Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Martes, 18 de xuño de 2013 Páx. 23398

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 6 de xuño de 2013 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de máster e doutoramento nas universidades do Sistema Universitario de Galicia e se revoga a autorización para impartir o grao en Consultoría e Xestión da Información na Universidade de Vigo.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de xaneiro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma logo da solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

Mediante o Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establécese a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e no seu capítulo VI dispón o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola comunidade autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do Sistema Universitario de Galicia, e a Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma farase mediante orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. O Pleno do Consello Galego de Universidades do 2 de xullo de 2012, 25 de xaneiro e 16 de maio de 2013, de acordo co previsto no artigo 5.j) da Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades, emitiu informe favorable sobre a solicitude de implantación de determinados títulos universitarios oficiais de máster e doutoramento e a revogación da autorización para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de grao en Consultoría e Xestión da Información da Universidade de Vigo.

As universidades, logo de seren autorizadas a implantar estudos, quedarán obrigadas a adoitar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis aló dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos comportará o inicio do procedemento de revogación.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Conceder autorización á Universidade da Coruña para implantar, no curso 2013/14, as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Máster universitario en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía.

• Máster universitario en Procuradoría (interuniversitario coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo), coordina a USC.

Artigo 2

Conceder autorización á Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2013/14, as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Máster universitario en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial.

• Máster universitario en Procuradoría (interuniversitario coas universidades da Coruña e Vigo), coordina a USC.

• Programa de doutoramento en Ciencias Agrícolas e Medioambientais (interuniversitario coa universidade de San Carlos de Guatemala), coordina a USC.

Artigo 3

Conceder autorización á Universidade de Vigo para implantar, no curso 2013/14, as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Máster universitario en Procuradoría (interuniversitario coas universidades da Coruña e Santiago de Compostela), coordina a USC.

Artigo 4

Suprimir as ensinanzas universitarias oficiais de grao en Consultoría e Xestión da Información na Universidade de Vigo, autorizado polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro (DOG do 23 de setembro), e revogar a autorización para a súa impartición.

Artigo 5

A Universidade de Vigo adoptará as medidas necesarias para salvagardar os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando o grao en Consultoría e Xestión da Información.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria