Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Venres, 21 de xuño de 2013 Páx. 24106

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 14 de xuño de 2013 pola que se desenvolve o Decreto 49/2013, do 21 de marzo, polo que se crean e se transforman institutos de educación secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por medio do Decreto 49/2013, do 21 de marzo, créanse e transfórmanse institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional.

A disposición adicional primeira do citado decreto establece que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria determinará as necesidades e a situación do profesorado dos centros afectados por este decreto, en aplicación do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el, e demais normativa de aplicación.

A disposición adicional segunda prescribe que, con carácter previo á oferta dos postos de traballo docentes do centro educativo do Milladoiro no correspondente concurso xeral de traslados, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar un único proceso de redistribución de efectivos entre o persoal docente do corpo de profesores de ensino secundario con destino definitivo no concello de Santiago de Compostela, que parece razoable ampliar ao persoal funcionario de carreira do corpo de mestres con destino definitivo en prazas do primeiro e segundo curso da educación secundaria obrigatoria con destino definitivo tamén en Santiago.

Resulta necesario, pois, regular o proceso de adscrición do persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario e mestres afectados polo decreto.

A disposición derradeira primeira do Decreto 49/2013 habilita a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que procedan no desenvolvemento e execución deste.

Na súa virtude, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro. Cesamento nos institutos que se transforman en CIFP

1. O persoal docente do corpo de mestres e dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, das especialidades comprendidas entre os códigos 590001 e 590061, ambas incluídas, agás a especialidade 590018 –orientación educativa– con destino definitivo nos institutos de educación secundaria As Mercedes, de Lugo, e A Carballeira, de Ourense, que se transforman en centros integrados de formación profesional, cesan nestes institutos con efectividade do 31 de agosto de 2013, sen prexuízo de permaneceren nel que conclúan as actividades imprescindibles previstas para a finalización do curso académico 2012-2013.

2. Exceptúase do establecido no punto anterior un profesor de ensino secundario da especialidade de inglés, que permanecerá con destino definitivo no CIFP As Mercedes, de Lugo.

Segundo. Adscrición do persoal do corpo de mestres

O persoal docente do corpo de mestres que teña destino definitivo para o curso académico 2013-2014 no IES As Mercedes de Lugo ou no IES A Carballeira de Ourense poderá adscribirse con carácter definitivo no centro ou centros receptores das ensinanzas, nun número por especialidade igual ao que se publica como anexo I desta orde. Esta adscrición terá efectividade do 1 de setembro de 2013.

Terceiro. Adscrición do persoal do corpo de catedráticos e profesores de ensino secundario

O persoal docente do corpo de catedráticos de ensino secundario e do corpo de profesores de ensino secundario, das especialidades relacionadas no punto primeiro, que teña destino definitivo para o curso académico 2013-2014 no IES As Mercedes de Lugo ou no IES A Carballeira de Ourense poderá adscribirse con carácter definitivo no centro ou centros receptores das ensinanzas, nun número por especialidade igual ao que se publica como anexo II desta orde. Está adscrición terá efectividade do 1 de setembro de 2013.

Cuarto. Criterios de adscrición

A prioridade do persoal docente para adscribirse con carácter definitivo no centro receptor das ensinanzas ou para quedar suprimido ou desprazado por falta de horario virá determinada pola especialidade da praza da que é titular e, en segundo lugar, pola aplicación dos criterios establecidos no Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polo persoal funcionario docente que presta servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el. Para estes efectos terase en conta que un catedrático soamente terá prioridade cando no centro receptor de ensinanzas non haxa catedrático ou catedrática da especialidade.

Quinto. Opción do profesorado non adscrito

1. O persoal funcionario docente que non poida quedar adscrito definitivamente deberá optar por quedar suprimido ou con destino definitivo no centro ou nun dos centros receptores das ensinanzas. Neste último suposto, este persoal funcionario docente quedará desprazado por falta de horario e deberá participar obrigatoriamente, cando sexa o caso, na adxudicación provisional de destinos e nos concursos de traslados ata a obtención dun novo destino.

2. O persoal funcionario docente non poderá optar por quedar suprimido ou desprazado por falta de horario se quedan prazas da súa especialidade sen cubrir no centro receptor de ensinanzas.

