/dun filla/fillo menor de seis anos, tanto cando o sexa por natureza como por adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo.
– Para atender o coidado dun familiar que teña ao seu cargo, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.
– Por enfermidade grave.
– Por ter concedida unha bolsa de estudos.
– Por ampliación de estudos. Enténdese que hai ampliación de estudos cando se realiza o doutoramento ou estudos para obter un título superior ou unha diplomatura distinta da que se posúe, un máster así como a formación no estranxeiro nas linguas ou nas ensinanzas de réxime especial.
– Por ser vítima de violencia de xénero.
– Por calquera das circunstancias que permiten aos funcionarios públicos a concesión dos servizos especiais.
– Por ter un contrato de traballo de carácter temporal ou prestar servizos, tamén con carácter temporal, noutro posto do sector público.
Esta renuncia deberá realizarse no prazo de reclamacións á resolución provisional e deberá facerse mesmo se non se obtivo destino na citada resolución, pois iso non implica que non se poida obter na resolución definitiva. De non presentarse renuncia e serlle adxudicada praza definitiva, o persoal interesado non poderá acollerse a non prestar servizos mantendo o número de orde na lista correspondente, agás que esta petición se formule por unha situación sobrevida ao prazo indicado anteriormente e esa circunstancia se acredite de forma fidedigna. Ademais de pola vía ordinaria, a renuncia deberá remitirse por fax ao número 881 99 92 41.
Sen prexuízo do anterior, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá dar de baixa a algunha persoa na relación de adxudicatarios de praza, se deixase de reunir os requisitos para manterse nela, de oficio ou por instancia da parte interesada, logo de audiencia da interesada ou interesado.
Vixésimo terceira. Resolución definitiva
Resoltas as reclamacións presentadas, procederase a efectuar a resolución definitiva, que se publicará nos mesmos lugares que a resolución provisional e no Diario Oficial de Galicia. A dita resolución farase pública na páxina web da consellería o día 31 de xullo de 2013.
Vixésima cuarta. Efectividade da toma de posesión
O profesorado tomará posesión no centro educativo. Os efectos da toma de posesión dos destinos adxudicados será a do 1 de setembro de 2013. Para o persoal interino con nomeamento en vigor os efectos económicos da toma de posesión serán do 12 de setembro de 2013.
Vixésima quinta. Inclusión nas listas para interinidades e/ou substitucións
O persoal participante no procedemento selectivo convocado pola Orde do 23 de marzo de 2013 que non estea incluído nas listas das/dos aspirantes que superaron este, nin na letra j) da base segunda da presente resolución, será incluído nas relacións de aspirantes para desempeñar prazas de interinidades ou substitucións, na especialidade pola cal se presentou, sempre que supere a primeira proba ou estea en posesión da titulación que se relaciona para cada especialidade no anexo II.
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2013
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria