Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Luns, 17 de xuño de 2013 Páx. 23104

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 89/2013, do 13 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño.

A Lei 8/1987, do 25 de novembro (DOG do 20 de xaneiro de 1988), establece no seu artigo 1 que os estudos de bacharelato, formación profesional e artes aplicadas e oficios artísticos serán gratuítos nos centros públicos, e non estarán suxeitos ao pagamento de taxas académicas. Igualmente, o artigo 3 dispón que constitúe o feito impoñible das taxas académicas a prestación polos centros públicos dos servizos que figuran no artigo 6 desta lei, correspondentes ás escolas de idiomas e conservatorios de música, así como a outras modalidades e centros de estudio que no futuro poidan existir en Galicia, tales como escolas de arte dramática, danza, canto, cerámica e restauración.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, incorpora, no seu capítulo VIII, as ensinanzas deportivas como ensinanzas de réxime especial, dentro da educación secundaria postobrigatoria. Tendo en conta o establecido na citada Lei 8/1987, do 25 de novembro, as ensinanzas deportivas están suxeitas ao pagamento de taxas académicas.

Así mesmo, a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 46, dispón que a definición do contido das ensinanzas artísticas superiores, así como a súa avaliación, se fará no contexto da ordenación da educación superior española no marco europeo e coa participación do Consello Superior de Ensinanzas Artísticas e, de ser o caso, do Consello de Coordinación Universitaria. En consecuencia, publicouse o Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores, co obxecto de desenvolver a súa estrutura e os aspectos básicos de ordenación das ensinanzas artísticas superiores, de conformidade coas liñas xerais emanadas do Espazo Europeo de Educación Superior.

Por outra parte, a Lei 6/2003, do 9 de decembro, regula as taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e establece no seu artigo 43 que se entende por prezos públicos; igualmente, no seu artigo 47.1, establece que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería de que dependa o órgano ou a entidade oferente.

A norma que determina os prezos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia para as ensinanzas de réxime especial de música, danza, idiomas, arte dramática, deseño e conservación e restauración de bens culturais é o Decreto 156/2002, do 18 de abril (DOG do 3 de maio), modificado polo Decreto 147/2006, do 31 de agosto (DOG do 8 de setembro), polo que se establecen os prezos públicos dos conservatorios de música, centros autorizados de música, conservatorios de danza, centros autorizados de danza, escolas oficiais de idiomas e Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Tendo en conta que desde a promulgación das anteditas normas ata a actualidade non se modificaron os prezos públicos, e que se implantaron as ensinanzas artísticas superiores establecidas na citada Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e as ensinanzas deportivas, cómpre fixar os prezos destas ensinanzas, así como axustar os xa existentes noutros ámbitos educativos co obxecto de homoxeneizar os criterios para a súa aplicación, mediante a publicación do correspondente decreto.

Os prezos públicos regulados neste decreto establécense de acordo co artigo 9 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, co fin de procurar a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a eliminación de toda discriminación derivada de prexuízos sociais fundamentados no xénero, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social de persoas con discapacidade, e de acordo co artigo 7.1 da Lei 32/1999, do 8 de outubro, de solidariedade coas vítimas do terrorismo, así como co establecido na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección de familias numerosas.

De conformidade co exposto, por proposta da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tras o informe da Consellería de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xuño de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Mediante este decreto apróbanse os prezos públicos das ensinanzas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia que se establecen no anexo. Así mesmo, establécese o réxime de bonificacións e exencións que se lles aplicarán.

2. O alumnado que curse estudos en centros autorizados de música e de danza, de deportes, e superiores de deseño aboará os prezos públicos correspondentes aos conceptos de apertura de expediente, no primeiro ano, e servizos xerais, cada curso, determinados no anexo deste decreto, segundo as ensinanzas de que se trate.

3. O alumnado que curse estudos en conservatorios de música ou de danza non dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aboará o prezo público correspondente ao concepto de apertura de expediente nas ensinanzas profesionais de música ou de danza, determinado no anexo deste decreto.

Artigo 2. Actualización de prezos

A actualización de prezos públicos correspondentes ás ensinanzas establecidas nesta norma, será fixada por decreto, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de educación.

Artigo 3. Procedemento para a liquidación de prezos públicos

1. Para a liquidación dos prezos seguirase o procedemento regulado no Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia. En todo o non previsto nelas será de aplicación o disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento. Aplicaranse de forma supletoria a Lei xeral tributaria e as demais disposicións xerais en materia tributaria, así como as súas normas de desenvolvemento.

2. O concepto de apertura de expediente e o de servizos xerais, determinados no anexo deste decreto, será de pagamento único para os/as alumnos/as que, de ser o caso, cursen simultaneamente dúas ou máis especialidades nun mesmo centro educativo.

3. Igualmente, o alumnado que se matricule na modalidade de ensino libre nas escolas oficiais de idiomas, non aboará o prezo establecido en concepto de servizos xerais, determinado no anexo deste decreto.

