Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Luns, 17 de xuño de 2013 Páx. 23214

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape á reorientación e competitividade das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 19 de marzo de 2013 acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape á reorientación e competitividade das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e facultou ao director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape á reorientación e competitividade das pemes galegas. Estas axudas estarán cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, ao 80 %, eixe 1, tema prioritario 07, actuación 3 ou ao 80 % , eixe 2, tema prioritario 09, actuación 5, no caso dos proxectos do artigo 1.1.1 das bases reguladoras e ao 80 %, eixe 2, tema prioritario 09, actuación 5, no caso dos proxectos do artigo 1.1.2 das bases reguladoras.

Segundo. Convocar, para o exercicio 2013, en réxime de concorrencia competitiva, as seguintes liñas de axuda das bases reguladoras das axudas do Igape á reorientación e competitividade das pemes galegas:

1. Proxectos de equipamentos tecnolóxicos para a innovación das pemes cun investimento subvencionable entre 300.001 e 500.000 € (procedemento IG103).

2. Proxectos de equipamento das pemes no sector dos servizos cun investimento subvencionable entre 30.000 e 200.000 € (procedemento IG174).

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo coincidise en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes:

Partida

orzamentaria

Procedemento

Orzamento 2013

Orzamento 2014

08.A1.741A.7705

IG103 Proxectos de equipamentos tecnolóxicos para a innovación das pemes cun investimento subvencionable entre 300.001 € e 500.000 €

3.000.000,00 €

100.000,00 €

08.A1.741A.7706

IG174 Proxectos de equipamento das pemes no sector dos servizos cun investimento subvencionable entre 30.000 € e 200.000 €

1.600.000,00 €

100.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 30 de setembro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento no prazo improrrogable dun mes desde o día seguinte á devandita data (no caso de que coincida en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte).

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) á reorientación e competitividade das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013

O presente período de dificultades económicas especiais aconsella a revisión e posta en marcha de incentivos económicos que apoien o empresariado galego tanto na mellor resposta á situación conxuntural como, especialmente, facilitando a súa actuación preparatoria para o mellor posicionamento competitivo no cambio de ciclo.

Por isto, o Igape, na procura da promoción económica de Galicia, vixiante da evolución xeral do contorno económico, tomou a decisión de establecer unhas novas liñas de incentivos en diferentes enfoques de sensibilización e promoción, que serán publicadas en diferentes bases reguladoras.

As presentes bases establecen medidas dirixidas a incrementar a capacidade tecnolóxica e innovadora das pemes, especialmente daquelas que teñan vocación de crecemento e capacidade de xerar innovación como medio para aumentar a súa competitividade, contribuír ao crecemento sustentable e, en consecuencia, favorecer o emprego e a xeración de riqueza a través de diferentes liñas de actuación.

O obxecto das dúas liñas de axuda é apoiar a adquisición de equipamento tecnolóxico das pemes tanto no sector secundario como no sector servizos.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 23 de decembro de 2010, aprobou o Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C). Este plan ten un especial empeño en promover o crecemento empresarial.

Dado que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ten obxectivos coincidentes en canto a facilitar a adquisición de investimentos innovadores que permitan mellorar a competitividade da empresa incrementando a súa capacidade innovadora e fomenten o seu crecemento, é polo que, levando á realidade o principio de colaboración entre entidades encargadas de executar as políticas públicas da Xunta de Galicia na procura dunha maior eficiencia e aproveitamento de recursos, se deciciu establecer tramos de orzamento subvencionable en cada convocatoria, segundo os termos do convenio de colaboración asinado para o efecto entre ambas as dúas entidades con data 13 de maio de 2013.

O Consello da Xunta de Galicia, nas súas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, aprobou o Programa Impulsa-Lugo e o Programa Impulsa-Ourense, respectivamente, nos cales se establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio aos investimentos. Dada a situación económica actual en que as provincias de Lugo e Ourense e os concellos de Ferrolterra e Costa da Morte se viron afectados con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, considérase fundamental que o Igape, a través das súas liñas de axuda, conceda un nivel superior de intensidade de axuda ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social e favorecer o reequilibrio territorial.

