Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Venres, 14 de xuño de 2013 Páx. 22746

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

Exposición de motivos

1

No momento actual, a mobilidade constitúe un compoñente esencial da calidade de vida das persoas. Non é posible concibir unha sociedade moderna e avanzada sen que nela estea garantida a posibilidade de facer efectiva unha liberdade de desprazamento empregando un sistema organizado de transporte público.

A existencia e o adecuado funcionamento do transporte público constitúen un bo indicador do progreso económico e social dunha sociedade, e ata do seu nivel cultural e humano, ao favorecer a relación entre as persoas con independencia do lugar onde residan.

Neste contexto global de mobilidade, o transporte público de persoas en vehículos de turismo ten unha importancia decisiva. Este transporte e, particularmente, o servizo de taxis presentan unha esencialidade máxima como instrumento conformador da convivencia da cidadanía e da habitabilidade do contorno urbano e interurbano con independencia do lugar onde se resida.

A importancia deste tipo de transporte e do sector vinculado a el obriga a dispoñer dunha ordenación xurídica que constitúa un medio para a súa promoción obxectiva. A existencia dun marco regulador que proporcione seguridade xurídica favorece todos os suxeitos que, dun xeito directo e indirecto, se relacionan coas actividades propias do transporte público de persoas en vehículos de turismo.

2

No caso da Comunidade Autónoma de Galicia, promover unha ordenación legal do sector do transporte público de persoas en vehículos de turismo constitúe unha necesidade posta de manifesto polo propio Parlamento de Galicia. A disposición derradeira segunda da Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa ao servizo no mercado interior, recolle expresamente un mandato á Xunta de Galicia para que remita ao Parlamento un proxecto de lei reguladora das actividades de transporte público de persoas en vehículos de turismo, no que se regulamentará tanto a actividade do taxi como a do transporte en réxime de arrendamento de vehículos con condutor, establecendo as diferentes condicións de prestación de ambas as dúas categorías de transporte co fin de garantir a competencia leal entre ambas.

Esta lei trata de dar cumprimento a un mandato lexislativo expreso. Precisamente, atender o dito mandato obriga a dar prioridade a unha regulación específica da actividade de transporte público de persoas en vehículos de turismo, sen prexuízo de que no futuro se dite unha lei de mobilidade que desde unha perspectiva global estableza unha ordenación xeral do transporte na Comunidade Autónoma de Galicia.

Trátase, pois, de regular a actividade de transporte público de persoas en vehículos de turismo, o que supón, por outra banda, establecer por primeira vez unha regulación legal a nivel autonómico nesta materia.

Esta regulación materialízase ao abeiro da competencia autonómica exclusiva sobre o transporte de viaxeiros por estrada cuxo itinerario se desenvolva integramente no territorio da comunidade autónoma. Esta competencia debe desenvolverse tendo sempre en conta as competencias dos concellos en materia de xestión e ordenación dos servizos urbanos e tamén as funcións e as competencias de titularidade estatal en materia de transporte terrestre, co fin de acadar un marco de relación interadministrativa axustado ao bloque constitucional e que deberá estar presidido polo principio de lealdade institucional.

3

O obxecto da lei debe ser, á vista do que expresa o mandato lexislativo recibido, establecer a ordenación da actividade do taxi e tamén proceder á regulación da actividade de arrendamento de vehículos con condutor procurando delimitar os caracteres xerais de diferenciación entre ambas.

Coa finalidade de clarificar legalmente estas dúas categorías de transporte, que contan con evidentes puntos de conexión, e de establecer o máis nitidamente posible os seus caracteres singulares, partiuse dunhas premisas de diferenciación que pivotan sobre unha pluralidade de aspectos tanto de natureza organizativa como relacionados coas condicións de exercicio de ambas as actividades.

Para establecer a diferenciación incidiuse, resumidamente, en primeiro termo, na diferente dimensión empresarial e configuración organizativa dos titulares das habilitacións para exercer a actividade, que se limita exclusivamente a persoas físicas no caso da actividade do taxi –non así no alugamento de vehículos con condutor, onde é posible que a titularidade dos títulos habilitantes corresponda a persoas xurídicas–.

En segundo termo, atendeuse tamén a establecer distintas esixencias para a obtención do título habilitante correspondente para exercer a actividade, establecendo, no caso do arrendamento de vehículos con condutor, uns requisitos singulares como son, en síntese, os de disposición de oficina aberta ao público ou fixación dunha frota mínima de vehículos que deben contar cunhas determinadas características especiais.

Consideráronse así mesmo, en terceiro lugar, aspectos tales como o diferente réxime de intervención administrativa, máis intenso no caso da actividade do taxi ao incidirse na existencia dunha garantía de continuidade e regularidade na prestación do servizo e no establecemento dun réxime tarifario.

En cuarto lugar, diferénciase a distinta forma de contratación de ambos os servizos, e circunscríbese o alugamento de vehículos con condutor á necesidade dunha concertación previa e por escrito do servizo, á existencia dun soporte documental que acredite a dita contratación e a ruta contratada ou á imposibilidade de contratación na vía pública.

E incluso, en quinto lugar, a diferenza tamén se debe producir na propia aparencia externa dos vehículos dedicados a cada actividade, ao establecer a obrigatoriedade de levar signos distintivos no caso dos vehículos dedicados á actividade do taxi e prever que a actividade de arrendamento de vehículo con condutor esixa un servizo de alta calidade e un nivel diferenciado das características do vehículo empregado.

4

Como anteriormente se dicía, ata o momento non se produciu na Comunidade Autónoma de Galicia un desenvolvemento legal da actividade do taxi, o que supón a pervivencia de disposicións xerais aprobadas hai máis de trinta anos –como é o caso do Regulamento de servizos urbanos e interurbanos de transportes en automóbiles lixeiros, aprobado mediante o Real decreto 763/1979, do 16 de marzo–, polo que é conveniente actualizar o contido regulador da actividade e adaptalo ao contexto de Galicia.

A idea que presidiu a elaboración da lei foi que o servizo de taxis ten unha clara conexión coa Administración local, polo que se habilita os concellos para a súa regulación máis concreta, pero posibilitando, naqueles casos en que intereses supramunicipais resulten primordialmente afectados, a actuación ordenadora e de coordinación da Comunidade Autónoma, respectándose, en todo caso, a autonomía municipal constitucionalmente recoñecida, de conformidade coa doutrina emanada do Tribunal Constitucional.

Neste sentido, merece especial mención a posibilidade de constituír áreas territoriais de prestación conxunta naquelas zonas en que a prestación do servizo teña un carácter esencialmente supramunicipal, tendo en conta a interacción ou a influencia recíproca entre os servizos de varios concellos, ou o establecemento dunha vinculación entre os títulos habilitantes para a prestación do servizo de taxi, que se expedirán a través dun procedemento coordinado.

Pola súa banda, a actual normativa autonómica non prevé unha ordenación xeral do arrendamento de vehículos de turismo con condutor, cuxa singularidade como actividade foi examinada polos tribunais de xustiza das Comunidades Europeas no caso Alsace International contra o Parlamento europeo.

A previsión de regulación que se contén na lei consiste en establecer unha ordenación básica en que se definan o marco xeral e os caracteres esenciais desta actividade, remitindo á sede regulamentaria os aspectos máis concretos e de ordenación específica ou técnica.

Por último, cómpre salientar a orientación que preside o establecemento do marco legal das actividades de transporte de persoas en vehículos de turismo. A dita orientación é, ao mesmo tempo, de continuidade e profundamente renovadora. De continuidade, xa que non pretende desarticular os elementos normativos estruturais sobre os cales descansa a ordenación actual do sector, máxime nun momento de adversidade económica, pero tamén con vocación renovadora. Con todo, non renuncia a establecer as bases dunha nova concepción do transporte de persoas en vehículos de turismo enmarcado nun contexto de mobilidade global e no cal apareza destacado o compoñente público consistente en garantir a prestación do servizo nunhas condicións de sustentabilidade e calidade e tamén nun contorno de fomento da competencia entre os operadores.

Esta nova concepción tamén se manifestou no proceso de definición normativa, no cal se lles deu oportunidade de participar a todos os actores implicados no sector do transporte público de persoas en vehículos de turismo, sen prexuízo de tomar en consideración os informes e os ditames emitidos no proceso de elaboración normativa, particularmente do Consello Galego da Competencia e do Consello Económico e Social.

5

Polo que respecta á estrutura da lei, esta divídese en catro títulos, referidos ás disposicións xerais, ao réxime xurídico da actividade do taxi, ao arrendamento de vehículos con condutor e ao réxime xurídico de inspección, infraccións e sancións en materia de transporte de persoas en vehículos de turismo en Galicia.

O primeiro título é o relativo ás disposicións xerais. Estas ocúpanse de sinalar o obxecto da lei, o seu ámbito de aplicación e os seus principios reitores. Neste título tamén se conceptúan, xuridicamente, aqueles termos básicos relacionados cos servizos de taxi e da actividade de arrendamento de vehículos con condutor.

Os ditos termos tratan, por un lado, de dotar de maior seguridade xurídica a interpretación da lei e, por outro, de delimitar os caracteres xerais de diferenciación entre os dous tipos de transporte público regulados por esta norma. Neste sentido, unha das finalidades desta última é clarificar legalmente estas dúas categorías de transporte de persoas e establecer o máis nitidamente posible os seus caracteres singulares.

O segundo título ten por obxecto o réxime xurídico da actividade do taxi. Está dividido en diferentes capítulos e seccións, que abranguen a regulación dos títulos administrativos habilitantes, en xeral, e a regulación das licenzas de taxi e as autorizacións interurbanas de taxi, en concreto, e nel establécese tamén unha serie de disposicións comúns a ambas as tipoloxías de títulos habilitantes.

De igual xeito, neste título segundo os anteriores van seguidos dunha serie de capítulos onde se regula o exercicio da actividade de taxi, o seu réxime económico, o estatuto xurídico das persoas usuarias e as áreas territoriais de prestación conxunta.

No título terceiro establécense o marco legal da actividade de arrendamento de vehículos con condutor, os caracteres básicos de desenvolvemento daquela e os caracteres que a singularizan respecto da prestación do servizo de taxi.

No título cuarto dispóñense todas as cuestións relativas á inspección e ao réxime de infraccións e sancións aplicables aos transportes de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

Finalmente, establécese unha regulación transitoria para o efecto de acadar a implantación progresiva da nova regulación do transporte público en vehículos de turismo, sen mingua dos dereitos económicos, profesionais ou sociais respecto dos actuais prestatarios.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da lei e ámbito de aplicación

Esta lei regula o transporte público urbano e interurbano de persoas en vehículos de turismo, por medio de taxi ou en réxime de arrendamento con condutor, que se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos do disposto nesta lei, enténdese por:

a) Vehículos de turismo: os vehículos automóbiles concibidos para o transporte de persoas, cunha capacidade igual ou inferior a nove prazas, incluída a persoa que o conduce.

b) Servizos de taxi: transporte público e discrecional de persoas viaxeiras realizado por persoas físicas en vehículos de turismo que contan con signos distintivos de taxi e que se realiza por conta allea mediante retribución económica suxeita a tarifa e dispoñendo dos correspondentes títulos habilitantes para a prestación do servizo.

c) Actividade de arrendamento de vehículos con condutor: transporte público e discrecional de persoas viaxeiras realizado por persoas físicas ou xurídicas en vehículos de turismo diferenciados pola súa calidade e especiais características, nas condicións que se especifican no título III desta lei.

d) Servizos urbanos: os servizos de taxi que transcorren integramente polo termo municipal dun único municipio ou, de ser o caso, dunha área territorial de prestación conxunta que se estableza de conformidade co previsto nesta lei.

e) Servizos interurbanos: todos os que non estean comprendidos na definición anterior.

f) Áreas territoriais de prestación conxunta: as áreas xeográficas de carácter supramunicipal que poden ser constituídas de conformidade con esta lei cando existe interacción ou influencia recíproca entre os servizos de taxi dos municipios que as integran.

g) Transporte público: aquel transporte que se desenvolva por conta allea mediante retribución económica.

h) Transporte discrecional: transporte que se efectúa sen suxeición a un itinerario, calendario ou horario preestablecido.

i) Titular: persoa que dispón dos títulos habilitantes precisos para a prestación de servizos de transporte público de persoas en vehículos de turismo, ben na modalidade de taxi, ben en réxime de arrendamento con condutor.

j) Condutor ou condutora de vehículos de turismo de transporte público de persoas: persoa física que guía un vehículo de turismo dedicado á prestación dos servizos de taxi ou de arrendamento de vehículos con condutor, ben por ser titular dos títulos habilitantes requiridos nesta lei, ben por ser asalariado daquel, e que dispón do permiso de condución esixido na lexislación vixente e conta coa correspondente capacitación profesional que se estableza nas disposicións de desenvolvemento desta lei.

Artigo 3. Principios xerais

O transporte de persoas en vehículos de turismo axustarase aos seguintes principios:

a) A responsabilidade pública, fundamentada no interese xeral do transporte público de persoas en vehículos de turismo e na diferenciación entre a actividade do taxi e do transporte en réxime de arrendamento con condutor, coa finalidade de garantir que a prestación deses servizos se faga en condicións de calidade e suficiencia ás persoas consumidoras e usuarias e de fomento da competencia entre operadores.

b) A universalidade, accesibilidade e continuidade na prestación dos servizos de taxi, procurando, particularmente naquelas zonas onde exista unha falta de cobertura deles, unha suficiencia do servizo e tamén acadar o equilibrio económico da actividade mediante a limitación no número de habilitacións e o establecemento de tarifas obrigatorias.

c) A calidade na prestación dos servizos e o respecto dos dereitos das persoas usuarias recoñecidos pola lexislación vixente e a incorporación dos avances técnicos que permitan a mellora das condicións da prestación do servizo e da seguridade persoal dos condutores e condutoras, así como das persoas usuarias, e a protección do medio ambiente.

TÍTULO II
Réxime xurídico da actividade do taxi

CAPÍTULO I
Dos títulos habilitantes

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 4. Títulos habilitantes

1. A prestación dos servizos de taxi está suxeita á obtención previa dos correspondentes títulos administrativos que habiliten os seus titulares para exerceren a dita actividade.

2. Constitúen títulos habilitantes para a prestación dos servizos de taxi os seguintes:

a) As licenzas de taxi: habilitan para a prestación dos servizos urbanos de taxi e son outorgadas polos concellos en que se desenvolve a actividade ou, de ser o caso, pola entidade que asuma a xestión dunha área territorial de prestación conxunta que se poida crear de conformidade co disposto no artigo 44 desta lei.

b) As autorizacións interurbanas de taxi: permiten a prestación dos servizos interurbanos de taxi e son outorgadas polo órgano competente da consellaría que teña atribuídas as competencias en materia de transportes.

3. As licenzas de taxi e as autorizacións interurbanas de taxi estarán vinculadas e a súa obtención efectuarase mediante o procedemento coordinado de outorgamento regulado no artigo 16 desta lei.

Sección 2ª. Das licenzas de taxi

Artigo 5. Requisitos para a súa titularidade

Só poderán ser titulares de licenzas de taxi as persoas físicas que acrediten o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea ou doutro país estranxeiro en que, en virtude de acordos, tratados ou convenios internacionais subscritos por España, non sexa esixible o requisito da nacionalidade ou contar coas autorizacións ou permisos de traballo que, de conformidade co disposto na lexislación sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España, resulten suficientes para a realización da actividade de transporte no seu propio nome.

b) Acreditar a titularidade do vehículo de turismo en calquera réxime de utilización xuridicamente válido.

c) Xustificar o cumprimento das obrigas de carácter fiscal, laboral e social establecidas pola lexislación vixente.

d) Acreditar o cumprimento dos requirimentos técnicos do vehículo de turismo que utilicen para a realización do transporte que sexan esixibles pola normativa vixente.

e) Dispoñer da capacitación profesional que regulamentariamente se poida establecer para prestar servizos de taxi.

f) Ter cuberta a responsabilidade civil polos danos que se poidan ocasionar na prestación do servizo, segundo o disposto na normativa vixente.

g) As disposicións de desenvolvemento desta lei poderán establecer uns requisitos mínimos de capacitación profesional que virán determinados pola acreditación de coñecementos relativos á normativa aplicable ao servizo de taxi, aos itinerarios, á competencia no uso das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e, en xeral, sobre as necesidades para a adecuada atención ás persoas usuarias e a correcta prestación do servizo, así como para atender persoas con algunha discapacidade física ou psíquica, limitacións sensoriais, mobilidade reducida e mulleres xestantes.

h) Aqueloutros que se establezan regulamentariamente.

Artigo 6. Determinación do número de licenzas de taxi

1. O outorgamento de licenzas de taxi virá determinado, en todo caso, pola necesidade e pola conveniencia do servizo que se vai prestar ao público atendendo a caracterización da oferta e da demanda existente no ámbito territorial, así como polo mantemento da calidade do servizo e pola sustentabilidade na súa explotación.

2. Como regra xeral, o número máximo de licenzas de taxi por cada municipio determinarase do seguinte xeito:

a) Concellos cunha poboación igual ou inferior a 20.000 habitantes: 1 licenza de taxi por cada 1.100 habitantes, cun mínimo de 2 licenzas de taxi por concello.

b) Concellos cunha poboación superior a 20.000 e inferior ou igual a 150.000 habitantes: 1 licenza de taxi por cada 1.000 habitantes.

c) Concellos cunha poboación superior a 150.000 habitantes: 1 licenza de taxi por cada 900 habitantes.

3. Para os efectos da aplicación das determinacións establecidas no punto anterior, a fixación do número máximo de habitantes efectuarase atendendo as cifras oficiais de poboación resultantes da última revisión do padrón municipal establecidas polo Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 7. Continxentamento específico do número máximo de licenzas de taxi

1. Os concellos ou, de ser o caso, a entidade competente nunha área territorial de prestación conxunta poderán establecer, de conformidade co disposto nesta lei, un continxentamento específico para o seu ámbito territorial, diferente do previsto no artigo anterior, mediante a tramitación dun procedemento que se iniciará pola realización dun estudo previo de mobilidade en que se analicen aspectos relacionados coas condicións de mobilidade do correspondente ámbito territorial, a calidade da prestación do servizo existente e aspectos socioeconómicos.

2. Regulamentariamente a consellaría competente en materia de transportes desenvolverá o dito procedemento e determinará o contido mínimo do estudo previo de mobilidade, no cal se deberán ter en conta, polo menos, os seguintes criterios:

a) O nivel de demanda e oferta de servizos de taxi no correspondente ámbito territorial.

b) O nivel de cobertura, mediante os diferentes servizos de transporte público, das necesidades de mobilidade da poboación.

c) A existencia de infraestruturas de servizo público do correspondente ámbito territorial, como poden ser as vinculadas á sanidade, ao ensino, aos servizos sociais e a espazos en que se desenvolvan actividades deportivas e de ocio, e tamén a alternativa doutros sistemas de transporte de interese xeral ou outros factores que teñan incidencia na demanda de servizos de taxi.

d) As actividades de natureza comercial, industrial, lúdica e turística ou de natureza análoga que poidan xerar unha demanda específica de servizos de taxi.

e) O grao de satisfacción das persoas usuarias do taxi.

3. No procedemento que para este efecto se tramite, darase audiencia ás asociacións representativas do sector do transporte en taxi, aos sindicatos e ás asociacións de condutores de taxi, así como ás asociacións de persoas consumidoras e usuarias do seu ámbito territorial, e solicitarase informe do Consello Galego de Transportes.

Cumprido o trámite de audiencia indicado no parágrafo anterior, o municipio ou a entidade competente da área territorial de prestación conxunta formulará unha proposta de continxentamento, que remitirá coa copia do expediente para que a consellaría competente en materia de transporte, tendo en conta o estudo previo de mobilidade, emita informe preceptivo e vinculante, que deberá ser emitido nun prazo máximo de tres meses. Á vista do dito informe, a entidade que promovese o procedemento resolverá, de conformidade co dito informe, o que proceda sobre o número máximo de licenzas de taxi no seu ámbito territorial.

Artigo 8. Adxudicación de licenzas de taxi

1. As licenzas de taxi serán outorgadas polos municipios, ou pola entidade competente no caso das áreas territoriais de prestación conxunta, mediante concurso público, ao cal se poderán presentar as persoas que cumpran os requisitos para ser titulares de licenzas de taxi.

2. Os concellos poderán convocar procedementos de adxudicación de novas licenzas de taxi logo de verificaren a existencia de dispoñibilidade no correspondente continxente, consonte o procedemento establecido no artigo 16 desta lei.

3. Na convocatoria do concurso faranse constar os criterios de adxudicación, entre os cales se valorará de modo preferente a antigüidade como condutor ou condutora de taxi. Tamén serán obxecto de valoración a dedicación previa á profesión de taxista e que o vehículo de turismo que se pretenda adscribir á licenza de taxi sexa adaptado para o transporte de persoas con mobilidade reducida durante o tempo mínimo que se estableza na dita convocatoria, de ser o caso.

Artigo 9. Limitacións cuantitativas por titular

1. Corresponde aos concellos determinar o número máximo de licenzas de taxi por titular. Unicamente se poderá ser titular de máis de 1 licenza de taxi, cun límite máximo de 3, naqueles municipios en que estean outorgadas un número de licenzas de taxi igual ou superior a 100. Nos municipios en que estean outorgadas menos de 100 licenzas de taxi, o límite será de 2 licenzas de taxi por titular, e non se poderá ser titular de máis de 1 licenza de taxi nos municipios que conten con menos de 10 licenzas de taxi.

2. Non se poderá ser titular de licenzas de taxi en distintos concellos.

Artigo 10. Dedicación

1. Nos concellos con poboación igual ou superior a 10.000 habitantes, a persoa titular da licenza de taxi terá plena e exclusiva dedicación á actividade de taxi.

2. Os concellos de menos de 10.000 habitantes, oído o Consello Galego de Transportes, poderán establecer a obriga de dedicación exclusiva á actividade de taxi.

Artigo 11. Suspensión das licenzas de taxi

1. As licenzas de taxi poderán ser suspendidas temporalmente por un período máximo de dous anos:

a) Por solicitude da persoa titular, cando deba deixar de exercer a actividade temporalmente por unha causa xustificada.

b) De oficio, no caso de transmisións forzosas, cando a persoa adxudicataria careza dos requisitos esixidos para ser titular.

2. Non procederá estimar unha solicitude de suspensión ata que transcorra un período de dous anos contados desde a data de finalización do anterior período de suspensión, agás causas de forza maior debidamente acreditadas.

3. As solicitudes de suspensión entenderanse estimadas se no prazo de tres meses o concello non ditase e notificase resolución expresa, agás que se incumprise a limitación establecida no punto anterior.

4. Transcorrido un mes desde a finalización da suspensión sen que se reiniciase de modo efectivo a prestación do servizo, incorrerase en causa determinante da caducidade da licenza de taxi.

5. Regulamentariamente preveranse as medidas que, de ser o caso, adoptará a administración para garantir que o servizo quede adecuadamente cuberto.

Artigo 12. Extinción das licenzas de taxi

1. As licenzas de taxi extínguense por algunha das seguintes causas:

a) Renuncia da persoa titular ou falecemento desta sen herdeiros.

b) Caducidade.

c) Revogación.

2. Procederá declarar caducadas as licenzas de taxi nos casos de incumprimento polo titular das condicións que xustificaron o seu outorgamento, de non se producir o inicio do servizo no suposto de que a licenza de taxi estiver suspendida, pola falta de dedicación á actividade polo seu titular cando esta for esixible ou pola obtención, xestión ou explotación da licenza de taxi por calquera forma non prevista por esta lei e no seu desenvolvemento regulamentario.

3. Poderanse revogar as licenzas de taxi por motivos de oportunidade de interese público, tales como circunstancias sobrevidas non imputables ao titular ou titulares que aconsellen á administración reducir o número de licenzas por caída da demanda, exceso de oferta ou circunstancias xustificadas. Neste suposto, o seu titular terá dereito á correspondente indemnización económica, que se calculará de conformidade con aqueles parámetros obxectivos que determinen o seu valor real de mercado.

4. Establecerase regulamentariamente o procedemento para a extinción das licenzas de taxi, no cal deberá quedar garantida, en todo caso, a audiencia ás persoas interesadas.

Mentres se tramita este procedemento, o órgano competente para a súa incoación poderá adoptar, mediante resolución motivada, como medida provisional, a prohibición de transmisión da licenza de taxi ou outra que se considere adecuada para asegurar a eficacia final da resolución que poida recaer.

Sección 3ª. Das autorizacións para a prestación do servizo de taxi interurbano

Artigo 13. Condicións das autorizacións interurbanas de taxi

As condicións relativas ao outorgamento, á modificación e á extinción das autorizacións interurbanas de taxi serán as establecidas nesta lei e, supletoriamente, na normativa vixente en materia de transporte de viaxeiros por estrada.

Artigo 14. Determinación do número das autorizacións interurbanas de taxi

A determinación do número máximo de autorizacións interurbanas de taxi virá establecida polo número de licenzas de taxi outorgadas polos correspondentes concellos ou, de ser o caso, pola entidade competente nunha área territorial de prestación conxunta, consonte o procedemento de outorgamento previsto no artigo 16.

Sección 4ª. Procedementos coordinados

Artigo 15. Vinculación de licenzas de taxi e de autorizacións interurbanas de taxi

1. Existirá unha vinculación entre licenzas de taxi e autorizacións interurbanas de taxi, e será preciso dispoñer de ambos os títulos para a realización da actividade.

2. A vinculación entre licenzas de taxi e autorizacións interurbanas de taxi supón que a suspensión ou a extinción da licenza de taxi ou da autorización interurbana de taxi dará lugar, respectivamente, á suspensión ou á extinción do outro título habilitante a que estea vinculado.

3. Os requisitos para a titularidade das autorizacións interurbanas de taxi, así como para a suspensión ou a extinción dos ditos títulos habilitantes, rexeranse polo establecido nesta lei para as licenzas de taxi.

Desenvolveranse regulamentariamente os procedementos correspondentes.

Artigo 16. Procedemento coordinado para o outorgamento de licenzas de taxi e de autorizacións interurbanas de taxi

1. A iniciativa para o outorgamento de novas licenzas de taxi e de autorizacións interurbanas de taxi corresponderá aos concellos ou á entidade competente nunha área territorial de prestación conxunta.

2. Para tal fin, a entidade promotora remitirá á dirección xeral competente en materia de transportes da Xunta de Galicia unha memoria na cal se especificarán as licenzas de taxi existentes e a dispoñibilidade de continxente segundo o establecido nos artigos 6 e 7 desta lei.

Á vista da memoria e do continxentamento do número de licenzas de taxi, a dita dirección xeral emitirá informe vinculante referente ao outorgamento das autorizacións interurbanas de taxi correspondentes.

3. De ser favorable o dito informe, o concello ou, de ser o caso, a entidade competente nunha área territorial de prestación conxunta poderá tramitar o concurso para a adxudicación das licenzas de taxi.

4. Con carácter previo á súa resolución, terá que remitirse á dirección xeral da Xunta de Galicia competente en materia de transportes a documentación das persoas seleccionadas, co fin de que no prazo máximo de tres meses emita informe de modo vinculante sobre o cumprimento dos requisitos para poder ser titular de autorizacións interurbanas de taxi. Unha vez emitido o dito informe, o concello, de modo congruente co disposto nel, resolverá o concurso e adxudicará as correspondentes licenzas de taxi, que inscribirá no Rexistro de Títulos Habilitantes.

5. Logo da solicitude da persoa interesada a quen lle fose outorgada unha licenza de taxi, a dirección xeral competente en materia de transportes da Xunta de Galicia outorgará de xeito automático a autorización interurbana de taxi.

Para os efectos de unificar o comezo de vixencia de ambos os títulos, a licenza de taxi estará condicionada na súa eficacia á data de outorgamento da autorización interurbana de taxi.

Artigo 17. Transmisión de títulos habilitantes

1. Logo da autorización das administracións competentes, os títulos habilitantes para a prestación de servizos de taxi serán transmisibles a calquera persoa física que o solicite e acredite que cumpre cos requisitos para ser titular destes segundo o establecido nesta lei. A dita transmisión non terá a consideración de outorgamento de novos títulos.

O vehículo a que se refiren os títulos habilitantes transmitidos poderá ser o mesmo ao cal anteriormente estiveren referidos cando o novo titular adquirise a disposición sobre tal vehículo.

2. No suposto de falecemento da persoa titular, os seus herdeiros adquirirán os dereitos e as obrigas inherentes aos títulos habilitantes. Poderá figurar, no caso de que se constitúa, unha comunidade de herdeiros como titular dos ditos títulos habilitantes por un período máximo de dous anos desde o falecemento do causante. Transcorrido ese período, os títulos deberán constar adscritos a nome dunha persoa física e caducarán no caso de non observar a dita obriga.

3. Para a transmisión dos títulos habilitantes, a persoa interesada solicitará, en primeiro lugar, o da licenza de taxi e, unha vez verificado polo órgano competente o cumprimento dos requisitos para autorizar a dita transmisión, o dito órgano competente remitirá unha copia da solicitude de transmisión e da documentación existente á dirección xeral competente en materia de transportes da Xunta de Galicia, que emitirá informe, no prazo dun mes, sobre a procedencia de transmitir a autorización interurbana de taxi.

4. A transmisión da licenza de taxi non se poderá autorizar nas seguintes circunstancias:

a) Se non transcorreron polo menos dous anos desde a adquisición polo transmitente da condición de titular da licenza de taxi e da autorización interurbana de taxi.

A limitación temporal indicada non será aplicable no caso de xubilación, falecemento ou declaración de incapacidade para prestar o servizo de taxi.

b) Se o transmitente e o adquirente non están ao día das súas obrigas tributarias e de seguridade social e das relacionadas coa actividade propia do servizo de taxi.

c) Se non están satisfeitas as sancións pecuniarias que lles puidesen ser impostas, por resolución administrativa firme, ao transmitente ou ao adquirente, derivadas do exercicio da actividade como taxista.

d) Se o adquirente, como consecuencia da transmisión, supera o límite máximo de concentración de licenzas de taxi nun mesmo titular ou se é o titular dunha ou máis licenzas de taxi noutro concello.

e) No caso de que o informe previsto no punto 3 deste artigo teña carácter desfavorable ou transcorrese o prazo fixado neste informe para materializar a transmisión da licenza de taxi.

5. A transmisión da licenza de taxi estará condicionada, na súa eficacia, ao outorgamento da autorización interurbana de taxi ao novo titular. Para tal fin, unha vez autorizada a transmisión da licenza de taxi polo concello e unha vez inscrita a nova titularidade no Rexistro de Títulos Habilitantes, a persoa interesada deberá solicitar á dirección xeral competente en materia de transportes da Xunta de Galicia a transmisión da autorización interurbana de taxi, que resolverá de xeito congruente co contido do informe previsto no punto 3 deste artigo. No prazo máximo dun mes desde a notificación da autorización de transmisión desta última deberá darse inicio efectivo ao exercicio da actividade.

6. As solicitudes de transmisión entenderanse desestimadas se no prazo de tres meses a administración competente non ditase e notificase resolución expresa.

7. A persoa que transmita unha licenza de taxi non poderá volver ser titular doutra licenza de taxi no mesmo municipio ata que transcorra un período de cinco anos desde a transmisión.

8. Non se poderá realizar ningún tipo de negocio xurídico que comporte a transmisión das licenzas de taxi e das autorizacións interurbanas de taxi, e dos vehículos afectos a elas, á marxe do procedemento legalmente establecido.

Sección 5ª. Vixencia

Artigo 18. Vixencia

1. Os títulos habilitantes outorgaranse sen prazo de duración prefixado, ben que a súa validez quedará condicionada ao seu visado periódico por parte do órgano ou órganos competentes.

Mediante o visado constatarase o mantemento das condicións que xustificaron o outorgamento dos títulos habilitantes e dos requisitos que resulten de obrigado cumprimento para o exercicio da actividade de taxi.

2. A falta de visado en prazo determinará a extinción automática do correspondente título habilitante sen necesidade dunha declaración da administración nese sentido. Non obstante, os títulos así extinguidos poderán ser rehabilitados nos termos e no prazo regulamentariamente establecidos, sen que o dito prazo poida ser en ningún caso superior ao establecido para a suspensión dos títulos habilitantes.

3. Mediante orde do titular da consellaría competente en materia de transporte, regularanse os trámites, a documentación, a periodicidade e os demais requisitos necesarios para o visado dos títulos habilitantes.

Cando a documentación necesaria para o visado estea en poder doutras administracións, as persoas que promovan os visados deses títulos poderán autorizar para a obtención dos ditos documentos a administración competente para tramitala.

4. O órgano competente poderá comprobar, en todo momento, o cumprimento dos requisitos esixidos para o seu outorgamento e a debida explotación, e poderá solicitar ás persoas titulares das licenzas de taxi a documentación que xulgue pertinente para efectuar a dita comprobación, sen prexuízo das comprobacións que se realicen mediante o visado periódico previsto neste artigo.

Sección 6ª. Rexistro de Títulos Habilitantes

Artigo 19. Rexistro de Títulos Habilitantes

1. Os órganos competentes para o outorgamento de títulos habilitantes dispoñerán dun rexistro público de licenzas de taxi e de autorizacións interurbanas de taxi no cal figuren a identificación da persoa titular, o domicilio para efectos de notificacións administrativas, o vehículo e os condutores ou condutoras adscritos aos títulos habilitantes e a súa vixencia ou suspensión, así como calquera outro dato ou circunstancia que se considere procedente.

2. O acceso, o tratamento ou a cesión de datos consignados no dito rexistro axustaranse á normativa vixente en materia de rexistros administrativos e protección de datos persoais. Serán públicos, en todo caso, os datos referidos á identificación do titular das licenzas de taxi e das autorizacións interurbanas de taxi e mais dos vehículos e dos condutores ou condutoras adscritos a elas, así como a vixencia, a suspensión ou a extinción dos títulos habilitantes.

3. As comunicacións ou as anotacións no Rexistro de Títulos Habilitantes serán efectuadas polas administracións competentes, por medios telemáticos.

Mediante orde da consellaría competente en materia de transportes estableceranse as disposicións de aplicación deste artigo e poderase determinar a súa aplicación á actividade do arrendamento de vehículos con condutor e as condicións desta.

CAPÍTULO II
Sobre o exercicio da actividade de taxi

Sección 1ª. Dos condutores e condutoras

Artigo 20. Prestación do servizo

1. As persoas titulares de licenzas de taxi e de autorizacións interurbanas de taxi deberán prestar o servizo persoalmente, sen prexuízo da posibilidade de poder contratar persoas condutoras asalariadas para unha mellor explotación daquelas, que deberán figurar a xornada completa e con dedicación exclusiva.