Artigo 4. Fraccionamento dos prezos públicos asociados ás matrículas

1. O alumnado poderá aboar a totalidade dos prezos públicos no momento de formalizar a matrícula, ou ben fraccionar o pagamento en dous prazos: 50 % no momento de formalizar a matrícula e o resto durante o mes de xaneiro do ano seguinte. En todo caso, deberá indicarse no impreso correspondente a opción elixida.

2. Só poderán ser fraccionadas as contías referidas ao concepto de matrícula.

3. A falta de pagamento do segundo prazo dos prezos públicos, cando se opte por fraccionar este, producirá automaticamente a anulación da matrícula en todas as disciplinas e suporá a perda das cantidades correspondentes ao primeiro prazo dos prezos públicos. Non obstante o anterior, previamente deberase verificar que o pagamento non se efectuou, e abrir novos prazos voluntarios de ingreso.

Artigo 5. Matrícula nas ensinanzas artísticas superiores establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación

1. Nas ensinanzas artísticas superiores establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior, aboarase a matrícula en función do número de créditos ECTS (Sistema europeo de transferencia e acumulación de créditos) en que se realiza esta, segundo as contías que figuran no anexo deste decreto.

2. Para os efectos do establecido no punto anterior, unha disciplina anual será equivalente a dúas cuadrimestrais.

3. No caso de disciplinas de plans de estudos con dereito a exame pero nas cales non se imparte docencia pagarase por crédito, segundo corresponda, o 25 % dos prezos públicos ordinarios.

Artigo 6. Traslados de matrículas

1. Cando un/unha alumno/a matriculado/a nun centro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria traslade a súa matrícula a outro centro dependente da dita consellería, os prezos públicos pagados pola matrícula no primeiro deles cobren a prestación do servizo no curso académico, tanto no centro de orixe como no centro a que se traslada a matrícula viva. Por este motivo, non procederá a devolución do prezo ingresado pola matrícula que se traslada, nin tampouco se deberá exixir un novo ingreso polo centro ao cal se traslada a matrícula.

2. Cando o que se produce é o traslado da matrícula dun centro dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a outro centro doutra comunidade autónoma, aplicarase o establecido ao respecto no convenio subscrito por esas comunidades autónomas. En defecto de convenio, non procederá a devolución do prezo ingresado.

3. Cando o que se produce é o traslado da matrícula desde un centro doutra comunidade autónoma a un centro dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, aplicarase o establecido ao respecto no convenio ao igual que no parágrafo anterior. A falta de convenio, o/a alumno/a deberá aboar o prezo público.

Artigo 7. Aplicación de bonificacións e exencións de prezos públicos

1. Bolsas.

Quedará exento do pagamento de prezos públicos o alumnado que reciba bolsas ou axudas ao estudo con cargo a fondos públicos. Esta circunstancia deberá acreditarse coa correspondente documentación xustificativa de ter solicitado a axuda ou bolsa. Unha vez resolta a convocatoria de bolsas, o alumnado que resultara beneficiario deberá presentar a súa credencial de bolseiro na secretaría do centro onde se atope matriculado, e o centro deberá conservar unha copia compulsada no expediente. En caso de non resultar beneficiario, o alumnado deberá aboar os prezos correspondentes á matrícula, á apertura de expedientes, se for o caso, e aos servizos xerais, xunto cos xuros de demora correspondentes, que efectuará nun único pagamento, no prazo dun mes desde a publicación ou notificación da resolución pola que se concedan e/ou denegan as bolsas. No caso de non efectuar o pagamento procederase á anulación da matrícula en todas as materias, e para todos os efectos.

2. Matrículas de honra.

Naqueles estudos en que estea prevista a posibilidade de obter como cualificación «matrícula de honra», o alumnado que obteña esta cualificación nunha ou máis disciplinas terá dereito á matrícula gratuíta no mesmo número de materias do curso seguinte, sempre que sexan de nova matriculación e das mesmas ensinanzas e plan de estudos. O centro conservará unha copia compulsada da documentación acreditativa da matrícula de honra no expediente.

Naqueles estudos en que as materias se rexan por créditos académicos, o alumnado que obteña como cualificación «matrícula de honra», nunha ou máis materias, terá dereito, nas mesmas condicións que as sinaladas no parágrafo anterior, a unha bonificación na matrícula do curso seguinte equivalente ao importe da matrícula na/s materia/s en que obtiveron a cualificación de «matrícula de honra».

Nas ensinanzas artísticas superiores, o alumnado con matrícula de honra global en 2º de bacharelato, con premio extraordinario no bacharelato ou no ciclo superior de formación profesional, ou con premio de fin de grao nas ensinanzas profesionais de música e danza, terá dereito, no primeiro curso e por unha soa vez, á exención total do pagamento dos prezos públicos por matrícula.

3. Familias numerosas.

Terán unha exención do 100 % os/as membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial e unha bonificación do 50 % para os/as de categoría xeral. Esta condición acreditaraa o/a alumno/a no momento de formalizar a matrícula, mediante exhibición do libro de familia numerosa ou do documento acreditativo de tal condición de uso individual legalmente establecido e o centro deberá conservar unha copia compulsada no expediente.