As axudas reguladas nesta base, segundo o indicado en cada punto, outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As convocatorias das distintas liñas de axuda serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1.1. Co obxectivo de incentivar proxectos e actuacións empresariais de distinta tipoloxía, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de iniciativa:

1.1.1. Segundo a regulación específica establecida no artigo 6 poderán ser subvencionables proxectos de equipamentos tecnolóxicos para a innovación das pemes cun investimento subvencionable entre 300.001 e 500.000 € (procedemento IG103).

1.1.2. Segundo a regulación específica establecida no artigo 7 poderán ser subvencionables proxectos de equipamento das pemes no sector dos servizos cun investimento subvencionable entre 30.000 e 200.000 € (procedemento IG174).

1.2. Requisitos dos proxectos subvencionables:

a) Os proxectos subvencionables terán que acreditar a súa viabilidade técnica, económica, financeira e, se é o caso, ambiental.

b) O beneficiario deberá achegar unha contribución financeira, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

c) Os proxectos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude no Igape. Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable. Serán subvencionables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude de axuda e dentro do prazo concedido para a execución dos proxectos.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. A convocatoria das distintas liñas de axuda previstas nesta base será obxecto de publicidade mediante resolución no Diario Oficial de Galicia en que se fixarán os créditos dispoñibles, prazo de presentación de solicitudes, documentación requirida e demais aspectos do procedemento ata o pagamento e peche do expediente.

2.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2.3. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior a que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.4. As axudas previstas nesta base incardínanse no artigo 4 do Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego (DOG nº 242, do 14 de decembro), ao cal se lle asignou o número de rexistro de axuda X 28/2010 unha vez realizada a súa comunicación á Comisión Europea.

2.5. A subvención aos proxectos estará cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, nun 80 %, eixe 1, tema prioritario 07, actuación 3, ou ao 80 % , eixe 2, tema prioritario 09, actuación 5 no caso dos proxectos do procedemento IG103 (artigo 1.1.1) e nun 80 %, eixe 2, tema prioritario 09, actuación 5 no caso dos proxectos do procedemento IG174 (artigo 1.1.2), e están sometidos ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular aos regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo); Regulamento (CE) nº 1080/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo), e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os ditos proxectos cumprirán os requisitos de elixibilidade da Orde EHA/524/08 do 26 de febreiro pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra liña de axudas ou subvencións para o mesmo proxecto cofinanciada con fondos ou instrumentos da UE.

3.2. Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvencións, sempre que respecten as seguintes intensidades de axuda máxima: o 40 % do gasto subvencionable para medianas empresas e o 50 % do gasto subvencionable para pequenas empresas, excepto no sector do transporte que será o 30 %.

3.3. A obtención doutras axudas ou subvencións ao mesmo proxecto deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

Coas limitacións establecidas para cada liña de axuda, no artigo correspondente, poderán ser beneficiarios:

4.1. As pequenas e medianas empresas (pemes) segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), que teñan radicado algún centro de actividade de carácter permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvan no centro radicado en Galicia algunha actividade empresarial non excluída no citado Regulamento (CE) nº 800/2008, xeral de exención por categorías, e acometan proxectos subvencionables. Non serán subvencionables as seguintes actividades:

a) As actividades de produción primaria dos produtos agrarios e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura regulamentadas polo Regulamento (CE) 104/2000.

– CNAE 09: divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40).

– CNAE 09: grupo 10.2 (todas as clases) e clase 46.38.

b) O sector da industria siderúrxica conforme a definición que recolle o anexo I das directrices comunitarias sobre as axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08):

• CNAE 09: grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52.

c) O sector de fibras sintéticas conforme a definición que recolle o anexo II das directrices comunitarias sobre as axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08).

d) O sector do carbón e do aceiro:

• CNAE 09: división 05 (todos os grupos e clases).

e) O sector da construción naval consonte o disposto na comunicación da Comisión DO C 160, do 28.10.2006:

• CNAE 09: clase 30.11.

4.2. Cumprindo os requisitos de domiciliación e actividade, poderán ser, así mesmo, beneficiarios:

a) As persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As agrupacións de interese económico.

4.3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 1 número 7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008). Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

4.4. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Condicións dos gastos subvencionables

5.1. Os gastos subvencionables serán os establecidos nestas bases para cada liña de axuda.

5.2. Os gastos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. Este prazo iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data que, á vista das características do proxecto, sexa establecida na resolución de concesión.

Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

5.3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse coa solicitude de axuda, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

5.4. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto e debe constar, neste momento, o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas e constar efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

5.5. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada. Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.

5.6. No caso de investimento en activos intanxibles, para seren considerados subvencionables, deberán cumprir, ademais, todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

5.7. Os investimentos e gastos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución individual correspondente os investimentos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.

5.8. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.

5.9. Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

5.10. A subvención poderá chegar ata o 40 % dos investimentos subvencionables, e ata o 50 % se se dirixe exclusivamente a pequenas empresas, sen superar as limitacións especificadas nos números anteriores. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Requisitos específicos da liña de axuda para proxectos de equipamentos tecnolóxicos para a innovación das pemes cun investimento subvencionable entre 300.001 e 500.000 € (procedemento IG103)

6.1. Obrigas e límites.

6.1.1. O proxecto subvencionable deberá, en todo caso, estar vinculado á consolidación ou posta en marcha dalgunha das seguintes actividades, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante:

a) A extracción, procesamento, transformación ou produción de minerais, produtos enerxéticos ou os seus derivados.

b) A industria.

c) Actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, audiovisual, telemática, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

d) As actividades de eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos.

e) Servizos auxiliares á industria.

f) Tamén poderán ser incentivados, con especial consideración, os equipamentos tecnolóxicos para a creación ou ampliación de centros de desenvolvemento, investigación, ensaios ou laboratorios, xunto con instalacións piloto e experimentación de novas tecnoloxías, vinculados ás empresas cuxa actividade principal sexa subvencionable.

6.1.2. Un solicitante só poderá presentar unha solicitude por convocatoria. Para estes efectos considerarase como un único solicitante as empresas pertencentes a un mesmo grupo empresarial ou vinculadas entre si.

6.1.3. Se o investimento subvencionable resultase superior a 500.000 €, o Igape reduciría a base subvencionada a esta cantidade.

6.1.4. O investimento subvencionable mínimo do proxecto será de 300.001 euros. Por debaixo desta cantidade non serán atendidas as solicitudes de subvención.

6.1.5. Un proxecto de investimento só poderá ser presentado a unha das convocatorias: axudas para equipamentos tecnolóxicos para a innovación das pemes convocadas polo Igape ou axudas para investimentos innovadores para o crecemento empresarial convocadas pola Axencia Galega de Innovación. No caso de que un proxecto se presente ás dúas, só se admitirá a trámite a correspondente ao proxecto de maior importe.

6.2. Conceptos subvencionables: para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido poderán ser subvencionables os conceptos seguintes:

a) Bens de equipamento: maquinaria de proceso, instalacións específicas necesarias para a súa implantación, elementos de transporte interior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto.

b) Adquisición de propiedade intelectual e industrial, podendo incluír licenzas de fabricación e patentes.

c) Adquisición de equipamento específico para o incremento da capacidade tecnolóxica e innovadora da unidade de I+D da empresa.

6.3. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

a) Sectores prioritarios relacionados no anexo IV a estas bases (15 puntos).

b) Empresa adscrita a un clúster galego legalmente constituído (5 puntos).

c) Compromiso de creación de emprego na peme. Outorgaranse 3 puntos por cada novo emprego que se comprometan a crear respecto aos traballadores existentes en 1 de xaneiro do ano da convocatoria. Asignaranse 2 puntos adicionais se o compromiso relativo a algún dos empregos que se vai crear nese período pertence a colectivos con dificultades de acceso ao emprego: persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego, persoas desempregadas de máis de 45 anos, mozas e mozos menores de 30 anos, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social ou mulleres desempregadas (3-20 puntos).

d) Localización do proxecto dentro de Galicia, segundo o anexo III a estas bases (0-20 puntos).

e) Grao de innovación que presente o proxecto (0-30 puntos).