2. En todo caso, cada licenza de taxi ou autorización interurbana de taxi non poderá ter adscritas máis de dúas persoas condutoras, incluída a persoa titular.

3. A relación entre as persoas condutoras asalariadas e as titulares das licenzas de taxi será de carácter laboral.

Artigo 21. Acreditacións

1. Os titulares de máis dunha licenza de taxi deberán acreditar, ante a entidade que as outorgou, que exercen a actividade persoalmente nunha das licenzas de taxi outorgadas, e poderán explotar as restantes mediante persoal condutor asalariado.

2. A persoa titular da licenza de taxi, sempre que lle sexa requirido, deberá xustificar ante a entidade que a outorgou o cumprimento das prescricións legais en materia laboral e de seguridade social relativas ás persoas asalariadas.

Artigo 22. Condicións esixibles

1. Os condutores ou condutoras deberán posuír o correspondente permiso de condución establecido na lexislación vixente e dispoñer da correspondente capacitación profesional que regulamentariamente se estableza.

2. As disposicións de desenvolvemento desta lei poderán establecer uns requisitos mínimos de capacitación profesional, que virán determinados pola acreditación de coñecementos relativos á normativa aplicable ao servizo de taxi, a itinerarios e, en xeral, sobre as necesidades para a adecuada atención ás persoas usuarias e correcta prestación do servizo, así como para atender persoas con algunha discapacidade física ou psíquica, limitacións sensoriais, mobilidade reducida e mulleres xestantes.

Artigo 23. Formación continua

As administracións públicas con competencia en materia de transporte de persoas en vehículos de turismo promoverán o establecemento de actividades que permitan unha formación continua das persoas profesionais do sector do taxi, especialmente en aspectos vinculados coa atención a persoas usuarias, particularmente mulleres xestantes e persoas con discapacidade, seguridade viaria, condución segura, primeiros auxilios, coñecemento da lingua galega, coñecemento de linguas estranxeiras ou aqueloutras materias que contribúan a unha mellora da prestación do servizo.

Sección 2ª. Dos vehículos

Artigo 24. Condicións

Os vehículos dedicados á actividade de taxi deberán estar clasificados como turismo, e deben cumprir, ademais, os requisitos que determinen as normas de desenvolvemento desta lei en canto ás súas condicións de seguridade, capacidade, antigüidade máxima, confort e prestacións adecuadas ao servizo a que estean adscritos.

Artigo 25. Capacidade

1. Con carácter xeral, as licenzas de taxi e as autorizacións interurbanas de taxi outorgaranse para vehículos cunha capacidade mínima de cinco e máxima de ata sete prazas, incluída a persoa condutora.

2. Non obstante, logo da motivación da súa necesidade e conveniencia, poderán autorizarse vehículos de ata nove prazas, incluída a da persoa condutora, tendo en conta as circunstancias derivadas da necesidade de atender as características especiais da zona onde se deba prestar o servizo, en particular cando se trate de zonas de especiais características xeográficas, de poboación ou de débil tráfico.

3. En todo caso, os vehículos contarán cun espazo dedicado a maleteiro, totalmente independente e diferenciado do habitáculo destinado á pasaxe, suficiente para transportar a equipaxe desta.

Artigo 26. Substitución

1. Os vehículos que figuren identificados, aos cales se adscriban as licenzas de taxi e as autorizacións interurbanas de taxi para o exercicio da actividade, poderán ser substituídos por outros, logo da autorización do ente concedente, sempre que o vehículo que substitúa o anterior sexa máis novo e reúna as condicións esixidas para a prestación do servizo.

2. Desenvolverase regulamentariamente o procedemento para autorizar a substitución de vehículos e tamén para unha adscrición temporal no suposto de avaría ou inutilización por un período de tempo determinado.

Artigo 27. Imaxe

1. Poderase establecer regulamentariamente unha imaxe unificada de cores e distintivos que permitan identificar claramente os vehículos que prestan o servizo de taxi na Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, faranse constar de maneira visible no exterior do vehículo os signos distintivos do concello correspondente e o número de licenza de taxi a que se encontre afecto, así como unha placa co dito número no interior do vehículo.

2. Con suxeición á lexislación vixente en materia de publicidade, tráfico e seguridade viaria, os concellos, ou as entidades competentes das áreas territoriais de prestación conxunta, poderán autorizar os titulares das licenzas de taxi para colocaren anuncios publicitarios no exterior dos vehículos sempre que se conserve a súa estética, non impidan a visibilidade nin xeren perigo e respecten os requisitos de imaxe unificada dos taxis que poida establecer a Xunta de Galicia.

3. Queda prohibida toda publicidade sexista ou que atente contra os dereitos das persoas.

Artigo 28. Incorporación de innovacións tecnolóxicas

As administracións públicas competentes promoverán, en colaboración coas asociacións profesionais representativas do sector do taxi e co Consello Galego de Transportes, a progresiva implantación das innovacións tecnolóxicas precisas para mellorar as condicións de prestación e seguridade dos servizos de taxi e das persoas condutoras, a incorporación de sistemas automáticos de pagamento e facturación do servizo, sistemas de navegación, a progresiva redución das emisións sonoras dos vehículos, a potenciación de vehículos de baixa contaminación, a optimización da reciclaxe dos materiais utilizados e calquera outra innovación que se introduza no sector.

Regulamentariamente poderán establecerse obrigas mínimas de equipamento para a mellora da calidade e da seguridade do servizo homoxéneas para todo o territorio de Galicia. En particular, poderá establecerse a obriga de instalación de paneis protectores ou doutros elementos de seguridade activa, así como a obriga de instalar sistemas telemáticos de pagamento e facturación do servizo.

Sección 3ª. Da contratación do servizo de taxi

Artigo 29. Forma de concertación

1. A concertación do servizo de taxi efectuarase por petición da persoa usuaria:

a) Nas paradas establecidas.

b) Mediante a súa chamada na vía pública.

c) Por medios telemáticos.

d) Mediante a súa reserva previa.

e) Por outros modos que poidan ser establecidos pola normativa de desenvolvemento desta lei.

2. A contratación do servizo, con carácter xeral, levarase a cabo mediante a contratación da capacidade total do vehículo.

Determinaranse regulamentariamente os supostos excepcionais en que se poderá autorizar a contratación de servizos de taxi por praza con pagamento individual, particularmente para atender zonas de baixa accesibilidade e tráfico débil.

Artigo 30. Paradas

1. Os concellos ou a entidade competente nunha área territorial de prestación conxunta sinalarán os lugares de parada en que os taxis poidan estacionar á espera de pasaxeiros e pasaxeiras, facilitando na súa localización o acceso a persoas con mobilidade reducida.

2. Para a localización, a modificación ou a supresión de paradas de taxi darase audiencia ás asociacións profesionais representativas do sector e ás asociacións representativas de persoas consumidoras e usuarias e, no suposto de áreas territoriais de prestación conxunta, aos municipios directamente afectados pola situación das paradas.

Artigo 31. Concertación na vía pública

1. As persoas usuarias poderán concertar o servizo de taxi na vía pública mediante o aviso de detención do taxi libre de servizo, que estará obrigado a atender a dita solicitude sempre e cando non se vulneren as disposicións sobre tráfico e seguridade viaria ou afecte gravemente a fluidez do tráfico.

2. Non se poderá utilizar este modo de concertación se a persoa peticionaria do servizo está nas proximidades dunha parada onde haxa taxis ou outras persoas usuarias en espera do servizo, e poderanse establecer regulamentariamente unhas distancias mínimas, agás para persoas de mobilidade reducida cando soliciten un taxi adaptado.

Artigo 32. Concertación mediante a utilización de medios tecnolóxicos

1. A consellaría competente en materia de transportes promoverá as actuacións oportunas para facilitar a contratación do servizo de taxi mediante calquera sistema tecnolóxico e, particularmente, aqueles que se consideren adecuados para atender persoas con discapacidade e limitacións sensoriais.

2. As disposicións de desenvolvemento desta lei establecerán os requisitos e as condicións de contratación do servizo de taxi mediante medios telemáticos, así como as condicións para determinar o momento e o lugar en que se deberá poñer en funcionamento o taxímetro.

Mentres non se produza tal desenvolvemento regulamentario, os servizos contratados por mediación de centrais de radiotaxi ou sistemas tecnolóxicos equivalentes consideraranse iniciados no lugar e no momento en que o vehículo recibe o encargo de prestar o servizo. Deben coincidir os municipios en que se atopa residenciada a licenza de taxi, se recibe o encargo e se localizan os puntos de recollida ou de destino dos viaxeiros.

En todo caso, o importe máximo do taxímetro no momento da recollida efectiva da persoa usuaria non poderá superar o importe correspondente ao mínimo establecido para o inicio do servizo.

3. A consellaría con competencias en materia de transporte, en colaboración coas asociacións representativas do sector e co Consello Galego de Transportes, promoverá o desenvolvemento de actuacións dirixidas a integrar os sistemas de radiotaxi existentes, de xeito que se faga uniforme a contratación do servizo de taxis na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 33. Contratación ou reserva previa

1. Os servizos de taxi poderán ser obxecto de concertación ou reserva previa entre o titular da actividade e o cliente, ben directamente ben mediante a utilización de centrais de reserva.

Nestes supostos, agás indicación expresa efectuada no momento da referida concertación, o taxista ou a central de reservas, segundo o caso, asumirán a responsabilidade de prestación efectiva do servizo ante o cliente.

2. Mediante a súa concertación previa, poderá preverse que o acceso das persoas usuarias ao vehículo se efectúe en distinto termo municipal a aquel en que estea domiciliada a licenza de taxi, sempre que se cumpran as seguintes condicións:

a) Que o contrato se documente por escrito coa persoa usuaria do servizo ou cun mandatario verbal seu; neste último caso deberase deixar constancia escrita da existencia do mandato antes do inicio do transporte.

b) Que o servizo concertado teña por destino efectivo o concello en que está domiciliada a licenza de taxi ou que se trate dun servizo de taxi para persoas usuarias de mobilidade reducida e en cadeira de rodas, sempre e cando nos municipios de orixe e destino non existan vehículos de taxi adaptados de conformidade co establecido na lexislación vixente.

3. Nos supostos previstos no punto anterior, o contrato de transporte deberá levarse nun lugar visible do vehículo durante o servizo e estará á disposición da inspección de transportes en calquera momento da prestación do servizo.

Estableceranse regulamentariamente o contido mínimo destes contratos, así como as obrigas de conservación e custodia e de comunicación ás administracións competentes.

Artigo 34. Denegación do servizo

A persoa condutora pode denegar a prestación do servizo de taxi cando sexa solicitado para finalidades que se presuman racionalmente como ilícitas ou cando concorran circunstancias especiais de risco para a seguridade ou a integridade física das persoas ou do vehículo.

Sección 4ª. Continuidade na prestación do servizo de taxi

Artigo 35. Ordenación do servizo

Os concellos e as entidades competentes nas áreas territoriais de prestación conxunta, para lograren unha debida coordinación do servizo, poderán regular no seu ámbito territorial, con suxeición á lexislación laboral e de seguridade social aplicable, e oídas as asociacións representativa do sector e o Consello Galego de Transportes, o réxime de horarios, calendarios, descansos, interrupcións da prestación do servizo e vacacións das persoas titulares das licenzas de taxi e das persoas condutoras, procurando que exista unha continuidade na prestación do servizo de taxi nas condicións que regulamentariamente se establezan.