4. Discapacidade.

As persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % están exentas do pagamento dos prezos públicos. A acreditación desta condición realizarase ao formalizar a matrícula mediante exhibición do certificado ou resolución sobre o recoñecemento do grao de discapacidade ditada polo órgano competente nesta materia e o centro deberá conservar unha copia compulsada no expediente.

5. Vítimas de actos terroristas.

Están exentas do pagamento dos prezos públicos as vítimas de actos terroristas, así como os/as seus/súas cónxuxes e fillos/as. A acreditación desta condición deberase realizar documentalmente ao formalizar a matrícula, e o centro deberá conservar unha copia compulsada no expediente.

6. Violencia de xénero.

Quedan exentas do pagamento polos servizos académicos regulados neste decreto as alumnas que sufran violencia de xénero. Tamén quedará exento o alumnado cuxas proxenitoras a sufran.

A situación de violencia de xénero acreditarase por calquera das seguintes formas:

a) Certificación da orde de protección ou da medida preventiva, ou testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida preventiva.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

c) Certificación dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

d) Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

e) Informe do Ministerio fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

f) Calquera outro que se estableza regulamentariamente.

7. Funcionarios/as docentes.

Os/as funcionarios/as dos corpos docentes establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, estarán exentos/as do aboamento dos prezos públicos establecidos no presente decreto, agás os correspondentes á apertura de expediente e servizos xerais, e unicamente nas materias de nova matriculación.

Disposición transitoria única

Ao alumnado que está a rematar as ensinanzas artísticas superiores establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, en extinción, seranlle de aplicación os prezos públicos establecidos no Decreto 156/2002, do 18 de abril (DOG do 3 de maio), modificado polo Decreto 147/2006, do 31 de agosto (DOG do 8 de setembro), polo que se establecen os prezos públicos dos conservatorios de música, centros autorizados de música, conservatorios de danza, centros autorizados de danza, escolas oficiais de idiomas e Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 156/2002, do 18 de abril (DOG do 3 de maio), polo que se establecen os prezos públicos dos conservatorios de música, centros autorizados de música, conservatorios de danza, centros autorizados de danza, escolas oficiais de idiomas e Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, e o Decreto 147/2006, do 31 de agosto (DOG do 8 de setembro), polo que se modifica o anterior.

Disposición derradeira única

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Ensinanzas elementais e profesionais de música e de danza

a) Ensinanzas elementais de música e de danza:

Apertura de expediente académico:

22 €

Servizos xerais:

13 €

Matrícula de curso completo:

137 €

Matrícula de disciplinas soltas:

34 €

Validación de disciplinas soltas:

6 €

b) Ensinanzas profesionais de música e de danza:

Proba de acceso:

34 €

Apertura de expediente académico:

22 €

Servizos xerais:

13 €

Matrícula de curso completo:

232 €

Matrícula de disciplinas soltas:

51 €

Validación de disciplinas soltas:

6 €

Ensinanzas artísticas superiores

a) Música, danza, arte dramática e conservación e restauración de bens culturais:

Proba de acceso:

64 €

Apertura de expediente académico:

22 €

Servizos xerais:

13 €

En 1ª matrícula, por crédito ECTS:

7,8 €

En 2ª ou sucesivas matrículas, por crédito ECTS:

11,5 €

Recoñecemento de créditos ECTS, por crédito:

1 €

b) Deseño:

Proba de acceso:

64 €

Apertura de expediente académico:

22 €

Servizos xerais:

13 €

En 1ª matrícula, por crédito ECTS:

4,7 €

En 2ª ou sucesivas matrículas, por crédito ECTS:

6,7 €

Recoñecemento de créditos ECTS, por crédito:

1 €

Ensinanzas de idiomas

Apertura de expediente académico:

22 €

Servizos xerais:

13 €

Proba de clasificación:

17 €

Matrícula por idioma en réxime oficial:

92 €

Matrícula por idioma en réxime libre (convocatoria única):

46 €

Cursos especializados para o perfeccionamento de idiomas de nivel C1 ou C2:

92 €

Cursos de actualización e especialización para público en xeral (por hora):

1,5 €

Ensinanzas deportivas

a) Conceptos xerais:

Proba de acceso:

34 €

Servizos xerais:

13 €

Apertura de expediente académico:

22 €

Validación de módulo:

2 €

Proba para homologación:

34 €

b) Ciclos:

Concepto

1ª matrícula

2ª matrícula
e sucesivas

Modalidades especiais*

1ª matrícula

2ª matrícula
e sucesivas

Matrícula do ciclo completo:

125 €

156 €

185 €

216 €

Matrícula do bloque común:

45 €

56 €

55 €

66 €

Matrícula do bloque específico:

85 €

105 €

135 €

155 €

Matrícula do bloque complementario:

22 €

27 €

25 €

30 €

Matrícula por módulo solto do bloque común:

15 €

19 €

18 €

23 €

Matrícula por módulo solto do bloque específico:

30 €

40 €

40 €

45 €

Matrícula do bloque/módulo proxecto final (ciclo de grao superior):

16 €

20 €

19 €

24 €

* Hípica, vela, mergullo deportivo, deportes de inverno e deportes de montaña.