Sexto. Solicitude

O persoal docente formulará a solicitude para adscribirse con destino definitivo no centro receptor das ensinanzas ou para pasar á situación de suprimido ou desprazado por falta de horario, nunha reunión convocada pola dirección do centro que se transforma en centro integrado de formación profesional e que terá lugar antes do 30 de xuño de 2013. A dirección do centro levantará acta da reunión, facendo constar a opción de cada unha das funcionarias e funcionarios docentes e remitiraa á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e unha copia á xefatura territorial correspondente.

Sétimo. Cese na dirección

A dirección dos institutos de educación secundaria que se transforman en centros integrados de formación profesional cesan con efectividade do 30 de xuño de 2013.

Oitavo. Traslados de material

As xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adoptarán as medidas oportunas en relación cos traslados de material que, se fose o caso, sexa necesario trasladar.

Noveno. Adscrición ao instituto de educación de secundaria O Milladoiro

1. O persoal docente do corpo de mestres con destino definitivo no curso académico 2013-2014 en prazas do primeiro e segundo curso da educación secundaria obrigatoria de institutos de educación secundaria da localidade de Santiago de Compostela poderán solicitar as prazas do instituto de educación secundaria O Milladoiro que se relacionan no anexo III.

2. O persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario con destino definitivo no curso académico 2013-2014 en institutos de educación secundaria da localidade de Santiago de Compostela poderán solicitar as prazas do instituto de educación secundaria O Milladoiro que se relacionan no anexo IV.

3. Terán prioridade na adxudicación das prazas o persoal docente con destino definitivo no instituto de educación secundaria Eduardo Pondal de Santiago e, en segundo lugar, polos criterios establecidos no punto cuarto desta orde.

4. A solicitude formularase á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos no modelo que se publica como anexo V.

Décimo. Publicación dos destinos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia os destinos do persoal docente que os obteña con carácter definitivo.

Décimo primeiro. Mantemento da antigüidade

O persoal funcionario docente que, como consecuencia do Decreto 49/2013, do 21 de marzo, polo que se crean e se transforman institutos de educación secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia e do establecido nesta orde, se adscriba con carácter definitivo no centro receptor de ensinanzas ou no instituto de educación secundaria do Milladoiro manterá, para todos os efectos de antigüidade no novo centro, a xerada no seu centro de orixe.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Centro

Especialidade

Prazas

IES Lucus Augusti

Pedagoxía terapéutica

1

IES Lucus Augusti

Ciencias sociais-Xeografía e historia

1

IES O Couto

Lingua castelá e literatura

1

IES O Couto

Matemáticas

1

IES O Couto

Lingua galega e literatura

1

ANEXO II

Centro

Especialidade

Prazas

IES Lucus Augusti

Filosofía

1

IES Lucus Augusti

Lingua castelá e literatura

2

IES Lucus Augusti

Matemáticas

1

IES Nosa Sra. Ollos Grandes

Lingua castelá e literatura

1

IES Nosa Sra. Ollos Grandes

Xeografía e historia

2

IES Nosa Sra. Ollos Grandes

Matemáticas

1

IES Nosa Sra. Ollos Grandes

Bioloxía e xeoloxía

2

IES Sanxillao

Bioloxía e xeoloxía

1

IES Sanxillao

Debuxo

1

IES Sanxillao

Tecnoloxía

1

IES O Couto

Xeografía e historia

1

IES O Couto

Francés

1

IES O Couto

Lingua galega e literatura

1

ANEXO III

Especialidade

Número de prazas

Matemáticas

1

Lingua castelá e literatura

1

Lingua galega

1

Lingua estranxeira: inglés

1

Ciencias sociais-Xeografía e historia

1

Pedagoxía terapéutica

1

ANEXO IV

Especialidade

Número de prazas

Matemáticas

2

Lingua castelá e literatura

2

Lingua galega e literatura

2

Inglés

2

Xeografía e historia

2

Bioloxía e xeoloxía

2

Física e química

1

Educación física

1

Francés

1

Debuxo

1

Tecnoloxía

1

Música

1

Orientación educativa

1

ANEXO V

Don/a................................................., con DNI..................................., funcionario/a de carreira do corpo de .............................con destino definitivo no Instituto ....................... de Santiago de Compostela,

SOLICITA a adscrición con carácter definitivo ao IES do Milladoiro

..., de ... de 2013