O interese, os beneficios e o impacto económico que os investimentos lle proporcionan á empresa, sobre todo cara á diversificación da produción e/ou mellora significativa no proceso global de produción (máximo 30 puntos).

f) A existencia de sistemas de calidade e de xestión ambiental certificados por entidade acreditada (10 puntos).

6.3.1. A avaliación do criterio e) Grao de innovación que presente o proxecto, corresponderá á Axencia Galega de Innovación (GAIN). Será responsabilidade do Igape a avaliación dos restantes criterios.

Artigo 7. Requisitos específicos da liña de axuda para proxectos de equipamento das pemes no sector dos servizos cun investimento subvencionable entre 30.000 € e 200.000 € (procedemento IG174)

7.1. Obrigas e límites.

7.1.1. O proxecto subvencionable deberá, en todo caso, estar vinculado á consolidación ou posta en marcha dalgunha da seguintes actividades do sector servizos independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante:

a) A construción.

b) O comercio por xunto e o comercio polo miúdo: reparación de vehículos de motor e motocicletas (CNAE 09, grupos 45.1, 45.2 e 45.4)

c) O transporte e almacenamento.

d) Servizos hostaleiros de aloxamento.

e) Servizos de información e comunicacións.

f) Seguros, reaseguros e fondos de pensións excepto Seguridade Social obrigatoria, actividades financeiras auxiliares aos servizos financeiros e aos seguros.

g) Actividades inmobiliarias.

h) Actividades profesionais, científicas e técnicas.

i) Actividades administrativas e servizos auxiliares.

j) Educación.

k) Actividades sanitarias e de servizos sociais.

l) Actividades artísticas, recreativas e de entretemento.

m) Outros servizos.

7.1.2. Un solicitante só poderá presentar unha solicitude por convocatoria. Para estes efectos considerarase como un único solicitante as empresas pertencentes a un mesmo grupo empresarial ou vinculadas entre si.

7.2. Conceptos subvencionables: para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido poderán ser subvencionables os conceptos seguintes:

a) Bens de equipamento de carácter tecnolóxico en xeral ligados directamente ao servizo prestado pola peme.

b) Equipamentos para proceso de datos.

c) Software ligado ao servizo prestado pola empresa, cos requisitos do artigo 4.1.b) do Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia. Non será subvencionable calquera software que apoie procesos internos da empresa (como o propio ERP da empresa).

d) Activos fixos destinados ao almacenaxe e loxística (andeis, sistemas de automatización, etiquetaxe e lectura de datos, elementos de transporte interior).

e) Mobiliario e elementos decorativos, limitados ao 20 % do investimento subvencionable total.

7.3. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

a) Sectores de servizos de apoio, comercialización ou directamente relacionados cos prioritarios relacionados no anexo IV a estas bases (15 puntos).

b) Empresa adscrita a un clúster galego legalmente constituído (5 puntos).

c) Compromiso de creación de emprego na peme. Outorgaranse 3 puntos por cada novo emprego que se comprometan a crear respecto aos traballadores existentes en 1 de xaneiro do ano da convocatoria. Asignaranse 2 puntos adicionais se o compromiso relativo a algún dos empregos que se vai crear nese período pertence a colectivos con dificultades de acceso ao emprego: persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego, persoas desempregadas de máis de 45 anos, mozas e mozos menores de 30 anos, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social ou mulleres desempregadas (0-20 puntos).

d) Localización do proxecto dentro de Galicia, segundo o anexo III a estas bases (0-20 puntos).

e) Grao de innovación:

i. A nivel de empresa:

1. Xeración dun novo servizo (15 puntos).

2. Procesos non realizados previamente (10 puntos).

3. Mellora ou automatización de procesos preexistentes (5 puntos).

ii. Orixe da innovación (lugar de fabricación dos activos que se van implantar):

1. Galicia (15 puntos).

2. Resto de España (10 puntos).

3. Estranxeiro (5 puntos).

f) A existencia de sistemas de calidade e de xestión ambiental certificados por entidade acreditada (10 puntos).