Artigo 36. Situacións especiais

Cando en puntos específicos, como estacións ferroviarias ou de autobuses, aeroportos, feiras, mercados, hospitais, polígonos industriais, centros comerciais ou de ocio e outros similares, se xere un importante volume de tráfico que afecte varios municipios e xurdan necesidades de transporte que non estean suficientemente atendidas, a consellaría competente en materia de transporte poderá establecer, logo do informe dos municipios afectados, un réxime específico que incorpore a posibilidade de que vehículos con licenza de taxi noutros municipios realicen servizos con orixe naqueles puntos de xeración de tráfico.

Artigo 37. Servizo nocturno

Corresponde a cada concello asegurar a prestación de servizos de transporte nocturno de taxi.

No suposto de que se constate a insuficiencia de servizos nocturnos interurbanos nun determinado municipio, a consellaría competente poderá requirir o concello para o cumprimento da dita obriga.

Transcorridos tres meses desde a recepción do requirimento sen que se acredite o cumprimento daquela obriga, a consellaría competente poderá acordar que os servizos nocturnos sexan prestados por taxis dos municipios limítrofes ou máis próximos. Estas autorizacións poderán outorgarse baixo condición resolutoria ou sometidas a reserva de revogación no caso de que se restableza a garantía de prestación do servizo.

Sección 5ª. Servizos específicos

Artigo 38. Taxis adaptados

1. Os municipios ou, de ser o caso, as entidades competentes nas áreas territoriais de prestación conxunta deberán establecer as disposicións oportunas para que se garanta a existencia de vehículos de taxi adaptados para transportar persoas usuarias con mobilidade reducida e en cadeira de rodas, de conformidade co establecido pola lexislación vixente. Para tal efecto, deberá establecerse un réxime de coordinación de horarios, así como un calendario semanal de dispoñibilidade destes vehículos.

2. O número mínimo de taxis adaptados deberá ser suficiente para atender as necesidades existentes en función do tamaño da poboación e das circunstancias socioeconómicas da zona, e deberase garantir a porcentaxe mínima de vehículos adaptados que estableza a lexislación sectorial específica.

3. Os taxis adaptados darán servizo preferente ás persoas con mobilidade reducida, pero non terán ese uso exclusivo.

Os condutores e condutoras serán os responsables da colocación das ancoraxes e dos cintos de seguridade e da manipulación dos equipamentos instalados que faciliten o acceso aos vehículos e a saída deles das persoas con mobilidade reducida.

Artigo 39. Outros servizos

1. Os servizos de traslado de persoas enfermas, lesionadas ou de idade avanzada a centros sanitarios, asistenciais ou residenciais poderán efectuarse a través de vehículos que presten o servizo de taxi, sempre que as ditas persoas non requiran de coidados especiais que deba prestar persoal cualificado ou da necesidade de utilizar un vehículo dotado dun equipamento específico.

2. A prestación de servizos de transporte público regular, á demanda ou de uso especial por vehículos adscritos á actividade de taxi axustarase ás condicións que regulamentariamente se establezan.

CAPÍTULO III
Réxime económico

Artigo 40. Réxime económico

1. A prestación do servizo de taxi está suxeita a un réxime de tarifas obrigatorias, que deberán garantir a cobertura do custo real do servizo en condicións normais de produtividade e organización e permitirán unha adecuada amortización e un razoable beneficio industrial.

2. A consellaría competente en materia de transporte en vehículos de turismo, oído o Consello Galego de Transportes, poderá establecer unha estrutura harmonizada das tarifas de taxi aplicable no conxunto da comunidade autónoma, determinando os conceptos desta estrutura, cuxa cuantificación corresponderá efectuar aos concellos para os seus respectivos ámbitos competenciais.

3. As tarifas poderán ser revisadas periodicamente ou, de maneira excepcional, cando se produza unha variación nos custos que altere significativamente o equilibrio económico da actividade.

4. As tarifas de aplicación aos servizos urbanos de taxi serán fixadas polos concellos ou, de ser o caso, polas entidades competentes das áreas territoriais de prestación conxunta, e as tarifas aplicables aos servizos interurbanos serán fixadas pola consellaría competente en materia de transportes da Xunta de Galicia.

Para fixar as referidas tarifas será preceptivo dar audiencia, previa á súa aprobación, ao Consello Galego de Transportes, para recadar as consideracións que xulgue pertinentes.

En todo caso, a aprobación das tarifas está suxeita á lexislación vixente en materia de prezos.

5. As tarifas serán de obrigada observancia para os titulares das licenzas de taxi e das autorizacións interurbanas de taxi e para as persoas usuarias. As administracións competentes adoptarán as medidas oportunas para o debido control da súa aplicación.

6. As tarifas aplicables serán visibles para a persoa usuaria desde o interior do vehículo, con indicación dos suplementos e das tarifas especiais que proceda aplicar en determinados servizos.

7. A normativa de desenvolvemento da lei poderá establecer as condicións específicas de cobramento anticipado, total ou parcial, dos servizos cando as condicións especiais da súa prestación así o aconsellen.

Tamén se poderá establecer un réxime de tarifas específicas no suposto de servizos contratados por praza individual.

Artigo 41. Taxímetro e indicadores externos

1. Os vehículos que prestan os servizos de taxi, urbano e interurbano, deben estar equipados cun aparello taxímetro debidamente precintado, homologado e verificado de acordo coas normas establecidas polo órgano competente en materia de metroloxía, co fin de determinar o prezo de cada servizo.

A disposición de taxímetro non será obrigatoria nos concellos de menos de 10.000 habitantes que non estean integrados nunha área territorial de prestación conxunta, agás que o concello estableza a súa obrigatoriedade atendendo circunstancias tales como o carácter turístico do municipio, o incremento estacional da súa poboación, a petición da maioría dos titulares de licenza de taxi existentes no municipio ou outras causas xustificadas.

Os novos taxímetros que se instalen a partir da entrada en vigor desta lei deberán incorporar impresora de factura.

2. O taxímetro deberá estar situado no terzo central da parte dianteira dos vehículos, co fin de permitir a súa visualización polas persoas usuarias, e terá que estar iluminado cando estea en funcionamento.

3. En todo caso, os taxis deben estar equipados tamén cun módulo luminoso exterior que sinale claramente, de acordo coa normativa técnica de aplicación, tanto a dispoñibilidade do vehículo para prestar o servizo como a tarifa que resulte aplicable.

CAPÍTULO IV
Estatuto xurídico das persoas usuarias do taxi

Artigo 42. Dereitos das persoas usuarias

Sen prexuízo dos dereitos recoñecidos con carácter xeral pola normativa vixente e daqueloutros que lles recoñezan as normas que desenvolvan esta lei, as persoas usuarias do servizo de taxi teñen os seguintes dereitos:

a) A acceder ao servizo en condicións de igualdade. Os condutores e condutoras que prestan o servizo deberán proporcionar a súa axuda ás persoas con mobilidade reducida, así como a aquelas que vaian acompañadas de nenos e nenas, ou ás mulleres xestantes, e deberán cargar e descargar a súa equipaxe.

b) A identificar a persoa condutora e a recibir unha atención correcta de quen presta o servizo.

c) Á prestación do servizo con vehículos que dispoñan das condicións óptimas, no interior e no exterior, en canto á hixiene, limpeza, comodidade e estado de conservación.

d) A subir e a baixar do vehículo en lugares onde quede suficientemente garantida a seguridade das persoas.

e) A seleccionar o percorrido que consideren máis adecuado para a prestación do servizo. No suposto de que non exerzan o referido dereito, sempre debe realizarse seguindo o itinerario previsiblemente máis curto, tendo en conta tanto a distancia que se vai percorrer como o tempo estimado de duración do servizo, segundo as condicións de saturación da circulación.

f) A obter información sobre o número de licenza de taxi ou de autorización interurbana de taxi e as tarifas aplicables aos servizos.

g) A poder ir acompañada dun can guía no caso das persoas cegas ou con discapacidade visual.

h) A transportar equipaxes de conformidade coas condicións que regulamentariamente se establezan.

i) A que se lle facilite á persoa usuaria o cambio de moeda ata a cantidade que regulamentariamente se estableza.

j) A recibir un documento xustificativo da prestación do servizo en que conste o prezo, a orixe e o destino do servizo, o número de licenza de taxi do vehículo que atendeu o servizo, a identificación da persoa titular dos títulos habilitantes e da persoa condutora e, por petición da persoa usuaria, o itinerario percorrido.

k) A formular as reclamacións que xulguen oportunas en relación coa prestación do servizo. O condutor ou condutora deberá facilitar, por petición da persoa usuaria, follas de reclamacións.

Artigo 43. Deberes das persoas usuarias

As persoas usuarias do servizo de taxi deberán cumprir as normas de utilización que se establezan regulamentariamente, e, en todo caso, teñen os seguintes deberes:

a) Adoptar un comportamento respectuoso durante a prestación do servizo, sen interferir na condución do vehículo e sen que poida implicar perigo para as persoas e os bens.

b) Pagar o prezo da prestación do servizo de acordo co réxime de tarifas establecido.

c) Non manipular, destruír ou deteriorar ningún elemento do vehículo durante o servizo.

d) Absterse de fumar, beber alcohol ou consumir calquera tipo de substancia estupefaciente no interior do vehículo.

e) Respectar as instrucións da persoa condutora en relación coa prestación do servizo en condicións de seguridade.

CAPÍTULO V
Áreas territoriais de prestación conxunta

Artigo 44. Áreas territoriais de prestación conxunta

1. Nas zonas en que exista unha influencia recíproca entre os servizos de taxi de varios municipios con continuidade xeográfica e sempre que a adecuada ordenación de tales servizos transcenda o interese de cada un deles, poderanse crear áreas territoriais de prestación conxunta, que no seu ámbito territorial exercerán as competencias que esta lei atribúe aos concellos.

2. Nas áreas territoriais de prestación conxunta, os vehículos con licenza de taxi estarán facultados para a prestación dos servizos de taxi que se realicen integramente dentro da dita área ou se inicien no interior delas.

Todos os taxis terán que dispoñer de aparellos taxímetros e existirá un réxime común de tarifas para todo o seu ámbito.

3. A persoa titular da consellaría competente en materia de transportes poderá autorizar a creación dunha área territorial de prestación conxunta cando a dita proposta conte co acordo favorable de todos os concellos que a propoñan, se aprecie a existencia dunha influencia recíproca dos servizos de taxi, as súas normas de funcionamento se axusten á legalidade vixente e o seu establecemento se adecue ao planeamento xeral de transportes que, de ser o caso, resulte aplicable á zona para a cal se estableza a área.

4. No suposto de que a iniciativa para a constitución dunha área territorial de prestación conxunta parta da consellaría competente en materia de transportes, precisarase do informe favorable das dúas terceiras partes dos municipios que se propoña incluír nela e que representen, como mínimo, un setenta e cinco por cento do total da poboación da área territorial de prestación conxunta.

A súa creación efectuarase mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de transportes.

5. Desenvolveranse regulamentariamente as disposicións de aplicación deste artigo e establecerase o procedemento para a constitución das áreas territoriais de prestación conxunta.

No dito procedemento preverase a documentación necesaria para a súa autorización, na cal, como mínimo, deberá figurar unha memoria en que se xustifique a interacción ou a influencia recíproca do ámbito afectado, a proposta de designación do órgano ou da entidade que asumiría a xestión da área territorial de prestación conxunta e unha proposta de normas de funcionamento.

TÍTULO III
Do arrendamento de vehículos con condutor

Artigo 45. Suxeición a título habilitante

1. Para os efectos desta lei, o arrendamento de vehículos de turismo con condutor para o transporte de persoas terá a consideración de transporte público e discrecional de viaxeiros.

2. A actividade de arrendamento de vehículos con condutor unicamente poderá ser realizada por aquelas persoas físicas ou xurídicas que dispoñan da correspondente autorización administrativa que as habilite para a súa realización.