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

8.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

8.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

8.3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

8.4. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude.

8.5. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

8.6. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

8.7. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

Artigo 9. Solicitudes

9.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

9.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

9.3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

9.4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (ben porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se considerará que desistiron da súa petición, logo resolución de arquivo.

9.5. Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

b) Certificado de sistemas de calidade e de xestión ambiental emitidos por entidade acreditada.

c) Certificado actualizado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de afiliados adscritos ás contas de cotización da empresa por tipos de contrato, e de todos os centros de traballo da empresa en Galicia, ao peche do exercicio anterior á presentación da solicitude de axuda.

d) No caso de que o solicitante sexa unha empresa pertencente a algún clúster galego: certificado expedido polo correspondente clúster da pertenza do solicitante ao dito clúster.

e) No caso de que o solicitante sexa unha agrupación sen personalidade xurídica: acordo notarial de constitución da agrupación en que se detalle a descrición do proxecto para o que se solicita a axuda, os membros da agrupación, coa súa porcentaxe de participación nel e a porcentaxe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios e o representante ou apoderado único dela e para cada un dos membros da agrupación, a documentación correspondente citada nas letras anteriores.

f) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.3 das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape, segundo o disposto no citado artigo.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

9.6. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel no Rexistro Xeral dos Servizos Centrais do Igape, no Rexistro da Axencia Galega de Innovación (GAIN), nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, acompañada da documentación establecida no artigo 9.5, en orixinal ou copia cotexada.

9.7. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 9.5, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha soa persoa física. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante indícase no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun acuse de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

9.8. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

Artigo 10. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, para o que na liña de axudas previstas no artigo 6 contará coa participación da Área de Valorización e Crecemento da GAIN, e corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 11. Entidades colaboradoras

De conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape poderá designar entidades colaboradoras para a xestión da subvención, cumprindo os requisitos do artigo 10 da mencionada lei. As entidades colaboradoras designaranse segundo a súa experiencia na xestión de proxectos. Non se prevé a constitución de garantía por parte das entidades colaboradoras salvo que a colaboración inclúa o aboamento directo das subvencións, neste caso prevese que as entidades previstas no artigo 13.4 da Lei de subvencións no procedemento de selección constituirán garantía polo 1 % do orzamento previsto.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

12.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos do órgano instrutor en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario, e elaborarán unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos para cada liña nestas bases, correspondendo a avaliación do grao de innovación dos proxectos previstos no artigo 6.3 á Axencia Galega de Innovación (GAIN).

12.2. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

12.3. A proposta de resolución provisional das solicitudes puntuadas que cuantificará, de ser o caso, as subvencións propostas e conterá unha lista de reserva (a cal estará vixente ata a emisión da resolución definitiva) para cubrir posibles revogacións ou desistencias publicarase na páxina web do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es, e no taboleiro de anuncios do Igape, no prazo máximo de 4 meses desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes.

12.4. A proposta seralles notificada individualmente a todos os interesados.

12.5. Os interesados poderán formular alegacións no prazo de dez días contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da devandita proposta de resolución provisional.

12.6. Unha vez analizadas as ditas alegacións, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, en que se reflectirá a contía da axuda concedida a cada solicitude.

12.7. A resolución definitiva será publicada na páxina web do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es, e no taboleiro de anuncios do Igape. Os interesados poderán descargar a súa notificación individual da parte da resolución que lles afecta no enderezo citado, introducindo o código indicado na notificación individual da proposta de resolución provisional.

Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Consellería de Economía e Industria e, se é o caso, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

Na resolución das axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

12.8. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución definitiva sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

12.9. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

14.1. Unha vez firme a resolución de concesión non se admitirán modificacións a ela.

14.2. Sen necesidade de instar procedemento de modificación ou de incumprimento da subvención, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e, se é o caso, manter os investimentos durante polo menos 3 anos desde a finalización do dito prazo. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, o cesamento da actividade ou os postos de traballo. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo elixible do proxecto.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante o prazo de tres anos posteriores ao peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Todo isto, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control e deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

f) Darlle publicidade ao financiamento dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape, a Consellería de Economía e Industria e o Feder, así como lendas relativas ao financiamento público nos postos, carteis, placas conmemorativas, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión mais alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 227, do 19 de novembro), e nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, e no artigo 1, números 1) e 2) do Regulamento (CE) núm. 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, que pode consultarse na páxina web
www.conselleriadefacenda.es

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 16. Xustificación da subvención

16.1. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo improrrogable dun mes desde o remate do prazo de execución establecido na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión (en caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte), excepto no caso de presentación de recurso administrativo, en que a data límite se establecerá na resolución que o resolva.

16.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

16.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

16.4. O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañada da documentación establecida no artigo 16.6 en orixinal ou copia cotexada.

Así mesmo, poderá asinar electronicamente a instancia de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 9.7. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 16.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

16.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

16.6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo na conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira.

ii) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva deste.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, selada e asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida e selada polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo orixinal asinado e selado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dalgún destes xustificantes de tipo de cambio a euros:

• Documentos bancarios de cargo en euros en que conste o tipo de cambio empregado.

• Cotización oficial publicada polo Banco de España ou Banco Central Europeo correspondente á data do pagamento da factura.

• Para outros tipos de cambio atenderase a tipos de cambio do mercado de divisas na data do pagamento das facturas.

c) No caso de investimentos en activos intanxibles, deberán acreditarse as condicións establecidas no artigo 5.6 destas bases, mediante informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que verifique o cumprimento das condicións do citado artigo.

d) A copia en formato impreso ou en formato dixital -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 15.f) destas bases.

e) No caso de creación de emprego indefinido por conta allea, copia dos contratos de traballo formalizados e rexistrados no SEPE e certificados de vida laboral da empresa no día de solicitude de axuda do ano de convocatoria da axuda e na data límite de execución do proxecto aprobado.

Así mesmo, no caso de contratacións de persoas de colectivos con dificultades de acceso ao emprego, deberán achegar relación, selada e asinada polo representante legal da empresa, destas en que se indique nome, apelidos e NIF, co obxecto de solicitar os informes oportunos ao Servizo Público de Emprego de Galicia, respecto do cumprimento dos requisitos para a pertenza ao dito colectivo.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación achegada.

16.7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 15.e): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

16.8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para seren beneficiarios da axuda.

16.9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 17. Aboamento das axudas

17.1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

17.2. Os órganos competentes do Igape ou as súas entidades colaboradoras poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

17.3. Sen necesidade de iniciar procedemento de reintegro, no caso de que o beneficiario xustifique gastos por importe inferior ao establecido na resolución de concesión, e sempre e cando o gasto xustificado iguale ou supere o 50 % do gasto subvencionable establecido, non desvirtúe o proxecto aprobado e o beneficiario manifeste a súa conformidade, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

Artigo 18. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

18.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

18.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

18.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se e o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Non será necesario iniciar procedemento de incumprimento cando se xustifiquen gastos por importe inferior ao aprobado na resolución de concesión, sempre que non sexan inferiores ao 50 % deste, que a minoración non desvirtúe o proxecto, que se cumpran o resto das condicións da resolución e que o beneficiario manifeste a súa conformidade coa minoración proporcional da subvención en función dos gastos xustificados.

c) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

Artigo 19. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21. Comprobación de subvencións

21.1. O órgano concedente e as súas entidades colaboradoras comprobarán a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 3 anos posteriores ao peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

21.2. Para o aboamento, a GAIN será a encargada de realizar as inspeccións de comprobación física nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles. Será de aplicación o establecido no artigo 60.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

En investimentos inferiores a 60.000 € da liña de axudas recollidas no artigo 6, a GAIN definirá un plan de inspeccións que se levará a cabo para o mellor control efectivo delas e posterior aboamento.

21.3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Publicidade

22.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

22.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es, e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego, no Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE, no Regulamento (CE) nº 1083/2006, xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009), no Regulamento (CE) nº 1080/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase ao disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file