Esta autorización estará referida a cada un dos vehículos mediante os cales se realiza a actividade.

3. As disposicións desta lei serán aplicables a todos os servizos prestados ao abeiro de autorizacións administrativas de arrendamento de vehículos con condutor domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 46. Competencias para o seu outorgamento

O outorgamento das autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor que se domicilien no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia será realizado polo órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que, directamente ou por delegación, teña atribuída a competencia para a súa expedición.

Artigo 47. Requisitos para desenvolver a actividade

A persoa física ou xurídica titular da autorización deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de, polo menos, un local ou oficina aberto ao público dedicado á actividade de arrendamento de vehículos.

b) Ter á disposición, en réxime de propiedade, arrendamento ou en virtude de calquera outro dereito xuridicamente válido, o número mínimo de vehículos dedicados á actividade de arrendamento con condutor que se estableza na normativa de desenvolvemento desta lei.

c) Acreditar que os vehículos adscritos á actividade cumpran coas características mínimas de equipamento, potencia e prestacións, así como de antigüidade, regulamentariamente establecidas.

d) Dispoñer do número mínimo de persoas condutoras por vehículos que se estableza regulamentariamente, as cales deberán contar coa correspondente habilitación para a súa condución e estar dadas de alta na Seguridade Social e contratadas a xornada completa.

e) Ter subscritos os seguros que con carácter xeral sexan obrigatorios para a realización da actividade de transporte público de persoas.

f) Aqueloutros requisitos que, respecto do adecuado exercicio da actividade, sexan determinados regulamentariamente.

Artigo 48. Outorgamento de autorizacións

1. Cando se acredite o cumprimento dos requisitos a que se refire o artigo anterior, o órgano competente procederá a outorgar as autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor. Poderá denegarse unicamente no caso de que exista unha desproporción manifesta entre o número de autorizacións desta clase outorgadas no ámbito territorial do concello e os potenciais usuarios e usuarias do servizo.

2. A persoa titular da consellaría con competencia en materia de transporte, no ámbito das súas competencias e coa finalidade de respectar o equilibrio existente entre a oferta e a demanda de transporte público de persoas con vehículos de turismo, poderá limitar o número máximo de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor.

3. Establecerase regulamentariamente un procedemento para a fixación do número máximo de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor conforme o cal se verifique a existencia dunha desproporción entre a oferta e a demanda na referida actividade e a posibilidade de establecer limitacións ao outorgamento de novas autorizacións.

No dito procedemento deberá establecerse a necesidade de elaborar un estudo previo de mobilidade en que se analicen a situación existente na actividade de arrendamento de vehículos con condutor e as necesidades reais da súa extensión, e tamén as repercusións do outorgamento de novas autorizacións no conxunto do transporte público de persoas en vehículos de turismo, e, por outra parte, deberá quedar garantida a audiencia do Consello Galego de Transportes.

Artigo 49. Vixencia das autorizacións

1. As autorizacións administrativas para o exercicio da actividade de arrendamento de vehículos con condutor outorgaranse sen prazo de duración prefixado, ben que a súa validez quedará condicionada ao seu visado periódico.

Mediante o visado constatarase o mantemento das condicións que xustificaron o seu outorgamento e dos requisitos que resulten de obrigado cumprimento para o exercicio desta actividade.

2. A falta de visado determinará a extinción automática da correspondente autorización, sen necesidade dunha declaración da administración nese sentido.

3. Mediante orde do titular da consellaría competente en materia de transporte regularanse os trámites, a documentación, a periodicidade e os demais requisitos necesarios para o visado das autorizacións.

4. O órgano competente poderá comprobar, en todo momento, o cumprimento dos requisitos esixidos para o seu outorgamento e a debida explotación, e poderá solicitar ás persoas titulares das autorizacións a documentación que xulgue pertinente para efectuar a dita comprobación, sen prexuízo das comprobacións que se realicen mediante o visado periódico previsto neste artigo.

5. A extinción da autorización producirase nos supostos de caducidade por incumprimento das condicións que xustifican o seu outorgamento ou pola súa revogación, mediando a indemnización correspondente.

Establecerase regulamentariamente o procedemento para a extinción das autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor.

Artigo 50. Transmisibilidade das autorizacións

1. As autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor serán transmisibles por actos inter vivos sempre que o adquirente cumpra os requisitos e as condicións precisos para ser titular daquelas. En canto ao número mínimo de vehículos, o adquirente deberá acreditar que con aqueles que adquira por transmisión dispoñerá do mínimo que se prevexa con carácter xeral, ou ben que era previamente titular de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A dita transmisión deberá ser autorizada polo órgano concedente, que poderá denegala unicamente no suposto de que non se acredite o cumprimento das condicións esixibles para ser titular de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor ou cando estean pendentes do pagamento sancións pecuniarias impostas ao transmitente ou ao adquirente mediante resolucións administrativas que poñan fin á vía administrativa pola comisión de infraccións recollidas na lei.

3. As autorizacións transmitidas continuarán referidas aos mesmos vehículos, sobre os cales o cesionario deberá ter adquirido a súa titularidade ou facultades sobre a súa disposición que lle permitan o exercicio da actividade, agás que achegue simultaneamente vehículos distintos que cumpran os requisitos establecidos para exercer a actividade de arrendamento de vehículos con condutor.

4. As autorizacións de vehículos con condutor serán transmisibles mortis causa aos herdeiros da persoa titular. A comunidade de herdeiros titular das autorizacións poderá selo durante un prazo máximo de dous anos, transcorrido o cal a súa titularidade deberá recaer nunha persoa física ou xurídica que reúna os requisitos para ser titular de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor.

O transcurso do devandito prazo sen cumprir a dita condición implicará a caducidade da autorización.

Artigo 51. Contratación do servizo

1. O arrendamento de vehículos con condutor deberá contratarse previamente nas oficinas ou nos locais da empresa arrendadora situados no municipio en que estea domiciliada a correspondente autorización e deberá formalizarse por escrito. Deberá levarse a bordo do vehículo unha copia acreditativa do contrato.

2. A contratación deberá realizarse sempre pola capacidade total dos vehículos, sen que, en ningún caso, se poida admitir unha contratación individual ou por prazas.

3. Regulamentariamente poderá habilitarse a posibilidade de que a contratación do servizo se poida efectuar por medios telemáticos, e deberase garantir, en todo caso, o cumprimento do requisito da efectiva contratación previa á realización de calquera servizo.

4. En ningún caso os vehículos adscritos á actividade de arrendamento con condutor poderán agardar ou circular polas vías públicas en busca de clientes, nin realizar recollida destes que non contraten previamente o servizo.

5. A consellaría competente en materia de transportes, considerando a contía das tarifas establecidas para a realización dos servizos de taxi e coa finalidade de garantirlles ás persoas consumidoras e usuarias a calidade diferenciada dos servizos de arrendamento con condutor, poderá establecer unha contía mínima aplicable á realización de servizos desta última tipoloxía que se desenvolvan integramente no territorio de Galicia.

Artigo 52. Folla de ruta

1. As empresas titulares de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor deberán cubrir unha folla de ruta por cada servizo contratado, que se deberá conservar durante o prazo dun ano desde a celebración do contrato e que estará á disposición dos servizos de inspección de transporte terrestre.

2. Establecerase regulamentariamente o contido mínimo das follas de ruta, nas cales deberán constar, cando menos, os datos identificativos do arrendador e do arrendatario, o lugar e a data de celebración do contrato que motiva o desprazamento, o lugar, a data e a hora en que teña que iniciarse o servizo, a data en que este vai finalizar e o lugar de destino, a matrícula do vehículo empregado para o desprazamento e aqueloutras disposicións que libremente fagan constar as partes contratantes.

3. Cando no contrato celebrado para a realización do servizo se inclúa a totalidade dos datos esixidos para cubrir a folla de ruta, poderanse refundir nun único documento.

Artigo 53. Vehículos adscritos á actividade

1. Os vehículos afectos a unha autorización de arrendamento de vehículos con condutor deberán cumprir as características mínimas de equipamento, potencia, prestacións e antigüidade que se establezan regulamentariamente. Así mesmo, por medio de regulamento poderase establecer un número mínimo de vehículos para realizar a actividade.

2. Os vehículos non poderán levar ningunha publicidade nin signos externos identificativos, agás a placa relativa á súa condición de servizo público.

3. Logo da autorización do seu órgano concedente, os vehículos a que se refiran as autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor poderán substituírse por outros máis modernos.

Artigo 54. Persoas condutoras

As empresas titulares de autorizacións de vehículos con condutor terán a obriga de dispoñer dun mínimo de persoas condutoras, nos termos que se establezan regulamentariamente, que deberán ser contratadas a xornada completa, con dedicación exclusiva, e estar dadas de alta na empresa titular da autorización.

Artigo 55. Dispoñibilidade de local

As empresas titulares das autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor dispoñerán, para o exercicio da súa actividade, dun local aberto ao público.

O dito local deberá estar situado no municipio onde estean domiciliados os vehículos e as autorizacións, estará dedicado en exclusiva á actividade de arrendamento de vehículos con condutor e non poderá ser compartido por varias empresas.

TÍTULO IV
Inspección, infraccións e sancións

CAPÍTULO I
Inspección

Artigo 56. Inspección

1. As actividades de transporte de persoas en vehículos de turismo someteranse a control administrativo.

2. A función inspectora exercerase de oficio, mediando ou non denuncia previa, e ten como finalidade garantir a adecuación da actividade de transporte de persoas en vehículos de turismo ao establecido pola normativa vixente nesta materia concreta.

3. As funcións de vixilancia e inspección dos servizos de taxi corresponderán, segundo o caso, aos órganos que expresamente determinen os concellos ou ao órgano de xestión da área territorial de prestación conxunta ou aos órganos competentes en materia de transportes da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias doutras administracións públicas en materia de inspección.

Artigo 57. Persoal inspector

1. O persoal que desempeñe o labor de inspección ten recoñecidos, no exercicio das súas funcións, o carácter e a potestade de autoridade pública.

En todo caso, o dito persoal inspector deberá estar provisto dun documento acreditativo da súa condición, expedido pola administración competente, que deberá ser exhibido con carácter previo ao exercicio das súas funcións.

2. As actas estendidas polos servizos de inspección reflectirán claramente os feitos ou as circunstancias que poden ser constitutivos de infracción, os datos persoais do presunto infractor ou infractora ou da persoa inspeccionada, as manifestacións que esta faga constar e as disposicións que, se procede, se consideren infrinxidas.

3. Os feitos constatados nas actas que se estendan no exercicio da función inspectora gozan de presunción de veracidade e terán valor probatorio, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar as persoas interesadas.

4. O persoal inspector poderá solicitar o auxilio da Policía Autonómica, da correspondente policía local, doutras forzas e corpos de seguridade do Estado e de servizos de inspección doutras administracións públicas.

CAPÍTULO II
Infraccións

Artigo 58. Regras sobre a responsabilidade

1. A responsabilidade administrativa polas infraccións das normas reguladoras do transporte de persoas en vehículos de turismo corresponderá:

a) Nas infraccións cometidas con ocasión da realización de servizos de taxi ou de arrendamento de vehículos con condutor amparados nos preceptivos títulos habilitantes, ao seu titular.

b) Nas infraccións cometidas con ocasión de servizos de taxi ou de arrendamento de vehículos con condutor realizados ao abeiro de títulos habilitantes expedidos a nome doutras persoas, á persoa física ou xurídica que utilice os ditos títulos e á persoa a nome da cal se expedisen aqueles títulos, agás que esta última demostre que non deu o seu consentimento.

c) Nas infraccións cometidas con ocasión de servizos de taxi ou de arrendamento de vehículos con condutor realizados sen a cobertura do correspondente título habilitante, á persoa que teña atribuída a facultade de uso do vehículo, ben sexa a título de propiedade, alugamento, arrendamento financeiro, renting ou calquera outra forma admitida pola lexislación vixente.

Este réxime de responsabilidade aplicarase tamén ás infraccións que consistan na difusión de ofertas comerciais para a realización de actividades para as cales non se conte co preceptivo título habilitante.

d) Nas infraccións cometidas polas persoas usuarias e, en xeral, por terceiros que, sen estaren comprendidos nas alíneas anteriores, realicen feitos que constitúan infraccións recollidas nesta lei, á persoa física ou xurídica a quen vaia dirixido o precepto infrinxido ou a quen a disposición correspondente lle atribúa especificamente a responsabilidade.

2. A responsabilidade administrativa esixirase ás persoas físicas ou xurídicas a que se refire o punto anterior, sen prexuízo de que estas poidan deducir as accións que resulten procedentes contra as persoas ás cales lles sexan materialmente imputables as infraccións.

Artigo 59. Infraccións

1. Son infraccións as accións e as omisións que contraveñan as obrigas establecidas por esta lei a título de dolo, culpa ou simple inobservancia.

2. As infraccións das normas reguladoras dos servizos de taxi ou de arrendamento de vehículos con condutor clasifícanse en moi graves, graves e leves.

3. As normas de desenvolvemento desta lei poden concretar as infraccións que esta establece e efectuar as especificacións que, sen constituíren novas infraccións nin alteraren a natureza das tipificadas, permitan unha mellor identificación das condutas sancionables.

Artigo 60. Infraccións moi graves

Considéranse infraccións moi graves:

a) A realización de servizos de taxi ou de arrendamento de vehículos con condutor carecendo dos preceptivos títulos habilitantes ou con estes suspendidos, anulados, caducados, revogados, sen ter realizado o visado obrigatorio ou por calquera outra causa ou circunstancia pola que as referidas habilitacións expedidas para exercer a actividade xa non sexan válidas. No suposto de que a infracción consista na falta de visado obrigatorio e este se realizase con anterioridade á data de resolución do procedemento sancionador, a infracción terá a cualificación de leve.

b) Prestar os servizos de transporte de persoas en vehículos de turismo mediante un condutor ou condutora que non estea debidamente autorizado para a condución e habilitado para a prestación do servizo.

c) A cesión ou a transmisión, expresa ou tácita, dos títulos habilitantes por parte dos seus titulares a favor doutras persoas sen a preceptiva autorización.

d) O falseamento de documentos que teñan que ser presentados como requisito para a obtención dos títulos habilitantes ou dos datos que deban figurar nos ditos títulos habilitantes.

e) A negativa ou a obstrución á actuación dos servizos de inspección que impida o exercicio das funcións que legal ou regulamentariamente teñan atribuídas.

f) O incumprimento, por parte do titular do vehículo, da obriga de subscribir os seguros preceptivos.

g) O incumprimento das obrigas de prestación do servizo de taxi impostas pola administración competente na materia.

h) Non levar o aparello taxímetro no caso de que este sexa esixible, a manipulación deste, facelo funcionar de xeito inadecuado ou impedir a súa visibilidade á persoa usuaria, así como cantas accións teñan por finalidade alterar o seu normal funcionamento, e a instalación de elementos mecánicos, electrónicos ou doutra natureza destinados a alterar o correcto funcionamento do taxímetro ou a modificar as súas medicións, mesmo cando este non estea en funcionamento no momento de se realizar a inspección.

A responsabilidade pola dita infracción corresponderá tanto ás persoas que manipulasen o taxímetro ou colaborasen na súa manipulación como ao taxista que o teña instalado no seu vehículo.

i) A prestación de servizos de transporte de persoas con vehículos que incumpran as condicións técnicas sobre accesibilidade de persoas con mobilidade reducida que en cada caso se determinen, sempre que o vehículo sexa un taxi adaptado.

j) O arrendamento de vehículos con condutor incumprindo as obrigas de contratación establecidas nesta lei e nas súas disposicións de desenvolvemento ou a recollida de clientes que non contratasen previamente o servizo de conformidade co establecido na normativa reguladora.

k) Prestar o servizo cun número de ocupantes do vehículo que supere o número de prazas autorizadas, de conformidade coa normativa vixente.

l) A realización de servizos de transporte de persoas mediante cobramento individual, agás nos casos en que estea expresamente autorizado.

Artigo 61. Infraccións graves

Considéranse infraccións graves:

a) Carecer do preceptivo documento no cal se deben formular as reclamacións das persoas usuarias ou negar ou obstaculizar a súa disposición ao público.

b) Non atender a solicitude a unha demanda de servizo de taxi por parte dunha persoa usuaria estando de servizo, ou abandonar un servizo antes da súa finalización, agás que existan causas xustificadas de perigo fundado para a persoa condutora ou para o vehículo de turismo.

c) A realización de servizos de transporte iniciados nun termo municipal distinto do que corresponde á licenza de taxi, agás nos supostos legalmente exceptuados.

d) Incumprir o réxime de tarifas vixente para o servizo de taxi.

e) A prestación de servizos con vehículos distintos aos identificados adscritos ás licenzas de taxi e ás autorizacións interurbanas de taxi, agás nos casos de substitución debidamente autorizados, así como o incumprimento do ámbito territorial dos devanditos títulos habilitantes.

f) A realización de servizos de taxi por itinerarios inadecuados que sexan lesivos economicamente para os intereses da persoa usuaria ou desatendendo as súas indicacións sen causa xustificada de perigo para a persoa condutora ou danos para o vehículo de turismo.

g) Levar a cabo servizos de transporte de persoas en vehículos de turismo sen levar a bordo a documentación acreditativa necesaria para controlar a legalidade do transporte.

h) A realización de servizos de arrendamento de vehículos con condutor sen dispoñer da documentación que resulte obrigatoria para acreditar a correcta utilización do vehículo.

i) A difusión de ofertas comerciais para a realización de actividades de transporte de persoas en vehículos de turismo sen dispoñer dos correspondentes títulos habilitantes para exercer as ditas actividades segundo o disposto nesta lei.

j) Non dispoñer, no caso de autorización de arrendamento de vehículos con condutor, do número mínimo de vehículos ou dos caracteres esixibles a estes.

k) A retención de obxectos abandonados no vehículo sen dar conta á autoridade competente.

l) A utilización de locais non autorizados para o exercicio da actividade de arrendamento de vehículos con condutor, así como o arrendamento de vehículos fóra das oficinas ou dos locais que se determinen ou a recollida de clientes que non contratasen previamente.

m) Non ter expostos nos locais á disposición do público os folletos ou as listas impresas nos cales se indiquen os prezos pola realización de servizos de arrendamento de vehículos con condutor.

n) A carencia de contrato e de folla de ruta ou a ocultación ou a non conservación por parte da empresa dunha copia durante un ano.

ñ) Non dispoñer dos cadros de tarifas e do resto de documentación que se teña que exhibir para o coñecemento das persoas usuarias.

o) O trato desconsiderado aos clientes, así como a non prestación do servizo nas condicións de hixiene e/ou calidade esixibles.

p) Calquera das infraccións previstas como moi graves cando pola súa natureza, ocasión ou circunstancia non deba ser cualificada como moi grave.

Artigo 62. Infraccións leves

Considéranse infraccións leves:

a) Non levar en lugar visible os distintivos que sexan esixibles ou levalos nunhas condicións que dificulten a súa percepción ou facer un uso inadecuado deles.

b) Non respectar os dereitos das persoas usuarias establecidos nesta lei.

c) A realización da actividade de arrendamento de vehículos con condutor con vehículos alleos sobre os cales non se teñan as condicións de dispoñibilidade legalmente esixibles.

d) Non levar a bordo do vehículo a documentación formal que acredite a posibilidade legal de prestar o servizo, sempre que se dispoña dela.

e) Incumprir as normas que se poidan establecer sobre publicidade nos vehículos dedicados ao transporte de persoas en vehículos de turismo.

f) A carencia no vehículo ou nos locais do letreiro que indique a existencia de follas de reclamacións.

g) Non entregar o recibo ou a factura do servizo prestado ás persoas usuarias, se estas o solicitan, ou entregarlles un recibo ou unha factura que non cumpra os requisitos establecidos pola normativa aplicable.

h) O incumprimento polas persoas usuarias dos deberes que lles correspondan.

i) Non levar a bordo do vehículo a folla de ruta ou levala sen cubrir, agás que o seu contido se recolla no contrato subscrito para a prestación do servizo.

j) Non levar a placa relativa á súa condición de vehículo de servizo público.

k) A carencia de cambio de moeda metálica ou de billetes ata a cantidade que estea regulamentariamente establecida.

l) Non expoñer ao público os cadros de prezos autorizados ou telos en lugares non visibles.

m) Levar o vehículo sen conexión con centrais de seguridade cando o dito servizo estea concertado cunha entidade pública ou se publicite a dita conexión ás persoas usuarias do servizo.

n) Calquera infracción das que teñen consideración de graves cando pola súa natureza, ocasión ou circunstancias non deba ser cualificada como grave. Deberá xustificarse a existencia das ditas circunstancias e motivarse na resolución correspondente.

CAPÍTULO III
Sancións

Artigo 63. Sancións

1. As infraccións leves sancionaranse con multas de ata 400 euros; as graves, con multa desde 401 ata 2.000 euros; e as moi graves, con multa desde 2.001 ata 6.000 euros e a posibilidade de declarar a caducidade do título administrativo habilitante.

2. As sancións deberán graduarse tendo en conta os danos e perdas ocasionados, a intencionalidade e a reincidencia.

Considérase reincidencia a comisión, no prazo dun ano, de máis dunha infracción administrativa da mesma natureza cando así fose declarado por resolución firme na vía administrativa.

No caso de infraccións cometidas no exercicio da actividade de taxi, as contías das sancións impoñeranse no seu terzo inferior, agás as previstas nas alíneas a) e g) do artigo 60.

3. As sancións anteriores enténdense sen prexuízo, de ser o caso, da posibilidade de declarar a caducidade do correspondente título habilitante e a autorización, nos casos en que esta proceda por incumprir as condicións que xustificaron o seu outorgamento, ou as que resulten necesarias para o exercicio da actividade.

Artigo 64. Competencia para a imposición de sancións

1. A competencia para a imposición das sancións previstas nesta lei respecto da prestación dos servizos urbanos de taxi corresponderá aos órganos que expresamente determinen os concellos.

2. A competencia para a imposición de sancións previstas nesta lei respecto dos servizos interurbanos de taxi e da actividade de arrendamento de vehículos con condutor corresponderá aos órganos do departamento competente en materia de transportes da Administración da Comunidade Autónoma.

CAPÍTULO IV
Procedemento sancionador e prescrición

Artigo 65. Procedemento sancionador

1. O procedemento para a imposición de sancións será o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como na normativa procedemental sancionadora que se dite en materia de transportes, e no Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

2. Antes do inicio do procedemento administrativo sancionador, o órgano competente, de oficio ou por instancia de parte, nos casos de urxencia, para protexer provisionalmente os intereses das persoas implicadas, pode adoptar as medidas adecuadas para este efecto.

Estas medidas deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas polo acordo de incoación do procedemento sancionador, que terá que se producir nos quince días seguintes ao da adopción do acordo.

3. Na execución das sancións atenderase a regulación do procedemento sancionador do título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o establecido no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aprobou o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, e a normativa sobre recadación de tributos.

4. O pagamento das sancións pecuniarias impostas por resolución que poña fin á vía administrativa será requisito necesario para que proceda a realización do visado obrigatorio previsto nos artigos 18 e 49 desta lei e a autorización administrativa á transmisión de licenzas de taxi ou de autorizacións interurbanas de taxi.

5. O prazo dentro do cal se debe notificar a resolución do procedemento sancionador é dun ano desde a data do acordo de incoación do correspondente expediente sancionador, sen que en ningún caso se poida entender iniciado aquel procedemento mediante a formulación do correspondente boletín de denuncia.

Unha vez transcorrido o dito prazo, débese acordar a caducidade do referido procedemento e o arquivo de todas as actuacións.

6. As infraccións cometidas polos titulares de títulos habilitantes e as sancións que se lles impoñan serán obxecto de anotación no Rexistro de Títulos Habilitantes.

Artigo 66. Prescrición das infraccións e das sancións

1. As infraccións e as sancións moi graves prescribirán aos tres anos; as graves, aos dous anos; e as leves, ao ano.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese, e o das sancións, desde o día seguinte a aquel en que adquirise firmeza a resolución pola cal se impón a sanción.

3. Interromperá a prescrición da infracción a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, e volverá transcorrer o prazo de prescrición se o expediente sancionador está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.

No caso das sancións, a prescrición interromperase coa iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se o dito procedemento está paralizado durante máis dun mes por causa imputable ao infractor.

Disposición adicional primeira. Capacitación profesional para ser titular de títulos habilitantes

A consellaría competente en materia de transportes, oído o Consello Galego de Transportes, poderá establecer, mediante orde, un réxime de capacitación profesional para ser titular dos títulos habilitantes previstos nesta lei.

Disposición adicional segunda. Áreas territoriais de prestación conxunta

Todas as mencións que nesta lei se efectúan aos concellos deberán entenderse referidas, de ser o caso, ás entidades competentes das áreas territoriais de prestación conxunta creadas ao seu abeiro.

Disposición adicional terceira. Xunta Arbitral de Transporte de Galicia

Sempre que exista acordo entre as partes interesadas, as controversias de carácter mercantil que poidan xurdir en relación cos contratos de transporte de persoas en vehículos de turismo poderán someterse, cos efectos establecidos na lexislación de transportes terrestres, ao coñecemento da Xunta Arbitral de Transporte de Galicia.

Presumirase que existe submisión nos termos previstos na lexislación xeral pola que se regula a arbitraxe en materia de transportes.

Disposición adicional cuarta. Taxas

As actuacións administrativas dos órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia relacionadas co outorgamento, coa modificación ou coa transmisión das licenzas de taxi e das autorizacións para a prestación dos servizos de taxi e de arrendamento de vehículos con condutor poderán dar lugar, nos termos establecidos na lexislación vixente, á percepción das correspondentes taxas administrativas.

Disposición transitoria primeira. Superación do límite máximo de licenzas de taxi por titular

1. As persoas titulares de licenzas de taxi que no momento da entrada en vigor da lei superen os límites máximos de licenzas de taxi establecidos no artigo 9.1 poderán seguir mantendo a súa titularidade ata que efectúen a transmisión dalgunha delas.

2. O mesmo criterio será aplicable para quen no momento da entrada en vigor da lei sexa titular de licenzas de taxi en máis dun concello.

Disposición transitoria segunda. Titulares que sexan persoas xurídicas

Os titulares de licenzas de taxi e de autorizacións interurbanas de taxi que, no momento da entrada en vigor desta lei, sexan persoas xurídicas poderán seguir exercendo a súa titularidade durante un máximo de cinco anos, contados desde a data da entrada en vigor desta lei, prazo durante o cal as ditas licenzas de taxi e autorizacións interurbanas de taxi xa non poderán ser obxecto de transmisión a outras persoas xurídicas.

Disposición transitoria terceira. Dedicación exclusiva á actividade de taxi e prestación persoal do servizo de taxi

As esixencias contidas nos artigos 10, 20 e 21.1 desta lei, relativas á exclusiva dedicación á actividade de taxi e á prestación persoal do servizo de taxi por parte da persoa titular de licenzas de taxi e de autorizacións interurbanas e de acreditación da dita prestación, resultarán aplicables unicamente respecto dos títulos habilitantes que se outorguen con posterioridade á entrada en vigor desta lei, así como daqueloutros que se transmitan desde o dito momento inter vivos ou mortis causa. Non obstante, no caso da primeira transmisión de títulos habilitantes mortis causa que se produza logo da entrada en vigor da lei, tampouco resultarán aplicables as citadas esixencias.

Disposición transitoria cuarta. Licenzas de taxi preexistentes

1. Todas as licenzas de taxi existentes conservarán a súa validez aínda que no ámbito territorial de vixencia da dita licenza se poidan superar os límites máximos establecidos nos artigos 6 e 9, e sempre que estas estean en plena explotación no momento da entrada en vigor desta lei. Para estes efectos, os concellos poderán esixir ás persoas titulares de licenzas de taxi a achega de documentos e de xustificacións que acrediten a dita explotación.

2. No caso de que non quede acreditada a explotación efectiva da licenza de taxi no momento da entrada en vigor desta lei, as persoas titulares delas, no prazo de dous meses desde a entrada en vigor da lei, poderán solicitar a súa rehabilitación sempre que se acredite que as ditas licenzas de taxi estiveron en explotación efectiva durante, cando menos, dous anos nos últimos cinco anos. De non cumpriren os anteriores requisitos, as ditas licenzas de taxi entenderanse caducadas automaticamente, sen máis trámite.

Disposición transitoria quinta. Supostos de falta de autorización interurbana de taxi

1. As persoas titulares de licenzas de taxi que no momento da entrada en vigor da lei non dispoñan de autorización interurbana de taxi e dispoñan ou rehabiliten a licenza de taxi nos termos da disposición anterior deberán solicitar a dita autorización interurbana de taxi á consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de transportes, no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei. A autorización interurbana de taxi así outorgada non poderá ser obxecto de transmisión inter vivos ata que transcorrese un período mínimo de cinco anos de explotación efectiva polo titular.

2. No suposto de que non se poida acreditar a explotación da licenza de taxi nos termos da disposición anterior, a expedición de autorización interurbana de taxi estará condicionada a que se dispoña de licenza municipal e non se superen os límites máximos de autorizacións interurbanas de taxi que resulten do disposto nesta lei, resultando igualmente aplicable a prohibición de transmisión inter vivos ata que transcorrese un período mínimo de cinco anos de explotación efectiva polo titular.

Disposición transitoria sexta. Outorgamento de novas licenzas de taxi

Os concellos non poderán outorgar novas licenzas de taxi cando superasen o número máximo de licenzas de taxi que resulte do continxentamento establecido no artigo 6 desta lei.

Se, como consecuencia do continxentamento de licenzas de taxi establecido no artigo 6 desta lei, un concello dispón da posibilidade de incrementar o número de licenzas de taxi que actualmente ten concedidas ata alcanzar o número máximo que resulte do continxentamento, nos concursos que se convoquen para outorgar as ditas novas licenzas de taxi non se poderá ofertar máis dun dez por cento do número total de licenzas de taxi existentes no concello. Entre a resolución dun concurso e a convocatoria do seguinte terá que transcorrer polo menos un ano.

Disposición transitoria sétima. Licenzas de taxi actualmente suspendidas

No prazo máximo de dous anos, contados desde a entrada en vigor da lei, os titulares de licenzas de taxi actualmente suspendidas deberán iniciar de modo efectivo, e conforme as esixencias vixentes, a prestación do servizo.

Transcorrido o dito período sen que se reiniciase de modo efectivo a dita prestación, entenderase caducada a dita licenza, sen máis trámite.

Disposición transitoria oitava. Taxis adaptados

Naqueles concellos en que se constate que non se acada de forma voluntaria, entre os titulares de licenzas de taxi preexistentes, a porcentaxe de taxis adaptados establecida polo Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, que regula as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos medios de transporte para persoas con discapacidade, o correspondente concello poderá optar entre esixir ás persoas titulares das últimas licenzas de taxi outorgadas que presten o servizo mediante taxis adaptados ou ben crear novas licenzas de taxi sen a limitación de continxentamento, adscritas indefinidamente a taxis adaptados. Neste caso, seguirá o procedemento establecido nesta lei para a creación de títulos habilitantes.

Disposición transitoria novena. Información para as persoas con limitacións sensoriais

As disposicións de desenvolvemento desta lei poderán establecer a obrigatoriedade de que os taxis deban dispoñer dun exemplar de tarifas en braille e de que o taxímetro facilite información visual e sonora para atender as persoas con limitacións sensoriais.

Disposición transitoria décima. Incorporación do taxímetro

1. Nos concellos que na actualidade non teñan establecida a obriga de dispoñer de taxímetro para realizar servizos de taxi, e este resulte aplicable segundo o establecido nesta lei, as persoas titulares de licenzas de taxi dispoñerán dos seguintes prazos para proceder á súa instalación e posta en funcionamento:

a) Concellos de 20.000 ou máis habitantes: un ano desde a entrada en vigor desta lei.

b) Concellos de menos de 20.000 habitantes: dous anos desde a entrada en vigor desta lei.

2. No mesmo prazo indicado no punto anterior, e de dispoñeren de tarifas propias aplicables aos servizos urbanos de taxi, os respectivos concellos deberán revisar e aprobar estas tarifas para o seu cobramento mediante aparellos taxímetro; noutro caso, resultarán aplicables as establecidas para os servizos interurbanos de taxi.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o título segundo da Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transportes urbanos e interurbanos por estrada de Galicia, e cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

Facúltase a Xunta de Galicia para aprobar as disposicións necesarias en desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira segunda. Creación da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes

1. No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, procederase á modificación do Decreto 230/1986, do 10 de xullo, que regula a estrutura, a composición e as funcións do Consello Galego de Transportes, coa finalidade de proceder á creación no seu ámbito da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo, como órgano participativo de coordinación, asesoramento e consulta, que analice as necesidades e as oportunidades do transporte público en vehículos de turismo.

2. A dita comisión especial asumirá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Actuar como órgano de interlocución e consulta entre o sector do transporte en vehículos de turismo e as administracións públicas competentes.

b) Emitir os informes e exercer as funcións que nesta lei se atribúen ao Consello Galego de Transportes e, con carácter xeral, emitir informe nos procedementos de elaboración de disposicións de carácter xeral que se diten en desenvolvemento ou en aplicación desta lei, agás naquelas materias que a normativa de desenvolvemento expresamente reserve ao seu pleno.

c) Presentar ás administracións públicas competentes os informes, as propostas e as suxestións que considere adecuados para a mellora do transporte de persoas en vehículos de turismo na comunidade autónoma.

d) Colaborar coas administracións públicas competentes para conseguir a mellora progresiva das condicións da prestación do servizo do transporte en vehículos de turismo, particularmente no que se refire ao incremento da seguridade e á incorporación de novas tecnoloxías.

e) Calquera outra que estableza a normativa de desenvolvemento desta lei.

3. A composición da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes estará integrada por representantes da Administración autonómica competente na materia, das entidades locais a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, que deberá procurar unha representación equilibrada atendendo a diversidade dos concellos, das asociacións profesionais máis representativas a nivel autonómico e das asociacións representativas de persoas consumidoras e usuarias e de persoas de mobilidade reducida. En todo caso, procurarase que na súa composición se acade unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Disposición derradeira terceira. Adaptación de ordenanzas municipais

Os concellos adaptarán as súas ordenanzas reguladoras do servizo de taxi ao previsto nesta lei no prazo dun ano desde a súa entrada en vigor.

Disposición derradeira cuarta. Supletoriedade

Para o non previsto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento respecto da actividade de arrendamento de vehículos con condutor, rexerá como normativa supletoria a lexislación estatal aplicable á dita actividade.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor no prazo dun mes desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de maio de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente